DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60424

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no artigo 27.15 a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, e no artigo 28.5 a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en materia de ordenación do sector pesqueiro. No exercicio das competencias recollidas no Estatuto de autonomía, ditouse a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, cuxo artigo 3 establece que as disposicións da dita lei, en función das materias obxecto da súa regulación, terán como ámbito de aplicación territorial, entre outras, as relativas ao exercicio do marisqueo, que serán de aplicación na zona marítimo-terrestre, as augas marítimas interiores, o mar territorial e a zona económica exclusiva correspondente ao litoral de Galicia.

Así mesmo, o artigo 6 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, recolle, entre os obxectivos da política pesqueira galega en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, o relativo ao establecemento e regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos. Neste sentido, o artigo 7.2 establece que, co fin de asegurar os obxectivos da política pesqueira de Galicia sinalados na lei, a consellería competente en materia de pesca, logo de audiencia do sector afectado, poderá adoptar diversas medidas, entre elas, a fixación de tamaños e pesos mínimos ou outras medidas de conservación das especies.

Con base nesta previsión da Lei 11/2008, do 3 de decembro, e co obxectivo de harmonizar a normativa autonómica coa nacional e comunitaria, aprobouse a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia. A este respecto, o anexo I-B recolle o tamaño mínimo para o polbo (Octopus vulgaris) en 1.000 gramos. Este tamaño mínimo é de aplicación en todas as fases da cadea de produción e distribución do polbo, desde o momento da súa captura ata a fase da venda polo miúdo.

Por outra parte, o Regulamento (UE) 2019/1241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas, e polo que se modifican os regulamentos (CE) nº 2019/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e os regulamentos (UE) nº 1380/2013, (UE) 2016/1139, (UE) 2018/973, (UE) 2019/472 e (UE) 2019/1022 do Parlamento Europeo e do Consello, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 894/97, (CE) nº 850/98, (CE) nº 2549/2000, (CE) nº 254/2002, (CE) nº 812/2004 e (CE) nº 2187/2005 do Consello, dedica o seu artigo 13 á materia relativa ás tallas mínimas de referencia para efectos de conservación e a parte A do anexo VII do dito regulamento recolle o tamaño mínimo de referencia para os efectos de conservación para o polbo (Octopus vulgaris) nas augas sur occidentais en 750 gramos.

No transcurso destes anos, as organizacións sectoriais da pesca de Galicia veñen formulando peticións sustentadas en que o polbo, durante as fases da cadea de produción e distribución, experimenta unha diminución no seu peso alcanzando valores inferiores ao tamaño mínimo regulamentario de 1.000 gramos. A este respecto, un informe sobre a comprobación e rexistro de pesadas do polbo en determinados intervalos de tempo, recolle como resultado que poden existir diferenzas de diminución do peso debido á sensible perda de auga. En consecuencia, pode darse o caso de que exemplares que alcanzan 1.000 gramos de peso sufran unha perda no seu tamaño mínimo logo do seu desembarque.

O Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, prevé, no seu artigo 6.1.b), a posibilidade de aplicar unha marxe de tolerancia en relación coa pesada dos produtos pesqueiros. Tendo en conta esta previsión normativa e unha vez comprobada a diminución de peso do polbo, resulta oportuno prever a aplicación dunha marxe de tolerancia de 50 gramos para este produtos pesqueiro.

Para os efectos da aplicación da marxe de tolerancia indicada, é relevante establecer unha delimitación entre a primeira descarga, entendida aquí como o momento do desembarque, no cal cómpre manter o tamaño mínimo de 1.000 gramos, e o momento a partir do cal resulta de aplicación a marxe de tolerancia do polbo de 50 gramos. Neste sentido, o artigo 60.2 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro de 2009, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común, se modifican os regulamentos (CE) nº 847/96, (CE) nº 2371/2002, (CE) nº 811/2004, (CE) nº 768/2005, (CE) nº 2115/2005, (CE) nº 2166/2005, (CE) nº 388/2006, (CE) nº 509/2007, (CE) nº 676/2007, (CE) nº 1098/2007, (CE) nº 1300/2008 e (CE) nº 1342/2008 e se derrogan os regulamentos (CEE) nº 2847/93, (CE) nº 1627/94 e (CE) nº 1966/2006, establece que, sen prexuízo das disposicións específicas aplicables, a pesada realizarase no momento do desembarque, antes de que os produtos da pesca sexan almacenados, transportados ou revendidos. En consecuencia, a aplicación da marxe de tolerancia de 50 gramos producirase unha vez realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque.

En atención ao exposto, e respectando en todo caso o tamaño mínimo de referencia para os efectos de conservación previsto no Regulamento (UE) 2019/1241, resulta conveniente e oportuno manter un tamaño mínimo para o polbo, aplicable ata o momento do desembarque, de 1.000 gramos, e permitir a aplicación dunha marxe de tolerancia de 50 gramos, logo de realizada e rexistrada a pesada no momento do dito desembarque, co fin de evitar valores de peso do polbo inferiores ao mínimo establecido pola normativa autonómica durante as fases da cadea de produción e distribución.

A orde respecta os principios de boa regulación establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, de acordo cos principios de necesidade, proporcionalidade, eficacia e eficiencia, esta norma explica os fins perseguidos coa súa aprobación, contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade, é o instrumento máis axeitado para garantir a súa consecución, e non impón cargas administrativas á cidadanía. Igualmente, en virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico e, en cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade nela os obxectivos que se pretenden acadar e deuse participación á cidadanía e ás entidades representativas do sector no seu proceso de elaboración.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre os cales cabe destacar a participación da cidadanía, directamente e a través das organizacións interesadas, mediante os trámites de audiencia e publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, e a emisión dos informes preceptivos por parte da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública, da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e da Asesoría Xurídica Xeral.

En virtude do exposto anteriormente, de acordo co Consello Consultivo,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia

A Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Dos moluscos

1. Os tamaños mínimos dos moluscos son os que se recollen no anexo I-B desta orde. En relación co tamaño mínimo recollido no dito anexo para o polbo debe terse en conta a aplicación da marxe de tolerancia prevista na letra b.1) do número 4 deste artigo.»

Dous. A letra b.1) do número 4 do artigo 6 queda redactada como segue:

«b.1) O polbo farase polo peso total unitario, admitíndose unha marxe de tolerancia de 50 gramos de perda de peso, logo de realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque.».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar