DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48680

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca o procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV de carreira profesional correspondente ao ano 2023 e se tramita un procedemento extraordinario de acceso ao grao II dirixido ao persoal estatutario temporal.

As bases do sistema de carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo están establecidas conxuntamente nos seguintes acordos da Mesa Sectorial:

1º. Acordo do 6 de xullo de 2018, asinado pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM (na condición de adherida), UGT, CSIF e SATSE, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de xullo seguinte e publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 20 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 144, do 30 de xullo).

2º. Acordo do 28 de outubro de 2022, sobre as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional, asinado pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 24 de novembro seguinte e publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 231, do 5 de decembro).

En aplicación deses acordos, a resolución deste centro directivo do mesmo día 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 231, do 5 de decembro), ademais de formalizar a convocatoria ordinaria de acceso aos graos I a IV correspondente ao ano 2022, fixo pública e efectiva a modificación dos requisitos para acceder ao grao inicial, dando entrada a todo o persoal temporal, e tramitou unha primeira medida excepcional de encadramento -o acceso ao grao I- dirixida a este persoal.

Como xa se indicaba nesa resolución, ese encadramento excepcional no grao I de carreira complementaríase coa outra medida excepcional incorporada ao Acordo da Mesa Sectorial do 28 de outubro de 2022: un encadramento extraordinario no grao II, no ano 2023, dirixido ao persoal incluído no ámbito de aplicación do encadramento de 2022 que comezase a prestar servizos no Servizo Galego de Saúde ou nas entidades adscritas antes do 31 de decembro de 2011, e permanecese prestando servizos (situación de servizo activo ou calquera outra que supoña reserva de praza) desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de decembro de 2020.

En consecuencia, procede neste momento convocar o procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV de carreira profesional correspondente ao ano 2023 e tramitar ese procedemento extraordinario de acceso ao grao II.

No que se refire aos baremos para superar a preceptiva avaliación, no procedemento ordinario aplícase o baremo correspondente ás áreas III e IV aprobado pola Orde do 21 de xullo de 2021 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 150, do 6 de agosto de 2021, e o baremo correspondente á Área I, aprobado pola Orde do 1 de marzo de 2022 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 9 de marzo de 2022; pero, como xa se fixo na convocatoria do ano 2022, as puntuacións destes baremos aplícanse transitoriamente reducidas tendo en conta o tempo transcorrido dende a súa publicación para a súa aplicación efectiva, coa intención de que na próxima convocatoria, a do ano 2024, xa teñan entrada os ditos baremos na súa totalidade. Pola súa parte, no procedemento excepcional de encadramento no grao II emprégase o baremo extraordinario que figura no citado Acordo do 28 de outubro de 2022.

En atención ao que antecede, en virtude do disposto no artigo 7.e) da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, logo do acordo da Comisión de seguimento da carreira profesional,

RESOLVO:

I. Acceso aos graos I a IV (convocatoria ordinaria do ano 2023).

Primeiro. Obxecto e ámbito

O persoal incluído no ámbito de aplicación que establece o punto 4 do Acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018), que no prazo de presentación de solicitudes reúna os requisitos e o período de permanencia previstos nos puntos 5 e 6 do dito acordo, poderá solicitar o grao seguinte a aquel que xa teña recoñecido na categoría/especialidade en que estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data de presentación da solicitude.

Con independencia do prazo que se establece para presentar as solicitudes -do 18 de agosto ao 30 de setembro de 2023- este requisito de estar en servizo activo (ou ter reserva de praza) entenderase referido a calquera día entre o 1 de agosto e o 30 de setembro.

Segundo. Baremo e órganos de avaliación

O recoñecemento do grao requirirá, sempre que reúna os requisitos e o período de permanencia previstos nos puntos 5 e 6 do dito acordo, a avaliación favorable dos méritos do/a interesado/a, que será realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

Manterase con carácter transitorio a composición destes órganos de avaliación acordada para as anteriores convocatorias de carreira profesional.

Valoraranse exclusivamente os méritos acadados durante o período en que o/a profesional permaneceu encadrado/a no grao inmediatamente inferior.

Serán valorados os méritos acadados ata o último día do prazo de presentación de solicitudes (30 de setembro de 2023).

Nesta convocatoria aplicarase o baremo de carreira profesional correspondente ás áreas III e IV, que foi aprobado pola Orde do 21 de xullo de 2021 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 150, do 6 de agosto de 2021, e o baremo de carreira profesional correspondente á Área I, que foi aprobado pola Orde do 1 de marzo de 2022, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 9 de marzo de 2022, coas seguintes adaptacións acordadas na Comisión de seguimento da carreira profesional:

O persoal dos colectivos que teñen definidos obxectivos deberá acadar o número de puntos que para cada grao se sinala a seguir:

Acceso á carreira profesional. Colectivos con obxectivos

Área I + Área III + Área IV

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

Profesións sanitarias con titulación universitaria

Puntos

65,25

69,25

69,5

65,5

75 % Área I

41,25

41,25

37,5

37,5

80 % Área III

12

16

20

16

80 % Área IV

12

12

12

12

Mínimo puntos

39,15

45,01

48,65

49,13

Categorías de xestión e servizos con titulación universitaria

Puntos

65,25

69,25

69,5

65,5

75 % Área I

41,25

41,25

37,5

37,5

80 % Área III

12

16

20

16

80 % Área IV

12

12

12

12

Mínimo puntos

39,15

45,01

48,65

49,13

Mínimo de puntos por área

30 % Área I

12,38

12,38

11,25

11,25

30 % Área III

3,60

4,80

6,00

4,80

O persoal dos colectivos que non teñen definidos obxectivos deberá acadar o número de puntos que para cada grao se sinala a continuación:

Acceso á carreira profesional. Colectivos sen obxectivos

Área I + Área III + Área IV

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

Profesións sanitarias con titulación universitaria

Puntos

39

43

45,5

41,5

75 % Área I

15

15

13,5

13,5

80 % Área III

12

16

20

16

80 % Área IV

12

12

12

12

Mínimo puntos

23,40

27,95

31,85

31,13

Categorías sanitarias de formación profesional

Puntos

35

39

41,5

37,5

75 % Área I

15

15

13,5

13,5

80 % Área III

12

16

20

16

80 % Área IV

8

8

8

8

Mínimo puntos

21,00

25,35

29,05

28,13

Categorías de xestión e servizos con titulación universitaria

Puntos

39

43

45,5

41,5

75 % Área I

15

15

13,5

13,5

80 % Área III

12

16

20

16

80 % Área IV

12

12

12

12

Mínimo puntos

23,40

27,95

31,85

31,13

Outras categorías de xestión e servizos

Puntos

35

39

41,5

37,5

75 % Área I

15

15

13,5

13,5

80 % Área III

12

16

20

16

80 % Área IV

8

8

8

8

Mínimo puntos

21,00

25,35

29,05

28,13

Mínimo de puntos por área

30 % Área I

4,50

4,50

4,05

4,05

30 % Área III

3,60

4,80

6,00

4,80

Tal e como dispón a Orde do 1 de marzo de 2022, a avaliación da epígrafe de competencias persoais (incluídas na Área I do baremo) realizarase con base nunha avaliación 180 a través dun ou varios cuestionarios; os cuestionarios contarán con preguntas relacionadas coas competencias persoais definidas na propia orde e referiranse a condutas observables e específicas relacionadas con esas competencias; estarán á disposición dos/das profesionais na Oficina Virtual do Profesional; serán cubertos, de xeito obxectivo, polo propio profesional (autoavaliación), polo/a seu/súa superior xerárquico/a ou responsable directo/a e por tres pares ou iguais, e a súa formalización realizarase de forma anónima e será obrigatoria.

Os ditos cuestionarios dirixidos a valorar as competencias persoais estarán dispoñibles, para esta convocatoria, durante o mes de novembro.

Pola súa relevancia estratéxica, para impulsar a participación dos profesionais nos procesos de carreira profesional, e por ser o primeiro ano en que se lles avaliarán as competencias persoais a todos/as os/as profesionais que participan no proceso de carreira profesional, a formalización por un/unha profesional de todos os cuestionarios de avaliación de competencias persoais que lle sexan requiridos valorarase con 1 punto dentro da Área IV do baremo (implicación e compromiso coa organización).

Toda a información referente ao proceso de carreira profesional, xunto cos baremos da convocatoria, está dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde na área de profesionais. www.sergas.es

II. Procedemento excepcional de encadramento do ano 2023 (Acordo do 28 de outubro de 2022).

Primeiro. Obxecto e ámbito

– Ámbito de aplicación: persoal que accedese ao grao I dunha categoría/especialidade en execución da Resolución deste centro directivo do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 231, do 5 de decembro), comezase a prestar servizos como persoal estatutario temporal ou substituto no Servizo Galego de Saúde ou nas entidades adscritas antes do 31 de decembro de 2011, e permanecese prestando servizos (situación de servizo activo ou calquera outra que supoña reserva de praza), nese mesmo ámbito, desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de decembro de 2020. Este último requisito entenderase cumprido aínda que nese período existan ata 90 días sen servizo activo (ou reserva de praza).

– Progreso na carreira: este persoal poderá solicitar o grao II no prazo que establece esta resolución sempre que na data de presentación da solicitude estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na referida categoría/especialidade.

Con independencia do prazo que se establece para presentar as solicitudes -do 18 de agosto ao 30 de setembro de 2023- este requisito de estar en servizo activo (ou ter reserva de praza) entenderase referido a calquera día entre o 1 de agosto e o 30 de setembro.

Para estes efectos, enténdese asimilada á situación de servizo activo (ou reserva de praza) aquela en que se perciban prestacións por risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural, nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción e acollemento familiar, ou incapacidade temporal derivada do embarazo -con independencia de que exista ou non un nomeamento temporal subxacente-, sempre que nalgún momento, dentro dos tres meses anteriores ao inicio da prestación, se estivese na dita situación de servizo activo (ou con reserva de praza) no Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas. Nesas mesmas condicións enténdese asimilada á situación de servizo activo (ou reserva de praza) a prestación de servizos como persoal residente en formación do Servizo Galego de Saúde (aínda que non se estea en situación de servizos especiais).

Coa finalidade de que teña as mesmas posibilidades de acceso ao grao II acordadas para o persoal temporal no Acordo do 28 de outubro de 2022, está tamén incluído no ámbito de aplicación o persoal fixo dunha categoría/especialidade que accedese ao grao I na convocatoria do ano 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto), pero que non puido solicitar o grao II na convocatoria do ano 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 30 de novembro) porque non era persoal fixo, senón temporal, antes do 31 de decembro de 2011.

Segundo. Baremo e órganos de avaliación

O recoñecemento do grao requirirá a avaliación favorable dos méritos do/da interesado/a, que será realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

Manterase con carácter transitorio a composición destes órganos de avaliación acordada para as anteriores convocatorias de carreira profesional.

Aplicarase o baremo establecido no anexo IV do Acordo do 6 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018) e na Resolución deste centro directivo do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto).

Serán valoradas calquera das actividades ou situacións, especificadas no dito anexo para cada colectivo profesional, realizadas ou causadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o último día do prazo de presentación de solicitudes (30 de setembro de 2023). Como excepción respecto á data inicial, as actividades de formación universitaria de posgrao valoraranse, nas categorías para as que se require formación universitaria, con independencia da data da súa realización.

No caso do persoal licenciado sanitario, a participación nos obxectivos asistenciais e o seu cumprimento referiranse aos exercicios 2018 a 2022.

Desas actividades obxecto de valoración, que figuran relacionadas nas letras a) a i) do citado anexo IV, descontarase a contía (de horas de formación, anos de supervisión...) que xa fora aplicada anteriormente, dun modo efectivo e necesario, para acadar unha avaliación positiva e o conseguinte recoñecemento de grao.

III. Acreditación dos requisitos.

Con carácter xeral, non será preciso acreditar documentalmente o cumprimento dos requisitos, por tratarse de información que xa lle consta á Administración sanitaria, salvo no caso de que o comité ou subcomité de avaliación así o requira expresamente.

Como excepción, e para os efectos de que sexa habilitada a presentación da solicitude, poderá ser preciso acreditar ante o comité ou subcomité de avaliación as situacións asimiladas ao servizo activo ou reserva de praza (punto primeiro da anterior epígrafe II), cando se trate de información que non lle conste á Administración sanitaria.

IV. Procedemento e prazo de presentación de solicitudes.

Cada profesional deberá cubrir a solicitude de recoñecemento de grao no modelo normalizado disposto para o efecto, á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo I desta resolución.

Con independencia do que se establece no dito anexo respecto ao acceso á solicitude, para completar o proceso (presentación da solicitude) requirirase un certificado dixital válido. Os certificados aceptados son os expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), a entidade Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

A solicitude conterá os datos precargados coa información obtida das aplicacións corporativas de persoal do Servizo Galego de Saúde, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Solicitudes). A solicitude, unha vez confirmada, deberá presentarse por rexistro electrónico.

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o 18 de agosto de 2023 e finalizará o 30 de setembro seguinte.

A solicitude de recoñecemento de grao deberá ser dirixida á área sanitaria ou entidade en que a persoa interesada preste servizos. No suposto de que estea nunha situación distinta á de activo, dirixirá a súa solicitude á área sanitaria ou entidade en que teña a súa praza reservada.

V. Rexistro e acreditación de méritos.

No anexo II desta resolución establécense criterios complementarios, o procedemento e a forma de acreditación dos méritos.

Coa excepción prevista para a formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde -ACIS-, os méritos que se queiran facer valer en materia de formación (académica, continuada –recibida ou impartida–, formación transversal e outra formación), ou de docencia e investigación e innovación recollidos na Área III do baremo ordinario de carreira, deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada coa data límite do 30 de setembro de 2023.

Non será preciso rexistrar nin acreditar documentalmente, ao ser información que está en poder da Administración, os seguintes méritos xerados no Servizo Galego de Saúde: prestación de servizos en centros de distintas localidades ou en centros externos habilitados; os servizos prestados en centros caracterizados pola súa distancia e illamento e que sofren especiais dificultades de cobertura; a dedicación exclusiva no desempeño do posto do sector público ou postos de xefatura de servizo e xefatura de sección; o exercicio de postos de supervisión, xefaturas, de coordinación, postos directivos ou de responsabilidade; a participación como membro ou colaborador/a de tribunais de procesos selectivos de OPE; a participación en programas de vacinación e en cribados derivados dunha emerxencia sanitaria; a prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria e a mobilidade de persoal derivada da situación de emerxencia sanitaria.

Tampouco será preciso acreditar o grao de cumprimento de obxectivos no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo. Cando o/a interesado/a pretenda facer valer o grao de cumprimento acadado noutros servizos de saúde, deberá achegar a correspondente certificación.

No que se refire ao procedemento excepcional de encadramento (epígrafe II desta resolución), tampouco será preciso acreditar as situacións previstas na letra f) dos criterios xerais de avaliación (anexo IV do Acordo de carreira profesional, Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018), sempre que nelas se tivese unha reserva de praza nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo.

Para o rexistro electrónico e a acreditación dos méritos, cando sexa preciso consonte o exposto anteriormente, os/as solicitantes deberán proceder da seguinte forma:

Accederán a través de Fides ao expediente electrónico do/da profesional, segundo se indica no anexo I desta resolución, e comprobarán os datos do seu currículo que constan rexistrados na aplicación informática (relativos a formación continuada, formación universitaria de posgrao, publicación de traballos científicos e de investigación e formación sanitaria especializada impartida), así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou esta está incompleta, o/a profesional rexistrará no sistema, coa data límite do 30 de setembro de 2023, os méritos que posúe e que pretenda facer valer na súa avaliación.

Logo de rexistrados, deberá imprimir a solicitude de validación destes méritos, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe «Informe».

A solicitude de validación dirixirase á unidade de validación e poderase presentar, ata o 30 de setembro de 2023, nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na actualidade dispoñibles.

Xunto coa solicitude de validación, a persoa interesada deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que pretenda facer valer e que figuren pendentes de validación, nos termos previstos no anexo II desta resolución.

Aqueles interesados/as que solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que estea pendente de validar, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Aqueles interesados/as que rexistrasen no sistema informático méritos pendentes de validar e non presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar, ata a repetida data límite do 30 de setembro de 2023, a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión.

Se, con posterioridade á presentación dunha solicitude de validación de méritos, a persoa interesada rexistra na aplicación informática un novo mérito baremable, deberá imprimir unha nova solicitude de validación e presentala coa documentación acreditativa, ata o 30 de setembro de 2023, nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na actualidade dispoñibles.

Non será preciso presentar ningunha documentación acreditativa de méritos que xa consten validados na aplicación informática. Non obstante, o comité ou subcomité poderá requirir, en calquera momento, a presentación de documentación complementaria acreditativa de calquera mérito, aínda que conste validado.

No caso de que os méritos non se poidan introducir en Fides/Expedient-e, por non ter habilitada aínda a posibilidade, as certificacións acreditativas dos ditos méritos deberanse achegar dirixidas ao comité de avaliación da área sanitaria en que se presten servizos, a través dun rexistro administrativo, nos termos establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

VI. Resolución.

A resolución sobre o recoñecemento dun novo grao (I a IV) será emitida pola Dirección Xeral de Recursos Humanos, logo da proposta realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

A falta da debida acreditación dos requisitos básicos para o recoñecemento do grao solicitado e/ou a avaliación inicialmente negativa serán notificados polo comité ou subcomité á persoa solicitante coa finalidade de que, no prazo de quince días hábiles, poida presentar as alegacións que considere pertinentes e rexistrar debidamente calquera documentación complementaria. En función do que resulte dese trámite de alegacións, o dito órgano realizará a súa proposta sobre o recoñecemento do grao solicitado.

A resolución sobre o recoñecemento de grao ditarase no prazo dos tres meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non ditarse a resolución nese prazo, a solicitude entenderase desestimada.

As resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2024. Con independencia destes efectos económicos, o cómputo da permanencia para acceder ao grao seguinte iniciarase o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

VII. Disposicións adicionais.

Primeira. Excepcións nos períodos de permanencia

1. Facultativo/a especialista de atención primaria: en cumprimento do que establece o artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria (FEAP), con tres anos de servizo activo no grao inicial, poderá solicitar o grao I de carreira profesional na categoría. Para os efectos do cómputo dos tres anos, engadirase o período de servizo activo no grao inicial de calquera outra categoría a que o/a facultativo accedese como especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.

2. Médico/a de familia que realice titorías na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria: de conformidade co que dispón a disposición adicional segunda do Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, o persoal da categoría de médico/a de familia, co grao III de carreira profesional recoñecido, poderá solicitar o grao IV no caso de que, no seu período de permanencia nese grao III, acredite cinco anos de exercicio efectivo da titoría na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. E os/as médicos/as de familia, co grao inicial recoñecido, poderán solicitar o grao I se, no seu período de permanencia nese grao inicial, acreditan dous de titoría.

Non será preciso acreditar documentalmente o exercicio da titoría, por tratarse de información que xa lle consta á Administración sanitaria.

Segunda. Procedemento excepcional de encadramento. Supostos de traxectorias profesionais con prestación de servizos, normalmente por promoción interna, en varias categorías/especialidades

1. O requisito de permanecer prestando servizos desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de decembro de 2020, na categoría/especialidade en que se solicita o grao II, entenderase cumprido non só cando esa prestación de servizos fose nesa categoría/especialidade, senón tamén nos seguintes supostos*:

a) Se a solicitude do grao II é nunha categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario, cando os servizos se prestaron nunha categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario.

b) Se a solicitude do grao II é nunha categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario, cando os servizos se prestaron nunha categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario.

c) Se a solicitude do grao II é nunha categoría de persoal de persoal sanitario de formación profesional, cando os servizos se prestaron nunha categoría de persoal sanitario de formación profesional do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo).

d) Se a solicitude do grao II é nunha categoría de persoal de xestión e servizos, cando os servizos se prestaron nunha categoría de persoal de xestión e servizos do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo).

Tamén se entenderá cumprido o requisito cando os servizos naquel período se prestasen en calquera categoría cun complemento de carreira por grao de contía igual ou superior á da categoría actual.

* As denominacións utilizadas para clasificar o persoal (licenciado sanitario, diplomado sanitario e demais) son as que figuran no vixente capítulo II da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

2. Cando se cumpran os requisitos básicos para acollerse ao procedemento excepcional de encadramento (prestación de servizos antes do 31 de decembro de 2011 e prestación de servizos desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de decembro de 2020), pero a situación de servizo activo (ou reserva) no prazo de presentación de solicitudes sexa nunha categoría/especialidade diferente a aquela en que se posúe o grao I, poderá solicitarse o grao I na categoría/especialidade en que se estea en situación de activo (ou reserva) no prazo de presentación de solicitudes, sempre que nesta última -ou en calquera outra cun complemento de carreira por grao de contía igual ou superior- se prestasen servizos algún día dentro daquel período entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 1 de decembro de 2020.

De non ser así, poderá solicitarse o grao II da categoría/especialidade en que se xa se posúe o grao I, sempre que nela se prestasen servizos algún día dentro daquel repetido período entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 1 de decembro de 2020. Noutro caso, poderá solicitarse o grao I en calquera categoría en que se prestasen servizos nese período.

3. O/a profesional que cumpra os ditos requisitos básicos para acollerse ao procedemento excepcional de encadramento, que accedeu a un grao retribuído (I a IV) dunha categoría/especialidade na convocatoria do ano 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto), e ao grao I doutra na convocatoria do ano 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 30 de novembro), poderá solicitar agora o grao II desta última se está na mesma na situación de activo (ou reserva) e no ano 2018 cumpría os requisitos para acceder ao seu grao I.

No caso de que ese grao II sexa recoñecido, e dado que o mesmo período de tempo non pode ser computado para o progreso na carreira (recoñecemento efectivo de graos) de diversas categorías (cláusula 15.1 do Acordo do 6 de xullo de 2018), quedará sen efectos un grao da outra categoría/especialidade.

Terceira. Persoal que non solicitou o grao I na convocatoria do ano 2022, ou que o solicitou pero non lle foi recoñecido

O persoal que puido solicitar o grao I no procedemento excepcional de encadramento do ano 2022 (convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia número 231, do 5 de decembro), pero non o solicitou, e aquel cuxa solicitude foi desestimada por non superar a avaliación, poderá solicitar novamente o dito grao I no prazo que establece esta resolución. Para o recoñecemento dese grao I aplicarase o baremo que esta resolución establece para procedemento excepcional de encadramento do ano 2023.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante esta dirección xeral no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De ser o caso, se a cuestión ou controversia está relacionada co cumprimento dalgunha sentenza da orde xurisdicional contencioso-administrativa, poderase actuar consonte o previsto no capítulo IV do título IV da devandita Lei 29/1998, do 13 de xullo (artigos 103 e seguintes).

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Instrucións de acceso ao expediente profesional electrónico Fides

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais con que mantén unha vinculación, e configúrase como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional.

O acceso a Fides poderase realizar desde:

– A internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde desde equipamentos informáticos situados fisicamente fóra da rede corporativa).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os/as profesionais do Servizo Galego de Saúde poderán acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es) ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipamento.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención hospitalaria e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á solicitude electrónica do recoñecemento de grao –eventualmente, para os procesos de selección e provisión de prazas– que convoque este organismo, como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides).

A primeira vez que un/unha profesional acceda con certificado dixital a Fides, solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pódese efectuar a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que lles permite aos cidadáns e cidadás maiores de idade identificárense, tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo:

Chave365-Sede Electrónica-Xunta de Galicia

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á solicitude electrónica do recoñecemento de grao.

O acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das profesionais un manual de instrucións sobre o acceso e o funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que hai que achegar.

ANEXO II

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

As titulacións académicas oficiais acreditaranse, segundo o suposto, mediante orixinal, copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e os créditos obtidos. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

A superación dos períodos de docencia e investigación conducentes á adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación científica, acreditados como máster oficial e exixibles para poder obter o título de doutor/a consonte o RD 56/2005 e posteriores non poderán ser valorados como máster oficial, ao tratarse dun requisito exixido para a obtención da dita titulación.

A titulación de máster débea rexistrar o/a aspirante en Fides/expediente-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

A acreditación da formación máster, especialista e experto universitario-títulos propios efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título ou certificación da universidade en que conste que o/a aspirante superou a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e número de horas ou créditos ECTS asignados á dita actividade formativa.

Poderáselle requirir á persoa aspirante que achegue o programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditada a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

b) Formación continuada

Actividades que se valorarán nesta epígrafe:

– Asistencia, debidamente xustificada, a actividades de formación acreditadas por algún dos órganos acreditadores que integran o Sistema acreditador de formación continuada do Sistema nacional de saúde, das profesións sanitarias, relacionadas e específicas do ámbito profesional ou funcional.

– Asistencia, debidamente xustificada, a actividades formativas acreditadas polo European Accreditation Council for Continuing Medical Education (EACCME), American Medical Association (AMA), International Council of Nurses (CIFCE), sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría/especialidade.

– Asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría/especialidade.

– Asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría/especialidade.

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada ou copia electrónica auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberán constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderáselle requirir á persoa aspirante que achegue o programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión, nacional ou autonómica, de Formación Continuada, deberá constar o logotipo da respectiva comisión e, ademais, o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que consten o número de créditos, número de expediente e logotipo da Comisión de Formación Continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de avaliación. Noutro suposto, deberase achegar certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

A Administración reserva para si o dereito de poderlle exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Formación especializada

No suposto de titulacións obtidas en España, acreditarase tal mérito mediante orixinal, copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ou certificación emitida pola respectiva comisión de docencia ou rexistro nacional de especialistas en formación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de ter completado o período de formación conducente á obtención do título da respectiva especialidade, que deberá indicar a data de superación.

No suposto de titulacións obtidas noutros Estados da Unión Europea, achegarase, xunto coa copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberanse acreditar coa achega da copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Participación en sesións clínicas convocadas polo Sergas

Enténdese por sesións clínicas as reunións de profesionais sanitarios, que poden pertencer á mesma especialidade ou a varias, co fin de intercambiar en opinións sobre temas asistenciais co obxectivo de atopar solucións a diversos problemas.

Rexistraranse na aplicación de xestión de formación ACIS tanto as sesións clínicas acreditadas como as non acreditadas.

A sesión clínica debe ter os seguintes requisitos:

– Programa definido cun responsable por sesión.

– Duración: mínimo 1 hora/sesión clínica.

– Control de asistencia: 100 % por sesión.

– Enquisa de satisfacción por sesión ou programación.

Acredítase mediante un certificado no cal figuren a identificación do profesional, título da actividade, número de horas, datas en que se realiza a actividade, lugar e data de expedición do certificado, sinatura do responsable da entidade e programa da actividade formativa.

O certificado será asinado pola Xerencia da área sanitaria.

e) Titor/a de formación sanitaria de residentes de formación

Acreditarase mediante certificación asinada pola Comisión de Docencia do centro ou, de ser o caso, Comisión de Docencia da unidade docente onde se impartise, na cal deberán constar expresamente os períodos de desenvolvemento de tal actividade e a condición en que se impartiu.

A participación como xefe/a de estudos acreditarase mediante certificación asinada polo/a director/a xerente da institución sanitaria correspondente.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o dito mérito.

f) Titor/a alumnos de formación profesional ou de alumnos en formación

Acreditarase mediante certificación asinada polo/a director/a do centro de formación profesional ou do centro correspondente, onde se indiquen expresamente o período de desenvolvemento de tal actividade e a condición en que se impartiu.

g) Docencia universitaria

A docencia universitaria impartida acreditarase mediante certificación da respectiva universidade, na cal se farán constar expresamente o cargo docente, tipo de vinculación, departamento ou área de coñecemento en que se impartiu a docencia e as datas de inicio e fin da vinculación.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

h) Proxectos de investigación competitiva

Son todas aquelas actividades que teñen como obxectivo principal a obtención de resultados de I+D+i e para o cal se desenvolven, ao longo dun período, tarefas de traballo e entregables específicos e se mobilizan recursos que poden ser para persoal, inventariable, funxible, viaxes e outros.

O desempeño desta actividade, ben en calidade de investigador principal (IP), ben como investigador colaborador (IC), deberá ter a duración específica e distinta de cada proxecto ata o seu remate.

A participación como investigador/a principal nun proxecto de investigación acreditarase mediante a publicación oficial da resolución de convocatoria, sempre que consten os datos necesarios para identificar o proxecto e o/a investigador/a, ou certificado de participación expedido polo organismo financiador, no cal consten os datos identificativos, o proxecto en que participa, o organismo que financia o proxecto, a convocatoria pública, o período de participación no proxecto e a sinatura do responsable da entidade.

A participación como investigador/a colaborador/a acreditarase mediante a presentación da resolución de convocatoria se nela consta tal participación, ou certificado de participación expedido polo organismo financiador, no cal consten os datos identificativos, o proxecto en que participa, o organismo que financia o proxecto; a convocatoria pública, o período de participación no proxecto e a sinatura do responsable da entidade.

Deberá constar como parte do equipo investigador definido no documento de solicitude do proxecto ou en documento posterior que así o acredite en caso de que houbese cambios no equipo investigador ao longo da súa vixencia.

No suposto de que o organismo convocante non expida certificados de participación, deberase presentar certificado asinado polo investigador principal no cal consten a identidade do/dos colaborador/es, notificación acreditativa de concesión do proxecto ao investigador principal expedida polo organismo e copia do proxecto orixinal enviado á convocatoria, no cal deberá constar a identidade dos investigadores colaboradores.

Só se valorarán aqueles financiados ou acreditados polas administracións públicas, entidades do sector público ou entidades privadas sen ánimo de lucro, cuxa convocatoria e aprobación se realizase en réxime de concorrencia libre e competitiva.

i) Publicación en revistas científicas

Revistas científicas indexadas en Pubmed. Non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante consignará na aplicación informática, no espazo habilitado para o efecto, o código de identificación PMID e rexistrará manualmente a información relativa a número de sinaturas, número de orde de sinaturas e tipo de publicación. O sistema realizará a captura automática da información relativa aos outros campos da base de datos de Pubmed para a súa posterior validación.

Revistas científicas indexadas en InDICEs CSIC, IBECS, Web of Science (Wos), Embase, PsycINFO e catálogo Latindex. e en revistas non indexadas. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivamento de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberán constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

j) Libros ou capítulos de libros

Só terán a consideración de libro aquelas publicacións cun mínimo de 49 páxinas. Para a súa valoración, a publicación debe estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio. Non terán a consideración de libro, aínda que adopten esta forma de edición, as actas de congreso.

Por non reuniren a condición de traballo científico e de investigación, non serán obxecto de valoración os libros/capítulos editados como glosario, anuario, manuais de preparación para o acceso á formación sanitaria especializada e ao emprego público, cursos de formación continuada, protocolos de servizo, libros de casos clínicos, sesións interhospitalarias e demais que así sexan apreciados polo respectivo órgano de avaliación.

Por ser obxecto de valoración tal mérito noutra epígrafe do baremo, non se lles asignará ningunha puntuación nesta epígrafe ás publicacións de teses de doutoramento.

Non serán obxecto de valoración as autoedicións e/ou autopublicacións, entendendo por tales aquelas publicacións financiadas ou promovidas por algún dos seus autores ou nas cales este figure como editor.

No suposto de libros de autoría colectiva, só será obxecto de valoración aquela publicación cando, da documentación presentada polo/a aspirante, quede suficientemente acreditada a participación concreta nela. Enténdese por autoría colectiva aquela publicación en que interveñen un mínimo de catro autores.

Libros/capítulos de libro editados en papel. Deberase achegar copia compulsada ou copia electrónica auténtica das follas en que consten o título do libro, o título do capítulo, o autor, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivamento de publicacións, na cal se farán constar a autoría do capítulo e os demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

k) Normas comúns de valoración de libros e revistas

En ningún caso un mesmo contido determinado e obxectivable publicado baixo diferentes formas e en diferentes publicacións poderá ser obxecto de máis dunha valoración.

Non serán obxecto de valoración as publicacións de carácter divulgativo.

l) Patentes e modelos de utilidade no ámbito das ciencias da saúde

Valorarase a produción de títulos de propiedade industrial (patentes ou modelos de utilidade) e produtos con rexistro de propiedade intelectual como resultado dunha actividade de transferencia de coñecemento relacionada coa actividade investigadora e acorde co ámbito científico da saúde.

Para valorar esta epígrafe rexistraranse en Fides os certificados expedidos polo rexistro correspondente (Rexistro de Propiedade Intelectual, OEPM, EPO..) acreditativos da titularidade da patentes e modelos de utilidade, no cal consten o nome da patente ou modelo de utilidade, o autor e a data de concesión.

Corresponden ao Rexistro de Propiedade Intelectual:

• Autoría de software con rexistro da propiedade intelectual e en explotación.

• Autoría de software en explotación e con rexistro de propiedade intelectual; o seu contido, deberá xustificar unha relación directa co ámbito das ciencias da saúde.

Para a verificación das invencións con rexistro solicitado ou concedido, rexistraranse en Fides o título/nome da patente ou modelo de utilidade, o número de publicación, a data de concesión, a autoría e a sinatura do responsable da entidade.

Así mesmo, achegarase a primeira páxina do documento acreditativo emitido polo organismo responsable (OEPM, EPO, USPO, etc.). Para a verificación doutros títulos de propiedade industrial ou intelectual (patentes, modelos de utilidade, marcas, software…) rexistrarase en Fides o documento de concesión ou rexistro.

m) Valorización e explotación dos resultados dun proxecto de investigación

Valoraranse as patentes que se encontren licenciadas ou en fase de explotación.

Acreditarase tal mérito mediante un certificado no cal consten, como mínimo, a copia do documento acreditativo, o ámbito do rexistro, os países en que está recoñecida, o posible interese de empresas e a fase en que se encontre a súa execución.

Spin-off é aquela empresa de nova creación cuxa iniciativa parte do persoal investigador para transferir ao mercado aquel coñecemento, tecnoloxía ou resultado da investigación xerado no ámbito sanitario, de alto valor engadido e con potencial económico.

No caso concreto das spin-offs xurdidas no ámbito da saúde, deberán cumprir coas seguintes características: que teña a súa orixe na actividade de investigación biosanitaria; que conte na súa promoción e creación co persoal investigador do sector saúde, con posible colaboración de terceiros; que a iniciativa empresarial estea baseada na explotación da investigación xerada no ámbito do sector biosanitario; que o sector público sanitario participe no seu capital social directa ou indirectamente e obteña contraprestacións pola actividade de promoción; que sexa aprobada polos órganos competentes do sector sanitario; que se acredite a presenza de produtos no mercado, derivados directamente da investigación do solicitante; que participen na xeración da spin-off derivada directamente da investigación do solicitante, formando parte do seu capital social, e que o organismo de pertenza do solicitante (Sergas) tamén participe no dito capital social.

Valoraranse o nivel de desenvolvemento da empresa e o nivel de implicación do solicitante tanto na constitución como no desenvolvemento tecnolóxico que deu lugar á súa creación.

Acreditarase o mérito mediante unha copia do documento oficial, que se rexistrará en Fides, no cal consten os socios fundadores, a constitución da empresa, os obxectivos e o ámbito de desenvolvemento.

n) Premios de investigación ou innovación sanitaria

Son premios concedidos por entidades do sector público ou entidades privadas sen ánimo de lucro, cuxa convocatoria e aprobación se realizase en réxime de concorrencia libre e competitiva e que estean relacionados coa actividade investigadora.

Este mérito acreditarase mediante a certificación ou resolución de concesión do premio, onde consten os datos da persoa premiada, a actividade premiada, a entidade/organismo que concede o premio, o ámbito de actuación e a composición do Comité de Dirección e de concesión do premio. Se no certificado non consta expresamente o seu ámbito, deberase complementar tal documentación coa achega das bases da convocatoria do premio. Ese certificado ou, de ser o caso, resolución rexistrarase en Fides.

o) Participación en ensaios clínicos e estudos observacionais

Enténdese por ensaio clínico toda investigación efectuada en seres humanos co fin de determinar ou confirmar os efectos clínicos, farmacolóxicos e/ou demais efectos farmacodinámicos, e/ou de detectar as reaccións adversas e/ou de estudar a absorción, distribución, metabolismo e eliminación de un ou de varios medicamentos en investigación co fin de determinar a súa inocuidade e/ou a súa eficacia (artigo 59 da Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento).

Enténdese por estudo observacional o estudo en que os medicamentos se prescriben da maneira habitual, de acordo coas condicións normais da práctica clínica. A asignación dun paciente a unha estratexia terapéutica concreta non estará decidida de antemán por un protocolo de ensaio, senón que estará determinada pola práctica habitual da medicina, e a decisión de prescribir un medicamento determinado estará claramente disociada da decisión de incluír o paciente no estudo. Non se lle aplicará aos pacientes ningunha intervención, xa sexa diagnóstica xa de seguimento, que non sexa a habitual da práctica clínica, e utilizaranse métodos epidemiolóxicos para a análise dos datos recollidos (artigo 59 da Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento).

En ambos os casos, a realización destas actividades ten que axustarse ao procedemento regulado no Real decreto 957/2020, do 3 de novembro, polo que se regulan os estudos observacionais con medicamentos de uso humano, e no Real decreto 1090/2015, do 4 de decembro, polo que se regulan os ensaios clínicos con medicamentos, os comités de ética da investigación con medicamentos e o Rexistro Español de Estudos Clínicos, e implica a autorización do estudo por parte da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, logo de informe favorable dun comité de ética da investigación e da sinatura dun contrato entre o promotor e o centro onde se realiza o estudo.

Nos dous supostos anteriores deben existir un investigador/a principal e un equipo de investigación formado por colaboradores.

Valorarase a participación en ensaios clínicos ou estudos observacionais sempre que sexan debidamente certificados polas entidades de investigación responsables da súa xestión ou tramitación.

A actividade como investigador/a responsable do ensaio clínico valorarase sempre que o hospital universitario a que pertenza o solicitante formalizase a súa participación mediante contrato, convenio ou outro documento con poder vinculante.

A actividade como investigador/a colaborador/a en ensaios clínicos valorarase sempre que o hospital universitario a que pertenza o/a solicitante formalizase a súa participación mediante contrato, convenio ou outro documento con poder vinculante.

Este mérito acreditarase mediante un certificado emitido polo órgano competente do centro sanitario ou entidade de investigación (institutos de investigación sanitaria) que se rexistrará en Fides.

Dado que se precisa a sinatura dun contrato por parte do centro sanitario, pódese documentar desde o centro a participación mediante certificación dos ensaios clínicos ou estudos observacionais.

No certificado deben figurar os participantes, o ámbito, a institución que o concede, a asignación económica, a data de concesión, o período de desenvolvemento e a sinatura do responsable do centro sanitario onde se realice o ensaio ou estudo.

p) Participación como membro nun comité ético de investigación

Os comités de ética da investigación veñen regulados e definidos no Real decreto 1090/2015, do 4 de decembro, polo que se regulan os ensaios clínicos con medicamentos, os comités de ética da investigación con medicamentos e o Rexistro Español de Estudos Clínicos; a Lei 14/2007, de investigación biomédica, e o Decreto 63/2013 polo que se regulan os comités de ética da investigación de Galicia.

Para valorar esta epígrafe requirirase documentación acreditativa da aprobación por parte das secretarías dos CEIC pertinentes.

O nomeamento dos membros dos comités realizarao o titular da Consellería de Sanidade e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Para a valoración do mérito deberíase exixir a certificación do presidente/secretario de cada órgano, con mención expresa á resolución de nomeamento e ao tempo de permanencia como membro.

q) Dispoñibilidade efectiva na realización de gardas/prolongación

Acredítase mediante unha declaración responsable asinada polo profesional, que se rexistrará en Fides, na cal manifesta a súa dispoñibilidade efectiva na realización de gardas/prolongación e o período de tempo en que está dispoñible.

r) Colaboración en proxectos corporativos de carácter social, sociosanitario ou de prevención de riscos laborais

Enténdese por proxectos corporativos os organizados pola Consellería de Sanidade e/ou o Servizo Galego de Saúde, coa finalidade de obter melloras sanitarias a través da colaboración social, sociosanitaria ou na prevención de riscos laborais e que teñan relación coa asistencia sanitaria pública ou con programas de saúde pública. Inclúense nesta epígrafe as asociacións de pacientes.

Para tal fin, estes proxectos deberán estar formalmente constituídos pola sanidade pública galega, tamén mediante convenios de colaboración con entidades ou organizacións dese ámbito.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación do proxecto corporativo, a referencia á norma que o crea, a súa finalidade e obxectivos para poder avaliar se se axusta aos criterios de valoración, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel, con data de inicio e finalización, se for o caso. No suposto de proxectos que inclúan sesións de traballo, figurarán o número delas.

Só serán valorados aqueles proxectos con participación activa nun mínimo de tres (3) sesións de traballo/ano.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o proxecto corporativo.

Quedan excluídos desta epígrafe os proxectos que xa se inclúen no dos plans estratéxicos.

s) Participación como autor ou revisor en actividades para a elaboración de guías/protocolos/vías clínicas

Para os efectos de valorar a implicación e o compromiso coa organización, serán valoradas as guías de práctica clínica (GPC), protocolos ou vías clínicas (VC) concretadas en documentos elaborados por requirimento das autoridades sanitarias públicas do Servizo Galego de Saúde. Tamén se valorará a participación nos documentos elaborados no ámbito do Sistema nacional de saúde sempre e cando a participación sexa por proposta do Sergas.

Enténdese por GPC aquela que presente un conxunto de recomendacións dirixidas a optimizar a atención aos pacientes e que se basean na revisión sistemática da evidencia científica e na valoración dos beneficios e dos riscos das opcións asistenciais alternativas que existan.

Enténdese por protocolo aquel documento que define as actividades que se van realizar relacionadas cun determinado problema ou actividade asistencial, que se aplica igual a todos ou a un grupo de pacientes determinado. Idealmente, deben ser desenvolvidos por equipos multidisciplinares e deben formar parte de iniciativas de mellora da calidade ou de estratexias de implementación de guías, que serán adoptadas localmente de acordo cos recursos dispoñibles e coas posibilidades de xestión.

Definimos como vías clínicas (VC) o documento elaborado co obxecto de ofrecer tamén as distintas directrices que se deben seguir para operativizar as actuacións ante situacións clínicas determinadas en pacientes que presentan patoloxías cun curso clínico predicible. Na vía quedan establecidas as secuencias no tempo de cada unha das actuacións que deberán realizar todos os profesionais que van intervir no coidado dos pacientes. Entendida esta como unha ferramenta de xestión da calidade para a estandarización dos procesos asistenciais.

Só se valorará o papel como autor/a ou revisor/a de cada guía, protocolo ou vía clínica.

Os protocolos e as VC deberán estar aprobadas pola Comisión de Dirección da Xerencia da área sanitaria.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da actividade, a referencia á norma que a constitúe, a súa finalidade, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel, e en calidade de qué o fixo.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o grupo de traballo ou comisión.

Para o persoal non sanitario valorarase a participación como autor/a ou revisor/a nas actividades de elaboración de guías e protocolos aprobados pola Dirección da Xerencia da área sanitaria.

t) Participación na implantación de novos servizos da carteira ou técnicas incorporadas á carteleira de servizos. Participación en programas piloto

Entendido como a incorporación dunha nova prestación, técnica ou procedemento por requirimento do órgano competente do Servizo Galego de Saúde ou da Consellería de Sanidade, que deberá contar cunha resolución expresa previa á incorporación dela por parte do órgano directivo competente.

Para os efectos de valoración, nesta epígrafe enténdese por programa piloto aquel que, por pedimento do centro directivo de que se trate e mediante resolución expresa deste, se poña en marcha con carácter previo á incorporación dunha nova prestación nun centro sanitario, ou para valorar a súa idoneidade ou condicións de aplicación. Esta valoración é incompatible coa prevista no número 17.

En ambos os casos haberá unha designación formal dos participantes.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da actividade, a referencia á norma que a constitúe, a súa finalidade, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel e en calidade de qué participou.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o grupo de traballo ou comisión.

u) Participación en grupos de traballo, comisións e subcomisións técnicas e/ou comités constituídos formalmente, grupos de calidade e/ou xestión de riscos clínicos para a seguridade dos pacientes

Os grupos de traballo, comisións, comités e grupos de calidade e/ou de xestión de riscos clínicos deberán ser grupos formalmente creados polo órgano competente da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde para a abordaxe de aspectos relacionados coa sanidade pública. Deberá haber unha designación formal dos participantes. Tras cada reunión, elaborarase unha acta en que quedará constancia dos asistentes e dos principais acordos adoptados.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da actividade, a referencia á norma que a constitúe, a súa finalidade, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel e en calidade de qué o fixo.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o grupo de traballo ou comisión.

v) Participación en comisións clínicas e/ou comités constituídos formalmente

Serán valoradas as participacións nas comisións clínicas e/ou comités previstas no Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, ou norma que o substitúa, sempre que se supere a asistencia probada a un 80 % delas por ano.

Estas deberán estar formalmente constituídas polas direccións das xerencias das áreas sanitarias e contarán con normas de organización e funcionamento aprobadas.

Idéntica consideración e criterios para a súa valoración terán os consellos asesores de pacientes, que deberán redactar a acta de cada reunión.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da comisión ou comité, a data de constitución, os datos identificativos da persoa que colaborou e a porcentaxe de asistencias efectivas no período obxecto de valoración.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo de quen depende a comisión.

w) Participación nos protocolos deseñados pola organización para a acollida de profesionais de nova incorporación

Valorarase o traballo de elaboración das guías de información e acollida dirixidas a persoal de novo ingreso nos centros sanitarios, como autores ou revisores, e por requirimento da dirección da área sanitaria correspondente.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal constarán o nome da guía, a quen está dirixido, a data da súa aprobación, os datos identificativos da persoa que colaborou e en calidade de qué o fixo.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra esta actividade.

x) Participación como membro/colaborador de tribunais de selección ou persoal nomeado como órgano de selección, provisión e/ou avaliación

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación do tribunal, a data de constitución, os datos identificativos da persoa que participou como membro ou como colaborador e para os membros (non para os colaboradores), o número de asistencias efectivas no período obxecto de valoración.

Valorarase a participación como membro sempre e cando asistan a un mínimo de tres (3) sesións.

O certificado estará asinado polo secretario/a do tribunal.

A participación en tribunais de OPE do Sergas non é preciso acreditala.

y) Participación na elaboración e desenvolvemento de plans estratéxicos

Consideraranse como tales aqueles documentos creados pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde que conteñan plans ou programas que orientan os esforzos das organizacións sanitarias públicas, fomentando a participación e o compromiso dos profesionais, conducentes á consecución de obxectivos de mellora organizativos, asistenciais ou de saúde (por exemplo, Plan de saúde local e Consello Técnico de Atención Primaria).

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación do plan ou programa, a referencia que permita a súa consulta, os datos identificativos da persoa que colaborou no desenvolvemento do plan e en calidade de qué o fixo, e o ámbito temporal da dita colaboración.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o plan ou programa.

z) Participación en proxectos piloto

Defínese como proxecto piloto aquel creado pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde para valorar e/ou incorporar unha nova técnica ou prestación pública con carácter autonómico.

O proxecto terá que contar cunha norma ou resolución de creación e posta en marcha, así como cunha designación formal das persoas que participan activamente nel e cun procedemento de seguimento e avaliación.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal se incluirán a denominación do proxecto, a referencia á norma/resolución que o crea, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto e en calidade de qué o fixo, e a porcentaxe de asistencias efectivas no período obxecto de valoración.

Só se valorarán aquelas colaboracións activas que inclúan unha participación en, polo menos, o 70 % das actividades que se deseñen e conten cunha valoración positiva do Comité de Avaliación.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o proxecto piloto.

Esta valoración é incompatible coa prevista na epígrafe dos programas piloto.

aa) Acreditación e rexistro de méritos non especificados no anexo V

Os demais méritos para os cales non se especifica a forma de acreditación no anexo V da Orde do 21 de xullo de 2021 serán rexistrados de oficio pola Administración no soporte técnico oportuno.

bb) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo/a responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por un/unha notario/a ou persoal funcionario público acreditado para a realización das tales funcións.

cc) Tradución de documentos

Aos títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español deberanse xuntar a súa tradución para o castelán ou para o galego, que deberá ser efectuada:

a) Por un/unha tradutor/a xurado/a, debidamente autorizado/a ou inscrito/a en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.