DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2023 Páx. 60310

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2023 pola que se convoca unha bolsa destinada para a formación en prácticas en materia de comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución neste organismo.

A valedora do pobo convoca unha bolsa destinada á formación en prácticas en materia de comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución, e anunciar a dita convocatoria.

Así, en virtude das atribucións que me confire a Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, e o artigo 22.4 do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo,

RESOLVO:

Convocar unha bolsa para a formación en prácticas en materia de comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución das diversas publicacións en web e noutros medios do Valedor do Pobo, de acordo coas seguintes

Bases

Primeira. Obxecto

A bolsa terá por obxecto a formación en prácticas en materia de comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución das diversas publicacións en web e noutros medios do Valedor do Pobo.

Segunda. Requisitos

Poderán ser beneficiarias desta bolsa as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:

• Ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas.

• Ser maior de 18 anos.

• Estar en posesión do grao en Tradución e Interpretación, en que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; grao en Lingua e Literatura Galegas; grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes.

Terceira. Asignacións

A persoa beneficiaria da bolsa disporá:

a) Dunha asignación de 15.600 euros brutos anuais, que se percibirán logo de finalizado cada mes do prazo da súa duración, a razón de 1.300 euros mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.

b) De protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.

c) Dun seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.

Cuarta. Duración

A bolsa terá a duración dun ano e non poderá ser prorrogada.

Ao finalizar entregarase un certificado acreditativo.

Quinta. Natureza

A adxudicación da bolsa non supón vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e o Valedor do Pobo, nin implica compromiso que transcenda do desenvolvemento das tarefas formativas previstas nesta convocatoria.

Sexta. Desenvolvemento da bolsa

A persoa bolseira ten o deber de:

• Cumprir o programa formativo en prácticas que determinen as persoas titoras, cuns niveis de rendemento satisfactorio. Para estes efectos, debe realizar as actividades de estudo que se consideren necesarias e presentar puntualmente os traballos e documentos que se requiran. Estes serán de titularidade do Valedor do Pobo e non poden ser utilizados polo/a autor/a sen a correspondente autorización.

• Observar a necesaria discreción e respectar a confidencialidade dos documentos e informacións que coñeza no desenvolvemento da bolsa, salvo os que sexan públicos.

• Non adquirir compromisos ou obrigas que impidan o cumprimento íntegro das tarefas de formación en prácticas, agás renuncia expresa da bolsa.

• Realizar o seu programa formativo nas unidades administrativas e áreas da institución, baixo a titoría de cada responsable e coa coordinación da adxunta á valedora do pobo.

Desenvolverá as actividades formativas prácticas durante 37,5 horas semanais.

Habilitarase a posibilidade de realizar a formación a distancia (desde o domicilio) polo menos nun 50 % do tempo, sen prexuízo da asistencia presencial cando resulte necesaria, segundo a coordinadora.

Terá dereito ao desfrute dos días festivos do calendario laboral, ás vacacións e aos permisos necesarios por motivos persoais coa solicitude previa.

As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.

Salvo baixa médica, a ausencia xustificada ou permitida das prácticas non superará o 10 % da xornada mensual de traballo. Se se supera esta porcentaxe, a valedora do pobo poderá rescindir a bolsa.

Sétima. Convocatoria e solicitudes

1. Convocatoria.

A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web do Valedor do Pobo.

2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no Rexistro do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela –A Coruña–) o por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; neste caso, deberá enviarse, dentro do prazo de presentación, unha comunicación vía correo electrónico (rexistro@valedordopobo.gal) na cal se detalle o medio utilizado de presentación, segundo o modelo que consta no anexo I.

3. Solicitudes e documentación.

As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

• Escrito de solicitude dirixido á valedora do pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I.

• Copia do DNI ou equivalente.

• Relación de méritos e circunstancias que a persoa solicitante somete a valoración consonte estas bases, presentados de acordo co anexo II da convocatoria. Só se valorarán os méritos e as circunstancias que figuren nese anexo.

4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Requirimento de documentación adicional.

A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.

6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.

A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizado, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.

Oitava. Procedemento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Selección comprobará o cumprimento dos requisitos. No caso de darse algunha exclusión, notificarase a causa para que no prazo de cinco (5) días hábiles poidan presentarse alegacións e/ou emendas.

Posteriormente, a Comisión de Selección avaliará os méritos alegados polas persoas admitidas, conforme os criterios sinalados na base novena. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.

Para o desenvolvemento destes labores poderá solicitar a achega da documentación que xulgue pertinente co obxecto de verificar as circunstancias postas de manifesto nas solicitudes.

Se no prazo concedido non se achega a documentación requirida para verificar o cumprimento dos requisitos da bolsa, entenderase que a persoa desiste da súa solicitude.

Se a documentación requirida está orientada a verificar méritos alegados e esta non se entrega no prazo sinalado pola Comisión de Selección, en tal caso os ditos méritos non se terán en consideración.

A Comisión de Selección elevará á valedora do pobo a súa proposta de concesión da bolsa e poderá incluír as persoas suplentes que considere.

A valedora do pobo resolverá a concesión da bolsa de acordo coa proposta da Comisión de Selección.

Novena. Criterios de valoración

A valoración dos méritos realizarase de acordo co seguinte baremo:

a) Expediente académico do grao universitario ou equivalente en Lingua e Literatura Galega ou en Filoloxía Aplicada Galega e Española (ata 10 puntos).

b) Outros graos ou equivalentes (3 puntos por cada un, cun máximo de 6).

c) Se algún grao ou equivalente é de carácter xurídico ou administrativo, ou de socioloxía ou ciencia políticas: 2 puntos engadidos.

d) Mestrados, cursos ou similares co obxecto de complementar ou ampliar a formación, convocados, organizados, impartidos ou homologados por universidades, institutos, escolas oficiais, entidades de interese público e/ou axentes sociais, excluída a formación regrada (ata 3 puntos):

• De 12 a 20 horas: 0,10 puntos.

• De 21 a 40 horas: 0,25 puntos.

• De 41 a 60 horas: 0,50 puntos.

• De 61 a 90 horas: 0,75 puntos.

• De 91 a 120 horas: 1 punto.

• De 121 a 300 horas: 1,5 puntos.

• De 301 a 600 horas: 2 puntos.

• Máis de 600 horas: 3 puntos.

Cando a duración se exprese en anos ou se indique «curso escolar», estimarase a priori unha duración de 600 horas, sen menoscabo da verificación que se faga con base na documentación que se requira.

No suposto de que a duración se exprese en meses, estes serán computados da seguinte maneira: por cada mes computaranse 60 horas.

En caso de non constar a duración do curso, valorarase con 0,02 puntos.

Para o caso de que se sinalen diversos cursos de similar contido, só se computará aquel que permita a obtención de maior puntuación.

Para valorar adecuadamente os mestrados e os cursos ou similares, no anexo II deberán constar as horas ou, na súa falta, os meses ou anos de duración, ou que esta foi durante un curso escolar, sen prexuízo da valoración daqueles de que non conste a duración con 0,02 puntos.

As prácticas laborais desenvolvidas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes valoraranse como cursos oficiais, en función da súa duración. En todo caso, as prácticas integradas na formación regrada ou en cursos alegados non serán obxecto de valoración.

Se a Comisión de Selección require que se acrediten as titulacións ou cursos referidos nas alíneas a), b), c) e d), deberase presentar o título ou certificado do centro ou organismo respectivo.

e) Diversidade funcional (ata 3 puntos):

• Diversidade funcional recoñecida oficialmente cun 33 % ou superior (1 punto).

• Necesidade de axuda de terceira persoa e/ou mobilidade reducida (1 punto).

• Pluridiscapacidade (1 punto).

As anteriores circunstancias valoraranse de forma acumulativa.

f) Outras circunstancias (ata 3 puntos):

• Muller vítima de violencia (1 punto).

• Situación ou risco de exclusión social (1 punto).

• Residencia nun concello de menos de 5.000 habitantes (1 punto).

As anteriores circunstancias valoraranse de forma acumulativa.

g) Para decidir sobre empates substanciais por méritos equivalentes ou sensiblemente equivalentes, primaranse as mulleres, logo de informe do seu menor grao de inclusión laboral no ámbito da convocatoria; se persiste, as persoas con maior grao de diversidade funcional, de ser o caso, e, se persiste, as que acrediten menor experiencia laboral nos últimos quince (15) anos.

Décima. A Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará composta polas seguintes persoas:

• Presidencia: a persoa titular da Xefatura de Servizo de Administración e Persoal do Valedor do Pobo.

• Vogal: unha persoa designada polos sindicatos máis representativos.

• Secretaría, con voz e voto: a persoa titular da Xefatura de Sección do Valedor do Pobo.

A Presidencia terá voto de calidade en caso de empate.

A valedora do pobo designará membros suplentes da Comisión, que substituirán as persoas titulares en caso de abstención, recusación procedente, renuncia xustificada ou de imposibilidade para o desempeño da función.

Os nomes das persoas que compoñan a Comisión de Selección e das suplentes determinaranse por resolución da valedora do pobo e publicaranse na páxina web da institución inmediatamente despois das publicación oficial da convocatoria.

A persoa titular da Secretaría Xeral do Valedor do Pobo asesorará sobre o curso da convocatoria nos aspectos xurídicos ou de calquera outro tipo cando así o solicite a Comisión de Selección.

A Comisión instruirá o procedemento de concesión da bolsa, e ademais:

a) Interpretará as bases e resolverá cantas dúbidas poidan derivar delas.

b) Examinará as solicitudes e a documentación achegada, e comprobará os datos en virtude dos cales se debe adoptar a proposta de adxudicación e a resolución de adxudicación.

c) Valorará as solicitudes de acordo co baremo que se establece na base novena desta convocatoria.

d) Requirirá as persoas solicitantes para a corrección das solicitudes, para a achega de aclaracións ou ampliacións de información ou para a achega de documentación acreditativa.

e) Formulará a proposta de concesión da bolsa á persoa seleccionada.

f) Establecerá unha lista de suplentes para os casos de desistencia ou renuncia, revogación ou outras causas que deixen vacante a bolsa.

Décimo primeira. Publicidade da resolución de concesión das bolsas

A resolución da valedora do pobo pola que se concedan as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da institución.

A identificación da persoa beneficiaria e das suplentes realizarase con suficiente grao de anonimización (por exemplo, MPG…678) e coas puntuacións obtidas.

O resto das persoas participantes poderán solicitar a súa puntuación, aínda que neste caso constaría que resulta provisional se non se lles requirise a acreditación dos méritos.

Décimo segunda. Incorporación e vacantes

A persoa seleccionada deberá incorporarse para o desenvolvemento dos labores de formación práctica no prazo que sinale a resolución de adxudicación e achegar os datos precisos para facer efectiva a bolsa.

Se, transcorridos sete (7) días naturais desde a data establecida de incorporación, esta non se producise, a bolsa poderase entender rexeitada, salvo causa xustificativa.

Se a bolsa resulta rexeitada ou queda vacante en período de vixencia, a valedora do pobo proporá as persoas suplentes, na orde en que resultasen e a concesión da bolsa polo tempo que reste respecto do inicialmente previsto.

A bolsa reducirase proporcionalmente no caso de incorporación tardía, abandono ou renuncia.

Décimo terceira. Información en materia de protección de datos

O tratamento de datos farase de acordo co Regulamento (UE) 2016/679, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co resto da lexislación española aplicable nesta materia.

Os datos persoais facilitados no proceso serán tratados para a xestión das solicitudes e o proceso de selección.

Así mesmo, os datos das persoas que resulten adxudicatarias serán tratados para a xestión, a conformación do expediente persoal, o control de cumprimento de obrigacións, o aseguramento, a xestión económica e o aboamento da bolsa.

Poden exercerse os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade, de limitación e oposición ao seu tratamento, así como a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos datos, cando proceda, dirixindo comunicación á valedora do pobo, na rúa do Hórreo, nº 65, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO I

Modelo de solictude da bolsa destinada para a formación en prácticas en materia de comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución no Valedor do Pobo

DATOS PERSOAIS:

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

DNI:

Data de nacemento:

Nacionalidade:

Enderezo:

Localidade:

Provincia:

Teléfono:

Correo electrónico:

MANIFESTA:

• Que reúne todos os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria da bolsa.

• Que reúne os méritos que indica a continuación, respecto dos cales se compromete a achegar a documentación acreditativa cando se lle requira.

Polo exposto, SOLICITA concorrer ao presente procedemento.

………………, … de … de 2023

Sinatura da persoa solicitante

(sinatura)

Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, 15700 Santiago de Compostela –A Coruña–)

ANEXO II

Acreditación de méritos

Grao universitario ou equivalente en Lingua e Literatura Galega ou en Filoloxía Aplicada Galega e Española

Outros graos universitarios ou equivalentes

Grao de diversidade funcional igual ou superior ao 33 % (poñer X se procede)

Necesidade de axuda de terceira persoa e/ou mobilidade reducida (poñer X se procede)

Persoa con pluridiscapacidade (poñer X se procede)

Muller vítima de violencia (poñer X se procede)

Residente en concellos de menos de 5.000 habitantes (poñer X se procede)

Persoa en situación e/ou risco de exclusión social (poñer X se procede)

Relación de mestrados, cursos e similares

Mestrados, cursos ou similares (denominación)

Organismo ou entidade

Duración (horas, meses, anos ou curso escolar)