DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2023 Páx. 55881

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 20 de xuño de 2023 pola que se aproba o Plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa para nécora e camarón 2023-2025.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 20 de xuño de 2023, a Consellería do Mar autorizou o Plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa para nécora e camarón 2023-2025.

O 1 de setembro de 2023 recíbese un escrito da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra. Nel maniféstase que o 12 de maio de 2023 tivo lugar unha reunión sectorial de artes menores na sede social da devandita federación onde se recompilaron e consensuaron unha serie de propostas, as cales debateu a Comisión de Seguimento do presente plan con data do 7 de xuño de 2023.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Modificar os números 5 e 9 da Resolución do 20 de xuño de 2023 pola que se aproba o Plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa para nécora e camarón 2023-2025, que quedan redactados como a seguir se indica:

«5. Horario.

O lance da nasa para nécora e camarón será nocturno. A actividade poderá desenvolverse nas seguintes modalidades:

Modalidade A). Desde dúas horas antes do ocaso do domingo ata dúas horas despois do orto do venres. Non obstante, durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2023, e ata o 5 de xaneiro de 2024, a actividade poderá realizarse desde catro horas antes do ocaso do domingo ata tres horas despois do orto do venres.

Modalidade B). Desde dúas horas antes do ocaso do luns ata dúas horas despois do orto do sábado. Non obstante, durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2023, e ata o 5 de xaneiro de 2024, a actividade poderá desenvolverse desde catro horas antes do ocaso do luns ata tres horas despois do orto do sábado.

Modalidade C). Non obstante o anterior, nas rías de Arousa e Vigo, por dentro do anexo V, o calamento poderá ser diúrno desde dúas horas antes do orto do luns ata dúas horas despois do ocaso do venres. As embarcacións despachadas nesta modalidade C non poderán capturar polbo, de conformidade co establecido no artigo 128, punto 2, do devandito Decreto 15/2011.

Modalidade D). Na ría de Pontevedra, por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, o calamento das nasas poderá ser diúrno desde dúas horas antes do orto do luns ata dúas horas despois do ocaso do venres. As embarcacións despachadas nesta modalidade D non poderán capturar polbo, de conformidade con establecido no artigo 128, punto 2, do devandito Decreto 15/2011.

Os horarios nocturno e diúrno serán excluíntes entre si.

Logo do inicio da veda da nécora, acórdase establecer como modalidades de horario de actividade para a captura de camarón coa nasa para nécora e camarón as seguintes:

1. Desde o 7 de xaneiro ata o 30 de marzo de 2024 (inclusive):

– Desde tres horas antes do ocaso do domingo ata tres horas despois do orto do venres.

– Desde tres horas antes do ocaso do luns ata tres horas despois de orto do sábado.

2. Desde o 31 de marzo ata o 29 de xuño de 2024 (inclusive):

– Desde dúas horas antes do ocaso do domingo ata dúas horas despois do orto do venres.

– Desde dúas horas antes do ocaso do luns ata dúas horas despois de orto do sábado.

As nasas para nécora e camarón deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente, unha vez cumprido o horario de traballo».

«9. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos.

Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación:

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón nocturno 2023-2025, modalidade A»].

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón 2023-2025 nocturno, modalidade B»].

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón 2023-2025 diúrno, modalidade C (Ría de Vigo e Ría de Arousa)»].

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón 2023-2025 diúrno, modalidade D (Ría de Pontevedra)»].

As embarcacións que soliciten un cambio temporal de modalidade poderán despachar nas modalidades A ou B, e realizarase de oficio o despacho correspondente.

Unha vez realizado o despacho para a nasa de nécora e camarón nunha destas modalidades, non se poderá despachar en ningunha das outras modalidades para esta arte, polo menos na mesma semana.

Por outra banda, advírtese que, ao rematar a vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente de rexistro de actividade».

Autorizarase a realización de traballos de labores de preparación, consistentes no traslado a bordo das embarcacións das nasas desde o lugar de almacenamento, os tres días naturais anteriores ao inicio da campaña e os tres días naturais posteriores ao peche desta. En ningún caso poderán abandonar o porto unha vez depositadas as nasas nas embarcacións.

b) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan».

A presente resolución non modifica o resto das condicións establecidas no plan.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Antonio Basanta Fernández
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica