DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66485

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 27 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 6 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, para os anos 2023 a 2025, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS623C).

O 18 de setembro de 2023 publicouse, no Diario Oficial de Galicia número 177, a Orde do 6 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, para os anos 2023 a 2025, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS623C).

A convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia, e o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

Así mesmo, é de aplicación o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados, establece no seu artigo 5 que o Fondo Social Europeo Plus (en diante FSE+) prestará o seu apoio, entre outros, ao obxectivo político Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais, e o Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013 establece, entre os seus obxectivos xerais, lograr unha protección social xusta e unha sociedade inclusiva e cohesionada que aspire a erradicar a pobreza e cumprir os principios establecidos polo piar europeo de dereitos sociais, para o que establece como obxectivos específicos fomentar a inclusión activa ao obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos, así como promover a integración social das persoas en risco de pobreza ou exclusión social, incluídas as persoas máis desfavorecidas e a poboación infantil.

O artigo 25 das bases regula os prazos e a modalidade de xustificación. No número 2 establécese que as entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. O primeiro período comprende as actuacións realizadas entre o 1 de maio de 2023 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, e a xustificación deberá presentarse con data límite do 5 de decembro de 2023.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Tendo en conta que o exceso de volume de solicitudes dificulta a resolución da convocatoria e dada a proximidade do prazo para a xustificación do primeiro período establecido nas bases da convocatoria, o 5 de decembro de 2023, considérase necesario introducir a modificación do artigo 25.2 da Orde do 6 de setembro de 2023, e ampliar o prazo de xustificación do primeiro período, de tal xeito que as entidades beneficiarias poderán presentar a xustificación das actuacións realizadas desde o 1 de maio de 2023 ata o 30 de novembro de 2023 ata o 15 de decembro de 2023, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros.

A presente modificación non altera o réxime recollido nas bases da convocatoria, polo que non determina a necesidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, para os anos 2023 a 2025, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS623C)

Modifícase o número 2 do artigo 25, que queda redactado como segue:

«2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. O primeiro período comprende as actuación realizadas entre o 1 de maio de 2023 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, e a xustificación presentarase ata o 15 de decembro de 2023. A segunda anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 5 de decembro de 2024. A terceira anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de abril de 2025, e a xustificación presentarase con data límite do 15 de maio de 2025».

Disposición adicional única. Non apertura do prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude