DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 6 de novembro de 2023 Páx. 60873

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se lle dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R) (Diario Oficial de Galicia número 149, do 7 de agosto).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia do día 7 de agosto de 2023, a Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Segundo o establecido no artigo 17.4 das citadas bases reguladoras, coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, de conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas ao abeiro da orde antes referida, expresando a convocatoria, programa e aplicación orzamentaria a que se imputen, os beneficiarios, as cantidades concedidas e a finalidade da subvención.

As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

En consecuencia,

RESOLVO:

Publicar as axudas que se relacionan nas táboas que se acompañan, como anexo I (relación de solicitudes recibidas), anexo II (relación de solicitudes beneficiarias) e anexo III (relación de solicitudes non beneficiarias e causa da exclusión), financiadas con cargo á aplicación 08.02.541D.781.0 e 08.02.541D.770.0, código de proxecto 2022 00038, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024 concedidas ao abeiro do seguinte:

a) Norma reguladora da convocatoria: Orde do 26 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

b) Aplicación orzamentaria: 08.02.541D.781.0 e 08.02.541D.770.0, código de proxecto 2022 00038 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024.

c) Finalidade da axuda: a devandita Orde do 26 de xullo de 2023 ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva a empresas, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975R).

Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda, segundo o detalle expresado no artigo 3 das bases da convocatoria:

Liña 1: proxectos de nova construción de instalacións de PxR de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.), ampliación de instalacións existentes para incluír liñas de preparación para a reutilización de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) e mellora de instalacións existentes de PxR de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación para asociacións e fundacións.

Liña 2: proxectos de nova construción de instalacións de PxR para residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.), ampliación de instalacións existentes para incluír liñas de preparación para a reutilización de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) e mellora de instalacións existentes de PxR de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación para empresas e autónomos.

Liña 3: actuacións destinadas á implementación de melloras nas instalacións de triaxe e clasificación de envases. Estas axudas estarán destinadas a maximizar o aproveitamento dos materiais contidos nos residuos de envases lixeiros que se recollan de forma separada e que se traten en instalacións de separación mecánica, de maneira que poidan contribuír á consecución dos obxectivos comunitarios de preparación para a reutilización e reciclado, así como ao da redución dos residuos destinados ao seu depósito en vertedoiro para empresas e autónomos.

Liña 4: actuacións destinadas á implementación de melloras nas instalacións de tratamento existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais contidos nos residuos municipais que se recollan de forma mesturada de maneira que poidan contribuír á consecución dos obxectivos comunitarios de preparación para a reutilización e reciclaxe, así como ao de redución dos residuos municipais destinados ao seu depósito en vertedoiro para empresas e autónomos.

d) Destinatarios: con carácter xeral, poderán ser beneficiarias destas axudas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que fose a súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as grandes empresas, que se entenderá que cumpran a dita condición ao non poder ser consideradas pemes, conforme o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/214 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

e) Porcentaxe de financiamento e concorrencia con outras subvencións:

Liña 1: o financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta liña non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). O importe máximo da subvención será de 200.000 €.

Liña 2: o financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta liña non excederá o 60 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). As axudas establecidas nas liñas 1 e 2 están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido. Cando se trate de entidades que presten servizos de interese económico xeral, este límite será de 500.000 €, segundo o previsto no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 360/2012 da Comisión, do 25 de abril de 2012. En virtude do anterior, as entidades deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

Liña 3: o financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nestas liñas non excederá o 40 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). A contía máxima da axuda por beneficiario establécese en función das toneladas de residuos de envases lixeiros procedentes de recollida separada (segundo o declarado conforme o disposto no artigo 8.1, o) 3º) tratados pola instalación a razón de 50 €/tonelada, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.

Liña 4: o financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nestas liñas non excederá o 40 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar.

O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2). A contía máxima da axuda por beneficiario establécese en función das toneladas de residuos (segundo o declarado conforme o disposto no artigo 8.1, o) 3º) tratados pola instalación a razón de 2,5 €/tonelada, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.

As axudas concedidas dentro das liñas de axudas 3 e 4 establecidas nesta orde e descritas neste artigo estarían sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, concretamente no seu artigo 47, onde se indica que as axudas ao investimento que permitan ás empresas ir máis alá das normas da Unión en materia de protección ambiental ou incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión, serán compatibles co mercado interior a teor do artigo 107, punto 3 do Tratado.

f) Período subvencionable e prazo de execución: o período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de decembro de 2024, ambos incluídos, para as liñas 1 e 2 e entre a data de solicitude da axuda e o 30 de decembro de 2024 ambos inclusive para as liñas 3 e 4.2.

Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte.

A data límite para xustificar cada anualidade do proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de decembro de 2023 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade de 2023. Incluiranse neste orzamento as actuacións executadas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de decembro de 2023 para as liñas 1 e 2.

b) O 30 de decembro de 2024 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2024.

g) Xustificación das subvencións: os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo ao cal se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lle foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

A solicitude do pagamento efectuarase polo beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o artigo 22, punto 1, mediante a presentación do anexo IV que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A dita solicitude acompañarase da documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá solicitar a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras. Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

h) Requisitos que hai que observar: o artigo 21 da orde dispón respecto das obrigas dos beneficiarios, que:

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente a través da intervención ambiental, ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e o Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, a Fiscalía europea a exercer os dereitos que recoñece o artigo 129, punto 1, do referido regulamento financeiro, e a impoñer obrigas similares a todos os perceptores finais de fondos. Esta declaración prestarase marcando o correspondente punto do anexo I. Para estes efectos, posibilitarase o acceso da Administración e de cantos órganos se recollen no artigo 22 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/241 á información contida no Rexistro de Titularidades Reais, creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre os titulares reais.

Así mesmo, autorizarase a cesión da información entre estes sistemas e o Sistema de Fondos Europeos, segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional aplicable.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude («bandeiras vermellas»). Asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. A achega da información realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea. Mantendo os requisitos de pista de auditoría, de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

10. Manter o investimento de que se trate a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de oito anos contado desde a emisión da correspondente autorización, de acordo co artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Custodiar e conservar a documentación da actividade financiada polo Mecanismo de recuperación e resiliencia de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

12. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases. Así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións que desenvolvan os investimentos (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios, insercións en prensa, certificados, etc.), onde se fará mención da orixe deste financiamento e se velará por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

13. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos, tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización, e facilitar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador establecido sobre o rendemento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, consonte ao artigo 30 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, e establecido co número 187, en relación coa medida C12.I3, no anexo da proposta de decisión de execución do Consello, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final].

a) As entidades beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que este órgano xestor poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4 da devandita lei.

b) As demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.Subministrar toda a información necesaria para que a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

15. Dispor das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

16. Cumprir cos criterios de definición de peme, para pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE, así como para as grandes empresas, segundo o disposto no artigo 2)24 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

17. Non superar, en ningún caso, o valor de mercado no custo de adquisición dos investimentos ou nos gastos subvencionables.

18. Someterse ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resiliencia e ás actuacións da autoridade de control ou das entidades que actúen baixo a súa coordinación ou responsabilidade. En particular, no relativo á:

– Obriga de asegurarse da regularidade do gasto subxacente e da adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento. Para tal efecto, establecerase un sistema eficaz e eficiente e recuperaranse os importes aboados baixo erro ou empregados de maneira incorrecta, no senso do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

– Debe terse en conta o cumprimento da normativa sobre axudas de Estado, con especial referencia aos supostos en que vaian participar varias administracións públicas, nos que se debe ter especial coidado coas regras de acumulación de axudas e as de incompatibilidade entre axudas comunitarias, así como coas intensidades máximas, procurando que as categorías de axudas, na medida do posible, non sexan concorrentes senón complementarias e que os gastos públicos elixibles non sexan os mesmos. Para iso débese contribuír ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións (BDNS) en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas e lémbrase a necesidade de cumprir adecuadamente coas obrigacións de subministración de información a esta (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo).

– Contribución á fiabilidade do sistema, en xeral, e do sistema de seguimento de indicadores do cumprimento de fitos e obxectivos e de seguimento do custo estimado, en particular.

– Requisitos de pista de auditoría de conformidade co antedito artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

– Obrigas de comunicación sobre o financiamento das medidas incluídas nestas bases xa que se incluíron no Plan para a recuperación e resiliencia.

– Subministración de información dos datos sobre o perceptor final dos fondos, cando non sexa o mesmo, así coma dos contratistas e subcontratistas no caso de que o perceptor final sexa un poder adxudicador.

19. Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» na execución das actuacións subvencionadas no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

20. Asumir calquera outra obriga comunitaria ou nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

21. Os proxectos financiables deberán ser compatibles co etiquetado verde, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases do seu deseño e execución.

i) Aceptación e renuncia das subvencións: transcorridos dez (10) días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

j) Pagamento da axuda e posibilidade de solicitar anticipo: o pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable, e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación desta. De acordo co devandito artigo 63, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada. As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado, deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V. As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán constituír garantías nos termos establecidos no artigo 67 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, salvo nos supostos previstos no artigo 65.4 do mesmo decreto.

De non presentar a solicitude de pagamento anticipado enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» ao ambiente na execución das actuacións subvencionadas no senso do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar as inversións sostibles e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088. Os órganos competentes da consellería concedente poderanlle solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, e advertirlle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

k) Modificación da resolución: toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Recursos: as resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Relación de solicitudes recibidas

Nº de expediente

Nome do/da solicitante

NIF do/da solicitante

EEPP-001-2023

Sociedade Galega do Medioambiente, S.A.

A15379803

EEPP-002-2023

Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaje Textil de Galicia, S.L.

B70388129

EEPP-003-2023

Arroupa Santiago EIL, S.L.

B70467659

EEPP-004-2023

Tecnología y Reciclaje de Materiales, S.L. _Tyrma

B15965643

EEPP-005-2023

Tecnología y Reciclaje de Materiales, S.L. _Tyrma

B15965643

EEPP-006-2023

Alumisel, S.A.

A36058634

EEPP-007-2023

González Couceiro, S.L. Unipersonal

B36179299

ANEXO II

Relación de solicitudes beneficiarias

Nº de expediente

Nome do/da solicitante

NIF do solicitante

Liña

Total proxecto subvencionable

Cantidade subvencionable 2023

Cantidade subvencionable 2024

Total subvencionable

EEPP-001-2023

Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.L.

A15379803

L3

1.905.190,00 €

11.900,00 €

750.176,00 €

762.076,00 €

EEPP-002-2023

Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaje Textil de Galicia, S.L.

B70388129

L2

184.100,00€

30.896,11 €

71.960,56 €

102.856,67 €

EEPP-003-2023

Arroupa Santiago, EIL, S.L.

B70467659

L2

1.363.740,00 €

12.057,65 €

385.608,92 €

397.666,58 €

EEPP-006-2023

Alumisel, S.A.

A36058634

L3

1.735.080,00 €

23.640,00 €

670.392,00 €

694.032,00 €

ANEXO III

Relación de solicitudes non beneficiarias e motivo da exclusión

Nº de expediente

Nome do/da solicitante

Motivo

EEPP-004-2023

Tecnología y Reciclaje de Materiales, S.L. _Tyrma

A tipoloxía do proxecto presentado non se inclúe dentro das actuacións subvencionables

EEPP-005-2023

Tecnología y Reciclaje de Materiales, S.L. _Tyrma

A tipoloxía do proxecto presentado non se inclúe dentro das actuacións subvencionables

EEPP-007-2023

González couceiro, S.L. Unipersonal

A tipoloxía do proxecto presentado non se inclúe dentro das actuacións subvencionables