DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48673

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican seis acordos da Comisión de Seguimento da carreira profesional.

As bases do sistema de carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo están establecidas conxuntamente nos seguintes acordos da Mesa Sectorial:

1º. Acordo do 6 de xullo de 2018, asinado pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM (na condición de adherida), UGT, CSIF e SATSE, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 19 de xullo seguinte e publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 20 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 144, do 30 de xullo).

2º. Acordo do 28 de outubro de 2022, sobre as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional, asinado pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 24 de novembro seguinte e publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 231, do 5 de decembro).

Para interpretar e executar determinadas bases do dito sistema de carreira, a súa Comisión de Seguimento adoptou seis acordos que se considera oportuno publicar para o coñecemento das persoas interesadas.

Para comprender o acordo número 1, sobre a data en que se iniciou o cómputo dos períodos de permanencia, hai que partir de tres bases da carreira profesional contidas no Acordo do 6 de xullo de 2018. A primeira, que para progresar na carreira profesional é preciso acreditar o correspondente período de permanencia no grao anterior (tempo transcorrido en situación de servizo activo ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza). A segunda, que con independencia en data na que se produzan os efectos do recoñecemento dun grao, o cómputo da permanencia necesaria para acceder ao seguinte retrotraerase ao primeiro día do prazo que foi establecido para presentar as solicitudes na correspondente convocatoria anual. A terceira é que, para ordenar os procesos e que as persoas afectadas poidan programar o seu progreso nesa carreira, as convocatorias anuais sexan publicadas o terceiro trimestre de cada ano.

A estas bases normativas hai que engadir o feito de que, por diversas circunstancias extraordinarias, como a pandemia COVID-19 ou a necesidade de reformular no ano 2022 o sistema de carreira (en cumprimento de diversas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), as convocatorias correspondentes aos anos 2020, 2021 e 2022 non se realizaron no terceiro trimestre, atrasando desta forma o inicio do cómputo do período de permanencia para acceder aos graos seguintes aos recoñecidos na súa execución.

Con este acordo número 1 conséguese que nas convocatorias futuras o requisito de permanencia se axuste na práctica á secuencia temporal acordada nas bases da carreira profesional (publicación das convocatorias no terceiro trimestre de cada ano), e que ese atraso extraordinario das pasadas convocatorias non adíe o momento en que as persoas interesadas poidan progresar na súa carreira profesional.

Os acordos números 2, 3 e 4 atenden á situación dos e das profesionais cuxa traxectoria profesional se desenvolve en varias categorías/especialidades, acolléndose ao sistema de promoción interna. Así, o acordo número 2 garante computar de diversas formas, para os efectos da permanencia nun grao de carreira dunha concreta categoría ou especialidade, o servizo activo (ou situación de reserva) en calquera outra categoría ou especialidade, pero garantindo en todo caso un mínimo de tres anos de traxectoria profesional na categoría/especialidade en que se pretenda progresar (ou noutra que se poida asimilar para os efectos da carreira). Pola súa parte, o acordo número 3 posibilita, con certas garantías, o progreso alternativo na carreira de varias categorías/especialidades, pensando principalmente nas persoas que alternan categorías e non saben como progresará a súa vida profesional en cada unha delas. Finalmente, o acordo número 4 inclúe, como principio xeral que permitirá dar saída a determinados casos particulares de progreso na carreira ordinaria, a declaración de que ningún período de permanencia no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas (situación de servizo activo ou calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) será irrelevante para os efectos de progresar na carreira profesional.

Co acordo número 5 introdúcese unha medida para recoñecerlle ao persoal temporal os graos de carreira profesional acadados noutros servizos de saúde, en espera de que se adapten os actuais criterios para o recoñecemento mutuo entre os servizos de saúde.

Finalmente, o acordo número 6, ratificado na Mesa Sectorial, dá entrada anticipada no sistema de carreira ao persoal residente en formación que xa avanzou substancialmente na asunción de responsabilidades na tarefas propias da especialidade, con redución do nivel de supervisión, e que xa está situado na fase final do seu período formativo e comeza a valorar as diversas opcións do seu futuro emprego como persoal especialista. Desta forma, incentívase a permanencia destes profesionais no Sistema público de saúde de Galicia no momento en que acaden a súa especialidade.

Con base no que antecede

RESOLVO:

Publicar os seguintes seis acordos acadados na Comisión de Seguimento da carreira profesional en exercicio das súas funcións para resolver as cuestións que xurdan na interpretación e execución das bases da carreira.

Acordo 1. Sobre a data en que se iniciou o cómputo dos períodos de permanencia

1. Con independencia da data en que se produciron os efectos dun grao recoñecido en execución das convocatorias dos anos 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 30 de novembro), 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 226, do 24 de novembro) e 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro), o cómputo da permanencia necesaria para acceder ao grao seguinte realizarase, respectivamente, desde o 1 de agosto de 2020, 1 de agosto de 2021 e 1 de agosto de 2022.

2. Recuperarase o terceiro trimestre como período de referencia para publicar as convocatorias anuais (punto 7 do Acordo do 6 de xullo de 2018). As futuras convocatorias publicaranse preferentemente no mes de xullo e cun prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de setembro.

Acordo 2. Traxectoria profesional en varias categorías/especialidades. Cómputo da permanencia

1. Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III), todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría/especialidade tamén computará como permanencia, nun 50 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte. Como excepcións*:

a) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III) de persoal licenciado sanitario, todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

b) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III) de persoal diplomado sanitario, todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

c) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría de persoal sanitario de formación profesional (inicial, I, II ou III), todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría de persoal sanitario de formación profesional do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

d) Tras o recoñecemento dun grao nunha categoría de persoal de xestión e servizos, todo o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) noutra categoría de persoal de xestión e servizos do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) computará como permanencia, nun 100 %, para os efectos de poder solicitar o seguinte.

* As denominacións utilizadas para clasificar o persoal (licenciado sanitario, diplomado sanitario e demais) son as que figuran no vixente capítulo II da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

2. Sen prexuízo do que establece o número 1 deste acordo, e como garantía de que existe unha mínima e efectiva traxectoria profesional na categoría/especialidade en que se pretende progresar -ou nunha categoría/especialidade dun mesmo nivel retributivo e ámbito profesional-, para solicitar o novo grao serán, en todo caso, precisos tres anos de servizo activo (ou reserva) na mesma e calquera outra do colectivo a que pertenza a categoría/especialidade (entre os catro anteriormente referidos). Así:

a) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal licenciado sanitario.

b) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal diplomado sanitario.

c) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría de persoal sanitario de formación profesional será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal sanitario de formación profesional do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) que o da categoría en que se solicita o novo grao.

d) Para solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría de persoal de xestión e servizos, será preciso acreditar o período de permanencia no grao anterior que establece o punto 6 (estrutura de graos) do Acordo do 6 de xullo de 2018. Para estes efectos, computaranse tamén os posibles períodos noutras categorías/especialidades nos termos que se recollen no número 1 deste acordo. En todo caso, tres anos de servizo activo (ou reserva), dentro dese período de permanencia, deberán ser como persoal de xestión e servizos do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo) que o da categoría en que se solicita o novo grao.

Acordo 3. Traxectoria profesional en varias categorías/especialidades. Progreso alternativo

O/a profesional que na súa traxectoria profesional alterne o traballo en varias categorías poderá progresar libremente en calquera delas, unha vez que cumpra o período de permanencia no grao anterior na categoría que desexe (ademais, aplicando o acordo número 2 anterior en canto ao cómputo da permanencia), nas seguintes condicións:

1. Na mesma convocatoria anual unicamente se poderá solicitar un novo grao (I a IV) nunha categoría (noutros termos, unicamente se poderá presentar unha solicitude).

2. Cando se presente unha solicitude de grao I a IV nunha categoría (porque xa se cumpriu o requisito de permanencia no grao anterior) antes de que se cumpra un mínimo de cinco (5) anos de permanencia no último grao recoñecido noutra categoría (I a IV), entenderase que se renuncia ao último grao recoñecido na outra categoría (sempre que o novo grao solicitado sexa recoñecido).

Acordo 4. Traxectoria profesional en varias categorías/especialidades. Principio xeral para o progreso na carreira polo réxime ordinario

Para as traxectorias profesionais que se desenvolvan en varias categorías polo sistema ordinario, o réxime deseñado nos puntos 5 e 6 do Acordo do 6 de xullo de 2018, e nos acordos da Comisión de Seguimento, complementarase co principio xeral de que ningún período de permanencia no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas (situación de servizo activo ou calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) será irrelevante para os efectos de progresar na carreira profesional.

Acordo 5. Recoñecemento ao persoal estatutario temporal, que preste servizos en Galicia, dos graos de carreira profesional acadados noutros servizos de saúde

En espera de que se adapten os criterios para o recoñecemento mutuo entre os servizos de saúde dos graos de carreira profesional, publicados mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007 (Boletín Oficial del Estado núm. 50, do 27 de febreiro), limitado neste momento aos graos recoñecidos ao persoal fixo, o Servizo Galego de Saúde implantará de modo inmediato unha primeira medida neste ámbito: o recoñecemento ao persoal estatutario temporal dunha categoría/especialidade do grao inicial de carreira outorgado nesa categoría/especialidade en calquera outro servizo de saúde, así como dos graos I a IV que fosen recoñecidos con efectos retributivos.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia e en calquera data en que se presten servizos na dita categoría/especialidade no Servizo Galego de Saúde ou entidade adscrita.

Na seguinte ligazón figura o modelo de solicitude:

https://www.sergas.gal/Recursos-Humanos?idcatgrupo=1030198

Para os efectos da acreditación documental do grao recoñecido noutro servizo de saúde, a data en que producirá efectos o recoñecemento do grao solicitado, e demais particularidades deste sistema de recoñecemento, aplicarase o punto 10 do Acordo do 6 de xullo de 2018 (recoñecemento dos graos de carreira profesional acadados noutros servizos de saúde).

Acordo 6. Acceso do persoal residente en formación do Servizo Galego de Saúde ao seu sistema de carreira profesional

O persoal do Servizo Galego de Saúde incluído no ámbito do Real decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en ciencias da saúde, poderá acceder ao grao inicial de carreira profesional, como persoal residente da correspondente especialidade, a partir do momento en que inicie o seu cuarto ano de formación (segundo ano nas especialidades con dous anos de formación e terceiro nas especialidades con tres anos de formación).

O período de permanencia do persoal residente nese grao inicial (un ou dos anos) será computado na súa futura carreira profesional como persoal especialista do Servizo Galego de Saúde, reducindo na medida correspondente o período de permanencia de cinco anos preciso para poder solicitar o grao I da correspondente especialidade.

As solicitudes de recoñecemento do grao inicial poderán presentarse, no modelo normalizado disposto para o efecto, desde o día seguinte ao da publicación desde acordo no Diario Oficial de Galicia e en calquera data en que se presten servizos como persoal residente dos ditos anos de formación. Para acceder ao modelo normalizado seguiranse as instrucións de acceso ao expediente profesional electrónico-Fides.

Por razón desta materia, este acordo número 6 foi ratificado por unanimidade na reunión da Mesa Sectorial do 27 de xuño de 2023.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos