Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2023 Páx. 30416

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 25 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria dos premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica para o alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2021/22 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

O 9 de novembro de 2017, o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou o Plan de excelencia do Sistema universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que permitía dar un novo salto de calidade ás universidades galegas e seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.

Sendo conscientes de que a mellora continua da calidade do Sistema universitario galego pasaba tamén por recoñecer a actitude de compromiso e esforzo do alumnado por mellorar o seu currículo, o Plan recollía, entre outras actuacións, os premios de excelencia académica para o alumnado de grao que obtivese as mellores cualificacións en cada curso da traxectoria académica.

Así, desde o ano 2019 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca anualmente os premios á excelencia académica de grao.

Queremos vincular o espírito destes premios á figura de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora que puxo os seus coñecementos ao servizo desinteresado da súa contorna.

Os premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica son unha homenaxe a todo o alumnado que, a través do seu compromiso co estudo, acada a excelencia no aproveitamento académico.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica para o alumnado de grao do curso académico 2021/22 no Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Os premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2021/22 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao, agás no derradeiro curso, e en cada un dos centros en que se impartan.

Para o alumnado dos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos ditos programas

No suposto de que o/a alumno/a estea matriculado/a en materias de varios cursos, segundo o programa de estudos, entenderase, para os efectos desta orde, que o curso polo que opta ao premio será aquel en que estea matriculado/a de máis créditos. Se número de créditos é o mesmo, interpretarase que opta ao premio polo curso superior.

Artigo 3. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, cunha contía global de 591.800 euros, sen prexuízo de que poida ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

No ámbito de aplicación desta convocatoria están incluídos:

1. Os graos oficiais impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Os programas de simultaneidade de graos impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 5. Requisitos para obter os premios

Para poder ser premiado o alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

1. Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.

2. Ter no curso académico 2021/22 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.

3. Ter superado no curso académico 2021/22, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

4. Estar matriculado da mesma titulación no curso 2022/23.

5. A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

6. No cálculo da nota media só se terán en conta os créditos matriculados no curso académico 2021/22. Para ese cálculo non computarán as cualificacións obtidas por créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

7. Así mesmo, computarán para o cálculo da nota media as materias recoñecidas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento a efectos plenos.

8. En caso de empate na nota media entre varias persoas, procederase ao desempate atendendo, en primeiro lugar, ao maior número de matrículas de honra; en segundo lugar, ao maior número de sobresalientes e, por último, ao maior número de notables, obtidos no curso académico 2021/22.

Artigo 6. Dotación do premio

1. Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.100 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

2. No caso de existir remanente de crédito, as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 puntos recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando polos expedientes con maior nota media.

Artigo 7. Procedemento para a determinación dos premios

1. Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. O órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia deberá:

a) Publicar na páxina web da universidade a relación provisional do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos nesta convocatoria.

b) As persoas interesadas disporán dun prazo de 5 días desde a súa publicación para efectuar as súas reclamacións ante o órgano que publica en cada unha das universidades.

c) A universidade correspondente, unha vez resoltas as reclamacións formuladas, publicará na súa páxina web a relación definitiva do alumnado proposto para o premio.

Nesa publicación informarase que a dita relación será remitida á Secretaría Xeral de Universidades para que, xunto coas listaxes definitivas das outras universidades, sexa publicada na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal

Así mesmo, indicarase que, desde a publicación da listaxe definitiva das tres universidades na web da dita consellería, o alumnado proposto terá que manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades, no prazo de 10 días, utilizando para iso o anexo II desta orde. Advírtese de que, de non a presentar nese prazo, se entenderá que renuncia ao premio.

d) A proposta de cada universidade remitirase á Secretaría Xeral de Universidades mediante a certificación incluída como anexo I desta orde, na cal constan os datos correspondentes ás persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, así como dos programas de simultaneidade de grao.

e) A proposta presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para remitila será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A Secretaría Xeral de Universidades, unha vez recibidas as propostas das universidades do Sistema universitario de Galicia, publicará na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal unha única listaxe co alumnado proposto.

As persoas propostas para o premio deberán manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de 10 días, segundo o indicado no punto 2.c) deste artigo.

A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Proposta de resolución

Unha vez analizada a documentación remitida polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades elevará un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución de concesión dos premios incluirá a listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a súa contía.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pola que se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas premiadas. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a alumno/a no anexo II da orde, da que deberá ser titular.

Artigo 11. Compatibilidade e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As persoas beneficiarias deberán devolver o premio no caso de que se probe que foi outorgado indebidamente.

Artigo 12. Réxime xurídico

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e nas disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades

ANEXO I

…, ... da Universidade de …

CERTIFICO:

Que o alumnado que se relaciona a continuación cumpre os requisitos exixidos no artigo 5 da orde de convocatoria, polo que se propón para ser beneficiario dos premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica nas titulacións e cursos indicados.

Titulación

Campus

Curso polo cal acada o premio

Alumno/a

DNI

Nota media

En ..., ...de......2023

Secretaría Xeral de Universidades

ANEXO II

PREMIOS ÁNGELA RUIZ ROBLES Á EXCELENCIA ACADÉMICA AO ALUMNADO DE GRAO UNIVERSITARIO OFICIAL QUE OBTIVESE AS MELLORES CUALIFICACIÓNS NO CURSO 2021/22 NAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA.

DOCUMENTO

ACEPTACIÓN E AUTORIZACIÓN DO/DA ALUMNO/A

DATOS DO/DA ALUMNO/A

NOME

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NIF

NOME DA VÍA

NÚMERO

BLOQUE

ANDAR

PORTA

CÓDIGO POSTAL

PROVINCIA

CONCELLO

LOCALIDADE

TELÉFONO 1

TELÉFONO 2

CORREO ELECTRÓNICO

EXPOÑO:

1. Que, con data do ... de ... 2023, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pola que se convocan os premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2021/22 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Que, segundo o artigo 7 da orde de convocatoria, os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

3. Que, en virtude do anterior, a Universidade de ... me propón para o premio de excelencia académica no .... curso do grao en ...

4. Que, autorizo a □ UDC, □ USC, □ Uvigo para que remita á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades os meus datos para a concesión do premio e a súa posterior inclusión na resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na web da referida consellería.

5. Que non estou en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior á correspondente aos estudos polos que recibo o premio.

6. Que acepto o premio e autorizo a que se me ingrese o seu importe na seguinte conta bancaria:

DATOS BANCARIOS

TITULAR DA CONTA (PREMIADO) NÚMERO DA CONTA BANCARIA (24 DÍXITOS)

IBAN

7. Declaro, baixo a miña responsabilidade, que son certos todos os datos contidos nesta autorización.

..., ... de ... 202

Asdo.

Secretaría Xeral de Universidades