DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66489

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do laudo arbitral emitido respecto do artigo 50 do II Convenio colectivo da Fundación Camiña Social sobre revisión salarial.

Visto o texto do laudo arbitral emitido respecto do artigo 50 do II Convenio colectivo da Fundación Camiña Social sobre revisión salarial, emitido con data do 7 de setembro de 2023, e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

LAUDO ARBITRAL

Demetrio Ángel Fernández López, con DNI 33323563J e domicilio para efectos de notificacións na rúa A Gaiteira 54-56, 15009 A Coruña, designado árbitro con data de 7 de setembro de 2023, conforme o previsto no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), (DOG do 12.2.2020), para determinar mediante laudo conforme o disposto no artigo 50 do II Convenio colectivo da Fundación Camiña Social. Así consta no Compromiso Arbitral asinado, na mesma data de designación supraindicada, polas partes en conflito (expediente 104/2023). Resolve o árbitro a cuestión suscitada e dita en tempo e forma o laudo arbitral correspondente, baseándose para iso nas seguintes

CLÁUSULAS

Primeiro. Antecedentes

Con data do 22 de xullo de 2013 asínase entre a Fundación Camiña Social e a representación sindical o II Convenio colectivo de empresa da Fundación Camiña Social, que se publica no DOG o día 18 de setembro de 2013. Este convenio colectivo ten un ámbito temporal de aplicación entre o 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de decembro de 2014, e conta, no seu artigo 5, con ultractividade garantida «en tanto en canto non sexa substituído polo seguinte convenio que conteña o mesmo ámbito funcional e sexa do mesmo ámbito territorial; coa excepción regulada no artigo 50 do presente convenio».

O artigo 50 referido reza do seguinte teor literal: «Artigo 50. Cláusula de revisión salarial. Para o ano 2014, as táboas salariais e a antigüidade revisaranse aplicando o 100 % do índice de prezos ao consumo galego definitivo correspondente ao ano anterior. A partir do 1 de xaneiro de 2015 haberá que aterse ao que as partes acorden na negociación do novo convenio que comece a vixencia na dita data. As dúas partes, empresarial e social, non renuncian aos dereitos que consideren que poidan asistilos derivados dunha futura cláusula de revisión salarial; convindo que, no caso de non chegar a un acordo neste punto concreto, durante as negociacións do próximo convenio, a discrepancia será sometida á decisión arbitral no seo do AGA, mediante unha arbitraxe en equidade».

Entre decembro de 2014 e os primeiros meses de 2021, non consta, nin se refire na comparecencia ningún tipo de xuntanza ou reivindicación para incrementos salariais. Nos primeiros meses de 2021 manifesta a parte social o comezo de negociacións para renovar táboas salariais, pero non consta unha remisión de petición de incremento das táboas salariais ata o mes de xuño de 2021. Entre o mes de xuño de 2021 e o 18 de outubro de 2022, prodúcense intercambios de propostas e contrapropostas, rexeitadas respectivamente e, cando menos, celébranse tres reunións centradas na cuestión salarial, todas elas sen acordo.

O 18 de outubro de 2022 constitúese a mesa negociadora dun novo convenio colectivo, e celebraranse sete reunións ata o 26 de abril de 2023, sen chegar a acordo para un novo convenio. O 3 de maio de 2023 a parte social solicita a intervención do AGA, que é rexeitada pola empresa. Diante desta negativa, o 30 de xuño convócase unha folga que se realizará o día 12 de xullo. Logo da folga, o día 27 de xullo a parte sindical e a fundación fan unha petición conxunta de arbitraxe en equidade e serán convocadas en comparecencia xunto co árbitro o día 7 de setembro de 2023.

Segundo. Comparecencia

Comparecen o día 7 de setembro de 2023, ás 11.00 horas na sede da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, as seguintes persoas:

Parte social:

Henrique García Vázquez (asesor CIG).

Vanessa Cernadas Agraso (delegada CIG).

Marcos García Ríos (delegado CIG).

Eduardo Martínez Sánchez (delegado UGT).

Parte empresarial:

José Ignacio Mariño Rojo.

Antonio Campanón Sanjurjo.

Juan Carlos Vilariño Monterroso.

A comparecencia desenvólvese ao longo de dúas horas e finaliza ás 13.00 horas. Primeiro coas dúas partes conxuntamente, e permitindo cantas intervencións estimaron oportunas as persoas que asisten en representación destas, e logo, de xeito separado, con cada unha das partes. Coa comparecencia, na que se interveu de xeito abondoso e se respondeu ás preguntas formuladas, xunto coa documentación achegada pola parte empresarial e sindical, o árbitro chega a coñecer con precisión as propostas respectivas e acada os elementos de convicción necesarios para resolver. Na comparecencia, asinan o compromiso arbitral antes referido todas as persoas presentes, prestan a conformidade coa designación do árbitro, así como con que o obxecto do laudo que figura no compromiso e que se le en voz alta é: «Aplicación do artigo 50, cláusula de revisión salarial do 2º Convenio colectivo de Camiña Social, no tempo transcorrido e de futuro».

En toda a comparecencia garántense os principios de contradición, audiencia, igualdade e imparcialidade. Non concorre no árbitro ningunha causa de abstención de acordo co artigo 219 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo.

Terceiro. Propostas

Logo de expor conxunta e separadamente distintos argumentos en defensa da súa posición, as propostas de cada unha das partes sintetízanse do seguinte xeito:

Parte sindical: pide un incremento salarial lineal para todas as persoas traballadoras de 180 euros ao mes desde o 1 de setembro de 2022; un pagamento único de 2.000 euros para cada persoa traballadora pola perda de poder adquisitivo e a suba a comezo de cada ano conforme o último IPC galego publicado.

Fundación Camiña Social: considerando que o Convenio colectivo de Camiña Social está moi por riba do IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores 2022-2025, a súa proposta é de non incrementar os salarios en tanto non se equiparen o convenio referido e o convenio da fundación, exceptuando aqueles axustes que se teñan que facer á alza, no caso de que en determinadas categorías o convenio estatal resulte superior, en aplicación da lexislación vixente.

As dúas partes achegan abondosa documentación en reforzo das súas posicións, documentación que examina detalladamente o árbitro, e que valora e ten en conta no presente laudo.

Cuarto

A cuestión que se somete á arbitraxe, tal e como se indicou, é como se ten que aplicar a revisión salarial prevista no artigo 50 do Convenio colectivo vixente en ultractividade, no tempo transcorrido e de futuro, tratándose dunha arbitraxe en equidade e non xurídica. As dúas partes así o aceptan expresamente, tanto verbalmente como no compromiso arbitral que asinan, do que levan copia.

Para estes efectos, de distinción entre arbitraxe xurídica ou en equidade, a Audiencia Nacional en Sentenza do 28.1.2013 (procedemento 316/2012) ten indicado, para un suposto de inaplicación de condicións de traballo perfectamente extrapolable a este caso, o seguinte: «Parece claro, polo tanto, que o primeiro pronunciamento-concorrencia de causas – é propio dunha arbitraxe xurídica, posto que terá que constatarse se se dan os requisitos exixidos polo artigo 82.3 ET, mentres que o segundo pronunciamento -conexións de funcionalidade, razoabilidade e proporcionalidade- é máis identificable co laudo de equidade, no que a comisión e/ou o árbitro deben ter unha marxe máis elevada de autonomía, porque se non fose así, as decisións ou laudos non serían propiamente decisorias». Que a marxe de autonomía para decidir o árbitro sexa máis ampla non elude a obriga do árbitro de motivación, en todo caso, tanto na parte xurídica como na parte de equidade. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en Sentenza 18/2012 do 2-V, dixo que: «A motivación non pode ter o mesmo alcance na arbitraxe de equidade que na de dereito. Mentres que a primeira exixe expoñer unhas razóns conforme máximas de experiencia, regras lóxicas, coñecementos científicos, así como os usos, os criterios éticos e de convivencia xeralmente aceptados en cada sector das relacións sociais, a segunda impón, ademais, unha resolución fundada en dereito».

Quinto

Cumprindo coa obriga de motivar dentro da marxe de autonomía que indica a Audiencia Nacional, e de acordo coas razóns que se indican na sentenza do TSX de Galicia, éntrase no fondo do asunto. A experiencia e coñecemento deste árbitro, logo de case vinte e cinco anos no campo das relacións laborais (catorce deles no plano exclusivo das relacións colectivas), a lóxica da evolución do custo da vida entre 2015 e 2023 e a propia exixencia ética de que os salarios que retribúen o traballo deben ser axeitados para desenvolver unha vida con dignidade, o pactado no convenio colectivo vixente en ultractividade polas partes, e a referencia de convivencia do incremento do SMI en case o 60 % no tempo trascorrido desde a última suba salarial que tiveron as persoas traballadoras da Fundación, son elementos que serven a este árbitro para fundar a súa decisión, e que trata de explicar e xustificar.

O último acordo acadado entre a parte social e a fundación en materia salarial foi incrementar os salarios conforme o 100 % do IPC galego definitivo correspondente ao ano anterior. Tal solución foi froito, de seguro, dunha negociación con dificultades, con atrancos, pero é a última expresión que temos de acordo entre a Fundación e a representación das persoas traballadoras. O árbitro é moi respectuoso con todos os froitos da negociación, cos acordos colectivos, coa expresión plasmada en convenio dun entendemento. Partindo dese respecto, sucede ademais que parece lóxico o acordado no seu momento, no sentido de que o IPC publicado e definitivo semella ser o indicador máis fiable de como e canto se encarece o custo da vida e, polo tanto, (aínda que de xeito imperfecto) aproxímase a un punto de equilibrio entre subir salarios e non perder poder adquisitivo.

Logo de producirse ese último acordo, hai un feito certo e non cuestionado, tal que entre xaneiro de 2015 e xuño do ano 2021 non hai ningún tipo de reivindicación de incrementos salariais pola parte social. Son moitos anos consecutivos nos que se descoñece se é por responsabilidade, por atoparse satisfeitos coas cantidades percibidas en concepto de salario, por esquecemento ou por ter algún tipo de mellora distinta da salarial, pero o certo é que non hai unha actitude proactiva de reivindicación. Non reivindicándose en ningún momento ningún tipo de mellora neste eido, non entende o árbitro que deba suplir vía laudo esa falla de peticións ou reivindicacións, que se puideron ter presentado por canles de diálogo.

A partir do mes de xuño de 2021 remítese a primeira proposta de suba salarial, mais non en forma de negociación dun novo convenio colectivo, senón en forma de propostas e contrapropostas de táboas salariais. A negociación do convenio, tal e como acordan as partes e constitúen oficialmente, comeza o 18 de outubro de 2022 e o día 25 entrégase a primeira proposta de convenio. Convén recordar que o teor literal do artigo 50 do convenio colectivo, establece que: «a partir do 1 de xaneiro de 2015 haberá que aterse ao que as partes acorden na negociación do novo convenio que comece a vixencia na dita data», e tamén indica: «convindo que, no caso de non chegar a un acordo neste punto concreto, durante as negociacións do próximo convenio, a discrepancia será sometida á decisión arbitral no seo do AGA, mediante unha arbitraxe en equidade». A negociación/negociacións do novo/próximo convenio non xorde ata finais de outubro de 2022. Se atendemos ao artigo 5 do Convenio colectivo da Fundación, este indica: «O convenio considerarase denunciado automaticamente á fin da súa vixencia, prorrogándose o actual convenio ata a entrada en vigor do seguinte; acordando as partes reunirse desde o vencemento deste, no prazo de dous meses desde que calquera dos dous solicite a constitución da nova comisión negociadora». Non consta a este árbitro ningún intento efectivo por ningunha das dúas partes de solicitar a constitución da comisión negociadora do convenio colectivo desde o ano 2015 ata ben avanzado outubro de 2022, que puideron facer e que deviría na obriga de sentar na mesa negociadora a contraparte aínda que non quixese. A partir de que se constitúe a mesa do convenio, comezan a levantarse actas e comeza para este árbitro (segundo o teor literal do artigo 50), a posibilidade de empregar o recurso á arbitraxe de equidade. Non podía ser antes, por canto que non se estaba negociando o convenio colectivo como tal. Ata ese momento producíanse intercambios de plataformas salariais, sendo a negociación dun convenio estatutario unha cuestión maior. Na negociación dun convenio, ademais de seguir as regras do título III do Estatuto dos traballadores, negóciase a xornada, o horario, a contratación, o PRL, a promoción da igualdade, e un longo etc., e dentro dese conxunto, inclúese o salario, condicionando en ocasións unha maior ou menor suba salarial en función doutros parámetros.

Seguindo co artigo 50, este indica que, «durante as negociacións do próximo convenio», no caso de haber discrepancias, someteranse a arbitraxe. Non hai un prazo taxado, o prazo é durante as negociacións do convenio, e a lóxica, a normalidade e a boa fe que debe presidir unha negociación efectiva aconsellan (como se fixo de feito), primeiro, negociar de xeito efectivo, e se non prospera, acudir á arbitraxe; reitérase que así se fixo neste caso. Esta é a razón pola que o árbitro non se centra na data de solicitude da arbitraxe (maio e xullo de 2023) senón na data na que efectivamente comezaba a posibilidade acordada convencionalmente de empregar esta posibilidade (finais de outubro de 2022).

Ao fío do anterior, tal e como está redactado o artigo 50 do convenio, que é claro e preciso nos seus termos, o recurso de acudir á arbitraxe en caso de discrepancia é obrigatorio para as dúas partes, nunca potestativo, precisamente pola forza vinculante dun convenio colectivo estatutario, que se atopa plenamente vixente en ultractividade.

Seguindo co argumentario, temos, polo tanto, que un último acordo das partes de subir salarios conforme o 100 % do IPC galego do ano anterior para o ano seguinte do convenio. Tal e como se explicou anteriormente, a este árbitro parécelle fundado e razoable no sentido de que provén dunha vontade conxunta, e ademais porque non producindo mellora do poder adquisitivo das persoas traballadoras, polo menos tampouco obriga a soportar a perda deste.

Este árbitro entende que non se pode retrotraer no seu pronunciamento máis alá do 18 de outubro de 2022 polas razóns antes expostas, pero no compromiso arbitral asinado pide pronunciarse sobre o tempo trascorrido e tamén de cara ao futuro. Esta referencia ao futuro xeraba moitas dúbidas polos efectos que puidese ter. Deixar determinado cal vai ser o incremento salarial anual sen data de fin pode ter un efecto moi pernicioso na negociación colectiva que se pode e que se debe desenvolver na empresa. Que unha das partes teña asegurado un incremento salarial pode comportar un efecto de relaxación e pode romper un equilibrio que se debe dar na negociación dun convenio colectivo, no que se entrecruzan distintas materias. Para evitar esa indefinición, examinando a documentación achegada polas partes, concretamente a referida ás actas de negociación do convenio colectivo, obsérvase que a única referencia ao ámbito temporal do novo convenio na negociación desenvolvida, figura na acta nº 2 do 30 de novembro de 2022. Nesa acta figura que a parte sindical propón unha vixencia ata o 31 de decembro de 2024. Valora o árbitro e parece razoable, tendo en conta que estamos xa en setembro de 2023, tomando esta como límite ao pronunciamento arbitral de futuro. Queda aberta, mentres o convenio siga vixente en ultractividade, a posibilidade de acudir a partir de 2025 a unha nova arbitraxe en equidade, en caso de discrepancias.

Isto último non impide que o árbitro faga un chamamento ás partes para negociar e chegar a acordos. Teñen unha mesa de convenio aberta, teñen interlocución recíproca e teñen intereses comúns en moitos aspectos. A obriga das dúas partes é negociar e procurar acordos, por canto que estamos diante dunha empresa para efectos laborais, nada menos que con noventa e tres persoas traballadoras, cunha certa dimensión polo tanto, e que se debería xestionar nunha parte non pequena con acordos colectivos que comporten paz social e produzan certezas. Insístese e aconséllase vivamente estimular a negociación aberta, tendo en conta ademais, que, sendo este laudo de obrigado cumprimento e non podendo incumprirse por unha das partes unilateralmente por ter a forza dun convenio colectivo, si que podería decaer fronte a un futuro acordo estatutario das partes.

Para resolver, téñense en conta as dúas propostas presentadas na comparecencia, mais non se identifica (nin debe) o árbitro con ningunha das dúas. Non pode aceptar e asumir como propia a proposta de agardar sen suba salarial de ningún tipo (salvo os axustes legais obrigatorios) ata equipararse totalmente co convenio colectivo sectorial estatal, por canto sería equivalente a deixar sen ningún valor o convenio de empresa. O/os convenios que se negociaron no seu momento na Fundación supuxeron unha mellora de condicións respecto da regulación sectorial, como era e é tradicional nos convenios de empresa. Non se valora, pese a que se manifestou na comparecencia, que hai un número indeterminado de persoas traballadoras ás que se lles incrementou o salario por canto quedaban por baixo do convenio estatal de sector, por canto se trata dunha cuestión de estrita legalidade e non de incremento que manteña o status quo diferencial co que contaba o convenio colectivo da Fundación. Non se acepta desde unha perspectiva mesmo ética esperar que vaian esmorecendo as melloras acadadas. Tampouco se acepta nin asume como propia a proposta sindical, que foi rexeitada pola parte empresarial, e que fai uns cálculos de atrasos e de pagamentos lineais que este árbitro non comparte en toda a súa extensión.

Partindo do último acordo acadado, tendo de referencia retrospectiva o 18 de outubro de 2022 e de futuro o 31 de decembro de 2024, valórase o seguinte:

– O IPC galego definitivo de 2021 foi do 6,7 % segundo os datos oficiais.

– O IPC galego definitivo de 2022 foi do 6,4 % segundo os datos oficiais.

– Por razóns obvias non se coñece no momento de redactar este laudo cal será o IPD galego definitivo de 2023.

Sexto

Á hora de redactar este laudo e resolver téñense en conta as propostas e contrapropostas. Non se pronuncia sobre cuestións alleas ás que se somete a arbitraxe, axústase ás prescricións do AGA, e en ningún momento se conculcan ou contradín disposicións legais, convenios colectivos ou dereitos fundamentais. O laudo dítase en prazo.

Con base nos anteriores argumentos e fundamentacións, resolvo ditar o seguinte laudo segundo o procedemento de arbitraxe recollido no capítulo IV do AGA:

ÚNICO

Subiranse as táboas salariais a todas as persoas traballadoras da Fundación Camiña Social no 6,7 % desde o 18 de outubro de 2022 e aboaranse os atrasos desde esa data, así como os meses de novembro e decembro do mesmo ano. Xa coa nova contía das táboas salariais actualizadas, débense incrementar desde o 1 de xaneiro de 2023 as táboas salariais a todas as persoas traballadoras da Fundación Camiña Social no 6,4 % e aboaranse os atrasos xerados desde xaneiro a setembro de 2023. O resto do ano 2023 contará xa con estes incrementos incorporados ás nóminas mensuais. Para o ano 2024, as táboas salariais, cos incrementos de 2022 e 2023 incorporados, incrementaranse co 100 % do IPC galego definitivo do ano 2023, tan pronto este sexa coñecido, a todas as persoas traballadoras da Fundación Camiña Social. Os incrementos aplicaranse sobre todos os conceptos salariais nos que se aplicou o incremento de 2014.

O presente laudo poderá ser impugnado polos motivos e prazos que se establecen nos artigos 65.4 e 67.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, tal e como se establece no artigo 70 do AGA.

A Coruña, 14 de setembro de 2023. Demetrio Ángel Fernández López, arbitro