DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66478

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia.

O Decreto 144/2001, do 7 de xuño, establece as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. A súa disposición derradeira cuarta dispón que o importe das indemnizacións se poderá revisar mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Ata o momento actual, o Consello da Xunta de Galicia adoptou tres acordos de revisión ao abeiro do previsto na referida disposición derradeira cuarta do Decreto 144/2001, do 7 de xuño. Con base no primeiro deles, adoptado o 29 de decembro de 2005, véñense aplicando desde o ano 2006 as ditas contías, tanto para as axudas de custo como para as indemnizacións por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia.

No ámbito estatal, a Orde do Ministerio de Facenda e Función Pública HFP/793/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa o importe da indemnización por uso de vehículo particular establecida no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, actualizou a contía da indemnización que se vai percibir como gasto de viaxe polo uso de vehículo particular en comisión de servizo ata 0,26 € por quilómetro percorrido.

De conformidade co exposto, á vista do tempo transcorrido desde a última revisión, e tendo en conta as circunstancias da situación económica actual, apréciase a necesidade de actualizar determinados importes: por unha banda, os das indemnizacións por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención previstas para o persoal empregado público da Xunta de Galicia, e, por outra, a contía da indemnización por uso de vehículo particular polo persoal empregado público da Xunta de Galicia.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública, o Consello da Xunta, na súa reunión do día 23 de novembro de 2023, adoptou o seguinte

ACORDO:

1. Aprobar a actualización das contías das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención previstas para o persoal empregado público da Xunta de Galicia, nos importes e para os grupos de persoal reflectidos a continuación, de conformidade coa disposición derradeira cuarta do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servicio ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia:

Axudas de custo en territorio nacional

Grupo

Persoal

Por aloxamento

Por manutención

Axuda de custo enteira

Altos cargos, subdirectores xerais e asimilados

120,92 €

53,34 €

174,26 €

Funcionarios subgrupos A1 e A2 e asimilados

77,78 €

44,09 €

121,87 €

Funcionarios subgrupo C1 e asimilados

57,68 €

33,26 €

90,94 €

Persoal non incluído dentro dos anteriores

57,68 €

33,26 €

90,94 €

2. Aprobar a actualización da contía da indemnización por uso de vehículo particular, que queda fixada como segue:

Uso de vehículo particular, 0,26 euros por quilómetro percorrido.

3. Ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública