DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 18 de outubro de 2023 Páx. 57548

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 10 de outubro de 2023 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 11 de maio de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento ED301K).

A Orde do 11 de maio de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia número 103, do 1 de xuño, establece as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para a dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento ED301K).

No marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia inclúese o compoñente 19, Plan nacional de competencias dixitais (digital skills), na política panca VII, referida á educación e ao coñecemento, á formación continua e ao desenvolvemento de capacidades.

O principal obxectivo deste compoñente do Plan de recuperación, transformación e resiliencia español é aumentar o nivel de competencias dixitais (básicas e avanzadas) mediante accións dirixidas a diversos grupos de poboación.

O artigo 6 das bases reguladoras dispón que:

1. As subvencións obxecto desta convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.421A.782.0, código de proxecto 2022 00072, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por importe total de 2.040.290,68 €, financiados pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094, do Consello, do 14 de decembro, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para o apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

2. Os anteditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de educación dixital, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A dotación da presente convocatoria resulta insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas. Dada a existencia dun remanente de crédito de fondos para o financiamento dos programas de educación dixital, e co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, cómpre incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, de conformidade co artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de conformidade co antedito artigo 30.2, debe publicarse a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Polo exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista na Orde do 11 de maio de 2023, que establece as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento ED301K).

O incremento da dotación orzamentaria será con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.421A.782.0, código do proxecto 2022 00072, por un importe de 143.325,07 €, financiados pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094, do Consello, do 14 de decembro, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para o apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Unha vez efectuado este incremento, o importe total da antedita orde de axudas ascende a 2.183.615,75 €.

2. Publicar no Diario Oficial de Galicia esta ampliación de crédito sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades