DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66480

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 24 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Tras a súa aprobación, no Diario Oficial de Galicia, número 77, do 21 de abril, publicouse a Orde do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

No artigo 20 regúlase a xustificación da subvención e establécese para a anualidade 2023 como data límite o 7 de decembro de 2023 e no artigo 21 referido ao pagamento, concretamente no seu número 1 parágrafo cuarto, establece, en canto á prima polo desenvolvemento do proxecto, que deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 7 de decembro de 2023 (anualidade 2023) e 7 de decembro de 2024 (anualidade 2024).

A través do Diario Oficial de Galicia, número 155, do 17 de agosto, por Resolución do 8 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, publícase a Resolución do 7 de agosto de 2023 de concesión das axudas convocadas pola referida Orde do 11 de abril de 2023.

Tendo en conta a data de publicación da resolución de adxudicación das axudas, co fin de facer viables a execución e xustificación por parte das persoas beneficiarias da axuda considérase necesario ampliar o prazo de xustificación na anualidade 2023.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A)

A Orde do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A) queda modificada como segue:

Un. O artigo 20 queda redactado como segue:

«Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para xustificar os gastos de investimento que comprenderá as actuacións realizadas presentarase con data límite do 18 de decembro de 2023, xunto coa solicitude de pagamento (anexo V), unha memoria económica que recolla a seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, con indicación do acredor e do documento, importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que existan desviacións respecto ao orzamento achegado, a persoa beneficiaria promotora da casa do maior indicará e xustificará as desviacións producidas.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos de investimento realizados, xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique este mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados pola entidade bancaria e asinados pola persoa representante da entidade bancaria autorizada para os ditos efectos. As facturas dos gastos de investimento presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:

1º. A copia de cada factura deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.

2º. Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa beneficiaria promotora da casa do maior.

3º. Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberase indicar IVE incluído, así como o lugar e a data.

4º. Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento.

Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria. Para o caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito ou débito, esta deberá estar asociada á conta da persoa beneficiaria.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que corresponder a gastos derivados da realización do proxecto subvencionable, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 5.2.

c) De ser o caso, unha relación detallada doutras subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e procedencia.

2. A xustificación da axuda concedida para o funcionamento do proxecto a través da prima de desenvolvemento, no 2023, abranguerá ata o 30 de novembro de 2023 e presentarase con data límite do 18 de decembro de 2023 e, no 2024, abranguerá ata o 30 de novembro de 2024 e presentarase con data límite do 7 de decembro de 2024.

Con cada solicitude de pagamento (anexo V) as persoas beneficiarias promotoras da casa do maior deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou, de ser o caso, titores ou representantes legais dos maiores que acudan á casa do maior (anexo VI).

Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/polas persoa/s responsables do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou das súas titoras ou representantes legais (anexo VII).

Para xustificar o servizo de manutención, deberán achegarse os rexistros mensuais deste servizo asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou das súas titoras ou representantes legais (anexo VIII).

3. Adicionalmente, na xustificación final referida á axuda ao desenvolvemento do proxecto presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo persoa responsable do desenvolvemento do proxecto.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica como fotografías, copias, capturas de pantalla ou similar, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c) Rexistros mensuais de asistencia, servizo de desprazamento e/ou manutención asinados pola persoa responsable do desenvolvemento da casa do maior e polas persoas usuarias ou titores ou representantes legais, non achegados con anterioridade.

4. No caso de que a xustificación da axuda ao investimento e/ou ao desenvolvemento do proxecto sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, tras a resolución ditada conforme o establecido no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora».

Dous. O número 1 do artigo 21 sobre o pagamento, queda redactado como segue:

«1. De xeito específico, as persoas beneficiarias poderán solicitar para gastos de investimento un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

O importe restante que corresponda para completar o pagamento dos gastos de investimento efectuados realizarase tras a xustificación total do investimento sempre que se efectuase a xustificación documental.

Así mesmo, en relación co pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención concedida, minorada proporcionalmente en atención aos meses de funcionamento efectivo da casa do maior, en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo no momento do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

En todo caso, deberase presentar a solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 18 de decembro de 2023 (anualidade 2023) e do 7 de decembro de 2024 (anualidade 2024)».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e non implica a apertura de prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude