DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66449

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 30 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

De conformidade coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a atención ás persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal constitúe un dos principais retos da política social dos países desenvolvidos.

A Constitución española, no seu artigo 149.1.1ª, atribúe ao Estado a competencia exclusiva para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos seus dereitos e no cumprimento dos seus deberes constitucionais.

A necesidade de garantir aos cidadáns e ás propias comunidades autónomas un marco estable de recursos e servizos para a atención á dependencia levou o Estado a intervir neste ámbito coa regulación contida na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa normativa de desenvolvemento.

O Estado, mediante o Real decreto 1051/2013, do 27 de decembro, regulou as prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, establecidas na Lei 39/2006, de promoción da autonomía persoal e atención as persoas en situación de dependencia.

A propia natureza do obxecto da Lei 39/2006, do 14 de decembro, require dun compromiso e dunha actuación conxunta de todos os poderes e institucións públicas, polo que a coordinación e cooperación coas comunidades autónomas se converte nun elemento fundamental.

Polo tanto, na atención ás persoas en situación de dependencia xogan un papel fundamental as comunidades autónomas, dentro do ámbito competencial que lles corresponde. En concreto, no artigo 11 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, atribúeselles ás comunidades autónomas a planificación, a ordenación e a coordinación, no ámbito do seu territorio, dos servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, así como a xestión dos recursos necesarios para iso.

En Galicia, de conformidade co marco competencial exclusivo en materia de asistencia social da Comunidade Autónoma de Galicia e baixo o Sistema de servizos sociais de Galicia regulado na Lei 13/2008, do 13 de decembro, aprobouse o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, e a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do dito decreto.

O 19 de xullo de 2023 publicouse no BOE o Real decreto 675/2023, do 18 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1051/2013, do 27 de decembro, polo que se regulan as prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, establecidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

No real decreto defínese a teleasistencia como dereito subxectivo e indícase que se debe prestar como servizo complementario ao resto das prestacións, increméntanse as intensidades do servizo de axuda no fogar, e modifícanse os requisitos e as condicións de acceso á prestación económica para coidados na contorna familiar e apoio a coidadores non profesionais.

Así mesmo, o dito real decreto incrementa as contías máximas de protección, igualando os graos II e III para a prestación económica vinculada ao servizo de atención residencial, e os graos I e II para a prestación económica vinculada ao servizo de centro de día. Tamén se establecen as contías mínimas das prestacións económicas.

A efectividade das contías máximas e mínimas previstas nos anexos IV e V será a partir do día primeiro do mes seguinte á entrada en vigor deste real decreto, polo que a efectividade se aplica desde o 1 de agosto de 2023.

En definitiva, o Real decreto 675/2023, do 18 de xullo, introduce modificacións substanciais no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia relativas aos servizos e prestacións a que dá dereito. Isto fai necesario axustar a normativa da Comunidade Autónoma de Galicia ao establecido polo Estado e adaptar os procedementos e aplicacións informáticos ás novas intensidades e contías. Así mesmo, introdúcense melloras na protección da poboación galega con cargo ao nivel adicional establecido no artigo 7 da Lei 39/2006, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

En Galicia, o desenvolvemento das prestacións económicas e servizos a que dá dereito a Lei 39/2006, do 14 de decembro, están regulados pola Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

A realidade amosa a necesidade de que a Comunidade Autónoma complemente os importes fixados polo Estado para poder garantir un coidado digno das persoas dependentes, e resulta especialmente necesario complementar as libranzas ou prestacións económicas para coidados na contorna familiar ata os 5.000 € anuais para todas as persoas dependentes que cobran menos do máximo establecido polo Estado, e para o grao III, cuxa contía que se perciba sexa a máxima establecida polo Real decreto 675/2023, do 18 de xullo, engadir o complemento adicional do 10 % da Comunidade Autónoma.

Complementaranse con 1.200 € anuais os importes fixados polo Estado para as prestacións vinculadas á adquisición do servizo de atención residencial, sendo conscientes do importante esforzo económico que realizan as familias para poder pagar este servizo.

Ademais, os importes das libranzas ou prestacións económicas vinculadas á adquisición do servizo de axuda no fogar decreceron por mor das novas intensidades fixadas polo Estado para o servizo de axuda no fogar segundo o grao de dependencia recoñecido. Se Galicia non financia estas diferenzas e establece un coeficiente corrector na fórmula matemática para a libranza ou prestación económica vinculada á adquisición do servizo de axuda no fogar, a partir do 20 de xullo as persoas cunha libranza ou prestación económica vinculada á adquisición do servizo de axuda no fogar percibirán unha contía económica moi inferior pola mesma intensidade de horas desfrutadas ata o momento. En consecuencia, a Comunidade Autónoma de Galicia asumirá con cargo ao nivel adicional o importe necesario para garantir que a cidadanía siga a percibir o importe preciso para sufragar os gastos vinculados a este servizo nas mesmas condicións que antes de que o Estado aprobase esta norma.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2012, para o desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes

A Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda modificada como segue:

Un. O número 5 do artigo 23, referido ás intensidades do servizo de teleasistencia, queda redactado como segue:

«5. O servizo de teleasistencia prestarase como servizo complementario ao resto de prestacións contidas no Programa individual de atención, salvo no caso de servizo de atención residencial. Non obstante, recoñecerase o servizo de teleasistencia mentres non sexa efectivo o servizo de atención residencial».

Dous. O número 3 do artigo 24, referido á intensidade do servizo de axuda no fogar, queda redactado como segue:

«3. A intensidade do servizo de axuda no fogar determinarase no programa individual de atención e establecerase en número de horas mensuais de servizos asistenciais, mediante intervalos en función do grao de dependencia e da súa condición de axuda no fogar intensiva ou non intensiva, segundo o seguinte:

a) Entenderase por axuda no fogar intensiva, en función do grao de dependencia e número de horas ao mes de atención, a seguinte:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III

65 a 94 horas/mes

Grao II

38 a 64 horas/mes

Grao I

20 a 37 horas/mes

b) Entenderase por servizo de axuda no fogar non intensivo, en función do grao de dependencia e número de horas ao mes de atención, cando así o determine o programa individual de atención, compatibilizando este servizo con outros servizos e/ou libranzas ou prestacións económicas, tal e como se recolle no capítulo III desta orde, o seguinte:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III

Ata 65 horas/mes

Grao II

Ata 38 horas/mes

Grao I

Ata 20 horas/mes»

Tres. O artigo 34.bis queda redactado como segue:

«Artigo 34.bis. Nivel de protección na libranza ou prestación económica vinculada ao servizo de atención residencial

Unha vez determinada a contía da libranza ou prestación económica vinculada ao servizo de atención residencial segundo os importes e regras de cuantificación establecidos polo SAAD, e de acordo co establecido nos artigos 34, 47, 56 e 57 e a súa contía máxima establecida no anexo V, a contía da libranza ou prestación económica vinculada ao servizo de atención residencial terá un nivel de protección adicional de 100 euros mensuais».

Catro. O artigo 37 queda redactado como segue:

«Artigo 37. Requisitos específicos para o acceso á libranza ou prestación económica para coidados na contorna familiar

1. Para adquirir a condición de persoa beneficiaria é necesario, ademais do establecido na normativa que regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, e no artigo 11 desta orde, reunir os seguintes requisitos:

a) Que o programa individual de atención da persoa beneficiaria determine a adecuación desta prestación.

b) Que o expediente non sexa susceptible de tramitación como emerxencia social.

c) Que se dean as condicións axeitadas de convivencia e habitabilidade da vivenda para a prestación dos coidados necesarios. Valoraranse as condicións axeitadas de habitabilidade da vivenda, entre as que se terá en conta a accesibilidade suficiente que permita o exercicio das funcións de coidado persoal.

Cando a persoa teña recoñecida a situación de dependencia en grao III a II, será necesaria a convivencia coa persoa coidadora non profesional dada a necesidade de atención permanente e apoio indispensable e continuo que se require.

Cando a persoa tivese recoñecida a situación de dependencia en grao I, poderá exceptuarse o devandito requisito de convivencia, sempre que se asegure a atención inmediata por parte da persoa coidadora non profesional.

No informe que sexa elaborado polos servizos sociais comunitarios, de saúde ou especializados, de ser o caso, debe quedar constancia de que se dan as condicións de habitabilidade, convivencia e a relación do beneficiario coa persoa coidadora non profesional.

d) Que a persoa en situación de dependencia estea sendo atendida mediante coidados na contorna no momento de elaboración ou revisión do programa individual de atención.

2. Respecto da persoa coidadora non profesional encargada da atención da persoa en situación de dependencia, deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Residir legalmente en España e estar empadroada nun municipio na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ser cónxuxe, parella de feito ou familiar por consanguinidade, afinidade ou adopción, ata o cuarto grao de parentesco, ou ben ser unha persoa do entorno relacional da persoa en situación de dependencia. En todo caso, a persoa coidadora debe ser proposta pola persoa en situación de dependencia e debe estar en condicións de prestarlle os apoios e coidados necesarios para o desenvolvemento da vida diaria.

c) Ser maior de dezaoito anos, reunir as condicións de idoneidade e estar en plenitude de facultades e dispoñibilidade para prestar de maneira efectiva os coidados adecuados á persoa en situación de dependencia. Estas circunstancias serán valoradas polo órgano encargado de elaborar a proposta de PIA, tendo en conta a experiencia da persoa coidadora, o informe de condicións de saúde da persoa en situación de dependencia, o informe social e as actividades identificadas no baremo establecido normativamente que afecten o seu desempeño e o grao de apoio que precise.

d) Contar coa capacidade física e psíquica suficiente para desenvolver axeitadamente por si mesma as funcións do coidado e apoio. Para estes efectos, o órgano de valoración terá en conta a idade da persoa coidadora, a súa situación física e/ou psíquica, a existencia de apoios complementarios, as dificultades da realización das tarefas do coidado, os apoios con que puider contar no exercicio destas funcións, así como aqueles aspectos que considere para os efectos de valorar a idoneidade da persoa coidadora.

f) Ter dispoñibilidade para prestar o coidado e atención de forma axeitada e continuada durante un período mínimo dun ano, excepto que por circunstancias sobrevidas e imprevisibles non poida completar este período. Ademais, requírese que a persoa coidadora conte con tempo de dedicación suficiente para atender a persoa beneficiaria naquelas situacións en que precise axuda para realizar as actividades básicas da vida diaria.

g) Reunir as condicións de formación non formal que se recollan na normativa autonómica específica, segundo o establecido na disposición adicional segunda a esta orde ou, na súa falta, asumir o compromiso da súa participación nas accións formativas non formais e de apoio que se lle ofrezan por parte da consellería con competencias en materia de servizos sociais, sempre que sexan compatibles co coidado da persoa en situación de dependencia.

h) Estes requisitos deberán reunirse no momento de elaborar o ditame do programa individual de atención e manterse no momento da resolución do programa individual de atención.

i) Asumir formalmente os compromisos necesarios para garantir a calidade na atención e coidados da persoa en situación de dependencia, segundo o establecido na normativa que regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia.

j) Que a persoa coidadora facilite o acceso dos servizos sociais das administracións públicas competentes, á vivenda da persoa en situación de dependencia co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos ou variación das circunstancias, previo consentimento da persoa beneficiaria.

3. A Comunidade Autónoma revisará o cumprimento dos requisitos de acceso á prestación e das obrigas exixidas, co fin de comprobar que non se produza unha variación de calquera dos mesmos, e controlarán o seguimento dos coidados na contorna familiar, coa finalidade de comprobar a súa viabilidade, idoneidade e calidade de atención, e de ser o caso, poderá resolver a suspensión ou extinción da prestación».

Cinco. Modifícase a letra c) do artigo 38, relativo á documentación específica para o acceso á libranza de coidados na contorna familiar, que pasa a ter a seguinte redacción:

«c) Orixinal ou copia compulsada do certificado do empadroamento da persoa coidadora, no suposto de que non o autorice o/a interesado/a, para que estes datos poidan ser solicitados directamente no seu nome polo órgano tramitador».

Seis. Modifícase o artigo 39.bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 39.bis. Nivel de protección adicional na libranza ou prestación para coidados na contorna familiar

Unha vez determinada a contía da libranza ou prestación para coidados na contorna familiar segundo o establecido nos artigos 39, 47, 56 e 57 e a súa contía máxima establecida no anexo V, a contía da libranza ou prestación para coidados na contorna familiar terá un nivel de protección adicional cuxo importe será igual ao 10 % da contía que lle correspondería á persoa beneficiaria, segundo os importes e as regras de cuantificación establecidos polo SAAD.

Se o importe da libranza, unha vez complementada co nivel adicional indicado no parágrafo anterior, non alcanzase a contía de 416,66 euros, o dito complemento adicional incrementarase na contía necesaria para que o importe total da libranza acade 416,66 euros».

Sete. Modifícase o número 2 do artigo 47, referido á intensidade das libranzas do Catálogo do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, que queda redactado como segue:

«2. Entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición do servizo de axuda no fogar un número de horas mensuais igual ou superior ao sinalado no cadro seguinte, segundo o grao de dependencia recoñecido, e por intensidade parcial un número de horas inferior á sinalada.

Grao de dependencia

Dedicación completa

Grao III

94 horas/mes

Grao II

64 horas/mes

Grao I

37 horas/mes»

Oito. Modifícase o número 6 do artigo 56, referido á determinación da contía das libranzas, que queda redactado como segue:

«6. Logo de aplicar as fórmulas de cálculo dispostas nos puntos anteriores, en todo caso, o importe da libranza que se determine para cada persoa beneficiaria non poderá ser inferior ás seguintes contías en función do grao recoñecido e da contía máxima da libranza de referencia:

a) No suposto da libranza de coidados na contorna familiar, o límite mínimo será de 416,66 euros mensuais.

b) No suposto da libranza vinculada á adquisición dun servizo de atención residencial, o límite mínimo é o equivalente ao importe mínimo establecido polo SAAD máis o complemento adicional da Comunidade Autónoma de 100 euros mensuais.

c) No suposto da libranza vinculada á adquisición dun servizo de axuda no fogar, o importe mínimo será de 140,70 € para o grao I, 201 € euros para o grao II e 335,36 € para o grao III.

d) No suposto da libranza vinculada á adquisición dun servizo da carteira xeral, distinto ao servizo residencial, e ao servizo de axuda no fogar, o límite mínimo será 105 euros para o grao I, 150 euros para o grao II e 250,27 euros para o grao III.

e) No suposto da libranza vinculada á adquisición dun servizo da carteira específica, distinto ao servizo residencial, o límite mínimo será 150 euros para o grao I, 213,06 euros para o grao II e 357,54 euros para o grao III».

Nove. Modifícase o número 2 do artigo 61, referido ao servizo de axuda no fogar, que queda redactado como segue:

«2. O réxime de compatibilidades que se establece é o seguinte:

a) Será compatible co servizo de atención diúrna ou libranza vinculada á adquisición deste servizo, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Servizo de atención diúrna non intensivo

Grao III

Ata 65 horas/mes

Ata 80 horas/mes

Grao II

Ata 38 horas/mes

Ata 50 horas/mes

Grao I

Ata 20 horas/mes

Ata 30 horas/mes

b) Será compatible co servizo de atención de noite ou libranza vinculada á adquisición deste servizo, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Servizo de atención nocturno

Grao III

Ata 65 horas/mes

21 noites/mes

Grao II

Ata 38 horas/mes

12 noites/mes

Grao I

Ata 20 horas/mes

6 noites/mes

c) Será compatible cos servizos de promoción da autonomía persoal que se establezan no programa individual de atención, ou coa libranza vinculada á adquisición destes servizos, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Servizo de promoción da autonomía persoal

Grao III

Ata 65 horas/mes

68 horas/mes

Grao II

Ata 38 horas/mes

40 horas/mes

Grao I

Ata 20 horas/mes

20 horas/mes»

Dez. O número 2 do artigo 62, referido ao servizo de atención diúrna, queda redactado como segue:

«2. Será compatible co servizo de axuda no fogar ou libranza vinculada á adquisición deste servizo, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de atención diúrna non intensivo

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III

Ata 100 horas/mes

65 horas/mes

Grao II

Ata 100 horas/mes

38 horas/mes

Grao I

Ata 80 horas/mes

20 horas/mes»

Once. Modifícanse os números 4 e 5 do artigo 64, referido á libranza de coidados na contorna familiar, que queda redactado do seguinte modo:

«4. O réxime de compatibilidade da libranza de coidados na contorna familiar nunha intensidade parcial será o seguinte:

a) Poderase compatibilizar co servizo de axuda no fogar non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza para coidados na contorna familiar cunha intensidade parcial

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 65 horas/mes

Grao II

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 38 horas/mes

Grao I

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 20 horas/mes

b) Poderase compatibilizar co servizo de atención diúrna non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza para coidados na contorna familiar cunha intensidade parcial

Servizo de atención diúrna non intensivo

Grao III

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 44 horas/mes

Grao II

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 29 horas/mes

Grao I

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 16 horas/mes

c) Poderase compatibilizar co servizo promoción da autonomía persoal segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza para coidados na contorna familiar cunha intensidade parcial

Servizo promoción da autonomía persoal

Grao III

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 21 horas/mes

Grao II

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 14 horas/mes

Grao I

Intensidade parcial ata 80 horas/mes

Ata 8 horas/mes

5. O réxime de compatibilidades nos períodos de respiro da persoa coidadora será o seguinte:

a) Poderanse compatibilizar cos períodos de respiro da persoa coidadora distribuídos en 45 días ao ano de forma continua ou en períodos, como mínimo quincenais ou de fins de semana ata completar os 45 días ao ano, para as estadías temporais en centros de atención residencial.

b) Poderase compatibilizar co servizo de atención diúrna non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza para coidados na contorna familiar

Servizo atención diúrna non intensivo coma respiro (45 días/ano)

Grao III

Intensidade completa

Ata 360 horas/ano

Grao II

Intensidade completa

Ata 360 horas/ano

Grao I

Intensidade completa

Ata 135 horas/ano

c) Poderá compatibilizarse co servizo de axuda no fogar non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza para coidados na contorna familiar cunha intensidade parcial

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III

Intensidade completa

Ata 93/141 horas/ano

Grao II

Intensidade completa

Ata 44/96 horas/ano

Grao I

Intensidade completa

Ata 56 horas/ano

d) Poderase compatibilizar co servizo de centro de noite non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza para coidados na contorna familiar

Servizo de atención de noite non intensivo coma respiro (45 noites/ano)

Grao III

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao II

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao I

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano»

Doce. Modifícase o número 2 do artigo 66, relativo á libranza de asistente persoal, que queda redactado como segue:

«2. Poderá ser compatible co servizo de axuda no fogar non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada ao servizo de asistencia persoal cunha intensidade parcial

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III

Intensidade parcial ata 91 horas/mes

Ata 65 horas/mes

Grao II

Intensidade parcial ata 91 horas/mes

Ata 38 horas/mes

Grao I

Intensidade parcial ata 91 horas/mes

Ata 20 horas/mes»

Trece. Modifícase o anexo V, Contías máximas das libranzas asistencia persoal, que queda redactado como segue:

«ANEXO V

Contías máximas das libranzas

Contía máxima das libranzas (euros/mes)

Grao de

dependencia

Libranza vinculada á adquisición de servizos

Libranza para coidados na contorna familiar

Libranza de asistente persoal

Grao III

747,25 €

455,40 €

747,25 €

Grao II

445,30 €

315,90 €

747,25 €

Grao I

313,50 €

180,00 €

313,50 €

No suposto da prestación económica vinculada ao servizo de atención residencial, a contía máxima para o grao II será igual á establecida para o grao III.

No suposto da prestación económica vinculada ao servizo de centro de día, a contía máxima para o grao I será igual á establecida para o grao II.

Contía do complemento nivel adicional da C.A. (euros/mes)

Grao de

dependencia

Libranza vinculada á adquisición do servizo de atención residencial

Libranza vinculada á adquisición do servizo de axuda no fogar

Libranza para coidados na contorna familiar

Libranza de asistente persoal

Grao III

Complemento adicional de 100 € da contía total recoñecida

Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.001,31 €

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

– Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.865 €.

– Incremento do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 2.085 € en períodos de especial dedicación.

Grao II

Complemento adicional de 100 € da contía total recoñecida

Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 596,70 €

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

– Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 1.865 €.

-Incremento do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 2.085 € en períodos de especial dedicación.

Grao I

Complemento adicional de 100 € da contía total recoñecida

Contía do complemento adicional da Comunidade Autónoma ata 420 €

Complemento adicional do 10 % da contía total recoñecida

»

Disposición adicional primeira. Pagamento único

Co obxecto de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria primeira do Real decreto 675/2023, do 18 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1051/2013, do 27 de decembro, polo que se regulan as prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, establecidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, aboarase nun pagamento único a diferenza entre as prestacións económicas aboadas desde o 1 de agosto ata a entrada en vigor desta orde, e os importes a que tiña dereito tendo en conta as contías establecidas no Real decreto 675/2023, do 18 de xullo, e a normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda. Garantía das prestacións

A aplicación do Real decreto 675/2023 e desta orde non poderá supor unha diminución das prestacións económicas que se percibían antes da efectividade das contías establecidas nas citadas disposicións.

As persoas que perciban unha libranza vinculada á adquisición do servizo de atención residencial recoñecida con anterioridade á entrada en vigor desta disposición recibirán un complemento adicional de 100 euros ao importe recoñecido no programa individual de atención.

Disposición derradeira única. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os seus efectos económicos a partir do 1 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude