Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32920

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Festeiros, sito nos concellos de Forcarei e Silleda (Pontevedra) e promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U. (expediente IN661A 2011/2-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de A.V. Monte Festeiros, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Festeiros, constan os seguintes

Antecedentes de hecho.

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 48 MW e promovido por Airosa Vento, S.L.

Segundo. O 27.6.2011, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. (en diante, o promotor), como sociedade filial unipersoal de Airosa Vento, S.L. e en virtude do artigo 36.e da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

Terceiro. O 12.6.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 1 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG núm. 37, do 24 de febreiro de 2014).

Cuarto. O 25.1.2021, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, consistente na redución de aeroxeradores e no seu cambio de posición. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade. O 25.11.2021, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Quinto. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte Festeiros (expediente IN661A 2011/2-4), promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U, e pola Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte Festeiros (expediente IN661A 2011/2-4), promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Sexto. O 21.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monte Festeiros á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sétimo. O 22.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009.

Oitavo. O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Noveno. Mediante a Resolución do 15 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Monte Festeiros, situado nos concellos de Silleda e Forcarei, da provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2011/2-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.1.2022 e no xornal Faro de Vigo do 20.1.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Silleda e Forcarei), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Décimo. Vista a sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sometéronse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Monte Festeiros pola Resolución do 8 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo o 7.4.2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Forcarei e Silleda), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., Concello de Forcarei, Concello de Silleda, Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, Red Eléctrica de España, S.A., Axencia Galega de Infraestruturas, Hidroeléctrica de Silleda e Unión Fenosa Distribución, S.A.

A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 21.1.2021, Retegal o 25.1.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 27.1.2022 e o 12.4.2022, Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 31.1.2022, Red Eléctrica de España, S.A. o 18.2.2022, UFD o 21.1.2022 e Hidroeléctrica de Silleda o 3.3.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Forcarei emitiu informe o 24.5.2022, en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental e doutra índole (declaración de utilidade pública, división artificiosa de proxectos, afeccións á poboación, entre outros) como as relativas ás afeccións. O promotor prestou a súa conformidade e deu resposta ás cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar o seguinte: as cuestións corresponden a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e a aprobación do proxecto de interese autonómico pendente de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 6.7.2022, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Silleda e Concello de Forcarei.

Cumprida a tramitación ambiental, o 14.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 227, do 29 de novembro de 2022).

Décimo cuarto. O 15.12.2022, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. presentou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución refundido. Parque eólico Monte Festeiros, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 14.12.2022, coa configuración final do parque, incorporando os cambios xurdidos ao abeiro dos informes emitidos.

Décimo quinto. O 23.12.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Pontevedra informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando o documento mencionado no antecedente de feito décimo quinto, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O 2.2.2023, o promotor presentou o Proxecto de execución refundido parque eólico Monte Festeiros. Decembro 2022, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 1.2.2023, e asinado polos técnicos Sara Calo Dieste e Gonzalo Cibrao Flores Fuciños o 31.1.2023. Achegou tamén declaración responsable en que indicaba que ambos os proxectos refundidos se corresponden coa configuración final do PE Monte Festeiros, e que a dita configuración é coincidente co indicado na DIA formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 14.11.2022.

Décimo sétimo. O 6.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu á Xefatura Territorial de Pontevedra o proxecto mencionado no antecedente de feito anterior.

Décimo oitavo. O 24.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a valoración da documentación presentada polo promotor no antecedente de feito décimo sexto para que ratificase a validez da declaración ambiental de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, así como a corrección dalgúns erros de transcrición na declaración de impacto ambiental.

Décimo noveno. O 1.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático remitiu unha corrección de erros en virtude do establecido no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Vixésimo. O 1.3.2023, o promotor presentou unha declaración responsable sobre as separatas en que indica «que no proxecto de execución refundido resultante da configuración final do proxecto non se modifican as afeccións respecto das que xa se emitiu informe durante a tramitación do expediente».

Vixésimo primeiro. O 1.3.2023, o promotor presentou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 20.1.2022.

Vixésimo segundo. O 8.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra requiriu ao promotor o visado do proxecto técnico correspondente para a tramitación administrativa de construción.

Vixésimo terceiro. O 10.3.2023, o promotor presentou o proxecto Proxecto de execución refundido parque eólico Monte Festeiros, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 10.3.2023, con núm. 2021/03488/05, e asinado polos técnicos Sara Calo Dieste e Gonzalo Cibrao Flores Fuciños o 10.3.2023.

Vixésimo cuarto. O 18.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito vixésimo terceiro.

Vixésimo quinto. O 18.4.2024 e o 19.4.2024, esta dirección xeral solicitoulles informe sobre a documentación presentada polo promotor recollida no antecedente de feito décimo sexto á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ao Instituto de Estudos do Territorio e a Augas de Galicia.

O 20.4.2022 e o 21.4.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Instituto de Estudos do Territorio e Augas de Galicia emitiron os informes solicitados.

Vixésimo sexto. O 21.4.2023, esta dirección xeral remitiu os informes do antecedente de feito anterior á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, para incorporar á solicitude de validación de DIA do 24.2.2023.

O 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en que indica que: «Á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Monte Festeiros e os informes recibidos o 21.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo tales informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte do promotor dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

Vixésimo sétimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 48 MW, segundo os informes do xestor da rede do 3.10.2019 e 23.7.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo de 2022), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 18.4.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo 1, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

Alegacións sobre a validez e aplicación do Plan sectorial eólico en Galicia:

No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira Lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, define ao Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio. Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Alegacións sobre a saturación na capacidade de acollida en Galicia de enerxía eólica:

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eólica en Galicia, cómpre indicar que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Alegacións por fraccionamento das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais e efectos acumulativos sen avaliar:

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Monte Festeiros (IN661A 2011/2-4) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados, evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cunha análise de efectos acumulativos incluída no punto «6. Avaliación de impactos» do estudo de impacto ambiental, cun ámbito de estudo dun raio de 10 km ao redor do parque proxectado, en que se atopan os parques Coto San Sebastián, Outeiro Grande, Lamasgalán-Campo do Coco, Ameixeiras-Testeiro, Borreiro, Cabanelas, Campo das Cruces e Campo das Cruces (Modif. 2ª fase), Pedra Longa e Targos, aos que cabe engadir a liña de evacuación LAT 132 kV do propio parque Monte Festeiros, os tramos das liñas de evacuación dos parques eólicos Coto San Sebastián, Ameixeiras, Lamasgalán e Galerna, e un tramo da LAT As Travesas- Cartelle. Nesa envolvente de 10 km analizáronse os efectos acumulativos e sinérxicos sobre aves e quirópteros relativos ás colisións sobre os aeroxeradores, o efecto barreira nas súas rutas de migración no caso das aves, e entre as áreas que utilizan para a alimentación e o descanso, e a incidencia visual sobre a paisaxe.

Cómpre sinalar que nada impide, dende o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do RD 1183/2020 modifica o RD 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, a evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Monte Festeiros e Outeiro Grande materialízase, de maneira conxunta, mediante unha LAT de 132 kV que conecta ambos os parques, e mediante unha subestación (subestación colectora Arela 132/400 kV) a través da cal a dita liña se conecta coa rede de transporte no nó de Silleda 400 kV, propiedade de REE, ao contaren ambas as instalacións de produción con acceso concedido no devandito nó. Para iso cóntase cunha solución conxunta que engloba:

• LAT 132 kV PE Outeiro Grande-PE Monte Festeiros-SEC Arela.

• Subestación colectora Arela 132/400 kV.

• LAT 400 kV SEC Arela-SET Silleda 400 kV.

A liña de evacuación conxunta constitúe un expediente (IN408A 2020/180) independente dos dos parques eólicos Monte Festeiros e Outeiro Grande, e consta, polo tanto, de dous tramos a 132 kV, un entre as SET de ambos os parques, e outro desde a SET de Monte Festeiros á SEC Arela, aos que se engade o tramo de liña a 400 kV desde a SEC Arela ata a SET Silleda. Esta solución de evacuación non impide que cada un destes parques eólicos teña carácter unitario e poida funcionar de maneira independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida de enerxía, e que, ao mesmo tempo, este feito de compartir a infraestrutura de evacuación supoña unha redución dos impactos ambientais xerados.

Alegacións relativas á falta de información e claridade da información pública:

Respecto ás alegacións sobre a falta de difusión e claridade da información pública, as resolucións de información pública publicáronse no Diario Oficial de Galicia, no Faro de Vigo e na páxina web da actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se considerasen prexudicadas nos seus dereitos puidesen presentar as alegacións que considerasen oportunas.

A documentación obxecto da información pública estivo dispoñible para a súa consulta, mediante cita previa, nas dependencias desta xefatura territorial ou a través da páxina web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como nas instalacións dos concellos afectados, de acordo co requirido por esta xefatura territorial.

En canto á alegación que fai referencia a que na documentación sometida a información pública non consta informe sectorial ningún, cómpre indicar que os documentos que constitúen o obxecto da información pública, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e polas demais normas de aplicación relacionadas nos propios textos das resolucións de información pública, son os seguintes: proxecto de execución, estudo de impacto ambiental, RBDA e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico).

Hai que indicar, no que respecta á tramitación de urxencia e á redución do prazo de exposición á metade, que por mor da sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que a referida sentenza non adquiriu firmeza, con base no principio de seguridade xurídica, o proxecto do parque eólico Monte Festeiros foi sometido a un segundo trámite de información pública por un período de 30 días.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares privados e comunidades de montes en man común recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluídas nas resolucións de información pública, para que as persoas notificadas puidesen presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que considerasen oportunas.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Alegacións sobre a calidade do EIA e incumprimento da lexislación de aplicación:

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental e incumprimento da lexislación de aplicación, hai que indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Alegacións sobre aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto:

En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral e incidencia na loita contra o cambio climático, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, contaminación acústica, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural, posibles efectos acumulativos ou sinérxicos e impacto turístico, cabe indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do que, o 14.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, as condicións en que debe desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia e Sociedade Galega de Historia Natural.

Alegacións sobre afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade:

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o 3.5.2022 informa que a documentación avaliada debe ser emendada e/ou completada coas cuestións recollidas nese informe.

Por tanto, require a corrección dos defectos atopados, en concreto a mellora do seu contido, tendo en conta unha serie de directrices sobre os estudos de avifauna e quirópteros e inventarios de flora e doutros grupos faunísticos. Asemade, exixe o cumprimento do punto 18.5 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo de Galicia, mediante a elaboración dun estudo con datos sólidos da presenza de lobos na área de influencia, así como unha avaliación e seguimento das afeccións sobre a poboación de lobos.

O 6.6.2022, o promotor respondeu aos requirimentos da DXPN. Unha vez revisada a dita resposta, a DXPN informa, o 23.9.2022, que, á vista dos antecedentes e da análise da documentación achegada, se considera que o presente proxecto e compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade xa que non é previsible que este xere efectos significativos sobre os valores naturais, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as consideracións recollidas nos informes mencionados.

Alegacións sobre afeccións a espazos naturais protexidos:

Convén subliñar que, en relación coas alegacións que refiren afeccións a espazos naturais protexidos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, tendo en conta a información achegada polo Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, afirma que o lugar onde se localiza o proxecto non conta con ningunha figura de espazos naturais protexidos das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, e na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade. Asemade, revisado o Inventario de zonas húmidas de Galicia (IHG), creado polo Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das zonas húmidas protexidas e se crea o Inventario de zonas húmidas de Galicia, conclúe que o proxecto non afecta ningunha zona húmida inventariada.

Por outra banda, indica que na zona de actuación se localizan hábitats de interese comunitario ou prioritario, así como especies protexidas, incluídas no Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas. Refire que en ningún momento os hábitats existentes na contorna poderán ser danados e a restauración tanto das zonas desmanteladas como afectadas realizarase coa finalidade de recuperar os hábitats existentes.

Alegacións sobre afeccións ao patrimonio cultural:

En relación coa afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no informe emitido o 18.5.2022, refire que, de acordo cos arquivos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e consultada diversa cartografía e fotografías aéreas, así como o planeamento municipal, o Plan básico autonómico e os visores do Instituto de Estudos do Territorio, se constata que na zona de afección existen bens do patrimonio cultural que poderían verse afectados polas obras das infraestruturas e os accesos. Por tanto, require a emenda e mellora da documentación avaliada.

Logo de varias propostas e achegas de documentación do promotor, o 20.10.2022 a DXPC conclúe que, desde o punto de vista da protección do patrimonio cultural, manifesta a conformidade coa resposta remitida o 28.9.2022 pola entidade promotora, e emite un informe favorable do EIA e do PIA do parque eólico Monte Festeiros, en que se debe ter en conta o resto de condicionantes e consideracións que foron incluídos nos informes emitidos pola DXPC sobre o EIA e o PIA deste parque eólico.

Alegacións sobre afeccións á paisaxe e á integración paisaxística:

En relación coas alegacións que refiren afeccións á paisaxe e á integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio emite un primeiro informe, o 10.2.2022, en que se indica que a documentación avaliada debe ser emendada e/ou completada coas cuestións recollidas nese informe. Logo da presentación por parte da entidade promotora dunha mellora do contido do estudo de impacto e integración paisaxística segundo as consideracións feitas por ese organismo, o 5.5.2022 o IET emite un segundo informe en que conclúe que os contidos da documentación achegada polo promotor en resposta ao primeiro informe completan o EIIP do proxecto.

O IET conclúe que o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que pola súa forma e altura serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean instalados os aeroxeradores e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas afectadas pola incidencia visual cabe destacar as áreas de especial interese paisaxístico (en diante AEIP) Serra do Candán e Montes do Testeiro e a AEIP Monte de San Sebastián, o miradoiro situado nesta última AEIP, así como a Vía da Prata e os sendeiros e núcleos máis próximos. Esta incidencia visual non se considera crítica, pero pode ser especialmente forte no ámbito máis próximo á posición 2, particularmente na contorna do Mosteiro de Aciveiro.

No relacionado coas medidas de integración paisaxística, e concretamente coas barreiras vexetais, require o estudo da localización destas no contorno do Mosteiro de Aciveiro, na contorna e proximidades do recinto, para reducir a incidencia visual dos aeroxeradores sobre este, así como reducir a incidencia visual da subestación mediante unha franxa de vexetación no seu perímetro.

Afeccións ao medio hídrico:

En relación coas afeccións aos recursos hídricos, o organismo Augas de Galicia informa que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos polo que se emite informe favorable, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións e directrices referidas no seu informe.

En relación coas zonas protexidas, as actuacións propostas non afectan ningunha das zonas protexidas recollidas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Asemade, indica que existen dúas zonas de captación subterránea para abastecemento humano próximas ás actuacións previstas (considerando unha distancia de 500 m ao redor das obras).

Respecto dos aproveitamentos hídricos, Augas de Galicia destaca que constan nove captacións na contorna de ámbito de actuación inscritas no libro de Rexistro de Augas de Galicia e exixe que, no caso de afectar algunha captación de augas inscrita como consecuencia das actuacións propostas no proxecto obxecto de estudo, deberase prever a súa reposición, consideracións ás que o promotor dá a súa conformidade.

A DIA prevé que nas zonas onde poida existir risco de desencadeamento de procesos erosivos, de incorporación de sólidos ás augas e/ou modificación do réxime hídrico, se extremarán as precaucións na execución e control das obras, así como a adopción das medidas protectoras, correctoras e de vixilancia que recolle o estudo de impacto ambiental e as indicadas polo órgano de bacía.

Así mesmo, están prohibidas as verteduras directas ou indirectas e a acumulación de substancias que poidan constituír un perigo de contaminación das augas do dominio público hidráulico ou a degradación do seu contorno.

En todo caso, indica que toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na zona de servidume e policía de leitos, incluíndo zonas de fluxo preferente e zonas asolagables, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, previa ao inicio das obras.

En relación coa alegación sobre a vulneración da Directiva marco da auga (DMA), Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, cómpre indicar que o organismo Augas de Galicia empregou a dita directiva como marco legal para a elaboración do seu informe, ademais doutras normativas, todas elas especificadas no mencionado informe.

Alegacións sobre a saúde e a calidade de vida:

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana a través do ambiente en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son: a presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos; ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas e funcionamento dos aeroxeradores; residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalacións e no mantemento destas e os residuos xerados na súa eliminación; electrocución, campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o efecto Shadow Flicker ou efecto escintilación.

Respecto do ruído, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite un primeiro informe en que conclúe que non se recolle información ou esta é insuficiente, por canto require a mellora da documentación con relación ás consideracións feitas sobre o ruído. O promotor, co obxecto de dar resposta ao requirido por esa dirección xeral, presenta un estudo acústico preoperacional do parque eólico Monte Festeiros. O 30.6.2022, a Dirección Xeral de Saúde Pública indica que se consideran satisfeitos os requirimentos detallados no informe previo, polo que a Dirección Xeral de Saúde Pública considera que, de se cumpriren os estándares e medidas de seguimento referidas na documentación achegada, se debería asegurar a ausencia de efectos significativos sobre o ambiente dos que poidan derivar afeccións á saúde da poboación.

Respecto dos campos electromagnéticos, o promotor presenta no anexo IX do EIA unha estimación das emisións electromagnéticas que puidesen producir as instalacións que conforman o parque eólico, e o seu posible efecto sobre as persoas que se atopen próximas ás ditas instalacións. Nese estudo conclúese que se cumpren as medidas establecidas no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte ás emisións radioeléctricas, que regula os valores máximos admitidos.

Con respecto ao campo eléctrico, verifican que os valores obtidos para os aeroxeradores dada a súa natureza metálica, as celas metálicas do edificio de control, así como o exterior do recinto da aparellaxe nas zonas de acceso ao público no exterior do recinto, están moi por debaixo dos límites máximos de exposición de 5 kV/m. E a rede de media tensión soterrada non produce ningún campo eléctrico sobre o solo.

Respecto do efecto de escintilación de sombras, a empresa promotora realizou un estudo do potencial impacto para o peor escenario posible. A modelización empregada conclúe que ningún dos puntos receptores supera o máximo teórico de 30 horas/ano.

Respecto á contaminación lumínica derivada das balizas luminosas e afeccións ás observacións astronómicas dos obxectos celestes, é preciso subliñar que os aeroxeradores que compoñen o parque eólico se consideran, polas súas dimensións, obstáculos para a navegación aérea e, por tanto, resulta obrigado o seu balizamento luminoso, tanto diúrno como nocturno, para garantir a seguridade do tráfico aéreo.

Para evitar riscos para a navegación aérea, de conformidade co establecido no Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, sobre as servidumes aeronáuticas en territorio nacional, espazo aéreo e augas xurisdicionais, toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (en diante AESA), entidade encargada do seu control, que solicitará o propio promotor ante AESA, quen, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

Alegacións referidas aos riscos de desprendemento, accidentes e incendios:

Respecto das alegacións referidas aos riscos de desprendemento, accidentes e incendios, a empresa promotora inclúe no estudo de impacto ambiental medidas de prevención de incendios na fase de construción e anexo, onde se recolle unha análise dos posibles riscos do parque eólico fronte a accidentes graves ou catástrofes. Indícanse plans de emerxencia, incluíndo protocolos de actuación ante accidentes, que contribuirán a minimizar as afeccións ambientais, en caso de producirse.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior refire no seu informe que o risco de accidentes graves ou catástrofes é baixo, sen prexuízo de que, de acordo coa normativa de seguridade industrial, o promotor deberá elaborar e implantar na fase de operación, previamente á autorización de inicio da actividade, un plan de autoprotección.

