Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33105

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 9 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR802R).

A Constitución española establece, no seu artigo 40, a obriga dos poderes públicos de promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, de realizar unha política orientada ao pleno emprego. Así mesmo, recolle no artigo 129 a obriga de promover eficazmente as diversas formas de participación na empresa e de fomentar, mediante unha lexislación adecuada, as sociedades cooperativas, así como a de establecer os medios que faciliten o acceso das persoas traballadoras á propiedade dos medios de produción.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando o recollido no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas. As sociedades laborais están reguladas na Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais e participadas.

As cooperativas e as sociedades laborais forman parte, entre outras entidades, da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.

A economía social abrangue o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo das persoas que as integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos. A Lei da economía social de Galicia recoñece, no seu artigo 14, como de interese xeral e social a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades de economía social e as súas organizacións representativas.

Polo tanto, a economía social é un factor fundamental na sociedade actual que achega formas organizativas que introducen un conxunto de principios, valores e obxectivos comúns, a prol dun modelo económico inclusivo, baseado no convencemento de que a primacía da persoa e do obxecto social, a gobernanza democrática e participativa e a aplicación dos principios de solidariedade e responsabilidade permiten combinar actividades económicas sustentables cun impacto social positivo.

A Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, a través dunha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que a integran, ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as ditas entidades para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lles son propios, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como o establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndenlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as competencias na Comunidade Autónoma en materia de cooperativismo e economía social.

A economía social promove emprego estable e de calidade, é pioneira en innovación social, ofrece solucións a retos económicos e sociais, contribúe activamente á cohesión social, ao impulsar a inclusión social, e é un modelo de igualdade de oportunidades para todas as persoas. É, polo tanto, un factor clave para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS), xa que proporciona respostas innovadoras ás necesidades complexas e crecentes da poboación.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden facer efectiva a promoción das cooperativas e das sociedades laborais, como empresas da economía social, que demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

Estas axudas están destinadas a reforzar a economía galega en termos de emprego e de actividade económica, co obxecto de fomentar a economía social mediante fórmulas empresariais máis sustentables no tempo. Cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional; para a unión de persoas autónomas que precisen dunha maior seguridade, fortaleza e solvencia que acadarán cunha destas fórmulas de economía social, así como para as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a cal traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral.

É importante impulsar estes proxectos de transformación a través dunha cooperativa ou sociedade laboral para acadar un modelo económico inclusivo que contribúa a manter un emprego estable e unha actividade económica que teña un impacto social positivo. Deste xeito, apóiase o mantemento da actividade económica nun contexto de crise, alta inflación, incremento dos tipos de xuro e dificultade no acceso ao financiamento. Estas axudas facilitarán a liquidez necesaria para realizar investimentos (adquisición de activos imprescindibles para a operatividade produtiva), asesoramentos (no cumprimento das preceptivas obrigas legais ou respecto da planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación), servizos especializados enfocados á profesionalización e desenvolvemento estratéxico da nova entidade, e gastos correntes no inicio da súa actividade. Cómpre salientar, neste sentido, a compatibilidade desta orde de axudas con outras destinadas ao fomento do emprendemento en economía social.

Polo que respecta ao procedemento de concesión, establécese a concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tendo en conta que a finalidade e o obxecto da subvención é o fomento da recuperación da actividade económica do tecido empresarial a través das entidades da economía social de Galicia, que redundará directamente nun beneficio social e económico xeral, non se considera necesario facer unha prelación das solicitudes presentadas, pois todas as entidades en que concorran os requisitos establecidos na convocatoria conseguen a dita finalidade por igual. Ademais, prevese a suficiencia do crédito para atender a totalidade das solicitudes que se poidan presentar.

As axudas previstas nesta orde fináncianse con cargo a fondos finalistas do Estado procedentes do Servizo Público de Emprego Estatal por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Por todo o exposto, unha vez consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o establecemento de pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR802R).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas previstas nesta orde fináncianse con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A distribución inicial de crédito fíxase na convocatoria de subvencións establecida nesta orde. Os importes consignados poderán verse modificados ou incrementados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles en cada convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Así mesmo, de producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito.

As ampliacións e as reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a seguir:

a) Constitución por ausencia de remuda xeracional:

Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).

b) Constitución por persoas autónomas:

Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.

c) Constitución por transformación:

c.1) Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude.

Esta transformación será acordada pola Xunta Xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría exixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará necesariamente o cumprimento de todos os requisitos exixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

c.2) Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa logo de adopción, elevación a públicos e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral, ou logo de adopción, elevación a públicos e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.

A transformación en cooperativa ou sociedade laboral deberá estar debidamente inscrita no rexistro correspondente na data da solicitude.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas á presentación de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes desde o momento de presentación da solicitude.

e) Acreditación da formalización da constitución ou da transformación segundo a documentación complementaria requirida no artigo 11.1.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Que as persoas promotoras ou integrantes das cooperativas ou sociedades laborais fosen condenadas en sentenza firme por delito contra o patrimonio, contra a orde socioeconómica, de falsidade documental, contra a Facenda pública, a Seguridade Social ou contra os dereitos das persoas traballadoras.

b) Que as persoas promotoras ou integrantes das cooperativas ou sociedades laborais fosen condenadas por sentenza firme como persoa afectada pola cualificación de procedemento concursal declarado culpable.

c) Que estean incursas nalgunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria, sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación.

2. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.

3. Obtención de certificacións de calidade.

4. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.

5. Plan de protección de datos.

6. Equipamento informático.

7. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

8. Mellora na eficiencia enerxética.

9. Adquisición de equipamento.

10. Reforma do local de negocio.

11. Mobiliario.

12. Elementos de transporte.

Os servizos descritos nos números 1, 2, 3, 4 e 5 deberán estar implantados no período de execución.

En ningún caso será gasto subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin outro imposto indirecto cando sexa susceptible de recuperación ou compensación, de conformidade co artigo 31.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 7. Contía das axudas

1. A contía da axuda será equivalente ao 90 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

• 4.000 € para o gastos incluído no concepto 1 do artigo 6.

• 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.

O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados no artigo 6 establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria. No caso de que se solicite unha contía superior, concederase o importe da axuda de acordo coa orde de prelación dos gastos establecida no artigo 6 desta orde.

2. A contía da axuda do número 1 deste artigo poderá incrementarse en 3.000 € por cada unha das condicións que se cumpra das que se sinalan a continuación, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria:

a) 3.000 € no caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.

b) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por mulleres.

c) 3.000 € no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se encontren subrepresentadas.

d) 3.000 € no caso das entidades que estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.

e) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.

f) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.

g) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.

h) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.

3. A axuda total para cada entidade beneficiaria polos conceptos recollidos nos números 1 e 2 deste artigo non poderá exceder os 74.000 euros.

Artigo 8. Definicións

1. Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Cooperativa: sociedade cooperativa galega inscrita no Rexistro de Cooperativas de Galicia dependente da Xunta de Galicia na data de presentación da solicitude. Esta circunstancia será verificada de oficio pola Administración e deixará constancia no expediente.

b) Sociedade laboral: sociedade cualificada como laboral no Rexistro de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e inscrita no Rexistro Mercantil na data de presentación da solicitude.

c) Ausencia de remuda xeracional: situación en que unha entidade ou persoa autónoma se ve obrigada a cesar totalmente a súa actividade mercantil/profesional por causa de crise, xubilación ou incapacidade das persoas promotoras.

d) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada no nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, consideraranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

e) Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Sen prexuízo do anterior, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, segundo o disposto no artigo 4.2 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro. A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

f) Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e a descendencia de primeiro grao das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a. Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b. Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c. Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculada a un concello galego no Padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d. Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

g) Persoa trans: persoa cuxa identidade sexual non se corresponde co sexo asignado ao nacer, segundo a definición recollida no artigo 3.k) da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

h) Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2016-2020 nos grupos ocupacionais segundo a nova Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que no ano 2020 reflicten valores de contratación inferiores ao 40 % de representación feminina e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

2. Respecto dos conceptos subvencionables recollidos no artigo 6, para os efectos desta orde entenderase por:

a) Asesoramento legal: asesoramento profesional documentado para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación dunha entidade preexistente nunha destas entidades de economía social. Tamén serán subvencionables os gastos notariais e rexistrais relativos ao proceso de constitución ou transformación na entidade beneficiaria.

Tamén se poderán incluír gastos de informe de auditoría e os informes dos expertos independentes sobre o patrimonio social que sexan legalmente preceptivos para o proceso de transformación.

b) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade: creación das imaxes, nomes, marcas e, en xeral, o conxunto de elementos que serven para conformar a identidade externa da empresa ou negocio. Terase especial coidado para garantir a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

c) Obtención de certificacións de calidade: elaboración de procedementos, informes e documentación vinculados a unha certificación de calidade que mellore a imaxe dos produtos e servizos da solicitante, favorezan o seu desenvolvemento e afiancen a súa posición no mercado, acadando con isto unha vantaxe competitiva. Inclúense tanto a primeira certificación como a renovación, sempre que sexa no período de execución.

d) Márketing, comunicación ou relanzamento comercial: serán subvencionables os gastos relativos á publicidade en medios (prensa, radio, TV), nas redes (redes sociais, banners ou similares), e merchandising. Terase especial coidado para garantir a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

e) Plan de protección de datos: documento que recolle o conxunto de medidas necesarias para adaptar a entidade á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPD) e ao Regulamento europeo de protección de datos (RXPD) 2016/679.

f) Equipamento informático: considérase equipamento informático, para os efectos desta orde, os aparellos electrónicos e servizos anexos que posibiliten unha maior eficiencia no procesamento, almacenamento e visualización da información. Entre outros, considéranse as tabletas, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles ou similares, equipamentos de rede, servidores, conexión á internet, escáneres e similares, sempre que se destinen exclusivamente ao desenvolvemento da actividade económica da entidade solicitante.

En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

g) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a un software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos á medida e das páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

h) Mellora na eficiencia enerxética: toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que abrangue desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria e instalacións.

Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: enténdese por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.

i) Adquisición de equipamento: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as cales se mellore o proceso produtivo.

j) Reforma do local do negocio: obras de sinxeleza técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

k) Mobiliario: conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa, como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

Exclúese a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola cal a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.

l) Elementos de transporte: vehículos de todas clases afectos á actividade económica da entidade beneficiaria e utilizables para o transporte de persoas, animais, materiais ou mercadorías. Están incluídos os elementos de transporte novos e os adquiridos no mercado de segunda man. O concepto subvencionable inclúe o prezo de adquisición do elemento de transporte, o seguro de accidentes e os impostos que sexan subvencionables de conformidade co artigo 31.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. En virtude do disposto neste precepto, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos (IVE) cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Artigo 9. Subvencións baixo a condición de minimis

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

1. Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Cando se trate dunha única empresa que realice por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada, o importe total das axudas de minimis concedidas non excederá os 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, sen que estas axudas poidan utilizarse para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

2. Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

b) Cando se actúe mediante representación, achegarase un poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, achegaranse as facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia – sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas – cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas con ela ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Así mesmo, a persoa solicitante deberá achegar os seguintes documentos en función do suposto en que incorra respecto dos relacionados no artigo 5.1:

d.1) No caso do artigo 5.1.a), de ausencia de remuda xeracional:

i. Soporte documental acreditativo de despedimento ou extinción por outras causas dos contratos laborais das persoas socias promotoras da entidade de nova constitución ou cooperativistas coa persoa ou entidade empregadora, mediante algún dos seguintes medios:

(a) Documentación acreditativa do despedimento ou extinción da relación laboral das persoas socias integrantes da sociedade laboral ou cooperativa, por causas alleas á vontade da persoa traballadora, a través dalgún dos seguintes medios: comunicación escrita do empresario extintiva da relación laboral conforme o artigo 55.1 do Estatuto dos traballadores, acta de conciliación ou resolución xudicial con declaración de firmeza.

(b) Ademais, para o caso de peche de feito, sen remisión de carta de despedimento ou en situación pendente de declaración xudicial de extinción do contrato de traballo: testemuño de presentación de demanda ante o xulgado do social por falta de pagamento de salarios por un prazo superior a tres meses, acreditación de peche do establecemento e incumprimentos do empresario mediante acta da Inspección de Traballo).

ii. Escritura pública de constitución e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

d.2) No caso do artigo 5.1.b), de constitución por persoas autónomas: alta no Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), así como documentación acreditativa do período de alta no réxime especial de autónomos ou na mutualidade do colexio profesional das persoas promotoras. Achegarase tamén a escritura pública de constitución da nova entidade e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

d.3) Nos casos do artigo 5.1.c), de constitución por transformación: achegarase a escritura pública de transformación e a acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

e) No caso de que a entidade solicitante estivese formada maioritariamente por emigrantes retornados, achegaranse os documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, a documentación que acredite o vínculo con esta. Tamén se achegarán os certificados de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

f) No caso de que a entidade solicitante estivese formada maioritariamente por persoas trans, achegarase a documentación que xustifique a obtención ante o Rexistro Civil da rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun sexo diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) No caso de que a entidade beneficiaria estivese formada maioritariamente por persoas con discapacidade, a documentación acreditativa da discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

e) Vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias da entidade solicitante.

f) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

h) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

l) Informe dos períodos de inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego das persoas socias da entidade solicitante.

Consultaranse, ademais , os seguintes datos dos socios da entidade solicitante cando se faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación do padrón.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as comprobacións no artigo 13.1 desta orde.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes do procedemento regulado nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 16. Resolución e recursos

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención é a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

En particular, o órgano instrutor recibirá as solicitudes e comprobará os seus requisitos formais. Así mesmo, encargarase de elevar as propostas de resolución ao órgano competente para a resolución do procedemento.

2. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, ata o esgotamento do crédito orzamentario.

4. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

5. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2023. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Estimación parcial da solicitude

No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos ou investimentos para os cales non exista crédito suficiente, poderá estimarse parcialmente. De se producir a ampliación ou redistribución de créditos a que se refire o parágrafo 3 do artigo 4, poderanse atender as solicitudes que non puideron ser estimadas na súa integridade, por orde de presentación.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Pagamentos anticipados

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados concederanse logo de resolución motivada, de acordo co disposto no artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 90 % do importe da subvención concedida.

b) As entidades beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) O pagamento realizarase de oficio, agás oposición expresa da entidade interesada, que o deberá indicar no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude de axuda.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. O pagamento final das subvencións quedará condicionado á presentación da seguinte documentación:

a) Anexo II de solicitude de pagamento.

b) Facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

c) Documentación xustificativa dos gastos realizados:

• Memoria explicativa das actuacións, xunto con fotografías dos investimentos realizados, se é o caso. No caso da elaboración do plan de protección de datos, copia do plan elaborado, asinado electronicamente polo prestador do servizo.

• Gastos de reforma do local de negocio: fotografías dos investimentos realizados. Deberase entregar unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois.

d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 23.g) desta orde.

e) Breve documento explicativo do procedemento e da denominación desagregada (contas, subcontas, código...) empregados para manter os gastos financiados de forma separada na contabilidade.

2. A presentación das solicitudes de pagamento realizarase unicamente a través de medios electrónicos na forma sinalada no artigo 15 no prazo que se sinale na convocatoria ou, de ser o caso, o que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A solicitude de pagamento (anexo II) e a documentación exixida para a fase de xustificación poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención, á opción da entidade interesada. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

5. En canto á forma de xustificación, deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

6. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

7. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria.

8. Só se admitirán como documentación xustificativa do pagamento dos gastos, documentos bancarios en que consten o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde se poidan identificar os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

9. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

11. Se da documentación presentada pola persoa ou entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

Se a contía xustificada é inferior á anticipada, procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a beneficiaria poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 24.

12. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 22. Réxime de incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas axudas previstas nos dous programas de Aprol-Economía social (códigos de procedemento TR802G e TR802J).

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas subvencións establecidas nos diferentes programas dirixidos ao apoio a iniciativas de emprego, sempre que haxa identidade entre os mesmos conceptos subvencionables.

3. As subvencións obxecto desta convocatoria serán incompatibles con outras subvencións ou axudas que poidan concederse, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou de organismos internacionais.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou doutros órganos da Administración do Estado e da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

As entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos recibidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). De acordo con esta obriga, as entidades beneficiarias deberán anunciar no seu domicilio social e nos centros de traballo que están sendo subvencionados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo SEPE. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público de tamaño mínimo A3 que inclúa o nome da entidade, os logotipos da Xunta de Galicia, do SEPE e do Ministerio de Traballo e Economía Social. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a axuda financeira recibida do SEPE.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que constan na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na ligazón https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

h) Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial e o emprego xerado.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.

i) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

Artigo 24. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidos á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 23.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f), g) e i) do artigo 23, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) Non estar debidamente inscrita a entidade no Rexistro de Cooperativas de Galicia, ou no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia e Rexistro Mercantil, segundo o caso, na data da solicitude: o reintegro do 100 % da subvención concedida.

e) O incumprimento da obriga en materia de publicidade, previsto no artigo 23.g): reintegro do 10 % da subvención concedida.

f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 10 % da axuda concedida.

h) O incumprimento da obriga de mantemento da forma xurídica, actividade e emprego xerado, prevista no artigo 23.h): reintegro do 100 % da axuda.

Artigo 25. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas e entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a persoa e entidade beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados, con indicación da contía que se devolve. Coa memoria deberase achegar a copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 26. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

CAPÍTULO II

Convocatoria de subvencións para o ano 2023

Artigo 27. Convocatoria

Convócanse para a anualidade 2023 as subvencións reguladas polas bases contidas nesta orde para a transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, das sociedades mercantís e das persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a exercer unha actividade económica.

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da Consellería.

Artigo 29. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2023.

Os servizos e/ou investimentos subvencionables deberán estar realizados no período de execución indicado e as facturas deberán estar emitidas no dito período, ao igual que os plans, informes e demais entregables dos servizos desenvolvidos.

Artigo 30. Xustificación das accións subvencionadas

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionadas serán as sinaladas na resolución de concesión e, de ser o caso, como máximo o 10 de novembro de 2023.

Artigo 31. Financiamento

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 2.370.000 €, que se financiarán con cargo ao código de proxecto 2021 00067, distribuído nas seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria

Código do proxecto

Importe

11.30.324C.471.0

2021 00067

570.000 €

11.30.324C.771.0

2021 00067

1.800.000 €

Total

2.370.000 €

Os gastos subvencionables do artigo 6 e os incrementos regulados no artigo 7.2 desta orde imputaranse a estas aplicacións orzamentarias do seguinte xeito:

Os conceptos subvencionables establecidos nos números 1, 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.4 das bases reguladoras imputaranse ao crédito orzamentario 11.30.324C.471.0. Os conceptos subvencionables son os seguintes:

1. Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación.

2. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.

3. Obtención de certificacións de calidade.

4. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.

5. Plan de protección de datos.

O resto dos conceptos subvencionables regulados no artigo 6 das bases reguladoras imputaranse ao crédito orzamentario 11.30.324C.771.0.

A totalidade dos incrementos da axuda, regulados no artigo 7.2 das bases reguladoras imputaranse ao crédito orzamentario 11.30.324C.471.0.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file