DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 24 de agosto de 2023 Páx. 50179

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 4 de agosto de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, de compensación ás empresas que desenvolvan actividades de comercialización e transformación dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura polas consecuencias da guerra de Ucraína, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento PE107G).

A guerra de Ucraína xerou consecuencias de diversa índole para a Unión Europea e afectou a economía dos Estados membros. En concreto, a invasión por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022, afectou os operadores do sector da pesca e acuicultura da Unión, o que orixinou unha perturbación significativa do mercado como consecuencia dos incrementos importantes dos custos e das alteracións do comercio que sufriron as empresas ao longo de 2022 e tamén durante 2023, en maior ou menor medida.

Con tal motivo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, modificouse a través do Regulamento (UE) 2022/1278 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, no que se refire ás medidas específicas para mitigar as consecuencias da guerra de agresión de Rusia contra Ucraína nas actividades pesqueiras e atenuar os efectos da perturbación do mercado causada por esa guerra de agresión na cadea de subministración de produtos da pesca e a acuicultura.

Así, o dito Regulamento (UE) 2022/1278 engade a alínea 3 ao artigo 68, que establece o seguinte:

«O FEMP poderá conceder axudas destinadas a compensar economicamente a operadores do sector da pesca e a acuicultura polo seu lucro cesante e polos custos adicionais en que incorresen debido á perturbación do mercado causada pola guerra de agresión de Rusia contra Ucraína e os seus efectos na cadea de subministración de produtos da pesca e a acuicultura.

De conformidade co disposto no artigo 65, alínea 9, parágrafo segundo, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, os gastos das operacións financiadas no marco do parágrafo primeiro da presente alínea serán subvencionables a partir do 24 de febreiro de 2022».

A través do Regulamento (UE) 2022/1278 modificáronse os criterios de selección por parte da autoridade de xestión do Programa operativo do FEMP do Reino de España, de xeito que se establece, ao abeiro do artigo 68.3, unha medida horizontal para compensar os efectos da guerra de Rusia contra Ucraína que beneficie o sector extractivo, da acuicultura e as empresas que desenvolvan actividades de comercialización ao por maior e de transformación dos produtos da pesca e a acuicultura.

A Consellería do Mar entende que, ante esta situación, resulta oportuno establecer unha axuda de compensación ás empresas que desenvolvan actividades de comercialización e de transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura polo incremento dos prezos de determinadas partidas que se indican nesta orde, como consecuencia da guerra de Ucraína.

Por outra banda, coa finalidade de ter unha xestión máis áxil e eficiente, a orde simplifica, na medida do posible, o procedemento para a concesión das axudas, empregando a presentación electrónica para todos os solicitantes, a potestade de concesión e pagamento nun mesmo acto ao non haber xustificación de investimentos, así como a posibilidade de subvencionar determinados custos e informes cando estes sexan requiridos polo xestor competente, en aplicación do artigo 186.4, letra b), do Regulamento financeiro (Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018).

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás empresas de comercialización ao por maior e transformación de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura para os centros situados en Galicia, e para os efectos de compensar o incremento do prezo da fariña, pan relado, cloro, gases refrixerantes, envases e embalaxes de madeira, envases e embalaxes de cartón, envases e embalaxes de plástico, envases e embalaxes de vidro, envases e embalaxes de metal (latas), electricidade, gas natural e gas cidade, aceite de oliva virxe 0,8-2º, aceite de oliva refinado e aceite de xirasol refinado convencional.

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o PE107G.

Artigo 2. Finalidade

Esta orde ten por finalidade compensar as empresas de comercialización ao por maior e transformación dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura, dos efectos do incremento de prezos das partidas indicadas no artigo anterior, ocasionados pola invasión de Ucraína.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723B.770.2, código de proxecto 202300186, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 7.500.000 €.

3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidade orzamentarias.

As ampliacións de crédito da orde, de producirse, tramitaranse conforme o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento da citada lei.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e un 25 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha empresa do sector de comercialización ao por maior ou de transformación dos produtos da pesca, marisqueo e da acuicultura que estivese de alta para esta actividade durante todo o período elixible, desde o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2022.

O establecemento de comercialización ou transformación deberá de ser titularidade da empresa solicitante durante o período de referencia indicado.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

c) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas, previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves, segundo o citado Regulamento (UE), suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

g) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declaradas culpables de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de1995).

h) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucradas na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

i) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, os gastos das operacións comerciais en que incorra deberán estar abonados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade. Todo o anterior ao abeiro do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Este feito acreditarase:

– Se a persoa solicitante pode presentar conta de perdas e ganancias abreviada, debe constar na declaración que figura no anexo I da solicitude. Esta declaración aplicarase tamén para cada unha das persoas físicas se o solicitante é unha pluralidade de persoas.

– Se a persoa solicitante non pode presentar conta de perdas e ganancias abreviada, presentará certificación emitida por auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC).

O período de referencia para o cumprimento dos prazos de pagamento mencionados nesta epígrafe será desde o 20 de outubro de 2022 ata un mes antes da publicación desta orde.

O prazo que establece a mencionada Lei 3/2004, do 29 de decembro, tamén deberá cumprirse para os gastos subvencionables nesta orde de convocatoria.

2. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, o solicitante debe estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Coa solicitude xuntarase unha declaración responsable, por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos b) a i) deste artigo.

Ademais, na epígrafe de declaración do anexo I incluirase:

– Declaración responsable en que o solicitante confirme que as facturas achegadas na solicitude e que forman parte como anexo do informe do auditor se corresponden con produtos que se utilizan integramente no proceso da produción ou comercialización e non ao aumento do stock para consumos futuros ou para a súa comercialización ou venda a terceiros, así como que as cantidades xustificadas son coherentes co consumo medio efectivo realizado en anos anteriores. Así mesmo, declaración de que puxo á disposición do auditor as relacións detalladas de gastos obxecto de subvención, xunto coas facturas e xustificantes de pagamento correspondentes, coa antelación suficiente para que este puidese realizar o seu informe.

– No caso de que o solicitante posúa varios establecementos, declaración responsable en que indique as solicitudes de axuda que presentou ou ten previsto presentar para cada centro produtivo ou de comercialización e ante que órgano da Comunidade Autónoma que proceda.

4. Dado que se trata dunha compensación onde non hai que executar investimentos, a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda é inherente á presentación da solicitude, sempre que estea en condicións de ser persoa beneficiaria da axuda.

Artigo 5. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) A empresa debe dispor de centros produtivos ou de comercialización en Galicia. Só serán subvencionables os gastos relacionados coa actividade produtiva destes centros situados en Galicia.

b) Deberá figurar de alta na Axencia Estatal de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa comercialización ao por maior ou transformación de produtos procedentes da pesca, marisqueo ou acuicultura durante todo o período elixible, desde o 1 de marzo e ata o 31 de decembro de 2022.

Artigo 6. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias. Con todo, tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas por parte da Administración, nas cales se incluíra a súa operación, para o cal será informada da dita data.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención, que permita seguir a pista de auditoría.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

f) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da política pesqueira común (PPC) nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude nin estar incluídos os buques na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 7. Intensidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 100 % do gasto subvencionable, salvo no caso de empresas non pemes, que será de ata o 80 %.

O importe total da axuda que se poderá conceder non excederá os 300.000 € por empresa, con independencia do número de establecementos de que dispoña.

No caso de que a persoa solicitante posúa varios establecementos, deberá realizar unha declaración responsable, incluída no anexo I do formulario de solicitude, en que se indique a/as solicitude/s de axudas que presentou ou ten previsto presentar para cada centro produtivo ou de comercialización e ante que órgano da Comunidade Autónoma que proceda. O órgano xestor comprobará coas restantes comunidades autónomas que o importe máximo das axudas concedidas á empresa non superan os 300.000 €.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os custos de produción polo incremento de prezos das partidas seguintes:

a) Fariña, pan relado.

b) Cloro (emprego en depuradoras).

c) Gases refrixerantes e oxíxeno.

d) Envases e embalaxes de madeira.

e) Envases e embalaxes de cartón.

f) Envases e embalaxes de plástico.

g) Envases e embalaxes de vidro.

h) Envases e embalaxes de metal (latas).

i) Electricidade.

j) Gas natural e gas cidade.

k) Aceite de oliva virxe 0,8-2º.

l) Aceite de oliva refinado.

m) Aceite de xirasol refinado convencional.

2. Os gastos das operacións financiadas no punto anterior poderán serán subvencionables desde o 1 de marzo e ata o 31 de decembro de 2022, tendo en conta as táboas do punto 5 deste artigo.

3. Os custos elixibles para ser subvencionables estarán relacionados ao 100 % coa actividade propia da empresa no ámbito da transformación ou comercialización dos produtos do mar, e responderán ao consumo medio efectivo realizado en anos anteriores, e non ao aumento do stock para consumos futuros ou á súa comercialización ou venda a terceiros, para o cal o solicitante deberá asinar unha declaración responsable.

4. Na táboa que aparece a seguir recóllense as porcentaxes que se van aplicar mensualmente sobre as facturas sen IVE de cada partida de gasto:

Partidas subvencionables. Tipo fixo subvencionable (%)

1061 Fariñas, pan relado

2013 Cloro

2011

Oxíxeno y gases refrixerantes

1624 Madeira

Envases

Electricidade e gas

Aceites

1721 Papel e cartón

2222 Plástico

2313 Vidro

2592 Metálicos

04510 Electricidade

04521 Gas natural e gas cidade

Aceite de oliva virxe 0,8-2º (€/100 kg)

Aceite de oliva refinado (€/100 kg)

Aceite de xirasol refinado (€/100 kg)

Marzo

8,00

11,25

2,75

5,75

4,50

4,75

3,25

9,00 %

18,25

4,75

11,25

10,75

22,50

Abril

13,25

14,75

2,50

6,75

7,25

7,00

6,50

9,50

0,00

10,50

10,25

13,25

46,25

Maio

15,00

15,50

3,00

8,00

9,00

8,25

7,50

10,00

0,00

10,50

9,00

12,75

42,75

Xuño

16,75

15,25

2,50

9,50

9,75

9,25

11,50

10,50

0,00

10,75

8,75

12,50

37,00

Xullo

17,75

18,00

4,50

9,75

10,50

9,25

14,00

10,50

1,00

16,25

14,50

17,75

33,50

Agosto

18,50

16,75

5,75

11,25

10,75

10,00

14,50

10,25 %

14,50

16,50

17,00

19,50

30,25

Setembro

18,75

21,25

7,75

11,25

10,50

9,50

14,50

10,50

0,00

16,50

22,75

23,25

11,75

Outubro

18,75

25,75

4,25

11,75

10,75

9,25

16,25

10,25

0,00

9,00

30,25

28,00

7,75

Novembro

19,50

26,75

5,75

12,50

11,25

8,75

21,50

11,00

0,00

9,00

33,75

29,50

7,00

Decembro

20,25

24,00

6,25

12,75

11,25

8,50

21,25

10,75

0,00

9,00

40,00

30,00

1,25

5. Tamén serán subvencionables os seguintes gastos:

– O gasto correspondente á elaboración do informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) para a presentación da xustificación dos gastos segundo o indicado no artigo 9, punto 1.

– O gasto correspondente á elaboración do informe correspondente á acreditación do indicado no artigo 4, letra i), cando proceda.

– O gasto correspondente ao informe do indicado no artigo 13.2, punto VIII (tamaño da empresa: peme ou non peme).

Artigo 9. Cálculo da axuda máxima

1º. O importe da axuda máxima determinarase:

A suma das facturas sen IVE de cada partida de gasto indicada nas táboas anteriores, por mes, multiplicarase polo tipo fixo subvencionable indicado nas ditas táboas.

O importe total das facturas por cada partida e mes acreditarase cun informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), tendo en conta que:

– As facturas sobre as cales realice o informe deberán ser orixinais electrónicas ou copias autenticadas dos gastos.

– As facturas deberán estar pagadas, o que se demostrará achegando os xustificantes de pagamento correspondentes (xustificantes bancarios ou tíckets de compra).

Nas facturas identificarase:

– A partida de gasto subvencionable.

– Descrición do produto/servizo.

– Nome e NIF do provedor.

– Número de factura, data de emisión da factura ou, de ser o caso, de prestación do servizo/subministración, data de pagamento da factura, importe total da factura en moeda estranxeira (de ser o caso), importe total da factura en euros e importe elixible da factura en euros (de ser o caso).

– Nome e NIF de a quen vai dirixida a factura.

Para a determinación da elixibilidade do gasto, terase en conta a data do albará ou a data que apareza na factura como data de prestación do servizo/subministración. Será esta (e non a data de emisión da factura) a que deberá atoparse dentro do período subvencionable. Malia o anterior, no caso de que non se dispoña de albará ou a factura non recolla a data de prestación do servizo/subministración, entenderase por data de prestación do servizo/subministración a data de emisión da factura, que deberá atoparse dentro do período subvencionable. Nunca se terán en conta ambos os documentos para unha mesma partida e período.

O período de referencia para que o gasto sexa elixible é desde o 1 de marzo e ata o 31 de decembro de 2022.

O informe elaborarase exclusivamente sobre a información das facturas pagadas.

O informe asinado polo auditor deberá incluír o anexo normalizado que se establece para estes efectos nesta convocatoria (anexo IV de relación de partidas e gastos mensuais) e xuntar todas as facturas, xustificantes de pagamento e tíckets que foron empregados para realizar o informe.

No caso que a empresa posúa varios establecementos, o informe do auditor permitirá identificar os gastos correspondentes a cada unidade de produción ou comercialización, así como a localización desta.

2º. Ao importe resultante da aplicación do punto 1 deste artigo poderán engadirse os gastos relacionados no artigo 8, punto 5. Ademais, haberá que ter en conta o establecido nos parágrafos segundo e terceiro do artigo 7, cando proceda.

3º. O anexo IV será o que se empregue para o cálculo do indicado no punto 1 deste artigo.

Artigo 10. Incompatibilidade das axudas.

As axudas establecidas na presente orde serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para a mesma finalidade e período, procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II da presente orde.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axuda (anexo I) a seguinte documentación:

– Anexo II de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

– Anexo IV de relación de partidas e gasto mensuais. Cubrirase un anexo IV por cada centro de produción ou comercialización, de ser o caso.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

I. Se o solicitante é unha persoa física:

Non ten que presentar documentación complementaria, salvo que se opoña ou non autorice a consulta dos documentos indicados no anexo I.

II. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral actualizada en que figuren a constitución da sociedade e os estatutos sociais.

b) Poder suficiente do representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

III. Se o solicitante corresponde a unha pluralidade de persoas, poderán formular unha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado, e, na súa falta, as actuacións exerceranse co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Anexo III.1 de pluralidade de persoas físicas solicitantes ou anexo III.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens.

b) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo III.2).

c) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

d) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

IV. Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o solicitante poida presentar conta de perdas e ganancias abreviada ou non poida, respectivamente, declaración responsable do anexo I ou certificación emitida por auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) que acredite que:

En aplicación do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, os gastos das operacións comerciais foron aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que é de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

V. Informe dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) para a presentación da xustificación dos gastos, que deberá incluír o anexo IV, de relación de partidas e gastos mensuais.

VI. Informe de entidade habilitada para a súa emisión de que a empresa solicitante ten a consideración de peme ou non peme, en aplicación da Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, así como da súa Guía de aplicación.

VII. Facturas dos informes mencionados nos puntos IV, V e VI, xunto coas certificacións bancarias correspondente ao pagamento destas facturas (o certificado debe identificar a factura pagada e o importe). Só se admitirán pagamentos realizados por transferencia bancaria.

