DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Martes, 5 de setembro de 2023 Páx. 51471

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación da acta da Comisión de Saúde Laboral do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se acordou o protocolo de prevención de agresións ao persoal de transporte sanitario.

Visto o texto da acta da Comisión de Saúde Laboral do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se acordou o protocolo de prevención de agresións ao persoal de transporte sanitario, que se subscribiu con data do 5 de maio de 2023 entre a representación empresarial de Fegam e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

resolve:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Acta da Comisión de Saúde Laboral do IV Convenio colectivo para as empresas
e traballadores de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia
na Comunidade Autónoma de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 11.00 horas do día 5 de maio de 2023, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas abaixo relacionadas nunha xuntanza da Comisión de Saúde Laboral do IV Convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Representación social:

– CIG:

Ernesto López Rei

– UGT Galicia:

Marcial Rodríguez Gil

– SN de CC.OO. de Galicia:

Daniel Vázquez Couto

José Daniel Rodríguez Besteiro

– Representación empresarial (Fegam):

Álvaro Alonso Fernández

Eduardo Quiroga Negreira

O motivo da reunión é a finalización na negociación do Protocolo de prevención de agresións ao persoal de transporte sanitario.

A parte sindical CIG quere facer constar na acta que, con ánimo de chegar a un acordo, aceptan que non vaia no protocolo a utilización de aerosois de defensa, aínda que saben que sería unha boa medida para a protección das persoas traballadoras.

A parte sindical CC.OO. quere facer constar na acta que sería importante, de cara ao futuro, nunha revisión do protocolo, realizar un articulado para limitar a posibilidade de levar acompañantes nas ambulancias, sempre respectando o grupo de persoas máis vulnerables (persoas menores de idade, dependentes, trastorno mental, …), ao que se adhiren tamén UGT e CIG.

Con respecto ao punto 3.1.c), a) e b), as partes acordan, nun prazo dun mes desde a sinatura do protocolo, realizar a consulta, unha vez consensuado o texto polas partes, á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias 061 e á Axencia de Protección de Datos.

As partes acordan delegar no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación deste acordo ante a autoridade laboral competente.

E non tendo máis asuntos que tratar, remata a reunión coa sinatura do protocolo polas partes, ás 12.30 do día sinalado no encabezamento, e para o efecto expídese esta acta, que asinan en proba de conformidade as persoas abaixo relacionadas en nome de todas e cada unha das representacións asistentes.

Ernesto López Rei (CIG)

Marcial Rodríguez Gil (UGT)

Daniel Vázquez Couto (CC.OO.)

José Daniel Rodríguez Besteiro (CC.OO.)

Álvaro Alonso Fernández (Fegam)

Eduardo Quiroga Negreira (Fegam)

Protocolo de agresións ante agresión

1. Xustificación.

O artigo 14.1 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais (en diante, LPRL) determina que todas as persoas traballadoras teñen o dereito a unha protección eficaz no seu posto de traballo.

Resulta unha realidade innegable e preocupante que, actualmente, o persoal sanitario está a padecer agresións de forma máis habitual e/ou frecuente durante o exercicio das súas funcións, e este feito debe entenderse, no marco da relación laboral, como un risco laboral, sen ningunha dúbida.

Se poñemos en relación o dereito do despregado polo artigo 14.1 da LPRL e a existencia, cada vez máis frecuente, dun risco de agresión, débese implementar, por imperativo do artigo 16 da LPRL, un protocolo de agresión naquelas empresas que non o teñan implantado ou revisalo para adaptalo ao aquí previsto. Considérase esta a medida preventiva máis importante e debe complementarse con medidas concretas que se desenvolverán no caso de que se materialice a agresión.

A Comisión Sectorial do Transporte Sanitario Galego, nas atribucións que o convenio colectivo lle outorga, elaborou este protocolo para que todas as empresas integradas no ámbito funcional do convenio colectivo de Galicia o desenvolvan e o adapten á súa realidade concreta.

2. Ámbito e definicións.

2.1. Ámbito de aplicación.

Este protocolo resultará de aplicación a todo o persoal de transporte sanitario en ambulancia en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicarase en todos os hospitais, centros sanitarios, enderezos dos pacientes e en calquera lugar en que se produza un incidente ou un accidente en que teñan que prestar servizos as persoas traballadoras das empresas de ambulancias en Galicia.

As empresas afectadas no seu ámbito deberán implementar as súas disposicións a través dos mecanismos legais establecidos e nos prazos que se determinaron de común acordo.

Terase especial consideración naquelas ambulancias/dotacións conformadas por unha única persoa traballadora, por encontrarse nunha situación de especial vulnerabilidade, tanto no momento da agresión como á hora de pedir auxilio.

2.2. Definicións.

Antes de desenvolver o protocolo, cómpre recoller as seguintes definicións:

– Protocolo: conxunto de actuacións destinadas a materializar unha resposta segura, que se estruturan no tempo e son de obrigado cumprimento para as partes.

– Medida preventiva: conxunto de técnicas que se implementan para eliminar ou controlar un risco laboral.

– Agresión: perturbación, no exercicio do traballo, da integridade, tanto física como psíquica, dunha persoa traballadora do transporte sanitario, tanto urxente como non urxente, derivada dun comportamento hostil ou ameazante, sexa verbal ou físico, do propio paciente ou do seu ámbito (incluídos os seus familiares ou acompañantes), ou sexa pola existencia dun ambiente adverso, que poida derivar en agresividade verbal ou física.

3. Estrutura.

Este protocolo divídese en tres momentos claramente diferenciados; os dous primeiros son de carácter preventivo e o terceiro reactivo, na medida en que pretende dar resposta no caso de que finalmente se chegue a producir a agresión:

– Prevención: lista de medidas preventivas adoptadas con anterioridade a darse unha situación conflitiva. Afectan a todo o persoal traballador e deben ser de obrigatorio cumprimento.

– Procedemento operativo: engloban as medidas que se tomarán no escenario en que é posible que se produza a agresión, tanto nos momentos previos á asistencia (alerta) como unha vez chegados ao lugar de atención.

– Medidas reactivas: serán todas aquelas que se tomarán unha vez que a agresión teña lugar, tanto no escenario da agresión como con posterioridade.

3.1. Prevención.

Todas as persoas traballadoras teñen que contar coa información e formación necesarias e obrigatorias, en termos preventivos, a que fan referencia os artigos 18 e 19 da LPRL.

As medidas correctoras a que fai referencia o anterior parágrafo son as seguintes:

3.1.a) Información:

As empresas, logo dun proceso de recompilación, deben elaborar, no seo dos seus comités de saúde laboral (ou directamente cos delegados de prevención naquelas empresas con menos de 50 persoas traballadoras) e a partir da existencia previa de episodios violentos con agresións de calquera tipo, unha listaxe en que se indiquen todos os datos relevantes para que sirva como instrumento preventivo de contornos e pacientes que poderían orixinar a situación de risco (lugares, espazos ou establecementos; pacientes con incidentes previos, perfís potencialmente xeradores de situacións de risco, datas e horarios con conflitos previos ou previsibles, etc.).

Cada empresa concesionaria debe ter en conta as posibles diferenciacións entre os servizos de traslados hospitalarios, transporte non urxente e urxente, así como atender as peculiaridades segundo se trate de zonas urbanas, semiurbanas ou rurais.

Arbitrarase o sistema para que cada unha das empresas lle comunique ao cliente periodicamente estas situacións para que sexan tidas en conta nos servizos que este solicite. Igualmente, arbitrarase no nivel de empresa o acceso das persoas traballadoras aos ditos datos como instrumento de prevención.

3.1.b) Formación:

Todas as persoas traballadoras deben contar con formación específica para saber xestionar situacións potencialmente conflitivas. Esta formación terá carácter obrigatorio e os seus contidos serán examinados, debatidos e consensuados no seo do CSS ou cos delegados de prevención en cada unha das empresas.

Esta formación desenvolverase conforme tres obxectivos principais:

– Recoñecemento das situacións e interpretación de perfís que axuden a xestionar as situacións de conflito, co claro obxectivo de que estas non se produzan.

– Coñecemento de técnicas disuasorias orientadas a rebaixar a tensión e a evitar a situación de conflito que pode derivar en agresión.

– Técnicas de defensa persoal, orientadas, en todo caso, a poder minimizar os efectos das agresións.

3.1.c) Outras medidas:

Para garantir a comunicación e a posible solicitude de axuda, ademais de telefonía móbil, cada membro da dotación do servizo urxente deberá contar cun dispositivo persoal portátil de comunicación por radiofrecuencia (tetra) co seu correspondente accesorio para poder ser empregado sen ter que usar ambas as dúas mans. Este compromiso deberá ser cumprido polas empresas tras a próxima adxudicación do concurso público do servizo urxente.

No caso do TSNU, cada unha das empresas xestoras deste tipo de servizos arbitrará unha liña telefónica de aviso especial no centro coordinador, para que, se un técnico se encontra nunha situación de violencia, directamente marque ese número e a persoa responsable no centro coordinador saiba que hai un problema e llelo notifique ás forzas e corpos de seguridade do Estado.

Colocaranse infografías ou cartelaría no interior dos vehículos, de forma visible para pacientes e usuarios, en que se indique que se trata dun lugar libre de violencia e se informe das posibles consecuencias penais que podería ocasionar a agresión ao persoal técnico en emerxencias sanitarias no desenvolvemento do seu labor profesional. Para incrementar as medidas preventivas, as partes asinantes deste protocolo comprométense a manter conversas coas administracións públicas co fin de aumentar aquelas, sen vulnerar dereitos dos pacientes, nas seguintes materias:

a) O funcionamento de cámaras de gravación de imaxes nos servizos onde existan, no nivel de empresa ou por comunicación da Administración sanitaria, riscos probables de agresión.

b) A identificación do persoal do transporte sanitario con claves alfanuméricas, que deban ser facilitadas á Administración ou a outra entidade que contrata o servizo, se así for requirido.

c) A inscrición do persoal sanitario ao servizo das empresas no Rexistro de Profesionais Sanitarios (Reps) para poder obter a app de protección exclusiva para profesionais sanitarios (Alerta Cops).

3.2. Procedemento operativo.

Componse de todas aquelas medidas que se tomarán no escenario no cal é posible que se produza a agresión, tanto no momento anterior como na propia execución ou realización do servizo.

O persoal traballador estará formado para identificar se é seguro e eficaz intervir.

En todas as situacións de intervención deberá establecerse un escenario seguro para prestar a asistencia sanitaria. A primeira parte do proceso de atención ao paciente será a valoración inicial da escena, determinando a posible existencia de ameazas para a seguridade do equipo de emerxencias ou para a seguridade dos pacientes e acompañantes. Seguindo as regras establecidas nos parágrafos seguintes, corresponderá, en todo caso, aos/ás técnicos/as de emerxencias sanitarias intervenientes a adopción da decisión sobre a valoración inicial da escena. Realizada de boa fe, o/a técnico/a non poderá ser sancionado/a por unha valoración errónea dos posibles riscos, atendendo a que o obxectivo perseguido é previr un perigo para a integridade física e/ou moral do equipo de asistencia.

Neste punto débese proporcionar formación específica obrigatoria.

Cando, no momento de activación por parte de CCUSG-061, o punto desde onde se solicita a asistencia poida ser identificado como de risco por experiencias previas, o/a técnico/a deberá:

• Comunicar canto antes a situación á empresa e ao CCUSG-061.

a) Este centro deberá solicitar a mobilización dos corpos e forzas de seguridade do Estado coa finalidade de reducir o risco na medida do posible.

Operarase de igual forma cando o punto fose identificado previamente por parte da empresa nos documentos a que se fixo referencia no parágrafo anterior.

Se o lugar de intervención non fose identificado previamente como de risco, se o/a técnico/a sospeita da existencia deste, antes de intervir deberá:

• Comunicar canto antes a situación á empresa e ao CCUSG-061.

b) Solicitar ao 112 a mobilización dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Para evitar que a comunicación desta incidencia poida agravar o posible risco existente na intervención, na transmisión de información, nestes casos, realizarase a identificación na comunicación con «Código Charlie».

O uso desta posibilidade estará limitado, exclusivamente, nos casos en que o/a técnico/a perciba a existencia dun risco inminente de agresión. O/a técnico/a facilitará información posterior en canto lle sexa posible.

Se, malia os esforzos do/da técnico/a, non for posible unha evacuación rápida e segurado/da enfermo/a ou accidentado/a, retirarase a un punto próximo e avisaranse a empresa e o CCSG-061. Unha vez que as forzas e corpos de seguridade do Estado interveñan, agardaranse as súas indicacións para intervir.

3.3. Medidas reactivas.

Malia a implantación das medidas anteriormente recollidas, debido á especial natureza do labor que desenvolve o persoal traballador do sector das ambulancias, e a pesar de que seguro que se verán reducidas as probabilidades e a gravidade das súas consecuencias, enténdese que a eliminación absoluta destes eventos resulta imposible. Por este motivo, esta última parte do procedemento desenvolve os pasos que cómpre seguir no caso de que o persoal traballador finalmente sexa agredido.

– As persoas afectadas alertarán as forzas de orde pública mediante os sistemas de comunicación por radiofrecuencia (tetra), telefonía móbil ou elemento emisor con «botón de pánico», a través do seu centro coordinador/CCUS-061 ou indicando a situación de forma directa.

– Informarase canto antes do sucedido o centro coordinador/CCUS-061 e a empresa.

– De acordo co previsto no artigo 36.2.c) da LPRL, serán informados con carácter inmediato os delegados de prevención da empresa do persoal agredido, para que poidan exercer as súas funcións en relación coa agresión sufrida.

– As persoas traballadoras agredidas (directa ou indirectamente) serán substituídas do servizo, se así se considera necesario en cada caso.

– No caso de que o persoal traballador precise asistencia sanitaria, será atendido e trasladado á mutua ou ao centro público por outra unidade diferente á que sufriu a agresión, se non for posible realizalo coa propia unidade ou polo propio persoal técnico. Solicitarase informe médico ou parte de lesións (se corresponde) onde se detalle o estado das lesións producidas.

– Derivarase a persoa traballadora á mutua para que se lle preste o apoio psicolóxico, sempre tras cada agresión.

– Se a persoa agredida decide interpoñer denuncia ante os corpos e forzas de seguridade do Estado, a empresa concesionaria facilitará o acceso aos servizos xurídicos da empresa para asesorar a persoa traballadora na presentación daquela e poñerá asistencia xurídica presencial á súa disposición para cantas actuacións posteriores deriven da interposición da denuncia.

– A empresa concesionaria comparecerá sempre como acusación na causa penal e solicitará en todos os casos a consideración de «delito de atentado» nas agresións que se produzan ao persoal de ambulancias, con independencia da súa categoría profesional, sempre que, de acordo coa lexislación penal e atendendo á gravidade, sexa posible.

3.4. Seguimento e avaliación.

Este documento será revisado semestralmente tras a súa aprobación, en reunión da Comisión Sectorial de Seguridade e Saúde Laboral (ordinaria ou extraordinaria) para o seguimento das medidas acordadas, o seu cumprimento e a súa eficacia.

Crearase, no nivel de empresa, un rexistro específico de agresións ao persoal técnico en emerxencias sanitarias, onde se consignarán datos ao respecto de vítimas, agresores e o contexto das agresións.

As partes asinantes deste protocolo acordan xestionar conxuntamente fronte ás administracións públicas e á Axencia Española de Protección de Datos a posible transferencia de datos entre empresas, tendo en conta que a existencia de subrogación e cambios de contratas podería dar lugar a unha diminución da protección en caso de agresións por diminuír a información dispoñible sobre riscos xa detectados e potencialmente perdurables.

As empresas de ambulancias e as organizacións sindicais asinantes farán condena pública de todas as agresións producidas, co obxectivo de visibilizar a situación e como mostra de apoio ao persoal traballador.

As empresas terán un prazo de noventa (90) días para incorporar o protocolo de actuación ante agresións.