Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2023 Páx. 29605

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT809G).

BDNS (Identif.): 693755.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, para pastoreo e manexo do gando como medida preventiva dos danos que poida ocasionar o lobo, procedendo á súa convocatoria para os exercicios orzamentarios dos anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT809G).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT809G).

Cuarto. Contía

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun importe total de cento setenta e dous mil douscentos trinta e tres euros (172.233,00 €), coa seguinte distribución por anualidades:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

08.03.541.B.770.1

86.116,50 €

86.116,50 €

172.233,00 €

Subvencionarase:

1. O investimento para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) O pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria.

b) Poderanse acoller a estas axudas os contratos que se formalicen a partir da data de entrada en vigor desta orde, ata o 30 de xuño de 2024.

c) Será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

d) Ao comezar ou ao finalizar o contrato, de non alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de actividade de pastoreo e manexo do gando efectiva.

e) Deberanse indicar en todos os casos os terreos onde se van desenvolver as actividades de pastoreo para as cales se solicita a subvención.

2. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 18.000,00 euros de axuda, por persoa beneficiaria.

3. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500,00 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.

4. Subvencionarase o investimento na contratación de persoa coidadora do gando. O número de contratacións por solicitante será dunha persoa coidadora de gando.

5. Se por causa xustificada o importe final dos gastos fose menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

6. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda