DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59381

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello do Carballiño (expediente IN407A 2023/097-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre a autorización administrativa previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: instalación de interruptor TC da LMTA ALB803 no apoio núm. D88-13.

Situación: lugar As Caldas, no concello do Carballiño.

Orzamento: 24.948,26 €.

Características principais do proxecto que foi asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, o 3 de abril de 2023:

• Substitución dos apoios existentes da LMTA ALB803 núm. D88-13 e núm. D88-14, do tipo VH, por novos apoios proxectados de celosía metálica, do tipo C-18/2000, instalando un interruptor telecontrolado (ITC) no apoio número D88-13. Substitución do condutor existente, do tipo LA-30, na LMTA ALB803, entre os apoios proxectados núm. D88-13 e núm. D88-14, instalando 112 m de novo condutor proxectado do tipo LA-56.

• LMT soterrada, a 20 kV, de 22 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×95 mm2 Al, con orixe no paso A/S no apoio proxectado número D88-13 e final nos empalmes proxectados no punto de acceso á rede existente LMTS ALB803.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 19 de maio de 2023, que foi inserido no Diario Oficial de Galicia do 14 de xuño de 2023 e no xornal La Región de Ourense do 13 de xuño de 2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no Portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder a autorización administrativa previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública da dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 5 de outubro de 2023

A xefa territorial de Ourense
P.S.L. (Decreto 116/2022, artigo 41.3)
José Luis Prada Suárez
Xefe do Servizo de Industria