Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2023 Páx. 29611

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 42/2023, do 27 de abril, polo que se declara ben de interese cultural a Casa Cornide, sita na cidade da Coruña.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

A LPCG no seu artigo 1.2 establece que «[...] O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo. Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar no que fosen creados».

O artigo 8.2 da LPCG establece que «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 10.1.a) da LPCG define monumento como «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

II

A Casa Cornide localízase na Cidade Vella da Coruña, que conta coa consideración de conxunto histórico declarado ben de interese cultural, e fronte a un dos seus monumentos máis representativos, a Colexiata de Santa María do Campo, arredor da cal se configura, nesta parte alta da cidade antiga, unha trama urbana que caracteriza un dos espazos máis recoñecibles do conxunto.

No lugar que ocupa actualmente a casa había unha edificación anterior onde residiron os membros principais da familia Folgueira-Cornide, na cal realmente naceu o 25 de abril de 1734 o ilustre polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira y Saavedra. Aínda que se descoñece a configuración deste inmoble primitivo, a súa posición de dominio urbano, coa súa fachada principal á rúa de Damas e as súas laterais cara ás rúas Vedoría e Porta de Aires, indica a importancia do edificio. Este enclave era vital para a Cidade Vella por ser centro residencial da clase alta urbana da Coruña, por servir de peche ao adro da Colexiata de Santa María, coa cal a casa mantén un estreito vínculo relixioso e social, e pola súa proximidade á Porta de Aires, un dos accesos máis frecuentados e moi próxima ao vello palacio dos marqueses de Montaos, onde se instalou a Vedoría do Exército.

Nesta privilexiada e cualificada localización urbana e logo dun investimento extraordinario levantouse a actual casa palacio de perfil curvilíneo en planta, único e excepcional entre as vivendas da Coruña, cun claro afán de notoriedade que servirá para destacar o rango señorial dos seus propietarios, reforzado polo escudo de armas da familia que remata a fachada principal.

A Casa Cornide é un edifico de estilo tardobarroco de inspiración francesa, sen apenas precedentes en Galicia, que pola súa calidade de deseño e construtiva e a súa singularidade constitúe un exemplo único que reflicte, ademais dos seus valores arquitectónicos, outros relacionados coa historia da cidade e os feitos das persoas que a habitaron.

O edificio está construído coas súas tres fachadas abertas a outras tantas rúas importantes (Vedoría, Damas e Porta de Aires) e configura o fondo do adro e portada da Colexiata de Santa María. A súa composición e formalización recollen este carácter envolvente resolto nos seus encontros coas rúas sen formas angulosas, con peches curvos que non tiñan precedentes na arquitectura tradicional galega e son o resultado dun proxecto arquitectónico de influencias cultas e cosmopolitas en que conflúen os estilos artísticos característicos do século XVIII, procedentes dos traballos en Galicia desenvolvidos polos enxeñeiros militares, responsables dos sobranceiros exemplos construídos da Ilustración en Galicia e que incorporaron, por razón do encargo e uso do edificio, elementos decorativos e formais propios do ornamento rococó.

III

A Casa Cornide posúe un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que segundo o artigo 8.2 da LPCG resulta pertinente proceder a súa declaración como ben de interese cultural, coa categoría de monumento.

O artigo 87 da LPCG establece que integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela.

Así mesmo, indica que o patrimonio arquitectónico aparece integrado de forma harmónica no territorio, formando parte das cidades, dos núcleos urbanos e rurais tradicionais e dos seus contornos naturais ou construídos, así como nos ámbitos territoriais que contribuíu a transformar e caracterizar.

No artigo 88 da LPCG indícase que se presume que concorre un valor arquitectónico significativo, entre outros, nos edificios destinados ao uso privado, de carácter urbano, construídos con anterioridade a 1803, que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades.

O artigo 83 da LPCG indica que os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural.

A casa dos Cornide, símbolo do poder señorial, reúne valores históricos e arquitectónicos e sobresae pola súa singularidade ao fusionar certo carácter militar definido pola robustez do seu aspecto pétreo, os seus elementos barrocos propios do facer autóctono e o seu carácter cosmopolita propio da arquitectura da primeira Ilustración.

As súas formas francesas e próximas á estética rococó non teñen paralelo con ningunha outra construción barroca do seu tipo na escena urbana galega, caracterizada polo emprego de estilos máis vernáculos que se limitaban a manifestar o seu carácter nobiliario coa presenza dun escudo armeiro na súa fachada principal, polo volume inxente da súa fábrica ou pola simple ordenación dos seus vans que moitas veces converteron os grandes balcóns de voo nunha exhibición de poder. Son moi poucos os edificios galegos que poden identificarse cun estilo de raizame rococó dunha maneira tan evidente coa presenza de ricas varandas de ferro forxado moi decoradas «ao francés», de repisas curvilíneas nos seus balcóns, do ritmo curvo nos vans e das formas asimétricas e de rocalla, que adornan o escudo señorial que preside a fachada. Mesmo os seus peches en esquina curvos son excepcionais no seu tempo.

A Casa Cornide tamén é unha edificación de gran valor cultural polo seu carácter residencial dunha das máis destacadas personalidades do Século das Luces en Galicia, o ilustre polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira y Saavedra, que acadou unha especial notoriedade no panorama español de Ilustración e cuxo legado tamén conforma un ben sobranceiro do patrimonio cultural de Galicia.

IV

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia número 95, do 24 de maio de 2021, a Resolución do 14 de maio de 2021 pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a Casa Cornide, na Coruña.

Solicitouse, conforme o establecido no artigo 18.2 da LPCG, o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 do citado precepto legal: o Consello da Cultura Galega, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega de Belas Artes. Todos eles se mostraron favorables ao recoñecemento do valor cultural sobranceiro da Casa Cornide.

No período de exposición pública da proposta de incoación presentouse unha alegación que, despois do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral, non foi estimada xa que a documentación técnica e os informes dos órganos consultivos xustifican o carácter sobranceiro do ben e a pertinencia de proceder á súa declaración como ben de interese cultural.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural a Casa Cornide, sita na cidade da Coruña, conforme o descrito no anexo I deste decreto e segundo a delimitación proposta no anexo II.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlla ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado para a súa correspondente anotación.

Terceiro. Aplicar o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular.

Cuarto. Ordenar a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da LPCG, esta declaración de ben de interese cultural obriga os concellos en que se localiza a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Sexto. Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello da Coruña.

Sétimo. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpor potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Casa Cornide.

2. Localización:

Enderezo: rúa de Damas, 25, A Coruña.

Referencia catastral: 9324603NJ4092S.

Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): 549159, 4802174.

3. Descrición do ben.

3.1. Descrición histórico-artística.

No lugar que ocupa actualmente a Casa Cornide había unha edificación anterior en que residiron os membros principais da familia Folgueira-Cornide e na cal realmente naceu o 25 de abril de 1734 o ilustre polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira y Saavedra. Aínda que se descoñece a configuración deste inmoble primitivo, a súa posición de dominio urbano, coa súa fachada principal á rúa de Damas e as súas laterais cara ás rúas Vedoría e Porta de Aires, indica a importancia do edificio. Este enclave era vital para a cidade vella por ser centro residencial da clase alta urbana da Coruña, por servir de peche ao adro da Colexiata de Santa María, coa cal a casa mantén un vínculo relixioso e social, e pola súa proximidade á Porta de Aires, un dos accesos máis frecuentados e moi próxima ao vello palacio dos marqueses de Montaos, onde se instalou a Vedoría do Exército.

Diego Cornide y Saavedra, pai do coñecido ilustrado, foi un ilustre avogado e home público de gran prestixio que casou, en 1731, con Francisca Bernarda Jerónima Folgueira, muller de alta posición social e propietaria da vivenda primitiva que ocupaba o soar.

Logo de finar Francisca e cara ao 1766, Don Diego, consciente da magnífica localización urbana da súa vivenda familiar e logo dun investimento extraordinaria, levanta a actual casa palacio dos Cornide na rúa de Damas, proxectada cun perfil curvilíneo en planta, único e excepcional entre as vivendas da Coruña, coa fachada principal rematada co escudo de armas da familia, testemuña dun claro afán de notoriedade que destaque o seu rango señorial.

A Casa Cornide é un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, sen apenas precedentes en Galicia, que precisaba para a súa construción dun prestixioso arquitecto e con boa formación, capaz de materializar un edificio único entre os outros edificios residenciais existentes na cidade.

Todas as investigacións apuntan a que o autor do proxecto debeu ser un enxeñeiro militar dos que traballaron na Coruña nas décadas centrais do século XVIII, formando modelos de arquitectura gala, coñecedor dos seus tratados de arquitectura e, posiblemente, de orixe francesa. Aínda que é certo que estes enxeñeiros tiñan uns compromisos profesionais coa Coroa que lles impedían levar obras de particulares, era necesario un construtor experto, un mestre de obras que dese forma real a este proxecto sofisticado de complexas formas rococó coas esquinas curvas nos muros, as formas sinuosas da cornixa, os vans de formas segmentadas e gardapós curvilíneos e as repisas ondulantes de pedra que sosteñen os corpos voados dos balcóns.

Ademais, había que realizar os traballos escultóricos do escudo de armas que coroa a fachada e os ferros artísticos que adornan e protexen os vans.

José Cornide foi o gran protagonista histórico da casa, na cal residiría en varios períodos, como herdeiro da propiedade, que puido dedicar o seu tempo con fortuna a un inxente e prolífico labor investigador ata a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia. Nesta Casa Cornide acumularía gran parte da súa biblioteca e desenvolvería parte das súas investigacións, cargos públicos e académicos.

Despois da súa morte, a casa foi habitada pola súa filla para, a seguir, pasar a sucesivas herdanzas e posuidores ata que en 1949 a súa derradeira propietaria, Carmen Vázquez Pardo, lla vende ao Ministerio de Educación Nacional. Porén, antes foi local social do Centro Jaimista en 1910 e a partir de 1927 Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino, tempo en que se empregou como local recreativo e cine e en que a casa era coñecida como «Los Tomasinos».

A intención do Ministerio era a transformación nun conservatorio de música e declamación, para o cal o Concello da Coruña adquirira o soar anexo e construíra as edificacións de planta baixa e mellorara o empedrado da contorna.

En 1960 a casa foi permutada polo Ministerio de Facenda ao Concello da Coruña, renunciando á rehabilitación da casa para conservatorio e escollendo outro soar municipal na Cidade Escolar.

Pola súa banda, o Concello en 1962 decide allear a Casa e adxudicala a Pedro Barrié de la Maza, que pouco despois lla vendería a Carmen Polo, esposa de Francisco Franco. Despois desta adquisición foi rehabilitada para recuperar a súa funcionalidade residencial e empregada especialmente entre 1975 e 1988.

3.2. Descrición formal.

A Casa Cornide está constituída por un único edificio, conformado pola edificación orixinal construída na década de 1760 e polo engadido (número 7 da rúa Vedoría) coa reforma e ampliación executada na década de 1960.

O edificio ocupa a totalidade dun soar de 19,20 m de longo e 14.5, m de largo (no punto medio dos lados), 277 m2 de superficie, forma trapezoidal con dúas esquinas arredondadas, con fronte a tres rúas, que linda co número 12 da rúa Porta de Aires e co número 5 da rúa Vedoría e que, xunto con outros dous edificios, conforman o quinteiro que pecha a rúa Amargura.

O volume da Casa Cornide caracterízase polo encontro arredondado que se produce nas esquinas onde conflúen as rúas Vedoría e Porta de Aires co adro da Colexiata. Dos planos verticais que conforman as fachadas unicamente sobresaen os balcóns da planta primeira, na parte central da fachada que dá á rúa de Damas e na fachada á rúa Vedoría. A liña de cornixa continua (rota por un pequeno frontón curvo onde se localiza o escudo familiar) recolle os planos da cuberta a tres augas, resolta con tella cerámica curva e cunha curta cumieira que remata no centro da medianeira.

As reformas da década de 1960 deron lugar a unha bufarda –que sobresae dos beirís da cuberta– orientada á rúa Porta de Aires e a unha terraza –baixo os planos da cuberta– que ocupa a parte frontal do anterior número 7 da rúa Vedoría. No alto da vertente que dá á rúa Porta de Aires hai unha cubrición de material translúcido que semella iluminar un patio interior, e tamén atopamos dúas chemineas, unha na coroación da cuberta e outra na parte da medianeira que dá á rúa Porta de Aires.

As rúas a que dá fronte ao edificio teñen un certo desnivel, o que fai que a edificación amose ao exterior unha planta baixa, dúas altas e unha baixo cuberta na fronte máis elevada.

As fachadas están construídas con muros de aproximadamente 90 cm de espesor. A fábrica dos muros das rúas Vedoría, Damas e parte da Porta de Aires está constituída por cachotaría de granito, de tonalidade morena e cunha altura regular duns 40 cm. Este material tamén é o empregado nos singulares encontros arredondados, nos balcóns e nos elementos decorativos. Porén, na parte da fachada da rúa Porta de Aires máis próxima ao edificio estremeiro atopamos un muro que semella ser de cachotaría de pedra, xa que está recebado e pintado de cor branca, e no cal os elementos singulares (cornixa, perímetros dos ocos e impostas) son da mesma pedra vista descrita anteriormente.

• Fachada principal da rúa de Damas.

Cinco eixes de vans superpostos dan forma aos seus 20,80 metros de lonxitude, todos de arco segmentado ou escarzano en conexión cos utilizados polos enxeñeiros militares, aínda que de distinta amplitude segundo a planta en que se atopen segundo a importancia de cada piso.

O remate da fachada realízase cunha cornixa curvilínea flanqueada por gárgolas decorativas nos extremos, que se eleva no centro para formar unha especie de pequeno frontón curvo e roto onde se instala o escudo de armas dos Cornide con helmo con penacho de remate, que tamén serve para coroar o eixe vertical central, formado pola porta «barroca» de acceso no baixo, un amplo balcón de voo que aglutina os tres ocos principais do primeiro andar e un balcón alto e sen voo que leva na clave unha especie de ménsula que serve de asento ao escudo familiar no piso alto.

Na intervención realizada no 1962 substituíronse as carpintarías, trasladouse a placa conmemorativa do nacemento de Cornide a un lateral e restituíuse o seu escudo, que estaba colocado no espazo recibidor da casa.

• Fachada lateral cara á rúa Vedoría.

A parcela orixinal nesta cara do edificio era de pouco fondo (7,90 metros de lonxitude) e estaba encostada a dúas casas pequenas que foron derrubadas no 1791. Esta fachada, tamén de cantaría e coa súa esquina curvada, ten unha forte presenza urbana na vista desde a vella praza da Fariña.

Para engadir o soar contiguo de 7,70 metros de lonxitude no ano 1962 derrubouse a casa de planta baixa existente. Deste xeito substituiríase o seu aspecto por unha nova arquitectura que concordase coa nobreza do inmoble e regularizaríase a súa altura. Concíbese cun corpo de catro pisos, con peche de boa cantaría definido por dúas pilastras dóricas monumentais, cun gran portalón alintelado de moldura clásica e cunha sucesión de pequenos vans que emulan as formas dos arcos e os gardapós históricos.

Segundo apuntan os investigadores, gran parte deste sector lateral engadido fíxose con elementos pétreos provenientes do antigo Hospital de Caridade, derrubado en 1958.

A fachada desenvolve un xogo superposto de vans moi parecidos aos da fachada principal: unha porta, convertida hoxe en xanela que repite o modelo da bufarda que tamén se abriu no piso alto, un balcón de voo con repisa de formas curvilíneas no piso nobre e outro sometido no muro na planta alta, ao cal se engadía no extremo occidental do muro outra bufarda que se abre no alto da primeira.

• Fachada lateral á rúa Porta de Aires.

Acomódase a forma do soar en L deitada, polo que ten maior lonxitude –13,60 metros– que a fachada á rúa Vedoría, pero desenvolve un plan distinto ao da fachada sur, con outros materiais de construción e con outra disposición de vans para as xanelas.

En orixe o proxecto da casa debeu prever que as zonas da casa máis en relación cos encontros entre a fachada principal e as laterais fosen case simétricas ou, polo menos, presididas por dous balcóns de gran voo das mesmas características no piso nobre, pero actualmente o lenzo que segue da fachada norte é de cachotaría recebada con apertura de ocos, todos eles con arco escarzano, pero sen eixes de simetría.

No baixo, tres xanelas grandes sobre outras tantas bufardas con que están aliñadas, na planta principal unha bufarda con gardapó (aberto despois de 1962-63), tres grandes vans con gardapós orixinalmente das mesmas características que os da fachada principal, pero acurtados posteriormente, e na planta alta dúas xanelas de menor tamaño.

• Ao respecto da cuberta, pódese observar que os muros que dan á terraza e os que pechan exteriormente a bufarda da cuberta están recebados e pintados de cor branca. Os ocos abertos nestes elementos na cuberta teñen unhas características alleas ás do resto do edificio, cunhas proporcións e dimensións distintas.

• O canlón está actualmente recuado uns 70 cm respecto da liña exterior da cornixa do edificio en todo o seu perímetro. Esta solución concorda coa presenza das dúas gárgolas orixinais existentes nas esquinas arrredondadas do edificio; no entanto, pode observarse nas fotografías anteriores á intervención da década de 1960 que o edificio tivo un canlón perimetral e baixantes vistas nesas esquinas.

3.3. Partes integrantes e bens mobles.

• Elementos singulares no exterior.

– Reixaría: os ferros tamén recollen a influencia de modelos galos e completan o significado estético da fachada coa súa presencia en todos os ocos, reforzando así a importancia da casa. Segundo a relevancia do lugar que ocupen, presentan deseños diferentes: comúns de sinxela forma de reixa nas bufardas baixas para impedir o acceso desde a rúa; sinxelos, pero de certa complexidade, nos balcóns do piso alto, cos seus finos balaústres torneados e máis sofisticados nos peches que cobren os ocos da planta baixa. Sen dúbida, os ferros máis espectaculares son os que compoñen as grandes varandas dispostas nos balcóns de voo, que semellan elementos de tipo vexetal e adquiren orixinais perfís.

– Carpintaría: as carpintarías son outro dos elementos que tamén merecen alusión, aínda que en orixe tiñan unha disposición diferente ás actuais, resultado da reforma realizada na casa a partir de 1962.

– Xanelas: as xanelas primitivas dispoñían de bastidores de cuarteirón pensados para enmarcar cristais pequenos e de formato cadrado algo distintos dos actuais, pero todos os balcóns da planta principal e superior tiñan un sistema de apertura de follas que se abatían cara a fóra, segundo os usos da arquitectura galega.

– Porta de entrada: a porta da entrada principal non responde aos modelos refinados da fachada e semella máis ao estilo dos mestres de obras, con molduras pétreas rectilíneas e dúas follas moi robustas, decoradas de forma idéntica, con potentes paneis centrais de formato oval en que se dispoñen dous picaportes grandes de ferro en forma de argola.

– Escudo: o escudo señorial que coroa a fachada da casa está orlado con roscas, volutas, vieiras e elementos vexetais ricamente amalgamados e separa os cuarteis cunha moldura en forma de cruz. Presenta as armas dos Cornide na seguinte disposición: 1º armas dos Cornide ou dos Santiso (cruz latina con dúas cabezas sobre dúas estrelas baixo os seus brazos); 2º a torre dos Pardiñas ou Rioboo, dunha de cuxas xanelas sae un brazo co estandarte dos Villardefrancos; 3º as armas posiblemente dos Luaces e 4º as dos Bermúdez de Castro (seis roeis orlados).

– Placa: a placa conmemorativa do nacemento na casa de José Cornide Folgueira y Saavedra, colocada en 1892 no baixo da fachada principal, lugar principal, visible e destacado do edificio, moveuse na reforma do inmoble en 1962 á fachada lateral norte mirando á rúa Porta de Aires, para ocupar un lugar secundario.

Organización interna e partes consubstanciais ao inmoble no seu interior:

A. Planta baixa.

Sen dubida, o espazo de entrada conserva ese gran porte que outrora debeu ter, dominado pola escaleira monumental asimétrica, con tiro de arranque curto, bifurcada no primeiro relanzo, que é cadrado. O tramo que sobe cara á dereita remata no van de acceso á escaleira principal do inmoble que comunica todas as plantas en cuxo oco se instalou, nunha fase posterior, un pequeno ascensor. O tramo da esquerda leva a unha especie de entreplanta, que estaría situada sobre a estancia abovedada que queda á man esquerda da entrada.

Tanto a escaleira asimétrica do vestíbulo como a principal que arranca do seu tramo dereito son pétreas e responden ao mesmo esquema compositivo nas súas balaustradas, compostas por elementos aproveitados aparentemente dalgunha construción antiga e outros máis novos feitos á súa imaxe e semellanza, e resultan máis esveltos os de maior antigüidade.

No campo das artes suntuarias, ademais dos puntos de luz vestidos con apliques tipo castelán fixados á parede do espazo do portal e as súas portas, poden enumerarse os tres elementos que alí se encontran na actualidade:

• Unha escultura pétrea coa representación de Santiago como apóstolo e peregrino de factura contemporánea, situada no espazo en que se bifurca a escaleira, xusto diante da porta de ingreso.

• Unha placa pétrea cunha representación mariana habitual dunha Virgo inter Virgines. O relevo representa a Virxe María entronizada co Neno, custodiada por Catalina de Alexandría, á súa esquerda, e Santa Bárbara, no seu lado dereito. As esculturas son inexpresivas, con marcada frontalidade e de factura basta e contemporánea.

• Un artesoado de madeira exento e fixo no teito que non semella proceder da construción histórica. Está composto a base de artesóns hexagonais de madeira vista en que se insiren floróns de distinto aspecto.

Ningún destes tres elementos parece conformar, nin polas súas características, nin pola súa posición nin pola súa instalación, parte integrante orixinal do inmoble, nin se pode establecer ningún vínculo co ben cultural.

Por último, na fachada norte do baixo que mira a rúa Porta de Aires, hai unhas estancias que se deberon facer nalgunha das intervencións recentes da casa e que semellan dependencias de servizo. Ademais, contan cunha escaleira de dous tiros, de carácter moito máis modesto e sinxelo ca a principal. A dita escaleira discorre ao carón do muro que serve para separar estas dependencias da escaleira pétrea.

No lado oposto, cara á rúa da Vedoría, un espazo abovedado serve de antesala para o que se incorpora do edifico anexo e que hoxe en día ten uso de garaxe.

No arranque da escaleira principal, cuxo oco está ocupado polo ascensor que comunica todas as plantas, agás a baixo cuberta, a que se accede por unha nova escaleira tamén de formigón desde os espazos de servizo da segunda planta, atopamos dous capiteis embutidos en cadanseu lenzo de parede. Están dispostos a modo de ménsulas enfrontadas a una altura por riba do metro desde o chan. Aínda que semellan propios da arquitectura relixiosa e non se pode determinar que pertencesen ao inmoble que se levantou como vivenda familiar de José Cornide, a súa forma de fixarse á parede recomenda a súa consideración como parte integrante do inmoble.

B. Primeiro andar.

Hoxe en día esta planta parece destinada a vivenda principal, con tres estancias paralelas á fachada principal compartimentadas entre si por unhas monumentais portas corredizas que, cando están ocultas, comunican as tres estancias por uns arcos mixtilíneos de varios centros, con grandes molduras de madeira vista cara ás estancias menores dos extremos e de cantaría cara ao salón principal.

No descanso da escaleira no primeiro andar, un corredor construído recentemente dá acceso á zona privada de dormitorios, pero chaman poderosamente a atención uns arcos tudor, pétreos con moldura de perlados, idénticos no decorativo pero de anchura distinta. O máis estreito é o que leva á cociña desta planta e o máis ancho o que conduce ao salón.

Todos estes arcos, aínda que semellan neohistoricistas pola súa factura e polo estado da pedra moi puída e sen erosión, en día de hoxe son partes consubstanciais e contribúen a completar o significado cultural da intrahistoria do inmoble. Así tamén se debe considerar a cheminea de mármore vermello con veta branca disposta no centro da única parede que nos ten ocos abertos. Non semella ser funcional polo lugar que ocupa, acaroada a un tabique sinxelo sen profundidade que a separa do corredor; tampouco se observan condutos verticais.

C. Segundo andar.

De novo na planta segunda uns tabiques lixeiros dividen en estancias de similares características as do andar primeiro, configurando o que podería ser unha vivenda con catro dormitorios cos seus baños, unha cociña coa súa despensa e dúas salas amplas que se destinan a salón e comedor. Ben que reproduce o concepto da planta principal, non chega a ter a prestancia daquela.

As portas de acceso ao seu salón e comedor desde o descanso da escaleira están enmarcadas con molduras de madeira que presentan uns corpos saíntes a media altura e nas súas escuadras, de forma arestada e decoración xeométrica.

Tamén o salón presenta unha cheminea, neste caso con tiro, no lado oposto en que se sitúa a do andar inferior, por tanto, acaroada neste caso á fachada, e que si podería resultar funcional, ben que non ten sinais de uso recente. A factura e a calidade do material empregado resultan de menor calidade que a outra, pero semella prudente considerala parte integrante do inmoble, como no caso anterior.

D. Baixo cuberta.

Non presenta ningún interese desde o punto de vista cultural. Ten a compartimentación típica dos faiados con tabiques lixeiros, cuxa distribución actual apunta a un uso como dependencias de servizo. Dá acceso a dúas terrazas, unha aberta cara á rúa da Vedoría e unha cuberta cara á rúa Porta de Aires, que serve ao tempo de iluminación cenital da escaleira principal.

• Bens mobles.

O devir histórico da Casa Cornide e os seus diferentes posuidores e usos propiciaron a probable desaparición de pertenzas que estiveron relacionadas cos seus moradores orixinarios, a familia Cornide.

As sucesivas transmisións e a implantación de usos culturais e de acceso público producirían a súa continua transformación ata a adquisición pública ao remate da primeira metade do século XX. Logo do proceso de alleamento da titularidade pública do Concello da Coruña, adáptase de novo para o uso de residencia.

Actualmente, non se conserva ningún ben moble que se poida vincular co inmoble obxecto desta declaración de ben de interese cultural.

4. Estado de conservación.

Durante os case 250 anos da súa historia a casa perdeu o seu uso orixinal como mansión señorial, e pasou a herdeiros sucesivos e foi empregada para actividades culturais e recreativas ata a compra polo Estado, que, finalmente, a permuta ao Concello da Coruña, que en 1960 allea o inmoble e se rehabilita para recuperar a súa función residencial. Todos os cambios sufridos ao longo da súa dilatada historia non desvirtuaron a súa autenticidade nin impiden apreciar as súas características relevantes ou atributos que evidencian a súa integridade.

Na actualidade o estado xeral de conservación da envolvente exterior do edificio é bo, con pequenas alteracións en puntos concretos e relacionados con patoloxías puntuais que constan profusamente recollidas na documentación elaborada polo Concello da Coruña, que así mesmo inclúe recomendacións para a súa conservación, análise e documentación gráfica e planimétrica sobre o monumento que, como parte do expediente para a súa declaración, deben ser tomadas en consideración para as determinacións sobre as actuacións autorizables no inmoble.

5. Valoración cultural.

Segundo o establecido no artigo 87 da dita LPCG, integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica a que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e que sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela.

O dito artigo tamén indica que o patrimonio arquitectónico se caracteriza polas técnicas construtivas, os volumes, os espazos e os usos, as linguaxes formais e a expresividade das estruturas, e as cores e as texturas dos materiais.

Así mesmo, indica que o patrimonio arquitectónico aparece integrado de forma harmónica no territorio, formando parte das cidades, dos núcleos urbanos e rurais tradicionais e dos seus contornos naturais ou construídos, así como nos ámbitos territoriais que contribuíu a transformar e caracterizar.

No artigo 88 da LPCG indícase que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos edificios destinados ao uso privado, de carácter urbano, construídos con anterioridade a 1803, que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades.

O artigo 83 da LPCG indica que os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural.

A casa dos Cornide, símbolo do poder señorial, reúne valores históricos e arquitectónicos e sobresae pola súa singularidade ao fusionar certo carácter militar definido pola robustez do seu aspecto pétreo, os seus elementos barrocos característicos do facer autóctono e o seu carácter cosmopolita propio da arquitectura da primeira Ilustración.

As súas formas francesas e próximas á estética rococó non teñen paralelo con ningunha outra construción barroca do seu tipo na escena urbana galega, caracterizada polo emprego de estilos máis vernáculos que se limitaban a manifestar o seu carácter nobiliario coa presenza dun escudo armeiro na súa fachada principal, polo volume inxente da súa fábrica ou pola simple ordenación dos seus vans, que moitas veces converteron os grandes balcóns de voo nunha exhibición de poder. Son moi poucos os edificios galegos que poden identificarse cun estilo de raizame rococó dunha maneira tan evidente coa presenza de ricas varandas de ferro forxado moi decoradas «ao francés», de repisas curvilíneas nos seus balcóns, do ritmo curvo nos vans e das formas asimétricas e de rocalla, que adornan o escudo señorial que preside a fachada. Mesmo os seus peches en esquina curvos son excepcionais no seu tempo.

A significación monumental da Casa Cornide increméntase ao apreciar a súa excepcionalidade artística no contexto arquitectónico coruñés, ou mesmo no galego. A dita edificación érguese nun lugar privilexiado dentro do contexto urbano da Cidade Vella da Coruña, preferente e de gran significación ao presidir, coa igrexa de Santa María do Campo, o adro da Colexiata. Ao mesmo tempo, esta posición predominante e de poder acentuábase pola súa proximidade a outros edificios de carácter representativo: o vello edificio das Casas Consistoriais, o Palacio da Audiencia, a praza do convento das Bárbaras, a igrexa conventual de Santo Domingo e o antigo palacio dos marqueses de Montaos.

A Casa Cornide tamén é unha edificación de gran valor polo seu carácter residencial dunha das nosas máis destacadas personalidades do Século das Luces, o ilustre polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira y Saavedra, que acadou unha especial notoriedade no panorama nacional da Ilustración e cuxo legado tamén conforma un ben sobranceiro do patrimonio cultural de Galicia.

6. Usos.

Na orixe a Casa Cornide foi concibida como mansión señorial e representativa. Ao longo dos seus máis de dous séculos e medio de historia, a edificación foi obxecto de diferentes usos, entre os cales destacan usos públicos e culturais, aínda que no último medio século a casa retomou a función residencial.

Nos informes e ditames dos órganos consultivos destácase a incorporación aos diferentes usos públicos, en especial o uso como centro cultural e cine durante a primeira metade do século XX, como relevantes para a consideración e apreciación das comunidades locais da súa importancia e interese.

Por tanto, estes usos estímanse característicos e compatibles co monumento, aínda que en ningún caso debería o seu uso condicionar o mantemento das súas condicións de integridade. Calquera uso dos propios do monumento deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos do edificio e adaptarse ás súas características e ás condicións de uso co gallo de preservar a súa integridade física e a súa mensaxe cultural.

7. Réxime de protección.

A declaración de ben de interese cultural do ben determina a aplicación do réxime de protección previsto na LPCG. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos.

A Casa Cornide é un edificio excepcional de valor arquitectónico e extraordinaria significación cultural, polo que o réxime de protección que resulta axeitado é o de protección integral. Resulta evidente que algunhas partes integrantes do conxunto manteñen o seu valor cultural: os propios muros configuradores das fachadas e interior cos seus ocos e balconadas, o portón e o espazo de portal de acceso coas escaleiras principais e os seus chanzos e balaústres, os elementos de carpintaría dos salóns principais da planta primeira e segunda e algúns elementos singulares como as chemineas, os arcos mixtilíneos e o conxunto de carpintarías interior e exterior orixinal do edificio.

De forma resumida, o réxime de protección definido implica os seguintes aspectos:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada dirección xeral.

De ser o caso, os futuros proxectos de rehabilitación do inmoble deberán afondar no coñecemento e documentación das partes sobre as cales se actúe, en especial as características estruturais e a configuración espacial, co obxecto de poder establecer un xuízo crítico sobre o seu interese cultural.

Porén, tamén semella evidente que a distribución existente responde a unha transformación intensa da que resulta un modelo típico de vivenda burguesa da segunda metade do século XX en que, por outra banda, non teñen un especial interese pola súa tipoloxía materiais ou sistemas construtivos. En calquera caso, esta distribución responde a unha fase máis do uso dun edificio en que, ademais do seu interese arquitectónico, poden confluír outros valores de tipo histórico, e en que o modelo de vivenda dos últimos 50 anos tamén é unha fase de interese que deberá ser, por tanto, valorada cun xuízo crítico no caso de que futuros proxectos de rehabilitación poidan implicar a súa modificación.

Se a recuperación do edificio o xustifica, poderían permitirse obras de modernización de tabicaría e cerramentos interiores, sempre que non afecten a distribución xeral nin a estrutura resistente, nin desvirtúen a tipoloxía orixinal do edificio ou os valores que xustificaron a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. O deber de permitir o acceso non se estenderá aos espazos que constitúan domicilio particular ou en que poida resultar afectado o dereito á intimidade persoal e familiar. En todo caso, a consellería competente en materia de patrimonio cultural poderá establecer, despois de lles dar audiencia ás persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais afectados, un espazo mínimo susceptible de visita pública.

• Transmisións: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozo dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

A proposta de delimitación do ben e do seu contorno de protección, que determinan a aplicación dos réximes de protección derivados da súa consideración como ben de interese cultural, procura a maior integración coas determinacións vixentes do Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e A Peixaría, aprobado definitivamente o 14 de decembro de 1998, que identifica o inmoble situado na rúa de Damas, nº 25, coa ficha nº 220 da unidade edificatoria 932460, xa que se consideran axeitadas para a súa protección.

1. Delimitación do ben.

O ben delimitado coincide co perímetro da planta da Casa Cornide, incluíndo o volume engadido na reforma e ampliación da década de 1960 (antigo número 7 da rúa Vedoría), por considerarse que forma unha parte inseparable do inmoble. O ben ten unha ocupación de 277 m2 de superficie.

2. Contorno de protección.

Considérase precisa a introdución dun contorno de protección específico, alén de que o contexto xeral de pertenza ao conxunto histórico xa garanta unhas condicións de integración e de protección axeitadas para delimitar o espazo e o ámbito máis inmediatos en que as relacións de proximidade e visibilidade concretas co monumento introducen aspectos novos que deben ser tomados en consideración nas propostas de intervención e usos no ámbito, en especial no espazo público, e que así mesmo serían de aplicación en caso de non rexer ou derrogarse o vixente plan especial. O contorno de protección proposto inclúe a Colexiata de Santa María do Campo e o cruceiro do seu adro, ambos bens considerados de interese cultural, e sería común para os tres inmobles. A superficie deste contorno é de 9.205 m2.

missing image file