De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta entidade
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións están publicadas na Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba a modificación da súa estrutura organizativa, publicado no DOG nº 235, do 13 de decembro.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal laboral e funcionario de carreira da Xunta de Galicia e o persoal laboral fixo do Instituto Galego de Promoción Económica que reúna os requisitos sinalados no anexo I.
Terceiro. As solicitudes dirixiranse ao Instituto Galego de Promoción Económica e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince (15) días, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir á petición un curriculum vitae xustificando documentalmente os méritos que aleguen.
Quinto. A resolución desta convocatoria farase pública no DOG e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.
Sexto. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia; de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia, ou de vinte días hábiles, se comporta o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.
O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución no DOG.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.
Sétimo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
ANEXO I
Denominación do posto: subdirector/a de Recursos Humanos e Xestión Administrativa.
Código: IN.IGAPE.00.001.4050118.
Consellería: Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Dependencia: Instituto Galego de Promoción Económica. Xerencia.
Localidade: Santiago de Compostela.
Forma de provisión: libre designación.
Grupo/subgrupo: A1/I-04.
Retribución anual: 57.448,36 €.
Tipo de adscrición: persoal funcionario e persoal laboral da Xunta de Galicia/persoal laboral fixo do Igape.