DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2023 Páx. 62835

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 7 de novembro de 2023 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR353A).

A Orde desta consellería do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 establece no seu artigo 28.1 que os créditos previstos para o seu financiamento poderán ser incrementados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se poidan establecer na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, existindo crédito dispoñible procedente de incorporacións de crédito e remanentes doutras convocatorias que pode aplicarse a incrementar o importe do crédito inicialmente previsto para o financiamento das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego, procede ditar esta orde de ampliación para poder atender o maior número de solicitudes posibles en cumprimento do disposto nos preceptos anteriormente citados e co fin de garantir unha maior execución dos fondos finalistas.

Por todo o exposto e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario

Amplíase o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde desta consellería do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, nunha contía de 3.345.591,06 euros para a anualidade de 2023 e de 6.213.240,54 euros para a anualidade de 2024, na aplicación orzamentaria 11.050.322A.460.2 (código de proxecto 2014 00543).

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 21 de abril de 2023 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade