DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2023 Páx. 47595

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 26 de xullo de 2023 pola que se regulan as bases e a convocatoria das axudas para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxecto de compensar os acuicultores polos custos adicionais en que incorresen como consecuencia da guerra de Ucraína (cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento PE107H).

A guerra de Ucraína xerou consecuencias de diversa índole para a Unión Europea e afectou a economía dos Estados membros. En concreto, a invasión por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022 afectou os operadores do sector da pesca e acuicultura da Unión, orixinando unha perturbación significativa do mercado como consecuencia dos incrementos importantes dos custos e as alteracións do comercio, que foi sufrida polas empresas ao longo de 2022 e tamén durante 2023 en maior ou menor medida.

Con tal motivo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, modificouse a través do Regulamento (UE) nº 2022/1278 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de xullo, no que se refire ás medidas específicas para mitigar as consecuencias da guerra de agresión de Rusia contra Ucraína nas actividades pesqueiras e atenuar os efectos da perturbación do mercado causada por esa guerra de agresión na cadea de subministración de produtos da pesca e a acuicultura.

Así, o devandito Regulamento (UE) nº 2022/1278 modifica o artigo 68 do Regulamento (UE) nº 508/2014 e engade o número 3 que establece o seguinte:

O FEMP poderá conceder axudas destinadas a compensar economicamente os operadores do sector da pesca e a acuicultura polo seu lucro cesante e polos custos adicionais en que incorresen debido á perturbación do mercado causada pola guerra de agresión de Rusia contra Ucraína e os seus efectos na cadea de subministración de produtos da pesca e a acuicultura.

Coa aprobación do Regulamento (UE) nº 2022/1278 modificáronse os criterios de selección por parte da autoridade de xestión do programa operativo do FEMP do Reino de España, de xeito que se establece, ao abeiro do artigo 68.3 do Regulamento FEMP, unha medida horizontal para compensar os efectos da guerra de Rusia contra Ucraína que beneficie o sector da acuicultura.

Ante este marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2023, coa finalidade de apoiar o sector acuícola con medidas que teñen por obxecto compensar os acuicultores polas consecuencias da guerra de Ucraína, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde, con código de procedemento PE107H, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e realizar a convocatoria para o ano 2023 para conceder as axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a compensar aos acuicultores polos custos adicionais en que incorresen como consecuencia da guerra de Ucraína. Os custos obxecto de compensación, por incremento de prezos, son os que a continuación se indican:

– Consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura.

– Consumo de fariñas de peixe, alimentos, pensos, oxíxeno, envases e embalaxes de plástico e electricidade dos establecementos de acuicultura.

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 do 17 de decembro, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; Regulamento (UE) nº 2022/1278, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 508/2014 no que se refire ás medidas específicas para mitigar as consecuencias da guerra de agresión de Rusia contra Ucraína; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións ás que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

4. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723B.770.2, código de proxecto 2023 00186, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

5. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 3.626.000,00 €.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniran os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas.

Para os efectos desta orde, considérase empresa acuícola, as persoas, físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que a axuda se solicite para os custos adicionais derivados do consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura, poderán ser persoas beneficiarias da axuda as persoas armadoras da embarcación que sexan titulares de establecementos de acuicultura.

Os establecementos de acuicultura deberán ser titularidade da empresa solicitante durante os períodos de referencia indicados no artigo 5 da presente orde. Así mesmo, no caso das axudas para os custos de combustible dos buques auxiliares, as persoas solicitantes deberán ser armadoras das embarcacións e titulares dos establecementos de acuicultura durante os períodos sinalados.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) Ser titular do/dos establecemento/s de acuicultura desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022.

b) Ser a persoa armadora do/dos buque/s auxiliar/es de acuicultura desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022.

c) O/s establecemento/s de acuicultura polo/s que se solicita a axuda deben estar inscritos no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022.

d) Os buques auxiliares deben estar inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022.

e) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

f) Non concorreren ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o citado regulamento (UE), suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

h) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de 1995).

i) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

j) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE. Con carácter xeral, serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos previstos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses, en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos previstos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

k) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil do/dos establecemento/s e/ou do/dos buque/s auxiliar/es, de ser o caso, que garanta posibles danos a terceiros.

l) De conformidade co artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, ter aboados os gastos das operacións comerciais nas que incorra, nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

m) Confirmar que as facturas achegadas na solicitude, e que forman parte como anexo do informe do auditor regulado nos artigos 8.3, 9.2 e 13.2.2.d) da presente orde, se corresponden con produtos que se utilizan integramente no proceso da produción e non son consecuencia do aumento do stock para consumos futuros ou para a súa comercialización ou venda a terceiros, así como que as cantidades xustificadas son coherentes co consumo medio efectivo realizado en anos anteriores. Así mesmo, que puxo á disposición do auditor as relaciones detalladas de gastos obxecto de subvención, xunto coas facturas e xustificantes de pagamento correspondentes coa antelación suficiente para que este puidese realizar o seu informe.

Este feito acreditarase coa declaración responsable que figura no punto 15 do anexo I e aplicarase para cada unha das persoas físicas se o solicitante é unha pluralidade de persoas.

n) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

ñ) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

o) Figurar de alta na Axencia Española de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa acuicultura, desde o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2022.

As posibles persoas beneficiarias, ao formalizar a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura, tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Ademais, tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos, a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas ás autoridades europeas, por parte da Administración, nas cales se inclúa a súa operación, para o que será informada á persoa beneficiaria da axuda da devandita data. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales se concedeu a axuda.

f) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final, a persoa beneficiaria non poderá cometer unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude nin estar incluídos os buques na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro.

Artigo 7. Intensidade da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital, e non constitúen axudas de Estado.

2. A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 100 % do gasto subvencionable para as empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas. Para estes efectos terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, segundo a cal son microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros.

As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo o indicado na mencionada recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado nela.

Para as empresas que non teñan a consideración de peme (grandes empresas), a contía máxima da axuda será de ata o 80 % do gasto subvencionable.

3. O importe total da axuda que se vai conceder non excederá os 300.000,00 € por empresa, con independencia do número de establecementos ou buques auxiliares de que dispoña.

No caso de que a persoa solicitante posúa varios establecementos, deberá realizar unha declaración responsable, incluída no punto 2 do anexo I do formulario de solicitude, na que indique a/s solicitude/s de axuda que presentou ou ten previsto presentar para cada centro produtivo e ante que órgano da comunidade autónoma que proceda. O órgano xestor comprobará coas restantes comunidades autónomas que, de ser o caso, o importe máximo das axudas concedidas á empresa non supera os 300.000,00 €.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os custos polo incremento de prezos das seguintes partidas:

– Consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura, envases e embalaxes de plástico e consumo eléctrico dos establecementos de acuicultura: gastos realizados desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022.

– Consumo de fariñas de peixe, alimentos, pensos e oxíxeno: gastos realizados nos establecementos de acuicultura, desde 1 de xullo ao 31 de decembro de 2022.

2. Os custos elixibles, para seren subvencionables, estarán relacionados ao 100 % coa actividade propia da empresa no ámbito da produción acuícola, responderán ao consumo medio efectivo realizado en anos anteriores e non serán consecuencia do aumento do stock para consumos futuros ou a súa comercialización ou venda a terceiros, para o cal a persoa solicitante deberá asinar a declaración responsable incluída en el punto 16 do anexo I.

3. Tamén serán subvencionables os seguintes gastos:

– O gasto derivado da elaboración do informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), correspondente á xustificación dos gastos realizados durante os períodos subvencionables.

– O gasto derivado da elaboración do informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, nas cales non sexa posible presentar conta de perdas e ganancias abreviada.

– O gasto correspondente á elaboración do informe dunha entidade habilitada acreditativo do tamaño da empresa (peme ou non peme).

Artigo 9. Cálculo da axuda máxima

1. O calculo da contía da axuda realizarase segundo o tipo de axuda solicitada:

a) Custos adicionais derivados do consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura:

O importe da axuda calcularase multiplicando os litros consumidos de combustible, acreditado mediante albará ou facturas con xustificación do pagamento, polos euros/litro que veñen recollidos na seguinte táboa:

Sobrecusto mensual por litro de combustible consumido

2022

Sobrecusto mensual subvencionable (€/litro)

Marzo

0,35

Abril

0,45

Maio

0,15

Xuño

0,35

Xullo

0,25

Agosto

0,25

Setembro

0,15

Outubro

0,25

Novembro

0,15

Decembro

0,04

b) Custos adicionais derivados dous custos de produción por envases e embalaxes de plástico, consumo eléctrico, fariñas de peixe, pensos e oxíxeno:

O importe da axuda calcularase aplicando ao importe do albará ou da factura a porcentaxe de incremento do custo de produción de cada partida, recollido na seguinte táboa:

Partidas subvencionables

Tipo fixo subvencionable ( %) aplicando a marxe de seguridade

Período subvencionable

Total alimentación animal

2011

Oxíxeno e gases

2222

Plástico

04510

Electricidade

Marzo

4,75 %

18,25 %

Abril

7,00 %

0,00 %

Maio

8,25 %

0,00 %

Xuño

9,25 %

0,00 %

Xullo

14,00 %

4,50 %

9,25 %

1,00 %

Agosto

13,75 %

5,75 %

10,00 %

14,50 %

Setembro

14,00 %

7,75 %

9,50 %

0,00 %

Outubro

14,50 %

4,25 %

9,25 %

0,00 %

Novembro

14,75 %

5,75 %

8,75 %

0,00 %

Decembro

14,50 %

6,25 %

8,50 %

0,00 %

2. O importe total das facturas por cada partida e mes acreditarase cun informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) tendo en conta que:

– As facturas sobre as que realice o informe deberán ser orixinais electrónicas ou copias autenticadas dos gastos.

– As facturas deberán estar pagadas, o que se demostrará achegando os xustificantes de pagamento correspondentes (xustificantes bancarios ou tíckets de compra).

– Nas facturas identificarase:

• A partida de gasto subvencionable.

• A descrición do produto/servizo.

• O nome e NIF do provedor.

• O número de factura, data de emisión da factura ou, de ser o caso, de prestación do servizo/subministración, data de pagamento da factura, importe total da factura en moeda estranxeira (de ser o caso), importe total da factura en euros e importe elixible da factura en euros (de ser o caso).

• O nome e NIF de a quen vai dirixida a factura.

– Para determinar a elixibilidade do gasto terase en conta a data do albará ou a data que apareza na factura como data de prestación do servizo/da subministación; será esta (e non a data de emisión da factura) a que deberá estar dentro do período subvencionable. Malia o anterior, no caso de que non se dispoña de albará ou a factura non recolla a data de prestación do servizo/da subministación, entenderase por data de prestación do servizo/subministación a data de emisión da factura, que deberá atoparse dentro do período subvencionable. Nunca se terán en conta ambos os documentos para unha mesma partida e período.

– Os períodos de referencia para que os gastos sexan elixibles son os indicados, para cada tipo de gasto, no artigo 8 da presente orde.

– O informe elaborarase exclusivamente sobre a información das facturas pagadas.

– O informe asinado polo auditor deberá incluír a información detallada do anexo IV da presente orde (relación de partidas e gastos mensuais) e xuntar todas as facturas, xustificantes de pagamento e tíckets que foron empregados para realizar o informe.

– No caso de que a empresa posúa varios establecementos e/ou varios buques auxiliares, o informe do auditor permitirá identificar os gastos correspondentes a cada unidade de produción ou buque auxiliar, así como a localización destes.

3. Ao importe resultante da aplicación do punto 1 deste artigo poderán engadirse os gastos correspondentes aos informes detallados no artigo 8, punto 3, desta orde.

4. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10. Incompatibilidade das axudas

As axudas establecidas na presente orde serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para a mesma finalidade e período procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 11. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos de presentación da solicitude, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III da presente orde.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Anexo II. Pluralidade de persoas, se é o caso.

Anexo III. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

2.1. Persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais, da escritura de constitución e do representante legal da persoa xurídica.

b) Copia do poder de representación do representante legal da entidade solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.

d) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza.

e) De conformidade co artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, acreditación de ter aboados os gastos das operacións comerciais en que incorra, nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade. Esta circunstancia acreditarase por parte das sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, coa declaración responsable incorporada no número 14 do anexo I.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.

O período a que debe facer referencia a certificación mencionada abrangue desde o 20 de outubro de 2022, data de entrada en vigor da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas, que modifica o artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ata un mes antes da data de publicación da presente orde.

f) Factura da certificación do auditor mencionado no punto anterior, de ser o caso.

Se o gasto unitario da factura supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) Certificación bancaria correspondente ao pagamento da factura indicada na letra f) anterior, que deberá identificar esta e o seu importe. Só se admitirán pagamentos realizados por transferencia bancaria.

2.2. Todas as persoas solicitantes:

a) Seguro de responsabilidade civil do/dos establecemento/s de acuicultura que garanta posibles danos a terceiros.

b) Seguro de responsabilidade civil do/dos buque/s auxiliar/es que garanta posibles danos a terceiros.

c) Certificación bancaria acreditativa de que a titularidade da conta corrente sinalada no anexo I corresponde unicamente á persoa solicitante ou, no caso de pluralidade, exclusivamente a todas as persoas solicitantes.

d) Informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) para a presentación da xustificación dos gastos, no cal deberá incluír a información detallada no anexo IV da presente orde (relación de partidas e gastos mensuais), acompañado das facturas (orixinais electrónicas ou copias autenticadas) dos gastos e dos xustificantes de pagamento correspondentes (xustificantes bancarios ou tíckets de compra).

e) Factura do informe do auditor mencionado no punto d) anterior.

f) Informe de entidade habilitada para a súa emisión, acreditativo de que a empresa solicitante ten a consideración de peme ou non peme en aplicación da Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, así como da súa guía de aplicación.

g) Factura do informe de entidade habilitada mencionado no punto f) anterior.

Se o gasto unitario das facturas, indicadas nas letras e) e g) do presente artigo, supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

No caso de que os solicitantes sexan unha pluralidade de persoas, as facturas indicadas nos puntos e) e g) deben estar emitidas a nome de cada un dos solicitantes pola porcentaxe correspondente, segundo o indicado no anexo II do formulario de solicitude.

h) Certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados das facturas indicadas nas letras e) e g) do presente artigo, que deberán identificar as facturas e o seus importes. Só se admitirán pagamentos realizados por transferencia bancaria.

No caso de que os solicitantes sexan unha pluralidade de persoas, os pagamentos indicados no punto h) deben estar realizados a nome de cada un dos solicitantes pola porcentaxe correspondente, segundo o indicado no anexo II do formulario de solicitude.

i) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada persoa solicitante.

2.3. No caso de que o establecemento de acuicultura sexa titularidade dun matrimonio casado en réxime de gananciais, a solicitude deberá presentarse a nome dos dous titulares.

2.4. No caso de que a solicitude corresponda a unha pluralidade de persoas, as actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen no anexo II e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para os efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III desta orde.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE de cada persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.

d) DNI/NIE da persoa representante nomeada para os efectos de presentación da solicitude.

e) NIF da entidade representante nomeada para os efectos de presentación da solicitude.

f) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

g) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de cada persoa solicitante.

h) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), de cada persoa solicitante.

i) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, emitido pola Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga), de cada persoa solicitante.

j) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira e informe sobre sancións graves dos solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMP, de conformidade co artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, emitidos polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar, de cada persoa solicitante.

k) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza, de cada persoa solicitante.

l) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

m) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: consulta de carecer de antecedentes penais obtida a través da plataforma de interoperabilidade do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado/a culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á persoa interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

n) Consulta de non ser declarado/a culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP, obtida a través da plataforma de interoperabilidade da Base de datos nacional de subvencións, de cada persoa solicitante.

ñ) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado/a na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtida do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

o) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: consulta de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtida a través da plataforma de interoperabilidade do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de delitos, solicitaráselle á persoa interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

p) Consulta de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtida a través da plataforma de interoperabilidade da Base de datos nacional de subvencións, de cada persoa solicitante.

q) Consulta de resolucións de concesión doutra axuda para o mesmo proxecto concedida pola Xunta de Galicia de cada persoa solicitante, se é o caso.

r) Consulta de concesións de subvencións e axudas de cada persoa solicitante.

s) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas de cada persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo II ou anexo III) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude efectuaranse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Tramitación das solicitudes

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 14 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá presentarse por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.

6. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura emitirá un informe favorable das solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria e continuará a súa tramitación de acordo co establecido no presente artigo.

B) Fase de valoración de solicitudes.

1. Para a valoración de idoneidade o programa operativo do FEMP entenderase:

– A adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– A contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do programa operativo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

2. Tendo en conta que se trata dunha axuda destinada a compensar economicamente os operadores do sector acuícola polos custos adicionais en que incorresen debido á perturbación do mercado causada pola guerra de Ucraína, a valoración do criterio xeral é alta, como así o indican os criterios de selección do programa operativo do FEMP, polo que o órgano instrutor emitirá un «informe de idoneidade» con esta catalogación.

3. Non se empregan criterios específicos de selección xa que as axudas se concederán en concorrencia non competitiva. No caso de que o importe fixado na presente convocatoria resulte insuficiente para atender as solicitudes presentadas na súa intensidade máxima, realizarase un rateo do importe global máximo destinado a esta axuda entre todas as persoas solicitantes.

C) Fase de selección de solicitudes.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, os expedientes seleccionados e o importe da subvención para cada un deles.

3. O/a presidente/a da Comisión de Selección elevará a proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 17. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados pola Comisión de Selección, constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A Comisión de Selección estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo/a presidente/a. O/a xefe/a do Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura actuará como secretario/a.

3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o/a presidente/a. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para realizar a selección.

4. As reunións da Comisión de Selección poderán celebrarse tanto de forma presencial como a distancia, nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

5. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión de Selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a técnicos expertos externos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para elaborar a proposta de concesión ao órgano concedente, agás no caso de que a suma dos importes das axudas dos expedientes propostos non supere o crédito existente para elas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, e emitirá propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

8. Dado que o obxecto e a finalidade da subvención son o establecemento das bases reguladoras de axudas para compensar os acuicultores polos custos adicionais en que incorresen a consecuencia da guerra de Ucraína, non é necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas.

9. A Comisión seleccionará as solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nesta orde e a contía da subvención determinarase segundo a forma de cálculo establecida no artigo 9, coa cal se obterá o importe da axuda correspondente a cada empresa solicitante.

10. No caso de que o importe fixado na presente convocatoria resultar insuficiente para atender as solicitudes presentadas na súa intensidade máxima, realizarase un rateo do importe global máximo destinado a esta axuda entre todas as persoas solicitantes.

Artigo 18. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses, contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, a data límite para ditar a resolución será o 31 de decembro de 2023. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a devandita resolución, a persoa interesada terá un prazo de dez días hábiles, a partir do seguinte ao da súa notificación, para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 18 non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de persoa solicitante ou beneficiaria das axudas.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas diferentes dos aducidos polo/a interesado/a.

Artigo 22. Pagamento

1. O pagamento das axudas concedidas realizarase de oficio, unha vez resolta a presente convocatoria e notificadas as resolucións de concesión, polo que a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa se entenderá implícita e achegada na solicitude da subvención.

2. Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

Artigo 23. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases, na correspondente convocatoria e nas demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos, coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes, desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario por parte da persoa beneficiaria e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei á que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 27. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e dos seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Relación de partidas e gastos mensuais

Contido do informe do auditor para a xustificación dos gastos realizados

A. Gastos por consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura.

Datos da/das persoa/s armadora/s do buque auxiliar

Nome/razón social

Primeiro apelido

Segundo apelido

NIF

Buque auxiliar de acuicultura do cal se detallan os gastos

Nome do buque

Matrícula-folio

Porto base

Período subvencionable

Importe das facturas
(€ sen IVE)

Litros de combustible

Sobrecusto mensual subvencionable (€/litro)

Importe subvencionable
(€ sen IVE)

Marzo

0,35

Abril

0,45

Maio

0,15

Xuño

0,35

Xullo

0,25

Agosto

0,25

Setembro

0,15

Outubro

0,25

Novembro

0,15

Decembro

0,04

Total

Repetir o contido da información sinalada para cada buque auxiliar, de ser o caso.

B. Gastos por consumo de envases e embalaxes de plástico/electricidade/alimentación animal/oxíxeno dos establecementos de acuicultura.

Datos da/das persoa/s titular/es do establecemento

Nome/razón social

Primeiro apelido

Segundo apelido

NIF

Establecemento de acuicultura do cal se detallan os gastos

Tipo de establecemento

Nome

Localización

Viveiro

Parque de cultivo/granxa mariña/criadeiro/piscifactoría continental

Distrito-polígono

Cuadrícula

Provincia

Concello

Localidade

Partidas subvencionables: plástico/electricidade/alimentación animal/oxíxeno e gases

Tipo fixo subvencionable ( %) aplicando marxe de seguridade

1. Plástico

2. Electricidade

3. Alimentación animal

4. Oxíxeno e gases

Tipo
subv.
( %)

Importe das

facturas

(€ sen IVE)

Importe subvencionable

(€ sen IVE)

Tipo
subv.
( %)

Importe das
facturas
(€ sen IVE)

Importe
subvencionable
(€ sen IVE)

Tipo
subv.
( %)

Importe das
facturas
(€ sen IVE)

Importe
subvencionable
(€ sen IVE)

Tipo
subv.
( %)

Importe das
facturas
(€ sen IVE)

Importe
subvencionable
(€ sen IVE)

Período
subvencionable

Marzo

4,75 %

18,25 %

Abril

7,00 %

0,00 %

Maio

8,25 %

0,00 %

Xuño

9,25 %

0,00 %

Xullo

9,25 %

1,00 %

14,00 %

4,50 %

Agosto

10,00 %

14,50 %

13,75 %

5,75 %

Setembro

9,50 %

0,00 %

14,00 %

7,75 %

Outubro

9,25 %

0,00 %

14,50 %

4,25 %

Novembro

8,75 %

0,00 %

14,75 %

5,75 %

Decembro

8,50 %

0,00 %

14,50 %

6,25 %

Total plástico

Total electricidade

Total alimentación
animal

Total oxíxeno e gases

Total establecemento

Repetir o contido da información sinalada para cada establecemento de acuicultura, de ser o caso.

Resumo de gastos subvencionables

Importe subvencionable (€ sen IVE)

A. Gastos por consumo de combustible de todos os buques auxiliares de acuicultura

B. Gastos de todos os establecementos de acuicultura

1. Plástico

2. Electricidade

3. Alimentación animal

4. Oxíxeno e gases

Total B (1+2+3+4)

C. Gasto de todos os buques auxiliares e establecementos de acuicultura (A+B)

O informe deberá presentarse acompañado das facturas (orixinais electrónicas ou copias autenticadas) dos gastos e os xustificantes de pagamento correspondentes (xustificantes bancarios ou tíckets de compra). A documentación deberá presentarse agrupada por establecemento/buque auxiliar e por partidas de gasto.