DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2023 Páx. 49051

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2023, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas, convocado mediante a Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. En sesión que tivo lugar o 6 de xullo de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 20 de xuño de 2023, e atendendo á correlación entre preguntas anuladas e preguntas de reserva prevista na base II.1.1.1:

– Confirmar a anulación da pregunta 91 da segunda parte do primeiro exercicio, efectuada polo tribunal no momento da realización do exercicio, e substituír a pregunta anulada pola primeira pregunta de reserva válida dese bloque, a 128. A pregunta de reserva 127 anulada non se aplica no modelo definitivo por non ser necesario que actúe como reserva de ningunha das 30 da parte segunda deste primeiro exercicio.

– Estimar a impugnación e anular as preguntas número 15, 37 e 51 da primeira parte do primeiro exercicio da quenda de acceso libre. Como consecuencia, acórdase substituír as devanditas preguntas polas preguntas de reserva 125 (primeira pregunta de reserva da parte común), 121 e 122 (primeira e segunda preguntas de reserva da parte específica), respectivamente.

– Estimar a impugnación e anular as preguntas número 111 e 113, e a pregunta de reserva número 127 da segunda parte do primeiro exercicio da quenda de acceso libre. Como consecuencia, acórdase substituír as preguntas 111 e 113 polas preguntas de reserva 129 e 130, respectivamente.

– Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións presentadas.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Así pois e de conformidade co disposto na citada base, polo Acordo deste tribunal do 9 de xuño de 2023, polo que se establecen os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, estableceuse que:

– Na quenda libre, das persoas aspirantes que se presenten ao proceso de conformidade co establecido na base I.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de 48, sempre e cando acaden, en cada un dos bloques, o mínimo do 50 % das respostas consideradas válidas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte se consideran igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (48).

Asignarase unha puntuación de 25 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto de persoas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 25 e 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

– De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada un dos bloques, do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

Realizada a corrección na sesión do 12 de xullo de 2023, na quenda de acceso libre acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de trece (13) aspirantes; fixouse en trinta e seis (36) na primeira parte do exercicio e doce (12) na segunda parte do exercicio o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Terceiro. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal os resultados acadados polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, non prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

Evaristo Juncal Carreira
Presidente do tribunal