Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32882

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro ampliación II, sito nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L. (expediente IN408A 2020/17).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro ampliación II.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Serra do Faro ampliación II, sito no concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra) e San Cristovo de Cea e Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L., para unha potencia de 13,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Pena da Costa Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 228.361 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido nos números 4.1.1 e 4.1.3 da DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderá dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 5.2.2020 Serra do Faro, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Serra do Faro ampliación II.

2. O 7.5.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos dos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, da súa solicitude. O 12.5.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 11.11.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), no cal indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

4. O 15.10.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei), onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial

5. Mediante a Resolución do 4.12.2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico, de Serra do Faro, S.L. a Pena da Costa Eólica, S.L.

6. Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal das instalacións do parque eólico Serra do Faro, ampliación II, situado nos concellos de Rodeiro, Dozón (Pontevedra), San Cristovo de Cea, Piñor (Ourense), promovido por Pena da Costa Eólica, S.L.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 19.2.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, remitíronse para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Deputación de Ourense e Dirección Xeral de Defensa do Monte.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 21.3.2021, o Concello de Dozón o 7.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (servizos de Montes de Ourense e de Pontevedra) o 15.4.2021 e o 19.10.2021, a Deputación de Ourense o 8.4.2021 e a Dirección Xeral de Defensa do Monte o 5.10.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de 30 días. Transcorrido o devandito prazo sen que as distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas nos seus bens e dereitos contestasen, entenderase a conformidade coas especificacións técnicas propostas no proxecto de execución.

8. O 2.6.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

9. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Dozón e Sociedade Galega de Historia Natural.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, na eliminación de 5 dos 8 aeroxeradores xunto coa súa infraestrutura asociada, mantendo as características dimensionais e localización dos aeroxeradores restantes e cun incremento na súa potencia nominal unitaria de 4,2 MW a 4,5 MW.

Formalizada a tramitación ambiental, o 18.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Serra do Faro ampliación II, que a fixo pública mediante Anuncio do 19 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

10. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

11. O 10.3.2023 a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada, incluíndo unha declaración responsable de que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións sobre as cales se emitiu informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

12. O 28.3.2023 e o 12.4.2023, respectivamente, as xefaturas territoriais de Ourense e de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiron informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

13. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 33,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 22.5.2020.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais