Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 29 de xuño de 2023 Páx. 40474

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C).

A Recomendación do Consello Europeo, do 22 de abril de 2013, define a garantía xuvenil como unha recomendación aos Estados para que velen por que todas as persoas mozas menores de vinte e cinco anos que nin traballan, nin estudan, nin seguen unha formación, reciban unha oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedaren desempregadas ou acabaren a educación formal.

O Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020 no marco do FSE para o período 2014-2020 ten como obxectivo dotar de instrumentos a Iniciativa de emprego xuvenil co fin de loitar contra o desemprego entre as persoas mozas.

A Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, regula, entre outros aspectos, a creación dun ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e o proceso de inscrición das persoas mozas.

Posteriormente, de acordo co establecido no punto catro da disposición derradeira décimo segunda da Lei 25/2015, do 28 de xullo, de mecanismo de segunda oportunidade, redución da carga financeira e outras medidas de orde social, amplíase a idade máxima de acceso ao Sistema nacional de garantía xuvenil aos maiores de 25 anos e menores de 30, que cumpran cos requisitos recollidos na Lei 18/2014.

Esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral, e a través de contratos indefinidos, de formación en alternancia ou para a adquisición de práctica profesional, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, (POEX) cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo (FSE) para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89 %.

Dentro do Programa operativo de emprego Xuvenil (POEX) 2014-2020, esta actuación en particular terá encaixe no:

– Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en sistemas de educación ou formación, en particular no contexto da garantía xuvenil (IEX/FSE).

– Obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas (IEX), en particular, daquelas sen traballo e non integradas nos sistemas de educación ou formación, así como as persoas mozas que corren o risco de sufrir exclusión social e as procedentes de comunidades marxinadas, tamén a través da aplicación de Garantía Xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido ou estable das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

– Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas cun período mínimo de permanencia

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á comunidade autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que a finalidade e o obxectivo último da Iniciativa de emprego xuvenil (IEX) e do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX), é a mellora da empregabilidade e a inserción laboral da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, mediante a creación de postos de traballo, polo que non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión dos incentivos se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Os incentivos previstos nesta orde quedan sometidos ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) da Comisión núm. 1407/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e nos Regulamentos (UE) da Comisión núm. 717/2014, do 27 de xuño de 2014 (sector pesca e acuicultura), e núm. 1408/2013, do 18 de decembro de 2013 (sector agrícola).

Incorpórase, ademais, na convocatoria o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

En concreto, para a xustificación dos importes das axudas, establécese un baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) e i) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 dun programa de incentivos á contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para a contratación mínima de 9 meses a xornada completa de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código de procedemento TR350C).

2. A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas incluídas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, que teñan feito os dezaseis anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, mediante a formalización de contratos indefinidos, de contratos de formación en alternancia ou de contratos de formación para a obtención da práctica profesional, que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ás seguintes normas: Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. No que resulte de aplicación, axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

3. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) e pola Iniciativa de emprego xuvenil (IEX) serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, e o Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, así como a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

4. Ao tratarse de axudas estatais sometidas ao réxime de minimis, seralles de aplicación a normativa detallada no artigo 25.

Artigo 3. Réxime de axudas

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX), cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil (IEX) e o Fondo Social Europeo (FSE) para o período 2014-2020, en particular:

Dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX) 2014-2020, esta actuación en particular terá encaixe no:

a) Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en sistemas de educación ou formación, en particular no contexto da garantía xuvenil (IEX/FSE).

b) Obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

c) Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas (IEX), en particular, daquelas sen traballo e non integradas nos sistemas de educación ou formación, así como as persoas mozas que corren o risco de sufrir exclusión social e as procedentes de comunidades marxinadas, tamén a través da aplicación de Garantía Xuvenil.

d) Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido ou estable das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

e) Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas cun período mínimo de permanencia

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

En concreto, para a xustificación dos importes das axudas, establécese un baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) e i) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Artigo 4. Financiamento

1. O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 3.447.159,33 €, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, a través dos créditos consignados na aplicación 11.30.322C.472.0, código de proxecto 2022 00184.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde está suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Os créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. Será necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do POEX 2014-2020 en Galicia (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 5. Persoas empregadoras e empresas beneficiarias

1. Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nos artigos 6, 7 e 8 desta orde.

Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, así como as entidades sen ánimo de lucro.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria aquelas que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas empregadoras ou empresas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 6. Persoas destinatarias finais

Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da selección e da contratación:

a) Que teñan feito os 16 anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Que estean desempregadas, e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego en ocupacións relacionadas coas ofertas de emprego que se presenten ao abeiro desta orde.

c) Que estean inscritas en situación de beneficiarias no ficheiro do SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos indefinidos, contratos de formación en alternancia ou de contratos para a obtención da práctica profesional.

2. Os contratos terán unha duración mínima de 9 meses e deberán ser a xornada completa.

3. Serán subvencionables nas modalidades de indefinido, formación en alternancia ou para a obtención da práctica profesional, tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda, e ata os seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde, sempre que a formalización do contrato se realizase no ano en curso e se cumpran todos requisitos recollidos nesta orde.

4. No caso de novas contratacións, o período para realizar as ditas contratacións será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, rematará o 30.9.2023.

Artigo 8. Definicións

Para os efectos de esta orde, entenderase:

1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita no Servizo Público de Emprego e Galicia no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Contrato de formación en alternancia: contrato subscrito con persoas menores de 30 anos que carezan da cualificación profesional requirida para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Terá por obxecto compatibilizar a actividade laboral retribuída cos correspondentes procesos formativos no ámbito da formación profesional, os estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego. Observarase o disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro; así, o tempo de traballo efectivo, que terá que ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas, non poderá ser superior ao 65 por cento da xornada máxima prevista no convenio colectivo de aplicación na empresa ou, na súa falta, da xornada máxima legal.

3. Contrato de formación para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos: contrato subscrito con persoas menores de 30 anos, que estivesen en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento) ou título de grao medio o superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, conforme o establecido na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional. O posto de traballo deberá permitir a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos ou de formación cursados. Observarase o disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. Competencias brandas: combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, que facultan as persoas para moverse pola súa contorna laboral, traballar xunto a outros, facilitan as relacións humanas e permiten desenvolverse con éxito no ámbito laboral.

Artigo 9. Exclusións

Quedan excluídas dos beneficios desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou do empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

c) Os contratos realizados con persoas traballadoras que finalicen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, excepto que a dita relación laboral finalizase por causa dun despido recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 10. Contía dos incentivos

1. A axuda consistirá nun incentivo único de 9.000 € por cada persoa moza contratada, ben con carácter indefinido ou ben cunha duración mínima de 9 meses para os casos de contratos de formación en alternancia e para a obtención da práctica profesional, e en todos os casos cunha xornada a tempo completo.

Calquera que sexa a modalidade da contratación, cada persoa contratada deberá contar cun programa de formación en competencias brandas, dunha duración mínima de 50 horas.

2. A contía da axuda concedida aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento, logo de presentada a documentación xustificativa establecida no artigo 24 desta orde.

O pagamento do incentivo realizarase unha vez realizada a contratación. No caso de contratos preexistentes, o pagamento realizarase no momento en que se xustifique que o dito contrato cumpre cos requisitos exixidos no artigo 24 desta orde.

3. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

4. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou empresa beneficiaria.

Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Só poderá presentarse unha solicitude por cada persoa empregadora ou empresa. No caso de presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I), deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito, que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) No caso de que a solicitude do incentivo se realice para contratos preexistentes:

– Anexo III asinado por cada unha das persoas mozas contratadas, no cal declara que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.

– Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.

b) Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código de procedemento (TR350C) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou empresa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta do código conta de cotización.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Consulta concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.

j) Consulta concesións pola regra de minimis.

k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 12 meses da persoa traballadora contratada.

m) Inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego, nas datas de referencia (selección e contratación).

n) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.

ñ) Inscrición como beneficiaria no ficheiro do SNGX nas datas de referencia (selección e contratación).

2. No caso de que as persoas empregadoras ou empresas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa ou empresa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas empregadoras ou empresas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria e as persoas destinatarias finais das axudas, mediante a sinatura dos anexos I e V respectivamente, autorizan expresamente o organismo intermedio do Programa operativo de emprego xuvenil (a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos) a consultar a información relativa á obriga de manter o contrato de traballo durante un mínimo de 9 meses.

5. A entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control, e facilitará toda a información requirida polos órganos verificadores establecidos en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

6. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo V. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farase constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentaranse os documentos que os acrediten.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta nin impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 19. Procedemento para a concesión

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia non competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ata esgotar o crédito.

Artigo 20. Resolución

1. A competencia para a resolución dos expedientes das subvencións reguladas na presente orde correspóndelle á secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, de acordo co establecido no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, quen, tras a fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria de que a axuda é financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de emprego xuvenil (IEX) con expresión do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico, medida e porcentaxe de financiamento correspondente (91,89 %).

Igualmente, será informada de que a aceptación da subvención comunitaria poderá implicar a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Así mesmo, informarase de que estas axudas se someten ao réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e nos regulamentos (UE) núm. 717/2014, do 27 de xuño de 2014 (sector pesca e acuicultura), e núm. 1408/2013, do 18 de decembro de 2013 (sector agrícola).

4. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa empregadora ou empresa beneficiaria e as obrigas que lle correspondan, a contía da subvención e os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto neste programa esgotan a vía administrativa, polo que contra elas se poderá interpoñerrecurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da persoa empregadora ou empresa beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Selección de persoas candidatas

1. A selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.

2. En todo caso, as persoas mozas que sexan contratadas ao abeiro desta subvención deberán cumprir os seguintes requisitos no momento da selección:

– Ter feito os 16 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil.

– Ser desempregadas inscritas como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia.

– Estar inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, para ser beneficiarias desta medida, as persoas mozas deberán manter o cumprimento destes requisitos ata o momento da contratación.

3. Será a persoa empregadora ou empresa beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento da selección a persoa seleccionada cumpra co requisito da idade establecido no punto anterior, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil, https://garantiajuvenil.sepe.es/login.action. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá deixar constancia documental da comprobación sinalada para pista de auditoría conforme sinala o artigo 27.n).

4. Os requisitos recollidos non números 1, 2 e 3 deste artigo serán tamén de aplicación para as persoas con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos en que non queden acreditados os ditos requisitos.

Artigo 23. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras segundo o disposto nesta orde, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria procederá á súa contratación por un período mínimo de 9 meses a xornada completa.

Utilizarase ben a modalidade de contrato indefinido, de formación en alternancia ou ben a de contrato de formación para a obtención da práctica profesional, que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que lles procure a adquisición de práctica profesional.

2. Será a persoa empregadora ou empresa beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaseis anos e non supere a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estea desempregada inscrita como demandante de emprego e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o cal poderán consultar na correspondente oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil: https://garantiajuvenil.sepe.es/login.action. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá deixar constancia documental da comprobación sinalada para pista de auditoría (artigo 27.n).

3. Os contratos subvencionados ao abeiro desta orde comezarán no prazo máximo de 20 días hábiles desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución de concesión. Os contratos terán unha duración mínima de 9 meses a xornada completa.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá autorizar o inicio dos contratos con posterioridade ao devandito prazo.

4. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria dará de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

5. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás persoas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.

6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse necesariamente a través da aplicación Contrat@

7. No momento da contratación a persoa moza asinará e cubrirá no anexo III, a declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa, no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación. Así mesmo, o órgano xestor realizará esas comprobacións finais, así como a de inscrición como beneficiaria do SNGX da persoa moza contratada.

8. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria comunicará á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o inicio dos contratos no prazo máximo de dez días hábiles desde o dito inicio, con indicación do número de persoas mozas contratadas, e presentará a documentación xustificativa para o pagamento recollida no artigo 24.3.

9. No caso de contratos preexistentes, presentarase no momento da solicitude, a documentación sinalada no artigo 12.1.b).

10. A concesión e o uso destas axudas no suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

11. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro da axuda.

12. Cando se produza a extinción do contrato antes de que finalice o período de 9 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora contratada, caso en que a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla, no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego, por outra persoa moza que cumpra os requisitos establecidos no artigo 6 desta orde, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención.

De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo sexa inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo do incentivo, procederase á redución ou reintegro da axuda concedida polo importe proporcional correspondente.

13. A formación que se desenvolverá durante a duración do contrato terá por obxecto a mellora e/ou adquisición de competencias profesionais brandas. A persoa empregadora ou empresa solicitante deberá presentar un proxecto de formación sobre unha ou varias das seguintes temáticas (sen ánimo de exhaustividade):

a) Competencias brandas esenciais: traballo en equipo, resolución de conflitos, comunicación interpersoal, liderado.

b) Competencias brandas para o desenvolvemento profesional.

c) Intelixencia social e interacción positiva no traballo.

A persoa traballadora compatibilizará a formación en competencias brandas coa realización dun traballo efectivo nun centro de traballo da entidade beneficiaria, de xeito que esta formación complemente a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral futura.

Os centros en que se desenvolva a formación en competencias brandas deberán estar situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

O programa de formación iniciarase nos trinta (30) días seguintes á concesión da subvención e rematará como máximo transcorridos cinco meses desde a contratación. No prazo máximo de 10 días hábiles desde o remate do dito programa de formación deberá presentarse a súa xustificación, conforme o disposto no artigo 24.4.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboarase ás persoas empregadoras e empresas beneficiarias nun único pagamento logo de presentada a documentación xustificativa que se relaciona no punto 3 deste artigo, e unha vez cumprido o obxectivo para o cal foi concedida: a contratación de persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil.

3. Documentación xustificativa para o pagamento da axuda.

a) Anexo III asinado por cada unha das persoas mozas contratadas: declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa, no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación. No caso de contratos preexistentes, achegarase xunto coa solicitude da axuda.

b) Anexo IV: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, en que se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo V), en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento. No caso de contratos preexistentes, achegarase xunto coa solicitude da axuda.

c) Anexo VI coa declaración da persoa traballadora contratada, conforme foi informada de que o seu contrato está financiado pola Xunta de Galicia (Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade) e a Unión Europea no marco do Programa operativo de emprego xuvenil (Fondo Social Europeo e Iniciativa de emprego xuvenil).

d) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC). No caso de contratos preexistentes, achegarase xunto coa solicitude da axuda.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 27.

O prazo máximo para a presentación da documentación prevista neste punto será de 10 días hábiles desde o inicio dos contratos e, en todo caso, rematará o 30.10.2023. A falta de presentación en prazo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.

4. Documentación xustificativa da actividade formativa.

No prazo máximo de 10 días hábiles desde a finalización da formación, deberán presentar o anexo II xustificativo da acción formativa.

5. O cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras establecidos nos artigos 6 e 23.2 (ter feitos os 16 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, ser beneficiarias do SNGX na data de selección e formalización do contrato, e non ter traballado no día natural anterior á data da súa sinatura), comprobarao de oficio o órgano concedente.

6. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa empregadora ou empresa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. O pagamento da axuda ordenarase unha vez recibida a documentación xustificativa indicada no número 3 deste artigo, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado no anexo I de solicitude.

Artigo 25. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

1. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de 9 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá devolver a axuda recibida na súa totalidade, ou nunha contía proporcional no caso de que a extinción do contrato fose por baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora e non se optase pola substitución. A devolución poderá realizarse con carácter voluntario e sen o requirimento previo da Administración, conforme o disposto no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A devolución da axuda, farase mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

3. En todo caso, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 27. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias

As persoas empregadoras ou empresas beneficiarias dos incentivos regulados nesta orde, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Comunicar a través da aplicación Contrat@ os contratos realizados.

d) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

e) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

g) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 9 meses, agás baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, caso en que a beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla, no prazo máximo de 15 días, polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego, por outra persoa moza, que cumpra os requisitos establecidos no artigo 6 ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional calculada conforme se establece na letra k) do artigo 29.

Se as causas do incumprimento do mantemento do emprego son outras diferentes, procederá a devolución total do incentivo.

A contratación da persoa substituta comunicarase no prazo de 15 días desde que se produza a baixa voluntaria, a través da aplicación Contrat@ e tamén mediante a sede electrónica, ao órgano xestor da axuda.

As baixas voluntarias ou falecementos deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas no prazo de 5 días desde que se produzan, achegando a declaración da persoa traballadora en que se indique o motivo da baixa, segundo o modelo dispoñible na sede electrónica.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020 en Galicia, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Respectar as normas de subvencionalidade do gasto financiado polo Fondo Social Europeo (FSE), reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro, e o artigo 13 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

j) Garantir os principios horizontais das axudas recollidos no Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, no seu artigo 7, respecto á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a non discriminación.

k) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, así como adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia á «Iniciativa de emprego xuvenil. O FSE inviste no teu futuro», nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

l) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de emprego xuvenil (IEX), de conformidade co establecido no artigo 25.

m) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os indicadores de produtividade refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da persoa participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Para estes efectos, seralles facilitado ás persoas e empresas beneficiarias o acceso á aplicación PARTICIPA1420.

n) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

ñ) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

o) Deberá manter no seu poder as autorizacións (ou a oposición) para a comprobación dos datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo V. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:

– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.

– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.

– Do dereito de oposición que as asiste de que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.

p) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou concesión doutras axudas.

q) Levar a cabo o programa de formación en competencias brandas recollido no artigo 23.13 e facer chegar ás persoas traballadoras un certificado ou diploma de asistencia á dita formación en que se incluirán as horas e a materia impartida.

r) Cumprir coas obrigas inherentes aos contratos formativos recollidas no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

s) Velar polo cumprimento de medidas que eviten a discriminación por razón de sexo ou de xénero no acceso ao emprego e procurar medidas de acción positiva para favorecer a contratación de mulleres novas.

t) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social procederá a realizar cantas comprobacións sexan precisas para verificar o cumprimento das obrigas recollidas nesta orde.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social realizará, de oficio, para efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas e/ou á conta de cotización da persoa empregadora ou empresa contratante, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Non ter comprobado que a persoa moza contratada non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación, para o que deberá constar como persoa beneficiaria no Sistema nacional de garantía xuvenil nesa data: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable axeitada establecida no artigo 24.o), reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) En caso de ausencia total de pista de auditoría establecida no artigo 27.n), reintegro do 100 % do gasto subvencionado.

f) Non proceder á devolución voluntaria da subvención segundo o previsto nos artigos 23.11, 26 e 27.g): reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 24.3: reintegro do 50 %; así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

h) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 27: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

i) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a persoa empregadora ou empresa beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

j) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

k) No caso de incumprimento de mantemento do emprego por un período mínimo de 9 meses: reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, que procederá á devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía que haberá que reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.

Igual criterio de reintegro parcial procederá no caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido na letra g) do artigo 27.

O cálculo do importe que se devolverá realizarase do seguinte xeito:

Primeiro. Divídese o incentivo entre número de días obrigatorios de mantemento de emprego (270 días).

Segundo. Calcúlanse os días desde que se produciu a baixa laboral ata a data en que se cumprirían 9 meses de contrato.

Terceiro. Multiplícase o resultado do punto primeiro polo resultado do punto segundo.

l) No caso de incumprimento da obriga de levar a cabo o programa de formación en competencias brandas, reintegro do 100 % da axuda. No caso de non xustificar o número mínimo de 50 horas de formación, reintegro do 30 % da axuda.

4. As obrigas do reintegro establecidas nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 30. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, que poderán consultar na ligazón indicada.

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file