Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31852

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas afectadas polos grandes incendios forestais que se produciron en Galicia durante o ano 2022, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR506C).

Os desastres naturais, como os incendios forestais, poden afectar aos hábitats naturais e ter un impacto significativo na produción de mel e outros produtos apícolas. As consecuencias na diminución da produción non se fan esperar, os incendios destrúen colmeas e provocan a morte das abellas, ademais de diminuír a dispoñibilidade de recursos florais como consecuencia da alteración do hábitat. Ademais, a contaminación secundaria do aire e a auga e o estrés, unido ao fume e a calor afectan directamente á saúde das abellas reducindo a súa capacidade de produción.

Durante o ano 2022, especialmente no mes de xullo, unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio da nosa comunidade autónoma, singularmente en zonas das provincias de Lugo e Ourense. Esta vaga de incendios causou graves danos nas explotacións apícolas dos concellos afectados polo que a Consellería do Medio Rural adoptou medidas urxentes para a reparación dos danos causados polos incendios, en concreto os producidos no dito mes de xullo, entre as que se atopaban axudas pola destrución de colmeas das explotacións apícolas e para a adquisición de alimentación complementaria para as abellas, que serviron de apoio puntual á viabilidade destas explotacións.

Porén, cómpre ter en conta que ademais dos citados efectos inmediatos que os incendios tiveron sobre as explotacións apícolas afectadas, estes tiveron graves consecuencias sobre a produción apícola a longo prazo, minguándoa de forma cuantitativa e cualitativa. As abellas dependen en gran medida da vexetación circundante para obter néctar e pole, e os incendios destrúen gran parte da flora e fauna na zona afectada. As que sobreviven, enfróntanse a dificultades para atopar suficiente alimento para sobrevivir, xa que moitas plantas poden tardar anos en volver crecer. Outro factor que afecta á actividade apícola a longo prazo despois dun incendio é a calidade do chan. As cinzas e os residuos deixados por un incendio teñen incidencia directa sobre a calidade do chan, o que impide que as plantas volvan a crecer, ademais de reducir a calidade do néctar e pole producido por esas plantas. Loxicamente, canto maior sexa a superficie queimada máis graves son os efectos prexudiciais sinalados e máis difícil resulta recuperar a biodiversidade e a calidade do chan, e polo tanto a capacidade produtiva das explotacións da zona vese minguada de forma significativa durante máis tempo.

Os efectos negativos dos grandes incendios forestais producidos vense agravados polas insuficientes precipitacións existentes, que están afectando de xeito significativo á recuperación da capacidade produtiva das explotacións apícolas: a dificultade para a recuperación da masa vexetal, a redución da dispoñibilidade de flores e plantas produtoras de néctar e pole, o que limita o alimento dispoñible para as abellas, facéndoas máis susceptibles a enfermidades e parasitoses, a diminución na calidade do mel, que afecta directamente ao seu valor comercial, a perda de colmeas completas como consecuencia da busca por parte das abellas de recursos noutros lugares e a redución na produción de cera que limita a capacidade das abellas para almacenar alimento.

En base ao exposto, tendo en conta a importancia da apicultura como actividade económica nos concellos máis afectados polos incendios e o impacto significativo que as perdas de produción poden ter nos ingresos dos apicultores e na rendibilidade das súas explotacións, a Consellería do Medio Rural considera necesario aplicar medidas para apoiar aos apicultores damnificados por estes desastres naturais e reparar as perdas de produción das explotacións afectadas mediante esta liña de axudas, de carácter compensatorio.

Desta forma, contribúese tamén a manter nestas zonas a actividade apícola, a conservar as poboacións de abellas e outros polinizadores e garántese a subministración estable de produtos apícolas, como o mel, a cera e a xelea real, ademais de manter a biodiversidade e a seguridade alimentaria e favorecer o ambiente.

De acordo co recollido no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os solicitantes destas axudas estarán obrigados a relacionarse electronicamente coa administración pública autonómica, xa que por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas afectadas polos grandes incendios forestais que se produciron en Galicia durante o ano 2022, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR506C).

2. A axuda consistirá nun pagamento a tanto global destinado a compensar as perdas de produción destas explotacións apícolas.

3. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ás explotacións apícolas que teñan asentamentos nas zonas afectadas polos incendios que se produciron en Galicia no ano 2022, pertencentes aos concellos que, segundo os rexistros da Dirección Xeral de Defensa do Monte, presentaron máis de 1.000 hectáreas queimadas no dito ano, e que se recollen no anexo I da orde.

Artigo 3. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L352, do 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións apícolas, con exclusión das administracións ou entidades do sector público e as explotacións de autoconsumo, segundo a capacidade produtiva que figura na base de datos oficial do rexistro de explotacións apícolas, que teñan asentamentos nos concellos afectados polos grandes incendios que se produciron en Galicia no ano 2022, e que se relacionan no anexo I.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter a explotación apícola rexistrada no rexistro oficial de explotacións apícolas de Galicia con anterioridade ao 1 de xaneiro do 2023, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data.

En caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.

2. Que a explotación permaneza en estado de alta no rexistro oficial no momento da solicitude da axuda.

3. Ter realizada á base de datos oficial a declaración de censo de colmeas nos asentamentos localizados nos concellos afectados, con data de referencia a 31 de decembro de 2022, ou posterior a esa data.

4. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 6. Contía da axuda

1. A contía individualizada da axuda para cada persoa beneficiaria será de 20 € por colmea declarada en asentamentos apícolas localizados nun concello dos afectados polos grandes incendios que se produciron no ano 2022.

Non se concederán axudas cun importe inferior a 25 € nin superiores a 15.000 € por persoa beneficiaria.

2. Para o cálculo das axudas terase en conta o último censo declarado oficialmente á data de publicación desta orde, con data de referencia a 31 de decembro de 2022 ou posterior.

3. No caso de persoas apicultoras que teñan explotacións con asentamentos nos concellos sinalados nesta orde, e tamén noutros concellos diferentes, a axuda calcularase unicamente respecto ás colmeas dos asentamentos localizados nos concellos sinalados no anexo I.

4. O importe máximo a percibir por persoa apicultora beneficiaria, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, para un período de tres exercicios fiscais (o actual e os dous anteriores), non poderá ser superior ao establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Artigo 7. Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Recibidas as solicitudes, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

3. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da persoa xurídica solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante

d) NIF da entidade representante.

e) A declaración censual tida en conta para o cálculo da contía da axuda e a información relativa ao titular, tipo e clase de explotación, capacidade produtiva, o número de colmeas, asentamentos da explotación apícola e situación dos mesmos, segundo o rexistro oficial de explotacións apícolas.

f) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefatura de negociado, unha das cales actuará na función de secretaría e que estará presidido pola persoa titular da xefatura do Servizo ou por unha das xefaturas de Área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación das persoas solicitantes para os que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daquelas para os que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, a persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007.

4. Informarase á persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013).

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 11. Tramitación e resolución, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpolo recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte da persoa beneficiaria, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda, ou figuran nas bases de datos oficiais do rexistro de explotacións apícolas.

A xustificación da subvención operará de maneira automática coa comprobación dos requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes da axuda.

Artigo 15. Modificación das resolucións de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.712B.772.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2023 de 250.000 euros (douscentos cincuenta mil euros).

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 17. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003.

Artigo 18. Incumprimentos

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa ou entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 19. Control

As persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Compatibilidade das axudas

A percepción das subvencións previstas nesta orde será incompatible coa de calquera outras que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras Administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009.

Disposición adicional segunda

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Concellos afectados polos grandes incendios forestais
do ano 2022 con máis de 1.000 hectáreas queimadas

– Provincia de Lugo.

Concello de Folgoso do Courel.

Concello da Pobra do Brollón.

Concello de Quiroga.

Concello de Samos.

– Provincia de Ourense.

Concello do Barco de Valdeorras.

Concello de Carballeda de Valdeorras.

Concello de Chandrexa de Queixa.

Concello de Laza.

Concello de Oímbra.

Concello de Rubiá.

Concello de Vilariño de Conso.

Concello de Verín.

missing image file
missing image file
missing image file