DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60621

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR323C).

A agricultura galega atópase inmersa nun contexto de mercado moi competitivo e aberto derivado da progresiva liberalización do mercado mundial, da ampliación europea e as sucesivas reformas da PAC.

A racionalización do uso dos factores de produción leva a acometer proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas e que teñan como obxectivo un marcado carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías, así como de incorporación de novos procesos ou de obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias á actividade dos socios, e que promovan o aumento da rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras galegas e a mellora das condicións do traballo.

O Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro do 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que establece axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, e o Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro do 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, constitúen o marco normativo de referencia.

E coa finalidade de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, apróbase o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020 mediante a Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015, modificado pola Decisión de execución da Comisión C (2023) 1540 final, do 28 de febreiro de 2023.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais, e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articulan os instrumentos e actuacións para desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Neste contexto, o primeiro reto da RIS3 consiste en desenvolver un modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación e a modernización dos sectores primarios galegos incidindo na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos. En relación con este reto, dúas prioridades para avanzar no necesario proceso de modernización de actividades tradicionais son a sustentabilidade e a dixitalización.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 2 enfócase en facilitar que as empresas máis pequenas incorporen a innovación no seu proceso produtivo. En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo ao reto 1 e ás prioridades 1 (sustentabilidade) e 2 (dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico facilitar que as empresas incrementen a súa competitividade a través da incorporación da innovación ao seu proceso produtivo (obxectivo estratéxico 2) integrándose, polo tanto, no programa Innova e emprende.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPITULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2023, no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 Investimentos en activos físicos, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (código de procedemento MR323C).

Estas axudas teñen como finalidade:

1. Mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola.

2. Reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Artigo 2. Definicións

Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación, para os efectos desta orde, enténdese por:

1. Gastos xerais dos proxectos: os custos xerais vinculados ás operacións de investimento, tales como honorarios de enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade e plans empresariais a que se refire o artigo 45.2 c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

2. Proxectos de innovación: entenderase que un proxecto é de carácter innovador se cumpre algún dos seguintes requisitos:

a) Proxecto singular.

b) Posta en marcha dunha nova tecnoloxía, creación de novos produtos ou mellorados que incorporen trazos específicos locais.

c) Métodos de cooperación conxunta relacionados co aproveitamento das superficies agrarias de forma sustentable económica e ambientalmente.

O carácter innovador poderá estar presente no contido técnico do proxecto (no produto, no procedemento de obtención ou noutro elemento) ou na forma de organización e participación dos actores locais no proceso de toma de decisións e de aplicación do proxecto. A condición de innovador dun proxecto deberá ser acreditada mediante a pertenza a Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola a través da participación nun grupo operativo conforme o artigo 35.1.c) e os artigos 56 e 57 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, ou que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) acredite ese carácter innovador. Así mesmo, no caso de investimentos con carácter innovador, será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de especialización de Galicia (RIS3).

3. Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións: aqueles investimentos que se realicen sobre unha orientación produtiva distinta da principal.

4. Investimentos en proxectos de cooperación: aqueles investimentos realizados en coordinación cunha operación financiada a través da medida 16 do PDR de Galicia.

5. Entidades procedentes de fusión: entidade que proceden dunha fusión finalizada nos últimos 5 anos naturais.

Poden ser dos seguintes tipos:

a) Cooperativas procedentes de fusión por absorción: combinación de negocio en que unha cooperativa absorbe outra ou máis cooperativas que se disolven. As cooperativas absorbidas non se liquidan, senón que se traspasan os patrimonios, socios e asociados da/s cooperativa/s absorbidas á cooperativa absorbente, asumindo esta os dereitos e obrigas da/das cooperativa/s disolta/s.

b) Cooperativas procedentes de fusión por creación dunha nova cooperativa: combinación de negocio en que dúas ou máis cooperativas se disolven e dan lugar a unha nova. Neste caso tampouco existe liquidación, senón traspaso de patrimonio, socios e asociados.

6. Últimos 5 anos naturais: prazo comprendido entre o 1.1.2019 e a data de solicitude desta axuda.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as seguintes entidades:

a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia.

b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritos no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia.

Artigo 4. Requisitos das entidades beneficiarias

Ademais de cumprir a condición de persoa beneficiaria, establécense as seguintes condicións de admisibilidade:

1. Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, punto 18) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

2. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

3. Estar integrada por un mínimo de 10 persoas socias.

4. Establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 euros e un máximo de 5.000.000 euros.

5. Permanencia na actividade durante 5 anos desde o pagamento da axuda.

6. Permanencia dos investimentos durante 5 anos desde o pagamento da axuda.

7. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias establecidas polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a continuación:

a) Reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

c) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licencias de software e outros permisos.

2. Os gastos xerais dos proxectos non poderán superar o custo subvencionable do investimento, establecéndose un máximo dun 3 % para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra e dun 3 % para o estudo de viabilidade ou plan empresarial.

3. Non se subvencionarán:

a) A compra de dereitos de produción agrícola.

b) Animais e plantas anuais e a súa plantación.

c) Investimentos de simple substitución.

d) Maquinaria de segunda man.

e) Os custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación.

f) Os montes baixos de ciclo curto.

g) Maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación ou coa comercialización.

h) A maquinaria e investimentos de carácter forestal.

i) O IVE e outros impostos.

j) As licenzas e taxas administrativas.

k) Os xuros de débeda e os seus gastos.

l) Os xuros de demora, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas e penais.

m) Os gastos de procedementos xudiciais.

n) Nos casos de alugamento con opción a compra, non serán gastos subvencionables os demais custos relacionados cos contratos, tales como a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais, gastos de seguros, etc.

Artigo 8. Investimentos que inclúan actuacións de rega

No caso de investimentos que inclúan actuacións de rega, será de aplicación o establecido no artigo 46 do Regulamento (UE) nº 1305/2013. A este respecto, para que os ditos investimentos sexan elixibles, terán que cumprir as condiciones especificadas a continuación:

1. Coherencia coa planificación hidrolóxica e coa Directiva marco da auga; a demarcación hidrográfica en que se localiza a explotación onde se realizará a dotación ou mellora da instalación de rega debe contar cun plan hidrolóxico aprobado e comunicado á Comisión Europea, en termos conformes coa Directiva marco da auga.

A mellora debe ser coherente cos obxectivos, asignacións ou reservas de recursos, programas de medida, e demais determinación que conteña o correspondente plan hidrolóxico, que resulten aplicables á agricultura e ao regadío.

2. Cando o obxecto da operación inclúa a dotación ou mellora dunha instalación de rega, esta debe dispoñer dun sistema adecuado para a medición da auga que a dita instalación de rega utiliza. O devandito sistema de medición, no caso de que a subministración de auga se realice a presión, será do tipo contador.

3. Condicións de elixibilidade específicas para proxecto de mellora de instalacións de rega preexistentes:

a) Aforro potencial da auga; este aforro potencial debe superar o 5 % con arranxo aos parámetros técnicos da instalación. Para o cálculo do dito aforro terase en conta:

1º. A redución de perdas por mellora das conducións dentro da explotación.

2º. A redución do volume debida ao sistema de aplicación da rega.

3º. O cambio duradeiro da orientación produtiva das parcelas en que se melloren as instalacións de rega.

b) Redución da auga empregada polos regadíos preexistentes que afecten masas de auga que non alcanzan o bo estado:

1º. O investimento deberá garantir unha redución efectiva no uso da auga a nivel da instalación de polo menos o 50 % do aforro potencial da auga.

2º. A redución efectiva apreciarase sobre o volume da auga empregada na instalación, xa sexa procedente dunha infraestrutura de regadío ou procedente dunha captación propia. Esta redución calcularase como diferenza entre a dotación das explotacións despois da modernización, e da dotación antes desta, en volume ao ano (m3/ano).

4. Condicións de elixibilidade especificas dos investimentos para a ampliación da superficie regada; so serán subvencionables os investimentos para ampliación da superficie regada da explotación que vaian utilizar recursos procedentes de masas de auga subterráneas ou superficiais avaliadas de acordo coa planificación hidrolóxica en vigor, que cumpran o obxectivo de bo estado de acordo coa planificación hidrolóxica, ou ben que non cumpran por razóns diferentes ás cuantitativas, neste caso, deberá cumprir as condicións do punto anterior.

5. Investimentos de ampliación de regadío combinadas con outras de modernización de instalacións; neste caso, a redución no uso da auga determinarase considerando conxuntamente as dúas instalacións: A (preexistente) e B (nova). Calcularase restando a auga empregada na A antes da modernización, tanto a auga empregada en A despois da modernización como a auga empregada en B.

Debendo cumprir a condición de que a redución conxunta no uso da auga das dúas instalacións A e B dividida entre o aforro potencial derivado da modernización da instalación A orixinal sexa polo menos superior a 0,5 (50 %).

Artigo 9. Comezo da subvencionabilidade

Só serán obxecto da axuda os investimentos efectuados con posterioridade á presentación da correspondente solicitude ao abeiro da presente orde de convocatoria coa excepción dos gastos xerais dos proxectos de acordo co punto 2 do artigo 60 do Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e logo de realización da certificación de non inicio realizada por persoal da Consellería do Medio Rural con posterioridade ao prazo de solicitude desta axuda, e tendo en conta que a simple presentación da solicitude en modo ningún garantirá a súa aprobación.

Artigo 10. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez que o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado aplicará os criterios de prioridade para que a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias formule a proposta de resolución. Este órgano estará presidido pola persoa titular do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, e integrado por tres persoas funcionarias desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, unha das cales actuará como secretaria.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación, o que producirá os efectos da notificación.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos non será admitido.

3. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos/gastos para o cal ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e o aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos solicitados, e a axuda recalcularase segundo corresponda á redución do investimento.

4. A Consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

5. Os cambios das características técnicas non terán a consideración de modificación. Estes serán validados na certificación, logo de comprobación da elixibilidade e da moderación de custos.

Artigo 14. Recursos fronte ás resolucións de subvención

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poida exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda da mesma natureza, concedida coa mesma finalidade ou para os mesmos investimentos e/ou gastos, a excepción das axudas correspondentes a garantías para préstamos ou derivadas doutros investimentos financeiros comunitarios nas condicións establecidas no artigo 37 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

Conforme iso, se para os mesmos investimentos se solicita ou concede un préstamo garantido e unha subvención non reembolsable, aplicaranse os seguintes límites:

a) A suma do importe da subvención non reembolsable máis o importe equivalente de subvención bruta (ESB) do préstamo, calculado conforme o Regulamento (UE) nº 964/2014, non poderá superar as porcentaxes de axuda do investimento subvencionable indicadas no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

b) A suma do importe do préstamo garantido máis o importe da subvención non reembolsable non poderá superar o importe total do investimento subvencionable.

c) Non se poderá utilizar a subvención para reembolsar o importe do préstamo obtido e o importe do préstamo non se poderá destinar a prefinanciar unha subvención.

No caso de que supere os límites indicados nas letras a) e/ou b), procederase a reducir a subvención non reembolsable concedida na contía necesaria para manter os requisitos de compatibilidade citados.

2. As persoas solicitantes deberán declarar do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas. Esta declaración está recollida no recadro de declaracións do anexo I.

Artigo 16. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto, ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas ás persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas das persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Durabilidade dos investimentos: deberá reembolsarse a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final a persoa beneficiaria, se produce calquera das seguintes circunstancias:

a) Cesamento ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c) Cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. No caso dun pagamento indebido, atendendo ao disposto no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, a persoa beneficiaria quedará obrigada a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos á persoa beneficiaria sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.

c) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente a explotación.

d) Enfermidade vexetal que afecte unha parte ou a totalidade dos cultivos, respectivamente, da persoa beneficiaria.

e) Expropiación da totalidade ou dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que presentou a solicitude.

6. Tampouco se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria transfira a súa explotación a outra persoa que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

7. En materia de reintegro da axuda tamén será de aplicación a normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade e á modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación da normativa comunitaria establecida no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade e á modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

2. Os incumprimentos poderán derivar nos seguintes tipos de penalizacións:

a) Redución: diferenza entre o importe da solicitude de pagamento e o importe determinado ou admisible tras os controis.

b) Sanción: penalización que se aplica ao importe determinado ou admisible tras os controis.

c) Exclusión da axuda e, en determinados casos, do dereito a participar na mesma medida ou liña de axudas.

3. Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos. Cada unidade xestora determinará:

a) O importe que se pode conceder á persoa beneficiaria en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. Para tal efecto, tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que a persoa beneficiaria presenta como xustificación da operación aprobada. No caso de que o importe da solicitude de pagamento sexa superior ao aprobado, axustarase ao límite concedido.

b) O importe que se pode conceder á persoa beneficiaria logo de controlar a elixibilidade dos gastos que a persoa beneficiaria presenta como xustificación da operación aprobada, mediante control administrativo ou sobre o terreo.

A cantidade para pagar a persoa beneficiaria será a definida no importe B. Cando o importe A supera o importe B en máis dun 10 %, a cantidade para pagar é igual ao importe B menos a diferenza entre os dous importes, non obstante, nunca irá máis alá do importe solicitado.

A sanción administrativa mencionada aplicarase, mutatis mutandis, aos gastos non admisibles detectados durante os controis sobre o terreo.

4. Non se aplicará ningunha redución, sanción ou exclusión nos seguintes supostos:

a) Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior.

b) Cando o incumprimento obedeza a erros obvios.

c) Cando o incumprimento obedeza a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade, e se á persoa afectada por sanción administrativa non lle fose posible detectar o erro.

d) Cando o interesado poida demostrar de forma satisfactoria para autoridade competente que non é responsable do incumprimento das súas obrigas ou se a autoridade competente adquire doutro modo a convicción de que o interesado non é responsable.

e) Cando o incumprimento sexa de carácter menor, segundo defina a Comisión.

f) Outros casos en que a imposición dunha sanción non sexa axeitada, segundo defina a Comisión.

5. Na fase de control administrativo verificarase que se cumpren os condicionantes para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes. Se non se acada a puntuación de aprobación establecida polo órgano colexiado na fase de aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e levará como consecuencia a perda do dereito á axuda.

6. Antes do pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao corrente nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

7. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ás persoas beneficiarias destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoa beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte da persoa solicitante comportará a autorización á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro do 2013.

No caso de investimentos con carácter innovador, facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), as persoas beneficiarias deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

Artigo 19. Publicidade das axudas cofinanciadas polo Feader

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader.

2. A notificación da concesión da axuda informará as persoas beneficiarias de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, na Medida 4. Investimentos en activos físicos, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, contribuíndo directamente ás áreas focais 2A (mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular con obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola); e 5D (reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco de procedentes da agricultura).

3. Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril de 2016, e co disposto na «Estratexia de información e publicidade» do PDR 2014-2020 de Galicia, a persoa beneficiaria das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. Así:

a) En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, a persoa beneficiaria deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

1º. O emblema da Unión.

2º. Unha referencia á axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

b) Durante a realización da operación, a persoa beneficiaria informará ao público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

1º. Presentando no sitio web da persoa beneficiaria para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

2º. No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, colocando ao menos un panel ou unha placa con información sobre o proxecto e cos requisitos especificados no anexo III, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, así como a bandeira europea e o lema Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: «Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

Cando o obxecto da axuda sexa maquinaria, equipamento informático, de telecomunicacións ou calquera outro ben no cal, pola súa estrutura ou tamaño, non sexa posible identificar unha localización adecuada, o cartel ou placa poderá ser substituído por un adhesivo ou impresión en que, polo menos, figure a bandeira da UE, o fondo e o lema.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos (bandeira europea e lema Feader Fondo Europea Agrícola de Desenvolvemento Rural) ocuparán, como mínimo, o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura. O IVE non será subvencionable.

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación da factura, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento, non admitindo pagamentos en metálico.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2023, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 23. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Una vez rematado o prazo de solicitude e antes da aprobación non se admitirán cambios no referente aos investimentos ou aos criterios de prioridade.

Artigo 24. Presentación dos permisos administrativos

As obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso, deberán presentar a licenza municipal, como máis tarde o 30 de setembro de 2024. O mesmo prazo se establece para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento deste requisito suporá a perda do dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 25. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación do acordo do consello reitor para solicitar a subvención.

b) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

c) Estatutos en vigor da entidade, no caso de fusión.

d) Escritura de constitución, no caso de fusión.

e) Balance e contas de resultados da empresa. As peme deben achegar os do último exercicio, as non peme os dos dous últimos exercicios.

f) Certificación das explotacións agrarias asociadas participantes nos investimentos. Identificarase o NIF, mailo nome do titular da explotación.

g) Tres orzamentos ou ofertas de diferentes provedores por cada un dos investimentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

i. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo a compra de terreos.

ii. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

iii. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo así como características técnicas.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

h) Certificación por parte da entidade solicitante en que consten os nomes, sexo e data de elección das persoas que compoñen o seu órgano de goberno.

i) No caso de investimentos en obra civil:

i. Proxecto visado (en soporte dixital) elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente).

ii. Xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras, e calquera outro permiso administrativo necesario, de acordo coa correspondente normativa sectorial.

iii. No caso de novas construcións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.

j) Anexo III (comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).

k) No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

l) No caso de investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica, certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica que vincule os investimentos solicitados coa produción/actividade ecolóxica.

m) No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e rexistrado no correspondente rexistro oficial.

n) Estudo de viabilidade técnico-económica elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente) que deberá incluír:

i. Unha memoria dos investimentos que se van realizar, en que se indique e xustifique:

1. O investimento colectivo que se vai realizar.

2. O número de explotacións socias.

3. Localización onde se realizará o investimento (en explotación titularidade da entidade asociativa ou ben en explotación dos seus socios). Referencia catastral das parcelas onde se realizará o investimento.

4. Orientacións produtivas actuais e orientacións produtivas dos novos investimentos.

5. Se a entidade procede ou non de fusión de cooperativas e enumeración destas, de ser o caso.

6. Se o investimento se realizará ou non en zonas incluídas en Rede Natura 2000.

7. Se o investimento supón ou non un aforro enerxético.

8. Se son investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3.

ii. Unha descrición da situación inicial da explotación agrícola, con indicación das fases e obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación.

iii. Un análise de mercado (con matriz dafo).

iv. Unha descrición da situación final unha vez levado a cabo o plan de empresa.

v. Información pormenorizada sobre os investimentos que se van realizar e prazos (ingresos, gastos, investimento, financiamento, balance, conta de resultados e tesouraría) en que:

• Se indiquen as melloras que se van realizar.

• Se estableza unha valoración do seu impacto sobre o cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación).

• Se inclúan as medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo eficiente de auga, etc.

• En que figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea, estatal o autonómica así o exixa, e que preste especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas en Rede Natura 2000.

vi. Información pormenorizada sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agrícola, incluídas as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos.

o) No caso de solicitantes aos cales lles sexa de aplicación o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro:

Declaración responsable nos termos previstos no artigo 26 do Regulamento xeral de subvencións. De ser o caso, certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que acredite o seu cumprimento polo solicitante, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora. Para ese efecto, se do informe de auditoría das últimas contas anuais se deduce un cumprimento do 100 % dos prazos de pagamento a provedores por parte do solicitante, bastará un certificado emitido polo auditor que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais como certificación de cumprimento do requisito do artigo 13.3.bis. No caso de que non sexa posible emitir tal certificado (por non existir contas anuais auditadas ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), presentarase certificación, baseada nun «Informe de procedementos acordados», que acredite que o solicitante no momento de presentación de solicitude de axuda non ten ningunha factura pendente de pagamento en que se superaron os prazos legais de pagamento. Esta certificación non poderá ter en ningún caso unha antigüidade superior a un mes anterior á data de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 26. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Domicilio fiscal da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamentos das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Vida laboral da empresa.

i) Imposto de actividades económicas (IAE).

j) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

k) Concesión de subvencións e axudas.

l) DNI/NIE da/das persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.

m) Verificación de títulos oficiais universitarios da/das persoa/s que elabore/n o estudo técnico económico.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 27. Criterios de selección de operacións

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a) Número de explotacións agrícolas asociadas:

1. > 750: 4 puntos.

2. De 151 a 750: 3 puntos.

3. De 31 a 150: 2 puntos.

4. De 6 a 30: 1 puntos.

5. De 0 a 5: 0 puntos.

b) Investimentos na explotación agrícola titularidade da entidade asociativa: 4 puntos.

c) Atendendo ao importe neto da cifra de negocio (INCN):

i. 0 € ≤ INCN ≤ 2.000.000 €: 1 puntos.

ii. 2.000.000 € < INCN ≤ 10.000.000 €: 2 puntos.

iii. 10.000.000 € < INCN < 25.000.000 €: 3 puntos.

d) Investimento localizado nunha zona de montaña tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014_2020: 3 puntos.

e) Órgano de goberno cunha porcentaxe de mulleres igual ou superior ao 50 %: 2 puntos.

f) Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións: 2 puntos.

g) Investimentos de aforro enerxético (>50 % do investimento elixible): 2 puntos.

h) Investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3: 2 puntos.

i) Investimento localizado nunha zona distinta á de montaña con limitacións naturais significativas ou limitacións específicas tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014-2020: 1 punto.

j) Investimentos en proxectos innovadores: 1 punto.

k) Investimentos en proxectos de cooperación: 1 punto.

3. A puntuación máxima dunha solicitude será de 23 puntos, necesitarase un mínimo de 6 puntos para poder ser subvencionable.

4. No caso de empate en puntos, priorizaranse as entidades solicitantes con investimentos en proxectos innovadores, seguido dos investimentos en proxectos de cooperación. Por último, de persistir este empate, priorizaríase segundo a orde dos criterios de selección.

Artigo 28. Contía económica das axudas

1. O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10 % no caso dos investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica.

b) 15 % en investimentos colectivos, cando a persoa beneficiaria é unha entidade procedente de fusión de cooperativas finalizada nos últimos 5 anos.

c) 10 % para investimentos en zonas con limitacións naturais u outras limitacións específicas, recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

d) 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco das Asociacións Europeas de Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

Artigo 29. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de execución e xustificación destas axudas remata o 30 de setembro de 2025, inclusive.

2. O prazo para solicitar un anticipo será dun mes desde a notificación da concesión da axuda. Para os anticipos concedidos, as persoas beneficiarias deberán comunicar antes do 15 de decembro de 2024 unha declaración dos gastos que xustifique o uso dos anticipos.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda da metade deste, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse cunha anterioridade de polo menos 2 meses antes de que acabe o prazo de execución. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nestas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

Artigo 30. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude (acta de non inicio), agás no caso dos gastos xerais dos proxectos, e ata a data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo a través da Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia empregando a acción «achega de documentación xustificativa», e achegaranse presentando a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

3. Ás solicitudes de pagamento da axuda deberán xuntarse os seguintes documentos:

a) Facturas e xustificantes de pagamento.

b) De existir obra civil: certificación final de obra e, no caso de variacións sobre o proxecto, informe do concello correspondente en que indique se as variacións afectan ou non a licenza concedida.

4. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a) Os bens deberán ser adquiridos pola persoa beneficiaria en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena da persoa beneficiaria antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que a persoa beneficiaria chegue a ser propietaria da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

6. Unha vez presentada a solicitude de pagamento dos investimentos, o persoal designado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os correspondentes controis administrativos previos ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 100.000 euros de investimento, iniciándose o procedemento de perda do dereito ao cobramento.

7. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos que a solicita, recalculándose a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

8. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, poderase iniciar o procedemento de perda do dereito ao cobramento.

Artigo 31. Anticipo

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 50 % do importe da subvención concedida, sen superar o importe da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo con o establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 45.4 e 63 do Regulamento (UE) nº 1305/2013. Os pagamentos anticipados supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas.

2. O pagamento de anticipos estará supeditado á constitución dunha garantía bancaria ou dunha garantía equivalente que corresponda ao 100 % do importe anticipado.

3. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, e o órgano en cuxo favor se constituirá será a Consellería do Medio Rural.

4. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberán alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

5. Deberá xuntarse xunto coa solicitude de anticipo o xustificante da Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. As garantías cancelaranse por acordo do órgano concedente segundo o indicado no artigo 71 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,5 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % con fondos Feader, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 14.04.712B 772.0 (CP 2016-00384), para o ano 2023, 400.000,00 euros, para o ano 2024, 1.600.000,00 euros, e para o 2025, 2.000.000,00 euros. En total 4.000.000,00 euros.

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– O Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

– O Regulamento (UE) nº 2020/2220 do Parlamento Europeo do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1305/2013, (UE) nº 1306/2013 e (UE) nº 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022, e o Regulamento (UE) nº 1308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da dita axuda nos anos 2021 e 2022.

– O Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa ao Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través dos Fondos Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias.

– O Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativa a axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

– O Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de execución e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade, modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242, da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución da presente orde.

Disposicións derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file