DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48564

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 30 de xuño de 2023, conxunta da Consellería de Economía, Industria e Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en empresas e centros de innovación e tecnoloxía, programa Doutoramentos industriais, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento IN606D).

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na comunidade autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se desenvolverán integrados nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos ou ser horizontais en relación cos retos e prioridades. No que se refire, en concreto, ao obxectivo estratéxico 4, este aposta polas persoas como activo principal para abordar as prioridades de especialización de Galicia, capacitándoas nestes ámbitos e xerando un contorno favorable para o talento.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 e responde aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico desenvolver as capacidades das persoas e converter Galicia nunha contorna atractiva para o talento (obxectivo estratéxico 4) e intégrase, polo tanto, no programa Persoas.

A Comisión Europea, a través da Carta europea do investigador e do Código de conduta para a contratación de investigadores, recomenda desenvolver un mercado laboral europeo atractivo, aberto e viable para o persoal investigador, no cal as condicións xerais permitan contratar e manter investigadores e investigadoras de calidade en contornas que favorezan o seu rendemento e produtividade. A dita carta tamén recomenda que as entidades empregadoras e/ou financiadoras de persoal investigador velen polo desenvolvemento e a continuidade da carreira investigadora, o que implica mellorar as súas condicións laborais e o recoñecemento desde as primeiras etapas das súas carreiras.

No contexto de Galicia, a Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia (DOG núm. 114, do 17 de xuño), recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o apoio á formación do persoal científico, investigador e xestor da innovación en Galicia e contribuír á creación dun ambiente adecuado para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais.

Neste contexto, as axudas para doutoramentos industriais pretenden servir de marco de financiamento para formar persoal altamente cualificado que se axuste mellor ás necesidades das empresas que forman o tecido empresarial galego ou con intereses en Galicia. Nesta liña, os proxectos de investigación de doutoramento industrial enténdense como proxectos de investigación industrial onde hai unha colaboración efectiva entre unha empresa e unha universidade do Sistema universitario de Galicia (SUG). Todo iso enmarcado na figura do Doutoramento industrial, mención definida polo Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

De acordo co devandito real decreto, a mención Doutoramento industrial outorgarase sempre que concorran dúas circunstancias: a existencia dun contrato laboral coa persoa doutoranda e que, ademais, participe nun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se desenvolva na empresa ou Administración pública en que se preste o servizo.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no Sistema galego de I+D+i, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade de mulleres e homes (DOG núm. 32, do 17 de febreiro), modificado pola Lei 13/2021, do 20 de xullo. Esta lei pretende dotar a Administración de mellores ferramentas para conseguir a plena igualdade, apoiando, promovendo e visibilizando o traballo investigador das mulleres en Galicia, e tamén introducir mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a discriminación e/ou penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.

Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria adoptan medidas específicas para fomentar a igualdade.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, SXU) e a Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocan as axudas de apoio aos doutoramentos industriais para o exercicio 2023.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 das axudas para o desenvolvemento de proxectos de doutoramento industrial, programa Doutoramentos industriais, da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, código de procedemento IN606D.

O programa Doutoramentos industriais ten como obxectivos:

a) Promover a colaboración efectiva e a transferencia de coñecemento entre as universidades do SUG e o tecido empresarial mediante a sinatura de convenios ou acordos que regulen o desenvolvemento dun proxecto de investigación industrial.

b) Potenciar a captación de mozos e mozas investigadores e investigadoras para que desenvolvan proxectos de investigación nas empresas e centros de innovación e tecnoloxía que os contraten e que lles permita obter un doutoramento industrial en sectores de interese estratéxico rexional.

c) Posibilitar a incorporación de persoal doutor mozo ás empresas, unha vez que remate a axuda e desta maneira abrirlle novas saídas profesionais.

d) Fortalecer a colaboración entre as empresas e as universidades do SUG.

2. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

En virtude do anterior, as empresas deberán declarar no momento de presentar a solicitude o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

3. Os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i conforme o establecido no número 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01).

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica.

2. Centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma: son aqueles que figuran inscritos (ou teñen resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

3. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014, ou documento que o substitúa.

4. Reto da RIS3: cada un dos tres grandes retos estratéxicos de natureza económica e social da sociedade galega, identificados a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, que a RIS3 aborda a través da I+D+i, co obxectivo de conseguir un impacto transformador sobre a economía e a sociedade galega. Os retos son:

– Reto 1: modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación. Modernización dos sectores primarios galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

– Reto 2: un modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento. Incrementar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e a evolución das cadeas de valor.

– Reto 3: un modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación. Posicionar Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo.

5. Prioridade da RIS3: cada unha das tres grandes temáticas transversais, identificadas a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, cara ás que a RIS3 orienta as capacidades e esforzos do ecosistema galego de innovación para dar resposta aos tres grandes retos estratéxicos. As prioridades, polo seu carácter horizontal, teñen incidencia en todas as cadeas de valor e favorecen a colaboración entre sectores e as diferentes áreas de coñecemento e tecnolóxicas, constituíndo unha oportunidade de desenvolver novas cadeas de valor e novos mercados. Así mesmo, están plenamente aliñadas coas prioridades da Unión Europea e o Estado español. As prioridades son:

– Prioridade 1: desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando ademais oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

– Prioridade 2: apoio á dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

– Prioridade 3: orientación dos esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas, e consolidación de Galicia como unha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e testaxe de novas oportunidades e solucións científico-tecnolóxicas e empresariais dirixidas a elas.

6. Ámbito de priorización da RIS3: cada unha das 29 temáticas que precisan, de forma máis detallada, como cada prioridade aborda os tres retos da RIS3, concretando o perfil de especialización para Galicia, e nos cales se focalizan os investimentos da estratexia. Caracterízase pola súa transversalidade sectorial, abrindo oportunidades a diferentes cadeas de valor, así como novas formas de colaboración entre eles, a nivel tanto de mercados como de tecnoloxías ou procesos. Os ámbitos de priorización definíronse a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, e reflicten o traballo de identificación das capacidades existentes no ecosistema de innovación e das oportunidades específicas que cada prioridade xera en relación cos tres retos da RIS3.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As empresas e os centros de innovación e tecnoloxía que estean validamente constituídas no momento da presentación da solicitude de axuda con domicilio social ou centro de traballo en Galicia que desexen contratar investigadores ou investigadoras predoutorais para realizar un proxecto de investigación industrial en colaboración cunha universidade do SUG que lles sirva como traballo de tese de doutoramento e sexa do seu interese.

b) As universidades do SUG que desexen participar na execución dun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se desenvolva en colaboración cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e asumir a dirección dunha tese de doutoramento asociada.

2. Non poderán acceder á condición de beneficiarios/as as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Natureza das axudas

1. O proxecto de investigación de doutoramento industrial desenvolverase na empresa ou centro de innovación e tecnoloxía en colaboración cunha universidade do SUG que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda a través dun programa de doutoramento. Tanto a contorna académica como a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía serán beneficiarios das subvencións que faciliten a realización do proxecto de investigación, que deberá dar lugar a unha tese de doutoramento con mención de Doutoramento industrial.

2. Características dos proxectos de investigación de doutoramento industrial.

Son proxectos de investigación ou estudos para desenvolver produtos, procesos ou servizos novos ou que melloren os xa existentes. Os proxectos de doutoramento industrial deben implicar unha colaboración efectiva entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e unha universidade do SUG. O proxecto de doutoramento industrial debe supor un avance de coñecemento suficientemente xustificado para dar lugar a unha tese doutoral para os efectos de optar á mención de Doutoramento industrial nos correspondentes títulos de doutora ou doutor. Quedan excluídas destes proxectos a investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación.

Artigo 5. Requisitos e obrigas

1. As empresas e centros de innovación e tecnoloxía beneficiarios deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Propoñer un proxecto de doutoramento industrial para desenvolver.

b) Propoñer unha persoa candidata para desenvolver a tese asociada ao proxecto de doutoramento industrial.

c) Designar un responsable da supervisión da tese no marco da empresa e da realización do proxecto de doutoramento industrial correspondente. Por acordo entre as partes, este responsable poderá actuar como persoa directora adicional da tese no caso de cumprir os requirimentos establecidos pola normativa de doutoramento correspondente da universidade colaboradora e acordo expreso entre as partes.

d) Proporcionar á persoa doutoranda contratada o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipos que resulten necesarios para o normal desenvolvemento da súa actividade.

e) Apoiar e facilitar a formación da persoa doutoranda contratada, garantindo o cumprimento de todas as actividades formativas exixidas polo programa Doutoramentos industriais.

f) Facilitar a información e a formación necesarias en materia de prevención de riscos laborais para garantir a seguridade no traballo desenvolvido dentro das instalacións da empresa.

g) Facilitar as accións de mobilidade (asistencia a congresos, seminarios, estadía nunha sede internacional da empresa ou grupo de investigación internacional) que a persoa doutoranda realice ao longo do seu proxecto e que sexan preceptivos segundo a convocatoria do programa Doutoramentos industriais en vigor.

h) Visar e validar a memoria xustificativa do proxecto que realice a persoa doutoranda.

2. As universidades do SUG beneficiarias deberán asumir os seguintes requisitos e obrigas:

a) Designar a persoa directora académica da tese no marco do programa Doutoramentos industriais correspondente, que deberá ser asignado pola comisión académica do programa Doutoramentos industriais cando o alumno ou a alumna se matricule, no caso de non estar matriculado.

b) Validar a proposta de proxecto de doutoramento industrial.

c) Proporcionarlle á persoa doutoranda o apoio necesario e facilitarlle os medios ou equipos que sexan necesarios para o desempeño normal da súa actividade.

d) Supervisar con regularidade o desenvolvemento do proxecto de investigación e de tese doutoral, velando polo cumprimento das obrigacións recollidas no compromiso documental de supervisión, e pola calidade da tese de doutoramento.

e) Facilitarlle á persoa doutoranda a realización da formación adicional e a participación na formación que organice a propia entidade.

3. A persoa directora e o responsable empresarial propostos para a dirección da tese e do proxecto deberán ter vinculación laboral coa súa institución durante todo o tempo que dure o doutoramento industrial.

Os requisitos correspondentes ás condicións de persoa directora académica e, de ser o caso, de persoa directora adicional, acreditaranse segundo o anexo VI.

4. As persoas candidatas aos contratos de doutoramento industrial deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se poden conceder a cidadáns non comunitarios é dunha (1).

b) Estar matriculadas, admitidas ou en disposición de cumprir os requisitos para matricularse nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG, de acordo coa ordenación académica aplicable no curso 2022/23 ou 2023/24. As persoas non matriculadas deberán inscribirse nun programa oficial de doutoramento no curso académico inmediato á aprobación do programa Doutoramentos industriais e sempre dentro da primeira anualidade da axuda.

c) Que a data de finalización dos estudos de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) tivese lugar nos últimos 5 anos. Enténdese como data de finalización destes estudos a de superación da última materia para completalos. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016 nos seguintes casos:

1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.

2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2018.

3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

4º. As persoas que acrediten fidedignamente que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

d) Contar no expediente académico cunha nota media igual ou superior a 7, ou a 6 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 9.5.c).

No caso de persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a nota media mínima do expediente académico será de 6.

5. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destes contratos persoas que estean en posesión do título de doutor.

6. A persoa candidata seleccionada non pode ter unha participación no capital da entidade que solicita a axuda ou doutra entidade relacionada accionarial ou socialmente con aquela, que represente unha capacidade de control efectivo, directo ou indirecto, da entidade. Tampouco pode estar incluída como candidata en máis dunha solicitude.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. As axudas ás empresas e centros de innovación e tecnoloxía inclúen os seguintes conceptos:

a) O financiamento dun contrato laboral para realizar o doutoramento industrial durante un máximo de tres anos.

Os contratos deben ser a tempo completo no grupo de cotización 1 da Seguridade Social e serán incompatibles coa vixencia de calquera outro contrato laboral por parte da persoa contratada e deberán axustarse á normativa laboral vixente. De ser o caso, será de aplicación a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación (BOE núm. 131, do 2 de xuño).

b) Un complemento anual por axuda destinado ás empresas e centros de innovación e tecnoloxía para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.

c) Unha axuda para cubrir outros gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial.

d) Estadías de tres meses de duración no estranxeiro para que, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, as persoas contratadas alcancen a mención de doutora ou doutor internacional.

As estadías serán continuadas e terán que realizarse entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2025 e asegurar un grao de mobilidade e de internacionalización ao que non se puidese acceder por formación académica anterior ou por outros factores tales como residencia, país de orixe ou nacionalidade, e en ningún caso poderá ocasionar un atraso na finalización dos estudos de doutoramento.

2. As axudas ás universidades estarán destinadas a cubrir os gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade.

Artigo 7. Duración, número, importe das axudas

1. As axudas serán para un período máximo de tres anos, que se contarán a partir da data da resolución de adxudicación das axudas ou da data do contrato, se esta é posterior.

2. Os contratos deben ser de carácter laboral, formalizaranse na modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de acordo coa lexislación vixente e deberán ter unha duración que, polo menos, abarque o período de execución da axuda.

3. No caso de que con anterioridade á formalización do contrato predoutoral a persoa candidata gozase dalgunha axuda, pública ou privada, dirixida á súa formación predoutoral ou no marco do Estatuto do persoal investigador en formación, aprobado polo Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación (BOE núm. 64, do 15 de marzo), durante un período superior a 1 ano, a duración da axuda desta convocatoria reducirase no tempo equivalente ao período que supere o previsto no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. A resolución de minoración corresponderalle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para as universidades do SUG e da Consellería de Economía, Industria e Innovación para as empresas e centros de innovación e tecnoloxía.

Para tal efecto, as persoas candidatas propostas deberán comunicar ao órgano instrutor, antes da sinatura do contrato, a través da entidade solicitante, a percepción doutras axudas, así como proporcionarlle a información que lles sexa requirida.

En ningún caso, a axuda que se conceda poderá ter unha duración inferior a 18 meses, contados desde a data prevista de incorporación, é dicir, de inicio do contrato.

4. O número máximo das axudas concedidas será de quince (15).

O número máximo de persoas non comunitarias que poderán obter este tipo de axudas é de unha (1).

Do número total de axudas que se convocan, resérvase unha para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existir axudas non cubertas no grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.

5. A contía das axudas será:

a) Para a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía:

a.1) Custos para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial:

i) Custos de contratación da persoa doutoranda. O importe máximo de cada axuda é de 24.000 € anuais por contrato. Este importe soamente poderá ir destinado ao financiamento dun contrato a tempo completo, incluíndo os seus custos sociais, aplicado á persoa seleccionada para a realización da tese de doutoramento no marco do proxecto de desenvolvemento industrial.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada, deberá achegar a diferenza.

ii) Establécese un complemento de 1.000 € anuais por axuda para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.

iii) Outros gastos relacionados co proxecto de doutoramento industrial: ata un máximo de 5.000 € anuais. Os gastos que se consideran elexibles son os seguintes:

1. Gastos de viaxe e axudas de custo da persoa doutoranda para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible.

3. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

4. Gastos de servizos tecnolóxicos externos relacionados co proxecto de doutoramento industrial.

5. Gastos de formación relacionados co proxecto de doutoramento industrial.

a.2) Adicionalmente, aplicarase unha axuda para a realización de estadías no estranxeiro de tres meses de duración de acordo co establecido polo Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, co obxectivo de contribuír á formación da persoa doutoranda. Esta axuda financiarase nun pagamento único no exercicio 2025, logo de xustificación dos gastos e da presentación da memoria da estadía realizada, e o seu importe máximo será de 6.000 € modulable en función do destino da estadía, de acordo coa seguinte distribución:

a) Zona 1: 2.000 €, se a estadía se realiza en Portugal ou Andorra.

b) Zona 2: 4.000 €, se a estadía se realiza en Europa (excepto Portugal e Andorra), África ou América, excepto EUA e Canadá.

c) Zona 3: 6.000 €, se a estadía se realiza en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía.

Durante o período de estadía, a entidade beneficiaria terá que subscribir para cada persoa investigadora un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

b) Para as universidades do SUG:

O importe máximo da axuda concedida á universidade para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial será de 10.000 € anuais, que deberá ser xustificado sobre os conceptos seguintes e de acordo cos criterios definidos no punto anterior:

i) Outros gastos relacionados co proxecto de doutoramento industrial. Os gastos que se consideran elexibles son os seguintes:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, sempre que non estea vinculado funcionarial ou estatutariamente coa entidade que o contrate. Esta contratación non creará ningún compromiso en canto á súa posterior incorporación á entidade beneficiaria. Inclúese o custo de persoal dedicado de maneira específica ás funcións de xestión, así como o cofinanciamento das persoas contratadas ao abeiro de convocatorias competitivas dos programas estatais de recursos humanos.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible.

3. Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas. Non se considerarán elexibles os gastos derivados da realización de publicacións científicas.

4. Viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda do 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

5. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

6. Gastos de servizos tecnolóxicos externos.

7. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixen as entidades á persoa contratada, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

8. Custos de auditoría.

ii) Custo da matrícula a tempo completo da persoa doutoranda no programa Doutoramentos industriais.

Os importes das axudas soamente poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria.

O orzamento do programa non poderá considerar retribucións aos membros fixos dos equipos investigadores nin gastos correspondentes á adquisición de mobiliario.

En ningún caso serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e á Axencia Galega de Innovación máis obrigacións que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A empresa ou o centro de innovación e tecnoloxía presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta. gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

3. A axuda deberá ser solicitada por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía de acordo cunha universidade e ambas deberán presentar o convenio de colaboración para desenvolver o proxecto de doutoramento industrial que contratará a persoa doutoranda ou unha declaración de compromiso asinada de achegar o devandito convenio segundo o modelo que se achega como anexo IV.

4. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, coa condición de que cumpra os requisitos exixidos.

5. Se opta á axuda para estadías, deberá indicar este aspecto e a zona a que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para estadías.

6. Só poderá presentarse unha solicitude para cada proxecto dentro da convocatoria do programa Doutoramentos industriais.

Artigo 9. Documentación complementaria

Para seren admitidas na convocatoria as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

1. Memoria relativa ao proxecto de investigación, á entidade solicitante, á universidade e á adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas da RIS3 Galicia 2021-2027 no modelo que se xunta como anexo III.

2. Convenio de colaboración, coas especificacións mínimas que se establecen no artigo 19 ou declaración de compromiso asinado entre a entidade solicitante e a universidade de achegar o devandito convenio de colaboración segundo o modelo que se xunta como anexo IV.

3. Documento acreditativo do poder de representación con validez xurídica, do representante da entidade solicitante, de ser o caso.

4. Conta do resultado económico-patrimonial do exercicio 2022.

5. Documentación relativa á persoa candidata doutoranda:

a) Anexo V. Declaración asinada pola persoa candidata doutoranda industrial a ser destinataria da axuda.

b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, segundo o anexo VI.

c) Certificación da universidade asinada pola persoa titular do vicerreitorado competente en materia de investigación ou persoa en quen delegue, conforme o modelo normalizado do anexo VII, en que se fagan constar os seguintes aspectos:

1º. Programa de doutoramento no cal está matriculada ou admitida a persoa candidata no curso 2022/23, ou que a persoa candidata cumpre cos requisitos de titulación e nota media necesarios para poder acceder a un programa de doutoramento no curso 2023/24.

2º. Título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES empregado ou que se vai empregar para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.

3º. Nota media coa que se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:

– No caso de ensinanzas dirixidas á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valoraranse a totalidade dos créditos ou materias superadas.

– No caso de ensinanzas dirixidas á obtención do título de graduado/a de menos de 300 créditos, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a e mestre/a, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no mestrado ou equivalente. Débense completar polo menos 300 créditos no conxunto dos estudos universitarios de grao ou primeiro ciclo e de mestrado ou equivalente. O cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:

(X*C1+M*C2) / (C1+C2)

Onde:

X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.

M: nota media obtida no mestrado ou equivalente.

C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.

C2: créditos superados no mestrado ou equivalente.

– A nota media do expediente académico para títulos obtidos en sistemas universitarios estranxeiros debe calcularse de acordo co disposto na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Universidades, pola que se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas polas resolucións de 21 de marzo de 2016 e de 20 de xuño de 2016. A información pode consultarse na seguinte ligazón:

https://www.educacionyfp.gob.es/servicios-ao-cidadán/catalogo/xeneral/20/203615/ficha/203615

A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade en que está matriculada no programa de doutoramento para o cálculo da nota coa que se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia corresponde á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para darlle validez a esta, polo que soamente será válida se está acompañada do certificado académico oficial orixinal, ou fotocopia compulsada e, se é o caso, da tradución correspondente.

En todos os casos, a nota coa que se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.

d) Acreditación da aprobación do plan de investigación pola comisión académica do programa Doutoramentos industriais correspondente ou declaración responsable da persoa candidata de que a documentación presentada se corresponde co plan de investigación que se vai someter á aprobación da comisión académica no caso de ser seleccionada como destinataria desta axuda.

e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 5 sobre as datas de finalización dos estudos, de ser o caso.

f) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata no caso de que non fose expedido pola Administración autonómica.

6. Ademais, poderanse acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 13.1.g) e h) relativos á persoa candidata valorables e non excluíntes polo que se regulan os criterios de valoración das solicitudes, e haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:

a) Certificado da persoa candidata de gozar dunha bolsa ou prácticas en empresas ou centros de innovación e tecnoloxía.

b) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, en que figure expresamente o nivel alcanzado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) DNI/NIE da persoa candidata á axuda.

d) NIF da entidade solicitante.

e) NIF da entidade representante.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Vida laboral da persoa candidata dos últimos 5 anos.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

l) Concesións de subvencións e axudas.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade da persoa candidata expedido pola Administración autonómica.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Axencia Galega de Innovación.

2. O órgano instrutor comprobará que todas as solicitudes estean debidamente cubertas e que se achegue a documentación exixida e exporán a lista das solicitudes admitidas e excluídas sinalando, de ser o caso, as causas da exclusión, na internet, no enderezo http://gain.xunta.gal

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

3. Esta lista estará exposta na internet nos enderezos http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal por un período de 10 días hábiles e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular alegacións, emendar os erros ou a falta de documentos das persoas interesadas ante a dirección da Axencia Galega de Innovación. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación ditará unha resolución pola que se aproba a lista definitiva das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet nos enderezos http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante a Presidencia da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada serán causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. Os criterios e o baremo que rexerán no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:

a) Expediente académico: nota media segundo os criterios sinalados no artigo 9.5.c). Esta nota media do expediente académico, aproximada a catro decimais, multiplicada por tres. Puntuación máxima 20 puntos.

b) Persoa designada para dirixir a tese nas universidades do SUG. Puntuación máxima 15 puntos:

– Pertenza a un grupo con potencial de crecemento que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2019 a 2022: 10 puntos.

– Pertenza a un grupo de referencia competitiva que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2019 a 2022: 15 puntos.

Só se valorará unha das epígrafes, de xeito que non son acumulativas entre si.

c) Para as empresas ou centros de innovación e tecnoloxía. Puntuación máxima 15 puntos:

– Participar nun centro recoñecido de incubación de empresas ou participar nun programa de aceleración de empresas entre os anos 2017 e 2022: ata un máximo de 2 puntos.

– Ser beneficiario ou participar no desenvolvemento de actividades financiadas pola Axencia Galega de Innovación entre os anos 2020 e 2022: ata un máximo de 2 puntos.

– Ter experiencia na execución de proxectos de I+D colaborativos (Interconecta...) ou en contratos de I+D Universidade-Empresa entre os anos 2018 e 2022: ata un máximo de 10 puntos.

– Participar no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2018 e 2022, en proxectos en que a entidade solicitante participase en calidade de socio: ata un máximo de 12 puntos.

– Participar no desenvolvemento de proxectos concedidos polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre o anos 2018 e 2022, en proxectos en que a entidade solicitante participase en calidade de líder: ata un máximo de 15 puntos.

Só se valorará unha das epígrafes, de xeito que non son acumulativas entre si.

d) Empresas ou centros de innovación e tecnoloxía situadas nun concello emprendedor: 5 puntos.

A relación de concellos emprendedores pódese consultar no enderezo:

https://galiciaempresa.xunta.gal/concellos-emprendedores.

e) Proxecto de traballo de investigación industrial que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a. Puntuación máxima 20 puntos:

– Obxectivos e contidos básicos do traballo: ata un máximo de 10 puntos.

– Valor singular e impacto do proxecto sobre a I+D da empresa: ata un máximo de 2 puntos.

– Avance no coñecemento que supón a tese doutoral: ata un máximo de 3 puntos.

– Metodoloxía: ata un máximo 3 puntos.

– Planificación temporal: ata un máximo 1 punto.

– Transferencia de resultados: ata un máximo 1 punto.

f) Adaptación do proxecto de investigación a un reto, prioridade e área de priorización da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3 Galicia), de acordo co indicado no anexo I desta orde, de 0 ou 10 puntos, de acordo coa seguinte desagregación:

– No caso de que non se adecúe, en particular, a un reto, prioridade e ámbito de priorización consecuente ou se corresponde a un proxecto de investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento: 0 puntos.

– Adecuado: 10 puntos.

A valoración das epígrafes c), e) e f) será realizada por un equipo evaluador formado por persoas expertas para o que se poderá contar, entre eles, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia (ACSUG) a partir da documentación indicada no artigo 9.

g) Nivel de coñecemento da persoa candidata dalgunha lingua estranxeira segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (non se considerará lingua estranxeira a do país de orixe ou de nacionalidade nin ningunha das linguas cooficiais en cada comunidade autónoma):

– B2 ou equivalente: 2,5 puntos.

– C1 ou equivalente: 5 puntos.

– C2 ou equivalente: 10 puntos.

Poderán sumarse as puntuacións correspondentes a varios certificados de linguas diferentes, pero non se acumularán as puntuacións de diferente nivel dunha mesma lingua. A puntuación máxima desta epígrafe será de 10 puntos.

h) Gozar a persoa candidata dunha bolsa ou prácticas nunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía: 5 puntos.

A puntuación final obterase coa suma das puntuacións obtidas en cada epígrafe.

A puntuación final, xunto cos seus valores desagregados, farase chegar á Comisión de Selección, que elaborará un informe para o órgano instrutor de acordo coas bases da convocatoria e a dispoñibilidade de recursos.

Artigo 14. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por oito membros:

– Presidente/a:

A persoa directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

– Presidente/a suplente:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

– Unha directora ou un director de Área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas pola presidenta ou polo presidente da Comisión de Selección.

– Secretario/a:

Un/a xefe/a de departamento da Axencia Galega de Innovación.

2. As solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e as prazas adxudicaranse respectando, en todo caso, o establecido no artigo 7.4.

3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente se produza unha igualdade de puntuación, utilizaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que obteña maior puntuación na valoración do proxecto de traballo de investigación industrial (artigo 13.1.e).

3º. A solicitude da persoa candidata que concorre a esta convocatoria con maior nota media, calculada de acordo co punto 3º do artigo 9.5.c) e certificada pola universidade no anexo VII.

4. Tendo en conta os puntos anteriores, a Comisión de Selección elaborará un informe para o órgano instrutor en que fará constar a súa proposta coa relación de entidades candidatas a ser destinatarias das axudas especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no artigo 13.

A Comisión de Selección distribuirá as axudas de maneira que garanta un mínimo de 12 beneficiarios na categoría de empresas e 3 beneficiarios na categoría de centros de innovación e tecnoloxía, salvo que non haxa solicitudes suficientes en cada categoría.

Sempre que o número de solicitudes avaliadas positivamente o permita, a Comisión de Selección incluirá no informe unha lista de espera, en que figurarán por orde decrecente de puntuación final as solicitudes que non alcancen a puntuación suficiente para ser adxudicatarias da axuda, pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. A lista estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.

Para avaliar os aspectos científico-técnicos e de potencial transferencia asociados ás solicitudes no proceso de selección, a Axencia Galega de Innovación e a Secretaría Xeral de Universidades poderán solicitar o asesoramento de expertos nas materias específicas que se considere necesario.

5. A proposta de resolución de concesión da axuda formulada polo órgano instrutor a partir do informe da Comisión, así como, de ser o caso, a lista de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, nas epígrafes de axudas http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible. Esta publicación terá soamente efectos informativos.

Artigo 15. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelle conxuntamente á persoa titular da presidencia da Axencia Galega de Innovación e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución de concesión da axuda, que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida e a lista de espera, se é o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. A Axencia Galega de Innovación asumirá o financiamento das empresas e centros de innovación e tecnoloxía e con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na páxina web da SXU (http://www.edu.xunta.gal) pola cal se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da presidencia da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

A resolución publicarase no prazo máximo de 4 meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Calquera modificación dos termos polos que a axuda foi concedida terá que ser comunicada e autorizada pola Dirección da Axencia Galega de Innovación ou pola Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse soamente por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obrigación de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación da axuda

1. Unha vez asinada a resolución, as empresas e os centros de innovación e tecnoloxía beneficiarios deberán remitir á Axencia Galega de Innovación, e as universidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades, un escrito de aceptación da axuda no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, e vincularanse as persoas seleccionadas mediante a formalización do correspondente contrato.

Artigo 18. Contrato de traballo

1. Nos contratos deberá facerse referencia expresa a:

a) Ao seu financiamento con cargo ás axudas de apoio ao programa Doutoramentos industriais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Axencia Galega de Innovación.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

2. A data límite para a sinatura dos contratos establecerase na resolución de adxudicación das axudas, e poderá fixarse un prazo diferente para as entidades con persoas candidatas non comunitarias. A dita data poderá ser modificada por resolución da directora da Axencia Galega de Innovación.

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 19. Convenio de colaboración

Para concretar a colaboración no desenvolvemento do proxecto de investigación de doutoramento industrial as partes académica e empresarial deben asinar un convenio que reflicta, como mínimo, os aspectos seguintes:

– A identificación do proxecto e os obxectivos científico-técnicos deste.

– A identificación da persoa doutoranda candidata para desenvolver a tese no marco do proxecto anterior, indicando os criterios consensuados para a súa selección e o programa de doutoramento no cal formalizará a correspondente matrícula ou admisión.

– A identificación da persoa directora académica da tese e do responsable técnico do proxecto por parte das entidades beneficiarias.

– As obrigacións científicas, técnicas e metodolóxicas que contraen as partes, así como as súas responsabilidades económicas condicionadas á concesión do programa.

– A organización e distribución do tempo de traballo da persoa doutoranda entre ambas institucións, na consideración de que o proxecto de doutoramento industrial se caracteriza por realizarse nunha contorna dual, empresarial e académica, así como o réxime de dedicación aos estudos de doutoramento que ten asignados a persoa candidata.

– De ser o caso, establecer os criterios de recoñecemento entre os/as beneficiarios/as dos dereitos de propiedade industrial que se puideren xerar no proxecto, velando por que as persoas doutorandas contratadas se beneficien da eventual explotación dos resultados de I+D mediante unha adecuada protección xurídica, especialmente en materia de protección de dereitos de propiedade intelectual e de autor.

– Habilitar os procedementos adecuados para asegurar a confidencialidade da información e resultados para asegurar a non publicidade dos contidos sensibles derivados do proxecto, sen prexuízo da súa utilización por parte da persoa doutoranda para a realización e defensa da súa tese, en virtude da normativa aplicable aos estudos de doutoramento.

Artigo 20. Documentación que se debe entregar para a realización da estadía

No caso de solicitar a axuda para estadía, antes do 31 de outubro de 2024 ou no prazo dun mes desde a data de comezo dos contratos no caso das persoas que acceden a través da lista de espera, a entidade beneficiaria deberá remitir á Axencia Galega de Innovación e á SXU, a seguinte documentación:

a) Plan de traballo asinado pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora da tese.

b) Carta de aceptación do centro de destino asinada pola persoa directora do centro ou figura equivalente. O centro de destino deberá estar situado nun país incluído na zona que se indicou na solicitude e pola que se concedeu a axuda.

c) Autorización de ausencia da entidade beneficiaria.

Antes do inicio do período da estadía, a Axencia Galega de Innovación e a SXU publicarán nas súas páxinas web a relación de persoas que gozarán da estadía, con indicación da entidade contratante, o país e a zona de destino.

Artigo 21. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas doutorandas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa comunitaria e nacional de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

2. Para proceder ao libramento da axuda, as empresas ou centros de innovación e tecnoloxía, deberán presentar a seguinte documentación nos termos e prazos que se indican a continuación:

a) Modelo de solicitude de pagamento, que estará á súa disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (gain.xunta.gal), na súa epígrafe Axudas, en que constarán as seguintes declaracións responsables:

1ª. Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

2ª. Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) No caso de que os/as beneficiarios/as deneguen expresamente ou se opoñan á consulta polo órgano xestor das certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, deberán achegar a documentación acreditativa de atoparse ao día nas súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

c) Contrato de traballo.

d) Memoria de seguimento asinada pola persoa doutoranda e pola persoa directora ou codirectora da tese.

e) Convenio ou acordo de colaboración asinado para desenvolver o proxecto de doutorado industrial que contratará a persoa doutoranda.

f) Informe favorable da Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD) correspondente.

g) Acreditación da aprobación do plan de investigación pola CAPD. O plan de investigación aprobado debe ser o mesmo que presentou a persoa candidata na fase de solicitude.

h) Copia das nóminas aboadas ao persoal de alta cualificación contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e os impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento.

i) Certificado de dedicación exclusiva ao proxecto asinado pola persoa investigadora e pola persoa directora ou codirectora da tese durante o período de xustificación.

j) Certificado de dedicación exclusiva asinado pola persoa responsable da entidade onde conste a permanencia efectiva e a dedicación exclusiva da persoa investigadora ao programa.

k) Certificación do pagamento das estadías realizadas, memoria asinada pola persoa contratada co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, e certificado do centro receptor, no caso daquelas persoas contratadas ás cales se lles concedese a axuda para estadías desta convocatoria.

l) Certificación da universidade que acredite a matriculación da persoa investigadora seleccionada no programa de doutoramento industrial correspondente.

3. A documentación indicada entregarase conforme a seguinte periodización:

Xustificación

Documentación para presentar

Data límite de presentación

1ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b) e c) do punto 2 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos do complemento anual da persoa contratada.

10 días naturais a partir do día seguinte á sinatura do contrato

2ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), e), g), h), l) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos do complemento anual da persoa contratada, os gastos da persoa contratada e os gastos do proxecto de Doutoramento industrial de decembro 2023 a marzo 2024 (ambos incluídos).

31 de maio de 2024

3ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), d), f), h), i), j) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos gastos da persoa contratada e aos gastos do proxecto de Doutoramento industrial de abril 2024 a setembro 2024 (ambos incluídos).

30 de novembro de 2024

4ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), h) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos do complemento anual da persoa contratada, os gastos da persoa contratada e os gastos do proxecto de Doutoramento industrial de outubro 2024 a marzo 2025 (ambos incluídos).

31 de maio de 2025

5ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), d), g), h), i), j), k) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos gastos da persoa contratada e aos gastos do proxecto de Doutoramento industrial de abril 2025 a setembro 2025 (ambos incluídos).

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación librarase tamén o importe das estadías.

30 de novembro de 2025

6ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), h), i), j) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos gastos da persoa contratada e aos gastos do proxecto de Doutoramento industrial de outubro 2025 a marzo 2026 (ambos incluídos).

30 de maio de 2026

7ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), h), i), j) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos gastos da persoa contratada e aos gastos do proxecto de Doutoramento industrial de abril 2026 a setembro 2026 (ambos incluídos).

30 de novembro de 2026

8ª xustificación

A indicada nas alíneas a), b), f), h), i), j) do punto 2 deste artigo e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

Con esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos gastos da persoa contratada de outubro de 2026 ata a finalización dos contratos.

1 de marzo de 2027

4. Para a xustificación da axuda para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial, a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía deberá achegar a documentación correspondente en cada unha das xustificacións presentadas pola entidade beneficiaria, que terá que incluír os seguintes documentos:

a) Documentación xustificativa do gasto: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

b) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, achegarase unha relación detallada destas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

5. Xunto coa última xustificación, a empresa ou centro de innovación e tecnoloxía presentará:

a) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, correspondente á propia entidade beneficiaria.

b) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa (no caso de que a persoa candidata non autorizase a súa consulta).

c) Memoria final do traballo realizado asinado pola persoa contratada, co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, que recolla os puntos indicados no artigo 27.3.

No caso de que a persoa contratada renuncie antes do final do período da axuda, a copia da vida laboral e a memoria final do traballo realizado presentarase dentro do prazo dun mes desde a súa renuncia.

6. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

7. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

8. Poderán realizarse pagamentos parciais a conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

9. Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

10. Para a xustificación da axuda para o desenvolvemento do proxecto de doutoramento industrial, as universidades do SUG deberán achegar a documentación á Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través da Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, antes do 30 de novembro, das anualidades 2024, 2025 e 2026 e terá que incluír os seguintes documentos:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

b) Conta xustificativa con entrega de informe de auditoría, de acordo co establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, no caso das entidades beneficiarias ás cales non lles sexa de aplicación o artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. A conta xustificativa terá o seguinte contido:

– Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, segundo o establecido no artigo 48.1 do citado regulamento.

– Memoria económica, que conterá unha relación detallada dos gastos efectuados na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados por conceptos de gasto, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

c) Informe de auditor/a inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores/as de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade. O informe de auditoría axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos/das auditores/as de contas na realización dos traballos de revisión das contas xustificativas de subvencións.

d) Declaración da persoa directora académica en que se recolla a relación do persoal que forma parte do seu equipo de investigación, de ser o caso.

e) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigacións tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no caso de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

f) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Os investimentos e os pagamentos que se efectúen desde o 1 de decembro da anualidade corrente poderán presentarse como xustificante da anualidade seguinte. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas, Seguridade Social e IRPF dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Considérase gasto realizado aquel que efectivamente se pagou con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior para axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación.

Artigo 22. Réxime de compatibilidade

1. As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

2. Os contratos que se formalicen con cargo a estas axudas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e, en xeral, coa percepción de calquera contía que teña natureza salarial. No entanto, a persoa contratada poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

3. Períodos de ausencia temporal do centro de adscrición:

3.1. No caso de ausencias temporais de ata 7 días da persoa contratada, será necesaria a autorización da entidade contratante, pero non é necesaria comunicación á Axencia Galega de Innovación.

3.2. As ausencias temporais de máis de 7 días non financiadas nesta convocatoria, conten ou non con algún tipo de financiamento, deberán ser autorizadas pola Axencia Galega de Innovación. Nestes casos será preciso que a entidade beneficiaria presente, xunto coa solicitude de autorización, unha breve memoria descritiva dos traballos, asinada pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, con indicación expresa de que son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

Os períodos de ausencia temporal da entidade de adscrición en ningún caso poderán superar os 6 meses ao longo dos tres anos de contrato nin poderán superpoñerse cos últimos 6 meses de contrato, salvo circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.

4. O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes ata un máximo de 30 horas anuais, logo de autorización da universidade en que se vaian realizar as tarefas docentes e coa aprobación da persoa directora da tese.

Esta colaboración realizarase en docencia de mestrado (preferiblemente) ou grao e non poderá supor a substitución da docencia do profesorado responsable da materia, e deberá facerse en coordinación e en paralelo co responsable docente. En ningún caso a persoa contratada con cargo a estas axudas poderá ser responsable ou coordinadora da materia.

5. No momento en que algunha das persoas contratadas realice a lectura da súa tese de doutoramento, a entidade beneficiaria deberá comunicarllo á Axencia Galega de Innovación e á SXU, indicando, no caso de gozar da axuda por estadía, se obtivo a mención de doutor ou doutora internacional, no prazo dos 15 días seguintes.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando o/a beneficiario/a reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación).

Artigo 24. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigacións contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obrigación da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará, no marco do artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, serán os seguintes:

a) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

b) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

c) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

d) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % da subvención concedida.

e) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Renuncia das axudas e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria ou a persoa doutoranda deberá comunicala mediante escrito motivado dirixido á Axencia Galega de Innovación ou á Secretaría Xeral de Universidades, se é o caso, dentro do prazo máximo de 15 días desde que se produza.

2. As entidades beneficiarias que renuncien ás axudas deberán presentar a documentación xustificativa correspondente ata a data de renuncia para proceder, de ser o caso, coa tramitación do libramento do pagamento da parte proporcional da axuda executada.

3. Por resolución da persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, coa condición de que a renuncia se produza antes do 1 de febreiro de 2024. Para cubrir estas renuncias seguirase a prelación da lista de espera definida no artigo 14.5.

A entidade e a persoa candidata doutoranda substitutas quedarán suxeitas ás mesmas condicións e polo tempo restante de aproveitamento da axuda.

4. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:

a) Nacemento.

b) Adopción.

c) Garda con fins de adopción ou acollemento.

d) Risco durante o embarazo.

e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.

f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.

g) Incapacidade temporal por causas distintas ás do punto anterior por un período mínimo dun mes.

h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, como medida de protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

5. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de 10 días hábiles desde que esa baixa se produza.

6. A interrupción e a prórroga indicadas deberán ser autorizadas pola persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación, que poderá solicitar os informes que considere oportunos. A entidade correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

7. Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non han de incluírse nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción, para os efectos recollidos nesta convocatoria.

Esta autorización en ningún caso supón un aumento na contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será a cargo da entidade beneficiaria.

Artigo 26. Dereitos e obrigacións

1. Son obrigacións xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigacións establecidas nesta convocatoria.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes durante un período de tres anos.

c) Formalizar un contrato acorde á lexislación laboral vixente con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.

d) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.

e) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. As empresas e os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría ao obxecto de que cumpran as súas obrigacións.

f) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir todas as obrigacións que asumen ao aceptar a axuda regulada por estas bases.

h) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular, as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información sobre os resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

2. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigacións e dereitos:

a) Cumprir as condicións e obrigacións establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

c) Presentar a memoria final do traballo realizado a que se fai referencia no artigo 27.3 desta convocatoria.

d) Ademais dos dereitos de carácter xeral que se sinalan no artigo 28 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, as persoas contratadas mediante estas axudas teñen dereito a beneficiarse dos dereitos de carácter laboral, así como dos relativos á Seguridade Social, que se deriven do contrato que formalicen coa entidade de adscrición.

3. Son obrigacións específicas de publicidade, tanto para as entidades beneficiarias como para as persoas contratadas, as seguintes:

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para iso, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outras accións que se realicen ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do programa Doutoramento industrial da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou da Axencia Galega de Innovación, segundo sexa o caso), acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Artigo 27. Control

1. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Axencia Galega de Innovación poderán levar a cabo as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Antes do final de cada ano de contrato, cada entidade remitirá o informe favorable da CAPD e da persoa directora por parte da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía, xunto coa proposta de renovación e a prórroga do contrato, de ser o caso.

3. Cando a persoa contratada abandone o programa, ben por renuncia, ben por finalizar o período de permanencia nel, a entidade beneficiaria remitirá unha memoria asinada pola persoa contratada e pola persoa directora ou codirectora da tese, no prazo dun mes desde a extinción da relación laboral, en que consten os seguintes aspectos:

a) Data de lectura da tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non lela.

b) Indicación de se alcanzou a mención de doutor ou doutora internacional ou non, no caso de gozar da axuda para estadía.

c) Breve resumo dos principais obxectivos de investigación alcanzados.

d) Estadías ou ausencias temporais realizadas.

e) Melloras do currículo durante a etapa en que gozou da axuda.

4. A Axencia Galega de Innovación poderá solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e, en particular, sobre as persoas contratadas, a lectura da súa tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non lela, e a situación actual do persoal contratado. Este informe poderá ser solicitado durante os dous anos seguintes á data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

5. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 28. Dotación orzamentaria

1. As axudas deste procedemento administrativo, que ten como código IN606D, imputaranse ás aplicacións orzamentarias 10.03.561B.744.0, 05.A2.561A.470.0, 05.A2.561A.480.0, 05.A2.561A.770.0 e 05.A2.561A.781.0 correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, coa seguinte distribución por anos:

Entidade beneficiaria

Nº de axudas

Aplicación/s orzamentarias e códigos de proxecto

Importe 2023

Importe 2024

Importe 2025

Importe 2026

Importe 2027

Total

Empresas

12

05.A2.561A.470.0

(2016 00004)

12.000,00 €

252.000,00 €

372.000,00 €

288.000,00 €

48.000,00 €

972.000,00 €

05.A2.561A.770.0

( 2016 00004)

0,00 €

60.000,00 €

60.000,00 €

60.000,00 €

-

180.000,00 €

Centros de innovación e tecnoloxía

3

05.A2.561A.480.0

(2016 00004)

3.000,00 €

63.000,00 €

93.000,00 €

72.000,00 €

12.000,00 €

243.000,00 €

05.A2.561A.781.0

(2016 00004)

0,00 €

15.000,00 €

15.000,00 €

15.000,00 €

-

45.000,00 €

Universidades do SUG

15

10.03.561B.744.0

( 2016 00129)

0,00 €

150.000,00 €

150.000,00 €

150.000,00 €

-

450.000,00 €

Total

15.000,00 €

540.000,00 €

690.000,00 €

585.000,00 €

60.000,00 €

1.890.000,00 €

2. A Axencia Galega de Innovación soamente financiará as axudas que correspondan ás empresas e centros de innovación e tecnoloxía e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades soamente financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG por importe de 450.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.561B.744.0 (código de proxecto 2016 00129) no marco do Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia 2022-2026 (aprobado polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de decembro de 2021, DOG núm. 248, do 28 de decembro).

3. En cada organismo financiador a distribución de fondos e as aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, deberase axustar tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola Comisión de Selección. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

4. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria tras a declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 29. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN606D, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 33 71 33 e 981 33 71 36 da citada axencia.

c) No enderezo electrónico axudascentros.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigacións de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, do subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición final primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación para ditar as resolucións que sexan necesarias para a correcta execución da presente orde.

Disposición final segunda. Recursos

Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da presidencia da Axencia Galega de Innovación ou a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición final terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e
Innovación e presidenta da Axencia
Galega de Innovación

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022;
DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería
de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades

ANEXO I

Retos e prioridades da RIS3 para Galicia no período 2021-2027

Retos para transformar a economía e sociedade galegas

Reto 1. Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación

Reto 2. Modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento

Reto 3. Modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación

Prioridades en que orientar a investigación e a innovación

Prioridade 1

Sustentabilidade

Desenvolver e aplicar diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia.

Xerar oportunidades para a diversificación cara a produtos sostibles, competitivos internacionalmente, e que melloren o benestar das persoas.

Prioridade 2

Dixitalización

Apoiar o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais.

Prioridade 3

Enfoque cara as persoas

Orientar os esforzos en I+D+i cara as necesidades e o benestar das persoas. Consolidar Galicia como unha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e testeo de novas oportunidades e solucións innovadoras.

Ámbitos de priorización

Prioridade 1

Ámbito de priorización

Reto 1

Reto 2

Reto 3

Sustentabilidade

Biocombustible e enerxías renovables

X

X

Biotecnoloxía agraria, mariña, industrial e ecolóxica

X

X

Construción sostible

X

Descarbonización das cadeas de valor

X

X

X

Desenvolvemento de téxtiles sostibles

X

Economía circular e simbiose industrial

X

X

Eficiencia enerxética en procesos produtivos, en construción e en mobilidade

X

X

X

Materias primas, produtos, envases e embalaxes máis sustentables na cadea de valor alimentaria

X

X

Mellora, preservación, xestión sustentable e posta en valor da biodiversidade

X

Mobilidade urbana e rural

X

X

Turismo e patrimonio cultural sustentable

X

Prioridade 2

Ámbito de priorización

Reto 1

Reto 2

Reto 3

Dixitalización

Administración pública dixital

X

Desenvolvemento de competencias dixitais e educación dixital

X

Desenvolvemento de propostas de valor ao redor dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos

X

Fabricación avanzada e intelixente

X

Redes intelixentes, flexibilidade e almacenamento enerxético

X

Saúde dixital

X

Soberanía tecnolóxica (desenvolvemento de coñecemento, tecnoloxías e aplicacións innovadoras propias)

X

X

X

Tecnificación e dixitalización do sector primario (agricultura, gandaría e forestal, pesca e acuicultura) e da industria mineira

X

Xerontotecnoloxías

X

Prioridade 3

Ámbito de priorización

Reto 1

Reto 2

Reto 3

Enfoque cara ás persoas

Alimentación humana saudable e funcional

X

Deporte, para a promoción da autonomía persoal e mellora da calidade de vida

X

Desenvolvemento de téxtiles intelixentes para a saúde e o deporte

X

Economía prateada e dos coidados

X

Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión

X

Novas solucións de hábitat e modelos de convivencia

X

Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión

X

Turismo saudable baseado en recursos naturais

X

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file