DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2023 Páx. 47636

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se regulan as bases e a convocatoria das axudas para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxecto de compensar os acuicultores polos custos adicionais en que incorresen como consecuencia da guerra de Ucraína (cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento PE107H).

BDNS (Identif:): 711235.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas.

Para os efectos desta orde, considérase empresa acuícola as persoas, físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se realizan actividades de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que a axuda se solicite para os custos adicionais derivados do consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura, poderán ser persoas beneficiarias da axuda as persoas armadoras da embarcación que sexan titulares de establecementos de acuicultura.

Os establecementos de acuicultura deberán ser titularidade da empresa solicitante durante os períodos de referencia indicados no artigo 5 da presente orde. Así mesmo, no caso das axudas para os custos de combustible dos buques auxiliares, as persoas solicitantes deberán ser armadoras das embarcacións e titulares dos establecementos de acuicultura durante os períodos sinalados.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE107H, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e realizar a convocatoria, para o ano 2023, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a compensar os acuicultores polos custos adicionais en que incorresen como consecuencia da guerra de Ucraína. Os custos obxecto de compensación, por incremento de prezos, son os que a continuación se indican:

– Consumo de combustible dos buques auxiliares de acuicultura.

– Consumo de fariñas de peixe, alimentos, pensos, oxíxeno, envases e embalaxes de plástico e electricidade dos establecementos de acuicultura.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se regulan as bases e a convocatoria das axudas para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxecto de compensar os acuicultores polos custos adicionais en que incorresen como consecuencia da guerra de Ucraína (cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento PE107H).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723B.770.2, código de proxecto 2023 00186, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 3.626.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar