Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32868

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. (expediente IN408A 2020/17).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Serra do Faro, S.L., na actualidade Pena da Costa Eólica, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Faro ampliación II, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 5.2.2020 Serra do Faro, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Serra do Faro ampliación II.

Segundo. O 7.5.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos dos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, da súa solicitude. O 12.5.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 11.11.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no cal indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

Cuarto. O 15.10.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. Mediante a Resolución do 4.12.2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico, de Serra do Faro, S.L. a Pena da Costa Eólica, S.L.

Sexto. Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal das instalacións do parque eólico Serra do Faro, ampliación II, situado nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea, Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 19.2.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, remitíronse para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Deputación de Ourense e Dirección Xeral de Defensa do Monte.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 21.3.2021, o Concello de Dozón o 7.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (servizos de Montes de Ourense e de Pontevedra) o 15.4.2021 e o 19.10.2021, a Deputación de Ourense o 8.4.2021 e a Dirección Xeral de Defensa do Monte o 5.10.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de 30 días. Transcorrido o devandito prazo sen que as distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas nos seus bens e dereitos contestasen, entenderase a conformidade coas especificacións técnicas propostas no proxecto de execución.

Oitavo. O 2.6.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Noveno. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Dozón e Sociedade Galega de Historia Natural.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, na eliminación de 5 dos 8 aeroxeradores xunto coa súa infraestrutura asociada, mantendo as características dimensionais e localización dos aeroxeradores restantes e cun incremento na súa potencia nominal unitaria de 4,2 MW a 4,5 MW.

Formalizada a tramitación ambiental, o 18.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Serra do Faro ampliación II, que a fixo pública mediante Anuncio do 19 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

Décimo. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo primeiro. O 10.3.2023 a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións sobre as cales se emitiu informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Décimo segundo. O 28.3.2023 e o 12.4.2023, respectivamente, as xefaturas territoriais de Ourense e de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiron informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 33,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 22.5.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse os informes sectoriais das administracións afectadas: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Instituto de Estudos do Territorio, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Sociedade Galega de Historia Natural.

No que respecta ao fraccionamento de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 quilómetros dos parques eólicos, e liñas eléctricas situadas na súa contorna, en tramitación ou explotación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalación co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluídas liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Serra do Faro ampliación II comparte infraestruturas de evacuación con outros parques eólicos xa autorizados, en tramitación ou en obras, o que supón unha significativa redución dos impactos ambientais xerados, en comparación cos posibles impactos resultantes se se implantasen novas infraestruturas específicas na súa totalidade para o parque eólico Serra do Faro ampliación II.

Igualmente, as alegacións de carácter urbanístico propias do procedemento polo que se aproba o proxecto sectorial do parque eólico como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta con informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo onde se indica que todas as posicións cumpren coa distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas e gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, afeccións que en ningún caso se estenden a toda a poligonal do parque. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico Serra do Faro ampliación II posúe estudos específicos do efecto flicker e predición acústica, entre outros, nos cales se analizan ambos os temas en profundidade, verificando o cumprimento da legalidade vixente.

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos de oposición á declaración de impacto ambiental do 18.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Serra do Faro ampliación II, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.1.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Serra do Faro ampliación II, nos concellos de Dozón e Rodeiro da provincia de Pontevedra e Piñor e San Cristovo de Cea da provincia de Ourense, promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Serra do Faro ampliación II.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra do Faro ampliación II, sito no concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra) e San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L., para unha potencia de 13,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra do Faro ampliación II, composto polo documento Proxecto de execución do parque eólico Serra do Faro ampliación II, asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado nº 1185 do ICOII de Galicia, e con visado núm. 20230686, do 9.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Pena da Costa Eólica, S.L.

Enderezo social: parque San Lázaro, 7, 1º, 32003 Ourense.

Denominación: parque eólico Serra do Faro ampliación II.

Potencia instalada: 13,5 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 13,5 MW.

Produción neta: 39.364 MWh/ano.

Concellos afectados: Rodeiro, Dozón (Pontevedra) e San Cristovo de Cea, Piñor (Ourense).

Orzamento de execución material: 12.371.035 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

586.120,00

4.715.250,00

2

587.700,00

4.715.250,00

3

587.700,00

4.713.750,00

4

586.900,00

4.712.450,00

5

585.450,00

4.712.450,00

6

584.500,00

4.713.750,00

7

583.700,00

4.713.750,00

8

583.250,00

4.713.250,00

9

581.550,00

4.713.250,00

10

581.550,00

4.713.450,00

11

582.620,00

4.714.285,00

12

586.450,00

4.714.285,00

13

586.120,00

4.714.650,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

6

582.458,00

4.714.071,00

7

583.632,00

4.714.066,00

8

582.851,00

4.713.522,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Vértice envolvente subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

586.448,20

4.712.628,01

B

586.516,40

4.712.606,12

C

586.503,26

4.712.565,02

D

586.435,09

4.712.586,60

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores modelo Vestas V136 de 4,5 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 105 m e 136 m de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación situados no interior dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 5.300 kVA e relación de transformación 0,72/30 kV, xunto cos correspondentes equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación colectora (SET), composta por un circuíto con condutores tipo RHZ1 18/30 kV Al.

– Subestación transformadora 30/132 kV de tipo intemperie para a evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador principal 132/30 kV, de 45/55 MVA (ONAN/ONAF) e un transformador de servizos auxiliares 30/0,42 kV de 100 kVA, xunto cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Pena da Costa Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 228.361 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido nos números 4.1.1 e 4.1.3 da DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderá dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais