Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 25 de maio de 2023 Páx. 31425

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de maio de 2023 pola que se modifica a dotación orzamentaria da Orde do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670B).

O día 7 de decembro de 2022, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 23 de novembro pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670B).

No seu artigo 25 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que a consellería competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde.

A dotación orzamentaria desta orde na aplicación 14.03.713B.770.0 é a seguinte:

a) No código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 950.000,00 € (95.000,00 € no ano 2023, e 855.000,00 € no ano 2024).Este crédito destinarase ás axudas solicitadas por todo tipo de beneficiarios previstos nesta orde, excepto entidades locais.

A dotación asignada no código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 é insuficiente tendo en conta o importe das solicitudes recibidas, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria das anualidades 2023 e 2024 para a concesión das mencionadas axudas.

Por todo o anterior, procede ampliar a dotación orzamentaria asignada con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 14.03.713B.770.0 por importe de 2.000.000,00 euros, nas seguintes anualidades:

– Ano 2023: 200.000,00 euros.

– Ano 2024: 1.800.000,00 euros.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da alínea a) do artigo 25.1 da Orde do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670B)

A alínea a) do punto 1, do artigo 25 queda como segue:

«a) Código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 2.950.000,00 € (295.000,00 € no ano 2023, e 2.655.000,00 € no ano 2024). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas por todo tipo de beneficiarios previstos nesta orde, excepto entidades locais.

Resérvanse 260.000,00 € para solicitudes que se vaian forestar nos terreos cuxa superficie se atope ocupada na súa totalidade por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm, por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia), por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueira, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, nos cales a superficie ocupada pola especie dominante non supere o 60 % da superficie total ou superficies que, conforme as alíneas c), d), e), g), h), i) e j) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, poden plantarse con frondosas do anexo I da Lei 7/2012. No caso de que os ditos expedientes non cubran o dito importe, o remanente dedicarase ao resto de solicitudes».

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

A modificación prevista no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural