DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2023 Páx. 55695

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se convoca, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR701D).

O 29 de decembro de 2022 publicouse no DOG núm. 247 a Resolución do 26 de decembro de 2022, pola que se convocaron, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR701D).

A resolución citada no parágrafo anterior tivo como obxecto convocar, mediante tramitación anticipada de gasto, en relación coa medida 19 (Leader) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), con cargo ás anualidades 2023 e 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións que corresponden coa submedida 19.2 do PDR (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local).

Esta convocatoria está sometida ás bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedida 19.2), cofinanciadas con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, que aprobou o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, mediante o Acordo do 13 de decembro de 2019, e se publicaron mediante a Resolución do director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 13 de decembro de 2019 (DOG núm. 246, do 27 de decembro). Mediante Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 10 de marzo de 2021, modificáronse as citadas bases reguladoras (DOG núm. 53, do 18 de marzo).

Para os proxectos que se encadren na tipoloxía de formación, coa finalidade de incrementar a empregabilidade da poboación rural e que estean promovidos directamente polos GDR no ámbito da submedida 19.2 do PDR, non participan na concorrencia competitiva por non estar sometidos a criterios de selección e puntuación.

O financiamento que se preveu para esta convocatoria no ano 2023 foi de 3.056.886,80 € con cargo ás aplicacións orzamentarias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 14.A1.712A.7600, 14.A1.712A.7700, 14.A1.712A.7810 (aplicación orzamentaria 14.05.712A.732.09 da Consellería do Medio Rural, proxecto 2016-00221 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural).

Para atender os compromisos derivados desta convocatoria con cargo á anualidade 2024, prevese un importe de 12.227.547,20 €, que se imputarán con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia da citada anualidade 2024.

Segundo o establecido no artigo 16 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria de axudas, concorreron a esta as solicitudes de axuda presentadas ata o 31 de xaneiro de 2023.

Por outra parte, a data límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados ao abeiro desta convocatoria de axudas estableceuse, no artigo 12.1 da citada convocatoria, o cal fixou o 15 de outubro de cada ano no que estean distribuídas as axudas concedidas.

A pesar de terse fixadas na convocatoria as datas sinaladas no parágrafo anterior para a execución e xustificación dos investimentos, cómpre ter en conta que concorreron diversos factores que imposibilitaron a concesión das axudas dentro dunha marxe de tempo razoable para permitir ás persoas beneficiarias a execución dos investimentos correspondentes á xustificación dos importes de axuda concedidos para a primeira anualidade (2023). Á marxe de sinalar que nesta convocatoria concorren proxectos non produtivos públicos e privados; así como proxectos produtivos de 24 entidades colaboradoras distintas, con cadansúa convocatoria e orzamentos separados, hai que engadir o atraso na instrución dos expedientes de axuda que supuxo a utilización por primeira vez nesta medida dunha aplicación informática específica que se puxo en práctica, de xeito obrigatorio, para as persoas solicitantes, para as entidades colaboradoras e para o persoal da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Diversos problemas técnicos derivados do primeiro ano de funcionamento desta aplicación, así como da complexidade intrínseca da medida Leader, impediron unha resolución das concesións de axuda de xeito mais áxil.

Por tanto, esta resolución pretende ampliar o prazo para executar e xustificar os investimentos vinculados á primeira anualidade (2023), ata o 30 de novembro de 2023, tendo en conta:

– Que non se prexudica a dereitos de terceiras persoas.

– Que esta resolución non é restritiva nin de dereitos individuais nin colectivos, polo que a súa aplicación, de xeito retroactivo ás resolucións de concesión de axuda que xa fosen emitidas e notificadas aos interesados antes da data da publicación da presente resolución, non presenta inconveniente.

– Que na data de hoxe aínda non finalizou o prazo de execución e xustificación de ningún dos proxectos que concorren a esta convocatoria e que esta ampliación de prazos non excede, en ningún caso, a metade do prazo inicial de execución de xustificación establecido inicialmente.

Tendo en conta que se cumpren as condicións sinaladas no artigo 32 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo das administracións públicas,

En consecuencia,

RESOLVO:

Modificar o artigo 12.1 da Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se convocaron, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR701D), que quedará redactado como a seguir se indica:

«1. A data límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será a que estableza cada unha das resolucións de concesión de axuda no marco do calendario xeral previsto no artigo 34 das bases reguladoras, así como nas resolucións de modificación do citado calendario de xestión, que en amparo do punto 2 do citado artigo dite a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

No caso de concesión de subvencións de carácter plurianual, as resolucións de concesión de axuda establecerán a data límite para executar os investimentos imputables a cada un dos exercicios nos que se distribúa a axuda. Polo tanto, a persoa beneficiaria da axuda, deberá adecuar o ritmo de execución da acción subvencionada ao calendario de execución acordado na resolución de concesión, podendo imputar, non obstante, os gastos nos que incorra no último trimestre de cada exercicio á conta xustificativa correspondente ao exercicio seguinte.

En liña co disposto na letra d) do citado artigo 34.1 das bases reguladoras, a data final de execución e xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2023 será o 30 de novembro de 2023. Para os gastos correspondentes á anualidade 2024, a data límite da súa execución e xustificación será o 15 de outubro de 2024».

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Eficacia desta resolución

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural