DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 14 de agosto de 2023 Páx. 48435

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de xullo de 2023 pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2023 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, da compensación á frota pesqueira galega polas consecuencias da guerra de Ucraína, cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (código de procedemento PE107F).

A guerra de Ucraína xerou consecuencias de diversa índole para a Unión Europea e afectou á economía dos Estados membros. En concreto, a invasión por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022, afectou aos operadores do sector da pesca e acuicultura da Unión, orixinando unha perturbación significativa do mercado como consecuencia dos incrementos importantes dos custos e as alteracións do comercio que foi sufrida polas empresas ao longo de 2022 e tamén durante 2023 en maior ou menor medida.

Con tal motivo, o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, modificouse a través do Regulamento (UE) 2022/1278 do Parlamento Europeo e do Consello de 18 de xullo de 2022 no que se refire ás medidas específicas para mitigar as consecuencias da guerra de agresión de Rusia contra Ucraína nas actividades pesqueiras e atenuar os efectos da perturbación do mercado causada por esa guerra de agresión na cadea de subministración de produtos da pesca e a acuicultura.

Así, o dito Regulamento (UE) 2022/1278 engade a alínea 3 ao artigo 68 que establece o seguinte:

O FEMP poderá conceder axudas destinadas a compensar economicamente aos operadores do sector da pesca e a acuicultura polo seu lucro cesante e polos costes adicionais nos que incorreran debido á perturbación do mercado causada pola guerra de agresión de Rusia contra Ucraína e os seus efectos na cadea de subministración de produtos da pesca e a acuicultura.

De conformidade co disposto no artigo 65, alínea 9, parágrafo segundo, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, os gastos das operacións financiadas no marco do parágrafo primeiro da presenta alínea serán subvencionables a partir do 24 de febreiro de 2022.

Tamén o devandito Regulamento modifica o art. 95 relativo a Intensidade de axuda pública e establece que a axuda pública poderá ser do 100 % do gasto subvencionable cando a operación teña relación coa compensación co artigo 69, alínea 3.

Co gallo do Regulamento (UE) 2022/1278 modificáronse os criterios de selección por parte da autoridade de xestión do programa operativo do FEMP do Reino de España de xeito que se establece ao abeiro do art. 68.3 unha medida horizontal para compensar os efectos da guerra de Rusia contra Ucraína que beneficie ao sector extractivo, da acuicultura e ás empresas que desenvolvan actividades de transformación dos produtos da pesca e acuicultura.

A Consellería do Mar entende que ante esta situación resulta oportuno establecer unha axuda de compensación ao sector extractivo polo consumo de combustible correspondente á actividade dos buques pesqueiros como consecuencia da guerra de Ucraína.

Por outra banda, coa finalidade de ter unha xestión máis áxil e eficiente, a orde simplifica, na medida do posible o procedemento para a concesión das axudas, empregando a presentación electrónica para todos os solicitantes, a potestade de concesión e pagamento nun mesmo acto ao non haber xustificación de investimentos, así como a subvencionabilidade de determinados custos e informes cando estes sexan requiridos polo xestor competente, en aplicación do artigo 186.4, letra b) do Regulamento financeiro (Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do Parlamento europeo e do Consello de 18 de xullo de 2018).

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3 e 27.15 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta Orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas armadoras de buques pesqueiros con porto base en Galicia, para compensar o incremento do prezo do gasóleo, como consecuencia da guerra de Ucraína. O código do procedemento administrativo regulado nesta orde é PE107F.

Artigo 2. Finalidade

Esta Orde ten por finalidade compensar os efectos, na frota pesqueira galega da 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras, da subida do prezo do gasóleo pola invasión de Ucraína.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723B.770.2, código de proxecto 202300186, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 3.626.568 €.

3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. A ampliación realizaríase conforme ao disposto nos artigos 31 da Lei 9/2017, do 13 de xuño de subvencións de Galicia e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución da concesión.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e un 25 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas desta compensación as persoas armadoras de buques pesqueiros que:

a) Teñan o seu porto base en Galicia, a licencia en vigor e estean de alta na lista terceira do Rexistro Xeral de Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, deben cumprirse igualmente estas condicións durante todo o período subvencionable.

b) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

f) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común (PPC) definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

No caso de que un solicitante tivera varios buques ao seu cargo, e algún destes buques non fose admisible de acordo co artigo 6 do Regulamento delegado (UE) 2015/288, para o cálculo da axuda non se terían en conta os buques sancionados.

g) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316 do 27.11.1995).

h) Non estea nin estivese nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

i) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, os gastos das operacións comerciais en que incorra deberán terse aboado nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade, en aplicación do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003 xeral de subvencións.

Este feito acreditarase:

– Se a persoa solicitante pode presentar conta de perdas e ganancias abreviada, debe constar na declaración que figura no anexo I de solicitude. Esta declaración aplicarase tamén para cada unha das persoas físicas se a persoa solicitante é unha pluralidade de persoas.

– Se a persoa solicitante non pode presentar conta de perdas e ganancias abreviada, presentará certificación emitida por auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC).

O período de referencia para o cumprimento dos prazos de pagamento previstos mencionados nesta epígrafe será desde o 20 de outubro de 2022 e ata un mes antes da publicación desta orde.

O prazo que establece a Lei 3/2004, do 29 de decembro, tamén deberá cumprirse para os gastos subvencionables nesta orde de convocatoria.

2. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que as persoas solicitantes sexan unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica, cada unha das persoas solicitantes deberán cumprir este requisito.

3. Coa solicitude acompañarase unha declaración responsable por parte do solicitante, ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos punto 1, letras b) ata i) deste artigo (esta declaración forma parte do anexo I).

4. Dado que se trata dunha compensación onde non hai que executar investimentos, a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda é inherente á presentación da solicitude.

Artigo 5. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias. Con todo, tamén deberá conservar os ditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas por parte da Administración nas cales se incluíra a súa operación, para o cal informaráselle da dita data.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

f) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude, nin estar incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados por esta orde serán compatibles con outras liñas de axudas sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 7. Contía da axuda

1. O importe máximo da axuda obterase tendo en conta estes catro elementos:

a) Táboa baremo de consumo diario de litros de gasóleo por GT, arte e día de mar segundo o caladoiro onde realizase a actividade, de acordo con:

Consumo litros/gt/día/arte

A1

A2

B1

C2

Arrastreiros DTS

11,57

6,43

10,76

6,88

Cerqueiros PS

5,94

8,36

8,31

5,09

Rastras DRB

11,29

21,55

Anzois HOK,PGO,LLD

4,90

5,70

7,93

4,17

Redes enmalle DFN

6,19

9,30

Nasas FPO

9,50

6,13

Artes fixas polivalentes PGP

4,66

Artes polivalentes PMP

16,73

15,75

A1: Atlántico nacional.

A2: Atlántico non nacional.

B1: Mediterráneo nacional.

C2: Outras rexións non nacional.

b) Sobrecusto mensual por litro de combustible consumido do mes correspondente:

2022

Sobrecusto mensual subvencionable (€/litro)

Xullo

0,25

Agosto

0,25

Setembro

0,15

Outubro

0,25

Novembro

0,15

Decembro

0,04

c) Arqueo bruto (GT) que figure no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e estea recoñecido para efectos pesqueiros.

d) Días de mar no mes correspondente.

2. O cálculo máximo da axuda mensual obterase da seguinte fórmula:

Axuda mensual= A × B × C × D

O importe total da axuda para o período subvencionable será a suma da axuda de todos os meses que correspondan.

3. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias, axustaranse as contías e repartiranse pro rata entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos segundo a seguinte distribución do orzamento da orde:

Caladoiro e tipo de arte no RBPG

Distribución do crédito orzamentario da orde,

no caso de aplicar pro rata

Buques de arrastre de caladoiro nacional, comunitario e internacional

1.160.000 €

Buques de cerco de caladoiro nacional

385.000 €

Buques de artes menores en caladoiro nacional

1.541.568 €

Resto de buques

540.000 €

Total

3.626.568 €

Se fose necesario aplicar a pro rata segundo a táboa anterior, e no caso de que sexan atendidas todas as solicitudes dun caladoiro e tipo de arte sobre o crédito orzamentario establecido, este distribuirase entre os caladoiros e tipo de arte restantes a partes iguais.

A pro rata obtida para cada buque non poderá superar, en ningún caso, a contía máxima establecida no punto 2 deste artigo.

4. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8. Duración

1. Considérase o período subvencionable do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2022, ambos os dous incluídos.

Artigo 9. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2023 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos da presentación da solicitude, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II da presente orde.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude de axuda (anexo I), a seguinte documentación:

– Anexo II de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

2. A documentación complementaria está formada por:

I) Se a persoa solicitante é unha persoa física:

Non ten que presentar documentación complementaria, salvo que se opoña ou non autorice a consulta dos documentos indicados no anexo I, de conformidade co disposto no artigo 12 de comprobación de datos.

II) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Poder suficiente da persoa representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue un certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

III) Se a persoa solicitante corresponde a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado, e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Anexo III de pluralidade de persoas solicitantes (persoas físicas ou xurídicas solicitantes ou de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens).

b) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo III).

c) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue un certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

Outra documentación complementaria:

IV) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando a persoa solicitante poida presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable recollida no cadro de declaracións do anexo I. Cando non poida presentar conta de perdas e ganancias abreviada, presentará certificación emitida por auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) que acredite que:

En aplicación do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, os gastos das operacións comerciais, desde o 20 de outubro de 2022 e ata un mes antes da publicación desta orde, foron aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que é de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

V) Factura do informe do auditor mencionado no punto anterior, de ser o caso. Cando o solicitante sexa unha pluralidade de persoas, a factura debe estar emitida a nome de cada unha das persoas pola porcentaxe correspondente.

Se o gasto unitario da factura supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

VI) Certificación bancaria acreditativa do pagamento realizado correspondente á mencionada factura. O certificado bancario indicará a factura que soporta. O pagamento terase que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.

No caso de que o solicitante sexa unha pluralidade de persoas, o pagamento debe estar realizado a nome de cada persoa pola porcentaxe que lle corresponda.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presentan de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, nomeada para os efectos de presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica ou NIF da entidade representante legal da persoa xurídica.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da entidade ou agrupación sen personalidade xurídica ou da comunidade de bens, segundo corresponda.

e) Certificado de que cada persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificado de que cada persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificado de que cada persoa solicitante estea ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade correspondente da Consellería do Mar.

j) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia) obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, no caso de opoñerse expresamente á súa consulta. Deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue un certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta do Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública, de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP.

n) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtida a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

ñ) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

o) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A Administración solicitará, de oficio, á Capitanía Marítima a folla de asento de inscrición marítima actualizada, completa e literal, certificada en todas as súas follas.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

a) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4, punto 2, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 13 da presente orde.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á selección dos expedientes pola Comisión de Selección.

5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

6. Para aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, o Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota emitirá un informe favorable e continuarán tramitándose de acordo co establecido no presente artigo.

b) Fase de valoración de solicitudes.

1. Para a valoración de idoneidade ao programa operativo do FEMP atenderase a:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do programa operativo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

2. Tendo en conta que se trata dunha axuda destinada a compensar economicamente a operadores do sector da pesca polos costes adicionais en que incorreran debido á perturbación do mercado causada pola guerra de Ucraína, a valoración do criterio xeral é alta, como así o indican os criterios de selección do programa operativo do FEMPA, polo que o órgano instrutor emitirá un informe de idoneidade con esta catalogación.

3. Non se empregan criterios específicos de selección xa que se conceden en concorrencia non competitiva e, no caso de que non chegase o crédito orzamentario para atender todas as solicitudes, este distribuirase pro rata entre as solicitudes que cumpran os requisitos segundo a distribución do orzamento indicada no artigo 7.3.

c) Fase de selección de solicitudes.

1. Os expedientes serán seleccionados por unha Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. Serán seleccionadas todas as solicitudes que cumpran os requisitos e acheguen toda a documentación.

3. Na listaxe de seleccionados figurará a lista proposta de persoas beneficiarias ordenada por número de expediente e a proposta do importe da subvención para cada un deles.

4. A Presidencia da Comisión de Selección elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Comisión de Selección

1. A Comisión Seleccionadora estará formada polas seguintes persoas:

a) Presidenta: subdirectora xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.

b) Vogais: dúas persoas de entre o persoal funcionario adscritas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designadas pola presidenta e pola xefa de servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que actuará como secretaria.

2. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe a presidenta. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

3. As sesións da Comisión poderán ter lugar de forma presencial ou a distancia.

4. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira a documentación complementaria necesaria para a correcta selección da solicitude de que se trate.

5. A Comisión Seleccionadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a técnicos expertos na materia.

6. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso no que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 16. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro meses desde o día seguinte ao fin de prazo de presentación de solicitudes; en todo caso, o prazo máximo non poderá exceder da data límite do 31 de decembro de 2023. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, os prazos e o modo de pagamento da subvención.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade do artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberá crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo 16, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirá a subrogación dun novo armador na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Pagamento

1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que as persoas beneficiarias non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda, polo que a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa entenderase implícita e achegada na solicitude da subvención.

2. Segundo ao artigo 4, punto 1, letra i) desta orde, o prazo que establece a Lei 3/2004, do 29 de decembro, tamén deberá cumprirse para os gastos subvencionables nesta orde de convocatoria; neste caso, o custo do informe do ROAC.

3. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica relativa ao cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

4. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, cando caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

5. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 21. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da dita lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 25. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns de fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file