DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2023 Páx. 65490

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional denominado Vicesecretaría do Concello de Lugo.

O Concello de Lugo aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado Vicesecretaría do Concello de Lugo, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da entón denominada Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Lugo.

Posto: Vicesecretaría.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel do complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 40.496,68 euros.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva, polo sistema de libre designación,
do posto de traballo da Vicesecretaría do Concello de Lugo

Primeira. Obxecto da convocatoria

Constitúe o obxecto desta convocatoria a provisión, polo sistema de libre designación, de conformidade co disposto nos artigos 45 e 46 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios da Administración local con habilitación nacional:

– Corporación: Concello de Lugo.

– Denominación e clase do posto: Vicesecretaría.

– Nivel do complemento de destino: 30.

– Complemento específico anual (ano 2023): 40.496,68 euros.

– Requisitos para o seu desempeño conforme a relación de postos de traballo: subescala de secretaría, categoría superior.

– Referencia ao coñecemento da lingua propia da Comunidade Autónoma correspondente, conforme a súa normativa específica: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

– Sistema de provisión: libre designación.

Segunda. Requisitos

Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría e categoría superior.

Os/as aspirantes deberán acreditar, mediante a presentación coa solicitude de participación nesta convocatoria, posuír o certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou o seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Aquelas persoas aspirantes que non acrediten posuír o Celga 4 ou equivalente deberán facer unha proba de carácter eliminatorio en que se avaliará co resultado de apto ou non apto o grao de coñecemento de galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Terceira. Remisión da convocatoria

A convocatoria remitirase ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a remisión á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 45 do Real decreto 128/2018.

Cuarta. Presentación de instancias

As instancias para participar nesta convocatoria dirixiránselle á alcaldesa presidenta do Concello de Lugo e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, durante o prazo de quince (15) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

A instancia irá xunto coa seguinte documentación:

– Copia compulsada do DNI.

– Número de rexistro persoal.

– Situación administrativa en que se atope a persoa solicitante, así como o seu destino.

– Certificado que acredite o coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

– Currículum vitae. Neste currículo constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desenvolvidos na Administración, estudos, traballos e cursos impartidos e recibidos, así como aqueloutros méritos que considere oportuno alegar. Ao currículo deberán xuntarse os documentos xustificativos dos méritos que se aleguen, mediante certificacións ou fotocopias autenticadas, pois non se valorarán aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Quinta. Resolución

Concluído o prazo, a presidenta da Corporación, se é o caso, logo da constatación dos requisitos exixidos na convocatoria e en vista da traxectoria profesional e dos méritos acreditados, ditará a resolución correspondente no prazo dun (1) mes; daralle conta ao Pleno da corporación e trasladaraa ao órgano competente da Comunidade Autónoma e ao Ministerio de Facenda e Función Pública para a publicación no Boletín Oficial del Estado. O posto adxudicarase entre os candidatos que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Sexta. Toma de posesión

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

Sétima. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición ante a alcaldesa presidenta do Concello de Lugo no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.