DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66462

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 27 de novembro de 2023 pola que se regulan as operacións de peche do exercicio de 2023 e de apertura do exercicio 2024.

O artigo 47 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e que a el se lle imputarán os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.

Na presente orde procédese á regulación dos prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de pechamento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos do ano 2023.

Regúlanse tamén os procedementos e prazos para a realización das operacións contables propias da apertura da contabilidade do ano 2024.

Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1.1. Esta orde será de aplicación:

a) Á Administración xeral da Xunta de Galicia.

b) Aos organismos autónomos.

c) Ás axencias públicas autonómicas.

d) A aqueloutras entidades que, con carácter específico, determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

1.2. O resto de entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde, e a formar e remitir as súas contas anuais nos termos regulados no artigo 18 desta orde.

1.3. As entidades que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, formen parte do sector administracións públicas e que non figuren incluídas entre as entidades a que se refiren os puntos 1.1 e 1.2 están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde.

Artigo 2 Sinalamento de haberes no mes de decembro

2.1. As nóminas elaboradas pola Amtega para a percepción de haberes do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 14 do dito mes e remitiranse o día 19 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e á tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 21 do mesmo mes; para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 12 de decembro.

2.2. Os haberes correspondentes ao mes de decembro satisfaranse a partir do día 21 do mesmo mes.

Artigo 3. Modificacións orzamentarias

3.1. Os expedientes de modificacións orzamentarias que afecten o orzamento de 2023 terán como data límite de entrada na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos o día 15 de decembro de 2023.

3.2. O prazo previsto no punto anterior deste artigo non será aplicable nas modificacións que afecten créditos do capítulo I «Gastos de persoal» e as seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

3.3. Os expedientes de modificacións orzamentarias deberán estar completos. En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.

Artigo 4. Recepción e tramitación de documentos contables

4.1. Os documentos contables, relativos aos capítulos II e IV, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 15 de decembro: documentos en fase RC para A, documentos A e documentos AD de exercicios correntes e futuros.

b) O día 22 de decembro: documentos D de exercicios correntes e futuros.

c) O día 20 de decembro: documentos financiados por fondos europeos do marco 2014-2020 para os que o pagamento se deba realizar antes da finalización do ano 2023.

d) O día 29 de decembro: resto de documentos contables.

Excepcionalmente, naquelas obrigas de capítulo II xeradas polo cumprimento de prestacións ou servizos continuados e de devindicación periódica nas cales non sexa posible a determinación exacta do seu importe antes do 31 de decembro e co obxecto da súa correcta imputación ao exercicio 2023, admitirase a entrada dos documentos contables OK nas intervencións con data límite do 8 de xaneiro do 2024.

4.2. Os documentos contables, relativos aos capítulos VI e VII, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 15 de decembro: documentos en fase RC para A, documentos A, documentos AD de exercicios correntes e futuros.

b) O día 22 de decembro: documentos D de exercicios correntes e futuros.

c) O día 20 de decembro: documentos financiados por fondos europeos do marco 2014-2020 para os que o pagamento se deba realizar antes da finalización do ano 2023.

d) O día 29 de decembro: resto de documentos contables.

4.3. Quedarán exceptuados do disposto nos puntos anteriores:

a) Os gastos que correspondan a expedientes que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais.

b) As achegas financiadas con cargo ao capítulo IV e VII previstas no Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia.

c) Os expedientes de gasto con cargo ás partidas correspondentes ao bono social térmico, dependencia, renda de integración, pensións non contributivas e axudas de emerxencia social. Inclúense neste punto as transferencias a corporacións locais en materia de dependencia.

d) Os expedientes de gasto correspondentes ás axudas económicas do Programa de apoio á natalidade xestionadas a través da «tarxeta benvida» e do «bono concilia familia».

e) Os expedientes de gasto correspondentes a comedores escolares, transporte escolar, gastos de funcionamento dos centros e subvencións a centros concertados. Cando estes expedientes sexan tramitados mediante pagamentos a xustificar, tampouco lles será de aplicación a limitación que establece o artigo 8.1 desta orde.

f) Os expedientes de gasto correspondentes ao pagamento da prestación periódica establecida no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, así como a indemnización prevista no artigo 43 da mesma lei.

g) Os expedientes correspondentes a farmacia hospitalaria e receitas médicas.

h) Os expedientes de gasto correspondentes á asistencia xurídica gratuíta.

i) Os expedientes de gasto correspondentes a prórrogas de contratos.

j) Os expedientes financiados polo Feaga e polo Feader.

k) Os documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD con cargo aos créditos do capítulo IV financiados por transferencias finalistas do Estado.

l) Os documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD con cargo aos créditos financiados polos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

m) Os documentos contables necesarios para reaxustar as anualidades dando cumprimento ao disposto no punto 1 do artigo 11 desta orde.

n) Os gastos correspondentes ás seccións 01, 02 e 21 do orzamento de gastos.

A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais para estes expedientes será o 29 de decembro.

4.4. Os documentos contables relativos aos capítulos III, VIII e IX e os do capítulo I non incluídos no artigo 2º desta orde terán como data límite de entrada o 29 de decembro.

4.5. Os documentos contables positivos cando formen parte dunha formalización e veñan acompañados polo documento contable negativo correspondente terán como data límite de entrada o 8 de xaneiro de 2024.

4.6. Con carácter excepcional, poderán ter entrada nas intervencións delegadas ata o 30 de xaneiro de 2024 os seguintes documentos:

a) Os documentos contables relativos ás transferencias de financiamento previstas no artigo 47 da Lei 6/2022, de orzamentos para o 2023, cando se realicen entre as entidades incluídas no artigo 1.1 desta orde.

b) Os documentos contables negativos non incluídos no punto 5 deste artigo.

c) Os documentos contables relativos ao pagamento das cotas de Seguridade Social do mes de decembro.

Todos estes documentos deberán ser contabilizados non máis tarde do 31 de xaneiro. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá ampliar o prazo fixado neste punto 4.6 cando as circunstancias propias das operacións de peche do exercicio así o aconsellen.

4.7. Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada terán como data límite de entrada o 22 de decembro.

4.8. Nos organismos autónomos e nas axencias autonómicas non sometidos a función interventora, as datas a que fan referencia os puntos anteriores entenderanse referidas ao momento da contabilización dos expedientes pola oficina contable da dita entidade.

4.9. As intervencións delegadas e as demais oficinas contables absteranse de tramitar calquera documento recibido con posterioridade ás datas límite que se establecen neste artigo, coa única excepción daqueles documentos aos cales se xunte a autorización a que se refire a disposición adicional desta orde.

Artigo 5. Xustificación das operacións

5.1. Os documentos e expedientes a que se refire o artigo 4 deberán remitirse ás intervencións acompañados da totalidade da documentación que preceptúe a normativa que hai que aplicar en cada caso e que acredite a necesidade de contabilizar a operación con cargo ao orzamento do ano 2023.

No suposto de remisión de documentos contables que incumpran o anteriormente sinalado, a intervención delegada procederá á súa devolución ao órgano xestor sen contabilizar, e absteranse de contabilizalos no caso de que volvan entrar unha vez transcorrida a data límite establecida.

As intervencións delegadas e territoriais velarán moi especialmente polo cumprimento desta norma.

5.2. En particular, aplicaranse as seguintes normas:

a) Nos expedientes plurianuais de contratos de obras, servizos e subministracións, e de subvencións e convenios, a intervención comprobará que a imputación ao exercicio 2023 se realice pola parte que proceda, segundo o programa de traballo ou o plan de investimentos.

b) Aboamentos á conta por operacións preparatorias dos contratos: serán excepcionais, e requirirán autorización da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, os aboamentos de anticipos ás empresas adxudicatarias dos contratos; o órgano de contratación deberá xustificar a súa necesidade de acordo co programa de execución do investimento.

Artigo 6. Actos de recepción

Para os efectos de realizar as comprobacións materiais de aplicación dos fondos públicos en datas compatibles co peche do exercicio contable, as solicitudes de designación de representante deberán recibirse na Intervención antes do 15 de decembro de 2023.

Artigo 7. Tramitación conxunta de obrigas recoñecidas e propostas de pagamento

A tramitación de expedientes que impliquen o recoñecemento de obrigas realizarase conxuntamente coa correspondente proposta de pagamento. Os interventores delegados e territoriais velarán especialmente polo cumprimento deste artigo.

Artigo 8. Pagamentos que hai que xustificar

8.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais dos documentos con fase OK que hai que xustificar será o 15 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas e territoriais os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o día 18 de decembro.

8.2. As cantidades libradas que hai que xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas no ano 2023.

As contas xustificativas e os documentos contables de formalización deben presentarse antes do día 8 de xaneiro de 2024.

Os importes non aplicados reintegraranse ao Tesouro da Comunidade Autónoma.

8.3. Como parte da xustificación, os habilitados enviarán por correo electrónico á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a certificación acreditativa do saldo da conta en 31 de decembro de 2023.

Artigo 9. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro

9.1. O último día do exercicio 2023 en que a Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá satisfacer pagamentos será o 31 de decembro.

9.2. Ata que as intervencións delegadas e territoriais deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2023 manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.

9.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2024.

Artigo 10. Ingresos procedentes de dereitos liquidados

Os órganos xestores con competencia en materia de ingresos velarán especialmente para que o día 12 de xaneiro estean realizadas todas as actuacións necesarias para a imputación ao exercicio 2023 dos dereitos e recadación que corresponda. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma coidará moi especialmente do cumprimento do disposto no artigo 80 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 11. Operacións de fin de exercicio

11.1. Con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores procederán á anulación dos saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.

11.2. Unha vez realizadas estas operacións, os centros xestores remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o anexo que figura ao final desta orde mediante o cal se comunicará a finalización da tramitación de operacións do exercicio 2023.

11.3. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

11.4. Como consecuencia do anterior, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias do ano 2023, dos saldos de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes, con excepción das retencións de non dispoñibilidade de crédito (RCnd).

Estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

11.5 Así mesmo, e con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores procederán a anular os saldos en fase A e RC da agrupación de exercicios futuros que, de acordo coa normativa de aplicación, non deban manter a súa vixencia no ano 2024.

Artigo 12. Relación de acredores orzamentarios

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma regularizará os saldos de obrigas de exercicios pechados e poderá dar de baixa en contas os saldos cuxa antigüidade sexa superior a cinco anos.

Os centros xestores remitirán á Intervención Xeral, con data límite do 8 de xaneiro de 2024, unha relación dos saldos de obrigas propias das súas competencias para as que, aínda que se cumpra a condición prevista no parágrafo anterior, non deban ser dados de baixa en contas por manteren a súa vixencia atendendo ás condicións específicas da tramitación dos expedientes afectados.

Artigo 13. Propostas de pagamento pendentes de realización

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, indicando á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 8 de xaneiro de 2024, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.

Artigo 14. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios

As intervencións delegadas e territoriais e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables pendentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.

Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.

Artigo 15. Relación de gastos non imputados ao orzamento do exercicio 2023

Unha vez finalizadas as operacións recollidas nos números 1, 2 e 3 do artigo 11, os centros xestores comunicarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2023, con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.

A Intervención Xeral poderá obter de oficio do Sistema electrónico de facturación a información das obrigas a que se refire o parágrafo anterior e que estean soportadas en facturas.

Os centros xestores deberán comunicar, con data límite do 8 de xaneiro, a relación de gastos correspondentes a expedientes de subvencións, persoal, expropiacións, responsabilidade patrimonial da Administración e, en xeral, calquera gasto cuxa xustificación figure en calquera outro tipo de documento.

Os centros xestores remitirán con data límite do 8 de xaneiro unha relación dos litixios xudiciais pendentes de resolución que afecten expedientes da súa competencia, incluíndo para cada un deles a cuantificación do importe polo que se litiga. A asesoría xurídica proporcionará unha estimación do risco de resolución contraria á Administración, individualizado por cada un dos litixios.

Artigo 16. Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público

As entidades previstas nos números 1.2 e 1.3 do artigo 1 desta orde remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 15 de xaneiro, a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo Consello de Política Fiscal e Financeira.

A información será asinada dixitalmente e remitida á Subdirección Xeral de Contabilidade a través do sistema CODEX.

Artigo 17. Contabilidade financeira

A información derivada da contabilidade financeira deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao peche do exercicio de 2023 como de 2022.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100, <<Patrimonio>>.

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase con carácter xeral o 2 % para inmobles e o 10 % para o restante inmobilizado amortizable.

Artigo 18. Elaboración e remisión das contas anuais

18.1. Todas as entidades incluídas nos números 1.1 e 1.2 do artigo 1 desta orde deberán formular as súas contas antes do 31 de marzo de 2024. As contas deberán ser postas á disposición dos auditores antes do 2 de abril de 2024.

18.2. Unha vez aprobadas polo órgano competente, as contas serán remitidas á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma con data límite do 30 de xuño de 2024 para os efectos da súa incorporación á conta xeral da Comunidade Autónoma.

As contas serán remitidas xunto co informe de auditoría correspondente e mais o certificado da aprobación destas.

18.3. Xuntarase ás contas anuais un informe relativo ao grao de execución dos indicadores e ao grao de cumprimento de obxectivos previstos na Lei de orzamentos do exercicio.

18.4. Cando a información incluída nas contas definitivas difira da enviada nos modelos normalizados aprobados polo Consello de Política Fiscal e Financeira, deberanse actualizar os modelos e remitilos á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma coa información correcta con data límite do 30 de xuño de 2024.

Artigo 19. Peche do exercicio 2023

Sen prexuízo do disposto en normas especiais contidas nesta orde, o día 12 de xaneiro de 2024 pecharase a contabilidade orzamentaria dos centros de gastos e ingresos correspondente ao exercicio de 2023.

As operacións que se imputen ao orzamento de 2023 e que se realicen durante o exercicio 2024 levarán data contable do 31 de decembro de 2023, sen prexuízo de que os actos de que deriven teñan data posterior.

Unha vez concluídas as operacións de peche do exercicio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma fixará a data definitiva de peche da contabilidade de 2023. A partir dese momento non se poderá incorporar ás contas ningunha actuación.

Artigo 20. Apertura do exercicio 2024

20.1. Antes do 15 de decembro de 2023 a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos deberá elevar á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública a proposta dos criterios que se aplicarán na incorporación automática de remanentes de crédito, de conformidade co disposto na Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.

20.2. Antes do 29 de decembro de 2023, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos remitirá á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma un informe sobre os criterios seguidos, se é o caso, para a transformación dos códigos de aplicación e de proxecto entre os exercicios 2023 e 2024, indicando cando corresponda os códigos de aplicación e proxecto do orzamento de 2024, que son continuidade dos utilizados no exercicio 2023.

O informe poderá ser substituído pola actualización no sistema Xumco das táboas relativas á transformación destes códigos entre os dous exercicios contables.

20.3. A contabilidade do exercicio 2024 ábrese o día 1 de xaneiro de 2024.

A Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio os créditos orzamentarios autorizados pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 e os límites de gasto con cargo a exercicios futuros, seguindo os criterios definidos pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos na elaboración dos orzamentos do exercicio 2024.

Calquera modificación dos límites de gasto con cargo a exercicios futuros instrumentarase a través da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos. Tras as oportunas verificacións, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos remitirá os documentos contables debidamente cubertos á Subdirección Xeral de Contabilidade, que procederá á súa contabilización.

Desde o día 2 de xaneiro poderanse realizar operacións con cargo ao orzamento de 2024, coas limitacións establecidas nesta orde.

Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada que, con data do 31 de decembro de 2023, non fosen contabilizados serán devoltos ao xestor para os efectos da súa substitución por documentos contables do exercicio 2024. Todos os actos realizados conservarán a súa vixencia nos termos recollidos na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 21. Traspaso de saldos e remanentes

21.1. Traspaso de actuacións realizadas en réxime de tramitación anticipada.

Unha vez aberta a contabilidade do exercicio 2024, procederase ao traspaso dos expedientes tramitados no ano 2023 ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

No caso de que no orzamento de 2024 non exista crédito adecuado e suficiente, e non sexa posible emendar a carencia do crédito, aplicarase a condición suspensiva recollida na dita orde.

21.2. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos con cargo a exercicios futuros.

Unha vez pechada a contabilidade de exercicios futuros no exercicio 2023, procederase ao traspaso ao exercicio 2024 dos compromisos firmes que fosen contabilizados na agrupación de «exercicios futuros» en 2023.

No caso de que os compromisos se refiran a varias anualidades, traspasaranse de forma conxunta a parte correspondente a 2024 e a parte correspondente a exercicios posteriores, que se contabilizará na agrupación de «exercicios futuros».

Cando, por falta de crédito adecuado e suficiente no orzamento de 2024, non se poida imputar o gasto correspondente a este exercicio, o órgano xestor deberá propoñer a aplicación e/ou o proxecto a que se debe imputar o compromiso de gasto, ou tramitar ante a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos a modificación de crédito necesaria.

Cando o crédito aprobado para o exercicio 2024 si sexa suficiente para imputar a anualidade de 2024, pero os límites de futuros xerados na apertura do exercicio conforme o artigo 20.3 desta orde non sexan suficientes para poder realizar o traspaso das anualidades futuras, a Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio o incremento de límites necesario para poder realizar o traspaso contable dos compromisos.

21.3. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos en exercicios anteriores.

Seguidamente procederase á imputación ao exercicio 2024 dos compromisos firmes de gasto adquiridos e imputados ao exercicio 2023, e que non acadasen fase de obriga recoñecida no dito exercicio.

Cando, por falta de crédito adecuado e suficiente no orzamento de 2024, non se poida imputar o gasto correspondente a este exercicio, o órgano xestor deberá propoñer a aplicación e/ou o proxecto a que se debe imputar o compromiso de gasto, ou tramitar ante a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos a modificación de crédito necesaria.

Se os expedientes que hai que traspasar se corresponden con créditos desconcentrados, a Subdirección Xeral de Contabilidade poderá contabilizar de oficio a desconcentración dos créditos necesarios para a correcta imputación dos compromisos.

21.4. Normas comúns aos traspasos.

Os traspasos das operacións a que se refiren os puntos anteriores serán realizados de oficio polos responsables das oficinas contables. Os traspasos deberan realizarse coa maior celeridade posible.

A imputación realizarase con carácter xeral nas mesmas aplicacións e proxectos en que foi contabilizado o gasto no exercicio 2023. No caso de que a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos asignase un novo código de aplicación e/ou proxecto nos orzamentos de 2024, a imputación realizarase nos códigos detallados no informe a que se refire o artigo 20.2 desta orde.

Antes da finalización do mes de febreiro, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos un informe comprensivo dos traspasos pendentes de realizar e das posibles insuficiencias de crédito.

A Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos poderá adoptar as medidas que considere necesarias para garantir o financiamento dos gastos pendentes de traspasar, incluíndo a tramitación de RC de non dispoñibilidade en aplicacións da mesma sección orzamentaria.

21.5. Incorporación de remanentes.

Unha vez pechada a contabilidade do exercicio 2023 e determinados de forma definitiva os saldos de crédito resultantes, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos tramitará de oficio as operacións que correspondan en aplicación do disposto na Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.

A incorporación daqueles remanentes que non se poida realizar ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2007 realizarase por iniciativa do órgano competente para a xestión dos créditos correspondentes.

Artigo 22. Tramitación de expedientes con cargo ao orzamento de 2024

Mentres non estea garantido o financiamento suficiente para a imputación dos compromisos firmes adquiridos en exercicios anteriores e das actuacións realizadas en tramitación anticipada non se poderán tramitar expedientes de gasto con cargo ao exercicio 2024.

Non obstante, en casos de urxente e inaprazable necesidade, debidamente xustificada, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a través das intervencións delegadas, poderá autorizar a tramitación de expedientes novos de gasto con cargo ao orzamento do ano 2024 con anterioridade á finalización das operacións de traspaso dos expedientes procedentes de exercicios anteriores.

Cando un órgano xestor solicite a autorización a que se refire este artigo, deberá xuntar á solicitude unha certificación acreditativa da existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2024 para financiar tanto o novo expediente como aqueles expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar.

Os interventores, tras verificar que o crédito do exercicio 2024 é suficiente para o financiamento de todos os expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar, autorizarán a tramitación do expediente sen prexuízo dos posibles reparos que por outros motivos se lle poidan formular.

No caso en que unha entidade non estea suxeita a función interventora, as actuacións encomendadas neste artigo ás intervencións delegadas serán realizadas pola División de Auditoría Pública e Control Financeiro.

Artigo 23. Celeridade nas actuacións

Os órganos xestores tramitarán no menor tempo posible as actuacións necesarias para garantir a correcta imputación e contabilización de todos os saldos contables e operacións afectados por esta orde.

Disposición adicional única

Logo da avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos no caso das modificacións orzamentarias e, para o resto dos casos, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado, na cal se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Ponse en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma que a ........................... concluíu coa tramitación de todos os expedientes con imputación aos orzamentos de 2023.

Santiago de Compostela, ... de... de 2024

O/a director/a xeral

O/a secretario/a xeral