DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2023 Páx. 47639

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR709B).

O 21 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (a partir de agora, LRTAG).

Esta lei ten como finalidade a recuperación das terras agrarias de Galicia para uso agrícola, gandeiro e forestal, de xeito que non só enuncia estes valores con carácter xenérico, senón que ademais os incorpora como parte fundamental das medidas e das propostas contidas no seu articulado. Así, o apoio á actividade agrícola e aos ingresos das explotacións agrarias familiares e, nomeadamente, ás mulleres agricultoras, o fomento da aplicación de prácticas agrícolas que contribúan ao mantemento dos ecosistemas e incrementen a capacidade de adaptación ao cambio climático, o fomento da xestión forestal sustentable e activa, e a loita contra a degradación e o abandono dos solos agrarios son á vez cuestións transversais presentes na lei e eixes fundamentais do Pacto verde europeo, moi especialmente da Estratexia «Da granxa á mesa» incluída nel, así como da Acción polo Clima e da nova Estratexia forestal da Unión Europea.

A LRTAG non só é un instrumento para facer fronte ao reto demográfico ao promover a recuperación de asentamentos poboacionais que progresivamente veñan reducir o problema do despoboamento do rural, senón que tamén constitúe unha aposta clara pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, na medida en que facilita a mobilidade e dispoñibilidade de terras e crea unhas condicións de desenvolvemento das iniciativas de emprendemento agrogandeiro e forestal máis equitativas entre xéneros.

O obxectivo final da dita lei é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

Os problemas ambientais e da crise climática obrigan á produción agraria a evolucionar cara a un modelo máis sustentable e respectuoso co ambiente, e tamén cara a un aproveitamento dos recursos endóxenos compatible cunha produción ordenada, sustentable e funcional. E a iso é ao que tende, entre outras cuestións, a formulación da nova PAC e das medidas e incentivos nela incluídos, que darán apoio de modo transversal aos mecanismos e instrumentos regulados na LRTAG.

Galicia presenta evidentes vantaxes para competir nesas condicións, debendo corrixir canto antes os desequilibrios existentes, como son os graves problemas da súa estrutura territorial agraria composta por pequenas parcelas dispersas pertencentes a propietarios, na súa maioría, desligados do rural, un forte incremento do abandono das terras agrarias, as cales, en moitos casos, son terras de alta ou moi alta produtividade, a excesiva fragmentación e mestura dos diversos usos agroforestais, xunto coa súa localización en terreos que non son sempre os óptimos para eses usos, os importantes problemas ambientais e socioeconómicos, entre os que destacan a vulnerabilidade fronte aos incendios e a baixa eficiencia das actividades agrarias e, por último, o baixo índice de mobilización das terras agrarias mediante compravendas ou arrendamentos.

Pois ben, este conxunto de factores negativos pódese traducir nunha oportunidade para dar resposta á demanda de terra produtiva dos diferentes usos agrícolas, gandeiros e forestais que procede das explotacións actualmente existentes e tamén dun crecente número de novos emprendedores e de persoas e colectivos dispostos a investir no sector.

Co fin de dar cobertura a esta demanda e, en particular, co fin de intensificar a mobilización da terra agraria, a LRTAG inclúe procedementos de mobilización de terras, entre os que se definen as permutas de especial interese agrario como un mecanismo especialmente acaído para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas, calquera que sexa a súa localización no territorio.

O capítulo VI do título IV da LRTAG regula as permutas de especial interese agrario. No marco desta regulación, o artigo 62.1 prevé, con carácter xeral, que a consellería competente en materia de medio rural incentive a mellora das estruturas das propiedades agrarias mediante permutas de predios agroforestais consideradas como de especial interese agrario. E o artigo 66 regula, de xeito específico, medidas de fomento das permutas de especial interese agrario, entre as que se atopa o establecemento de liñas de axudas específicas que cubran os gastos notariais e de inmatriculación rexistral dos predios, segundo a redacción dada a este artigo pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

A excepcionalidade do réxime de concorrencia non competitiva prevista nas bases reguladoras xustifícase porque no presente caso non é necesaria a comparación de solicitudes entre si e polo interese especial en promover procedementos sinxelos de mobilización de terras que, cumprindo os requisitos especificados nas bases reguladoras, poidan levarse adiante en Galicia.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) configúrase como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na LRTAG.

Desde o punto de vista da normativa de estado de axudas públicas, estas axudas están amparadas no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), ou na normativa que o substitúa.

Segundo o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 11 de xullo de 2013 (DOG nº 148, do 5 de agosto), a persoa titular da Dirección Xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución.

Tendo en conta o anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR709B, que se recollen no anexo I desta resolución.

2. Aprobar os formularios para a xestión das convocatorias, que se xuntan a esta resolución como anexos II e III.

3. Convocar para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito previsto nos orzamentos da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o exercicio correspondente a cada convocatoria.

O importe asignado á convocatoria de 2023 é de cincuenta mil euros (50.000 €) e imputarase ás aplicacións orzamentarias 14.A1.712A.781.0 (42.500 €) e 14.A1.712A.770.0 (7.500 €), código de proxecto 2023-00005.

No caso de que sexa necesario, para axustarse ao carácter dos beneficiarios das axudas, mudaranse os montantes inicialmente imputados a estas aplicacións orzamentarias, de xeito que se poida dar cobertura con eles, sen variar o montante inicial de 50.000 €, ao maior número de beneficiarios.

2. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. O aludido incremento debe publicarse no DOG e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.es).

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes

As solicitudes, dirixidas á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, presentaranse segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

O prazo para presentar as solicitudes para a convocatoria de 2023 iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 16 de outubro de 2023. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de dous meses contado desde o día seguinte a aquel en que foi presentada a solicitude. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña notificada a resolución expresa.

Disposición adicional primeira. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional segunda. Información sobre o procedemento

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

c) Nos teléfonos 881 99 71 93 e 981 54 58 15 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

d) De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56. Laraño. 15897 Santiago de Compostela), con cita previa nos teléfonos 881 99 71 93 e 981 54 58 15.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional cuarta. Habilitación para o desenvolvemento

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar as resolucións, acordos, instrucións e aclaracións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación destas axudas.

Disposición derradeira única. Aplicación da resolución

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. Estas bases teñen por obxecto regular o procedemento para a concesión das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva.

2. As axudas reguladas nestas bases concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2017, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Réxime xurídico

A concesión das axudas rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións; pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais; pola Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán participar nas convocatorias destas axudas as persoas que acrediten, mediante resolución da persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o especial interese agrario da permuta.

2. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A axuda cubrirá os gastos notariais de outorgamento da escritura de permuta e mais os gastos rexistrais de inscrición da permuta, así como, de ser o caso, de inmatriculación dos predios permutados.

2. As axudas que se concedan ao abeiro destas bases reguladoras están amparadas no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, ou na normativa que o substitúa.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (modelo que se inclúe como anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira estar colexiado de xeito obrigatorio, as persoas que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse de xeito electrónico coa Administración, e as persoas empregadas das administracións públicas para os trámites e actuación que realicen con elas por razón da súa condición de empregado público.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na resolución pola que se convocan as axudas.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a organización solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles, e indicaralle que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Identificación do acto administrativo polo que se declara a permuta de especial interese agrario.

b) Certificado/nota simple da inscrición da permuta de que se trata ou da inmatriculación dos predios afectados.

c) Facturas da notaría e do rexistro da propiedade relativas á permuta ou á inmatriculación de que se trata.

d) Xustificantes bancarios do pagamento das facturas.

e) No caso de que o solicitante actuara por medio dun representante, deberá achegar a documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. Para acreditar a representación poderá empregarse o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código do procedemento e o órgano responsable del, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos que estean en poder da Administración actuante ou que elaboren as administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante, se é o caso.

c) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

2. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución

Actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Subdirección de Mobilidade de Terras, á cal lle corresponde realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que debe tramitarse e resolverse o procedemento.

En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes presentadas, a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda ou achega da documentación necesaria que resultase de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte o procedemento recollido no artigo 20.5 da Lei 9/2007.

Artigo 11. Resolución do procedemento

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por proposta do órgano instrutor e por delegación do Consello de Dirección, resolverá o procedemento.

O prazo para ditar resolución expresa e notificala será de dous meses, contado desde o día seguinte ao da data de presentación das solicitudes. A persoa interesada poderá entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou a resolución expresa.

Artigo 12. Resolución e recursos

A resolución das solicitudes de axuda pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente, cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Se o acto administrativo for presunto, a persoa solicitante e os posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza. Todo iso, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se a resolución for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

1. As persoas beneficiarias deberán aceptar de forma expresa a axuda concedida no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da comunicación. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para conceder a axuda poderá dar lugar á modificación da axuda concedida, conforme o que dispón o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das subvencións.

Artigo 17. Reintegro da axuda

Procederá o reintegro total da axuda e dos xuros de demora desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos en que as persoas beneficiarias incumpran as condicións establecidas para a concesión da axuda ou, de ser o caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia, aprobada pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Pagamento da axuda

Para o pagamento da axuda non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria distinta da presentada xunto coa solicitude da axuda.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberán cumprirse as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file