DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58228

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 16 de outubro de 2023 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido na Orde do 11 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento ED301K).

Mediante a Orde do 11 de maio de 2023 (DOG núm. 103, do 1 de xuño), a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

O artigo 27 da devandita orde establece que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 1 de novembro de 2023. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Por outra parte, o artigo 7 da devandita orde establece que se consideran gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro ata o 1 de novembro do ano da convocatoria e fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

O prazo de presentación de solicitudes foi dun mes contado desde a data de publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, rematou o día 3 de xullo de 2023, xa que os días 1 e 2 de xullo de 2023 foron inhábiles.

Por outra parte, a resolución de concesión das subvencións foi ditada o día 20.9.2023, motivo que deixa moi reducido o prazo para a execución e xustificación dos gastos subvencionables, resultando necesaria a ampliación dos citados prazos para garantir a súa axeitada execución.

O artigo 45 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Remítese ao disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas en canto ás condicións e ao procedemento para a concesión da ampliación.

En todo caso o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Por outra banda, con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, regula a ampliación de prazos e dispón que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non excedan a súa metade, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo para a execución e presentación da documentación xustificativa

Amplíase o prazo establecido no artigo 27 da Orde do 11 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, e establécese como data límite para a execución do proxecto e presentación da documentación xustificativa o 30 de novembro de 2023.

Así mesmo, amplíase o prazo de realización dos gastos subvencionables, establecido no artigo 7, ata o 30 de novembro de 2023.

De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, contra o presente acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022, DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades