Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2023 Páx. 37209

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2023 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

No Boletín Oficial del Estado (en diante BOE) núm. 239, do 6 de outubro de 2021, publicouse o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O dito Real decreto foi modificado polo Real decreto 903/2022, do 25 de outubro (BOE núm. 257, do 26 de outubro).

O Real decreto 853/2021, segundo se establece no seu artigo 1, ten por obxecto regular os programas de axuda nos ámbitos da rehabilitación de vivenda e da vivenda social, dentro do marco xeral do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, especificamente, en relación cos investimentos C02.I01: Programa de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornos residenciais, e C02.I02: Programa de construción de vivendas en alugamento social en edificios enerxeticamente eficientes, incluídas ambas as dúas dentro da compoñente 2: implementación da Axenda urbana española: Plan de rehabilitación e rexeneración urbana. A finalidade deste real decreto é, polo tanto, contribuír ao cumprimento dos obxectivos do citado Plan nos referidos ámbitos da rehabilitación de vivenda e da vivenda social, contribuíndo a alcanzar as metas establecidas ao longo do período de aplicación do Plan.

O réxime xurídico, a normativa específica aplicable, os requisitos e obrigas das persoas beneficiarias e o procedemento de concesión serán os establecidos por este real decreto, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como o establecido na normativa autonómica que resulte de aplicación e nas convocatorias que aprobe cada comunidade autónoma ou cidade de Ceuta e Melilla, así como no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, Regulamento do MRR, e demais disposicións que articulen o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR). Na falta do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que poidan resultar aplicables.

Así mesmo, ao regular o dito real decreto actuacións incluídas nos referidos investimentos C02.I01 e C02.I02 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estará suxeito ás disposicións que resulten aplicables do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O 30 de setembro de 2021 publicáronse no Boletín Oficial del Estado núm. 234 a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas das compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O sistema ten como finalidade primordial a busca da uniformidade e a definición das reformas e investimentos, fitos e obxectivos que integran o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, regulando aspectos como a loita contra a fraude, a corrupción e a identificación das persoas beneficiarias últimas das axudas, así como dos contratistas e subcontratistas.

Neste sentido, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, establece no seu artigo 8 a obriga das entidades decisorias e executoras de incluír nas súas respectivas convocatorias de axudas unha serie de requisitos en relación coa identificación das persoas beneficiarias destas. O dito artigo dispón que: «Coa finalidade de dar adecuado cumprimento ao mandato establecido na letra d) do número 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, configúrase o seguinte procedemento de incorporación de información específica:

(...)

d) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (modelo anexo IV.B).

e) Declaración responsable relativa ao compromiso do cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que poidan afectar o ámbito obxectivo de xestión (modelo IV.C) (...)».

Ademais, menciónase na orde a obriga de cubriren unha declaración de ausencia de intereses (DACI) os beneficiarios que, dentro dos requisitos de concesión da axuda, leven a cabo actividades que presenten un conflicto de intereses potencial que poida afectar os intereses financeiros da UE (anexo III.C.1.b).ii e d).i.B).

O punto 3.b) do artigo 9 da Orde 1030/2021, do 29 de setembro, sinala tamén que: «(…) Do mesmo modo, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos que se desenvolvan neste ámbito deberán conter tanto no seu encabezamento como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia “Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

Por outra parte, o artigo 10 da Orde 1031/2021, do 29 de setembro, establece para as entidades executoras do PRTR a obriga de achegar a información sobre a identificación do perceptor dos fondos e, entre outros datos, a data de nacemento, de ser o caso.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que é o organismo encargado da xestión dos programas do citado real decreto, ao abeiro do artigo 4 do devandito real decreto, o 5 de novembro de 2021 notificou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a aceptación da transferencia de crédito no contexto dos programas de axudas 1 a 5 en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, correspondentes á anualidade 2021.

No artigo 2, o real decreto inclúe, entre os programas que regula, o Programa de axuda 4, referido ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas. O obxecto deste programa é o financiamento de actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares.

O obxecto deste programa ten por obxecto o financiamento de actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares.

No cumprimento dos obxectivos establecidos no anexo á Decisión de execución do Consello (CID, na súas siglas en inglés), do 16 de xuño de 2021, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, a concesión e execución das axudas deste programa apoiará o cumprimento dos seguintes obxectivos:

a) Obxectivo nº 27 do CID: finalización das actuacións de renovación de vivendas, cun aforro medio de polo menos un 30 % de enerxía primaria (231.000 actuacións de renovación en, polo menos, 160.000 vivendas únicas), o cuarto trimestre de 2023.

b) Obxectivo nº 29 do CID: finalización das actuacións de renovación de vivendas, cun aforro medio de polo menos un 30 % de enerxía primaria (510.000 actuacións de renovación en, polo menos, 355.000 vivendas únicas), o segundo trimestre de 2026.

Esta resolución regula o procedemento de convocatoria para a Comunidade Autónoma de Galicia do citado Programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De conformidade coas facultades atribuídas nos artigos 1.1 e 41 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia considera como bases reguladoras do programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas as normas contidas no dito real decreto.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado que, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa finalidade de financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, para a anualidade 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

2. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 45 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras deste programa contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e demais disposicións relativas á execución e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e do Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

Na falta do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que poidan resultar aplicables.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos importes de 2.870.177 euros para a anualidade 2023 e 1.000.000 de euros para a anualidade 2024, respectivamente.

O programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terán efecto despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Ao abeiro do artigo 41 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas.

2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas.

O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta daquelas, destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.

Quinto. Actuacións subvencionables

1. De conformidade co establecido no artigo 42 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, as vivendas para as que se solicite financiamento deste programa teñen que constituír o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar a axuda, circunstancia que será obxecto de comprobación.

Así mesmo, as vivendas deberán ter unha referencia catastral diferenciada, de xeito que non se poderá conceder máis dunha axuda por vivenda a unha mesma referencia catastral.

2. De conformidade co establecido no artigo 43 do dito real decreto, son actuacións subvencionables aquelas que se realicen en vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes á edificios plurifamiliares, en que se consiga unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 % ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %.

Tamén se considerarán subvencionables as actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda, establecidos nas táboas 3.1.1.a-HE1 e 3.1.3.a-HE1, do Documento básico DB HE de aforro de enerxía do Código técnico da edificación.

3. As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

4. Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

5. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020, nin estar finalizadas no momento da publicación desta convocatoria no DOG.

6. O prazo para executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nas vivendas que se acollan ás axudas deste programa non poderá exceder os doce meses, contados desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Sexto. Contía e compatibilidade das axudas

1. O importe da subvención será do 40 % do custo das actuacións, cun límite de 3.000 euros por vivenda.

2. No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.

3. O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros por vivenda.

4. Para os efectos da compatibilidade das axudas deste programa con outras axudas públicas observarase o disposto no artigo 46 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución ata o 2 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Oitavo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora na presente resolución como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: os datos da vivenda onde se realizan as actuacións de mellora de eficiencia enerxética, a referencia catastral e os datos de consumo de enerxía primaria non renovable e de demanda enerxética da vivenda no seu estado actual e tras a realización das actuacións, o número de inscrición do certificado de eficiencia enerxética actual no RGEEE, o investimento total, o custo subvencionable, a contía da axuda solicitada, así como a anualidade prevista de finalización da execución.

3. No modelo de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que solicite ou lle sexa concedida para esa mesma finalidade, con indicación da súa contía e do organismo concedente.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos ditos artigos, relativa á obriga de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.

d) Declaración responsable de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que as obras non se iniciaron antes do 1 de febreiro de 2020 nin están rematadas no momento da publicación desta convocatoria no DOG.

f) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

g) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa física solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-eservizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto da vivenda, no caso de que a solicitante sexa una persoa física que non conste como titular catastral.

c) Contrato de alugamento da vivenda e autorización da persoa arrendadora para a realización das actuacións, no caso de que a persoa solicitante sexa arrendataria.

d) Proxecto da actuación que se vai realizar ou, se é o caso, memoria xustificativa da actuación, que deberán estar subscritos por unha persoa técnica titulada competente e contar coa conformidade da persoa beneficiaria. A documentación mínima desta memoria será descrición e xustificación do cumprimento dos requisitos, orzamento desagregado e planos que definan completamente a actuación. Así mesmo, incluirá a contía da axuda solicitada.

e) Certificado de eficiencia enerxética da vivenda no seu estado final, considerando realizadas as actuacións previstas, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado de eficiencia enerxética do seu estado actual ou previo á intervención, subscrito por un/unha técnico/a competente, en que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención da axuda. Con este certificado xuntaranse os arquivos de cálculo (.xml, .cee ou .hee, etc.) xerados polo programa utilizado para a súa elaboración.

f) Solicitude de licenza ou comunicación previa, segundo proceda, onde se describa a actuación para a que se solicita a axuda. Se as obras están iniciadas, licenza urbanística ou, no caso de comunicación previa, incluirá unha declaración responsable de que non foron requiridas polo concello para a súa emenda.

g) No suposto de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000 euros en obras e/ou 15.000 euros en servizos ou subministracións para o mesmo contratista ou provedor, copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

h) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, de todos os elementos obxecto da axuda antes da actuación.

i) Anexo II, comprobación de datos da persoa que ten o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto das actuacións subvencionables, no suposto de que sexa distinta da persoa solicitante da subvención.

j) Documento acreditativo do correspondente acordo coa persoa propietaria, usufrutuaria ou arrendataria interesada na subvención, no suposto de actuar por medio dun axente ou xestor de rehabilitación.

k) Avaliación favorable de adecuación ou declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. No caso de optar pola declaración responsable, axustarase ao contido do anexo III.

l) Anexo IV, de declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que poidan afectar o obxecto de xestión, de ausencia de conflito de intereses e de cesión e tratamento de datos en relación coa execución e actuacións do PRTR.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, excepto que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fora realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa ou entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa usufrutuaria e/ou arrendataria.

b) DNI/NIE da persoa representante e/ou do axente ou xestor da rehabilitación, de ser o caso.

c) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade representante e/ou do axente ou xestor da rehabilitación, de ser o caso.

d) Certificado acreditativo da persoa solicitante de non ter débedas, no momento do pagamento da subvención, coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa usufrutuaria e/ou arrendataria.

f) Certificado catastral de titularidade correspondente á persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa usufrutuaria.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso.

h) Consulta de bens inmobles.

i) Certificado de eficiencia enerxética da vivenda no seu estado actual, co contido requirido no Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinado por un/unha técnico/a competente e inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

j) Consulta de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas ou ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Órganos administrativos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión

1. Se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, despois da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor poderá requirir a persoa solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.

3. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

5. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS https://igvs.xunta.gal, logo da publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución deste procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará a persoa beneficiaria, as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, o seu prazo de finalización e de xustificación.

3. Cando a actuación proposta requira proxecto e a solicitude inclúa inicialmente só a memoria, o órgano competente poderá ditar resolución de concesión da axuda suxeita expresamente á condición resolutoria de que, nun prazo máximo de tres meses desde a notificación da resolución de concesión, se achegue o proxecto da actuación que se realice correspondente á axuda concedida.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

5. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Décimo sexto. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución da actuación presentando os documentos sinalados nas bases reguladoras e no ordinal décimo noveno desta resolución.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante o proceso de execución e as que deriven da normativa aplicable á xestión de axudas financiadas cos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, Regulamento do MRR, e demais disposicións que articulen o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Comunicar ao IGVS a alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas deste programa.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

h) Cumprir cos requisitos que figuren no manual de imaxe do programa, que estará dispoñible na web do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (http://www.mitma.es), en toda referencia en calquera medio de difusión á actuación obxecto das axudas.

i) Cumprir as demais obrigas que derivan das bases reguladoras contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e nesta resolución de convocatoria.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou a súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. No suposto de modificación do prazo de execución das obras, este non poderá exceder os 12 meses, contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda.

Décimo oitavo. Reaxuste de anualidades

No caso de que o ritmo de execución das obras sexa diferente ao establecido na resolución de concesión, poderá reaxustarse a anualidade de finalización, logo da solicitude da persoa beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización e que, de conformidade co establecido no ordinal décimo sétimo, en ningún caso o prazo de execución exceda os 12 meses, contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda.

Décimo noveno. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán comunicar á Dirección Técnica de Fomento do IGVS a finalización das obras e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. A comunicación da execución das actuacións realizarase mediante a presentación do anexo V que se xunta a esta resolución, no prazo máximo de tres meses, contado desde o día seguinte ao da finalización das obras e, en todo caso, sempre dentro da anualidade que figura na resolución de concesión como prazo de finalización das obras.

2. De conformidade co sinalado no artigo 45.12 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a comunicación da execución das actuacións e a súa xustificación deberá vir acompañada, no caso de que non se presentase con anterioridade, coa documentación que proceda, da sinalada a continuación:

a) Licenza de obras ou, no caso de comunicación previa, cunha declaración responsable de que non foron requiridas polo concello para a súa emenda.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, conforme o exixido polas bases reguladoras e a resolución de concesión da axuda, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Esta memoria será realizada e subscrita por unha persoa técnica titulada competente, que indicará, así mesmo, a data de conclusión das actuacións e fará constar o cumprimento da normativa de obrigado cumprimento que lle sexa de aplicación.

c) Certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado previo á intervención, subscrito por unha persoa técnica competente, en que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención da axuda, e inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

d) Certificado da instalación térmica, de ser o caso, subscrito polo director da instalación ou instalador autorizado, rexistrado na consellería competente en materia de industria.

e) Reportaxe fotográfica das obras executadas, preferentemente en cor, e de todos os elementos obxecto da axuda.

f) Xustificantes de gasto e pagamento da actuación levada a cabo.

g) Anexo VI, no caso de cesión do dereito de cobramento da subvención á persoa contratista das obras ou ao axente ou xestor da rehabilitación.

3. A documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria, tendo en conta o establecido no ordinal décimo segundo.

Vixésimo. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior e aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I da solicitude.

Vixésimo primeiro. Cesión do dereito de cobramento

1. As persoas beneficiarias poderán ceder o dereito de cobramento da súa subvención á persoa contratista das obras obxecto desta axuda ou ao axente ou xestor da rehabilitación, de ser o caso. Neste caso, deberán presentar, xunto coa comunicación da finalización da actuación prevista no ordinal décimo noveno, o anexo VI, debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as obrigas asumidas polas persoas beneficiarias como consecuencia da concesión da axuda, incluídas as de xustificación da subvención, nin as facultades do IGVS sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

3. No caso de cesión do dereito de cobramento da subvención á persoa contratista das obras ou ao axente ou xestor da rehabilitación, as persoas beneficiarias estarán exentas de presentar os xustificantes de pagamento, previstos no ordinal décimo noveno, do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

Vixésimo segundo. Perda e reintegro da subvención. Criterios de gradación de posibles incumprimentos

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no ordinal décimo sexto desta resolución. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. Se non se cumprisen os requisitos establecidos no ordinal cuarto, ou non se cumprise calquera outra exixencia das establecidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, a axuda sería revogada.

3. A perda do dereito á percepción da axuda outorgada levará consigo, de ser o caso, o reintegro das cantidades aboadas ata ese momento, incrementadas cos xuros de demora desde a data do seu pagamento.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobro da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas e as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo cuarto. Control e loita contra a fraude

1. As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o IGVS para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e á Intervención Xeral da Administración xeral do Estado, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (UE) núm. 241/2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e o Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión Europea, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, a Fiscalía Europea para exerceren os dereitos que recoñece o artigo 129, punto 1, do referido regulamento financeiro.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda. gal /areastematicas/planificacion-efondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude, que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencionacidadania?langId=gl_ES).

3. No control e loita contra a fraude o IGVS actuará de conformidade co establecido no seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.

Vixésimo quinto. Análise sistemática do risco de conflito de intereses

O presente procedemento de concesión de subvención está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano de concesión da subvención poderá solicitar ás persoas solicitantes da subvención a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano de concesión da subvención no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de interese, indicando, en lugar da persoa solicitante da subvención, as persoas titulares reais recuperadas polo órgano de concesión da subvención.

Vixésimo sexto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo sétimo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no punto oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo oitavo. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Vixésimo noveno. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Trixésimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Trixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file