Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33431

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 31 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais ou sanitarios, dos locais destinados para tal fin no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra (código de procedemento PR701A).

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, regula no artigo 31 as medidas de fomento das asociacións, determinando especificamente que as administracións públicas, no ámbito das súas competencias, promoverán e facilitarán o desenvolvemento das asociacións e entidades que persigan finalidades de interese xeral, ofrecendo a colaboración necesaria a aquelas persoas que pretendan emprender calquera proxecto asociativo. A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude das competencias atribuídas a esta pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma Galega, e no ámbito das súas atribucións, fomentará o establecemento de mecanismos de asistencia, servizos de información e campañas de divulgación e recoñecemento das actividades das asociacións que persigan obxectivos de interese xeral, e poderá establecer con elas, a colaboración necesaria en programas de interese social, cultural e sanitario.

No mesmo sentido, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula nos artigos 255 e 256 as asociacións de veciños, determinando especificamente que os concellos galegos favorecerán o desenvolvemento das que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, que as constituídas con esta finalidade terán a consideración de entidades de participación cidadá, que poderán federarse dentro de cada municipio; que a Xunta de Galicia levará un rexistro xeral en que se inscribirán as existentes na Comunidade Autónoma e que a ela lle corresponde, a través da consellería competente en materia de réxime local, prestarlles a debida asistencia e axuda.

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atribúelle a esta consellería a competencia en materia de asociacións, fundacións e entidades que persigan finalidades de interese xeral, así como as relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local sendo, en particular, competencias da Dirección Xeral de Administración Local o fomento do asociacionismo veciñal e o impulso, estudo e control do cumprimento da Lei de Administración local de Galicia e demais normativa de réxime local, así como o exercicio das competencias que nesa materia lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

No ano 2017, a Xunta de Galicia dá comezo ás actuacións necesarias para a posta ádisposición do edificio de Benito Corbal, situado no centro da cidade de Pontevedra, para albergar nas súas tres primeiras plantas (planta baixa, planta primeira e planta segunda) as oficinas de emprego, nas plantas terceira e cuarta, oficinas e locais de entidades e asociacións de interese social, cultural ou sanitario, as tres seguintes plantas para a Universidade de Vigo e a derradeira planta para a Fundación Manuel Moldes. As obras no edificio, de case 6.000 metros cadrados de superficie, estarían rematadas no primeiro trimestre de 2019.

Por Orde do 14 de setembro de 2018, da Consellería de Facenda, adscríbense as plantas terceira e cuarta do edificio situado na rúa Benito Corbal 47 de Pontevedra a prol da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Mediante a Orde do 16 de xaneiro de 2019 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais ou sanitarios, dos locais destinados para tal fin no edificio administrativo citado, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo. O artigo 3 da orde establecía que o prazo máximo de duración das autorizacións de uso, incluídas as prórrogas, sería de catro anos, consonte o artigo 39.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Transcorrido o prazo máximo, estas autorizacións quedarían extinguidas.

Por Resolución do 9 de xullo de 2019, da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en Pontevedra, adxudicouse a autorización de uso dos locais solicitados ao abeiro da citada Orde do 16 de xaneiro de 2019. A actualización remata o vindeiro 15 de xullo de 2023 e, polo tanto, procede tramitar unha nova convocatoria.

En virtude do exposto, e tras o informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais ou sanitarios, dos locais que se van destinar para tal fin no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra (código de procedemento PR701A).

A finalidade da orde é poder autorizar a ocupación temporal dos devanditos locais por asociacións e entidades sen ánimo de lucro, para usos sociais, culturais ou sanitarios. Esta autorización terá carácter gratuíto, consonte o disposto no artigo 39.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro autorizadas para o uso dos locais deberán facerse cargo da subministración eléctrica destes.

Artigo 2. Bens obxecto da convocatoria, características e localización

Os bens obxecto desta convocatoria atópanse nos andares terceiro e cuarto do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, núm. 47, 36001 Pontevedra, pertencente á Comunidade Autónoma de Galicia e que está adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A superficie total que abranguen os devanditos dous andares, atópase dividida en locais de dous tipos, 22 locais tipo A (de 20-27 metros cadrados aproximadamente de superficie) e 4 locais tipo B (de 40 metros cadrados aproximadamente de superficie), diáfanos e independentes. Estes locais serán asignados aos beneficiarios que resulten das autorizacións de ocupación, consonte o establecido no artigo 10 desta orde, ata que se esgoten na súa totalidade. Se, finalmente, resultan menos solicitantes que locais dispoñibles, os locais non adxudicados quedarán á disposición da Xunta de Galicia.

O número máximo de locais que se poderán adxudicar por solicitante será de (1) un [ou un (1) local tipo A ou un (1) local tipo B]. Así mesmo, os locais autorizados a cada entidade entregaranse diáfanos e exclusivamente con instalacións de climatización, alumeado e tomas de corrente.

Artigo 3. Procedemento de adxudicación de locais e modalidade da autorización do uso

Ao abeiro do disposto no artigo 39 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, as autorizacións demaniais outorgaranse directamente aos solicitantes que reúnan as condicións requiridas, salvo que, por calquera circunstancia, se atopase limitado o seu número, caso en que se outorgarán en réxime de concorrencia.

Deste modo, o procedemento para a adxudicación dos locais tramitarase mediante o réxime de concorrencia, xa que é necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento da superficie dispoñible.

O prazo máximo de duración das autorizacións de uso, incluídas as prórrogas, será de catro anos, consonte o artigo 39.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. Transcorrido este prazo máximo, estas autorizacións quedarán extinguidas e iniciarase, se é o caso, un novo procedemento de adxudicación dos locais que se recollen nesta orde.

Artigo 4. Beneficiarios e requisitos

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro deberán presentar as súas solicitudes de xeito individual, aínda que poderán optar polo uso compartido de locais mediante agrupación destas. En todo caso requirirase que todas as entidades que se presentan cumpran cos requisitos que se citan a continuación.

Poderán ser beneficiarios aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que, consonte os seus estatutos, na data da publicación desta orde, o seu domicilio se atope no concello de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra; tamén se admitirán aquelas que, fóra destes casos, acrediten realizar a meirande parte da súa actividade no municipio de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra.

b) Que non teñan ánimo de lucro e que os seus fins sexan de interese social, cultural, deportivo, sanitario ou outros de relevancia social.

c) Que se atopen legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que se atopen ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

e) No caso de estar obrigadas, ter depositado as contas no rexistro público correspondente. Este requisito deberá ser cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As asociacións e entidades que cumpran co recollido no artigo 4, que desexen dispoñer dun local en calquera das dúas plantas que se citan no artigo 2 desta orde, presentarán solicitude dirixida á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta orde.

No caso de optar polo uso compartido de locais mediante agrupación destas, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro integrantes nomearán un/unha representante dunha delas como representante único, que actuará como coordinador/a e interlocutor/a único ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra. Neste caso, a autorización de uso será compartido para todas as entidades solicitantes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, htps://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (htps://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. As entidades que opten polo uso compartido de locais non poderán presentar unha solicitude individual nin optar por outra candidatura de uso compartido. Cando o órgano tramitador observe que unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro participa en máis dunha solicitude, porallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez (10) días, poida desistir das solicitudes que sexan necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo. De non se ter recibido comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que participe.

Artigo 6. Documentación complementaria

1.As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (código de procedemento PR701A).

b) Certificación emitida polo/pola secretario/a da asociación ou entidade (anexo II) en que se faga constar o acordo do órgano competente da asociación ou entidade para tramitar, ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra, a solicitude de autorización de uso de locais que se pretenden tramitar ao abeiro desta orde. No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións establecidas na orde e deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O acordo estará referido a todas as actuacións que se recollen na memoria xustificativa que se menciona na alínea c). O incumprimento deste requisito constituirá causa de non admisión da solicitude. Neste documento tamén certificará:

– Que a asociación ou entidade ten o seu domicilio, na data de publicación desta orde, no concello de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra ou ben que desenvolven a meirande parte da súa actividade no municipio de Pontevedra, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra.

– Que consonte os seus estatutos, a asociación ou entidade non ten ánimo de lucro e que os seus fins son de interese social, cultural, deportivo, sanitario o outros de relevancia social.

– De ser o caso, que ten a obriga de ter depositado as contas no rexistro público correspondente e que cumpre con este requisito na data de presentación desta solicitude.

c) Memoria xustificativa da necesidade do local que se solicita, asinada electronicamente polo/a representante da asociación ou entidade. Nesta memoria recolleranse os seguintes datos:

– Local que se solicita. Por cada solicitude poderase pedir:

a) Ou un local tipo A.

b) Ou un local tipo B.

Os locais tipo A teñen entre 20 e 27 metros cadrados aproximadamente de superficie e os locais tipo B teñen 40 metros cadrados aproximadamente de superficie.

– Adecuación do uso ao cal se vai destinar o local e previsión de actividades da asociación ou entidade para o ano en curso e o seguinte: deberá definirse claramente a necesidade do local que se solicita, os obxectivos para o ano en curso e o seguinte, a descrición das actividades que se van realizar e o orzamento desagregado para o dito período e un cronograma. No citado cronograma definiranse claramente a previsión de actividades que se van realizar cada mes do ano en curso e o seguinte, e engadirase tamén o orzamento de cada mes para realizar as ditas actividades.

– Relevancia social: deberá indicarse o carácter do/dos proxecto/s que se desenvolverá/n no local solicitado, que poderán ser: de igualdade de mulleres e homes; risco de exclusión ou marxinación e a súa integración social; saúde; para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade ou dependentes; iniciativas sociais, culturais e xuvenís; deportes; outros. Para que se poida aplicar correctamente a puntuación que se recolle no artigo 11 desta orde, a redacción deste punto na memoria, deberá ser o máis concreta e ampla posible, para a súa mellor interpretación pola Comisión de Valoración.

– Número de beneficiarios e incidencia na participación: indicarase o número previsto de persoas ao ano que serán beneficiarias da atención no local asignado. Deberase indicar o número aproximado de persoas que se prevé atender ao ano, non un dato xeneralista ou poboacional.

Para determinar o número de beneficiarios deberán achegar a memoria de actividades, o plan de actuación ou unha declaración responsable do representante da asociación ou entidade solicitante.

– A asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá xustificar que desenvolve, maioritariamente, a súa actividade no ámbito territorial do concello de Pontevedra e indicar o ano de implantación da entidade no concello de Pontevedra, ou nos concellos limítrofes ou na súa bisbarra. No caso daquelas que teñan a súa sede social fóra do concello de Pontevedra e dispoñan dunha delegación ou establecemento neste, deberán desagregar, por anos, a atención prestada nesa delegación.

– Atención da asociación ou entidade no desenvolvemento das actividades previstas. Indicarase o horario de atención ás persoas beneficiarias da asociación no local que se solicita.

– Opcionalmente, compromiso expreso da entidade solicitante para a utilización da lingua galega na documentación presentada e na realización das actividades para as cales se solicita o local.

– Opcionalmente, epígrafe en que se recollan as actuacións previstas pola entidade solicitante que incentiven a igualdade de mulleres e homes no desenvolvemento diario das súas actividades ou achegar unha certificación de excelencia en igualdade ou similar.

– De ser o caso, documentación que acredite a declaración de utilidade pública.

– De ser o caso, documentación que acredite a recepción de premios dentro do eido local.

d) No caso de que se opte polo uso compartido de locais, achegarase o acordo asinado polos/as representantes das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro solicitantes que recolla, de xeito expreso, a súa conformidade coa tramitación da súa solicitude mediante a opción de uso compartido de locais, así como o nomeamento do/da representante único/a e a porcentaxe prevista de utilización por parte de cada unha das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, do espazo solicitado e a aceptación das condicións establecidas nesta orde (anexo III).

No caso de optar polo uso compartido de locais, presentarase toda a documentación anterior por cada unha das entidades participantes, de xeito individual. O anexo III deberá estar asinado electronicamente por todos os representantes das asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desexen participar na opción de uso compartido dos locais, pero unicamente será presentando coa solicitude da asociación ou entidade sen ánimo de lucro cuxo representante fose nomeado representante único, segundo o disposto no segundo parágrafo do artigo 5.1 desta orde.

Todos os documentos anexados serán arquivos do formato PDF.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Defectos na solicitude

O defecto nas solicitudes será notificado ás persoas interesadas pola Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra e daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas.

Estas notificacións efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 8. Comprobación de datos

1.Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Certificado de inscrición no correspondente rexistro da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de ter presentado as últimas contas no rexistro correspondente, no suposto de que teñan a obriga de presentalas.

No caso de que se opte polo uso compartido de locais, a consulta realizarase por cada unha das entidades solicitantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle ao Servizo de Xestión Técnico-Administrativa e Interior da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra.

2. Sendo unha convocatoria en réxime de concorrencia, as adxudicacións resolveranse como resultado da valoración feita pola Comisión a que se refire o parágrafo seguinte a cada unha das solicitudes presentadas en forma e prazo.

3. Recibidas e tramitadas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas por unha Comisión de Valoración presidida pola persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra e da cal formarán parte as persoas titulares das xefaturas territoriais das Consellerías de Política Social e Xuventude; Sanidade e Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en Pontevedra, ou as persoas en que deleguen. Actuará como secretario/a a persoa titular do Servizo de Xestión Técnico-Administrativa e Interior da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra ou un/unha funcionario/a desa xefatura territorial con nivel mínimo de xefe de servizo.

4. Unha vez realizada a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 11 a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución á persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra para resolver a adxudicación ou denegación da autorización de uso dos locais solicitados.

5. Nas resolucións de autorización de uso dos locais identificarase o espazo asignado a cada asociación ou entidade sen ánimo de lucro. A asignación deste realizarase, consonte a puntuación acadada tras a valoración feita pola comisión, seguindo unha estrita orde numérica dos espazos nas respectivas plantas, que se iniciará pola planta terceira e continuando pola cuarta.

Artigo 11. Criterios de avaliación e repartición

Na valoración das solicitudes presentadas ponderaranse os seguintes aspectos ata un máximo de 100 puntos, de acordo coas puntuacións parciais que para cada un se indica:

1. Superficie que se solicita:

a) Pola solicitude dun local tipo A asígnanse 14 puntos.

b) Pola solicitude dun local tipo B asígnanse 9 puntos.

2. Adecuación do uso ao que se vai destinar o local e previsión de actividades da asociación ou entidade para o ano en curso e o seguinte:

a) Definida e concreta, poderá asignarse ata un máximo de 14 puntos.

b) Parcialmente definida e concreta, poderá asignarse ata un máximo de 9 puntos.

c) Concreción insuficiente ou deficiente, poderá asignarse ata un máximo de 4 puntos.

d) Inadecuada, asígnanse 0 puntos.

Para estes efectos, na memoria xustificativa deberá definirse claramente (a) a necesidade do local que se solicita, (b) os obxectivos para o ano en curso e o seguinte e (c) a descrición das actividades que se van realizar. En función de todo isto, considerarase que existe unha adecuación definida e concreta cando (a),(b) e (c) (as tres) se relacionen clara e directamente co orzamento e o cronograma, que a adecuación é parcialmente definida e concreta cando só se relacionen (a),(b) ou (c) (só dúas delas) co orzamento e o cronograma, insuficiente ou deficiente, cando só se relacione unha delas, e inadecuada cando non exista relación entre (a), (b) e (c) co orzamento e cronograma.

3. Relevancia social do proxecto que se vai desenvolver no/s local/ais solicitado/s (acumulativo, ata un máximo de 24 puntos):

a) Para proxectos de igualdade de mulleres e homes asígnanse 20 puntos.

b) Risco de exclusión ou marxinación e a súa integración social asígnanse 20 puntos.

c) Saúde, asígnanse 20 puntos.

d) Para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade ou dependentes asígnanse 20 puntos.

e) Iniciativas sociais, culturais e xuvenís asígnanse 10 puntos.

f) Deportes asígnanse 10 puntos.

g) Outros de relevancia social distintos dos anteriores asígnanse 4 puntos.

4. Número previsto de beneficiarios ao ano:

a) Ata 100 persoas ao ano, asígnanse 4 puntos.

b) Entre 100-500 persoas ao ano, asígnanse 6 puntos.

c) Máis de 500 persoas ao ano, asígnanse 9 puntos.

5. Antigüidade na implantación da entidade no concello de Pontevedra, nos concellos limítrofes e na súa bisbarra:

a) Máis de 3 anos, asígnanse 3 puntos.

b) De 1 ata 3 anos, asígnanse 2 puntos.

6. Atención da asociación ou entidade no desenvolvemento das actividades previstas:

a) Horario de atención ás persoas beneficiarias: 8 ou máis horas ao día, asígnanse 9 puntos.

b) Horario de atención ás persoas beneficiarias: máis de 4 horas e menos de 8 ao día, asígnanse 6 puntos.

c) Horario de atención ás persoas beneficiarias: igual ou menos de 4 horas ao día, asígnanse 4 puntos.

7. Pola utilización da lingua galega na documentación presentada e na realización das actividades para as cales se solicita o local, acreditada mediante compromiso expreso da entidade recollido na memoria que se xunta coa solicitude, asígnanse 5 puntos.

8. Para dar cumprimento ao Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes, a aquelas memorias, que conteñan unha epígrafe en que se recollan as actuacións previstas pola entidade solicitante no seu funcionamento interno, que incentiven a igualdade de mulleres e homes no desenvolvemento diario das súas actividades, asignaránselles 4 puntos. A aquelas entidades que dispoñan dunha certificación de excelencia en igualdade ou similar, asignaránselles 5 puntos. Nesta epígrafe poderá asignarse ata un máximo de 5 puntos.

9. Pola declaración de utilidade pública da entidade solicitante asignaranse 5 puntos.

10. Pola consecución de premios dentro do eido local, sempre e cando resulte acreditado a xuízo da Comisión de Valoración a súa concesión por parte da Administración en atención a criterios obxectivos, asignaránselles 5 puntos.

11. Co fin de fomentar a realización de proxectos de xeito compartido, no caso de que se opte polo uso compartido de locais, asígnanse 7 puntos.

No caso de que se opte polo uso compartido de locais, valorarase de xeito individual cada unha das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e, á puntuación final obtida por cada unha delas, aplicaráselle a porcentaxe de utilización do espazo, facilitado na documentación achegada, que se recolle no artigo 6.

Artigo 12. Resolución

1. Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra a competencia para resolver o procedemento de adxudicación de locais establecido nesta orde.

2. A persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor resolverá a adxudicación ou denegación da autorización de uso dos locais solicitados.

3. As resolucións de autorización de uso dos locais ditaranse, de xeito individual, para cada unha das solicitudes que obteñan a valoración suficiente, ata o esgotamento da totalidade da superficie dispoñible, que se cita no artigo 2 desta orde. Ás asociacións ou entidades sen ánimo de lucro que resulten beneficiarias dun local tipo B, no caso de se esgotar esta tipoloxía de locais poderánselles adxudicar locais do tipo A, atendendo á dispoñibilidade destes e ata o esgotamento da totalidade da superficie que se cita no artigo 2 desta orde.

4. As autorizacións entenderanse outorgadas en precario, e poderán revogarse libremente en calquera momento, consonte o artigo 39.4 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando resultasen incompatibles con condicións xerais aprobadas con posterioridade, producisen danos no dominio público, impedisen a utilización do ben para actividades de maior interese público ou menoscabasen o uso xeral. Tamén procederá a revogación cando a entidade beneficiaria non fixese un aproveitamento do local igual ou por enriba do 50 % do tempo de posibilidade de uso. De producirse a revogación, a Administración porase en contacto coa entidade beneficiaria para que no prazo máximo dun mes proceda ao desaloxo e a devolución do local, nas mesmas condicións en que se entregou. No caso de revogación, autorizarase o uso do citado local á primeira entidade que non obtivo asignación de local tras o proceso descrito nesta orde.

5. O uso temporal dos locais ten carácter persoalísimo e, polo tanto, non é transmisible.

6. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun (1) mes, contado a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

7. Contra a resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

Artigo 13. Notificación

1.As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2029, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Aceptación e remisión

1. O/a representante da/das entidade/s beneficiaria/s disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da autorización para o uso do local e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a súa renuncia ao concedido (anexo IV).

No caso de renuncia, autorizarase o uso do respectivo local á primeira entidade que non obtivo asignación deste tras o proceso descrito nesta orde e á seguinte entidade no caso de que esta tamén renunciase. Este criterio tamén será aplicable no caso de que a entidade beneficiaria renunciase en calquera momento tras a aceptación do local.

2. As entidades beneficiarias das autorizacións para o uso de locais obxecto desta orde, unha vez aceptadas as resolucións, terán que cumprir cos dereitos e coas obrigas que se recollen nos artigos 15 e 16, respectivamente, desta orde.

3. A Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra, poderá comprobar, cando o considere conveniente, o correcto uso dos locais, así como o cumprimento do recollido nesta orde. Para estes efectos, poderá realizar un control estatístico mensual sobre o aproveitamento dos locais por parte das entidades beneficiarias.

Artigo 15. Entrega e utilización dos locais

1. As entidades beneficiarias das autorizacións para o uso de locais obxecto desta orde recibirán, xunto coa resolución de autorización de uso de local, unha copia do Regulamento de réxime interior do edificio, aprobado polo titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra.

2. Cando sexa necesario, o titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra poderá modificar os contidos do Regulamento de réxime interior do edificio, para o que contará previamente coas consideracións das entidades autorizadas para o uso dos locais.

3. As entidades beneficiarias poderán empregar o local autorizado, para o desenvolvemento da súa actividade social. De igual xeito, disporán de acceso ao edificio, así como ás instalacións comúns coas que conta, compartíndoas co resto de entidades beneficiarias, de conformidade co establecido no Regulamento de réxime interior do edificio.

4. As entidades beneficiarias teñen dereito a utilizar o enderezo do local autorizado como domicilio social e sede da entidade durante o período de tempo que dure a autorización.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. A actividade que se pretenda levar a cabo no local autorizado, non terá carácter nin finalidade lucrativa directa ou indirecta. En todo caso, destinaranse os locais autorizados para desenvolver actividades de xestión das asociacións e entidades de carácter social, cultural, deportivo, sanitario ou outros de relevancia social.

2. Por motivos de seguridade, a entidade beneficiaria utilizará o local, unicamente, no horario establecido no Regulamento de réxime interior do edificio. O uso das instalacións fóra do horario autorizado requirirá dunha autorización expresa do titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra.

3. A entidade beneficiaria subscribirá unha póliza de seguro de responsabilidade civil por posibles danos a terceiros, ao propio local autorizado ou ao resto das instalacións comúns do edificio. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, desta póliza, que se manterá durante todo o período da autorización de uso do local. Deberá achegarse unha copia da devandita póliza no momento de formalizar a acta de ocupación. A póliza comprenderá o período da autorización do uso.

4. A entidade beneficiaria non impedirá ou dificultará a utilización dos locais comúns por outros colectivos ou outras entidades beneficiarias.

5. Cando se extinga a autorización de uso do local pola entidade beneficiaria ou ben renuncie durante o uso deste, deberá entregar o local expedito e nas mesmas condicións que cando se ocupou.

6. A entidade beneficiaria, unha vez aceptada a resolución coa autorización de uso do local, ten a obriga de cumprir cos contidos do Regulamento de réxime interior do edificio.

7. A autorización de uso de locais comprende a posibilidade da realización de instalacións de carácter accesorio e non permanente que, de facerse, serán por conta do beneficiario e comunicadas previamente ao titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra, que deberá outorgarlle a súa conformidade.

8. A entidade beneficiaria deberá facerse cargo das pequenas reparacións e mantementos que se puidesen ocasionar polo uso do local.

9. As superficies que se citan no artigo 2 desta orde contarán con licenza de apertura como oficinas, polo que, se a entidade beneficiaria quixese desenvolver outro tipo de actividade, deberá solicitar as correspondentes licencias e o pagamento de taxas correrá pola súa conta. En todo caso, as actividades desenvolvidas deberán ser compatibles co recollido nesta orde.

Artigo 17. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra, a través dos seguintes medios:

a) Nos teléfonos 986 80 53 74 e 986 80 54 93.

b) No enderezo electrónico xt.cpapx.pontevedra@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 3.5 da Orde do 14 de xullo de 2022 (DOG núm. 137, do 19 de xullo), delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra a competencia para resolver os procedementos que se tramiten en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá o disposto na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file