Se o gasto unitario das facturas supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

VIII. Documentación que demostre a titularidade dos establecementos produtivos ou de comercialización en Galicia, que se verificará coa nota simple do Rexistro da Propiedade das instalacións. No caso de que as instalacións estean alugadas á empresa solicitante ou en cesión de uso, xuntarase contrato de alugamento ou de cesión de uso elevado a escritura pública notarial.

IX. Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada solicitante, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de data posterior á da publicación desta orde.

X. Licenza de actividade dos establecementos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesada responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica, de ser o caso.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da comunidade de bens ou sociedade civil, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, segundo corresponda.

e) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda e Administración Publica, a través da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar.

j) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Así mesmo, informe sobre sancións graves dos solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMP, de conformidade co artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, emitido polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar.

l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais cando o solicitante sexa unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados obteranse a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza e conterán a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP.

n) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtido do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

o) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

p) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado do formulario correspondente (anexo I, anexo III.1 ou anexo III.2) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude serán efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica de Galicia.

Artigo 16. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

a) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4, punto 2, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado con anterioridade, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.

5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, en que se indicarán as causas que a motivan.

6. Para aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, o Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias emitirá un informe favorable e continuarán tramitándose de acordo co establecido no presente artigo.

b) Fase de avaliación de solicitudes.

1. Para a avaliación de idoneidade ao Programa operativo do FEMP atenderase:

– Á adecuación do proxecto á análise DAFO do Programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do Programa operativo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

2. Tendo en conta que se trata dunha axuda destinada a compensar economicamente os operadores do sector da pesca polos custos adicionais en que incorresen debido á perturbación do mercado causada pola guerra de Ucraína, a valoración do criterio xeral é alta, como así o indican os criterios de selección do Programa operativo do FEMP, polo que o órgano instrutor emitirá un «Informe de idoneidade» con esta catalogación.

3. Non se empregan criterios específicos de selección xa que as axudas se conceden en concorrencia non competitiva e, no caso de que non chegase o crédito orzamentario para atender todas as solicitudes, este ratearase entre as solicitudes que cumpran os requisitos, sen prexuízo dos límites indicados no artigo 7.

c) Fase de selección de solicitudes.

1. Os expedientes serán seleccionados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. Serán seleccionadas todas as solicitudes que cumpran os requisitos e acheguen toda a documentación.

3. Na listaxe de seleccionados figurará a proposta de selección de persoas beneficiarias por orde alfabética e a proposta do importe da subvención para cada un deles, segundo o establecido no artigo 9.

4. A presidencia da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 17. Comisión de Selección

1. A comisión seleccionadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.

b) Vogais: dous/dúas funcionarios/as adscritos/as á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo presidente e polo/a xefe/a do Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, que actuará como secretario/a.

2. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a asistencia da metade máis un dos membros para realizar a selección.

3. As sesións da Comisión poderán realizarse de forma presencial ou a distancia.

4. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira a documentación complementaria necesaria para a correcta selección da solicitude de que se trate.

5. A Comisión seleccionadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a técnicos expertos na materia.

6. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de resolución de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, e emitirá propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 18. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro meses, contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, a data límite para ditar resolución de concesión será o 31 de decembro de 2023. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, a persoa interesada terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento, por parte das persoas interesadas, da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 18 non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis meses, contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán interpor calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, comunicaránselle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 22. Pagamento

1. Tendo en conta que os beneficiarios non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda, polo que a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa se entenderá implícita e achegada na solicitude da subvención.

2. Segundo ao artigo 4, punto 1, letra i) desta orde, o prazo que establece a Lei 3/2004, do 29 de decembro, tamén deberá cumprirse para os gastos subvencionables nesta orde de convocatoria. Neste caso, o custo dos informes do auditor inscrito no ROAC e do informe da empresa habilitada para determinar o tamaño da empresa solicitante.

3. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica relativa ao correcto cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

4. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, cando caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

5. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 23. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes, desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se, como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da dita lei a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco desta convocatoria, poderá poñer os ditos feitos no coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 27. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto publicado no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns de fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu Regulamento de execución, e a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file