Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31867

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 25 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas afectadas polos grandes incendios forestais que se produciron en Galicia durante o ano 2022, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR506C).

BDNS (Identif.): 698131.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ás explotacións apícolas que teñan asentamentos nas zonas afectadas polos incendios que se produciron en Galicia no ano 2022, pertencentes aos concellos que, segundo os rexistros da Dirección Xeral de Defensa do Monte, presentaron máis de 1.000 hectáreas queimadas no dito ano, e que se recollen no anexo I da orde.

Segundo. Persoas beneficiarias e requisitos

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións apícolas, con exclusión das administracións ou entidades do sector público e as explotacións de autoconsumo, segundo a capacidade produtiva que figura na base de datos oficial do rexistro de explotacións apícolas, que teñan asentamentos nos concellos afectados polos grandes incendios que se produciron en Galicia no ano 2022, e que se relacionan no anexo I.

As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter a explotación apícola rexistrada no rexistro oficial de explotacións apícolas de Galicia con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data.

En caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.

2. Que a explotación permaneza en estado de alta no rexistro oficial no momento da solicitude da axuda.

3. Ter realizada á base de datos oficial a declaración de censo de colmeas nos asentamentos localizados nos concellos afectados, con data de referencia a 31 de decembro de 2022, ou posterior a esa data.

4. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Terceiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas afectadas polos grandes incendios forestais que se produciron en Galicia durante o ano 2022, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MR506C).

2. A axuda consistirá nun pagamento a tanto global destinado a compensar as perdas de produción destas explotacións apícolas.

3. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 25 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas afectadas polos grandes incendios forestais que se produciron en Galicia durante o ano 2022, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR506C).

Quinto. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, de 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3 No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto. Importe

A contía global de estas axudas será, para o ano 2023, de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Sétimo. Solicitudes e prazo de presentación das mesmas

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural