Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 13 de xullo de 2023 Páx. 43302

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN845A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, fixa como obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, de transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a Estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades da RIS3. O obxectivo estratéxico 1 aposta por consolidar unha oferta de coñecemento e innovación avanzada e aliñada coa especialización de Galicia.

En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo aos tres retos e ás tres prioridades. Busca articular e dotar de coherencia as capacidades de oferta de coñecemento e innovación, promovendo a aliñación cara ás necesidades do mercado, en liña co obxectivo estratéxico 1, integrándose no programa Integra.

Os centros tecnolóxicos consolidados, como axentes claves do Sistema galego de innovación, son estratéxicos no desenvolvemento dos retos da RIS3 para mellorar a competitividade de Galicia máis alá do 2024.

De acordo coa definición do instrumento, a convocatoria de subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia financiará gastos de estrutura. Os fondos que se van destinar a cada unha das entidades beneficiarias calcularanse con base nos resultados acadados polo centro, entre outros, nos seguintes eidos:

– Respecto á posta en valor das súas actividades de I+D, a súa capacidade de transferencia ao mercado.

– Na captación de recursos de I+D+I competitivos en programas nacionais e internacionais.

Por iso, estas axudas establécense en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoran a súa perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como misión fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes e perseguirá, entre outros, os seguintes obxectivos:

– Definir e desenvolver as políticas públicas dirixidas a incrementar a eficiencia en resultados do Sistema galego de innovación, avaliados mediante a implantación dun sistema de indicadores de impacto contrastable.

– Estimular a estruturación e consolidación do Sistema galego de I+D+i.

As axudas que se concedan ao abeiro desta convocatoria, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do punto 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (DOUE 2022/C 414/01). En todo caso, os centros beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco comunitario.

Con base no anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia para financiar gastos estruturais e de funcionamento coa finalidade de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para os anos 2023 e 2024 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia non competitiva (código procedemento IN845A).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións concederanse para un marco temporal de 2 anos e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria que se indica no seguinte cadro, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Axencia Galega de Innovación coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

2023

2024

Total

05.A2.561A.781.0

3.100.000 €

3.100.000 €

6.200.000 €

Non obstante, poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

2. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra destinada á mesma finalidade, calquera que fose a súa natureza, e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que teñan a consideración de consolidados.

Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunhas das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá entregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave364).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas beneficiarias deberán achegar a seguinte documentación:

a) Anexo I. Solicitude. No anexo I inclúense as seguintes declaracións responsables:

1) Declaración responsable de todas as solicitudes de axudas efectuadas e ou concedidas para a mesma finalidade por outras administracións ou entes públicos ou privados.

2) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

3) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6) Declaración de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria en que se efectuará o pagamento das axudas, así como que a entidade solicitante é o seu titular, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

b) Anexo II. O cadro de indicadores da perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal, a partir dos cales se efectúe a valoración dos resultados acadados polos centros tecnolóxicos.

c) Copia do poder bastante co que actúa o representante legal do centro (ver artigo 5.2).

d) Copia da escritura de constitución do centro debidamente inscrita, se é o caso, no Rexistro Mercantil ou Industrial (ver artigo 5.2).

e) Copia das contas anuais auditadas dos anos 2021 e 2022. Non obstante, aqueles centros que non estean obrigados a auditalas, deberán presentar as contas anuais aprobadas polo padroado, conforme os artigos 37 e 38 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego. No caso de non estar obrigados a auditar as súas contas pero estas se auditen igualmente, deberán achegar o informe de auditoría correspondente.

f) Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

1. Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

2. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

g) Documento resumo onde se relacionen os importes que determinan o resultado dos indicadores coa información que aparecen nas contas anuais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emenda a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Os anexos I e II estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e a título informativo na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos indicados no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) na súa epígrafe de axudas e na sede virtual.

b) No teléfono 981 54 39 86.

c) No enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https:/sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que a entidade solicitante se opoña á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar á entidade solicitante a presentación dos documentos correspondentes.

Se a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable e o centro solicitante deba presentar estes certificados en fase de emenda, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor.

Non obstante, as entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos efectos previstos no artigo 21.1 da citada lei. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Nos casos de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impidan a realización da notificación electrónica, a notificación ou a emenda da solicitude efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas presentadas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Os datos e aclaracións de mero trámite que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento solicitaranse a través do enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da devandita lei, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 12 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, os solicitantes propostos para obter a subvención e a contía da axuda proposta a cada un deles sen superar o crédito dispoñible. A Comisión de Valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: un director ou directora de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en que delegue.

b) Secretaría: un funcionario ou funcionaria da Axencia Galega de Innovación.

c) Tres vogais designados pola directora da Axencia Galega de Innovación.

3. O informe que elabore a Comisión de Valoración remitirase ao órgano instrutor.

Artigo 12. Criterios de valoración e selección

A valoración dos indicadores para cada centro tecnolóxico, a partir da información dos anos 2021 e 2022, realizarase conforme o baremo que se recolle no anexo II.

O importe da axuda de cada anualidade determinarase de acordo coa seguinte fórmula:

IAi=Vp*Pi

En que:

IAi: importe da axuda de cada centro.

Pi: puntuación obtida por cada un dos centros.

Vp 2023: valor monetario de cada punto obtido pola fórmula Vp=3.100.000,00/∑ Pi.

Vp 2024: valor monetario de cada punto obtido pola fórmula Vp=3.100.000,00/∑ Pi.

Artigo 13. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior, cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Valoración á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o beneficiario, así como a subvención concedida ou, se é caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento establecido nestas bases reguladoras.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) desta lei, a notificación individual de concesión da axuda substituirase pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 15. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

1) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

2) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

3) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 13 destas bases reguladoras.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Facilitar cuantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

d) Comunicar á Axencia Galega de Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o seu importe e duración.

e) Contabilizar de forma separada a súa actividade económica e non económica, de modo que se poida distinguir con claridade entre ambos os dous tipos de actividades e entre os seus respectivos custos e financiamento. O proxecto subvencionado dedicarase exclusivamente a actividades de carácter non económico, o que deberá ter o seu reflexo na contabilidade separada, de modo que cumpran o establecido no Marco comunitario sobre axudas estatais sobre investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE do 28.10.2022 C414/01).

Artigo 19. Conceptos subvencionables

1. Custo de persoal investigador ou de apoio.

Persoal investigador contratado: investigadores, auxiliares de investigación e xestores de I+D+i que se dedican exclusivamente a esta actividade.

Persoal de apoio contratado: persoal directivo ou persoal de administración con dedicación parcial a actividades de I+D+i.

O custo do persoal de apoio non poderá ser superior ao 40 % do importe da subvención concedida.

Unicamente será subvencionable o importe que conste como base do IRPF na nómina, non admitíndose axudas de custo, desprazamentos e outros que non formen parte da base do IRPF.

2. Material bibliográfico (libros, publicacións periódicas en papel ou dixitais, bases de datos…).

3. Equipamento científico: inclúense aplicacións informáticas cando sexan necesarias para actividades de investigación, así como a súa reparación e conservación.

4. Material funxible.

Elementos adquiridos e utilizados pola entidade para a realización da actividade investigadora (materiais diversos, envases, material de oficina...).

5. Custos de formación do persoal do centro tecnolóxico (inscrición, matrícula, custos do persoal ou entidade docente no caso de formación específica contratada polo centro...). Non se admiten as axudas de custo, desprazamentos, nin facturas de combustibles.

6. Outros gastos debidamente xustificados, conforme o número 4 do artigo 19.1, ata un máximo do 10 % da axuda concedida.

Gastos de natureza diversa que teñen por obxecto garantir o funcionamento normal da entidade (gastos de asesoría e similares, auga, electricidade e outras subministracións, servizos prestados por outras entidades para o desenvolvemento de actividades de I+D+i, outros servizos...).

Artigo 20. Subcontratación

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, os beneficiarios deberán presentar para cada anualidade, electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación, axustada aos modelos que figuran na páxina da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal):

1) Un resumo da execución da subvención (modelo 1) asinada polo xerente ou director do centro tecnolóxico.

2) Certificación dos custos de persoal (modelo 2) emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do xerente ou director do centro tecnolóxico, consistente nunha relación detallada por meses do persoal, que deberá incluír os seguintes datos: mes que se xustifica, apelidos, nome, NIF, posto no centro tecnolóxico, base do IRPF, retribución líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao centro tecnolóxico, data de pagamento da Seguridade Social, porcentaxe de imputación e importe mensual total imputado.

3) Documentos que acrediten os custos de persoal (copia das nóminas e relación nominal de traballadores da Tesouraría Xeral da Seguridade Social) e o seu pagamento (copia dos xustificantes bancarios ou recibo de liquidación de cotizacións á Seguridade Social). Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán detallarse os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles.

4) Documentación acreditativa da realización dos restantes gastos, que consistirá en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais.

5) Documentación acreditativa de realización dos pagamentos, que consistirá nunha copia da documentación bancaria dos pagamentos. Presentarase xunto a cada documento de gasto o seu correspondente documento de pagamento ou o extracto bancario onde figure o cargo correspondente. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Os xustificantes bancarios de pagamento deben coincidir exactamente co importe da factura, IVE incluído. No caso de que o importe reflectido no documento bancario non coincida co importe do documento de gasto (pagamento agrupado), deberase remitir o detalle dos pagamentos efectuados xunto cos documentos de gasto, onde se poida identificar o gasto en cuestión.

6) En relación coa documentación xustificativa do investimento documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia en formato pdf dos documentos orixinais. Os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

7) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

8) No caso de adquisición de bens ou a prestación de servizos, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere os 15.000 euros no global do proxecto cun mesmo provedor, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, excepto que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía, e deberá entregarse unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta máis vantaxosa.

9) Declaración responsable do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados (modelo 3).

10) Ficha de indicadores de actividade por anualidade (modelo 4).

11) Memoria explicativa breve en que se reflictan as principais actividades e proxectos realizados coa axuda concedida dentro dos retos e prioridades da RIS3 Galicia (modelo 5).

12) De conformidade co disposto no artigo 8, no caso de que o centro solicitante non preste o consentimento expreso ou se opoña á consulta polo órgano xestor de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma, deberá achegar os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor.

2. Nos documentos correspondentes a cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, aceptarase o importe que conste na certificación dos custos de persoal, e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos do gasto e do seu pagamento nos prazos de xustificación establecidos no artigo seguinte.

3. A documentación presentarase electronicamente. Os beneficiarios responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Así mesmo, os documentos de resumo da execución da subvención (modelo 1) e de certificación dos custos de persoal (modelo 2) deberán enviarse tamén en formato electrónico (.xls, xlsx, .org, .calc ou similar).

Os modelos estarán dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación xunto coas instrucións necesarias e presentaranse a través da Carpeta do Cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 6.

Artigo 22. Período de realización dos gastos e prazo de xustificación da axuda

1. Períodos de realización dos gastos e pagamentos.

Primeira anualidade

Desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro de 2023 (incluído o pagamento das cotas de seguros sociais do mes de decembro).

Segunda anualidade

Desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 2 de novembro de 2024.

2. Prazo de presentación da xustificación da axuda.

1) A xustificación do importe total da anualidade da subvención concedida terá como data límite de presentación a seguinte:

Primeira anualidade

31 de marzo de 2024.

Segunda anualidade

10 de novembro de 2024. Non obstante, se existen cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación (cotas do mes de outubro) estas terán como data límite o 15 de decembro de 2024.

2) Transcorridos os prazos indicados sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3) Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderá solicitar as aclaracións que considere oportunas a través do enderezo electrónico xestion.gain@xunta.gal

4) Os beneficiarios que presenten unha xustificación de gastos inferior ao anticipo percibido deberán acompañar á documentación presentada o xustificante de ingreso na conta da Comunidade Autónoma do importe percibido e non xustificado; sen prexuízo de que lles poida ser exixida a devolución doutras contías anticipadas unha vez aprobada a xustificación polo órgano competente.

Artigo 23. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados ata o 80 % da subvención concedida, de acordo co artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo coa seguinte distribución:

• Para a primeira anualidade efectuarase un anticipo do 100 % da subvención total concedida para esa anualidade.

• Para a segunda anualidade anticiparase como máximo o 60 % do importe da subvención concedida para esa anualidade, tras a xustificación da anualidade anterior respectando o máximo do 80 % de pagamentos anticipados.

2. A concesión dos anticipos quedará condicionada ao cumprimento, por parte dos beneficiarios, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizarase mediante resolución motivada logo da publicación da adxudicación das axudas.

3. No caso de pagamentos anticipados e á conta, non se precisará a presentación de garantías de acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os restantes pagamentos efectuaranse tras a xustificación. A suma dos pagamentos á conta e os anticipos non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 24. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Non facilitar cantos datos resulten necesarios para o seguimento e a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 3 % da subvención concedida.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En caso de incumprimento do establecido no artigo 16.b), procederase conforme o establecido no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 25. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das condicións das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 28. Normativa aplicable

Para todo o non previsto nestas bases observarase o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto da normativa aplicable.

As axudas obxecto desta convocatoria están dirixidas á realización de actividades de I+D+i de carácter non económico, por parte de centros tecnolóxicos de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro; difusión dos resultados da actividade dos centros tecnolóxicos subvencionados e á disposición de todos dun xeito indiscriminado, de xeito que non se produce vantaxe económica para os centros subvencionados, e cumpren cos requisitos establecidos pola Comisión Europea no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE C414/01, do 28 de outubro de 2022).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file