DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 8 de setembro de 2023 Páx. 51953

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 16 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D).

A Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe en exclusiva á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (transitoriamente en vigor de conformidade co establecido na disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia), establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da Consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento e a modernización do comercio, e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

O sector comercial, entendido como un sector moderno, intelixente e en plena adaptación ao contexto tecnolóxico, debe estar aliñado coa estratexia europea ambiental. Neste sentido, a ecoinnovación é unha das actuacións fundamentais para mellorar a protección ambiental e a eficiencia de recursos na economía a través do desenvolvemento de novos conceptos, do emprego de materiais con menor impacto, da eliminación de materiais plásticos e envases e da redución do consumo de recursos naturais, repercutindo, polo tanto, na competitividade de todos os sectores.

A Xunta de Galicia, en particular a Consellería de Economía, Industria e Innovación, participa como promotora de proxectos e iniciativas neste eido para a defensa e sustentabilidade do ambiente, procurando a través desta orde de axudas aproximar tecnoloxía ambiental e mercado e concienciar tanto as persoas comerciantes como as consumidoras.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Industria e Innovación para a execución de proxectos do programa de comercio circular (código de procedemento CO300D).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2023.

2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 1.500.000,00 €, que será imputado da seguinte forma:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Destinarase un crédito total de 1.015.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.770.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

b) Asociacións de comerciantes:

Destinarase un crédito total de 485.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria, e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se vai ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, teranse en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación sexa anterior, segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral, e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención. Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio sustentable nas cidades e vilas galegas a través de fórmulas ecoinnovadoras que fomenten o consumo responsable e a economía circular.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300D, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 55 54, 881 99 55 29, 981 54 55 99 e 981 54 55 48 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

De acordo co establecido no artigo 14.1, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requerida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300D)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a execución de actuacións de comercio sustentable e circular.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L 352/1).

De conformidade coa dita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 200.000,00 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Una empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto das súas accionistas.

As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas alíneas a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 destas bases reguladoras.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 1.500.000,00 €, que será imputado da seguinte forma:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Destinarase un crédito total de 1.015.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.770.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

b) Asociacións de comerciantes:

Destinarase un crédito total de 485.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

3. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería e entes dependentes para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1.1. Comerciantes retallistas:

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que teñan a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño), incluídas as persoas en situación de autoemprego.

Para a consideración de pequena e mediana empresa, observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE nº L 124/36, do 20 de maio de 2003), e para estes efectos establecerase que:

Categoría de empresa

Persoal: unidades de traballo anual

Volume de negocio anual (€)

Balance xeral anual (€)

Micro

< 10

≤ 2 millóns

≤ 2 millóns

Pequena

< 50

≤ 10 millóns

≤ 10 millóns

Mediana

< 250

≤ 50 millóns

≤ 43 millóns

c) Que estean dadas de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que esta constitúa a actividade principal.

No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal.

1.2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

1.3. Asociacións de comerciantes:

Que teñan a condición de centro comercial aberto ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300A) (DOG núm. 28, do 9.2.2023).

En todo caso, as asociacións de comerciantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola Xunta Directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1). Tampouco poderán ser beneficiarias as persoas que fosen obxecto dun expediente de reintegro total das axudas concedidas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio, nos últimos dous anos.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Considerarase subvencionable a adquisición de solucións sustentables de envasado e empaquetado realizadas con materiais cen por cento naturalmente biodegradables ou ecolóxicos.

Poderase acreditar a sustentabilidade dos materiais utilizados mediante certificación, norma ISO ou equivalente que garanta que os produtos foron elaborados con prácticas sustentables e responsables.

En concreto, consideraranse subvencionables:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

– Caixas e sobres de cartón ou papel reciclado.

– Recheos, proteccións acolchadas e escumas para a embalaxe.

– Cordas ou cintas de rafia, algodón ou outros materiais naturais.

– Film de material biodegradable.

– Etiquetas.

– Pegamento e cinta adhesiva.

– Bolsas comerciais de fibras naturais ou material reciclado.

b) Asociacións de comerciantes:

– Bolsas comerciais de fibras naturais ou material reciclado.

2. Non se considerarán gastos subvencionables:

a) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, de conformidade co disposto no artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a persoa solicitante está suxeita ao réxime especial de recargo de equivalencia, o imposto sobre o valor engadido será subvencionable ao non ser susceptible de recuperación nin compensación. Para ese efecto, a persoa solicitante deberá indicalo na epígrafe correspondente do modelo de solicitude (anexo III) e acreditar tal circunstancia coa documentación correspondente; en caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable.

b) As bolsas comerciais e demais elementos de plástico.

c) As actuacións desenvolvidas en establecementos de hostalaría.

d) As actuacións que inclúan publicidade, imaxes ou calquera outro contido sexista ou discriminatorio, ou que non respecten a normativa vixente sobre o uso correcto do idioma.

Artigo 5. Investimentos máximos subvencionables

1. Establécense os seguintes investimentos máximos subvencionables:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Persoas beneficiarias

Investimento máximo subvencionable

Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras

3.000,00 €

Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras

4.500,00 €

Persoas autónomas e pemes de 51 a 250 persoas traballadoras

6.000,00 €

b) Asociacións de comerciantes:

Número de comercios asociados

Investimento máximo subvencionable

50-69

7.700,00 €

70-99

10.000,00 €

>=100

13.300,00 €

2. Investimento mínimo subvencionable:

O investimento mínimo que cómpre realizar para que o proxecto se considere subvencionable ascende a 1.000,00 €.

3. Intensidade da axuda:

Establécense as seguintes porcentaxes da subvención sobre os investimentos máximos subvencionables establecidos neste artigo:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Persoas beneficiarias

Porcentaxe da subvención

Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras

80 %

Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras

75 %

Persoas autónomas e pemes de 51 a 250 persoas traballadoras

70 %

b) Asociacións de comerciantes: 90 %.

4. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo III, a seguinte documentación:

1.1. Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación destes, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante, no cal figure o número de persoas traballadoras con posterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou acreditación de non estar inscrita como empresario/a, se é o caso.

d) Declaración responsable para acreditar que a actividade comercial subvencionable é a principal, no suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras non subvencionables.

1.2. Asociacións de comerciantes:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se é o caso.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da Xunta Directiva da entidade asociativa.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa.

e) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2022.

f) Contas anuais aprobadas pola Xunta Directiva da entidade asociativa nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

g) Certificado expedido pola persoa que exerce a secretaría ou a representación da entidade solicitante, que acredite o número total de membros asociados e do número de comercios retallistas asociados. Estes datos deberán coincidir, no momento da emisión do certificado, cos datos existentes na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

h) Formalización do anexo VI relativo á unidade xerencial, xunto coa documentación que se sinala nel:

– Copia do contrato ou contratos do xerente.

– Copia do curriculum da persoa xerente.

i) Declaración de non vinculación da persoa xerente nos termos establecidos no artigo 18 destas bases reguladoras.

1.3. Documentación común para todas as persoas interesadas:

a) Memoria, que deberá incluír unha descrición detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.

b) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención.

Nas facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberá indicarse a composición da solución para a cal se solicita a axuda, onde figure explicitamente o seu carácter biodegradable ou ecolóxico.

Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo, ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou apariencia non habitual, entre outros).

c) No caso das agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo IV) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Pagamento anticipado

1. As persoas beneficiarias poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que supoñerá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

5. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

7. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude de anticipo –anexo VIII– a declaración doutras axudas –anexo V– debidamente asinadas, e, no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 €, deberán achegar, ademais, o xustificante orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou estean declaradas en concurso, salvo que este adquirise a eficacia nun convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria, na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

f) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas.

g) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Certificación de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderaselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e correspóndelle á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as persoas solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederalles a subvención en actos sucesivos, ata o esgotamento do crédito, a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que será elevada á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada individualmente ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións se notificarán de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nas notificacións comunicaranse o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L 352/1).

5. As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, cumpríndose, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas da persoa beneficiaria:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

5º. Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, coa lenda «proxecto cofinanciado pola Xunta de Galicia», empregando os soportes máis adecuados á natureza dos investimentos, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dos obradoiros artesáns, deberanse cumprir as obrigas establecidas na Orde do 26 de outubro de 2018 pola que se regula a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007 e no 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionada á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 15 de novembro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data límite de xustificación.

Nas facturas deberá indicarse a composición da solución para a cal se solicita a axuda, onde figure explicitamente o seu carácter biodegradable ou ecolóxico.

Xuntarase relación nominativa dos investimentos segundo o anexo VII en que se fagan constar a actuación, o número de factura, a data de expedición, a data de pagamento, o expedidor e o importe do investimento.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copia.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Anexo V, declaración doutras axudas, debidamente asinado.

d) Memoria detallada de todas e cada unha das actuacións realizadas. Identificación de facturas, provedores e pagamentos realizados para cada unha delas.

e) Material fotográfico que acredite a realización das actuacións obxecto da subvención, así como do cumprimento da obriga específica de publicidade do financiamento, establecida no artigo 17 destas bases reguladoras.

f) No caso de que as persoas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen copia auténtica.

2. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 20. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Economía, Industria e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de efectuar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 22. Control

A Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

Ademais do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e despoxos; de produtos derivados cárnicos elaborados de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura, e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados, tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos non comprendidos no anexo II nin produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file