Alegacións sobre o impacto socioeconómico:

En canto ás alegacións sobre a falta de beneficios socioeconómicos para os concellos que albergan as estruturas eólicas, o que provoca, entre outros impactos negativos, o éxodo poboacional, hai que lembrar que a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, prevé no seu artigo 23 a creación do Fondo de Compensación Ambiental para a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial, que estará afectado, de acordo co artigo 25 da devandita lei, á realización de gastos nos entes locais que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

O dito artigo 25 da Lei 8/2009 prevé destinar, como mínimo o 50 % da contía do fondo, ás entidades en que o termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico, ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión, para a realización de:

• Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

• Actuacións de impulso da eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables.

• Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.

En relación co impacto económico negativo xerado polo proxecto sobre as explotacións agrícolas, gandeiras, forestais, madeireiras e establecementos turísticos, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Respecto ás afeccións no turismo rural local e na súa contorna, a Axencia de Turismo de Galicia informa dun impacto reducido no turismo rural, así como na súa contorna, que deberá ser atenuado polas medidas compensatorias e correctivas que se incluirán na declaración de impacto ambiental.

Alegacións sobre as distancias aos núcleos de poboación:

No que respecta ás alegacións sobre distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 4.11.2021, indícase que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Alegacións relacionadas coa recualificación do solo, prevalencia de utilidades públicas e sobre a anulación da función económica local do monte:

En canto ás alegacións sobre afeccións derivadas da recualificación urbanística do solo e prevalencia de utilidades públicas, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural remitiu á XTPO un informe, o 3.2.2022, do Servizo de Montes desta consellería, con base no establecido polo persoal técnico do Distrito XVI: Deza-Tabeirós, en que se indica o seguinte:

A relación dos montes veciñais en man común (en diante MVMC) afectados son: Nercellas, Taboadelo e Lamasgalán de Arriba, no concello de Forcarei, e Currospedriños e Xubín no concello de Silleda. As restantes afeccións refírense a propietarios particulares, sen instrumento de xestión nin certificación forestal.

Segundo se indica no informe, o monte afectado denominado Lamasgalán de Arriba, propiedade da CMVMC, ten un proxecto de ordenación vixente, con núm. de rexistro 3600192, que comprende 131,46 ha.

En canto á clasificación actual do solo, en que se situarán as infraestruturas do parque son: solo urbanizable non sectorizado, protección agrícola e núcleo rural, no concello de Forcarei, e solo non urbanizable normal no concello de Silleda.

Neste informe establécese que, segundo a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no artigo 34, a nova cualificación do solo para o parque eólico deberá ser solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido).

Neste informe tamén se indica que as superficies de afección do parque ao medio forestal virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polo xerador de enerxía eólica e as demais infraestruturas do parque eólico, polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo e, ademais, pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei de montes de Galicia, e mais da normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión de biomasa. Será necesario constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que produzan, almacenen ou transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo e das edificacións e camiños que se constrúan.

En cumprimento do establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, o Servizo de Montes de Pontevedra precisa que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre a compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas, por afectaren montes veciñais en man común.

O informe tamén sinala que a aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal implica unha modificación dos planeamentos municipais dos concellos afectados, polo que procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais.

Pero, neste senso, sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico.

Ademais, en relación coa anulación da funcionalidade económica do monte, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores, o Servizo de Montes, no seu informe, considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías.

Alegacións en relación coa DUP e a RBDA:

En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública e a RBDA, erros de titularidade, características dos bens e dereitos afectados e compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, de ser o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cabe indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondente á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, da acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características.

No que respecta ás compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, en caso de que non se chegue a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

En relación coas parcelas que se incluirán na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44 da Lei 8/2009 especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e cuxa expropiación se considera necesaria.

Alegacións núm. 59 do Concello de Forcarei:

En canto á alegación do Concello de Forcarei, relativa á indefinición e ausencia de claridade de información que impide a análise, co rigor debido, das actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, convén indicar o seguinte:

O artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, de sector eléctrico, sinala que para solicitar a autorización administrativa de construción o titular presentará un proxecto de execución xunto cunha declaración responsable que acredite o cumprimento da normativa que lle sexa de aplicación.

A Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro.

O artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, establece que a unidade tramitadora emitirá ou solicitará, de ser o caso, ao órgano territorial onde se sitúe a instalación, o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

A disposición transitoria sexta da referida Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece que, ata que se proceda ao desenvolvemento regulamentario previsto na referida lei, o contido do proxecto de execución será o indicado para este tipo de instalacións no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, ou norma que o substitúa.

Pola súa banda, a ITC-RAT-20 do referido Real decreto 337/2014, do 9 de maio, establece o contido mínimo dos proxectos técnicos administrativos que se presenten para a tramitación da correspondente autorización administrativa de construción por parte da Administración e que serven de documento básico para a realización da obra. Do mesmo xeito, a ITC-LAT-09 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, indica o contido mínimo destes proxectos para as liñas de alta tensión.

A vista do exposto no punto anterior, conclúese que o proxecto técnico administrativo de que se informa ten o contido establecido nas ITC-RAT-20 do referido Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e na ITC-LAT-09 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, cumprindo así co disposto na DT6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Alegación núm. 60:

En canto á alegación relativa á falta de competencia do técnico redactor, o 10.3.2023 o promotor presentou, na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, o proxecto de execución refundido parque eólico Monte Festeiros. Decembro 2022, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 10.3.2023, e asinado pola enxeñeira industrial Sara Calo Dieste, colexiada núm. 3103 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Gonzalo Cibrao Flores Fuciños, colexiado núm. 35236 do Colexio Profesional de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 14.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monte Festeiros, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 14.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte Festeiros, nos concellos de Forcarei e Silleda (Pontevedra), promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U., considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte Festeiros.

Nos puntos 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Festeiros, sito no concellos de Forcarei e Silleda (Pontevedra) e promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U., para unha potencia de 48 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Festeiros, composto polo documento Proxecto de execución refundido parque eólico Monte Festeiros, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 10.3.2023, con núm. 2021/03488/05, e asinado polos técnicos Sara Calo Dieste e Gonzalo Cibrao Flores Fuciños o 10.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: A.V. Monte Festeiros, S.L.U.

Enderezo social: Vía Faraday núm. 1-2º D, 15890 Santiago de Compostela.

Denominación: parque eólico Monte Festeiros.

Potencia instalada: 48 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 48 MW.

Produción neta: 135.485 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.823 h.

Concellos afectados: Forcarei e Silleda (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 46.878.021,84 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

A

555.540,47

4.723.536,33

B

558.475,21

4.723.231,68

C

559.875,19

4.722.785,20

D

561.875,19

4.722.785,20

E

561.875,19

4.721.785,20

F

560.235,19

4.720.965,20

G

560.071,73

4.720.782,40

H

560.024,30

4.720.835,92

I

559.990,67

4.720.890,45

J

559.985,85

4.720.908,73

K

559.706,70

4.721.005,24

L

558.915,19

4.721.065,20

M

558.495,19

4.720.945,20

N

558.275,19

4.720.445,20

O

558.775,19

4.720.165,20

P

559.095,19

4.719.505,20

Q

558.775,19

4.719.245,20

R

558.770,72

4.719.227,59

S

559.063,56

4.718.716,81

T

558.958,45

4.718.457,91

U

558.611,38

4.718.598,81

V

558.535,00

4.718.297,14

W

557.875,19

4.718.464,19

X

557.875,19

4.718.785,20

Y

556.875,18

4.720.785,20

Z

555.449,73

4.722.550,16

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

Modelo

MF-01

557.276,78

4.720.968,62

V136

MF-02

558.072,90

4.720.440,90

V136

MF-03

558.033,57

4.722.230,08

V136

MF-04

559.738,96

4.722.453,14

V150

MF-05

559.976,61

4.722.208,63

V136

MF-06

560.253,61

4.721.970,69

V150

MF-07

560.569,37

4.721.759,90

V150

MF-08

560.914,94

4.721.530,78

V150

MF-09

561.665,11

4.722.013,19

V150

MF-10

561.564,38

4.722.539,34

V150

Coordenadas das torres meteorolóxicas do parque eólico:

Torre medición

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

1

557.850,92

4.721.035,61

2

560.357,25

4.721.688,09

Coordenadas do centro xeométrico da subestación e da súa envolvente:

ID

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

C. xeométrico

560.160,00

4.722.505,00

A

560.168,54

4.722.548,70

B

560.186,84

4.722.551,30

C

560.196,08

4.722.482,05

D

560.131,30

4.722.473,43

E

560.124,18

4.722.528,50

F

560.170,43

4.722.534,62

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

1. 10 aeroxeradores tripá modelo Vestas: 4 V-136 e 6 V-150. Dous V-136 terán limitada a súa potencia nominal para se adaptaren á potencia máxima do parque eólico (48 MW). A altura será variable: os V-136 terán 82 m, dous V-150 terán 105 m e os outros catro serán de 152 m, a lonxitude de pa de 73,66 m para os V-150 e 66,66 m para os V-136. Cada un deles estará equipado cun transformador elevador 0,72/30 kV no seu interior.

2. 2 torres de medición modelo MADE ou similar:

1. A torre de medición 1 terá unha altura de 82 m. Colocaranse os seguintes aparellos de medida:

1. 2 anemómetros a 82 e 62 metros

2. 2 cataventos a 79 e 59 metros.

3. Termohigrómetro a 77 metros.

4. Barómetro a 77 metros.

2. A torre de medición 2 terá unha altura de 125 m, cos seguintes aparellos de medida:

1. 3 anemómetros a 125, 105 e 85 metros.

2. 3 cataventos a 122, 102 e 82 metros.

3. Termohigrómetro a 120 metros.

4. Barómetro a 120 metros.

3. A rede de media tensión do parque recollerá a enerxía xerada polos aeroxeradores, transportarase ata a subestación colectora 30/132 kV Monte Festeiros e estará formada polos seguintes elementos:

1. 10 centros de transformación, grupo de conexión Dyn11 e tensión 0,72/30 kV situados no interior dos aeroxeradores.

2. 3 liñas soterradas (de sección variable) de 30 kV para conectar os aeroxeradores entre si e coa subestación colectora do parque. Circuíto núm. 1 MF1, MF2, MF3 coa SET cunha lonxitude de cable 6,329 km e potencia 10,20 MW; circuíto núm. 2 MF8, MF9, MF10 coa SET de lonxitude de cable 5,062 km e potencia 16,80 MW, e circuíto núm. 3 MF4, MF5, MF6, MF7 de 1,990 Km con potencia 21,00 MW.

Os condutores de media tensión serán de tipo RHZ1 18/30 kV Al + H16/25 e sección variable. En paralelo á canalización eléctrica, instalarase o cable de posta á terra de cobre e sección 50 mm2. Estímase unha lonxitude total de vías de 10.507,39 m (5.029,08 m de nova construción e 5.385,89 m que se acondicionarán).

1. Subestación transformadora Monte Festeiros, onde se elevará a tensión de entrada de 30 kV a unha tensión de saída de 132 kV por medio dun transformador 132/30 kV de 50/55 MVA ONAN/ ONAF. Contará cun parque de intemperie, onde estará a aparellaxe de 132 kV e será de tecnoloxía compacta tipo módulos PASS M0 de ABB ou similar e unha parte cuberta para a aparellaxe de 30 kV.

Estará composta dos seguintes elementos:

2 posicións de liña de 132 KV cos equipamentos necesarios de protección e medida.

Un transformador de 50/55 MVA ONA ONAF de relación de transformación 132:30 KV.

Unha reactancia de posta á terra de 30 kV.

Unha posición de transformador de 30 kV.

Unha posición de medida de tensión de barras de 30 kV.

Posicións de liña de 30 kV para conexión dos aeroxeradores.

Unha posición de transformador de servizos auxiliares.

Un transformador de servizos auxiliares de 30/0,4 kV de 100 kVA.

Para realizar as funcións de control, mando e protección da instalación montaranse:

• Baterías de corrente continua 125 Vcc.

• Servizos auxiliares.

• Proteccións eléctricas.

• Sistema de control e SCADA.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 467.023 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Augas de Galicia, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.1 e 4.1.3 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Xunto coa documentación presentada para a solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante á xefatura territorial certificado do fabricante en que conste a limitación mecánica de potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 14.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais