Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32647

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 9 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR340E).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2023 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo Plan anual de fomento do emprego digno (PAFED), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego. O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, os apoios e as actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades da RIS3. O obxectivo estratéxico 2 busca fomentar a aplicabilidade nas empresas da innovación para dar resposta a desafíos como incrementar o número de empresas innovadoras, apoiar as diferentes etapas da innovación empresarial e profesionalizar a I+D+i nas empresas.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado (obxectivo estratéxico 2), en concreto co obxectivo específico de aumentar as empresas que realizan innovación, integrándose polo tanto no programa Innova e Emprende.

A estrutura normativa do programa das IEBT desenvólvese no Decreto 56/2007, do 15 de marzo (DOG núm. 65, do 2 de abril), polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reunir os proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT.

Na presente orde fíxanse as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica e establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva dado que de acordo coa finalidade e o obxecto do programa regulado polo citado Decreto 56/2007, en que se establece un programa de apoio e se regula a cualificación de empresas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) a través dun procedemento que require, entre outros, a análise da viabilidade dos proxectos empresariais, non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e prelación das solicitudes presentadas senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na empresa, previamente cualificada como IEBT, dos requisitos establecidos e ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Secretaría Xeral de Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas destínanse a sufragar as accións, gastos e pagamentos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan nesta orde para cada modalidade de axuda.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2022, de 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria: 11.30.322C.470.5, código de proxecto 2016 00317, cun crédito de 500.000 euros.

Estas contías están recollidas, na Lei 6/2022, de 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

3. O dito crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

4. Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos deste programa entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego con anterioridade ou no mesmo día da contratación que se subvenciona.

Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

b) Empregos subvencionables: os postos de traballo creados con carácter estable e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incluídos os das persoas promotoras.

c) Persoas promotoras socias: aquelas que figuren como tales na escritura de constitución ou das súas modificacións durante o período subvencionable.

d) Constitución da empresa: entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. No caso de empresaria ou empresario individual, cando cause alta definitiva no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

e) Inicio de actividade empresarial: entenderase que unha empresa inicia a súa actividade produtiva desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

f) Persoa con discapacidade: aquela que, segundo o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, teña recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

Considerarase que presentan una discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

g) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada no nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

h) Persoas en situación ou risco de exclusión social: as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, por concorrer algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Equiparanse ás persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia as persoas perceptoras do ingreso mínimo vital.

i) Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, 360 días durante os 540 días anteriores á súa contratación ou alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

j) Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas, os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

1) Ser persoa galega nacida en Galicia.

2) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

3) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado/a a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

4) Estar empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

k) Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.

l) Persoa trans: persoa cuxa identidade sexual non se corresponde co sexo asignado ao nacer.

m) Persoa moza: aquela que teña menos de 30 anos no momento do inicio da súa relación laboral.

n) Persoa maior: terán a condición de maiores para os efectos desta orde as persoas de setenta ou máis anos no momento da solicitude. Este requisito de idade non se aplica ás persoas que acrediten a dependencia nos seus diferentes graos.

Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.

2. Para poder acceder ás distintas modalidades de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.

3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Tampouco poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias as solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 7. Accións subvencionables

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas, dentro do primeiro ano de actividade:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

d) Apoio á función xerencial.

Artigo 8. Subvención á creación directa de emprego estable

1. Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha contía base de 6.000 euros.

2. A contía base do incentivo será de 8.000 euros por cada posto de traballo estable de carácter indefinido creado, cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

a) Mulleres.

b) Persoas mozas.

c) Persoas de 55 ou máis anos.

d) Persoas desempregadas de longa duración.

e) Persoas con discapacidade.

f) Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.

g) Persoas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

3. Os postos de traballo estables incentivaranse cunha contía base de 10.000 euros cando se trate de persoas tituladas universitarias desempregadas.

4. A contía base será de 12.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.

5. As contías base poderán incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller, salvo que opten polo colectivo de muller sinalado na epígrafe 2.a).

b) Un 25 % no caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

c) Un 25 % no suposto de persoas maiores de 45 anos, salvo que opten polo colectivo de persoa maiores de 55 anos sinalado no epígrafe 2.c).

d) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada ou persoa estranxeira, salvo que opten polo colectivo específico sinalado na epígrafe 2.f).

e) Un 25 % se a persoa incorporada é trans.

No suposto de ter dereito a un ou varios incrementos, aplicaranse os indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada quede acreditada a aplicación dalgún incremento superior.

6. No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

7. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

8. É requisito para poder ser beneficiaria desta subvención que o cadro de persoal, no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo, nun 25 % por persoas con titulación universitaria.

9. Nos postos de traballo creados e polos cales se solicite subvención, deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

10. Cando a contratación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade e durante o período subvencionable.

11. Serán subvencionables os postos de traballo estables creados entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023 dentro do primeiro ano de actividade da empresa, sempre que permaneza vixente a contratación no momento da súa solicitude.

Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade

1. Esta modalidade de axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:

– 1 posto de traballo creado: ata 10.000 euros.

– 2 postos de traballo creados: ata 18.000 euros.

– A partir de 3 postos de traballo creados: ata 24.000 euros.

O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables.

2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos realizados entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade, e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de novembro de 2023.

3. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: honorarios de notaría e rexistro, compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

A través dos gastos de publicidade subvencionados garantirase a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

Estes gastos poderán ser subvencionados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algunha das persoas promotoras da empresa.

Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

4. No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

Artigo 10. Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras

1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría ou das persoas coidadoras, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de 12 anos.

2. Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 %, ata un máximo de 3.000 euros, do custo do centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores de 70 anos e/ou dependentes (graos I, II e III) ou con un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que respecto das cales acredite a súa relación de parentesco e a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, como mínimo durante os tres meses anteriores á data da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polos que se obtivese a subvención establecida no artigo 8 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales as dúas persoas cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

4. Serán subvencionables os gastos da gardaría e/ou das persoas coidadoras ou dos custos dos servizos en centros especializados, realizados entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade.

5. As axudas por gardaría e por coidado das persoas maiores ou dependentes e persoas con discapacidade son compatibles entre si.

Artigo 11. Apoio á función xerencial

1. Para axudar a persoa promotora ou empresarios e empresarias na toma de decisións necesarias para o bo funcionamento da empresa poderase financiar o apoio á función xerencial. Este apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:

a) Axuda para a formación da persoa promotora ou empresaria co fin de obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

b) Axuda pola realización externa de análises, estudos, informes, ou outras formas de asesoramento sobre a actividade que realiza a IEBT, para que a persoa promotora ou empresaria poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción.

2. Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado, entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, e realizado no primeiro ano de actividade empresarial. Este gasto deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de novembro de 2023.

3. Non serán subvencionables, en ningunha das modalidades sinaladas no punto 1 deste artigo, as medidas de apoio prestadas polas persoas socias ou polas empresas das persoas socias da entidade solicitante da subvención.

4. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, será do 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 5.000 euros para a axuda á formación prevista na alínea a), e cun límite de 10.000 euros polo conxunto das modalidades de apoio á función xerencial previstos neste artigo.

5. No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

Artigo 12. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas neste procedemento serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, a axuda á creación directa de emprego estable será compatible, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

2. Así mesmo, serán incompatibles coas axudas establecidas no programa Xempre autónomo (código de procedemento TR341D), no bono nova oportunidade (código de procedemento TR790A) e no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (código de procedemento TR802G), convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. As subvencións reguladas nesta orde son compatibles coa axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa de traballo asociado (código de procedemento TR802J).

Artigo 13. Exclusións

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas participadas ou dirixidas polas persoas promotoras da entidade solicitante.

b) Os empregos de carácter estable das persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta na Seguridade Social como persoas traballadoras autónomas noutra actividade vinculada ao mesmo sector. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de tres díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

c) As empresas que desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa de emprego de base tecnolóxica.

Artigo 14. Solicitudes: Forma, lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no formulario normalizado dispoñible (anexo I).

Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, sendo unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 29 de setembro de 2023.

5. A presentación da solicitudes supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.

Artigo 15. Documentación complementaria

1. As solicitudes deberan presentarse no formulario normalizado (anexo I) que figura como anexo desta orde, e deberán ir acompañadas da documentación, común e específica, que se relaciona nos puntos 2 e 3 deste artigo.

2. Documentación xeral para todas as axudas:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas, cando se trate de persoa xurídica.

3. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

I. Documentación acreditativa da exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia, da persoa traballadora contratada.

II. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

III. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

IV. Documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer, no caso de solicitar o incremento por persoa trans.

V. No caso de que as persoas traballadoras se opuxesen á comprobación de datos, documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable.

b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

Facturas ou outros documentos acreditativos e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

I. Libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, co nome das persoas titulares da familia e dos fillos e das fillas menores de doce anos. De ser o caso, documentos acreditativos do carácter monoparental da familia.

II. No caso de axuda por coidado de maiores de 70 anos e/ou dependencia ou discapacidade, certificación da acreditación do grao de parentesco e acreditación do empadroamento no mesmo enderezo.

III. Facturas e/ou recibos de haberes ou outros documentos acreditativos do gasto e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, das mensualidades xa aboadas na data da solicitude. Na súa falta, orzamentos, facturas pro forma ou outros documentos acreditativos do custo da mensualidade, da gardaría e/ou do centro especializado ou da persoa coidadora que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

d) Subvención ao apoio á función xerencial:

Facturas, contratos ou outros documentos acreditativos da contratación das medidas de apoio en que conste o seu importe, e o correspondente xustificante bancario do seu pagamento, na súa falta, orzamento, factura proforma ou outro documento acreditativo en que conste a previsión do custo que se terá en conta para o cálculo da subvención.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante.

c) Alta no IAE.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria de Galicia.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

g) Consulta concesión pola regra de minimis.

h) Consulta concesión de subvencións e axudas.

i) Consulta inhabilitación para obter subvencións.

j) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

k) Titulación universitaria da persoa traballadora contratada.

l) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

m) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

n) Contrato laboral da persoa traballadora contratada.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación de padrón da persoa traballadora contratada.

c) Certificado de prestacións sociais públicas da persoa traballadora contratada.

3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo IV. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola que se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.

Artigo 17. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, indicándolle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Competencia para instruír e resolver

1. O órgano competente para a instrución dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 20. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data na cal presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 21. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa ou entidade beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Na resolución de concesión informáraselle ás persoas beneficiarias que estas axudas se someten ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e aos regulamentos (UE) núm. 717/2014, do 27 de xuño (sector pesca e acuicultura) e núm.1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).

2. Toda vez que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 25 non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.

3. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde.

3. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberá terse realizado antes do 30 de novembro de 2023.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 30 de novembro de 2023.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. Sempre que coa solicitude quede acreditado o gasto realizado poderase realizar o pagamento da axuda no momento da súa concesión, toda vez que as persoas e entidades beneficiarias aceptan a axuda mediante declaración no anexo de solicitude.

5. De non achegarse con anterioridade, a documentación xustificativa para o pagamento que se enumera nos parágrafos seguintes deberase presentar no prazo establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 30 de novembro de 2023.

A) Documentación xustificativa xeral para todas as modalidades de axuda:

– Declaración complementaria da establecida no anexo I desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (anexo II).

B) Documentación xustificativa específica:

a) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

I. Relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos, segundo o modelo do anexo III desta orde.

II. Facturas e demais documentos xustificativos do gasto realizado e documento bancario acreditativo do seu pagamento.

b) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras:

I. Relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos segundo o modelo anexo III desta orde.

II. Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e/ou recibos de haberes e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

I. Relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos, cun breve resumo da actuación de apoio desenvolvida, o período de execución e o número de horas dedicadas, segundo o modelo anexo III desta orde.

II. Facturas ou outros documentos acreditativos dos servizos prestados pola empresa, entidade ou persoa física, e documentos bancarios acreditativos do pagamento.

6. Cando concorran varias modalidades de axudas, só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 25. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade empresarial que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das actuacións de comprobación e control. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

Agás aquelas persoas ou entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as persoas ou entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto de subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

2. As empresas beneficiarias das subvencións previstas no artigo 8, cando no período de dous anos desde a data da incorporación á empresa se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, están obrigadas, no prazo de dous meses, a cubrir a vacante cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda, e a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa e cumprir as demais condicións impostas nesta orde para poder ser contratada. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no procedemento desta orde.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

3.1. Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 25.2 por cada contratación subvencionada e non substituída, procederá o reintegro da totalidade da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

3.2. Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 25.2 entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía para reintegrar calcularase do seguinte xeito:

a) Divídese entre vinte e catro o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

b) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose, para estes efectos, o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

c) Multiplícase o importe obtido na letra a) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante, conforme a letra b).

3.3. Cando á nova persoa traballadora substituta se lle poida conceder unha subvención por un importe inferior ao da persoa substituída, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

4. Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 25.1.d) procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Para o caso de subvencións incompatibles con outras axudas:

Reintegro do 10 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

Reintegro do 100 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, máis xuros de demora e sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

Para o caso de subvencións compatibles:

Reintegro do 5 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

Reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

5. Salvo que se acrediten causas alleas á vontade do persoa beneficiaria, no caso de incumprimento respecto da obriga de manter a actividade empresarial durante dous anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal o ter mantido a actividade como mínimo dezaoito meses e se acredite pola persoa ou entidade beneficiaria unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro parcial das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 29. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Artigo 30. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file