DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71442

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Exposición de motivos

I

Os orzamentos requiren, para a súa completa aplicación, a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais, senón en leis específicas. O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Constitucional, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción. Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se expoñen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria. Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter administrativo.

II

A estrutura desta lei divídese en dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás de carácter administrativo.

O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.

O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos.

No referido ao imposto sobre a renda das persoas físicas, acométense determinadas reformas fiscais co obxectivo de continuar a reducir e a redistribuír a carga tributaria.

Así, introdúcese unha corrección técnica, con efectos desde o 1 de xaneiro do 2023, na dedución aprobada na Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, dentro do eixe fundamental da Xunta de Galicia que é o reto demográfico, para o cal, no marco das medidas fiscais de apoio á familia, núcleo fundamental da sociedade, se establece unha dedución de 250 euros para os contribuíntes con dous fillos, que se equipara así ao das familias numerosas co mesmo número de fillos ou fillas. Por outra banda, increméntase a actual dedución aplicable ás familias numerosas, de forma que a partir da terceira filla ou fillo a dedución aumenta en 250 euros por cada filla ou fillo. A corrección realízase para que non resulten prexudicadas as familias numerosas dun só fillo.

Por outra banda, modifícase a dedución por acollemento co obxectivo de beneficiar as familias acolledoras, en canto familias de especial consideración, para que sexa aplicable a cantidade de 300 euros con independencia da duración do acollemento, e contribuír así a aumentar o seu número.

Co fin de favorecer a reactivación económica, para axudar a reverter a atonía que se está a producir no mercado inmobiliario polo endurecemento das condicións financeiras no acceso ao crédito, á vez que se manteñen todos os tipos bonificados, redúcese nun punto porcentual o tipo de gravame xeral do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, na súa modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, de modo que as operacións gravadas ao 9 por cento por este imposto pasan a tributar ao 8 por cento a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Neste imposto, e co obxectivo de axudar as familias na adquisición dos vehículos usados nun momento inflacionista en que os tipos de xuro para o acceso ao crédito son altos, e están a subir os prezos, báixase o tipo para a súa adquisición do 8 ao 3 por cento, agás os que tributan por cota fixa. Por outra parte, como medida de apoio á promoción da conservación do medio ambiente, en liña coa política marcada pola Xunta de apoio á mobilidade sustentable, coherente coa Directiva de economía circular, apróbase un tipo do 0 por cento para vehículos clasificados no Rexistro de Vehículos coa categoría ambiental «0 emisións» e para as bicicletas, as bicicletas de pedais con pedaleo asistido e os vehículos de mobilidade persoal.

Actualmente, na normativa autonómica, para os efectos do imposto de sucesións e doazóns, equipáranse ao matrimonio as unións estables que cumpran cos requisitos previstos na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, e estean inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia. Na presente lei modifícase ese precepto para aplicalo tamén ao imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados, e amplíase a aquelas que estean inscritas en calquera outro rexistro público análogo doutras administracións públicas de estados membros da Unión Europea, de estados integrantes do Espazo Económico Europeo ou de países terceiros.

Establécese o réxime aplicable ao imposto sobre o patrimonio durante a vixencia do imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas, creado pola Lei 38/2022, do 27 de decembro. 

O capítulo II, relativo aos tributos propios, só está integrado por un precepto, sobre as taxas, no cal, por unha parte, se establece que os tipos das taxas de contía fixa non experimentarán ningunha actualización respecto ás contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei e, por outra parte, se introducen diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas taxas como na modificación ou eliminación dalgunhas vixentes.

Pola súa banda, o título II divídese en trece capítulos.

O capítulo I aborda unha serie de medidas en materia de emprego público de Galicia.

Así, adáptase a denominación do persoal investigador á modificación realizada pola Lei 17/2022, de 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Introdúcese unha precisión sobre a resolución dos expedientes de incompatibilidades do persoal sanitario, en coherencia coa modificación que se introduce na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, para outorgar a súa competencia á consellaría competente en materia de sanidade.

Procédese, igualmente, a adaptar a norma ás modificacións producidas no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; en aplicación da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, así como en aplicación do Real decreto lei 2/2023, do 16 de marzo, de medidas urxentes para a ampliación de dereitos dos pensionistas, a redución da fenda de xénero e o establecemento dun novo marco de sustentabilidade do sistema público de pensións; e, finalmente, en aplicación do Real decreto lei 5/2023, do 28 de xuño, polo que se adoptan e prorrogan determinadas medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Ucraína, de apoio á reconstrución da illa da Palma e a outras situacións de vulnerabilidade; de transposición de directivas da Unión Europea en materia de modificacións estruturais de sociedades mercantís e conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores; e de execución e cumprimento do dereito da Unión Europea.

Ademais, suprímese a posibilidade de concesión da excedencia voluntaria por interese particular para o persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal ou declarado indefinido por sentenza xudicial firme que pase a prestar servizos nunha administración pública, cunha dobre finalidade: en primeiro lugar, reducir a temporalidade no emprego público e, en segundo lugar, mellorar a eficiencia na resolución de procesos selectivos.

Engádese, finalmente, unha disposición adicional para reducir a temporalidade no emprego público, dotando dunha maior axilidade a cobertura de vacantes.

O capítulo II establece medidas en materia de medio ambiente e territorio.

Por un lado, modifícase a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, coa finalidade de aclarar que a competencia para a emisión dos documentos acreditativos da concorrencia de vulnerabilidade económica previstos nos artigos 439, 655 bis e 685 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, é municipal.

Así mesmo, modifícase a Lei 13/2013, de caza de Galicia, co obxecto de axustar determinados aspectos técnicos relacionados coas competicións cinexéticas fóra dos períodos hábiles de caza, para contribuír a acadar unha maior preparación dos cazadores e dos seus cans no seguimento de rastros, o que redundará nunha maior efectividade na xestión da caza de especies tan problemáticas como o xabaril.

Tamén se modifica a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Así, recóllese expresamente que a vixencia dos convenios de adhesión dos concellos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, dada a natureza consorcial desta, poderá estenderse indefinidamente, desde a adhesión ao consorcio do correspondente municipio ata a súa separación de acordo coas causas establecidas nos estatutos ou no respectivo convenio, salvo que neles se estableza o contrario.

Precísase, así mesmo, respecto ao solo urbano consolidado e solo de núcleo rural, que os supostos de ampliación de volume tamén determinan, respectivamente, o deber das persoas propietarias de completaren pola súa conta a urbanización necesaria para que os terreos alcancen, se aínda non a tiveren, a condición de soar, e de executaren, á súa custa, a conexión cos servizos existentes no núcleo rural. Aclárase que determinadas actividades de lecer, comerciais ambulantes e científicas, escolares e divulgativas, serán admisibles en solo rústico cando non leven asociadas instalacións ou edificacións. Igualmente, exceptúase da obriga de aprobar un plan especial de infraestruturas e dotacións aqueles casos en que o planeamento urbanístico xa cualifique un ámbito como equipamento, sendo suficiente a obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, o que supón unha redución moi significativa dos prazos de tramitación, en liña coas medidas de simplificación administrativa que se veñen adoptando nos últimos anos. Exímense do cumprimento do límite máximo de ocupación da parcela do 20 por cento as construcións e instalacións destinadas á xestión, explotación e defensa forestal, de modo que poidan ocupar ata o 60 por cento da superficie da parcela, na medida en que na actualidade as características e requisitos técnicos da súa actividade fan imprescindible unha ocupación superior. Introdúcense excepcións ao cumprimento do parámetro do recuamento a lindeiros nos supostos de parcelas pertencentes á mesma persoa titular, sempre que se inscriba no Rexistro da Propiedade a súa indivisibilidade, posto que a exixencia do recuamento a lindeiros constitúe unha garantía da ordenación urbanística para a protección dos lindes en beneficio de terceiras persoas, pero non da mesma persoa propietaria. Esta cuestión é moi habitual nos supostos de segregación automática derivada do planeamento urbanístico, cando cada parcela queda sometida a un réxime xurídico específico e diferente, por exemplo, no caso de parcelas clasificadas nunha parte como solo rústico e noutra parte como solo de núcleo rural.

Tamén se precisan aspectos relativos á incoación de expedientes de reposición da legalidade, en canto á precisión do momento en que se vai considerar que as obras están totalmente rematadas, respectando todos os requisitos que non resulten exixibles como condición técnica de seguridade da edificación e garantindo que as persoas responsables, nun prazo de tres meses, acometan as actuacións precisas para adaptar o inmoble ao contorno ambiental en que estea situado. Así mesmo, aclárase que, unha vez que está totalmente rematada unha parte dunha edificación que sexa habitable por si mesma, as actuacións que se realicen con posterioridade inician o seu propio prazo de reposición da legalidade e non afecta as edificacións ou obras que quedasen consolidadas polo transcurso do prazo de seis anos.

Aclárase que a competencia da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística se circunscribe unicamente aos actos de edificación e uso do solo sometidos a licenza urbanística. Establécese a aplicación ao planeamento adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, do réxime xeral previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, para o solo rústico, sen que se manteñan vixentes as categorías de solo rústico contidas no planeamento respectivo. Así mesmo, modifícase a disposición transitoria primeira, no relativo ao planeamento de desenvolvemento dos ámbitos de solo urbanizable delimitado, non delimitado, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico, aprobados antes da entrada en vigor da LOUG, pero que non se executaron, para que se adapten á LSG, dado o tempo transcorrido desde a súa aprobación, que excede os vinte anos. Precísase que as obras de ampliación permitidas nas construcións executadas en solo rústico ao abeiro de licenza urbanística e cumprindo os requisitos requiridos inclúen tamén as ampliacións realizadas en volume independente. Modifícanse as posibilidades de ampliación das construcións e instalacións situadas no solo rústico destinadas ás actividades vinculadas coa actividade forestal, ademais das agropecuarias, para que poidan acadar o dobre do volume orixinario. Esta medida vén avalada polos requisitos técnicos da normativa sectorial aplicable, que derivou na automatización e avance dos procesos produtivos, a mecanización e a profesionalización do sector, reforzando o recoñecemento do solo rústico como solo produtivo que é, potenciando o seu uso económico sen contradición coa preservación dos valores naturais e culturais existentes.

Por outra parte, modifícase a Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, coa finalidade de simplificar a xestión da actividade profesional da pesca nas zonas de desembocadura, sen prexuízo das garantías de preservación das especies diádromas ou migradoras de peixes que transitan a través destas zonas.

Así mesmo, modifícase a Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, coa finalidade de dar cumprimento ao acordado na Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, que foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante unha resolución do 21 de xuño de 2022.

Acométese, ademais, a modificación do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento do solo de Galicia, coa finalidade de recoller a modificación operada na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, relativa ás explotacións de apoio á actividade agropecuaria e forestal existente, e de suprimir a exixencia de que a ampliación das citadas explotacións se realice na parcela orixinal. Esta modificación faise con carácter urxente, coa finalidade de acadar a necesaria coherencia normativa e evitar posibles dúbidas na determinación do réxime xurídico aplicable.

Finalmente, procédese a unha modificación do Decreto 24/2022, do 3 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. A urxencia desta modificación vén motivada pola demanda social actual da cidadanía asentada no parque e na súa área de influencia para manter a realización de determinadas probas de carácter deportivo e recreativo que xa se viñan desenvolvendo, partindo, en todo caso, da premisa da súa compatibilidade coa preservación de hábitats e especies do parque e da súa adecuación a un dos principios inspiradores da Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade, en concreto, garantir a participación das persoas habitantes e das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos territorios incluídos nos espazos naturais protexidos nas actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e da biodiversidade que se desenvolvan nos devanditos espazos e nos beneficios que deriven delas.

O capítulo III, que se refire ao medio rural, aborda diversas medidas neste ámbito.

Refórmase a Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, modificando a súa composición para dar cabida a aquelas asociacións que teñan maior representatividade no conxunto do sector primario galego.

Modifícase a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Con esta modificación preténdese introducir unha mellora nos procesos de xestión da biomasa, mediante a promoción da declaración de proxectos de xestión integral da biomasa a través de actividades agrogandeiras. O obxectivo é permitir a implantación da actividade agrogandeira no perímetro de aldeas por motivos preventivos, especialmente nas zonas que sexan determinadas con criterios técnicos pola dirección xeral competente en materia de defensa do monte.

Realízanse modificacións en varios artigos da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Así, amplíase a definición de aproveitamento forestal, engadindo, de forma expresa, as resinas, o carbono e as fibras naturais e outros servizos ecosistémicos. Regúlase, así mesmo, a xestión dos montes privados, non só por parte das persoas propietarias destes, senón tamén por parte das persoas titulares dos seus dereitos de aproveitamento, para adecuar a redacción da lei á realidade da xestión e para lograr a concordancia necesaria coa lexislación de desenvolvemento da lei, que xa a recollía expresamente.

Incorpórase a posibilidade de que as persoas propietarias dun monte inferior a 25 hectáreas se doten voluntariamente dun proxecto de ordenación, quedando obrigadas, no caso de o faceren, ao seu completo cumprimento.

O crecente volume de probas e eventos deportivos de todo tipo que se desenvolven nos montes fai necesario incorporar unha diferenciación entre aqueles eventos que continúan sometidos á autorización, polo seu posible impacto no monte e nas súas infraestruturas ou na prevención de incendios, e aqueloutros en que se considera suficiente unha comunicación, consistente na presentación dunha declaración responsable por parte da persoa promotora antes da realización da proba. Ademais, no caso das probas e actividades de realización periódica, de cara á simplificación e redución das cargas administrativas, recóllese a posibilidade de solicitar ata catro edicións nunha soa autorización, coa obriga para a persoa promotora de comunicar cunha antelación de quince días a data exacta de realización das edicións sucesivas xa autorizadas.

Prevese que a tramitación do alleamento, nos contratos temporais de xestión pública, poida ser efectuada tanto pola persoa titular do aproveitamento como pola Administración, a través de determinados procedementos.

Modifícase a Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Regúlase a comunicación das distintas fases do proceso de reestruturación á Administración xeral do Estado, para evitar que os posibles dereitos dos que sexa titular e que se vexan afectados pola reestruturación queden en situación de indefensión, e, en consecuencia e paralelamente, elimínase a obrigatoriedade de comunicar ao Ministerio Fiscal o suposto dos bens sen dono coñecido. Precísase que quedarán incluídas as tramitacións ambientais dos catálogos parciais vinculados aos procesos de reestruturación nas tramitacións ambientais que se leven a cabo para os correspondentes procesos. Establécese o réxime dos predios que substitúan ás parcelas de titularidade descoñecida resultantes dun proceso de reordenación parcelaria. Finalmente, amplíase a posibilidade dos cambios de titularidade, prevendo non só a compravenda, senón calquera negocio xurídico de transmisión da titularidade, e clarifícanse as datas límite dos cambios de titularidade nas diversas fases do proceso de reestruturación.

A modificación da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, prevé unha ampliación ata o día 31 de decembro de 2025 para a cancelación dos convenios ou consorcios dos montes coa Administración, e a súa conversión en contratos temporais de xestión pública. Cómpre dispoñer dun prazo maior para a transición entre os actuais modelos e o novo contrato de xestión pública, regulado no artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, e ao estar en tramitación o desenvolvemento regulamentario desta materia.

Introdúcense diversas medidas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Precísase que o requisito da existencia das diferenzas de valor entre o conxunto dos predios de cada titular que se van permutar inferior ao 50 por cento do valor do que o teña superior resulta aplicable a todas as permutas, con independencia da modificación ou non de estremas. Permítese que se publiquen de forma conxunta no Diario Oficial de Galicia o acordo de inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública e a declaración de utilidade pública e interese social nos supostos especiais de zonas preferentes regulados na lei.

Así mesmo, habilítase a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para optar á xestión directa dos lotes de parcelas de polígonos de iniciativa pública que non recibisen propostas de xestión dentro do prazo concedido para o efecto, coa finalidade de acadar unha maior seguridade xurídica na regulación dos polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Finalmente, modifícase o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, para lograr unha coherencia normativa coa previsión, introducida na Lei 7/2012, de que as persoas propietarias dun monte cunha superficie inferior a 25 hectáreas o poidan dotar dun proxecto de ordenación, e non só dun documento simple de xestión. Esta modificación é urxente, por canto se fai coa finalidade de lograr unha maior seguridade xurídica, evitando interpretacións incorrectas da norma por parte da cidadanía.

O capítulo IV, que leva por título «Infraestruturas, augas e transporte», aborda distintas materias nestes ámbitos.

Por un lado, modifícase a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co fin de incluír un procedemento de reposición da legalidade que pretende dar resposta dun modo eficaz a determinados incumprimentos que non teñen unha repercusión significativa sobre o dominio público hidráulico e poden emendarse cun requirimento previo ás persoas afectadas, sen necesidade de ter que iniciar en todos os supostos un procedemento sancionador.

Ademais, establécese o réxime de explotación das masas de auga superficiais de natureza artificial na bacía hidrográfica de Galicia-Costa, pois a recente incorporación de dúas importantes masas de auga ao dominio público hidráulico, o lago das Pontes e o lago de Meirama, exixe establecer os instrumentos xurídicos adecuados para a súa xestión eficaz, regulando mecanismos que permitan unha coordinación racional e sustentable de todos os usos que se pretenden desenvolver e que, así mesmo, garantan a compatibilidade entre os usos autorizados e o cumprimento dos caudais ecolóxicos.

Por outra banda, realízase unha revisión de certos aspectos puntuais da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, como consecuencia da evolución na convivencia das dúas actividades de transporte público que a citada norma desenvolve: o transporte en taxi e o realizado en réxime de alugueiro de vehículos con condutor (VTC). Esta evolución, así como os cambios experimentados pola normativa estatal e europea, fan preciso incorporar modificacións na devandita norma, especialmente en dúas direccións: consolidar a participación dos concellos na xestión da prestación de servizos VTC e vincular a súa autorización ao cumprimento de estándares tanto ambientais como de conxestión, de tráfico e de transporte.

Modifícase tamén a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, coa finalidade de recoller unha norma clara que regule o momento en que debe realizarse a correspondente retención de crédito dos expedientes de expropiación derivados das actuacións en materia de estradas. E considérase que o momento máis adecuado para iso é, precisamente, o inmediatamente anterior á orde de inicio do expediente de expropiación. Así mesmo, por considerar que se trata de actividades que, fundamentalmente, se realizan fóra do dominio público viario, independentemente dos elementos que se sitúen sobre el, exímense as acometidas para a conexión ás redes e infraestruturas de servizos públicos da limitación de prazo máximo a que están sometidas, con carácter xeral, o resto de autorizacións para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público.

Así mesmo, modifícase a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, para incorporar a regulación da actividade de colaboración e cooperación entre as administracións públicas dirixida á consecución dunha rede integrada de transporte público en Galicia, procurando, fundamentalmente, a mellora da oferta de transporte público e a minoración das tarifas que aboan as persoas usuarias. Neste sentido, considérase conveniente ampliar o prazo de vixencia que, para os convenios de colaboración, establece a Lei 40/2015, do 30 de outubro, facéndoo coincidir coa vixencia que a normativa comunitaria e estatal establece para estes contratos de concesión, afectados en última instancia polas indicadas actuacións.

O capítulo V, relativo ao mar, aborda unha modificación puntual, motivada pola necesidade de adecuar a Lei 11/2008, do 3 de novembro, de pesca de Galicia, ao contido previsto no artigo 85 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en canto á finalización dos procedementos sancionadores. Preténdese recoller na normativa sectorial a regulación do recoñecemento de responsabilidade e do pagamento voluntario, en consonancia co establecido na normativa estatal, para evitar posibles dúbidas interpretativas. Ademais, recóllese, de forma expresa, a incompatibilidade entre o pagamento voluntario e a suspensión condicional da execución da sanción.

No capítulo VI, atinente á política social, modifícase o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, con carácter urxente, xa que o intenso labor inspector que se está a levar a cabo comporta a necesidade de facilitar que un maior número de funcionarios e funcionarias poidan desempeñar o antes posible as funcións propias do persoal inspector de servizos sociais, de modo que non sexa precisa a posesión previa do curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, senón que se valorará a dita posesión previa como mérito para poder acceder a estes postos.

Por outra banda, modifícase o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo. A urxencia desta medida vén motivada pola necesidade de adaptar a normativa autonómica ao disposto no Real decreto 675/2023, do 18 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1051/2013, do 27 de decembro, polo que se regulan as prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, establecidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

O capítulo VII, que trata do patrimonio cultural, incorpora dúas pequenas modificacións da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A primeira limítase a corrixir un erro material, que afecta a numeración dos artigos onde se recollen as condutas tipificadas como infraccións. A segunda modifica unha disposición transitoria, relativa aos plans especiais de protección aprobados polos concellos, ampliando o prazo para a súa adaptación á norma ata o 31 de decembro de 2028.

O capítulo VIII, relativo á sanidade, introduce diversas medidas neste ámbito. Así, modifícase a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, para atribuír á consellaría competente nesta materia a resolución dos expedientes de incompatibilidade do persoal que preste os seus servizos en centros pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia, unificando a tramitación dos expedientes nun só centro directivo, co obxectivo de racionalizar e axilizar esta tramitación.

Engádese unha disposición adicional coa finalidade de poder impulsar a prestación de servizos públicos proactivos e personalizados á cidadanía. Baixo a premisa de que determinados feitos vitais producen necesidades específicas e a utilización de servizos públicos que a Administración xa coñece e que xa se vinculan á definición dos seus requisitos para acceder á prestación do servizo co devandito feito vital, a Administración pública debe impulsar a simplificación para a cidadanía ofrecendo de xeito proactivo os ditos servizos, sen necesidade de solicitude previa da persoa interesada. Coa finalidade de promover esta oferta proactiva de servizos vinculados a feitos vitais, faise preciso que a consellaría competente en materia de sanidade poida comunicar, por pedimento da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, nas condicións que se establezan no acordo de cesión, os datos de identificación de usuarios do sistema público sanitario. Deste modo pode lograrse unha administración máis áxil e próxima á cidadanía, que se adiante ás súas necesidades, ofrecéndolle, sempre de forma voluntaria, o acceso a servizos públicos dunha forma máis sinxela e eliminando cargas burocráticas e administrativas para as persoas usuarias destes servizos. Para a cesión de datos especialmente protexidos por motivos de saúde será necesario, en todo caso, o consentimento da persoa afectada ou de quen teña a representación legal ou estea autorizado ou autorizada para o acceso á carteira de servizos telemáticos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Engádese outra disposición adicional co obxectivo de promover o cumprimento da proposición non de lei, aprobada por unanimidade polo Pleno do Parlamento de Galicia o 13 de setembro de 2023, para potenciar a investigación no campo da medicina xenómica co establecemento de acordos de investigación con outras entidades, preferentemente de carácter público, que permitan xerar un valor engadido en materia de detección precoz aos traballos realizados pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, así como promover estudos poboacionais co fin último de mellorar o diagnóstico, o tratamento e a predición e prevención de determinadas enfermidades.

Finalmente, introdúcese na Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, unha nova medida en materia de igualdade e protección da maternidade, garantindo ás profesionais do Servizo Galego de Saúde que participan no sistema de atención continuada, durante a situación de incapacidade temporal derivada de embarazo, en concepto de mellora da prestación, a media das retribucións variables aboadas no ano anterior ao mes en que dese comezo a correspondente situación de IT, en concepto de atención continuada derivada da prestación de gardas, noites e festivos. Por outra parte, esténdese o mesmo dereito aos supostos de incapacidade temporal en caso de enfermidade oncolóxica grave, por se tratar de situacións excepcionais de alteración da saúde que deben ser obxecto, igualmente, dunha protección especial.

O capítulo IX, que leva por título «Economía e industria», divídese en dúas seccións.

A sección 1ª ten por finalidade promover o despregamento da enerxía eólica como enerxía renovable en Galicia, tendo en conta o papel esencial da enerxía renovable no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea; a contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do medio ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade; e os beneficios socioeconómicos das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo, o fomento das industrias locais, e a súa contribución á redución dos prezos da enerxía e á consecución dun prezo xusto e accesible para os cidadáns e as empresas. Deste modo, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.

A sección 2ª recolle diversas medidas na materia. Así, modifícase a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co fin de introducir un procedemento administrativo para tramitar as solicitudes de reclasificación de dereitos mineiros da sección A) que, ademais, constitúa unha garantía para os administrados.

Realízanse diversas modificacións na normativa eólica galega, en concreto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, co fin de adaptala á nova realidade, onde hai que ter en conta a evolución das diversas modalidades de autoconsumo, as garantías económicas solicitadas actualmente pola normativa estatal en vigor cando se obteñen os permisos de acceso e conexión á rede, así como a non necesidade de contar con proxecto sectorial ou proxecto de interese autonómico para a construción dun parque eólico. De igual xeito, aclárase a necesidade de que os proxectos eólicos teñan en conta os posibles efectos acumulativos e sinérxicos.

Así mesmo, modifícase a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, para suprimir a Unidade Galicia Emprende e transferir as súas funcións á Oficina Económica, regulada no título II da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia.

Realízanse tamén diversas modificacións no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrials, que afectan tres ámbitos diferenciados: a seguridade industrial, coa creación do Consello Galego da Seguridade Industrial, como órgano colexiado de natureza consultiva e de participación para o impulso e coordinación dos criterios e actuacións en materia de seguridade industrial, que substituirá o Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial; a planificación industrial por sectores, mediante a elaboración de plans directores específicos partindo da elaboración dun mapa industrial da Comunidade Autónoma; e o desenvolvemento dun plan de impulso e aceleración de proxectos industriais e mellora da figura dos proxectos industriais estratéxicos.

Ademais, como consecuencia das referidas melloras para o impulso dos proxectos industriais, modifícase a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, para suprimir a figura das iniciativas empresariais prioritarias e, en coherencia, establecer un réxime transitorio para os procedementos que estean en tramitación. Así mesmo, créase a Mesa de Empresa-Innovación como órgano de participación, consulta e proposta das persoas representantes do sector público, do sector privado e dos axentes sociais do ámbito empresarial, co fin de formular, debater e propoñer estratexias, plans, instrumentos e medidas de innovación aplicadas á empresa, así como de servir de órgano de asesoramento e consulta á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que se refire á Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, realízanse diversas modificacións co obxecto de procurar a súa simplificación, a axilización dos trámites e a mellora da atención ás necesidades da sociedade galega. Poden destacarse entre elas que, en termos de competencia, se elimina a necesidade de que sexa o Consello da Xunta quen teña que aprobar as actualizacións dos catálogos de trámites recollidos no capítulo I do título II, pasando a dita competencia á persoa titular da consellaría con competencias en economía; elimínanse as referencias á figura de iniciativa empresarial prioritaria; reorganízase o título II, substituíndose a Oficina Doing Business Galicia por unha Oficina Económica adscrita á consellaría con competencias en economía, como punto de contacto centralizado e singular para as empresas e persoas emprendedoras e que supón a supresión de diversos órganos. Introdúcese un artigo 31 bis na materia dos dereitos do público e das persoas interesadas nos procedementos de avaliación ambiental, para promover a súa participación de acordo co dereito da Unión Europea nos trámites de información pública e consultas, e precísanse estes dereitos. En particular, para os efectos de garantir que a información pública e a consulta ás persoas interesadas se leva a cabo nunha fase do procedemento administrativo en que estean abertas todas as opcións relativas á determinación do contido, extensión e definición do plan, programa ou proxecto, establécese que o anuncio de información pública se enviará dentro dos dez días hábiles seguintes á recepción do proxecto e do estudo de impacto ambiental por parte do órgano substantivo e que dentro do mesmo prazo se notificará a apertura do trámite de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas.

Modifícase tamén o Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, para incluír na súa composición unha persoa representante do órgano da consellaría con competencias en materia de industria.

No capítulo X, que leva por título «Comercio e consumo», realízanse dúas modificacións na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, para posibilitar, por unha banda, que calquera persoa con titulación superior poida ocupar a secretaría da cámara sen que teña que posuír a titulación de licenciatura en Dereito e para clarificar, por outra banda, no marco dos procedementos de disolución e extinción das cámaras, e no suposto de asunción de funcións por outra cámara, a non vinculación desta, directa ou indirecta, polos saldos debedores derivados da súa liquidación.

Modifícase, así mesmo, a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, coa finalidade de recoller expresamente que as organizacións de consumidores gozarán do dereito de asistencia xurídica gratuíta nos termos establecidos pola Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta ou norma que a substitúa. Trátase de incluír nunha norma legal de Galicia a posibilidade, por parte das asociacións de consumidores, de gozaren do beneficio da xustiza gratuíta, como ocorre noutras comunidades autónomas como Valencia, Navarra, o País Vasco, Madrid e Cataluña.

Finalmente, modifícanse os estatutos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, aprobados polo Decreto 118/2016, do 4 de agosto, para definir as funcións de arbitraxe do devandito órgano, así como para recoller a opción de que un vogal ou unha vogal do Pleno da Comisión Galega da Competencia poida ter dedicación absoluta, co fin de aumentar a capacidade de traballo da Comisión e axilizar a tramitación dos expedientes.

No capítulo XI, dedicado ao xogo e aos espectáculos públicos, modifícase a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no que atinxe ás actividades sometidas a declaración responsable, para adecuar a exixencia dos documentos que se deben presentar, xunto coa correspondente declaración, á realidade de dous grupos de instalacións: escenarios de escasa entidade e atraccións de feira que non albergan público.

Así mesmo, realízanse modificacións puntuais na Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, co fin de adaptar a regulación do xogo do bingo, na súa consideración de xogo excluído, á realidade social actual. Neste sentido, as modificacións operadas afectan a realización do xogo do bingo por parte das residencias da terceira idade, das asociacións culturais e deportivas e das comisións de festas, tendo en consideración que o dito xogo supón un importante labor de entretemento e socialización das persoas maiores en zonas rurais nas que teñen moi limitado o acceso a actividades de lecer adaptadas á súa idade.

Ademais, coa finalidade de evitar dúbidas na aplicación da norma, modifícase o Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen. Esta modificación é urxente e ten por obxecto eliminar a exixencia da aportación do xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente xunto coa solicitude de admisión do curso de formación que debe superar o persoal de control e acceso como requisito previo á súa habilitación. Esta modificación é coherente coa supresión da correspondente taxa levada a cabo no título I desta mesma norma.

Acométese tamén a modificación do Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos, que é igualmente urxente para poder solucionar problemas detectados na aplicación da norma, logrando coa nova redacción unha maior seguridade xurídica.

O capítulo XII, que leva por título «Procedemento e organización administrativa», modifica a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, coa finalidade de adaptar a súa redacción ao disposto na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Así mesmo, introdúcense outras previsións en materia de integridade, como os instrumentos básicos do Sistema de integridade da Xunta de Galicia: o Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión, o Código ético, os plans de prevención de riscos de xestión, así como o sistema interno de información da Xunta de Galicia. Engádese tamén na citada lei un novo capítulo IV no título II, polo que se crea a Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante co fin de cumprir as previsións da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción.

Por motivos de coherencia e na medida en que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, remite á normativa de transparencia, acométese tamén a súa modificación para que reproduza coa máxima fidelidade o establecido na normativa de referencia.

Así mesmo, incorpórase na Lei 16/2010, do 17 de decembro, un procedemento específico de tramitación urxente das iniciativas normativas, para aqueles supostos en que concorran circunstancias extraordinarias ou razóns de interese público e que comportará unha serie de especialidades como a redución de prazos e a axilización de trámites.

Por último, regúlanse na citada lei as comisións encargadas da redacción das normas, para contribuír ao obxectivo de cumprir cos principios de racionalización, simplificación e mellora da calidade normativa.

No último capítulo, relativo ao réxime financeiro e orzamentario, modifícase o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, co obxectivo de habilitar a Intervención Xeral para regular os procedementos de validación automática no exercicio da función interventora. A automatización posibilitará un aumento do grao de fiabilidade na función interventora, así como unha mellora nos tempos de fiscalización, dotando o procedemento de maior axilidade e permitindo unha optimización dos recursos humanos destinados ás funcións de control.

Modifícase, así mesmo, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para posibilitar o incremento do crédito da convocatoria, incluíndo as que se incrementen pola vía dunha transferencia de crédito, sen necesidade de realizar unha nova convocatoria ou abrir un novo prazo de solicitudes, nos supostos de subvencións convocadas polo procedemento de concorrencia non competitiva, de forma que se axilice así a súa tramitación.

A parte final da lei está composta por cinco disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira, en materia de emprego público, recolle medidas especiais relativas ás listas de contratación de persoal laboral ou de persoal funcionario interino durante o ano 2024. A disposición adicional segunda ten como obxectivo favorecer a contratación e a formación continua do persoal laboral fixo-descontinuo empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público durante os seus períodos de inactividade. A disposición adicional terceira regula a actuación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como encargada do tratamento dos datos persoais por conta das consellarías e entidades instrumentais do sector público autonómico. A disposición adicional cuarta determina o comezo do exercicio das funcións da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante. A disposición adicional quinta prevé a aplicación dos criterios do artigo 153 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ás actuacións de reposición da legalidade competencia dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

A disposición transitoria primeira refírese aos convenios de adhesión dos municipios integrados na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aos cales se lles aplicará o establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sobre a vixencia dos convenios de adhesión. A disposición transitoria segunda refírese aos procedementos de reposición da legalidade en tramitación ou non finalizados por resolución firme en vía administrativa, aos cales lles será de aplicación a modificación operada na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, respecto da consideración de obras totalmente terminadas.

A disposición derrogatoria única da lei prevé a derrogación das disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nela.

Por último, a disposición derradeira primeira recolle unha cláusula de salvagarda do rango regulamentario aplicable aos decretos modificados a través desta lei; a disposición derradeira segunda habilita o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento da lei; e a disposición derradeira terceira establece a entrada en vigor da norma.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I

Medidas fiscais

CAPÍTULO I

Tributos cedidos

Artigo 1. Tratamento fiscal das unións estables de parella

Engádese o artigo 3 bis no Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:

«Artigo 3 bis. Tratamento fiscal das unións estables de parella

Para os efectos da aplicación do establecido nos capítulos II e IV do título II, equipáranse ao matrimonio as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal, inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, e que expresen a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio, ou que estean inscritas en calquera outro rexistro público análogo doutras administracións públicas de estados membros da Unión Europea, de estados integrantes do Espazo Económico Europeo ou de países terceiros».

Artigo 2. Sección 4ª do capítulo II do título II do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado

Suprímese a sección 4ª do capítulo II do título II do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado.

Artigo 3. Deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas

Modifícase o artigo 5 do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, de 28 de xullo, do seguinte xeito:

Un. Modifícase o número tres do artigo 5, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Tres. Dedución para familias con fillos e fillas

1. O contribuínte que, na data de devindicación do imposto, teña dous descendentes que xeren ao seu favor o dereito á aplicación do correspondente mínimo por descendentes establecido pola normativa reguladora do imposto, poderá deducir da cota íntegra autonómica a cantidade de 250 euros.

No caso de que o contribuínte ou algún dos descendentes que dean dereito a aplicar esta dedución teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por cento, a dedución anterior duplicarase.

2. O contribuínte que, na data de devindicación do imposto, posúa o título de familia numerosa poderá deducir da cota íntegra autonómica:

a) no caso de que se trate de familias de ata dous fillos/as, 250 euros, agás que gocen do título de categoría especial, en cuxo caso será de 400 euros.

b) no resto dos casos, a dedución incrementarase en 250 euros adicionais por cada fillo/a.

No caso de que o contribuínte ou algún dos descendentes que dean dereito a aplicar esta dedución teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, as deducións anteriores duplicaranse.

3. Cando máis dun contribuínte teña dereito á aplicación das deducións previstas neste número respecto dos mesmos descendentes, o seu importe será rateado entre eles por partes iguais.

4. As deducións previstas neste número son incompatibles entre si».

Dous. Modifícase o número catro do artigo 5, que queda redactado como segue:

«Catro. Dedución por acollemento

Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica a cantidade de 300 euros por cada menor en réxime de acollemento familiar simple, permanente, provisional ou preadoptivo, administrativo ou xudicial, formalizado polo órgano competente en materia de menores da Xunta de Galicia.

Non dará lugar a esta dedución o suposto de acollemento familiar preadoptivo cando se produza a adopción da menor ou do menor durante o período impositivo, sen prexuízo da aplicación, se for o caso, da dedución por adopción.

No caso de acollemento de menores por matrimonios ou polas parellas de feito a que se refire a disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, o importe da dedución ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles, se optaren pola declaración individual».

Artigo 4. Tipo de gravame na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas

Modifícase o artigo 14 do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, do seguinte modo:

Un. Modifícase o número un do artigo 14, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Un. Tipo de gravame xeral

1. Con carácter xeral, na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable á transmisión de bens inmobles, así como na constitución e cesión de dereitos reais que recaian sobre eles, agás os dereitos reais de garantía, será do 8 %.

2. Con carácter xeral, na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo aplicable á transmisión de bens mobles e semoventes, así como na constitución e cesión de dereitos reais que recaian sobre estes, agás os dereitos reais de garantía, será do 8 %».

Dous. Modifícase o número seis do artigo 14, que queda coa seguinte redacción:

«Seis. Tipo de gravame aplicable na transmisión de determinados vehículos

1. Na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados aplicarase o tipo de gravame do 3 % ás transmisións de medios de transporte terrestre usado, agás que resulte aplicable o previsto nos números 2 e 3.

2. Na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados aplicarase o tipo de gravame do 0 % nos seguintes casos:

a) Vehículos clasificados no Rexistro de Vehículos coa categoría ambiental «0 emisións», de conformidade coa clasificación establecida no apartado E.2.a) do anexo II do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos, ou norma que o substitúa.

Esta condición será acreditada mediante o correspondente distintivo ambiental aprobado pola Dirección Xeral de Tráfico.

b) Bicicletas, bicicletas de pedais con pedaleo asistido e vehículos de mobilidade persoal, de acordo con as definicións reguladas no apartado A) do anexo II do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos, ou norma que o substitúa.

3. Na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a cota tributaria correspondente á transmisión de automóbiles turismo e todoterreo, cun uso igual ou superior a quince anos, será a seguinte:

Cilindrada do vehículo (centímetros cúbicos)

Cota (euros)

Ata 1.199

22

De 1.200 a 1.599

38

4. No imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, o tipo de gravame aplicable ás transmisións de embarcacións de recreo e motores mariños será do 1 %».

Tres. Engádese o número nove ao artigo 14, coa seguinte redacción:

«Nove. Tipo de gravame aplicable á adquisición dun inmoble que vaia ser obxecto de inmediata rehabilitación

1. No imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, o tipo de gravame aplicable á adquisición de inmobles que vaian ser obxecto de inmediata rehabilitación será do 6 %. Cando se atopen nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais ás que se refire o número sete do artigo 16, o tipo de gravame aplicable será do 4 %. O inmoble deberá ter o uso de vivenda ao remate das obras de rehabilitación.

2. Para os efectos deste texto refundido, considéranse obras de rehabilitación as que reúnan os requisitos establecidos no artigo 20.Un.22.º B) da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

3. Na escritura pública que documente a adquisición indicarase que o inmoble vai ser obxecto de inmediata rehabilitación. As obras de rehabilitación deberán estar rematadas nun prazo inferior a trinta e seis meses desde a data de pagamento do imposto. Para estes efectos, no prazo dos trinta días posteriores á finalización dos trinta e seis meses, o suxeito pasivo terá que presentar ante a Administración tributaria a licenza de obras e as facturas derivadas da rehabilitación con desagregación por partidas, así como a documentación xustificativa do uso de vivenda. O incumprimento desta obriga determinará a perda do dereito ao tipo reducido».

Artigo 5. Réxime aplicable ao imposto sobre o patrimonio durante a vixencia do imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas

Engádese unha disposición transitoria terceira no Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria terceira. Réxime aplicable ao imposto sobre o patrimonio durante a vixencia do imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas

Mentres resulte aplicable o imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas, creado polo artigo 3 da Lei 38/2022, do 27 de decembro, para o establecemento de gravames temporais enerxético e de entidades de crédito e establecementos financeiros de crédito e pola que se crea o imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas, e se modifican determinadas normas tributarias, queda suspendida a vixencia dos artigos 13 bis e 13 quater, relativos ao imposto sobre o patrimonio, sendo aplicable no seu lugar durante o devandito período o seguinte réxime:

Un. A base liquidable do imposto gravarase aos tipos da seguinte escala:

Tarifa

Base liquidable

Ata euros

Cota íntegra

Euros

Resto de base liquidable

Ata euros

Tipo aplicable

Porcentaxe

0,00

0,00

167.129,45

0,20 %

167.129,45

334,26

167.123,43

0,30 %

334.252,88

835,63

334.246,87

0,50 %

668.499,75

2.506,86

668.499,76

0,90 %

1.336.999,51

8.523,36

1.336.999,50

1,30 %

2.673.999,01

25.904,35

2.673.999,02

1,70 %

5.347.998,03

71.362,33

5.347.998,03

2,10 %

10.695.996,06

183.670,29

En adiante

3,50 %

Dous. Sobre a cota íntegra do imposto aplicarase unha bonificación do 50 por cento do seu importe. Esta dedución reducirase no importe que resulte para pagar que derive da aplicación da normativa do imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas para o mesmo exercicio, sen que o resultado poida ser negativo.

No caso de que, como consecuencia desta redución, se esgotar o importe desta bonificación, reduciranse na contía necesaria as outras deducións autonómicas que resulten aplicables, sen que o resultado poida ser negativo».

CAPÍTULO II

Tributos propios

Artigo 6. Taxas

1. Os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma non experimentarán ningunha actualización respecto das contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei.

Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.

2. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 10 do artigo 23, que queda redactado como segue:

«10. Nas actuacións en materia de competencia profesional con referencia ás seguintes persoas:

– As que participen na fase de asesoramento do procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, regulado no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional.

– As que participen na fase de avaliación de unidades de competencia do procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, regulado no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional.

– As que participen no proceso de homologación do CODIX recolleito no Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais.

– As que formen parte do persoal das entidades colaboradoras que interveñan como formadores, capacitadores, examinadores ou orientadores para conseguir un determinado nivel da certificación galega en competencias dixitais segundo o establecido no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais».

Dous. Engádese un número 17 no artigo 23, que queda redactado como segue:

«17. O duplicado ou renovación das tarxetas acreditativas das titulacións profesionais de pesca no caso de afundimentos ou accidentes moi graves que supoñan a perda de documentación en buques de pesca ou auxiliares de acuicultura».

Tres. No número 6 do artigo 27, o apartado relativo á tarifa X-3 queda modificado como segue:

«– Da tarifa X-3, os armadores ou os consignatarios dos barcos que utilicen o servizo, a persoa propietaria ou produtora da mercadoría, e as persoas propietarias do medio de transporte cando a mercadoría entre e saia do porto por medios exclusivamente terrestres, así como as persoas depositarias ou as responsables designadas, cando con ocasión dun procedemento xudicial ou administrativo se acordase a retención, a conservación ou o depósito dun buque, da mercadoría ou dos medios de transporte ou carga na zona de servizo dun porto».

Catro. Modifícase a alínea h) do artigo 40.2, que queda redactada como segue:

«h) Cando a ocupación do dominio público teña por destino a construción ou explotación de naves destinadas a aloxar medios mecánicos, vehículos non particulares asignados a confrarías, federacións de confrarías e/ou asociacións do sector pesqueiro e marisqueiro, así como as instalacións dedicadas a aulas de formación náutico-pesqueira e a fins sociais daquelas, o importe da bonificación será do 90 %».

Cinco. Elimínase a subalínea 07 da alínea 10 do anexo 1.

Seis. Elimínase a subalínea 06 da alínea 11 do anexo 1.

Sete. Modifícase a subalínea 01 da alínea 17 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Expedición ou duplicado de permisos de explotación:

– A pé, tanto para marisqueo tradicional como para recursos específicos (novo permiso ou renovación)

10,06

– Desde embarcación, segundo arqueo bruto (novo permiso, renovación, traslado e transmisión, ampliación ou cambio de artes, para toda actividade pesqueira e marisqueira exercida desde embarcación):

De 0,10 GT a 2,50 GT:

20,03

De 2,51 GT a 5,00 GT:

30,02

De 5,01 GT a 10,00 GT:

50,01

Máis de 10,01 GT:

70

– A pé con embarcación auxiliar (novo permiso, renovación)

12,09»

Oito. Modifícase a subalínea 03 da alínea 20 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«CONCEPTO:

Expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola LOE e dos seus duplicados

Tarifa normal

Familia numerosa categoría xeral

Familia numerosa categoría especial

Duplicado

Bacharel

54,00

27,03

0

4,98

Técnico

22,07

11,06

0

2,55

Técnico superior

54,00

27,03

0

4,98

Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais

70,73

35,38

0

7,09

Expedición de certificados de idiomas nivel intermedio B2 e nivel avanzado C1 e C2

25,91

12,97

0

2,55

Expedición do certificado do curso de especialización de grao medio ou título de especialista de formación profesional

Expedición do certificado do curso de especialización de grao superior ou título de máster de formación profesional

25,91

12,97

0

2,55

Profesional de Música

25,80

12,90

0

2,40

Profesional de Danza

25,80

12,90

0

2,40

Título superior de Música

70,73

35,38

0

7,09

Título superior de Danza

70,73

35,38

0

7,09

Título deportivo

22,51

11,27

0

2,59

Título deportivo superior

55,07

27,58

0

5,07

Título superior de Deseño

70,73

35,38

0

7,09

Título superior de Artes Plásticas

70,73

35,38

0

7,09

Título superior de Arte Dramática

70,73

35,38

0

7,09

Título de máster en Ensinanzas Artísticas Superiores

70,73

35,38

0

7,09»

Nove. Modifícase a alínea 39 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Actuacións en materia de asociacións:

– 01. Inscrición do acordo de constitución

38,35

– 02. Inscrición da xunta directiva

8,09

– 03. Inscrición do acordo de disolución

19,2

– 04. Inscrición da modificación dos estatutos

19,2

– Inscrición de transformación

19,2

– Inscrición de fusión

19,2

– 05. Inscrición da apertura, cambio e peche de delegacións ou establecementos

19,2

– 06. Inscrición de federación, confederación e unión de asociacións

57,54

– 07. Inscrición de incorporación/separación de asociacións a unha federación ou unión de asociacións; e incorporación/separación de federacións a unha confederación

19,2

– 08. Copia de estatutos

19,2

– 09. Copia doutros documentos depositados no rexistro e obtención de informacións, certificacións ou listaxes

3,85

– 10. Anotacións de calquera clase nos expedientes ou subministración de datos non incluídos en apartados anteriores

8,09

– 11. Tramitación do expediente das asociacións declaradas de utilidade pública

19,56»

Dez. Elimínase a subalínea 03 da alínea 40 do anexo 1.

Once. Modifícase a alínea 46 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Actuacións en materia de fundacións e colexios profesionais:

– 01. Inscrición inicial no rexistro

38,35

– 02. Inscrición de modificación de estatutos

19,20

– 03. Inscrición de modificación do órgano de goberno

19,20

– 04. Inscrición de delegación de facultades, revogacións e apoderamentos

19,20

– 05. Inscrición de fusión, escisión e extinción

19,20

– 06. Inscrición de alleamento, gravame e arrendamento de bens

19,20

– 07. Modificación/desembolso da dotación

8,09

– 08. Constitución/modificación/supresión de comisións

8,09

– 09. Nomeamento/cesamento da xerencia ou membros de comisións

8,09

– 10. Outros actos sometidos a inscrición

8,09

– 11. Copia doutros documentos depositados no rexistro e obtención de informacións, certificacións ou listaxes

3,85

– 12. Certificado de denominación

3,85

– 13. Anotacións de calquera clase nos expedientes ou subministración de datos non incluídos en apartados anteriores

8,09

– 14. Expedición de copia de estatutos

19,20

– 15. Dilixenciado de libros

5,28»

Doce. Modifícanse as subalíneas 00, 01 e 02 da alínea 48 do anexo 1, que quedan redactadas como segue:

«Expedición e renovación da habilitación de persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

6,35»

Trece. Modifícase a subalínea 05 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Autorización da instalación e localización de máquinas de apostas»

Catorce. Modifícase a subalínea 06 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Comunicación de instalación de máquinas de apostas»

Quince. Modifícase a subalínea 07 da alínea 04 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«Funcionamento e rexistro de entidades colaboradoras en materia de formación agroforestal e de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia:

– 01. Inscrición no rexistro de entidades colaboradoras, segundo a especialidade formativa que se vaia impartir

199,44

– 02. Execución das actividades formativas: avaliación de execución da actividade formativa

'Curso ata 15 alumnos

143,7

'Curso de 16 a 30 alumnos

287,7

– 04. Acreditacións e capacitacións: expedición e renovación

- Expedición do certificado, acreditación ou carné profesional derivado da realización dun curso de formación

9,58

- Renovación do certificado, acreditación ou carné profesional ou expedición do duplicado por perda ou extravío

4,78

- Expedición por validación do certificado, acreditación ou carné profesional

13,08

– 05. Realización de prácticas fitosanitarias en centros ou dependencias da Administración da Xunta de Galicia

45,52»

Dezaseis. Elimínase a subalínea 28 da alínea 07 do anexo 2.

Dezasete. Elimínase o número 04 da subalínea 29 da alínea 07 do anexo 2.

Dezaoito. Engádese a subalínea 20 na alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Reclasificación de recursos da sección A) a recursos da sección C)

797,73»

Dezanove. Modifícase a alínea 68 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado

0,029»

Vinte. Modifícanse as subalíneas 00, 01 e 02 da alínea 70 do anexo 3, que quedan redactadas como segue:

«Tramitación dun plan ou proxecto sectorial de incidencia supramunicipal

4.606,35»

Vinte e un. Elimínase a subalínea 27 da alínea 52 do anexo 3.

Vinte e dous. Elimínanse as subalíneas 03 e 04 da alínea 57 do anexo 3.

Vinte e tres. Engádese a subalínea 05 na alínea 57 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Modificación non substancial dunha autorización ambiental integrada (AAI)

192,13»

Vinte e catro. Engádese a alínea 82 no anexo 3, que queda redactada como segue:

«Actuacións de inspección ambiental de Galicia:

– 01. Realización de inspeccións ambientais programadas realizadas polo persoal inspector ambiental a instalacións IPPC recollidas na epígrafe 9.3 do Real decreto lexislativo 1/2016 (granxas IPPC)

706,38

– 02. Realización de inspeccións ambientais programadas realizadas polo persoal inspector ambiental a instalacións IPPC distintas das recollidas na epígrafe 9.3 do Real decreto lexislativo 1/2016 (instalacións industriais IPPC)

918,03

– 03. Realización de inspeccións ambientais programadas realizadas polo persoal inspector a instalacións non afectadas polo Real decreto lexislativo 1/2016 (instalacións non IPPC)

706,38

– 04. Realización de inspeccións ambientais non programadas realizadas polo persoal inspector ambiental

527,92»

Vinte e cinco. Modifícase a regra décima da tarifa X-1 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décima. Portos de Galicia poderá establecer convenios anuais para a liquidación desta tarifa con asociacións profesionais do sector, ou empresas, que agrupen varias embarcacións destinadas ao servizo da acuicultura, cunha redución adicional do 75 % sobre a base impoñible resultante».

Vinte e seis. Modifícase a regra décimo quinta da tarifa X-2 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo quinta. As embarcacións destinadas ao servizo da acuicultura que atraquen habitualmente en peiraos habilitados para o efecto pagarán mensualmente quince veces o importe diario que lles correspondería ao aplicar a tarifa xeral. Cando estas embarcacións dispoñan dunha praza reservada para o seu uso exclusivo en peiraos ou pantaláns, a tarifa aplicable será a que lle corresponda por aplicación da regra terceira para a totalidade do período autorizado, independentemente das entradas, saídas ou días de ausencia da atracada.

Portos de Galicia poderá establecer convenios anuais para a liquidación desta tarifa con asociacións profesionais do sector, ou empresas, que agrupen varias embarcacións destinadas ao servizo da acuicultura, cunha redución adicional do 90 % na contía da tarifa. As embarcacións deberán pertencer a unha asociación profesional do sector e o concerto establecerse en función do período e da ocupación da liña de atracada».

Vinte e sete. Modifícase a regra décimo novena da tarifa X-3 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo novena. A liquidación desta tarifa realizarase segundo a declaración efectuada no rexistro único de escalas de Puertos del Estado, a través do portelo único marítimo- portuario.

Para as mercadorías descritas na regra décima, a liquidación practicarase ao suxeito pasivo que corresponda, segundo os documentos de rexistro de descarga declarados facilitados telematicamente pola consellaría competente en materia de pesca a Portos de Galicia, ou, na súa falta, polas canles que se establezan».

Vinte e oito. Modifícase a regra vixésimo sexta da tarifa X-3 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«O grupo asignado a cada mercadoría, identificada co seu código (segundo IE nomenclatura combinada europea da Axencia Tributaria estatal), será o reflectido no seguinte cadro:

Códigos

Grupo

Descrición

Do 01 -- ao 05 --

Quinto

Animais vivos e produtos de orixe animal

Do 06 -- ao 12 --

Terceiro

Plantas en xeral, verduras, hortalizas, froitas, froitos, cereais e sementes

Do 13 -- ao 15 -- a granel

Cuarto

Materias e produtos vexetais non incluídos noutras partidas

Do 13 -- ao 15 -- envasado

Quinto

Materias e produtos vexetais non incluídos noutras partidas

Do 16 -- ao 21 --

Quinto

Preparacións e conservas de carne, peixe, crustáceos, moluscos e cereais

2201A

Terceiro

Auga envasada

2201B e 2201C

Primeiro

Auga a granel

Do 2202 ao 22 -- a granel

Cuarto

Bebidas, incluído alcol etílico e vinagre

Do 2202 ao 22 -- envasado

Quinto

Bebidas, incluído alcol etílico e vinagre

23 --

Terceiro

Farelos e residuos de cereais e similares

24 --

Quinto

Cigarros e tabacos

Do 2501 ao 2502

Primeiro

Sal e cloruro de sodio puro e piritas de ferro sen torrar

Do 2503 ao 2504

Segundo

Xofre e grafito natural

Do 2505 ao 2510

Primeiro

Areas, cuarzo, caolín, arxilas, atapulguita, bentonita e creta

Do 2511 ao 2515

Segundo

Mármore, pedras calizas, lousa, baritina

Do 2516 ao 2518

Primeiro

Granitos, pedras, cantos, grava para a construción

2519

Cuarto

Compostos químicos de magnesio

Do 2520 ao 2522

Primeiro

Xeso natural ou calcinado, pedras para fabricar cal ou cemento, cal

2523A

Segundo

Cementos hidráulicos envasados

2523B

Primeiro

Cementos hidráulicos a granel

Do 2524 ao 2530

Terceiro

Amianto, mica, esteatita, boratos, feldespato

2601

Primeiro

Mineral de ferro

Do 2602 ao 2617

Terceiro

Minerais varios

Do 2618 ao 2710A

Primeiro

Escouras e cinsas. Aceites e fuel

2710B

Terceiro

Queroseno, gasolina e petróleo refinado

2710C e D

Quinto

Lubricantes e aceites minerais REPEX

2710E e F

Segundo

Naftas e gasóleo

2711A

Cuarto

Gases do petróleo

2711B

Segundo

Gas natural

2711C

Terceiro

Butano e propano

2712

Quinto

Vaselina, parafina e ceras

Do 2713 ao 2715

Primeiro

Coques de petróleos, betumes e asfaltos naturais

28--

Cuarto

Flúor, cloro, carbono, hidróxeno e compostos químicos incluídos neste código

Do 29 -- ao 30 --

Quinto

Compostos orgánicos e medicamentos

31 --

Segundo

Fertilizantes de orixe animal ou vexetal

Do 32 -- ao 43 --

Quinto

Produtos varios incluídos nestes códigos

4401A

Primeiro

Leña, serraduras e refugallos de madeira

4401B e 4402A

Segundo

Madeira e carbón vexetal envasado

4402B

Primeiro

Carbón vexetal a granel

4403A

Terceiro

Madeira en bruto (agás eucalipto e coníferas)

4403B e C

Segundo

Madeira en bruto de eucalipto ou coníferas

Do 4404 ao 4410

Cuarto

Madeira serrada e taboleiros

Do 4411 ao 46--

Quinto

Produtos varios incluídos nestes códigos

47--

Cuarto

Pasta de madeira ou das demais materias fibrosas celulósicas; papel ou cartón para reciclar

Do 4801 ao 6808

Quinto

Produtos varios incluídos nestes códigos

Do 6809 ao 6903

Terceiro

Manufacturas de xeso, cemento, pedras, ladrillos

6904

Primeiro

Ladrillos de construción, bovedillas, cubrevigas e artigos semellantes, de cerámica

Do 6905 ao 6908

Segundo

Tellas, canos, tubos e placas cerámicas

Do 6909 ao 6914

Quinto

Demais manufacturas de cerámica

7001

Primeiro

Desperdicios e refugallos de vidro, vidro en masa

Do 7002 ao 71 --

Quinto

Produtos varios incluídos nestes códigos

7201

Segundo

Fundición en bruto e especular

7202

Quinto

Ferroaliaxes

7203

Segundo

Produtos férreos obtidos por redución directa de minerais de ferro

7204

Primeiro

Desperdicios e refugallos (ferralla), de fundición, ferro ou aceiro

Do 7205 ao 7303

Terceiro

Produtos de ferro incluídos nestes códigos

Do 7304 ao 9990

Quinto

Produtos varios incluídos nestes códigos»

Vinte e nove. Elimínase a regra décimo cuarta da tarifa X-4 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3.

Trinta. Modifícase o terceiro parágrafo da letra b) da regra 5ª da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«Para as embarcacións auxiliares de acuicultura:

– Se eslora ≤ 10 m: 31,63 €/ano.

– Se eslora > 10 m: 104,10 €/ano».

Trinta e un. Modifícase a letra c) da regra 5ª da tarifa X-6 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«c) Para as embarcacións deportivas e de lecer, con base nun porto dependente de Portos de Galicia, aplicaranse as seguintes contías fixas:

– Se eslora ≤ 8 m: 9,68 €/semestre.

– Se eslora > 8 m e ≤ 10 m: 12,80 €/semestre.

– Se eslora > 10 m e ≤ 12 m: 17,02 €/semestre.

– Se eslora > 12 m e ≤ 14 m: 23,89 €/semestre.

– Se eslora > 14 m e ≤ 16 m: 33,56 €/semestre.

– Se eslora > 16 m e ≤ 18 m: 38,40 €/semestre.

– Se eslora > 18 m: 43,24 €/semestre.

A liquidación poderase realizar conxuntamente coa tarifa X-5 por semestres (1º e 2º semestre do ano) adiantados.

No caso de embarcacións deportivas e de lecer que non teñan a condición de embarcacións de base en ningún porto dependente de Portos de Galicia, aplicarase por cada escala a seguinte contía:

– Se eslora ≤ 8 m: 1,29 €/escala.

– Se eslora > 8 m e ≤ 12 m: 3,87 €/escala.

– Se eslora > 12 m: 4,65 €/escala.

O certificado emitido pola escala da embarcación de paso polo porto terá validez por un mes en calquera porto dependente de Portos de Galicia nese período, e emitirase por petición previa da persoa usuaria, segundo o procedemento que se estableza.

A liquidación realizarase, segundo a declaración realizada polo xestor a Portos de Galicia, consonte o procedemento e formato que sinale Portos de Galicia.

Cando a instalación sexa unha concesión, autorización de ocupación de dominio público ou calquera outro título habilitante xestionada integramente por un xestor, e este estea subrogado no pagamento da tarifa X-5, subrogarase tamén na obriga dos suxeitos pasivos no relativo á tarifa X-6 tanto de base como de tránsito, podendo repercutila ás persoas usuarias destes servizos de recollida de refugallos. Neste caso, Portos de Galicia, por instancia da persoa titular da concesión ou da autorización, en caso de impagamento desta taxa, aplicará directamente ao contribuínte as normas e procedementos de recadación tributaria previstos na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e no Regulamento xeral de recadación».

Trinta e dous. Elimínase a regra vixésimo primeira da tarifa E-2 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3.

Trinta e tres. Modifícase o apartado 3.2.A).6 da tarifa portuaria polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos, contida na subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«6. Restantes actividades comerciais e industriais portuarias.

a) A cota anual da taxa polo exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias non previstas nos números anteriores establecerase por unha porcentaxe en función do importe neto da cifra anual de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización, de acordo coa seguinte táboa:

Actividade desenvolvida

Tipo aplicable

Fábricas de xeo, cámaras de frío, naves de reparación e almacenaxe de redes; departamentos de armadores ou exportadores; subministración de combustible a buques; recolla de refugallos; medios mecánicos vinculados ás actividades portuarias, varadoiros, talleres de reparación de embarcacións e depósito de embarcacións, estaleiros; depuradoras de molusco, cetarias, viveiros, acuicultura; xestión de amarres náutico-recreativos, naves de almacenamento de mercadoría expedida por vía marítima, redes de fornecementos e comunicacións a instalacións portuarias, ensinanzas náuticas.

1 %

Naves de almacenaxe, loxística; oficinas; venda de embarcacións, efectos navais; industrias conserveiras, transformación e manipulación da pesca, subministración de combustible a automóbiles propiedade dos usuarios do porto.

1,50 %

A anterior listaxe de actividades posúe para estes efectos un carácter indicativo e non limitativo.

O concepto de importe neto da cifra anual de negocios é o establecido no Plan xeral de contabilidade vixente para as empresas españolas, atendendo en cada caso á natureza e forma xurídica de cada empresario.

Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con anterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas nesta regra, a cota máxima anual da taxa será de 32.193,43 euros para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 % e de 64.386,86 euros para aquelas actividades ás que se lles aplique o tipo do 1,5 %.

Ás concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante indicadas no parágrafo anterior que sexan actualizadas ou modificadas respectando o prazo inicial da orixinal e manteñan o seu destino e actividade conforme os títulos habilitantes iniciais, a taxa que se lles aplicará será de acordo co indicado no parágrafo anterior.

Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con posterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas nesta regra, a cota máxima anual da taxa será 64.386,86 euros para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 % e que veñan expresamente indicadas no punto correspondente do cadro anterior, e de 96.580,28 euros para aquelas actividades ás que se lles aplique o tipo do 1,5 %.

No suposto do desenvolvemento da actividade de exportación de pesca fresca en locais vinculados directamente a unha lonxa localizada nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa será de 0,0015 euros por quilogramo de peixe declarado polo uso do local obxecto de autorización ou concesión. Tamén será aplicable á pesca fresca descargada noutro porto da Comunidade Autónoma de Galicia que entre no porto por vía terrestre, sempre e cando se acredite o aboamento da tarifa X-4 que corresponda.

b) Actividades gravadas cunha contía fixa por unidade de medida.

Para o cálculo da taxa de actividades comerciais e de servizos das seguintes actividades, establécese unha contía fixa por unidade de medida, segundo as súas características.

O cálculo da taxa será o resultado de multiplicar a contía unitaria inserida no cadro seguinte polas unidades correspondentes:

Tipo de servizo

Unidade de medida

Contía/unidade de medida subministración exclusiva portuaria
(€/m2/ano)

Contía/unidade de medida subministración mixta portuaria – non portuaria (€/m2/ano)

Contía/unidade de medida subministración non portuaria (€/m2/ano)

Fornecemento de enerxía

m2 de superficie ocupada

2,00

3,00

4,00

Outros servizos

m2 de superficie ocupada

0,75

1,50

2,00

Captacións/ verteduras

Unidade de medida

Contía/unidade de medida (€/m2/ano)

Captación de auga de mar mediante tubaxes enterradas, somerxidas ou pousadas no leito mariño. Non será de aplicación cando se devindique a taxa pola totalidade da actividade desenvolta na concesión ou autorización.

m2 de superficie ocupada

0,75

Actividade comercial

Unidade de medida

Contía/unidade de medida

Actividade de reparación e mantemento de embarcacións. Non será aplicable cando se devindique a taxa pola totalidade da actividade desenvolta na concesión ou autorización.

€/ano

600,00

Actividade de reparación e mantemento eléctrico de embarcacións. Non será de aplicación cando se devindique a taxa CIS pola totalidade da actividade desenvolta na concesión ou autorización.

€/ano

400,00

Para a actividade comercial de reparación e mantemento de embarcación, as contías desta taxa aplicaranse por cada porto autorizado.

Actividade comercial de posta a disposición de medios mecánicos (aplicarase por cada unidade)

Unidade de medida

Medio integrado nos procesos internos da actividade do título administrativo (*)

Medio empregado para a prestación de servizos a terceiros (principal ou accesoriamente) (*)

Travel-lift, sublift, carro varadoiro e cabrestante

€/ano

500,00

1.000,00

Guindastre

€/ano

200,00

500,00

Báscula para pesaxe de camións

€/ano

100,00

300,00

Carretilla elevadora e outros

€/ano

80,00

200,00

Cando o medio mecánico se localice no espazo físico do título administrativo doutra actividade principal e o titular sexa coincidente, a contía calcularase segundo o criterio xeral indicado no apartado 6.a) desta taxa. Non obstante, aplicarase un mínimo que será resultado do sumatorio da contía indicada no cadro anterior por cada medio autorizado».

Trinta e catro. Modifícase o punto 1 do apartado 3.2.B) da tarifa portuaria polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos, contida na subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«1.a) Instalación no dominio público portuario de terrazas de hostalaría.

A cota da taxa pola instalación no dominio público portuario de terrazas de hostalaría, que se aplicará naquelas cuxo local asociado non estea sometido ao aboamento da taxa descrita no apartado 3.2.B).2) pola totalidade da actividade desenvolta, establécese por metro cadrado autorizado e día ou fracción en función da intensidade da actividade e da tempada do ano en que esta se desenvolva, de acordo coa seguinte táboa:

Intensidade da actividade

Contía segundo tempada (€/m2)

Alta

Media

Baixa

Alta

0,34 €

0,26 €

0,17 €

Media

0,29 €

0,22 €

0,14 €

Baixa

0,22 €

0,17 €

0,11 €

Será aplicable unha contía mínima de 4 m2 por cada mesa autorizada.

Considerarase que a intensidade da actividade é alta cando se desenvolva nos portos de: Ribadeo, Burela, Celeiro, Ortigueira, Cedeira, Ares, Sada, Muros, Noia, Portosín, Porto do Son, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Carril, O Xufre, Vilanova, Cambados-Tragove, O Grove, Pedras Negras, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Pontevedra, Bueu, Cangas, Moaña e Baiona.

Considerarase que a intensidade da actividade é media cando se desenvolva nos portos de: Foz, O Barqueiro, Cariño, Pontedeume, Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, Portocubelo, O Freixo, O Testal, Cabo de Cruz, Meloxo, Meira, Aldán, Panxón e A Guarda.

Considerarase que a intensidade da actividade é baixa cando se desenvolva nos restantes portos e instalacións non recollidos nos parágrafos anteriores.

Considerarase tempada alta os meses de xullo e agosto; tempada media, os meses de xuño e setembro; e tempada baixa, os restantes meses do ano.

No caso de que a autorización se outorgue por prazo dun ano natural, considerarase para efectos da aplicación desta taxa que durante a tempada baixa o período de desenvolvemento da actividade será de 60 días.

1.b) Instalacións portátiles, móbiles, desmontables ou fixas con uso non estritamente portuario.

A contía da taxa pola actividade non estritamente portuaria, desenvolta en instalacións portátiles, móbiles, desmontables ou fixas, dedicada á venda de bebidas ou comestibles, con ou sen elaboración, e venda de artigos non comestibles establécese mediante valores fixos por mes ou fracción, en función da actividade desenvolta e a intensidade turística do porto, de acordo coa seguinte táboa:

Intensidade da actividade

Contía segundo actividade (€/mes)

Venda de comestibles con elaboración, bebidas e/ou non comestibles

Venda de comestibles sen elaboración, bebidas e/ou non comestibles

Venda de produtos non comestibles

Alta

350

250

175

Media

300

200

150

Baixa

225

150

100

Nos meses en que sexa aplicable a tempada baixa, segundo o indicado no apartado B).1.a), a tarifa reflectida no cadro anterior terá unha redución do 50 %.

A intensidade turística do porto é a indicada no apartado B).1.a).

Aplicarase a tarifa mensual ou fracción a todos os meses autorizados, sen considerar os períodos de inactividade que se puideren producir na instalación. Tamén será aplicable ao período non autorizado mentres permaneza a instalación no porto, sen aplicación da redución indicada do 50 %.

No suposto de que unha instalación dispoña de terraza, a actividade desenvolta na terraza será calculada polo disposto no punto B).1.a), sendo a taxa resultante a suma da taxa indicada no presente apartado pola actividade da instalación máis a da terraza anexa calculada en base ao disposto no punto B).1.a).

Estas contías son aplicables para instalacións cunha superficie inferior a 20 m2. Nos casos en que se supere esta superficie, aplicarase un incremento lineal acadando o máximo do 100 % de incremento cando se ocupen 40 m2».

Trinta e cinco. Modifícase a letra c) do apartado 1 da taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público, contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 5, que queda redactada como segue:

«c) Ocupación de obras e instalacións. Estará constituída polos seguintes conceptos:

c.1) O valor dos terreos e das augas ocupados, incluídas neste apartado a urbanización interna e a pavimentación da parcela en concesión.

c.2) O valor das infraestruturas, superestruturas e instalacións en concesión ou autorización no momento do seu outorgamento será calculado sobre a base de criterios de mercado, e o valor da súa depreciación anual. Estes valores permanecerán constantes durante o período concesional, e non lles será aplicable a actualización anual prevista no artigo 42.

O valor das infraestruturas, superestruturas e instalacións determinarase conforme os seguintes criterios:

c.2.1) Se se trata dun ben construído por Portos de Galicia e desde a data da súa recepción non transcorreron máis de cinco anos, deberá considerarse como valor do ben o custo total.

c.2.2) Nos restantes casos, o valor do ben determinarase mediante taxación realizada, a criterio de Portos de Galicia, polos seus servizos técnicos ou por unha sociedade de taxación inscrita no Rexistro de Sociedades de Taxación do Banco de España. En ambos os casos tomaranse en consideración, entre outros factores, o seu estado de conservación e a súa posible obsolescencia. Este valor será aplicable durante os catro anos seguintes ao da taxación.

Nas edificacións destinadas a usos portuarios pesqueiros de exportación de peixe fresco e venda, así como ao almacenamento das artes e aparellos de pesca da frota pesqueira profesional que sexan propiedade de Portos de Galicia, e estean en réxime de xestión directa, aplicarase este apartado c.2.2) aínda que a edificación teña unha antigüidade inferior a cinco anos.

c.2.3) A depreciación anual será o resultado de dividir o valor do ben pola súa vida útil, en anos enteiros, e será constante. No caso da alínea c.2.1), a vida útil determinarase aplicando as táboas de vida útil vixentes para os activos integrantes do inmobilizado material dos organismos públicos portuarios. No caso da alínea c.2.2), a vida útil será a que se estableza na taxación.

No caso de prórroga ou modificación da concesión ou autorización, procederase a unha nova taxación das obras e instalacións de acordo co disposto nos puntos anteriores».

Trinta e seis. Engádese un parágrafo á letra a) do apartado 2 da taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público, contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 5, redactado como segue:

«Na ocupación de superficies lineais soterradas de servizos, tomarase como valor de mercado o valor medio de todas as áreas funcionais para todo o trazado, independentemente da área funcional onde se atope».

Trinta e sete. Modifícase o último parágrafo da letra c) do apartado 2 da taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público, contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 5, que queda redactado como segue:

«De xeito xeral, ás edificacións e obras e instalacións que teñan antigüidade superior á súa vida útil máxima aplicaráselles o 25 % do valor da depreciación anual asignada, sobre unha vida útil remanente que será, como máximo, o maior dos valores seguintes: un terzo da vida útil inicial asignada ou o prazo concesional remanente. A súa aplicación será lineal, de tal xeito que cando a antigüidade do ben sexa superior ao 75 % da vida útil máxima o valor da depreciación será dun 75 % e cando a antigüidade sexa superior ao 85 % da vida útil máxima a depreciación será do 50 %. A vida útil remanente será fixada na taxación efectuada para o efecto con base na normativa vixente aplicable e será acorde ao prazo de vixencia da concesión ou autorización».

TÍTULO II

Medidas administrativas

CAPÍTULO I

Emprego público

Artigo 7. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Persoal de investigación

Na aplicación da presente lei ao persoal de investigación poden ditarse normas singulares para adecuala ás súas peculiaridades».

Dous. Modifícanse as letras f), g), h) e j) do número 2 do artigo 14, que quedan redactadas como segue:

«f) Convocar as probas selectivas para o ingreso nos corpos ou escalas do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, agás no caso do persoal de investigación, docente e sanitario».

«g) Nomear o persoal funcionario de carreira e interino da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como prover a expedición dos correspondentes títulos, agás no caso do persoal de investigación, docente e sanitario».

«h) Resolver as situacións administrativas do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, agás no caso do persoal de investigación, docente e sanitario».

«j) Resolver os expedientes de incompatibilidades de todo o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, agás o persoal que preste os seus servizos en centros pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia».

Tres. Modifícanse as letras k) e l) do artigo 71, que quedan redactadas como segue:

«k) Ao respecto da súa intimidade, orientación e identidade sexual, expresión de xénero, características sexuais, propia imaxe e dignidade no traballo, especialmente fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, de orientación e identidade sexual, expresión de xénero ou características sexuais, moral e laboral.

l) Á non discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, xénero, sexo ou orientación e identidade sexual, expresión de xénero, características sexuais, relixión ou conviccións, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social».

Catro. Modifícase a letra b) do artigo 74, que queda redactada como segue:

«b) Basear a súa conduta no respecto dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, evitando toda actuación que poida producir algunha discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, xénero, sexo, orientación e identidade sexual, expresión de xénero, características sexuais, relixión ou conviccións, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social».

Cinco. Engádese un número 5 ao artigo 102, coa seguinte redacción:

«5. Nas actuacións e procedementos relacionados coa violencia de xénero ou violencia sexual, protexerase a intimidade das vítimas, en especial os seus datos persoais, os dos seus descendentes e os de calquera persoa que estea baixo a súa garda ou custodia».

Seis. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 106, que queda redactado como segue:

«b) Para atender o coidado dun fillo ou filla menor de idade por natureza ou adopción, ou nos supostos de acollemento preadoptivo, permanente ou simple dun menor ou dunha menor que padeza cancro (tumores malignos, melanomas e carcinomas) ou calquera outra enfermidade grave que implique un ingreso hospitalario de longa duración ou hospitalización a domicilio das mesmas características, e requira a necesidade do seu coidado directo, continuo e permanente acreditado polo informe do servizo público de saúde ou órgano administrativo sanitario da comunidade autónoma ou, de ser o caso, da entidade sanitaria concertada correspondente, concederase unha redución por horas completas de, polo menos, a metade da duración da xornada de traballo diaria, como máximo ata que o menor ou a menor faga os 23 anos, sempre que ambos os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo, permanente ou simple, traballen. En consecuencia, o simple feito de alcanzar os 18 anos de idade o fillo ou a filla ou o menor ou a menor suxeitos a acollemento ou a garda con fins de adopción non será causa de extinción da redución da xornada se se mantén a necesidade do coidado directo, continuo e permanente.

Con todo, ao facer os 18 anos poderase recoñecer o dereito á redución de xornada ata que a persoa ao seu cargo faga os 23 anos nos supostos en que o padecemento do cancro ou enfermidade grave fose diagnosticado antes de alcanzar a maioría de idade, sempre que no momento da solicitude se acrediten os requisitos establecidos nos parágrafos anteriores, agás a idade. Así mesmo, manterase o dereito a esta redución de xornada ata que a persoa ao seu cargo faga 26 anos se, antes de alcanzar os 23 anos, se acredita, ademais, un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

Regulamentariamente estableceranse as condicións e os supostos en que a redución de xornada prevista nesta letra poderá acumularse en xornadas completas, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei.

Cando concorran en ambos os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo, permanente ou simple, polo mesmo suxeito e feito causante, as circunstancias necesarias para ter dereito á redución de xornada prevista nesta letra ou, de ser o caso, poidan ter a condición de persoas beneficiarias da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lles sexa aplicable, é requisito para a percepción das retribucións íntegras durante o tempo que dure a redución da xornada de traballo que o outro proxenitor, adoptante ou acolledor de carácter preadoptivo, permanente ou simple non cobre as súas retribucións íntegras en virtude do previsto nesta letra ou como beneficiario da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lle sexa aplicable. En caso contrario, só se terá dereito á redución de xornada, coa conseguinte redución de retribucións.

Así mesmo, no suposto de que ambos os dous proxenitores presten servizos no mesmo órgano ou entidade, este poderá limitar o exercicio simultáneo da redución de xornada prevista nesta letra por razóns fundadas no correcto funcionamento do servizo.

Cando a persoa enferma contraia matrimonio ou constitúa unha parella de feito, terá dereito á prestación quen sexa o seu cónxuxe ou parella de feito, sempre que acredite as condicións para ser beneficiaria».

Sete. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 108, que quedan redactados como segue:

«1. Nos casos de accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise de repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o primeiro grao por consanguinidade ou afinidade, ou calquera outra persoa distinta das anteriores que conviva coa persoa funcionaria no mesmo domicilio e que requira o coidado efectivo daquela, o persoal funcionario ten dereito a un permiso de cinco días hábiles.

2. Nos casos de accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise de repouso domiciliario dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o persoal funcionario terá dereito a un permiso de catro días hábiles.

No caso de falecemento do cónxuxe, parella de feito ou familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, o persoal funcionario terá dereito a un permiso de tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade, e de cinco días hábiles cando sexa en localidade distinta. No caso de falecemento de familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en localidade distinta».

Oito. Engádese un parágrafo ao número 1 do artigo 114, que queda redactado como segue:

«1. As funcionarias embarazadas teñen dereito aos permisos necesarios para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto.

Para efectos do disposto neste apartado, o termo de funcionarias embarazadas inclúe tamén as persoas funcionarias trans xestantes».

Nove. Engádese un número 8 ao artigo 121, coa seguinte redacción:

«8. Para efectos do disposto neste artigo, o termo de nai inclúe tamén as persoas trans xestantes».

Dez. Engádese un número 7 ao artigo 122, coa seguinte redacción:

«7. O persoal funcionario terá dereito ao permiso polo tempo indispensable para a asistencia ás preceptivas sesións de información e preparación e para a realización dos preceptivos informes psicolóxicos e sociais previos á declaración de idoneidade que deban realizarse dentro da xornada de traballo».

Once. Suprímese a letra d) do número 3 do artigo 173.

Doce. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 185, que queda redactada como segue:

«b) Toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade, orientación sexual, identidade sexual, características sexuais, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, sexo ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, así como o acoso por razón de sexo, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade, orientación sexual, expresión de xénero, características sexuais, e mais o acoso moral, sexual e por razón de sexo».

Trece. Engádese unha nova disposición adicional décimo oitava, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo oitava. Prazas adicionais nas convocatorias de procesos selectivos

1. Coa finalidade de reducir a temporalidade, as convocatorias de probas selectivas poderán incluír, ademais das prazas autorizadas pola correspondente oferta de emprego público, un número de prazas adicionais para cubrir futuras vacantes derivadas unicamente de xubilacións a cargo das ofertas de emprego público dos dous anos seguintes.

2. As bases da convocatoria, cunha previa xustificación no expediente administrativo, deberán indicar expresamente o número máximo destas prazas adicionais correspondentes a cada oferta de emprego público.

3. As prazas adicionais previstas neste precepto téñense que descontar das ofertas de emprego público dos dous anos seguintes, agás que o órgano competente da Administración xeral do Estado autorice expresamente un incremento de dotación orzamentaria para a oferta de emprego público da que dependa a citada convocatoria.

Non obstante, non se poderá propoñer o nomeamento de persoal funcionario tendo en conta estas prazas adicionais antes da aprobación da oferta de emprego público do exercicio seguinte coa finalidade de garantir que non se supere a taxa de reposición.

No caso de que as convocatorias prevexan unha quenda de promoción interna de acordo co previsto na correspondente oferta de emprego público, terá prioridade para elección de destino a dita quenda, e as prazas non cubertas acumularanse ás de acceso libre.

4. As persoas aspirantes que aprobasen os exercicios do proceso selectivo mais non superasen este por non obteren a puntuación necesaria para o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, incluiranse, ata o número máximo de prazas adicionais, nunha relación específica.

As prazas adicionais ofreceranse, segundo a orde de prelación obtida no correspondente proceso selectivo, no momento en que existan as vacantes previstas na convocatoria, ás persoas aspirantes incluídas na relación, para o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira. Estas vacantes serán adxudicadas con carácter provisional.

Non se poderá declarar superado o proceso selectivo e proceder ao nomeamento de persoal funcionario de carreira ata que se cumpran as condicións establecidas nesta disposición.

No suposto de convocatorias mediante un sistema selectivo que prevexa a realización de cursos selectivos ou períodos de prácticas, estableceranse os mecanismos adecuados coa finalidade de poder facer efectiva esta disposición.

5. A relación destas persoas aspirantes queda automaticamente sen efecto unha vez que transcorran tres anos, contados desde a data de resolución da convocatoria do proceso selectivo correspondente, sen que se desen as condicións necesarias para o nomeamento por causas independentes da Administración.

6. O establecido nesta disposición non obstará para que a Administración poida efectuar novas convocatorias doutros procesos selectivos do mesmo corpo, escala ou especialidade respecto doutras prazas vacantes non tidas en conta na convocatoria a que se refire o número 1. A estes procesos poderanse presentar as persoas aspirantes incluídas na relación en igualdade de condicións que o resto dos aspirantes. No caso de que superen o proceso selectivo e sexan nomeadas persoal funcionario de carreira, serán excluídas da relación prevista no número 4».

Artigo 8. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Engádese unha disposición adicional quinta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional quinta. Puntuación por probas superadas durante a coexistencia de procesos selectivos ordinarios e procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

Para a determinación da puntuación a que se refire a letra a) do artigo 9, no caso de se teren realizado probas selectivas derivadas da Lei 20/2021, do 28 de decembro, aplicarase a puntuación máis beneficiosa para as persoas inscritas entre o proceso derivado da dita lei ou o último proceso selectivo convocado nese grupo, escala, especialidade ou categoría profesional».

Dous. Modifícase o parágrafo cuarto do número 1 do artigo 14, que queda redactado como segue:

«As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dous días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido».

CAPÍTULO II

Medio ambiente e territorio

Artigo 9. Modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia

Un. Engádese unha nova disposición adicional vixésimo terceira á Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional vixésimo terceira. Competencia para a emisión dos documentos acreditativos da concorrencia da vulnerabilidade económica previstos nos artigos 439, 655 bis e 685 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil

Corresponde aos concellos a competencia para a emisión dos documentos acreditativos da concorrencia ou non da vulnerabilidade económica previstos nos artigos 439, 655 bis e 685 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil».

Dous. Engádese unha disposición adicional vixésimo cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional vixésimo cuarta. Competencia para a declaración de zonas de mercado residencial tensionado reguladas na Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda

1. Corresponde ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e por solicitude previa do concello interesado, a declaración como zona de mercado residencial tensionado daqueles ámbitos territoriais nos que concorran os supostos establecidos no artigo 18 da Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda.

2. A declaración de zona de mercado residencial tensionada exixirá que, con carácter previo á presentación da correspondente solicitude ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, o concello interesado constitúa unha mesa sectorial en que se analizará a proposta municipal de declaración, así como o proxecto de plan específico que inclúa as medidas correctoras e mais o calendario de desenvolvemento delas. Tamén se someterá á mesa sectorial a información a que se refiren as letras c), e) e f) do número 3. Na mesa sectorial deberán estar representados, en todo caso, os colexios profesionais ou asociacións de administradores de predios, de axentes da propiedade inmobiliaria e de persoas promotoras de vivendas.

3. A solicitude municipal de declaración dunha zona como de mercado residencial tensionado deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acordo do órgano municipal competente para solicitar a declaración da zona de mercado residencial tensionado no que se identifique o ámbito territorial afectado.

b) Actas da mesa sectorial prevista no número 2, nas cales se recollerán as análises e as conclusións alcanzadas no seu seo.

c) Xustificación da realización do procedemento preparatorio regulado no artigo 18.2.a) da Lei 12/2023, do 24 de maio, mediante a achega da información establecida no dito precepto.

d) Xustificación da realización do trámite de información pública regulado no artigo 18.2.b) da Lei 12/2023, do 24 de maio. Xunto coa dita xustificación, e de acordo co indicado no citado precepto, deberá achegarse a información sobre a cal se basee a solicitude de declaración dunha zona como de mercado residencial tensionado, incluíndo os estudos de distribución espacial da poboación e dos fogares, a súa estrutura e dinámica, así como a zonificación por oferta, prezos e tipos de vivendas, ou calquera outro estudo que permita evidenciar ou previr desequilibrios e procesos de segregación socio-espacial en detrimento da cohesión social e territorial. Este trámite de información pública deberá ser, en todo caso, posterior á celebración da mesa sectorial prevista no número 2.

e) Xustificación, de acordo co indicado no artigo 18.2.c) da Lei 12/2023, do 24 de maio, das deficiencias ou insuficiencias do mercado de vivenda na zona, en calquera das súas modalidades, para atender adecuadamente a demanda de vivenda habitual e, en todo caso, a prezo razoable segundo a situación socioeconómica da poboación residente e as dinámicas demográficas, así como as particularidades e características de cada ámbito territorial.

f) Memoria xustificativa dos aspectos indicados no artigo 18.3 da Lei 12/2023, do 24 de maio.

g) Proxecto de plan especifico que inclúa as medidas correctoras e mais o calendario de desenvolvemento delas.

4. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, como administración competente en materia de vivenda, poderá declarar a zona solicitada como zona residencial tensionada, logo de comprobar a integridade e a suficiencia da solicitude e a documentación achegada polo concello e unha vez valoradas as circunstancias concorrentes, especialmente a incidencia da declaración na política autonómica de vivienda. O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá reunir cantos informes considere necesarios para resolver.

A resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo que declare unha determinada zona como de mercado residencial tensionado deberá motivarse de acordo co establecido no artigo 18.2.c) da Lei 12/2023, do 24 de maio, e será comunicada á Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e notificada ao concello interesado. A resolución esgotará a vía administrativa.

O concello interesado, no prazo de dous meses, deberá aprobar o plan específico que conteña as medidas necesarias para a corrección dos desequilibrios evidenciados, así como o calendario de desenvolvemento destas, de acordo co disposto no artigo 18.4 da Lei 12/2023, do 24 de maio, que deberá axustarse ao proxecto remitido coa solicitude.

Transcorridos seis meses desde a presentación da solicitude e a documentación recollida no número 3 sen que se emitise resolución, o concello poderá considerar desestimada a súa petición para os efectos de permitir a interposición do recurso contencioso-administrativo.

5. De acordo co disposto no artigo 18.2.d), a vixencia da declaración dunha zona como de mercado residencial tensionado será de tres anos, que poderán ser prorrogados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo anualmente, seguindo o mesmo procedemento, cando subsistan as circunstancias que motivaron tal declaración e logo de quedaren xustificadas as medidas e as accións públicas adoptadas para reverter ou mellorar a situación desde a anterior declaración. A prórroga deberá ser solicitada expresamente polo concello interesado».

Tres. Engádese unha disposición adicional vixésimo quinta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional vixésimo quinta. Réxime da vivenda protexida para os efectos do previsto na Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda

Para os efectos do previsto no artigo 16 e na disposición transitoria primeira da Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda, o destino, réxime de ocupación, duración do réxime de protección e demais aspectos do réxime xurídico aplicable á vivenda protexida en Galicia é o previsto na lexislación autonómica en materia de vivenda, con independencia de que o solo sobre o cal se edifiquen as vivendas sexa ou non de reserva».

Artigo 10. Modificación da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia

Modifícase o número 3 do artigo 73 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Con carácter xeral, as competicións realizaranse durante o período hábil de caza. Non obstante, os órganos citados no número anterior poderán autorizar competicións fóra deste sempre que sexa con caza sementada ou sen abatemento de pezas de caza, de acordo coas normas establecidas no regulamento oficial da competición aplicable en cada caso».

Artigo 11. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 10, que queda redactado como segue:

«2. Son membros da Axencia a Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá ser aprobado polo pleno da corporación e pola persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, e publicado no Diario Oficial de Galicia.

O convenio deberá conter, entre outras materias, a determinación das competencias que se lle atribúen á Axencia e as causas de resolución.

A súa vixencia poderá ser indefinida e estenderase desde a adhesión ao consorcio do correspondente municipio ata a súa separación de acordo coas causas establecidas nos estatutos e no respectivo convenio, salvo que nos citados convenios se estableza o contrario».

Dous. Modifícase a letra b) do artigo 20, que pasa a ter a seguinte redacción:

«b) Completar pola súa conta a urbanización necesaria para que os terreos alcancen, se aínda non a teñen, a condición de soar, nos supostos de edificar, ampliar o volume ou rehabilitar integralmente. Para tal efecto, afrontarán os custos de urbanización precisos para completar os servizos urbanos e executar as obras necesarias para conectar coas redes de servizos e viaria en funcionamento».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 24, que queda redactado como segue:

«3. No caso da construción de novas edificacións, ampliación do volume ou cambio de uso das edificacións existentes ou de rehabilitacións integrais, deberán ademais executar á súa custa a conexión cos servizos existentes no núcleo».

Catro. A letra c) do número 1 do artigo 35 pasa a ter a seguinte redacción:

«c) Actividades de lecer, tales como a práctica de deportes organizados ou a acampada dun día e actividades comerciais ambulantes, que non leven asociadas instalacións ou edificacións».

Cinco. A letra e) do número 1 do artigo 35 pasa a ter a seguinte redacción:

«e) Actividades científicas, docentes e divulgativas que non leven asociadas instalacións ou edificacións».

Seis. O número 4 do artigo 36 queda redactado como segue:

«4. Os usos previstos nas letras o) e p) do artigo anterior requirirán a aprobación dun plan especial de infraestruturas e dotacións, agás que o planeamento urbanístico xeral xa cualifique un ámbito como equipamento ou que a actuación poida encadrarse no disposto no artigo 40 para as edificacións existentes de carácter tradicional. No caso de se implantar en solo rústico especialmente protexido, será preciso obter a autorización ou o informe favorable do órgano sectorial correspondente».

Sete. A alínea 3ª) da letra d) do artigo 39 pasa a ter a seguinte redacción:

«3ª) A superficie máxima ocupada pola edificación en planta non excederá o 20 % da superficie do predio. No caso de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixeiros e facilmente desmontables, de explotacións gandeiras, de establecementos de acuicultura, de construcións e instalacións destinadas á xestión, explotación e defensa forestal e de infraestruturas de tratamento ou depuración de augas poderán ocupar ata o 60 % da superficie da parcela, e a ampliación dos cemiterios, a totalidade dela.

Excepcionalmente, os instrumentos establecidos pola lexislación de ordenación do territorio poderán permitir unha ocupación superior para estas actividades, sempre que se manteña o estado natural, polo menos, nun terzo da superficie da parcela».

Oito. A alínea 5ª da letra d) do artigo 39 queda redactada como segue:

«5ª) Os recuamentos das construcións aos lindes da parcela deberán garantir a condición de illamento, e en ningún caso poderán ser inferiores a 5 metros, agás que se trate de parcelas da mesma titularidade e se inscriba no Rexistro da Propiedade a súa indivisibilidade».

Nove. Modifícase o artigo 153, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 153. Obras terminadas sen título habilitante

1. De estaren terminadas as obras sen licenza, comunicación previa ou orde de execución, ou incumprindo as condicións sinaladas nelas, a persoa titular da alcaldía, dentro do prazo de seis anos, contados desde a total terminación das obras, incoará expediente de reposición da legalidade, procedendo segundo o disposto no artigo anterior.

Para estes efectos, considérase que son obras totalmente terminadas aquelas que se atopen dispostas para serviren ao fin a que estean destinadas e en condicións de seren ocupadas sen necesidade de obras complementarias, agás, de ser o caso, as relativas aos revestimentos exteriores de paramentos e cubertas que non resulten exixibles como condición técnica de seguridade da edificación.

A incoación do expediente de reposición da legalidade pola administración actuante respecto de obras terminadas, tras a constatación desta circunstancia mediante a súa actividade de inspección e vixilancia urbanística, entenderase sen prexuízo da acreditación por parte das persoas interesadas da terminación nunha data anterior por calquera medio de proba válido en dereito.

A execución nunha edificación totalmente terminada de obras sen título habilitante ou incumprindo as condicións sinaladas nel, aínda que supoñan unha ampliación en superficie ou aumento do volume edificado, non afecta o cómputo do prazo para incoar, de ser o caso, expediente de reposición da legalidade respecto daquela, que se iniciará igualmente desde a total terminación da edificación orixinaria, sen prexuízo do expediente que corresponda incoar polas novas obras realizadas.

2. Transcorrido o prazo de caducidade de seis anos sen que se adoptasen as medidas de restauración da legalidade urbanística consonte o previsto no número anterior, as obras quedarán suxeitas ao réxime previsto no artigo 90.

No suposto de que falten por executar obras relativas aos revestimentos exteriores de paramentos e cubertas, a administración competente ordenará ás persoas propietarias que executen as obras necesarias para dar cumprimento ao previsto na alínea b) do número 1 do artigo 136. Estas obras executaranse integramente á custa das persoas propietarias, sen que resulte aplicable o límite a que se refire o número 3 do artigo 136. En caso de incumprimento da orde, procederase consonte o previsto nos números 4 e 5 do artigo 136».

Dez. O número 1 do artigo 155 queda redactado como segue:

«1. Aos actos de edificación e uso do solo relacionados no artigo 142.2 que se realicen sen o título habilitante exixible sobre terreos cualificados polo planeamento urbanístico como zonas verdes, espazos libres públicos, viarios ou na zona de protección establecida no artigo 92.1, dotacións ou equipamentos públicos non lles será aplicable a limitación de prazo que establece o artigo 153.

Nestes supostos a competencia para a protección da legalidade urbanística correspóndelle á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística».

Once. A letra d) do número 1 da disposición transitoria primeira queda redactada como segue:

«d) Ao solo rústico aplicaráselle o disposto nesta lei para o solo rústico».

Doce. A letra b) do número 2 da disposición transitoria primeira pasa a ter a seguinte redacción:

«b) Ao solo urbanizable delimitado aplicaráselle o disposto nesta lei para o solo urbanizable.

Ao solo urbanizable non delimitado, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico aplicaráselle o disposto nesta lei para o solo rústico».

Trece. O número 1 da disposición transitoria segunda pasa a ter a seguinte redacción:

«1. Os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor das normas procedementais e determinacións dispostas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. En todo caso, ao solo rústico aplicaráselle o disposto nesta lei para o solo rústico. A competencia para a súa aprobación rexerase polo réxime establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia».

Catorce. O número 2 da disposición transitoria terceira pasa a ter a seguinte redacción:

«2. Así mesmo, nas construcións previstas no número anterior, contando con licenza municipal previa e sen necesidade de autorización urbanística autonómica, poderán executarse obras de ampliación da superficie edificada licitamente, mesmo en volume independente, cumprindo os seguintes requisitos:

a) Cando se trate de terreos que deban ser incluídos no solo rústico de especial protección segundo esta lei, será necesario obter a autorización ou informe favorable do órgano coa competencia sectorial correspondente.

b) Que cumpra as condicións de edificación establecidas polo artigo 39 e polo planeamento urbanístico.

c) Que se adopten as medidas correctoras necesarias para minimizar a incidencia sobre o territorio e a mellor protección da paisaxe.

d) Que se manteñan o uso e a actividade autorizados orixinariamente, permitíndose, en todo caso, o cambio de uso a calquera dos regulados no artigo 40».

Quince. Modifícase a disposición transitoria cuarta nos seguintes termos:

«Disposición transitoria cuarta. Explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria e forestal existente

1. As construcións e instalacións situadas en solo rústico que, estando destinadas a actividades vinculadas coa explotación e co apoio á actividade agropecuaria e forestal, así como as de primeira transformación de ambas, existían no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, poderán manter a súa actividade.

2. Nestas construcións poderán permitirse, logo da obtención de licenza urbanística municipal, as obras de conservación e reforma, así como as ampliacións ata o dobre do volume orixinario da edificación, e sen necesidade de cumprir os parámetros recollidos no artigo 39 desta lei, agás o límite de altura, sempre que manteñan a actividade de explotación ou apoio á actividade agropecuaria ou forestal e que se adopten as medidas correctoras necesarias para garantir as condicións sanitarias, para minimizar a incidencia sobre o territorio e para a mellor protección da paisaxe».

Artigo 12. Modificación da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia

A Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, queda modificada do seguinte xeito:

Un. Modifícase o artigo 5, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 5. Órganos autonómicos competentes

A regulación, planificación, ordenación e xestión da pesca continental e dos recursos piscícolas en todos os cursos e tramos de auga continentais situados dentro dos límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia corresponde, nos seus respectivos ámbitos competenciais, ao Consello da Xunta e á consellaría competente en materia de pesca continental.

Non obstante, nas zonas de desembocadura no mar definidas no segundo parágrafo do artigo 4.4, a regulación, planificación, ordenación e xestión da pesca profesional corresponderá á consellaría competente en materia de pesca marítima».

Dous. Modifícase o artigo 64, que queda redactado como segue:

«O exercicio da pesca profesional en augas continentais requirirá estar en posesión do correspondente título habilitante que se determine regulamentariamente.

En particular, o exercicio da pesca profesional nas zonas de desembocadura no mar definidas no segundo parágrafo do artigo 4.4 deberá garantir en todo caso que as artes utilizadas non entorpezan a migración das distintas especies de peixes diádromos que transiten por esas zonas. Cando as zonas indicadas estean incluídas nun espazo protexido Rede Natura 2000, con carácter previo ao outorgamento do título habilitante por parte da consellaría competente en materia de pesca marítima requirirase a emisión por parte da consellaría competente en materia de patrimonio natural do correspondente informe, que terá carácter preceptivo e vinculante».

Tres. Engádese unha disposición transitoria sétima, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria sétima. Valores de referencia para garantir a protección dos salmónidos

Mentres non se aprobe a normativa de desenvolvemento desta lei na que se concreten outros valores de referencia, os valores de referencia a que se refire o artigo 12.4 son os recollidos no Real decreto 817/2015, do 11 de setembro, polo que se establecen os criterios de seguimento e avaliación do estado das augas superficiais e as normas de calidade ambiental ou norma que a substitúa».

Artigo 13. Modificación da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia

A Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, queda redactada do seguinte xeito:

Un. Modifícase o artigo 14, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 14. Solicitude de inicio

1. A persoa promotora remitiralle ao órgano substantivo unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria, acompañada dun borrador do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia e dun documento inicial estratéxico, co contido previsto na lexislación básica estatal en materia de avaliación ambiental.

2. O órgano substantivo comprobará, no prazo máximo de dez días hábiles, que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos e, de non ser así, requirirá á persoa promotora que emende as devanditas deficiencias, achegando a documentación sinalada. Unha vez realizada esa comprobación, o órgano substantivo remitirá a documentación ao órgano ambiental».

Dous. Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 28, que pasan a ter a seguinte redacción:

«2. A persoa promotora remitiralle ao órgano substantivo unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada, acompañada dun borrador da modificación do plan no que se xustifique o carácter non substancial dela e dun documento ambiental estratéxico, co contido previsto na lexislación básica estatal en materia de avaliación ambiental.

3. O órgano substantivo comprobará, no prazo máximo de dez días hábiles, que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos e, de non ser así, requirirá á persoa promotora que emende as devanditas deficiencias, achegando a documentación sinalada. Unha vez realizada esa comprobación, o órgano substantivo remitirá a documentación ao órgano ambiental».

Tres. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 38, que pasan a ter a seguinte redacción:

«1. A persoa promotora do plan estruturante de ordenación do solo empresarial remitiralle ao órgano substantivo unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada, acompañada dun borrador do plan e dun documento ambiental estratéxico, co contido previsto na lexislación básica estatal en materia de avaliación ambiental.

2. O órgano substantivo comprobará, no prazo máximo de dez días hábiles, que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos e, de non ser así, requirirá á persoa promotora que emende as devanditas deficiencias, achegando a documentación sinalada. Unha vez realizada esa comprobación, o órgano substantivo remitirá a documentación ao órgano ambiental».

Catro. Modifícase o número 3 do artigo 58, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Simultaneamente ao trámite de información pública, realizaranse as consultas ás administracións públicas e ás persoas interesadas. En todo caso, darase audiencia ao concello ou concellos que resulten afectados e solicitaranse as autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos. Transcorrido o prazo de vinte días hábiles sen que se comunicasen os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable, sen que esta previsión afecte, en ningún caso, o previsto con carácter básico polo artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

Artigo 14. Modificación do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A letra b) do apartado segundo da disposición transitoria terceira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:

«b) Obras de ampliación, ata o dobre do volume construído orixinario, tendo en conta que:

1º. O concepto de volume correspóndese coa medida espacial en tres dimensións (m3) e está determinado polas condicións de superficie ocupada en planta polas edificacións, multiplicada pola correspondente altura.

2º. Como volume orixinario considerarase o das construcións existentes no 1 de xaneiro de 2003. Poderán considerarse todas as edificacións integrantes da explotación, acumulando os seus volumes, sempre que se atopen na mesma parcela.

3º. Non se computarán as construcións ou instalacións baixo rasante.

4º. Se con posterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, se tivesen realizado ampliacións das edificacións orixinarias, o volume desas ampliacións debe descontarse para os efectos do cumprimento do límite máximo establecido para as ampliacións.

5º. Non resultan de aplicación os parámetros que se regulan no artigo 39 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, agás o límite da altura de planta baixa máis 1 piso, con 7 metros de altura de cornixa.

6º. As exixencias do artigo 39 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, só operan para a implantación de novas explotacións.

7º. En canto á localización da ampliación, poderá ser mesmo en volume independente».

Artigo 15. Modificación do Decreto 24/2022, do 3 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés

O Decreto 24/2022, do 3 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, queda redactado do seguinte xeito:

Un. Modifícase a alínea iii da letra g) do apartado 4.4.4.3 do anexo II, que pasa a ter a seguinte redacción:

«iii. O percorrido destas probas de carácter deportivo só poderá discorrer nas zonas de uso xeral e compatible, quedando totalmente prohibido na zona de reserva do parque natural. Poderán ser autorizadas aquelas probas deportivas na zona de uso limitado cando o seu percorrido discorra por pistas e camiños forestais e non supoña unha deterioración significativa dos hábitats e especies, sen prexuízo dos permisos e autorizacións pertinentes dos propietarios dos terreos forestais».

Dous. Suprímese a letra d) do apartado 4.5.2.3.1 do anexo II.

Tres. Engádese unha letra r) ao apartado 4.5.2.3.2 do anexo II, coa seguinte redacción:

«r) As probas de carácter deportivo».

Artigo 16. Modificación do Decreto 21/2023, do 2 de marzo, polo que se modifica o Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume, e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume

O Decreto 21/2023, do 2 de marzo, polo que se modifica o Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume, e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume, queda redactado do seguinte xeito:

Un. Modifícase a alínea iii da letra g) do apartado 4.4.4.3 do anexo II, que pasa a ter a seguinte redacción:

«iii. O percorrido destas probas de carácter deportivo só poderá discorrer nas zonas de uso xeral e compatible, quedando totalmente prohibido na zona de reserva do parque natural. Tamén poderán ser autorizadas aquelas probas deportivas na zona de uso limitado cando o seu percorrido discorra por pistas e camiños forestais e non supoña unha deterioración significativa dos hábitats e especies, sen prexuízo dos permisos e autorizacións pertinentes dos propietarios dos terreos forestais».

Dous. Suprímese a letra e) do apartado 4.5.2.3.1 do anexo II.

Tres. Engádese unha letra u) ao apartado 4.5.2.3.2 do anexo II, coa seguinte redacción:

«u) As probas de carácter deportivo e actividades recreativas fluviais».

CAPÍTULO III

Medio rural

Artigo 17. Modificación da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego

Modifícase o artigo 4 da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, que pasa a ter a seguinte redacción:

Un. Modifícanse as letras d) e e) do número 1 do artigo 4, que quedan redactadas como segue:

«d) Cinco vogais en representación das consellarías competentes en materia de política social, medio ambiente, política territorial, industria e sanidade.

e) Oito vogais en representación das organizacións agrarias máis representativas de Galicia».

Dous. Engádese unha letra f) ao número 1 do artigo 4, coa seguinte redacción:

«f) Catro vogais en representación da asociación con maior representatividade no conxunto do sector primario galego. Para estes efectos considerarase como tal a asociación que acadase o maior número de representantes nas últimas eleccións aos consellos reguladores de Galicia».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 4, que queda redactado como segue:

«2. Actuará como secretario ou secretaria do Consello, asistindo ás sesións sen voto, unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral Técnica da consellaría competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural, designada pola súa persoa titular».

Artigo 18. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Engádese un número 4 ao artigo 21 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, coa seguinte redacción:

«4. O órgano competente en materia de prevención e extinción de incendios poderá promover a declaración de proxectos de xestión integral da biomasa mediante actividade agrogandeira, consonte o procedemento regulado na sección primeira do capítulo II do título VI da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, coas seguintes especificidades:

a) O responsable de presentar a solicitude a que se refire o artigo 111 da Lei 11/2021, do 14 de maio, será o órgano competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais. A solicitude deberá fundamentarse nun informe sobre a idoneidade da actuación proposta como infraestrutura preventiva.

b) Na elaboración do plan de ordenación produtiva, o órgano competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais poderá propoñer cultivos ou aproveitamentos preferentes de cara á prevención de incendios forestais.

c) Entre os criterios de valoración para a selección das propostas de aproveitamento dos terreos incorporados ao proxecto deberán ser tidos en conta aqueles que mellor cumpran a finalidade preventiva da actuación.

d) No caso que de non haxa propostas de aproveitamento válidas, o proxecto poderá ser obxecto de desenvolvemento directo ou indirecto por parte do órgano competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais.

Estes proxectos de xestión integral da biomasa mediante actividade agrogandeira quedarán integrados na rede secundaria de faixas de xestión de biomasa».

Artigo 19. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 3 do artigo 8, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Aproveitamentos forestais: todos os aproveitamentos que teñen como base territorial o monte e, en especial, os madeireiros e leñosos, incluída a biomasa forestal e as fibras naturais, e os non madeireiros, como a cortiza, os pastos, a caza, os froitos, os fungos, as plantas aromáticas e medicinais, os produtos apícolas e os demais produtos e servizos con valor de mercado característicos dos montes, incluíndo as resinas, o almacenamento de carbono e outros servizos ecosistémicos».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 44, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. As persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento dos montes privados poderán xestionalos por si mesmas ou contratar a súa xestión a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado ou público, ou crear agrupacións para a xestión forestal conxunta, que poderán ter por obxecto calquera tipo de aproveitamento forestal, de conformidade coas restantes disposicións desta lei».

Tres. Engádese o número 4 no artigo 44, coa seguinte redacción:

«4. As persoas titulares dos dereitos de aproveitamento dos montes privados estarán suxeitas aos deberes específicos previstos no número 2 e terán os dereitos previstos no número 3».

Catro. Engádese un apartado 9 ao artigo 77, coa seguinte redacción:

«9. As persoas propietarias ou titulares de montes ou terreos forestais aos que se refiren os números 5, 6 e 7 que, pola superficie destes igual ou inferior a 25 hectáreas, estean obrigadas a se dotaren dun documento simple de xestión poderán, facultativamente, optar por se dotaren dun proxecto de ordenación. Neste caso, ao inicio do expediente de aprobación do proxecto de ordenación, coa documentación inicial a persoa solicitante deberá xuntar unha declaración responsable na que declare que é coñecedora de que coa redacción dun documento simple sería suficiente, pero que solicita a aprobación do proxecto de ordenación e se compromete ao seu cumprimento».

Cinco. Modifícase o número 2 do artigo 88, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. En terreos forestais incluídos no sistema rexistral de Galicia a realización de actos e actividades socio-recreativas e deportivas no monte, incluíndo as deportivas de motor, que leven consigo unha afluencia de público indeterminada ou extraordinaria e todas as actividades relacionadas co tránsito motorizado, desenvolverase mediante orde e estará suxeita ao disposto no correspondente instrumento de planificación, ordenación ou xestión. Na ausencia do dito instrumento e ata o desenvolvemento da orde, previamente á realización destes actos e actividades requirirase o seguinte:

a) Para actividades de motor en todo caso, para probas deportivas federadas que teñan afluencia de público ou que supoñan a participación de gran número de persoas aínda que non se dea a afluencia de público, e para calquera outra actividade que supoña a participación de gran número de persoas, o promotor solicitará autorización da administración forestal.

A solicitude de autorización farase cun prazo mínimo de dous meses antes do desenvolvemento do acto ou da actividade. O prazo para outorgar esta autorización administrativa será de corenta e cinco días, transcorridos os cales sen que se dite resolución expresa se entenderá estimada a solicitude.

Cando se trate de probas con edicións anuais periódicas poderanse incluír nunha única solicitude de autorización ata catro edicións anuais, sempre que as condicións da actividade se manteñan en cada edición, tales como percorrido, número máximo de participantes, puntos de concentración do público, medidas de prevención de accidentes, entre outras. Neste caso as datas de realización das edicións futuras que figuren na solicitude poderán ser unha previsión, quedando obrigado o promotor a comunicar a data efectiva de realización cunha antelación mínima de quince días. No caso de que nalgunha das sucesivas edicións autorizadas houber modificacións nalgún tramo do percorrido, para o dito tramo deberá solicitarse autorización nos termos e prazos do parágrafo anterior.

b) Para actividades organizadas de lecer en grupos reducidos non incluídas no apartado anterior, enmarcadas no dereito ao gozo do medio ambiente, como o paseo e o sendeirismo, o uso de vehículos sen motor polo monte ou actividades de observación da fauna e da flora e outros, será suficiente coa presentación por parte da persoa promotora dunha declaración responsable cunha antelación de, como mínimo, quince días. Na dita declaración comunicarase a data de realización, o percorrido e o número máximo de participantes, e manifestará expresamente que conta coa autorización de todas as persoas titulares dos terreos en que se realice o evento, que é coñecedora da súa obriga, como promotora, de responsabilizarse de calquera incidencia, dano ou prexuízo que poida producirse e que é coñecedora das prohibicións e limitacións do artigo 98 desta lei sobre pistas forestais, e dos artigos 31 e 32 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, sobre limitacións de acceso, circulación e permanencia por razóns de risco de incendio.

Para os efectos deste número 2 considéranse grupos reducidos aqueles de ata 50 persoas, e cando se supere esta cifra considerarase como participación de gran número de persoas.

En todos os casos a persoa promotora do acto ou da actividade, que deberá contar coa autorización expresa da persoa titular, será a responsable de toda incidencia, dano ou prexuízo que poida producirse.

Nos montes incluídos na Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia, así como, en todo caso, na realización de actos relacionados coa caza ou coa pesca fluvial, as autorizacións serán competencia do órgano competente en materia de conservación da natureza, sendo suficiente coa presentación dunha comunicación á administración forestal quince días antes da realización do evento».

Seis. Modifícase o número 1 do artigo 90, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. Nos montes de xestión pública, entendendo por tales aqueles cun contrato temporal de xestión pública a que se refire esta lei, o alleamento dos aproveitamentos do monte pode ser realizado pola persoa titular do dereito de aproveitamento ou pola Administración. Cando sexa efectuado pola persoa titular, deberá respectar o procedemento que se estableza regulamentariamente e cando o alleamento sexa realizado pola Administración este tramitarase por poxa, procedemento negociado ou alleamento directo, nos termos que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes».

Sete. Engádese a letra h) no número 1 do artigo 123, coa seguinte redacción:

«h) As persoas titulares dos dereitos de aproveitamento dos montes regulados nas letras a), c), d), e), f) e g)».

Oito. Engádese o número 10 no artigo 123, coa seguinte redacción:

«10. A regulación contida nos números 4, 5 e 8, relativa ás persoas propietarias dos montes, será aplicable ás persoas titulares dos dereitos de aproveitamento sobre estes montes, no caso de existiren estes dereitos».

Artigo 20. Modificación da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia

A Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, modifícase como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 19, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. A acta de inicio dos traballos, documento que determina a data de comezo da execución das bases de reestruturación parcelaria, será asinada pola persoa titular da xefatura do servizo provincial competente na materia, a persoa que exerza a dirección dos traballos, nomeada por aquela, e, de ser o caso, unha persoa representante da empresa contratada para a execución dos traballos. Esta acta será comunicada á Administración xeral do Estado e ás persoas titulares das alcaldías do concello ou concellos afectados e publicada na sede electrónica da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural».

Dous. Modifícase o número 2 do artigo 20, que pasa a ter a seguinte redacción:

«2. Este plan seguirá as directrices establecidas no Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia para o ámbito da reestruturación parcelaria, aínda que poderán precisarse para adaptalas a unha escala espacial de maior detalle. No suposto de non estar desenvolvido o Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, elaborarase un catálogo parcial para a zona de reestruturación parcelaria, que formará parte do Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria e que se elaborará segundo a metodoloxía descrita na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Nos casos en que proceda realizar unha avaliación ambiental na elaboración do catálogo parcial, consonte co previsto no artigo 31.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, esta quedará integrada na tramitación ambiental do proceso de reestruturación parcelaria.

Así mesmo, poderase ter en conta calquera iniciativa que incida na mitigación e adaptación aos efectos do cambio climático».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 26, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Aprobadas as bases de reestruturación parcelaria, o servizo provincial competente procederá á súa exposición pública e á notificación individual do boletín da propiedade, que contén o resumo dos datos relativos a cada titular e as súas achegas, con determinación das súas superficies e clasificacións, todo iso conforme determina o artigo 42.

Así mesmo, comunicarase á Administración xeral do Estado a aprobación das bases para os efectos dos posibles dereitos de que poida ser titular e que se encontren afectados polo proceso de reordenación parcelaria».

Catro. Modifícanse os números 4 e 8 do artigo 27, que pasan a ter a seguinte redacción:

«4. Unha vez resoltos os recursos presentados en prazo e as reclamacións de falta de superficie a que fai referencia o número anterior, a dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural declarará a firmeza das bases de reestruturación parcelaria, logo da solicitude do servizo provincial competente na materia. A dita declaración de firmeza será comunicada á Administración xeral do Estado para os efectos dos posibles dereitos de que poida ser titular.

Transcorridos tres meses desde a interposición dun recurso de alzada sen que recaese resolución expresa, este entenderase desestimado por silencio administrativo».

«8. Unha vez declaradas firmes as bases, non se poderán levar a cabo modificacións delas, agás o recoñecemento de titularidade de parcelas sen dono coñecido ou o disposto no artigo 41.3. Estas modificacións serán, en calquera caso, notificadas ás persoas titulares afectadas.

Así mesmo, poderán modificarse as bases firmes conforme a ratificación do compromiso de integración no Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria que resulte conforme o número 2.b) do artigo 28».

Cinco. Modifícase o número 2 do artigo 35, que queda coa seguinte redacción:

«2. Unha vez aprobado o acordo, o servizo provincial competente procederá á súa exposición pública e notificación individual a cada titular mediante o correspondente boletín individual de predios de substitución, consonte o establecido no artigo 42.2.

A aprobación do acordo, así como a declaración da súa firmeza, comunicarase á Administración xeral do Estado para os efectos dos bens, dereitos ou situacións xurídicas dos que sexa titular e que poidan verse afectados polo proceso».

Seis. Modifícase o número 1 do artigo 39, que queda coa seguinte redacción:

«1. A aprobación, por parte da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, da acta de reorganización da propiedade suporá o remate do proceso de reestruturación parcelaria.

Na acta de reorganización da propiedade relaciónanse e descríbense os dereitos reais e as situacións xurídicas que se determinaron no período de investigación e os predios de substitución sobre os cales se establecen, así como os novos dereitos reais que se constitúan.

Os predios que substitúan as parcelas de titularidade descoñecida incorporaranse á acta de reorganización da propiedade a favor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ou do órgano que a substitúa».

Sete. Modifícase o número 3 do artigo 41, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Unha vez aprobadas as bases, só se tramitarán as solicitudes de cambio de titularidade de parcelas de achega que se presenten ata a data límite que determine para cada zona a dirección xeral competente en materia de reestruturación parcelaria, por proposta do servizo provincial, incluíndo neste cómputo o último día fixado nesa data. Esta resolución será obxecto de publicación nos termos establecidos no número 1 do artigo 42.

Transcorrido o dito prazo e ata o momento de aprobación do acordo, unicamente se admitirán as solicitudes de cambio de titularidade das parcelas de achega, sempre e cando o cambio afecte a totalidade das parcelas achegadas por unha persoa titular e a transmisión se faga integramente a outra, coa excepción dos cambios derivados de sentenzas xudiciais firmes, que serán tramitadas sempre. En todo caso, a persoa titular adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.

Aprobado o acordo de reestruturación, nos casos de negocios xurídicos de transmisión da propiedade, tramitaranse os cambios de titularidade dos predios de substitución que se presenten ata a data límite que se determine mediante resolución da dirección xeral competente en materia de reestruturación parcelaria, por proposta do servizo provincial competente na materia, incluíndo neste cómputo o último día fixado nesa data e sempre e cando se trate de predios de substitución íntegros, coa excepción dos cambios derivados de sentenzas xudiciais firmes, que serán tramitados sempre. Nestes supostos de cambio de titularidade por transmisión da propiedade exixirase escritura pública e que estea liquidado o correspondente imposto. O cambio de titularidade, en principio, non suporá a alteración da configuración e superficies correspondentes á nova persoa adxudicataria; e implicará a subrogación da persoa adxudicataria na posición da anterior persoa titular coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.

No caso de falecemento da persoa titular e cando exista partición de herdanza, procederase á tramitación do cambio de titularidade que se presente ata a data límite sinalada no parágrafo anterior, e sempre e cando esta partición afecte parcelas de substitución íntegras. En todo caso, a persoa titular adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso».

Artigo 21. Modificación da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Modifícase o número 1 da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que queda redactado como segue:

«1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2025, nos casos seguintes:

1º. Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.

2º. Montes catalogados de dominio público que pasen a xestionarse de acordo co establecido no artigo 34 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

3º. Montes que non consigan os fins para os cales se subscribise o convenio ou o consorcio por causas relacionadas co estado legal, forestal, administrativo ou económico do monte.

Considerarase que non se cumpriron estes fins, entre outras causas, cando o arborado existente ocupe unha superficie inferior ao 30 % da total do consorcio ou convenio, agás por afectación de incendios forestais posteriormente á data de entrada en vigor desta lei, polo que neste caso de afectación de incendios forestais a superficie arborada queimada se considerará como superficie arborada para os efectos do cómputo desta porcentaxe do 30 %.

Para efectos do cómputo dese 30 % non se contabilizará o arborado cunha idade inferior aos cinco anos.

b) Finalización nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2025, momento en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado. No caso de non se formalizar o devandito contrato no prazo establecido, a persoa titular do monte deberá aboar o saldo debedor do convenio ou consorcio finalizado á Comunidade Autónoma. Para iso, poderá aboalo nun único pagamento ou a través dun plan de devolución plurianual. No caso de non se producir o aboamento total ou da cota anual disposta no devandito plan, procederase á súa anotación preventiva, en concepto de carga real, das cantidades debidas á Comunidade Autónoma de Galicia no correspondente rexistro da propiedade, e non poderán ter axudas ou beneficios de ningún tipo mentres non regularicen a súa situación nos termos previstos nesta lei.

Previamente á finalización ou cancelación do convenio ou consorcio, deberá existir aprobado un instrumento de ordenación ou xestión forestal dos previstos na Lei 7/2012, do 28 de xuño, que garanta a continuidade da xestión forestal sustentable».

Artigo 22. Modificación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, modifícase como segue:

Un. Engádese un novo número 5 no artigo 62, que queda redactado como segue:

«5. A permuta só poderá ser considerada como de especial interese agrario sempre que, concorrendo os requisitos do número 2 deste artigo, exista unha diferenza de valor entre o conxunto dos predios de cada titular que se van permutar inferior ao 50 por cento do valor do que o teña superior, segundo a valoración efectuada polos servizos competentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A diferenza compensarase economicamente, agás que non supere o 10 por cento do valor do conxunto de predios que o teña superior, caso en que non será necesaria a devandita compensación».

Dous. Elimínase o número 4 do artigo 63.

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 83, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellaría competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2. Nestes supostos de zonas preferentes poderá publicarse de forma conxunta no Diario Oficial de Galicia o acordo de inicio do procedemento para a aprobación dos polígonos agroforestais e a declaración de utilidade pública e interese social».

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 97, que queda redactado como segue:

«2. Transcorrido o prazo de presentación de propostas sen que se presentasen estas, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá optar por declarar aberto un novo prazo de presentación ou por asumir a xestión directa dos lotes de parcelas para os cales non haxa propostas.

As propostas presentadas dentro do prazo indicado no parágrafo segundo serán admitidas atendendo á súa prioridade temporal, sempre que cumpran os requisitos de admisión establecidos no prego de condicións administrativas.

No caso de que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural optar por asumir a xestión directa deses lotes do polígono, esta arrendará ou comprará as parcelas para a súa posterior posta en produción ou incorporación ao Banco de Terras para o seu arrendamento a terceiras persoas. Esta xestión directa tamén poderá levarse a cabo mediante a constitución dun espazo agrario de experimentación coas mesmas características que as reguladas no capítulo III do título VI para a declaración destes espazos en aldeas modelo.

No suposto de que transcorrese o prazo de dous anos desde a data de publicación da resolución de aprobación do polígono agroforestal no Diario Oficial de Galicia sen que se presentasen propostas e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural non asumise a xestión directa do polígono declararase a finalización do procedemento e a extinción do polígono agroforestal, e as persoas propietarias dos predios ou, de ser o caso, as titulares das facultades de uso ou aproveitamento sobre aqueles quedarán liberadas dos compromisos asumidos».

Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 123, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá declarar, mediante acordo do seu Consello Reitor, unha aldea modelo como espazo agrario de experimentación cando, rematado o procedemento de concorrencia competitiva regulado no artigo 116, non se presentasen en prazo propostas ou ningunha das presentadas cumpra os requisitos exixidos. Tamén poderá declarar como espazo agrario de experimentación, mediante acordo do Consello Reitor, terreos incluídos no ámbito de instrumentos de recuperación ou mobilización de terras ou propiedade de Agader».

Seis. Modifícanse os números 1.b), 2 e 5 da disposición transitoria primeira, que pasan a ter a seguinte redacción:

«1.b) No caso dos solos que actualmente estean clasificados como solos rústicos, con calquera outra protección distinta das indicadas no apartado anterior, de acordo co disposto na lexislación do solo, e que teñan actualmente un uso agropecuario ou forestal, manterán este uso ata que se aproben os catálogos oficiais, de acordo coas seguintes normas:

1º. Se os terreos están destinados actualmente ao uso agropecuario consideraranse como agropecuarios, polo que non terán a consideración de monte ou terreo forestal para os efectos do establecido na lexislación de montes. Se os terreos son de uso mixto agrosilvopastoral ou compatibilizan un uso agrícola principal ou maioritario no devandito terreo cun uso forestal, seguirán mantendo o uso actual.

2º. Sen prexuízo do disposto no apartado terceiro, considerarase que o uso dos terreos é forestal nos supostos establecidos no artigo 2.1 a), b) e d) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. En particular, terán uso forestal aqueles terreos rexistrados no Sistema rexistral forestal de Galicia creado no artigo 126 da citada lei».

«2. Para protexer de forma transitoria a súa potencialidade agropecuaria e de acordo coa finalidade de recuperar a terra de uso agrícola, mentres non estean aprobados os catálogos oficiais de solos agropecuarios e forestais, as terras de antigo uso agrícola integradas en solos rústicos non clasificados como de especial protección forestal entenderanse de uso agrícola e non terán a natureza xurídica de monte, salvo no caso previsto no número seguinte.

Nestes terreos en ningún caso se entenderá como cambio de actividade ou uso do solo a recuperación do uso agrícola, e isto con independencia de que as operacións de recuperación impliquen modificacións nas condicións de limpeza e mantemento dos predios ou calquera outra intervención encamiñada á mellora da súa capacidade produtiva».

«5. De conformidade co establecido no artigo 139.3 letra d), constitúe infracción grave a realización de actividades distintas das permitidas nesta disposición e nos catálogos de solos agropecuarios e forestais de Galicia, caso de estaren vixentes».

Artigo 23. Modificación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia

Modifícase o artigo 7 do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 7. Ámbito dos proxectos de ordenación

1. Deberán dotarse dun proxecto de ordenación:

a) Os montes públicos, os montes protectores e os montes de xestión pública.

b) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo.

c) As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

2. Conforme o apartado 9 do artigo 77 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, as persoas propietarias ou titulares de montes ou terreos forestais que estean obrigadas a se dotaren dun documento simple de xestión poderán, facultativamente, optar por se dotaren dun proxecto de ordenación. Neste caso, ao inicio do expediente de aprobación do proxecto de ordenación, coa documentación inicial a persoa solicitante deberá xuntar unha declaración responsable na que declare que é coñecedora de que coa redacción dun documento simple sería suficiente pero que solicita a aprobación do proxecto de ordenación e se compromete ao seu cumprimento».

CAPÍTULO IV

Infraestruturas, augas e transporte

Artigo 24. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, queda redactada como segue:

Un. Engádese un novo artigo 89 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 89 bis. Procedemento de reposición da legalidade

Cando se realizase algunha actuación na zona de servidume ou de policía do dominio público hidráulico pero non conste o título habilitante exixible en cada caso ou sen se axustar ás condicións sinaladas nel, requirirase a suspensión inmediata dos devanditos actos e incoarase un procedemento de reposición da legalidade, o cal lle será comunicado ao interesado. Logo de audiencia ao interesado, adoptarase algún dos seguintes acordos:

a) Se as obras, as plantacións ou os usos poden ser legalizables por non seren contrarios ao ordenamento xurídico que regula a xestión do dominio público hidráulico, requirirase a persoa interesada para que no prazo de dez días solicite a legalización das actuacións.

b) Se as obras, as plantacións ou os usos non son legalizables por seren contrarios ao ordenamento xurídico que regula a xestión do dominio público hidráulico, ou porque non se solicitou a legalización no prazo indicado no apartado anterior, requirirase a persoa interesada para a reposición das cousas ao seu estado primitivo, de acordo co disposto no artigo 90».

Dous. Engádese a disposición adicional décimo quinta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo quinta. Réxime de explotación das masas de auga superficiais de natureza artificial na bacía hidrográfica de Galicia-Costa

1. Coa finalidade de asegurar un uso sustentable, racional e coordinado dos recursos hídricos dispoñibles nas masas de auga artificiais da bacía hidrográfica de Galicia-Costa, garantindo en todo caso os caudais ecolóxicos establecidos, Augas de Galicia determinará o réxime de explotación destas masas de auga e das obras hidráulicas de regulación que sexan necesarias para a súa observancia e cumprimento. O réxime que se fixe entenderase sen prexuízo doutras autorizacións ou concesións xa outorgadas, ben que estas deberán adaptarse, de resultar preciso, ás determinacións do réxime aprobado. As adaptacións que, se é o caso, se produzan non xerarán dereito a ningunha indemnización.

2. Compete ás comisións de desaugamento correspondentes deliberar e formular propostas á presidencia de Augas de Galicia sobre o réxime de explotación adecuado das masas de auga artificiais da bacía hidrográfica de Galicia-Costa, atendidos os dereitos concesionais dos distintos usuarios.

3. As obras hidráulicas de regulación que deba executar a Administración hidráulica de Galicia para garantir o réxime de explotación fixado terán a consideración de obras de interese da Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos do artigo 29 desta lei. O custo destas obras será repercutido sobre os usuarios das masas de auga superficiais que sexan titulares dunha concesión outorgada.

4. As tarefas de explotación, conservación e mantemento das obras hidráulicas de regulación executadas pola Administración hidráulica de Galicia nas masas de auga artificiais serán realizadas por Augas de Galicia, que repercutirá os custos sobre os usuarios titulares de concesión para uso destas augas, aplicando a taxa correspondente prevista na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da posibilidade de subscribir convenios de colaboración coas comunidades de usuarios nos termos establecidos no apartado seguinte ou das facultades de coordinación a través das xuntas de explotación que se poidan constituír.

5. Os usuarios dunha mesma masa de auga artificial estarán obrigados, por requirimento de Augas de Galicia, a constituír unha comunidade de usuarios. Augas de Galicia poderá subscribir convenios coas devanditas comunidades, co obxecto de establecer a colaboración destas na asunción dos custos e nas funcións de explotación, conservación e mantemento das obras hidráulicas de regulación que execute a Administración hidráulica de Galicia, no control efectivo do réxime de explotación establecido e no respecto aos dereitos concorrentes sobre estes espazos.

6. Considéranse beneficiados polas obras de regulación aqueles que capten directamente destas, da masa de auga onde se sitúan, ou de augas abaixo destas obras de regulación».

Artigo 25. Modificación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia

A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un segundo parágrafo ao artigo 1, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto da lei e ámbito de aplicación

Esta lei regula o transporte público urbano e interurbano de persoas en vehículos de turismo, por medio de taxi ou en réxime de arrendamento con condutor, que se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O transporte de persoas viaxeiras en taxi que se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ten a consideración de servizo público de interese xeral».

Dous. Modifícase a letra d) do artigo 2, que queda redactada como segue:

«d) Servizos urbanos: os servizos de transporte público en vehículos de turismo que transcorren integramente polo termo municipal dun único municipio ou, de ser o caso, os servizos de taxi que transcorran integramente polo interior dunha área territorial de prestación conxunta que se estableza de conformidade co previsto nesta lei».

Tres. Modifícase o artigo 46, que queda redactado como segue:

«Artigo 46. Competencias para o seu outorgamento

O outorgamento das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor que se domicilien no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e habiliten para a prestación de servizos interurbanos será realizado polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que, directamente ou por delegación, teña atribuída a competencia para a súa expedición.

Nos termos que estableza esta lei e a súa normativa de desenvolvemento, no suposto de preveren o seu outorgamento nas correspondentes ordenanzas municipais, os concellos serán competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a prestación de servizos urbanos de arrendamento de vehículos con condutor a quen dispoña previamente da correspondente autorización interurbana domiciliada en Galicia, condicionando, en todo caso, a súa vixencia ao mantemento desta última. Neste caso, a ordenanza municipal deberá establecer limitacións para o outorgamento das autorizacións por motivos de tipo ambiental ou vinculadas coa seguridade viaria, proporcionais para a garantía da sustentabilidade, a calidade e a seguridade dos servizos de interese público involucrados e a consecución ou mantemento dos índices ambientais que se establezan».

Catro. Modifícase a letra c) do artigo 47, que queda redactada como segue:

«c) Acreditar que os vehículos adscritos á actividade cumpran os requisitos ambientais e de clasificación enerxética exixibles, e igualmente as características mínimas de equipamento, potencia e prestacións, así como de antigüidade, regulamentariamente establecidos».

Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 48, que queda redactado como segue:

«1. Cando se acredite o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo anterior, o órgano competente procederá a outorgar as autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

Non procederá o outorgamento de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor no caso de que exista unha desproporción manifesta entre o número de autorizacións desta clase outorgadas en Galicia e os potenciais usuarios e usuarias do servizo.

As autorizacións tamén serán denegadas nos seguintes supostos:

a) Agás para a adscrición á autorización de vehículos eléctricos cero emisións de batería (BEV), de célula de combustible (FCEV) ou de combustión de hidróxeno (HICEV), se no momento do outorgamento da autorización se supera o valor límite anual de NO2 ou PM2,5 ou o valor obxectivo a longo prazo do O3, regulados na normativa de mellora da calidade do aire, nalgunha zona ou aglomeración do territorio da Comunidade Autónoma, de conformidade co último informe publicado polo ministerio competente en materia de transición ecolóxica, ou organismo que o substitúa, ou os criterios de mellora da calidade do aire que para estes efectos determine a dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transporte con base no previsto no dereito comunitario e nas directrices da Organización Mundial da Saúde.

b) Por aplicación de criterios que estableza a dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transporte, oído o Consello Galego de Transportes, relativos á redución de emisións de CO2, xestión do transporte ou do espazo público, e criterios obxectivos de conxestión viaria que afecten a xestión do tráfico.

c) Aqueloutros criterios obxectivos motivados por imperiosas razóns de interese xeral que establezan as disposicións de desenvolvemento desta lei».

Seis. Engádese un número 4 ao artigo 52, que queda redactado como segue:

«4. A dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transportes poderá acordar deixar sen efecto as obrigas que establece este artigo respecto da folla de ruta, en servizos interurbanos e, se for o caso, urbanos, cando a persoa titular da autorización de arrendamento de vehículos con condutor estea obrigada a comunicar á Administración, por vía electrónica, información análoga á prevista para a folla de ruta».

Sete. Modifícase o número 1 do artigo 53, que queda redactado como segue:

«1. Os vehículos afectos a unha autorización de arrendamento de vehículos con condutor deberán cumprir, en todo momento, as características mínimas de equipamento, potencia, prestacións e antigüidade que se establezan regulamentariamente, así como as características ambientais ou enerxéticas que xustificasen o outorgamento da correspondente autorización».

Oito. Modifícase o número 3 do artigo 56, que queda redactado como segue:

«3. As funcións de vixilancia e inspección dos servizos de transporte público en vehículos de turismo corresponderán, segundo o caso, aos órganos que expresamente determinen os concellos ou ao órgano de xestión da área territorial de prestación conxunta ou aos órganos competentes en materia de transportes da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias doutras administracións públicas en materia de inspección».

Nove. Modifícase o artigo 64, que queda redactado como segue:

«Artigo 64. Competencia para a imposición de sancións

1. A competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei respecto da prestación de servizos urbanos de transporte público en vehículos de turismo corresponderá aos órganos que expresamente determinen os concellos.

2. A competencia para a imposición de sancións previstas nesta lei respecto dos servizos interurbanos de transporte público en vehículos de turismo corresponderá aos órganos do departamento competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma».

Artigo 26. Modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo número 4 ao artigo 28, coa seguinte redacción:

«4. O expediente de expropiación iniciarase coa orde de inicio, que deberá vir precedida pola correspondente retención de crédito».

Dous. Modifícase o número 4 do artigo 49, que queda redactado como segue:

«4. Con carácter xeral, as autorizacións para a realización de obras, instalacións ou actividades na zona de dominio público outorgaranse por un prazo máximo de dez anos, e poderán concederse, logo de solicitude da persoa interesada, ata dúas prórrogas por períodos de igual duración. Antes de que transcorra o prazo da autorización, incluídas as prórrogas, se é o caso, a persoa titular poderá solicitar unha nova autorización.

Para estes efectos, considérase que as autorizacións de acceso para a incorporación de vehículos á estrada e as autorizacións das acometidas para a conexión ás redes e infraestruturas de servizos públicos se refiren a actividades realizadas desde fóra do dominio público viario, independentemente dos elementos que se sitúen nel, polo que, en ambos os casos, non estarán sometidas ás limitacións establecidas no parágrafo anterior».

Artigo 27. Modificación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, modifícase do seguinte xeito:

Un. Engádese un novo artigo 80 bis, que queda redactado como segue:

«Artigo 80 bis. Colaboración entre administracións

1. As administracións públicas impulsarán medidas de colaboración e cooperación dirixidas á consecución dunha rede integrada de transporte público en Galicia.

2. Sen prexuízo de calquera outra forma de colaboración entre administracións que puider resultar aplicable, a colaboración desenvolverase especialmente mediante a instrumentalización de convenios dos previstos na Lei 40/2015, do 30 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Os convenios que formalicen a Administración xeral da Comunidade Autónoma, as entidades locais galegas e as demais entidades previstas no artigo 47.2 da Lei 40/2015, do 30 de outubro, para o desenvolvemento de actuacións relacionadas co establecemento, a modificación ou a prestación de servizos públicos de transporte regular de uso xeral, incluído o seu sistema tarifario, poderán ter un prazo inicial de vixencia de ata dez anos, sen prexuízo da posibilidade de prórroga por outros catro anos máis.

3. As actuacións de colaboración a que se fai referencia nos números anteriores poderán consistir na modificación da oferta de servizos públicos de transporte regular de uso xeral, na incorporación de novos sistemas tecnolóxicos vinculados coa xestión da mobilidade ou no establecemento de medidas de abaratamento nas tarifas que deban aboar as persoas usuarias ou na configuración dun sistema tarifario integrado ou naqueloutras actuacións análogas dirixidas a facilitar mellores condicións na utilización do transporte público ou de medios alternativos de mobilidade.

4. Os convenios previstos nos números anteriores, dirixidos a promover un abaratamento das tarifas para as persoas usuarias dos servizos de transporte ou ao establecemento dun sistema tarifario integrado encomendarán a súa aplicación material á administración, organismo ou entidade de dereito público titular do correspondente servizo público, ou competente sobre el, e será obrigatoria tamén para a correspondente persoa concesionaria ou prestataria do servizo público, quen terá dereito a unha compensación económica que non será superior ao importe da minoración no prezo que, en cada caso, tería dereito a cobrar directamente da persoa usuaria. Os acordos para a aplicación desta minoración tarifaria ou sistema tarifario integrado, e o establecemento da correspondente compensación, non terán a consideración de modificación contractual.

5. A formalización dos convenios previstos neste número requirirá que se incorpore ao correspondente expediente administrativo unha memoria xustificativa na que se efectuará unha estimación do custo imputable en cada un dos exercicios económicos, tendo en conta os criterios que se establezan respecto da imputación a cada un deles, segundo corresponda, da compensación polas minoracións tarifarias ou derivadas do sistema tarifario integrado, a evolución da demanda con antelación á aplicación da actuación e a estimación da incidencia que poderá ocasionar na dita demanda tanto a actuación como outras circunstancias que resulten previsibles no caso concreto.

Consonte a dita memoria, o convenio establecerá a obriga das administracións, organismos ou entidades de dereito público responsables da dita compensación de facer fronte a ela ata o importe real finalmente aplicable en cada caso, con independencia das anteriores estimacións previas. Para tal efecto, coñecidos os datos reais e efectuada a correspondente liquidación consonte o que se prevexa no convenio, de resultar esta superior ao crédito inicialmente autorizado, a administración, organismo ou entidade de dereito público afectada iniciará de inmediato un expediente de modificación orzamentaria para facer fronte á totalidade do gasto real nos prazos que prevexa o convenio e, igualmente, iniciará os reaxustes orzamentarios que resulten precisos para facer fronte aos compromisos asumidos en exercicios futuros respecto dos que as estimacións iniciais sexan obxecto de revisión, tendo en conta os ditos datos de utilización real do servizo e custo final.

De non se tramitaren e autorizaren as modificacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior, a administración, organismo ou entidade de dereito público afectada deberá notificar a súa desistencia da actuación colaborativa causante daquela obriga, nos termos, prazos e cos efectos establecidos no convenio, sen prexuízo da súa obriga de facer fronte ao gasto real ocasionado pola referida actuación ata a materialización da indicada desistencia e a correspondente cesación da dita actuación. O prazo previsto no convenio entre a comunicación da desistencia e a súa aplicación material non será superior, en ningún caso, ao de seis meses.

6. As débedas ocasionadas como consecuencia de actuacións colaborativas dirixidas á minoración das tarifas ou ao establecemento dun sistema tarifario integrado nos servizos públicos de transporte regular de uso xeral, ou á mellora ou modificación de servizos públicos de transporte, non poderán ser obxecto de compensación con ningún outro crédito que a administración, organismo ou entidade que deba facer fronte á dita débeda teña fronte á que implantase a actuación, relacionado con calquera outro programa de gasto».

Dous. Engádese a letra g) no punto 1 do anexo II, que queda redactada como segue:

«g) Sistema tarifario integrado: sistema no que unha persoa usuaria pode realizar unha viaxe utilizando sucesivos modos e/ou medios de transporte cun único billete válido para a viaxe completa, ou a cambio dun prezo independente, total ou parcialmente, dos ditos medios e modos utilizados».

CAPÍTULO V

Mar

Artigo 28. Modificación da Lei 11/2008, do 3 de novembro, de pesca de Galicia

Modifícase o artigo 158 da Lei 11/2008, do 3 de novembro, de pesca de Galicia, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 158. Recoñecemento de responsabilidade

1. De acordo co disposto no artigo 85.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, iniciado un procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver o procedemento coa imposición da sanción que proceda.

2. De acordo co disposto no artigo 85.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario pero foi xustificada a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario da sanción polo presunto responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará a terminación do procedemento, salvo no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización de danos e perdas causados pola comisión da infracción.

3. Nos dous supostos anteriores, sempre que a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará reducións do trinta por cento sobre o importe da sanción proposta no caso de recoñecemento de responsabilidade, e do vinte por cento sobre o importe da sanción proposta no caso de pagamento voluntario, sendo estas acumulables entre si.

As ditas reducións deberán estar determinadas na notificación de iniciación do procedemento e a súa efectividade estará condicionada a desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso en vía administrativa contra a sanción.

4. Non caberá a suspensión condicional da sanción prevista no artigo 151 no caso de que a persoa infractora se acolla á redución por pagamento voluntario regulada neste artigo».

CAPÍTULO VI

Política social

Artigo 29. Modificación do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia

Modifícase o número 2 do artigo 41 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, que queda redactado como segue:

«2. O persoal destinado ás tarefas de inspección será persoal funcionario e contará coa cualificación necesaria para o desenvolvemento das súas funcións. Para estes efectos, para o desempeño destas funcións valorarase dispor de titulación universitaria nas áreas xurídica ou social e estar en posesión do curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, sen prexuízo daqueloutros requisitos que se puidesen ter determinado nas bases da convocatoria dos procedementos de provisión dos postos de traballo e de conformidade co disposto na lexislación vixente en materia de función pública».

Artigo 30. Modificación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo

O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, queda modificado como segue:

Un. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 5, que pasa a ter a seguinte redacción:

«c) Os servizos de teleasistencia básica e avanzada. Este servizo prestarase como servizo complementario ao resto de prestacións contidas no programa individual de atención en calquera dos graos de dependencia, salvo no caso do servizo de atención residencial».

Dous. Modifícase o número II do servizo 010201 Atencións de carácter persoal e doméstico na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio e acompañamento persoal na realización doutras actividades complementarias, do anexo II, que pasa a ter a seguinte redacción:

«II) Participación no financiamento.

A participación no financiamento deste servizo determínase mediante un cálculo directo sobre a capacidade económica da persoa usuaria, de acordo co establecido no artigo 24 deste decreto, segundo a intensidade mensual de horas prestadas, de acordo coa seguinte táboa:

% IPREM

Ata

Grao I

Grao II

Grao III

De 20 h a 37 h

De 38 h a 64 h

De 65 h a 94 h

100,00 %

0,00 %

0,00 %

0,00 %

115,00 %

4,52 %

9,61 %

14,70 %

125,00 %

5,41 %

11,50 %

17,58 %

150,00 %

5,55 %

11,79 %

18,03 %

175,00 %

5,65 %

12,00 %

18,35 %

200,00 %

5,72 %

12,16 %

18,60 %

215,00 %

6,03 %

12,82 %

19,61 %

300,00 %

6,24 %

13,26 %

20,29 %

350,00 %

6,42 %

13,63 %

20,85 %

400,00 %

6,54 %

13,90 %

21,25 %

450,00 %

6,63 %

14,09 %

21,55 %

500,00 %

6,70 %

14,25 %

21,79 %

> 500 %

6,73 %

14,36 %

21,97 %»

CAPÍTULO VII

Patrimonio cultural

Artigo 31. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 132, que queda coa seguinte redacción:

«2. Considérase persoa responsable das infraccións quen incorra, por acción ou omisión, nas condutas recollidas nos artigos 129 a 131.

En todo caso, son persoas responsables:

a) Os autores ou autoras materiais das actuacións infractoras ou, de ser o caso, as entidades ou empresas das que dependan.

b) Os promotores en caso de intervencións ou obras que se realicen sen autorización ou incumprindo os termos desta.

c) Os técnicos directores de obras no que respecta ao incumprimento da orde de suspendelas ou ao incumprimento das condicións técnicas establecidas para a súa execución.

d) As corporacións locais que outorguen licenzas ou autorizacións contravindo esta lei ou que incorran en calquera outra infracción tipificada nela».

Dous. Modifícase a disposición transitoria quinta, que queda coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria quinta. Plans especiais de protección aprobados

Os concellos que no momento da entrada en vigor desta lei conten cun plan especial de protección anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, relativo a un conxunto histórico, e que ao amparo deste exerzan as competencias de autorización previstas na lexislación anterior seguirán exercéndoas ata o 31 de decembro de 2028, prazo durante o cal deberán proceder á súa adaptación a esta lei, para poder exercer as competencias previstas no artigo 58».

CAPÍTULO VIII

Sanidade

Artigo 32. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un número 4 ao artigo 109, coa seguinte redacción:

«4. Corresponderá á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por proposta previa formulada pola persoa titular do centro directivo competente en materia de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde, a resolución dos expedientes de incompatibilidades do persoal que preste os seus servizos en centros pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia».

Dous. Engádese unha disposición adicional terceira, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira. Servizos administrativos personalizados

De conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a Consellería de Sanidade poderá comunicar, por petición da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, nas condicións que se establezan no acordo de cesión, os datos de identificación de usuarios do sistema público sanitario, co fin de ofrecer, de forma proactiva, servizos administrativos personalizados no exercicio das súas funcións e competencias. Para a cesión de datos especialmente protexidos por motivos de saúde será necesario, en todo caso, o consentimento da persoa afectada ou de quen teña a representación legal ou que estea autorizado para o acceso á carteira de servizos telemáticos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde».

Tres. Engádese unha disposición adicional cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional cuarta. Medicina xenómica

1. A Administración autonómica, a través da consellaría con competencias en materia de sanidade, impulsará a formalización de acordos con outras entidades, de carácter público ou privado, para potenciar a investigación no eido da medicina xenómica e xerar un valor engadido en materia de detección precoz aos traballos realizados pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

2. Así mesmo, promoveranse estudos poboacionais que permitan estratificar as persoas dun modo máis preciso en distintos grupos de risco para o desenvolvemento de determinadas patoloxías e favorecer, con iso, o desenvolvemento proactivo de solucións personalizadas para mellorar o diagnóstico, o tratamento, a predición e a prevención de determinadas enfermidades».

Artigo 33. Modificación da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Modifícase o artigo 6 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6. Protección da maternidade, da paternidade e determinados procesos de incapacidade temporal

1. O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, durante as situacións de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural e nos supostos de adaptación do posto por causa de embarazo ou da realización da lactación natural, así como nos procesos de incapacidade temporal por continxencias comúns derivadas do propio embarazo debidamente acreditadas en informe médico emitido polo sistema sanitario público, percibirá, en concepto de mellora da prestación, as retribucións que correspondan ata acadar a totalidade das retribucións básicas e complementarias de carácter fixo.

Así mesmo, percibirá a media das retribucións variables aboadas no ano anterior ao mes en que dese comezo a correspondente situación, en concepto de atención continuada derivada da prestación de gardas, noites e festivos.

O disposto neste precepto será tamén aplicable durante todo o período de duración dos permisos de maternidade e paternidade previstos na lexislación autonómica aplicable ás persoas empregadas públicas.

2. O dereito recoñecido no número 1 anterior aplicarase igualmente nos supostos de incapacidade temporal derivada de enfermidade oncolóxica grave nos termos regulados na normativa sobre o réxime de Seguridade Social».

CAPÍTULO IX

Economía e industria

Sección 1ª. Promoción en Galicia do despregamento da enerxía eólica como
enerxía renovable

Artigo 34. Finalidades

As previsións recollidas nesta sección teñen como finalidade promover o despregamento da enerxía eólica como enerxía renovable en Galicia, tendo en conta os seguintes aspectos:

a) O papel esencial da enerxía renovable no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea.

b) A contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do medio ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.

c) Os beneficios socioeconómicos das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo, o fomento das industrias locais, e a súa contribución á redución dos prezos da enerxía e á consecución dun prezo xusto e accesible para os cidadáns e as empresas.

Artigo 35. Declaración de interese público superior da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica

Atendendo ás finalidades establecidas no artigo anterior e cos efectos establecidos nos artigos seguintes, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación. Esta declaración inclúe os seus procedementos de autorización, construción e posta en funcionamento.

Artigo 36. Efectos de acordo co dereito da Unión Europea

1. De conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables, e co establecido na Directiva (UE) 2023/2413, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de outubro, pola que se modifican a Directiva (UE) 2018/2001, o Regulamento (UE) 2018/1999 e a Directiva 98/70/CE, no que respecta á promoción da enerxía procedente de fontes renovables e se derroga a Directiva (UE) 2015/652 do Consello, nos procedementos de autorización, construción e posta en funcionamento de parques eólicos de competencia autonómica presumirase que se trata de proxectos de interese público superior e que contribúen á saúde e á seguridade públicas para os efectos previstos no artigo 3 do referido regulamento e no artigo 16 septies da Directiva (UE) 2018/2001, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables.

2. O establecido no número anterior será aplicable a todos aqueles proxectos que non dispoñan de autorización, definitiva na vía administrativa, de posta en funcionamento antes do 30 de decembro de 2022, data de entrada en vigor do Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, calquera que sexa a data de inicio dos procedementos administrativos de autorización ante a Administración autonómica.

Artigo 37. Ponderación do interese público superior

1. A declaración do interese público superior da planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, atendendo ás finalidades en que se basea, implica a presunción de que as indicadas actividades responden a ese interese público superior e contribúen á saúde e á seguridade públicas, polo que a indicada presunción se terá en conta como un elemento de singular relevancia ao ponderar os intereses xurídicos de cada caso no proceso de planificación, concesión de autorizacións e posta en funcionamento, salvo proba en contrario e sen prexuízo das normas que poidan determinar a ponderación doutros intereses para casos concretos.

2. En particular, a presunción indicada no apartado anterior terase en conta nos procedementos de avaliación ambiental necesarios para a autorización dos proxectos, de tal modo que se dea prioridade á construción e explotación dos parques e ao desenvolvemento das súas infraestruturas de evacuación, salvo cando existan probas que acrediten que os ditos proxectos teñen efectos adversos importantes sobre o medio ambiente e sobre a paisaxe que non poden mitigarse nin compensarse.

3. Para os efectos do establecido no número anterior, presumirase que a avaliación ambiental realizada resulta válida, de conformidade co establecido na lexislación de procedemento administrativo, e que na declaración de impacto ambiental se efectuou unha valoración adecuada dos efectos significativos do proxecto no medio ambiente e sobre a paisaxe, que as condicións establecidas nela determinan a adecuada protección dos factores enumerados no artigo 35.1 c) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, así como que son suficientes as medidas preventivas, correctoras e compensatorias establecidas, todo isto sen prexuízo da existencia de probas en contrario.

En particular, esta presunción estenderase á suficiencia das medidas do programa de vixilancia ambiental recollido na declaración, e do sistema que garanta o cumprimento das indicacións e das medidas previstas para previr, corrixir e, se é o caso, compensar os efectos adversos significativos do proxecto sobre o medio ambiente.

4. Sen prexuízo do indicado no número anterior, a consellaría competente en materia de enerxía establecerá un programa específico de seguimento dos efectos no medio ambiente dos parques eólicos en construción, de acordo co establecido na lexislación de avaliación ambiental, para identificar con prontitude os posibles efectos adversos non previstos e permitir levar a cabo as medidas adecuadas para os evitar.

5. No caso de que se presente recurso administrativo contra os actos de autorización do proxecto de parque eólico ou das súas infraestruturas de evacuación e se solicite a suspensión da execución do acto impugnado, terase en conta o establecido neste artigo na ponderación que debe efectuarse de acordo co establecido na lexislación de procedemento administrativo.

Sección 2ª. Outras medidas en materia de economía e industria

Artigo 38. Modificación da Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia

Engádese un artigo 19 bis á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, coa seguinte redacción:

«Artigo 19 bis. Solicitudes de reclasificación de dereitos mineiros da sección A)

1. O procedemento de reclasificación iniciarase mediante a presentación de solicitude, á que se xuntará a documentación que xustifique o cumprimento dalgún dos supostos que permiten exceptuar a clasificación da explotación na sección A), segundo o previsto no segundo parágrafo do artigo 1.1.a), así como a superación dalgún dos limiares do artigo 1.1.b) do Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro, polo que se fixan criterios de valoración para configurar a sección A) da Lei de minas, ou norma que a substitúa.

A Administración, coa previa comprobación e análise do cumprimento dos requisitos anteriores, someterá a solicitude a información pública, así como a trámite de audiencia de todas as persoas titulares de autorizacións de explotación de recursos da sección A) situadas nas cuadrículas mineiras que puideren verse afectadas. Posteriormente, procederase á resolución de clasificación do recurso na sección C), con aplicación do tratamento fiscal previsto no Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro.

Unha vez clasificado o recurso ou xacemento, comunicarase ao interesado e procederase á tramitación da solicitude da correspondente concesión de explotación.

2. As cuadrículas mineiras onde estean enclavadas estas explotacións non se considerarán rexistrables, agás para os titulares da explotación dos ditos recursos.

3. Os terreos francos que non reúnan as condicións mínimas de extensión serán considerados como demasías e outorgaranse de conformidade coa disposición transitoria sétima da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e o artigo 57 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, restrinxíndose ao ámbito territorial da autorización de explotación preexistente. Os terreos que estean ocupados por dereitos da sección C) ou D) que fosen caducados consideraranse francos desde o momento en que a citada declaración de caducidade adquira firmeza en vía administrativa.

4. Se os terreos onde estiveren enclavadas as explotacións non foren francos, recoñeceráselles tal circunstancia, mantendo a autorización de explotación exclusivamente para o recurso ou recursos de que se trate, que se regulará polas normas do título III da Lei 22/1973, do 21 de xullo, sen prexuízo dos dereitos do peticionario ou titular do permiso de investigación ou concesión de explotación aos demais recursos da sección C). Desaparecidas as causas que impedían que o terreo fose franco e rexistrable, notificaráselle esta circunstancia á persoa titular da autorización a que se refire o parágrafo anterior para que poida transformar a autorización en concesión de explotación, con dereito a todos os recursos da sección C).

5. Aquelas solicitudes que inclúan novas superficies distintas das autorizadas previamente para a súa explotación ou que supoñan un cambio substancial no proxecto de explotación ou plan de restauración aprobado, no seu momento, para o outorgamento da autorización de explotación da sección A), estarán suxeitas ao disposto no artigo 18, e neste caso deberán someterse ao trámite ambiental que lles sexa aplicable».

Artigo 39. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 3, que queda redactada como segue:

«c) As instalacións de xeración eólica para o autoconsumo sen excedentes».

Dous. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 6, que queda redactada como segue:

«c) Directrices para a elaboración dos proxectos para obtención da licenza municipal».

Tres. Modifícase o número 1 do artigo 28, que queda redactado como segue:

«1. As persoas promotoras depositarán na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia a garantía económica a que fai referencia o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, ou normativa que o substitúa, segundo corresponda coa rede de transporte ou coa rede de distribución».

Catro. Modifícase a letra b) do número 4 do artigo 29, que queda redactada como segue:

«b) Copia do resgardo de presentación na Caixa Xeral de Depósitos da garantía económica que establece o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, ou normativa que o substitúa, e documento xustificativo emitido polo xestor da rede a que se conecte que acredite ter permiso de acceso e conexión».

Cinco. Modifícase a letra e) do número 4 do artigo 29, que queda redactada como segue:

«e) Planimetría da infraestrutura de produción que recolla todas as instalación en formato SHP».

Seis. Modifícase o número 7 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«7. A dirección xeral competente en materia de enerxía enviará unha copia do proxecto de execución, xunto cos planos en formato SHP do parque eólico, ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para o efecto de obter, no prazo máximo de vinte días, informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos na disposición adicional quinta».

Sete. Modifícase o número 10 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«10. A unidade responsable da tramitación someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría competente en materia de enerxía. No caso de que se solicite a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas».

Oito. Modifícase o número 12 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«12. De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, solicitando, polo menos, os informes preceptivos indicados para a avaliación ambiental e dando audiencia aos concellos afectados. Así mesmo, enviaranse de forma simultánea as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas do servizo público e de servizos de interese xeral afectados, con bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establezan o condicionado técnico procedente do proxecto de execución».

Nove. Modifícase o número 15 do artigo 33, que queda redactado como segue:

«15. A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidos para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución e do estudo de impacto ambiental, co fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos. A persoa promotora dispoñerá do prazo máximo dun mes para presentar os documentos definitivos adaptados para continuar co procedemento. De non se presentar esta documentación no prazo indicado, entenderase que o promotor desiste da solicitude de autorización administrativa e arquivarase a solicitude sen máis trámites. O arquivamento da solicitude será realizado pola unidade tramitadora, que o comunicará ao órgano competente».

Dez. Modifícase o artigo 40, que queda redactado como segue:

«Artigo 40. Implantación de proxectos eólicos en solo rústico

1. De acordo co establecido no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e coa previa obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, os proxectos de parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación poderán implantarse en calquera categoría de solo rústico, ao non implicar a urbanización ou transformación urbanística dos terreos, sen que sexa necesaria a aprobación dun proxecto de interese autonómico regulado pola lexislación de ordenación do territorio.

2. No caso de que o solo for rústico de especial protección, será necesario obter a autorización ou o informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente con carácter previo á obtención do título habilitante municipal. Para estes efectos, non será necesaria a emisión dunha nova autorización ou informe no caso de que a competencia sectorial corresponda a un órgano autonómico e este se pronunciase favorablemente no trámite previsto no artigo 33.12.

3. Outorgada a autorización administrativa previa e de construción do parque eólico, obterase o título habilitante municipal de natureza urbanística.

As instalacións de produción de electricidade, aeroxeradores, instalacións de control e obra civil necesaria do parque, así como as súas infraestruturas e liñas de evacuación, deberán axustarse ao proxecto aprobado, sen que lles sexan aplicables as condicións que recolle o artigo 39 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro. As casetas onde se sitúen elementos de control non poderán estar situadas a unha distancia inferior a 5 metros dos lindes da parcela. No caso de que o proxecto inclúa obras que deban cualificarse de edificación de acordo coa lexislación reguladora da ordenación da edificación, serán aplicables a elas as condicións que recolle o artigo antes citado para os edificios.

4. En todo caso, e para os efectos do regulado no punto 1 do artigo 37 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, no solo rústico estará permitida a apertura de camiños rurais contidos nos proxectos eólicos e das súas infraestruturas de evacuación aprobados pola administración competente».

Once. Engádese unha disposición adicional oitava, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional oitava. Instalacións iniciais de autoconsumo eólicas sen excedentes que durante a súa tramitación ou unha vez instaladas obteñan un permiso de acceso e conexión

Aquelas instalacións de xeración eólica para o autoconsumo sen excedentes que, consonte o artigo 3, queden excluídas do seu ámbito de aplicación pero que durante a súa tramitación ou unha vez executadas obteñan un permiso de acceso e conexión a rede de transporte ou distribución por unha potencia superior a 100 kW deberán tramitarse conforme o disposto nesta norma, e non poderán, en caso de estaren executadas, conectar a rede mentres non obteñan as autorizacións administrativas necesarias para ser unha instalación de produción de acordo co establecido no título IV desta lei».

Doce. Engádese unha disposición adicional novena, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional novena. Consideración dos posibles efectos acumulativos e sinérxicos na avaliación de impacto ambiental de proxectos de parques eólicos de competencia autonómica

1. Na avaliación de impacto ambiental que se realice nos procedementos de autorización de proxectos de parques eólicos de competencia autonómica deberanse ter en conta, en particular, os posibles efectos significativos acumulativos e sinérxicos dos demais parques eólicos en funcionamento, en construción, con autorización administrativa, con declaración de impacto ambiental ou con informe de impacto ambiental, sobre os factores indicados no artigo 5.1.a) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, situados dentro da zona de influencia do proxecto, que compartan acceso, infraestruturas de evacuación e/ou outra infraestrutura asociada. Esta mesma regra aplicarase aos proxectos de instalacións de conexión dos parques eólicos de competencia autonómica cando se tramitasen de forma separada aos proxectos dos parques.

Para estes efectos, considerarase zona de influencia do proxecto aquela en que se manifesten os seus posibles efectos significativos.

Cando se trate de proxectos de parques eólicos en tramitación, o órgano ambiental, de conformidade co establecido na disposición adicional undécima da Lei 21/2013, do 9 de decembro, poderá acordar a acumulación de procedementos de avaliación de impacto ambiental, cando aprecie que existe identidade substancial ou íntima conexión entre eles.

2. Para permitir a análise do indicado no número anterior, os estudos de impacto ambiental ou os documentos ambientais que elaboren os promotores dos distintos proxectos deberán incluír no seu contido unha análise específica dos indicados efectos acumulativos ou sinérxicos, de acordo co indicado nos artigos 35.1.c) ou 45.1.e) da Lei 21/2013, do 9 de decembro.

3. O indicado no número 1 en canto á avaliación ambiental dos posibles efectos significativos acumulativos e sinérxicos, á compartición de accesos e infraestruturas e á eventual acumulación das avaliacións de impacto ambiental non obsta para a consideración da autonomía de cada proxecto de parque eólico para efectos da súa autorización independente, atendendo á definición de parque eólico recollida no artigo 2.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Para estes efectos, para a autorización independente de cada parque eólico, e sen prexuízo do disposto no número 1 desta disposición, teranse en conta o carácter unitario de cada parque e a súa consideración autónoma e independente, sempre que teña capacidade de funcionamento separado, aínda que comparta infraestruturas con outros parques de acordo co indicado na normativa estatal do sector eléctrico.

Tampouco afectará a autonomía e a independencia de cada parque, nos termos indicados, o feito de que poidan existir nas súas proximidades outros parques promovidos polo mesmo promotor, sempre que se xustifique que iso vén determinado por un uso racional das posibilidades de explotación ofrecidas polo terreo.

Así mesmo, non afectará a autonomía e a independencia dos parques e a súa posible tramitación e autorización independente a posible tramitación e autorización separada dos proxectos relativos ás súas instalacións de conexión.

4. En ningún caso se autorizará un fraccionamento de proxectos nos termos definidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, que teña por obxecto evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria dos proxectos resultantes, por seren estes inferiores aos limiares establecidos no seu anexo I.

De conformidade co establecido na letra n) da parte B) do anexo VI da Lei 21/2013, do 9 de decembro, non poderá entenderse que existe fraccionamento de proxectos cando os proxectos se sometan individualmente a avaliación de impacto ambiental ordinaria por superaren os limiares fixados no seu anexo I. Esta conclusión non se verá alterada polo feito de os proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria compartiren determinadas infraestruturas, sempre que teñan capacidade de funcionamento separado.

A Administración autonómica promoverá, no marco das súas competencias, a compartición e utilización conxunta das infraestruturas dos proxectos de parques eólicos por resultar máis favorable desde o punto de vista medioambiental.

5. O disposto nesta disposición en canto á posible tramitación e autorización independente de cada parque eólico cando teña capacidade de funcionamento separado, aínda que comparta infraestruturas con outros parques, e en canto á apreciación de existencia de fraccionamento, será aplicable aos proxectos de parques eólicos que no momento da entrada en vigor desta disposición non estiveren resoltos de forma definitiva na vía administrativa».

Trece. Engádese unha disposición transitoria novena, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria novena. Expedientes de parques eólicos de autoconsumo solicitados

Os proxectos de parques eólicos de autoconsumo con excedentes que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, poderán continuar a súa tramitación consonte o procedemento anterior á súa entrada en vigor, sempre que quede acreditado que o permiso de acceso e conexión fose outorgado polo xestor da rede a que se conectan antes da indicada entrada en vigor. No caso contrario, continuarase a tramitación de acordo co establecido no título IV desta lei».

Catorce. Engádese unha disposición transitoria décima, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria décima. Proxectos sectoriais ou proxectos de interese autonómico en tramitación

Atendendo ao recollido no artigo 40, a dirección xeral con competencias en materia de enerxía procederá de oficio ao arquivamento dos procedementos asociados aos proxectos sectoriais ou aos proxectos de interese autonómico relativos a parques eólicos e ás súas infraestruturas de evacuación que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Este arquivamento será comunicado tanto ao promotor como aos concellos afectados e á dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo».

Quince. Engádese unha disposición transitoria décimo primeira, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria décimo primeira. Posibilidade de outorgamento separado da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción

1. Non obstante o previsto no artigo 34 desta lei en relación co outorgamento conxunto da autorización administrativa previa e de construción, atendendo aos prazos para o cumprimento dos fitos establecidos polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, a Administración autonómica, por solicitude do promotor, poderá outorgar de forma separada a autorización administrativa previa cando se cumpran os requisitos necesarios para esta, coa finalidade de posibilitar o cumprimento dos fitos expresados.

Nestes casos, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei.

2. Esta disposición será aplicable durante un período transitorio de 24 meses desde a entrada en vigor da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas».

Artigo 40. Modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia

A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Suprímese o artigo 8, relativo á Unidade Galicia Emprende.

Dous. Engádese unha disposición adicional quinta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional quinta. Asunción das funcións da Unidade Galicia Emprende

As funcións da suprimida Unidade Galicia Emprende pasan a ser desenvolvidas pola Oficina Económica prevista no capítulo I do título II da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia».

Artigo 41. Modificación do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial

O Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 31, que queda redactado como segue:

«Artigo 31. Consello Galego de Seguridade Industrial

1. Créase o Consello Galego de Seguridade Industrial como órgano colexiado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de industria, de natureza consultiva e de participación, para o impulso e coordinación dos criterios e actuacións en materia de seguridade industrial.

2. Na súa composición, na que se procurará a presenza equilibrada entre mulleres e homes, estarán representadas as asociacións empresariais e sindicais máis representativas, os colexios profesionais con competencias en materia de industria, os axentes do sector industrial e do sistema da seguridade industrial de Galicia, así como os órganos da Administración autonómica competentes en materia de industria, enerxía, traballo, sanidade, medio ambiente, protección civil e ordenación do territorio.

3. O Consello Galego de Seguridade Industrial terá as seguintes funcións:

a) Promover a adaptación das actuacións en materia de seguridade industrial ás decisións, recomendacións e orientacións da Unión Europea.

b) Emitir informe sobre os proxectos de regulamentacións de seguridade industrial de ámbito autonómico, así como elaborar propostas normativas na materia.

c) Emitir informe sobre os plans de seguridade industrial de ámbito autonómico.

d) Impulsar a realización de estudos e informes en materia de seguridade industrial.

e) Propiciar a coordinación das actuacións entre as materias de seguridade e de calidade industrial.

f) Cantas outras funcións lle sexan asignadas polos órganos competentes en materia de seguridade industrial.

4. O Consello Galego de Seguridade Industrial estará composto polas seguintes persoas:

a) Presidencia: a persoa titular da consellaría competente en materia de industria ou a persoa en quen delegue.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da Secretaría Xeral de Industria ou a persoa en quen delegue.

c) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Administración Industrial.

d) Vogalías. O Consello incluirá, como mínimo, as seguintes persoas vogais:

1º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de industria.

2º. Unha persoa representante de cada unha das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de industria.

3º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de enerxía.

4º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de traballo.

5º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de sanidade.

6º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de medio ambiente.

7º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de protección civil.

8º. Unha persoa representante do centro directivo competente en materia de ordenación do territorio.

9º. Dúas persoas representantes dos colexios profesionais relacionados cos produtos e instalacións industriais sometidos aos regulamentos de seguridade industrial.

10º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia de organismos de control autorizados.

11º. Tres persoas representantes das organizacións ou asociacións empresariais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, en relación cos produtos e instalacións industriais sometidos aos regulamentos de seguridade industrial.

12º. Tres persoas representantes das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do previsto pola Lei 17/2008, do 29 de decembro.

5. Sen prexuízo da composición indicada no número anterior, o Consello poderá acordar por maioría a incorporación doutras persoas en representación dos órganos, colexios profesionais, asociacións ou organizacións sindicais, no caso de que se requira para a máis eficiente consecución dos seus obxectivos.

Ademais, o Consello poderá contar co asesoramento das persoas técnicas nas distintas materias que se considere conveniente, para o correcto funcionamento das súas funcións.

6. O Consello reunirase polo menos unha vez ao ano, mediante convocatoria da persoa titular da súa presidencia. Ademais poderá reunirse cantas veces se considere necesario, por instancia da mesma persoa ou por solicitude de, polo menos, un terzo dos seus membros.

7. O Consello establecerá, no marco deste artigo, o seu regulamento de organización e funcionamento.

8. O Pleno do Consello Galego de Seguridade Industrial creará os comités executivos que considere convenientes no seu seo. Pola súa vez, estes comités executivos poderán crear as seccións técnicas ou grupos de traballo que consideren convenientes para o mellor tratamento das temáticas relacionadas cos diferentes produtos e instalacións sometidas aos regulamentos de seguridade industrial».

Dous. Modifícase a letra b) do número 2 do artigo 50, que queda redactada como segue:

«b) Aprobar os plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia».

Tres. Modifícanse as letras c) e d) do número 2 do artigo 51, que quedan coa seguinte redacción:

«c) Elaborar e aprobar os proxectos dos plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia, así como propor a súa modificación parcial.

d) Determinar a inclusión dun proxecto industrial dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, agás nos casos de proxectos industriais estratéxicos».

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 52, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. O Instituto Galego de Promoción Económica é a entidade pública instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que colabora co centro directivo con competencias en materia de industria na execución das funcións públicas relativas á actividade de promoción industrial, singularmente no ámbito internacional».

Cinco. Modifícase o artigo 59, que queda redactado como segue:

«Artigo 59. Estudo do impacto das actuacións públicas no tecido industrial galego

1. A consellaría competente en materia de industria realizará bienalmente un estudo dos efectos dos plans e programas aprobados e que supoñan unha repercusión significativa na actividade industrial. En particular, realizarase este estudo dos efectos dos plans directores aprobados para os distintos sectores industriais.

2. Este estudo terá por obxecto determinar:

a) Os resultados dos plans e programas na actividade industrial, en especial desde o punto de vista da evolución dos sectores produtivos e da xeración de emprego de calidade.

b) A proposta de posibles medidas de cara á mellora do sector industrial, en xeral, ou de sectores industriais concretos, en particular.

3. Este estudo será sometido a informe preceptivo do Consello Galego de Economía e Competitividade e será posteriormente elevado ao Consello da Xunta de Galicia para a súa toma de razón».

Seis. Modifícase o capítulo II do título II, que pasa a ter a seguinte redacción:

«CAPÍTULO II

Planificación da política industrial

Artigo 60. Instrumentos para a planificación da política industrial galega

A planificación da política industrial galega plasmarase nunha estratexia de política industrial que se baseará nos seguintes instrumentos:

a) Os plans directores dos distintos sectores industriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.

Sección 1ª. Os plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia

Artigo 61. Definición e alcance

1. Os plans directores dos distintos sectores industriais son instrumentos de carácter estratéxico que teñen como fin potenciar o desenvolvemento da actividade industrial no sector concreto que corresponda, a través da definición das medidas necesarias para o seu impulso, de cara a avanzar no fortalecemento de todo o sector industrial da Comunidade Autónoma de Galicia e na conseguinte creación e mantemento de emprego industrial.

2. As medidas incluídas no plan dirixiranse a fortalecer o sector industrial, mellorando a competitividade das industrias actuais, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sustentabilidade e impulsando a innovación industrial dos seus procesos produtivos, co fin de incrementar o emprego industrial de calidade na Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, as medidas estarán dirixidas a estimular a captación de investimentos no sector que supoñan un reforzo do tecido industrial de Galicia, reforzando as sinerxías sectoriais e/ou intersectoriais.

3. Nos plans directores dos distintos sectores industriais definiranse os obxectivos que se pretende conseguir dentro do ámbito temporal considerado, e determinaranse os mecanismos e os medios para a súa consecución, coa indicación dos sistemas que serán utilizados para avaliar a súa eficacia e eficiencia.

4. A definición das medidas, mecanismos e medios necesarios dirixidos a acadar os obxectivos realizarase atendendo á situación actual do sector e tomando como referencia tanto a información cuantitativa recollida no mapa industrial de Galicia previsto no artigo 63 como a información cualitativa proporcionada por informantes clave sectoriais e territoriais, cos cales se establecerá unha liña de colaboración permanente.

5. Na definición das medidas terase en conta especialmente a potenciación do capital humano na Comunidade Autónoma, mediante a mellora da cualificación técnica e empresarial, a retención de talento e o fomento da creatividade e doutras habilidades non técnicas que contribúan a desenvolver os coñecementos adquiridos e a aplicalos con eficacia e eficiencia. Nas actuacións que se vaian desenvolver incluirase como obxectivo a redución da fenda de xénero actual naquelas actividades industriais en que as mulleres estean subrepresentadas.

6. Os plans directores dos distintos sectores industriais non serán considerados instrumentos de ordenación do territorio para os efectos do artigo 22 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, nin do procedemento de aprobación previsto na dita lei.

Artigo 62. Enumeración

1. Mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta xustificada da persoa titular da consellaría con competencias en materia de industria, determinaranse os sectores industriais que se consideran estratéxicos, para os efectos da elaboración dos plans directores previstos no artigo anterior. Esta determinación poderá realizarse de forma conxunta, agrupando varios sectores, ou de forma paulatina, de acordo coas prioridades que se establezan e que se fundamentarán, entre outras variables, na situación do sector industrial e na súa capacidade de crecemento e xeración de emprego.

2. No caso dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, a proposta de acordo será realizada de forma conxunta pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de industria e pola persoa ou persoas titulares do resto de consellarías afectadas.

Artigo 63. Mapa industrial

1. Como instrumento complementario aos plans directores dos distintos sectores industriais, co fin de que todo o sector industrial dispoña da información necesaria para o impulso de proxectos industriais, a consellaría con competencias en materia de industria elaborará un mapa industrial que incluirá a información sobre a implantación actual dos distintos sectores a nivel territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de fomentar as sinerxías entre as distintas actividades industriais.

2. O mapa industrial incluirá adicionalmente a información xeral sobre as infraestruturas esenciais e necesarias para a implantación dos proxectos. Este mapa industrial manterase debidamente actualizado e será accesible a través da páxina web da consellaría con competencias en materia de industria, para a súa consulta por parte das persoas interesadas. Co mesmo fin, nesta mesma páxina disporase dun catálogo actualizado dos instrumentos de financiamento da Comunidade Autónoma para o apoio dos proxectos industriais.

Artigo 64. Contido dos plans directores dos distintos sectores industriais

Os plans directores para os distintos sectores industriais terán os seguintes contidos:

a) Unha análise da situación do tecido industrial galego do sector no momento da súa elaboración e unha proxección da súa previsible evolución.

b) A determinación das liñas xerais e das directrices básicas da política industrial galega para o sector, durante o período de vixencia do plan que se fixe neste, sinalando os obxectivos concretos e as prioridades sectoriais que se terán en conta na elaboración da planificación do seu desenvolvemento, así como os criterios esenciais de intervención que se observarán na súa execución.

c) A enumeración e a descrición das medidas concretas que se levarán a cabo durante o período de vixencia do plan.

d) Os indicadores para o seguimento e a avaliación do grao de cumprimento dos ditos obxectivos e as unidades responsables da execución, propondo medidas ou accións concretas para levar a cabo a dita execución.

e) A determinación dos procedementos de seguimento e de avaliación do plan director do sector.

f) A descrición do marco económico-financeiro no que se enumeran os investimentos necesarios para levar a cabo o plan director do sector que corresponda, en función das medidas previstas nel.

g) As demais previsións que, de ser o caso, sexan establecidas regulamentariamente.

Artigo 65. Elaboración e aprobación dos plans directores dos distintos sectores industriais

1. Correspóndelle ao centro directivo con competencias en materia de industria a redacción dos anteproxectos dos plans directores dos distintos sectores industriais. Porén, no caso dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, a redacción será realizada de forma conxunta entre a consellaría con competencias en materia de industria e a consellaría ou consellarías que teñan as competencias propias do sector produtivo que corresponda.

Sen prexuízo do anterior, na elaboración dos distintos anteproxectos colaborarase coas distintas consellarías e entidades da Xunta de Galicia con competencias en materias que poidan resultar, directa ou indirectamente, afectadas polo sector que corresponda.

2. Co fin de articular a participación das distintas consellarías na elaboración dos plans directores dos distintos sectores industriais, constituirase un grupo de traballo a nivel técnico con persoas representantes dos distintos centros directivos e entidades con competencias afectadas pola actividade industrial, que serán convocadas por iniciativa do centro directivo competente en materia de industria. No seo deste grupo de traballo poderán constituírse os subgrupos de traballo específicos que se consideren necesarios, co fin de focalizarse nun sector industrial concreto ou en varios sectores, así como en áreas transversais que afecten varias actividades industriais.

3. Con carácter previo á elaboración do anteproxecto, levarase a cabo unha consulta pública a través do Portal de transparencia e goberno aberto, por un mínimo de quince días naturais, co obxecto de solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas polo futuro plan. Nesta consulta pública incluirase unha memoria xustificativa sobre a necesidade e idoneidade do plan director.

4. Na redacción dos anteproxectos dos plans directores dos distintos sectores industriais darase participación ao sector privado e aos representantes dos traballadores, e promoverase igualmente a colaboración co resto de entes, organismos e institucións públicas e privadas relacionados coa actividade industrial.

5. Sen prexuízo das funcións que corresponden ao Consello Económico e Social, o centro directivo con competencias en materia de industria remitirá o anteproxecto do plan director do sector industrial que corresponda ao Consello Galego de Economía e Competitividade, co fin de que este emita un informe, no prazo máximo de trinta días.

6. Correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de industria a aprobación do proxecto dos plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia, agás para os casos dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, en que a aprobación do proxecto será realizada de forma conxunta polas persoas titulares das devanditas consellarías.

7. Os plans directores dos sectores industriais de Galicia serán aprobados por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

8. Tras a súa aprobación, os plans directores dos sectores industriais serán publicados no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Artigo 66. Modificación parcial dos plans directores dos sectores industriais de Galicia

1. No caso de que, durante a vixencia do plan director dun sector industrial, xurdan circunstancias imprevisibles e que teñan un especial impacto no sector industrial de que se trate ou as análises de seguimento e impacto do plan sectorial así o aconsellen, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de industria, e das persoas titulares das consellarías que correspondan nos casos dos sectores industriais que afecten competencias de varias consellarías da Xunta de Galicia, poderá aprobar a modificación parcial daquel, de acordo co mesmo procedemento descrito para a súa aprobación.

2. Sen prexuízo do anterior, non se considerará unha modificación do plan director do sector industrial unha simple actualización de datos que non varíe as estratexias xerais, os indicadores ou os obxectivos incluídos no plan orixinal. Neste caso, a actualización poderá ser aprobada por resolución da persoa titular da consellaría con competencias en industria, ou por resolución conxunta das persoas titulares das consellarías no caso de competencias concorrentes, tras do cal se dará traslado dunha copia da actualización ao resto de entidades que participaron na elaboración do plan director orixinario.

Sección 2ª. O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais

Artigo 67. Definición

1. O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais é un instrumento que se integra na estratexia da política industrial dirixido a impulsar e facilitar a implantación e ampliación de determinados proxectos industriais na Comunidade Autónoma de Galicia e reducir os seus prazos, tendo en conta a súa relevancia e o seu interese no marco da indicada política industrial.

2. O Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais baséase nas competencias de fomento da actividade económica e industrial de Galicia e de estímulo da ampliación de actividades produtivas e implantación de novas empresas.

3. Entre as medidas que se recollen neste plan inclúese o acompañamento e asesoramento ás persoas promotoras dos investimentos durante as tramitacións administrativas que sexa necesario realizar ante a Administración xeral da Comunidade Autónoma e outras administracións públicas, co obxectivo de contribuír a que os proxectos industriais incluídos no plan poidan ser executados no menor tempo posible, sempre que cumpran os requisitos establecidos no ordenamento xurídico.

Artigo 68. Proxectos industriais incluídos dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais

No Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais incluiranse os seguintes proxectos industriais:

a) Os proxectos industriais estratéxicos, unha vez que sexan declarados como tales, de acordo co previsto no capítulo III do título III. Neste caso a inclusión dos proxectos no plan será efectuada de oficio, unha vez que sexa declarado o seu carácter estratéxico.

b) Os proxectos industriais que, sen cumpriren os requisitos establecidos para os proxectos industriais estratéxicos, se inclúan neste plan por considerarse que, polas súas características, teñen un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego, de acordo co establecido nos artigos seguintes.

Artigo 69. Valoración do interese e incidencia cualificada dos proxectos industriais

1. Para valorar o interese e a incidencia cualificada dos proxectos industriais para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego, para os efectos da súa inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración, teranse especialmente en conta, entre outros factores que poden estar presentes na execución dos proxectos, os seguintes:

a) A súa inserción e a súa coherencia cos instrumentos en que se desenvolva a política industrial galega.

b) O impacto positivo que a súa execución comporte nun sector específico do tecido industrial galego.

c) A mellora da competitividade da industria galega.

d) A promoción da internacionalización e da atracción de investimentos no tecido empresarial galego e a necesidade de evitar a deslocalización empresarial.

e) As necesidades derivadas da promoción das pequenas e medianas empresas.

f) A cohesión social, o equilibrio territorial e a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

g) A susceptibilidade de o proxecto ser financiado con fondos comunitarios.

2. Para os efectos da súa inclusión no plan, o investimento previsto nestes proxectos industriais deberá ser superior a 800.000 euros en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, de acordo co proxecto presentado na solicitude a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 70. Procedemento para a inclusión de proxectos industriais dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración

1. O procedemento para a inclusión dun proxecto industrial dos previstos da letra b) do artigo 68 dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración iniciarase mediante solicitude da empresa interesada dirixida á consellaría competente en materia de industria, á que xuntará a seguinte documentación:

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a documentación gráfica e a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto industrial que, en todo caso, deberá conter o investimento previsto e mais o número de empregos directos e indirectos que se prevé crear.

c) A delimitación do ámbito territorial afectado e a análise da relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas Directrices de ordenación do territorio e, mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica, con outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito obxecto da actuación.

d) O compromiso de que a solicitude de licenza urbanística que, se é o caso, deba presentarse no seu día, irá acompañada dunha certificación de conformidade coa legalidade urbanística e co plan aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal.

e) A descrición das posibles afeccións do proxecto: ambientais, á saúde pública, ao patrimonio cultural, aos sistemas xerais de infraestruturas ou a calquera outro valor ou elemento que se teña detectado.

f) A xustificación do interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e do tecido industrial galego, de acordo co establecido no artigo 69.

2. Unha vez analizada a documentación presentada polo centro directivo con competencias en materia de industria, no caso de que non estea completa, procederase a requirir á persoa promotora que, no prazo de dez días hábiles, complete a documentación non achegada inicialmente. Poderase outorgar un prazo maior para o caso de que, pola complexidade da documentación requirida, se considere que non é posible a súa preparación no prazo de dez días hábiles.

3. Logo de que se dispoña da documentación prevista no número 1, o centro directivo con competencias en materia de industria remitirá unha copia da documentación aos centros directivos con competencias na eventual tramitación do proxecto, ou encargados de protexer os valores ou elementos que poidan estar afectados, co fin de que, no prazo de dez días hábiles, emitan un informe en relación coa inclusión do proxecto industrial dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración. No caso de non dispoñer de información suficiente para emitir o dito informe, debido á falta de documentación indispensable na solicitude, darase conta da dita circunstancia ao centro directivo con competencias en materia de industria, co fin de que a requira á persoa promotora. No caso de que o centro directivo non emitise o informe no prazo indicado, considerarase favorable á inclusión do proxecto industrial dentro do Plan de impulso e aceleración.

4. Analizados os informes dos distintos centros directivos, así como a normativa aplicable, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria resolverá de forma motivada, por proposta da persoa titular do centro directivo con competencias en materia de industria, a aceptación da inclusión do proxecto no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais ou a denegación dela.

5. No caso de determinarse a inclusión do proxecto industrial dentro do plan, o centro directivo competente en materia de industria remitirá unha copia da resolución aos centros directivos con competencias na eventual tramitación do proxecto, ou encargados de protexer os valores ou elementos que poidan estar afectados, para o seu coñecemento e para os efectos oportunos na tramitación do dito proxecto.

6. O prazo máximo de resolución deste procedemento será de trinta días hábiles desde a data de presentación da solicitude, sempre que a documentación estea completa, ou desde a data en que esta sexa completada, para o caso de que se requirise á persoa solicitante que complete a documentación inicialmente presentada. O vencemento do prazo máximo sen que se notificase a resolución expresa lexitimará a persoa ou as persoas interesadas para entendela desestimada por silencio administrativo, sen prexuízo da resolución que a Administración debe ditar na forma prevista no apartado 3 do artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 71. Efectos da inclusión de proxectos industriais dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración

A inclusión de proxectos industriais dentro do Plan autonómico de impulso e aceleración produce os seguintes efectos:

a) O acompañamento e asesoramento ás persoas promotoras dos proxectos industriais durante as tramitacións administrativas que sexa necesario realizar ante a Administración xeral da Comunidade Autónoma e os entes públicos dependentes dela, e outras administracións públicas, que terá os seguintes obxectivos:

1º. A interlocución única entre as persoas promotoras e a Xunta de Galicia, que se materializará a través do centro directivo con competencias en materia de industria, sen prexuízo das competencias do resto de centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

2º. A busca de solucións ás necesidades detectadas para a implantación, en fase de análise de proxecto, entre as que se poden atopar o acceso ao solo industrial, a conexión aos sistemas xerais de infraestruturas, o acceso ao financiamento ou calquera outra cuestión que poida condicionar a implantación do proxecto industrial.

3º. O asesoramento técnico e administrativo dirixido a solucionar as incidencias que as tramitacións administrativas dos proxectos industriais puideren ter, sempre que sexa posible.

4º. A axilización das actuacións administrativas precisas para a tramitación dos procedementos necesarios para a execución do proxecto industrial.

b) A aplicación de oficio da tramitación conxunta prevista no artigo 27 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dos procedementos administrativos necesarios para a aprobación do proxecto e as súas infraestruturas necesarias.

c) A xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos respectivos procedementos necesarios para a aprobación do proxecto, que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos e aqueles taxados pola normativa básica que non poidan ser obxecto de redución.

Artigo 72. Colaboración entre a consellaría competente en materia de industria e o concello en que se vai implantar o proxecto industrial

1. Unha vez ditada a resolución pola que se inclúa o proxecto industrial no Plan de impulso e aceleración, a consellaría competente en materia de industria remitirá ao concello ou concellos en que se vai implantar o proxecto unha comunicación mediante a cal porá en coñecemento do concello as características principais do proxecto, e lle ofrecerá a posibilidade de asinar, con carácter voluntario, un convenio de colaboración entre a dita consellaría e o concello, que terá como obxectivo asegurar a coordinación entre ambas as administracións e a cooperación e asistencia activa que puider precisar a administración municipal para o eficaz cumprimento das súas competencias en relación coa implantación do proxecto, coa finalidade de acadar a posta en marcha do proxecto industrial no menor tempo posible.

2. En particular, no marco do convenio de colaboración a que fai referencia o número anterior, no caso dos proxectos industriais a que se refire o artigo 68.b), a Administración autonómica asumirá o compromiso de asesoramento do concello e a prestación de apoio administrativo e técnico, co fin de que este poida emitir, no caso de ser necesaria, a licenza urbanística en prazo, ou efectuar o control municipal dos actos de edificación e uso do solo que sexa preciso.

3. No caso de que o proxecto industrial se vaia implantar nun concello emprendedor, de acordo co establecido na Lei 9/2021, do 25 de xaneiro, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia, non será necesario asinar o convenio previsto no número 1 deste artigo, sen prexuízo de que, co fin de coordinar as actuacións entre as administracións para impulsar o proxecto, a consellaría competente en materia de industria remitirá ao concello unha comunicación mediante a cal porá en coñecemento deste as características principais do proxecto.

Artigo 73. Prazos para a emisión da licenza urbanística municipal

1. No caso dos proxectos industriais a que se refire o artigo 68.b), e tendo en conta o seu interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego, determinante da súa inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración, os concellos competentes deberán velar especialmente pola resolución dos procedementos para o outorgamento das licenzas urbanísticas, cando foren necesarias, nos prazos establecidos pola lexislación urbanística, sempre de acordo co establecido nela e no planeamento urbanístico aplicable.

2. Para o caso de que o procedemento de outorgamento da licenza urbanística solicitada para un proxecto incluído no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais non for resolto dentro do prazo indicado na lexislación urbanística, a Administración autonómica, no marco das súas competencias de impulso destes proxectos, e ponderando a afectación ás súas competencias na materia de industria, fomento da actividade económica de Galicia, ampliación de actividades produtivas e implantación de novas empresas, poderá proceder de acordo co establecido no artigo seguinte.

Artigo 73 bis. Incumprimento dos prazos legais de resolución do procedemento de outorgamento da licenza urbanística municipal

1. De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, cando os proxectos incluídos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais estiveren sometidos ao outorgamento de licenza urbanística municipal de conformidade co establecido na lexislación urbanística, e a entidade local non ditar acto expreso dentro do prazo establecido nesa lexislación, contado desde a presentación da solicitude coa documentación completa no rexistro do concello, computado conforme o establecido na lexislación de procedemento administrativo, procederase de conformidade co establecido nos números seguintes.

2. A persoa titular da consellaría competente en materia de industria, por instancia da persoa promotora do proxecto, ou de oficio, coa previa audiencia desta, solicitará á entidade local que lle dea traslado no prazo de dez días hábiles da información sobre o estado do procedemento e o contido, de ser o caso, dos informes técnicos e xurídicos municipais emitidos sobre a conformidade do proxecto coa legalidade urbanística, así como sobre as razóns do incumprimento do prazo legal de resolución e os intereses locais que se consideren afectados.

3. Logo de valorar as alegacións e a documentación remitida pola entidade local e de informe da dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria, cando considere de forma razoada e xustificada que o incumprimento da obriga de ditar resolución expresa imposta directamente pola lei á entidade local afecta o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma, procederá a lembrar á entidade local a necesidade de cumprimento da lei mediante o ditado da correspondente resolución expresa sobre a licenza, concedendo para o efecto o prazo que se considere necesario, que nunca será inferior a un mes.

4. Transcorrido o prazo establecido no requirimento, se o incumprimento persistir, por non ditarse resolución expresa por parte da entidade local, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria, logo de valoración xustificada da afectación ao exercicio das competencias da Comunidade Autónoma, poderá ditar resolución en que declare este incumprimento, que se notificará á entidade local e ás persoas interesadas.

5. A declaración do incumprimento, aínda que non alterará a titularidade municipal da competencia para o outorgamento de licenzas, determinará que o exercicio da competencia para a resolución do concreto procedemento administrativo de outorgamento ou denegación da licenza corresponderá, en substitución da entidade local, á dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

A resolución será ditada pola Administración autonómica con suxeición, en todo caso, ao establecido na lexislación e no plan urbanístico, tendo en conta o informe emitido pola entidade de certificación municipal, e, se se emitiron, os informes técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade do proxecto coa legalidade urbanística.

Unha vez ditada a resolución expresa, notificarase á administración municipal e aos interesados. A entidade local manterá a plena titularidade e exercicio de todas as súas competencias de control, inspección e disciplina establecidas na lexislación urbanística en materia de edificación e uso do solo, coa finalidade de comprobar que a execución do proxecto se axusta ás condicións sinaladas na licenza e no plan urbanístico.

6. A Administración autonómica practicará, logo de audiencia do concello, unha liquidación do custo que supón para ela a adopción da medida prevista no número anterior. O indicado custo considerarase como un crédito de dereito público para os efectos da súa exixencia á entidade local e poderá ser obxecto de compensación con cargo aos créditos recollidos a favor desta no Fondo de Cooperación Local, seguindo o procedemento establecido na súa regulación.

7. O establecido neste artigo entenderase sen prexuízo do establecido na lexislación urbanística en canto aos efectos do silencio administrativo e, en particular, do dereito das persoas interesadas a considerar a existencia dun acto presunto de contido desestimatorio nos supostos legalmente establecidos para os efectos de presentar os correspondentes recursos.

Artigo 73 ter. Información de interese xeral sobre o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais

1. A consellaría competente en materia de industria dará publicidade á evolución e aos principais indicadores do Plan autonómico de impulso e aceleración dos proxectos industriais, incluíndo a relación de proxectos incluídos e o seu estado de tramitación, e os convenios de colaboración formalizados cos concellos para acadar a posta en marcha do proxecto industrial, mantendo actualizada esta información na súa páxina web.

2. A información do estado e tramitación incluirá, en particular, a información sobre as autorizacións autonómicas ou sectoriais e as licenzas urbanísticas, incluíndo os prazos de emisión de acordo coa normativa vixente, a súa emisión ou denegación, ou a súa non emisión nos prazos legais».

Sete. Suprímese o capítulo II do título III, que queda sen contido.

Oito. Engádese un artigo 78 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 78 bis. Declaración como estratéxicos doutros proxectos industriais

1. Poderán ser tamén declarados como proxectos industriais estratéxicos, con excepción dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aqueles proxectos industriais para os cales, sen cumpriren os requisitos establecidos no artigo 78, se estime de forma xustificada que teñen un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, e que pola súa magnitude ou características teñen unha incidencia territorial, económica e social que transcenda o ámbito municipal, de tal forma que se consideren portadoras dun interese supramunicipal cualificado.

2. Para valorar o interese e a incidencia cualificada dos proxectos industriais previstos neste artigo para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, para os efectos da súa declaración como estratéxicos, teranse especialmente en conta, entre outros factores que caractericen o proxecto ou a cadea de valor do sector industrial afectado, os seguintes:

a) A súa inserción e coherencia cos instrumentos en que se desenvolva a política industrial galega.

b) O impacto positivo que a súa execución comporte nun sector específico do tecido industrial galego.

c) A mellora da competitividade da industria galega.

d) A promoción da internacionalización e da atracción de investimentos no tecido empresarial galego e a necesidade de evitar a deslocalización empresarial.

e) As necesidades derivadas da promoción das pequenas e medianas empresas.

f) A cohesión social, o equilibrio territorial e a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

g) A susceptibilidade de o proxecto ser financiado con fondos comunitarios.

3. En todo caso, para os efectos da súa declaración como estratéxicos, os proxectos previstos neste artigo deberán cumprir os seguintes requisitos mínimos:

a) Que supoñan unha creación de emprego mínima de 25 postos de traballo, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

Para estes efectos, computaranse tamén os empregos indirectos xerados nas actividades auxiliares ao proxecto industrial, sempre que na solicitude prevista no artigo 79 quede debidamente xustificada a súa futura creación.

b) Que supoñan un investimento no proxecto industrial superior a dous millóns de euros, en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, de acordo co proxecto presentado na solicitude.

c) Que se acredite a titularidade do solo onde se vai implantar o proxecto ou o acordo coas persoas titulares deste, agás que o proxecto se vaia implantar en solo empresarial promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por empresas públicas participadas por este que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial.

4. O procedemento para a declaración destes proxectos será o recollido no artigo 79, sen prexuízo de que os requisitos que deben cumprir serán os indicados nos números anteriores deste artigo. En particular, no trámite de audiencia ao concello ou concellos afectados solicitarase a estes que efectúen unha valoración dos intereses municipais e manifesten a súa conformidade ou desconformidade co proxecto, co obxecto de que estes aspectos poidan ser ponderados e valorados xustificadamente, xunto cos intereses supramunipais afectados, na decisión do procedemento.

Os efectos da declaración como proxecto industrial estratéxico serán os previstos no artigo 79.4.

5. O procedemento de aprobación destes proxectos será o previsto no artigo 80, agás que non procederá a presentación da documentación prevista no artigo 80.1.f) en relación co solo onde se vai implantar o proxecto.

Os efectos desta aprobación serán os establecidos no artigo 81.2, sen prexuízo dos efectos específicos que se deduzan da normativa sectorial que sexa aplicable ao proxecto.

6. Será aplicable aos proxectos previstos neste artigo o establecido nos artigos 82 a 89».

Nove. Engádense os artigos 82 a 89, coa seguinte redacción:

«Artigo 82. Inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración dos proxectos industriais

A declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico comportará a súa inclusión de oficio no Plan autonómico de impulso e aceleración dos proxectos industriais.

Artigo 83. Infraestruturas esenciais dos proxectos industriais estratéxicos

1. No procedemento de declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico, ou no procedemento de aprobación do proxecto, deberá estar xustificada, se é o caso, a concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos procedementos necesarios para a aprobación das súas infraestruturas esenciais.

2. O procedemento previsto no artigo 80 para a aprobación dos proxectos industriais estratéxicos poderá aplicarse, se é o caso, para a aprobación sucesiva destas infraestruturas esenciais.

Artigo 84. Características do proxecto que debe someterse a información pública

O proxecto que se someta a información pública e á petición de informes ás administracións e órganos sectoriais afectados deberá conter toda a información técnica necesaria para garantir a participación pública, así como para obter as autorizacións necesarias para a aprobación do proxecto de acordo coa normativa vixente.

Artigo 85. Prazo máximo de aprobación dos proxectos industriais estratéxicos

O prazo máximo para a aprobación dun proxecto industrial estratéxico, contado desde que a persoa promotora achegue a documentación completa prevista no artigo 80, será dun ano. Porén, o cómputo deste prazo poderá suspenderse nos casos establecidos na lexislación de procedemento administrativo.

Artigo 86. Asunción de responsabilidade patrimonial por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma

1. Tendo en conta as necesidades de promoción e fomento da actividade económica en Galicia e o necesario estímulo á ampliación de actividades produtivas, así como o carácter estratéxico para a Comunidade Autónoma dos proxectos industriais regulados neste capítulo, como medida concreta para promover a confianza e a seguridade xurídica dos operadores económicos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia asumirá o compromiso, como estándar mínimo de calidade e de funcionamento do servizo público, de resolución no prazo establecido no artigo anterior, salvo casos de forza maior.

2. Deste modo, se a demora na tramitación for imputable á Administración autonómica, o incumprimento do prazo establecido considerarase como un funcionamento anormal e determinará, se for o caso e nos termos previstos na normativa en materia de responsabilidade patrimonial da Administración, o dereito da persoa promotora a ser indemnizada polos danos ocasionados pola demora nunha contía igual aos gastos xustificados en que incorrese na preparación da documentación necesaria para a tramitación do procedemento, cun límite do 1 por cento do custo total do proxecto industrial, e ata o importe máximo de 500.000 euros, todo isto sen prexuízo da posible acreditación de maiores danos e perdas de acordo coa lexislación reguladora da responsabilidade patrimonial da Administración. Non se considerará a existencia de danos por esta causa se a documentación preparada pode ser aproveitada pola persoa promotora no mesmo procedemento ou noutra tramitación posterior.

3. Para os efectos do establecido no número anterior, se a Administración autonómica entende que pola demora na aprobación do proxecto se produciron os danos ou lesións susceptibles de ser indemnizados en concepto de responsabilidade patrimonial, iniciará de oficio o procedemento correspondente, de acordo co establecido na lexislación básica estatal.

Artigo 87. Participación municipal nos proxectos industriais estratéxicos

1. O carácter prevalente sobre o planeamento urbanístico que implica a declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico producirase mesmo no caso de que sexa preceptivo o informe urbanístico do concello ou concellos afectados, de acordo co establecido na normativa de prevención e control integrados da contaminación.

2. Aprobado, se é o caso, o proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellaría competente en materia de industria dará traslado do seu contido ao concello ou concellos afectados, para o exercicio das competencias que procedan.

Artigo 88. Seguimento dos proxectos

Unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico, e ata a súa posta en marcha, a persoa promotora do proxecto deberá remitir con carácter semestral á consellaría competente en materia de industria un informe do estado do proxecto, no cal deberá indicar o estado de execución das obras ou actuacións necesarias para a dita posta en marcha, así como a previsión da súa finalización.

Este informe deberá ser remitido igualmente, de forma extraordinaria, para o caso de que durante as actuacións xurdiren incidencias salientables que fagan variar de modo significativo a data prevista das obras e actuacións e, polo tanto, a de inicio da actividade industrial obxecto do proxecto industrial estratéxico.

Artigo 89. Relación cos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio

Sen prexuízo da regulación específica dos proxectos industrias estratéxicos prevista neste capítulo para a implantación das iniciativas empresariais que cumpran os requisitos establecidos nel, a Administración autonómica ou as persoas promotoras, cando se permita a súa promoción e desenvolvemento por iniciativa privada, poderán alternativamente acollerse, para o desenvolvemento das iniciativas empresariais, aos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, cando cumpran os requisitos establecidos nela e con suxeición ao establecido na indicada lexislación».

Dez. Engádese unha disposición adicional sétima, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sétima. Proxectos de aproveitamento de recursos naturais

1. As persoas promotoras de proxectos de aproveitamento de recursos naturais poderán solicitar a inclusión destes proxectos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais previsto no capítulo II do título II deste texto refundido, ou ben a declaración como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co capítulo III do título III, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías. Para o caso de que estes proxectos foren declarados proxectos industriais estratéxicos, o procedemento de autorización continuará a ser o que lle corresponda de acordo coa súa normativa sectorial e, por tanto, os efectos da declaración serán unicamente os establecidos no artigo 79.4.

2. Nos casos previstos no número anterior, as funcións de asesoramento, acompañamento, impulso e aceleración dos proxectos industriais serán realizadas de forma coordinada entre o centro directivo competente en materia de industria e o centro directivo competente en materia de planificación enerxética e recursos naturais».

Once. Engádese unha disposición adicional oitava, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional oitava. Proxectos industriais do ámbito alimentario e forestal

1. As persoas promotoras de proxectos industriais do ámbito alimentario e forestal poderán solicitar a inclusión destes proxectos no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais previsto no capítulo II do título II deste texto refundido, ou ben a declaración como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co capítulo III do título III, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías.

2. Nos casos previstos no número anterior, as funcións de asesoramento, acompañamento, impulso e aceleración dos proxectos industriais serán realizadas de forma coordinada entre o centro directivo competente en materia de industria e os centros directivos da Xunta de Galicia con competencias nos ditos ámbitos, segundo corresponda».

Doce. Engádese unha disposición transitoria cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria cuarta. Inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración, ou transformación en proxectos industriais estratéxicos, de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos de interese autonómico xa declarados

1. As persoas titulares de iniciativas empresariais prioritarias de carácter industrial declaradas de acordo co previsto na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, poderán solicitar ben a inclusión do seu proxecto no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais ou ben a súa declaración como proxecto industrial estratéxico, sempre que cumpran todos os requisitos establecidos para cada unha das tipoloxías.

2. Os proxectos de interese autonómico de carácter industrial tramitados de acordo co previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, poderán solicitar a súa inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, para os únicos efectos do establecido no artigo 71 deste texto refundido».

Trece. Suprímese a disposición adicional primeira, que queda sen contido.

Catorce. Suprímese a disposición derradeira segunda, que queda sen contido.

Artigo 42. Modificación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, queda modificada como segue:

Un. Suprímense os artigos 42, 43 e 44.

Dous. Engádese unha disposición adicional cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional cuarta. Creación da Mesa de Empresa-Innovación

1. Créase a Mesa de Empresa-Innovación como órgano de participación, consulta e proposta das persoas representantes do sector público, do sector privado e dos axentes sociais do ámbito empresarial, co fin de formular, debater e propoñer estratexias, plans, instrumentos e medidas de innovación aplicadas á empresa, así de como servir de órgano de asesoramento e consulta á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Mesa de Empresa-Innovación está presidida pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de economía e vicepresidida pola persoa titular da dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, e formarán parte como vogais as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección competentes en materia de industria, de innovación, de emprendemento e de universidades, as persoas reitoras das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia, unha persoa representante de cada unha das tres organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma, e da organización empresarial máis representativa no ámbito da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderán nomearse, por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de economía, ata dez vogalías máis en representación dos clústeres, centros tecnolóxicos ou outros organismos ou entidades relacionados coa empresa e coa innovación.

3. A Mesa de Empresa-Innovación está adscrita á consellaría competente en materia de economía.

4. A Mesa de Empresa-Innovación aprobará as súas propias normas de organización e funcionamento».

Tres. Engádese unha disposición transitoria sexta, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria sexta. Procedementos en tramitación de iniciativas empresariais prioritarias

1. Poderán ser declaradas como iniciativas empresariais prioritarias aquelas solicitadas antes do 1 de xaneiro de 2024 que cumpran os requisitos do artigo 42. O procedemento de declaración será o establecido no artigo 43, e terá os efectos previstos no artigo 44.

Así mesmo, as iniciativas empresariais prioritarias declaradas antes do 1 de xaneiro de 2024 manterán os efectos da súa declaración, de acordo co previsto no artigo 44.

O establecido nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo da súa posible transformación noutras figuras de axilización administrativa previstas na normativa en materia de industria.

2. Non obstante, no caso de que, transcorridos cinco anos desde a declaración, as iniciativas empresariais prioritarias non finalizaren a tramitación administrativa necesaria para a súa implantación, perderán os efectos da dita declaración».

Artigo 43. Modificación da Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica

Modifícase o número 4 do artigo 15 da Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica, que queda redactado como segue:

«4. En cada exercicio serán persoas beneficiarias aquelas persoas consumidoras que sexan beneficiarias do bono social de electricidade de consumidor vulnerable severo en 31 de decembro do ano anterior, e ademais estean nalgunha das seguintes situacións:

a) Ser beneficiarias da Risga (renda de inclusión social de Galicia).

b) Ser beneficiarias do IMV (ingreso mínimo vital).

c) Ser beneficiarias dunha PNC (pensión non contributiva).

Non obstante, se na Comunidade Autónoma non se dispuxer dos datos do bono social de electricidade de consumidor vulnerable severo en 31 de decembro do ano anterior, poderán tomarse como referencia os últimos datos dispoñibles das persoas beneficiarias. En todo caso, os datos do resto das prestacións tomarán como referencia o 31 de decembro do ano anterior».

Artigo 44. Modificación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 5, que queda coa seguinte redacción:

«2. En particular, o Consello da Xunta de Galicia aprobará os catálogos previstos no capítulo I do título II desta lei e formulará as declaracións de proxectos industriais estratéxicos, nos termos e cos efectos establecidos na normativa reguladora de tales proxectos».

Dous. Modifícase o artigo 6, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 6. A consellaría con competencias en materia de economía e empresa

1. Corresponde á consellaría con competencias en materia de economía e empresa, directamente ou a través dos seus entes instrumentais, e baixo a superior dirección e coordinación do Consello da Xunta de Galicia, deseñar e executar as políticas de recuperación da actividade económica en Galicia, en particular mediante a facilitación da implantación das iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias atribuídas ás demais consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nas materias con incidencia no ámbito económico, do emprego ou do medio rural.

2. Para os efectos previstos no número anterior, a consellaría con competencias en materia de economía e empresa:

a) Asumirá as funcións de apoio e acompañamento administrativo á implantación das iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante os servizos e instrumentos previstos no título II.

b) Poderá realizar informes, estudos ou proxectos tendentes a evitar a falta de estabilidade ou diminución da actividade de empresas.

c) Elevará ao Consello da Xunta de Galicia as propostas motivadas de declaración de proxectos industriais estratéxicos, cando proceda segundo o previsto na normativa reguladora de tales proxectos e iniciativas.

d) Establecerá os instrumentos de coinvestimento público-privado que favorezan o financiamento das iniciativas empresariais levadas a cabo por start-ups, persoas emprendedoras e outras pequenas empresas, de acordo co previsto no título IV.

e) Impulsará, en coordinación coa consellaría con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa, as medidas para que o marco regulatorio aplicable á implantación das iniciativas empresariais se axuste ao principio de boa regulación.

f) Aprobará as actualizacións dos catálogos previstos no título II.

g) Contará cunha Oficina Económica como punto de contacto centralizado e singular de atención ás empresas e persoas emprendedoras».

Tres. Modifícase o artigo 8, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 8. Outras consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

As consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia distintas das previstas nos artigos 6 e 7, cada unha no seu propio ámbito de competencias, colaborarán na consecución dos obxectivos desta lei, en particular participando nas comisións ou grupos de traballo de coordinación e impulso que cree a consellaría con competencias en materia de economía e empresa e proporcionándolle a información e a documentación que precise para o exercicio das funcións que lle atribúe a letra a) do número 2 do artigo 6».

Catro. Modifícase a letra a) do artigo 9, que queda redactada como segue:

«a) Participar no apoio e no acompañamento administrativo á implantación das iniciativas empresariais no seu territorio, de ser o caso mediante a adhesión voluntaria aos servizos e instrumentos previstos no artigo 82 bis».

Cinco. Modifícase o capítulo I do título II, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO I

Oficina Económica

«Artigo 10. A Oficina Económica

1. A Oficina Económica é o órgano responsable da xestión dos instrumentos previstos nesta lei para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, especializada no acompañamento e na tramitación das iniciativas empresariais, así como do asesoramento ás persoas empresarias para a posta en marcha e acompañamento das iniciativas empresariais.

2. A Oficina Económica constitúe o punto de contacto centralizado e singular da Xunta de Galicia para o asesoramento á empresa e ás persoas emprendedoras, así como para facilitar a posta en marcha das iniciativas empresariais, encargándose da coordinación coas demais consellarías que poidan ter competencia no ámbito empresarial e ás cales, por razóns de especialidade, se lles requira a súa participación.

Artigo 11. Funcións

Corresponden á Oficina Económica as seguintes funcións:

a) Facilitar a información ás empresas e ás persoas emprendedoras.

b) Acompañar e dar soporte ás empresas e aos suxeitos promotores das iniciativas empresariais, analizando as solicitudes telemáticas recibidas ou as consultas realizadas por vía telefónica ou presencial.

c) Asignar ao centro directivo con competencias en materia de industria aquelas iniciativas empresariais susceptibles de seren declaradas proxectos industriais estratéxicos ou de seren incluídas no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, de acordo co establecido no Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

d) Impulsar a tramitación das iniciativas empresariais mediante a consulta a outros órganos ou entidades, da mesma ou doutra administración, así como a través da proposta ou requirimento de actuación ou de realización de trámites aos correspondentes departamentos do sector público autonómico de Galicia.

e) Analizar, por petición da persoa interesada ou por iniciativa propia, as actividades económicas en curso que sexan estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia e estean en situación de risco de continuidade, elevando un informe de valoración da situación e das alternativas á persoa titular da consellaría con competencias en materia de economía e empresa e realizando o seguimento destas actividades, con atención especial ás actuacións administrativas propostas.

f) Elaborar un informe anual de actividade en relación coa avaliación e tramitación das iniciativas empresariais, que será publicado no portal web da Oficina.

g) Realizar outras actuacións que permitan impulsar, aprobar e manter proxectos estratéxicos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Calquera outra que se estableza legal e regulamentariamente.

Artigo 12. Información ás empresas e persoas emprendedoras

1. A información a que se refire a letra a) do artigo 11 será prestada por persoal especializado, de forma telefónica ou presencial e con carácter individualizado.

2. Entre outras finalidades, a información terá por obxecto servir de soporte ás empresas e, en particular, ás persoas emprendedoras, no proceso de posta en marcha das súas iniciativas empresariais, así como facilitar a súa implantación. Comprenderá, entre outros, os seguintes aspectos:

a) A información sobre os posibles apoios en forma de axudas públicas, de incentivos e de financiamento empresarial, incluído o financiamento europeo, a fiscalidade, a internacionalización, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e de innovación e a cooperación empresarial.

b) A tramitación administrativa e documental necesaria para a constitución das empresas, que comprenderá o procedemento administrativo substantivo, ambiental e urbanístico necesario para a implantación das instalacións que requira a posta en funcionamento das iniciativas empresariais.

c) En particular, deberá orientar as persoas interesadas sobre os títulos habilitantes necesarios para levar a cabo un proxecto ou a súa modificación.

3. Igualmente, facilitarase información a través do seu portal web.

4. No momento en que a Administración xeral do Estado faga efectiva a previsión contida na disposición adicional segunda da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, relativa aos trámites que se realicen ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Tesourería Xeral da Seguridade Social, poderá incluírse a información relativa á devandita tramitación mediante a subscrición do oportuno convenio.

Artigo 13. Recursos dispoñibles no espazo web da Oficina Económica

1. No espazo web da Oficina Económica estarán dispoñibles de xeito gratuíto:

a) Os catálogos en que se recollan de forma clara e por orde cronolóxica todos os trámites administrativos exixibles e as actuacións necesarias para a implantación das iniciativas empresariais, incluídos os de competencia municipal dos concellos adheridos.

b) Todos os formularios e modelos de solicitude de autorización, de comunicación e de declaración responsable asociados a calquera dos procedementos administrativos de implantación das iniciativas empresariais da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, nos cales se indicará a relación da documentación que debe achegar a persoa interesada.

2. Tanto os catálogos como os distintos formularios e modelos mencionados no número anterior deberán figurar permanentemente actualizados.

3. Así mesmo, no portal web da Oficina Económica poderanse realizar as seguintes accións:

a) Presentar de forma electrónica, mediante o acceso ao rexistro electrónico xeral, as solicitudes, a documentación e as comunicacións dirixidas á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e aos concellos adheridos.

b) Acceder á información relativa aos expedientes, de forma que as persoas interesadas poidan comprobar en tempo real o estado de tramitación das súas comunicacións e solicitudes, incluída a emisión dos informes que a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia solicitasen a outras administracións ou ás diferentes consellarías que a integran.

c) Consultar o prazo máximo de emisión dos informes e o sentido do silencio administrativo previstos na correspondente norma reguladora.

d) Consultar as bonificacións das taxas e dos impostos municipais que os concellos adheridos apliquen á implantación das iniciativas empresariais no seu ámbito territorial.

e) Acceder aos modelos de proposta para a mellora da regulación económica e de comunicación de obstáculos e barreiras á competitividade económica que aprobe a Administración autonómica.

Artigo 14. Os catálogos

1. Os catálogos a que se refire o artigo 13 serán elaborados pola consellaría con competencias en materia de economía e empresa, coa colaboración das diferentes consellarías con competencias por razón da materia. Na súa elaboración priorizaranse aqueles sectores de actividade que presenten un maior dinamismo na implantación ou cuxa demanda precise ser acelerada por razóns estratéxicas.

Poderase concertar a elaboración dos contidos dos catálogos cos colexios profesionais, cámaras de comercio, organizacións empresariais e outras entidades representativas dos sectores afectados.

2. Os catálogos serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e as súas modificacións serán aprobadas pola consellaría con competencias en materia de economía e empresa.

3. A aprobación dos catálogos deberá incluír un trámite de audiencia, por un prazo de quince días hábiles, ás distintas consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. No procedemento de elaboración de disposicións normativas autonómicas que incorporen novos trámites para a implantación de iniciativas empresariais deberá xustificarse a súa necesidade de acordo co principio de boa regulación previsto nesta lei. Unha vez aprobada a norma que regule o novo trámite, deberá procederse á actualización do catálogo ou catálogos correspondentes».

Seis. Modifícase a denominación do capítulo II do título II, que pasa a ter a seguinte redacción:

«CAPÍTULO II

Sistema de acompañamento individualizado»

Sete. Modifícase a redacción do artigo 15, que queda do seguinte xeito:

«Artigo 15. Acompañamento individualizado ás iniciativas empresariais

A función de acompañamento individualizado ás iniciativas empresariais poderá ser asignada pola Oficina Económica, en atención á súa especialidade, ademais de ao centro directivo competente en materia de industria, a outros servizos territoriais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico; en concreto, ás oficinas agrarias comarcais, no seu respectivo ámbito de actuación, aos polos de emprendemento, no suposto de que as persoas empresarias teñan a condición de persoas emprendedoras, ou ás cámaras de comercio, aos colexios profesionais e ás asociacións empresariais sen ánimo de lucro que voluntariamente acepten a prestación deste servizo mediante convenio coa consellaría competente en materia de economía e empresa».

Oito. Suprímense os artigos 16, 17, 18, 19 e 20, que quedan sen contido.

Nove. Suprímese a epígrafe e mais o título do capítulo III.

Dez. Modifícase o artigo 21, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Colaboración das distintas consellarías

Nas consellarías ou nas entidades con funcións vinculadas á actividade empresarial serán designadas as persoas que asumirán as funcións de contacto para colaborar coa Oficina Económica no apoio ás empresas nos aspectos máis concretos e especializados do ámbito de competencias de cada unha delas, así como para participar nas comisións ou grupos de traballo de coordinación e impulso que cree a consellaría con competencias en materia de economía e empresa».

Once. Modifícase o número 1 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Acompañamento individual na xestión dos proxectos

1. Co obxecto de lograr un impulso efectivo das iniciativas empresariais que poidan optar á declaración de proxectos industriais estratéxicos, a consellaría con competencias en materia de economía e empresa poderá designar ou contratar xestores de proxecto para prestarlle ao suxeito promotor asistencia na tramitación administrativa e acompañamento e orientación no cumprimento dos distintos trámites».

Doce. Engádese un artigo 31 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 31 bis. Dereitos do público e das persoas interesadas nos procedementos de avaliación ambiental

1. Para os efectos do previsto neste capítulo, aplicaranse as definicións de «público» e de «persoas interesadas» establecidas nas letras f) e g), respectivamente, do número 1 do artigo 5 da Lei 2/2013, do 9 de decembro.

2. De conformidade co disposto nos artigos 6.2 da Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, e 6.2 da Directiva 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2011, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, as persoas interesadas nos procedementos de avaliación ambiental teñen dereito a participar nos procedementos de avaliación ambiental, a través da consulta regulada nos artigos 19, 22, 28, 30, 34, 37 e 38 da Lei 21/2013, do 9 de decembro. En particular, a consulta aos interesados prevista nos artigos 22 e 37 da lei citada efectuarase de forma simultánea ao trámite de información pública.

3. De conformidade co disposto nos artigos 6.2 da Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, e 6.2 da Directiva 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2011, o público ten dereito a participar nos procedementos de avaliación ambiental a través do trámite de información pública, cando resulte preceptivo consonte a Lei 21/2013, do 9 de decembro.

De acordo co establecido na lexislación do procedemento administrativo común, a comparecencia no trámite de información pública dos procedementos de avaliación ambiental non outorga, por si mesma, a condición de persoa interesada. Non obstante, quen presente alegacións ou observacións neste trámite ten dereito a obter do órgano ambiental unha resposta razoada, que poderá ser común para todas aquelas alegacións que susciten cuestións substancialmente iguais.

4. Cando no trámite de información pública comparezan persoas físicas ou xurídicas que non fosen consultadas polos medios previstos no número 1 do artigo 22 ou a notificación prevista no número 3 do artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, e que acrediten cumprir os requisitos establecidos na letra g) do número 1 do artigo 5 da citada lei, serán consideradas persoas interesadas para o efecto do exercicio dos dereitos recoñecidos no número 5 deste artigo.

5. As persoas interesadas teñen dereito a formular alegacións e achegar documentos ou outros elementos de xuízo en calquera momento do procedemento de adopción, aprobación ou autorización do plan, programa ou proxecto, conforme a normativa procedemental aplicable.

Así mesmo, son titulares dos demais dereitos que a lexislación do procedemento administrativo común recoñece ás persoas interesadas nos procedementos administrativos e, en particular, do dereito a solicitar o acceso e a obter copia dos documentos contidos nos devanditos procedementos, tendo en conta, de ser o caso, as limitacións previstas pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE)».

Trece. Modifícase o número 2 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«2. A realización do trámite de información pública notificarase mediante un anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, no que se indicarán os lugares en que se porá á disposición do público por medios electrónicos a documentación do plan, programa ou proxecto e o estudo ambiental estratéxico ou estudo de impacto ambiental elaborado polo suxeito promotor, tendo en conta, de ser o caso, as limitacións previstas pola Lei 27/2006, do 18 de xullo.

Para os efectos de garantir que, consonte os artigos 6.2 e 6.4 da Directiva 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2011, o público estea informado nunha fase inicial do procedemento de toma de decisións ambientais e que o público interesado teña a posibilidade real de participar desde unha fase inicial dos devanditos procedementos, na que están abertas todas as opcións relativas á determinación do contido, extensión e definición do proxecto, o anuncio de información pública enviarase dentro dos dez días hábiles seguintes á recepción do proxecto e do estudo de impacto ambiental por parte do órgano substantivo. Dentro do mesmo prazo de dez días hábiles efectuaranse as consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas.

Nas consultas ás administracións públicas afectadas en que se lles solicite informe indicarase expresamente a posibilidade de requirir, dentro do prazo para emitir aquel, a emenda da documentación presentada polo suxeito promotor».

Catorce. Elimínase o número 5 do artigo 32.

Quince. Modifícase o artigo 57, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 57. Instrumentos específicos de financiamento para os proxectos industriais estratéxicos

1. A consellaría con competencias en materia de economía e empresa, por si mesma ou a través das entidades instrumentais do sector público autonómico dependentes dela, porá á disposición dos suxeitos promotores dos proxectos industriais estratéxicos que así o requiran os instrumentos de financiamento público que contribúan a complementar a estrutura financeira do proxecto ou da iniciativa, que, en todo caso, deberá contar con financiamento privado.

2. Os instrumentos de financiamento público poderán revestir a forma de toma de participacións en capital, préstamos, participativos ou non, garantías, incentivos a fondo perdido, ou unha combinación dos anteriores. Todos os instrumentos de financiamento público referidos e os apoios que puideren prestarse a través deles deberán respectar a regulación sobre axudas de Estado da Unión Europea».

Dezaseis. Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 60, que quedan redactados como segue:

«2. A Comisión estará composta pola Vicepresidencia Primeira, polas consellarías competentes en materia de economía e empresa e de facenda e por aqueloutras consellarías ou centros directivos que se determinen mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia.

3. A presidencia da Comisión corresponderá á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, que poderá delegar na persoa titular da Vicepresidencia. A vicepresidencia da Comisión corresponderá á persoa titular da consellaría competente en materia de economía e empresa. As funcións de secretaría da Comisión corresponderán á persoa titular da dirección xeral competente en materia de fondos europeos».

Dezasete. Modifícanse as letras a), b) e e) do número 1 do artigo 61, que quedan redactadas como segue:

«a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de fondos europeos, que presidirá o Comité».

«b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de orzamentos».

«e) Unha persoa en representación do Igape».

Dezaoito. Suprímese a letra e) do artigo 80.

Dezanove. Modifícase o número 2 do artigo 82, que queda redactado como segue:

«2. A declaración como concello emprendedor formalizarase mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de economía e empresa».

Vinte. Engádese o artigo 82 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 82 bis. Incorporación dos concellos emprendedores á recepción de solicitudes a través do portal web da Oficina Económica

Os concellos declarados como concellos emprendedores poderán voluntariamente, mediante convenio:

a) Incorporar todos os trámites, incluídos os de carácter urbanístico de competencia do respectivo concello, nos formularios e modelos normalizados elaborados para o efecto pola consellaría con competencias en materia de economía e empresa, co obxectivo de axilizar a implantación das novas iniciativas empresariais.

b) Recibir a documentación dirixida ao concello, presentada polos suxeitos promotores a través do portal web da Oficina Económica, os cales recibirán, por esta mesma vía, as notificacións procedentes da Administración municipal.

c) Asumir os mesmos compromisos sinalados no artigo 13 para a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia».

Vinte e un. Engádese unha disposición adicional sétima, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sétima. Punto de contacto para a Unidade de Mercado na Comunidade Autónoma

O punto de contacto para a Unidade de Mercado na Comunidade Autónoma será o centro directivo da consellaría con competencias en materia de economía e empresa que se determine no seu decreto de estrutura orgánica».

Artigo 45. Modificación do Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

O Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o ordinal 1º da letra b) do número 2 do artigo 11, que queda coa seguinte redacción:

«1º. O órgano directivo competente en materia de enerxía e recursos minerais».

Dous. Engádese un ordinal 8º á letra b) do número 2 do artigo 11, coa seguinte redacción:

«8º. O órgano directivo competente en materia de industria».

CAPÍTULO X

Comercio e consumo

Artigo 46. Modificación da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia

A Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 24, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. Cada cámara terá un/unha secretario/a xeral retribuído/a, que deberá contar cunha licenciatura ou titulación universitaria de grao superior ou equivalente».

Dous. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 65, que queda redactada como segue:

«c) As medidas necesarias para garantir que as persoas físicas e xurídicas do ámbito territorial da cámara que se vai extinguir reciban os servizos propios das cámaras. Para estes efectos, abrirase un prazo de dez días hábiles para que as restantes cámaras de Galicia realicen propostas para a asunción das funcións da cámara que se vai extinguir.

A asunción de funcións da cámara que se extingue por outra cámara de Galicia e a conseguinte modificación da demarcación cameral territorial realizarase mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade, por esta orde.

A cámara que asuma tales funcións non quedará, directa ou indirectamente, vinculada polos saldos debedores da cámara en liquidación, dos cales responderá exclusivamente o seu patrimonio. Así mesmo, o exercicio de tales funcións non implicará, en ningún caso, a asunción de ningunha responsabilidade, nin principal nin subsidiaria, en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións realizadas pola cámara en liquidación».

Artigo 47. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias

Engádese un número 5 ao artigo 53 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, coa seguinte redacción:

«5. As organizacións de persoas consumidoras gozarán do dereito de asistencia xurídica gratuíta nos termos establecidos pola Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, ou norma que a substitúa».

Artigo 48. Modificación do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos

Os estatutos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, aprobados polo Decreto 118/2016, do 4 de agosto, quedan modificados como segue:

Un. Modifícase a letra l) do número 2 do artigo 26, que pasa a ter a seguinte redacción:

«l) Realizar as funcións de arbitraxe, tanto de dereito como de equidade, nos termos contidos na normativa vixente na materia».

Dous. Modifícase o artigo 31, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 31. Composición do Pleno

1. O Pleno da Comisión Galega da Competencia está integrado polo presidente ou presidenta e por dous/dúas vogais.

2. O nomeamento dos/das vogais será realizado por orde da consellaría a que estea adscrito o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, entre xuristas, economistas e outros/as profesionais de recoñecido prestixio e experiencia no ámbito de actuación da Comisión, por un período de seis anos non renovable. Ao rematar o prazo do seu mandato, continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do/da novo/a vogal.

3. O cargo de vogal da Comisión Galega da Competencia non exixe dedicación absoluta e, polo tanto, os/as vogais non percibirán retribucións periódicas polo desenvolvemento da súa función, percibindo as compensacións económicas de acordo co establecido no artigo 35 relativo ao seu réxime retributivo. Non obstante, un ou unha dos/das vogais poderá ter dedicación absoluta, e nese caso percibirá unha retribución equivalente á dunha subdirección xeral, percibindo ademais un complemento en función dos informes emitidos, que será determinado polo Pleno para cada anualidade, segundo o orzamento asignado para tal fin, contando co previo informe preceptivo da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. O cargo de vogal do Pleno da Comisión Galega da Competencia é incompatible co exercicio de calquera outro cargo ou actividade que poida comprometer a independencia no exercicio das tarefas que lle son propias e, en particular, con calquera actividade profesional que teña relación directa co ámbito de actuación do organismo. Tampouco poden ser nomeadas vogais as persoas que, directa ou indirectamente, no período de dous anos anteriores á data de nomeamento, comparecesen ante os órganos galegos de defensa da competencia en calidade de persoa interesada ou representante dalgunha persoa interesada. No caso de dedicación absoluta terán, ademais, as incompatibilidades establecidas para a presidencia.

5. Os/as vogais, unha vez que cesasen no cargo, débense abster de intervir nos procedementos iniciados durante o seu mandato.

6. Os/as vogais da Comisión Galega da Competencia estarán sometidos/as ás causas de cesamento e suspensión establecidas para a presidencia.

7. A secretaría do Pleno da Comisión Galega da Competencia será exercida de acordo co establecido no punto 2.b) do artigo 30. A súa designación corresponde á Presidencia, entre os vogais da Comisión ou entre o persoal adscrito á Comisión Galega da Competencia. No caso de non ser un ou unha das vogais, o secretario ou secretaria disporá de voz pero non de voto nos plenos».

CAPÍTULO XI

Xogo e espectáculos públicos

Artigo 49. Modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia

Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 40 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, coa seguinte redacción:

«d) Non será necesario achegar a documentación exixida nos números 2º, 5º e 6º da letra b) nin nos números 1º e 2º da letra c) nos seguintes supostos:

1º) Escenarios ou tablaos de menos de 60 metros cadrados de superficie e dunha altura non superior a 0,50 metros.

2º) Atraccións itinerantes de feira ás que non acceda público, tales como casetas de tiro con arco, tómbolas, máquinas automáticas ou postos de expedición de produtos. Nestes supostos só será exixible a certificación de finalización da instalación ou montaxe subscrita pola persoa responsable da súa realización».

Artigo 50. Modificación da Lei 3/2023, de 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia

A Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra b) do número 2 do artigo 2, que pasa a ter a seguinte redacción:

«b) O xogo do bingo organizado polas residencias da terceira idade e centros de día, polas asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas ou polas comisións de festas legalmente inscritas como asociación, e sempre que se reúnan os seguintes requisitos:

1º. Que as sesións realizadas polas residencias da terceira idade e centros de día, polas asociacións culturais ou deportivas ou polas comisións de festas non superen en ningún caso o límite de catro sesións nun mes.

2º. Que as cantidades xogadas non superen os 1.300 euros por sesión e os premios outorgados non superen os 1.000 euros por sesión. Os premios non poderán ser en metálico nin en especie perecedoira.

3º. Que o xogo se desenvolva a través de medios manuais ou mecánicos sen que en ningún caso interveñan aplicacións informáticas ou programas de software.

4º. Que durante o desenvolvemento da sesión en ningún caso se atopen presentes na sala menores de idade.

5º. Que teñan lugar na propia residencia da terceira idade ou centro de día ou no local que figure como domicilio da correspondente asociación ou comisión de festas.

A asociación, comisión de festas ou a persoa responsable da residencia da terceira idade ou centro de día correspondente deberá presentar, cada vez que pretenda organizar un xogo de bingo nos termos expostos, unha comunicación ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo para os efectos de poder controlar o cumprimento dos requisitos anteriores».

Dous. Modifícase a letra i) do artigo 45, que pasa a ter a seguinte redacción:

«i) Organizar xogos que consten como prohibidos nesta norma sempre que as cantidades xogadas superen os 1.300 euros pero non acaden os 2.000 euros».

Tres. Modifícase a letra k) do artigo 46, que pasa a ter a seguinte redacción:

«k) Organizar xogos que consten como prohibidos nesta norma sempre que as cantidades xogadas non superen os 1.300 euros».

Catro. Engádese un número 3 á disposición transitoria sétima, co seguinte contido:

«3. As máquinas que, a partir da entrada en vigor desta lei, pasen á situación de non instaladas poderán permanecer nesa situación ata que o futuro regulamento desenvolva as causas xustificadas a que fai referencia o artigo 14.7. En ningún caso o número de autorizacións de instalación e localización dunha mesma empresa poderá ser superior ao número de autorizacións de explotación que a dita empresa teña concedidas».

Artigo 51. Modificación do Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen

Suprímese a letra d) do número 3 do artigo 8 do Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

Artigo 52. Modificación do Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos

O Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos, queda modificado como segue:

Un. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 4, que queda coa seguinte redacción:

«b) As previsións da norma UNE-EN 13782:2016. Estruturas temporais. Carpas. Seguridade, ou normas que a substitúan».

Dous. Modifícase o artigo 6, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 6. Requisitos técnicos

As atraccións itinerantes de feira deberán cumprir os requisitos exixidos pola normativa específica aplicable e, en concreto, deberán cumprir os recollidos nas seguintes normas:

a) Norma UNE-EN 13814:2006. Maquinaria e estruturas para parques e feiras de atraccións. Seguridade, ou normas que a substitúan.

b) Norma UNE-EN 14960:2014. Equipamentos de xogo inchables. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio, ou normas que a substitúan.

c) Norma UNE-EN 13782:2016. Estruturas temporais. Carpas. Seguridade, ou normas que a substitúan».

CAPÍTULO XII

Procedemento e organización administrativa

Artigo 53. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 5 do artigo 41, que queda redactado como segue:

«5. De conformidade co disposto na normativa de transparencia, publicarase a relación circunstanciada e motivada dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en tramitación, a partir da aprobación do anteproxecto, indicando o seu obxecto e o estado de tramitación. Así mesmo, informarase da posibilidade que, se é o caso, teñan as persoas de participar nos trámites de audiencia e información pública previstos nesta lei, de acordo co establecido nela, e a forma de o facer».

Dous. Modifícase o número 2 do artigo 43, que queda redactado como segue:

«2. A continuación, emitirá informe a secretaría xeral técnica da consellaría impulsora do proxecto, que, en todo caso, pechará cronoloxicamente os correspondentes a esta etapa, agás que sexa preceptivo o ditame do Consello Consultivo de Galicia de conformidade co exixido pola súa normativa reguladora, caso en que este será o último en solicitarse e emitirse.

Non requirirán ditame do Consello Consultivo de Galicia:

a) Os decretos de estrutura orgánica previstos no artigo 27.1.

b) Os decretos que modifiquen os estatutos das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico regulados no artigo 55.1, cando afecten aspectos puramente organizativos de determinación das competencias e funcións dos órganos da entidade».

Tres. Engádese un novo artigo 44 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 44 bis. Procedemento de tramitación urxente de iniciativas normativas

1. A persoa titular da consellaría en que se encadre o centro directivo que tivese a iniciativa poderá declarar urxente, por proposta deste, a tramitación do procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral de acordo coas especialidades previstas neste precepto, cando concorran circunstancias extraordinarias ou aprecie razóns de interese público que así o exixan. A declaración de urxencia poderá producirse en calquera momento do procedemento de elaboración e os seus efectos serán aplicables aos trámites subseguintes.

2. A declaración de urxencia comportará as especialidades previstas neste precepto respecto do procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral, aplicándose as normas xerais desta lei para o non previsto especificamente.

3. Na fase inicial poderá prescindirse do trámite de consulta pública previa, se se xustifica a concorrencia de calquera dos supostos establecidos no artigo 41.2. A redacción do anteproxecto deberá realizarse no prazo máximo dun mes desde a declaración de urxencia. Para a redacción do anteproxecto solicitarase a colaboración da Asesoría Xurídica Xeral, que se desenvolverá mediante a asistencia aos órganos competentes ou comisións encargados da súa elaboración e redacción, por parte da asesoría xurídica da consellaría en que se encadre o centro directivo que tivese a iniciativa, e do persoal da Asesoría Xurídica Xeral que esta designe.

4. Na fase intermedia aplicaranse as seguintes especialidades:

a) Só se considerarán preceptivos o informe económico-financeiro da consellaría competente en materia de facenda, o informe sobre o impacto por razón de xénero, o informe da consellaría ou consellarías con competencia en materia de administracións públicas e emprego público, previsto no artigo 42.7, así como o informe tecnolóxico e funcional previsto no artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así mesmo, darase traslado do texto proxectado ao órgano de dirección con competencias en materia de dinamización demográfica para que formule, se é o caso, as súas observacións. Estes trámites deberán ser solicitados todos eles simultaneamente e deberán ser cumpridos en todo caso no prazo de dez días hábiles. No caso de que estes informes non sexan emitidos no prazo indicado deberá continuarse o procedemento, sen prexuízo de que se incorporen a el e da súa consideración antes da aprobación definitiva do proxecto cando sexan emitidos.

Só se solicitarán outros informes ou ditames distintos dos expresados neste apartado cando sexan preceptivos en virtude dunha norma autonómica con rango de lei. Estes informes ou ditames solicitaranse tamén de forma simultánea, xunto cos informes previstos neste apartado, e os prazos legais de emisión reduciranse á metade. No caso de que estes informes no foren emitidos no prazo indicado será aplicable o previsto no parágrafo anterior.

O disposto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do que estableza a normativa estatal respecto dos informes ou ditames que sexan exixibles.

b) O trámite de audiencia e de información pública, cando sexa preceptivo, poderá ser abreviado ata sete días hábiles, sen prexuízo da posible omisión do dito trámite cando graves razóns de interese público así o exixan, de acordo co establecido no artigo 42.5.

5. Na fase final aplicaranse as seguintes especialidades:

a) O informe da Asesoría Xurídica Xeral sobre o proxecto, dada a súa participación no procedemento de redacción, poderá consistir, no caso de conformidade coa súa redacción final, nun pronunciamento sucinto no que se faga referencia a esa participación e se manifeste que, ao seu xuízo, o proxecto se axusta á legalidade e á técnica normativa. O informe deberá emitirse no prazo de dez días hábiles. No caso de que non sexa emitido no prazo indicado deberá continuarse o procedemento, sen prexuízo de que se incorpore a el e da súa consideración antes da aprobación definitiva do proxecto cando sexan emitidos.

b) Cando sexa preceptivo o ditame do Consello Consultivo de Galicia de conformidade co exixido pola súa normativa reguladora, farase constar na solicitude de forma motivada as razóns de urxencia. O prazo para emitir o ditame será de quince días hábiles, salvo que excepcionalmente a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou o Consello da Xunta fixaren un prazo menor».

Catro. Engádese unha nova disposición adicional décimo sexta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo sexta. Comisións encargadas da redacción das normas

1. Para contribuír ao obxectivo de cumprir os principios de racionalización, simplificación e mellora da calidade normativa, unha vez iniciado o procedemento de elaboración de anteproxectos de lei ou de disposicións administrativas de carácter xeral, para a redacción do correspondente anteproxecto de norma constituirase unha comisión coa composición que determine o centro directivo que tivese a iniciativa e na que se integrará, polo menos, a persoa titular da secretaría xeral técnica da correspondente consellaría. Para a redacción do anteproxecto solicitarase a colaboración da Asesoría Xurídica Xeral, que se desenvolverá mediante a asistencia á comisión da asesoría xurídica da consellaría en que se encadre o centro directivo que tivese a iniciativa, e do persoal da Asesoría Xurídica Xeral que esta designe. Así mesmo, a Asesoría Xurídica Xeral poderá indicar a necesidade de integrar persoas representantes das consellarías cuxas competencias puideren verse afectadas pola iniciativa normativa.

2. En particular, corresponderanlle á secretaría xeral técnica da consellaría en que se integre o centro directivo que tivese a iniciativa as funcións de auxiliar a comisión e de velar polo impulso do procedemento de elaboración da disposición e pola emisión dos informes preceptivos nos prazos legais e o seu traslado á comisión para que se teñan en conta na redacción.

3. As comisións encargadas da redacción das normas consideraranse como grupos de traballo constituídos para un fin determinado e non terán, por tanto, a natureza de órganos colexiados, para os efectos do disposto nesta lei.

4. Non será precisa a constitución da comisión no caso das normas orzamentarias ou organizativas, cando así se exceptúe pola escasa complexidade da iniciativa normativa ou cando a proposta regule aspectos meramente parciais dunha materia, e así se xustifique no expediente. O disposto neste número entenderase sen prexuízo da asistencia da Asesoría Xurídica Xeral aos órganos competentes para a elaboración e redacción do anteproxecto, para cuxos efectos se deberá comunicar a esta a existencia da iniciativa normativa para que poida designar, de ser o caso, o persoal letrado que levará a cabo a referida asistencia».

Artigo 54. Modificación da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno

A Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 1, que queda redactado como segue:

«2. Así mesmo, é obxecto desta lei regular o sistema de integridade institucional do sector público autonómico e establecer o réxime xurídico das obrigas de bo goberno que debe cumprir o sector público autonómico, así como as persoas que ocupen altos cargos nel, incluíndo o seu réxime de incompatibilidades, de conflito de intereses e de control dos seus bens patrimoniais».

Dous. Modifícase o artigo 9, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Obrigas específicas de información de relevancia xurídica

1. Ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia, os suxeitos citados no artigo 3.1.a), no ámbito das súas competencias, tamén publicarán:

a) A relación da normativa vixente na súa versión consolidada.

b) Os textos das resolucións xudiciais firmes que afecten a vixencia ou interpretación das normas ditadas pola Administración pública competente.

c) A relación circunstanciada e motivada dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en tramitación, a partir da aprobación do anteproxecto, indicando o seu obxecto e o estado de tramitación. Así mesmo, informarase da posibilidade que, se é o caso, teñan as persoas de participar nos trámites de audiencia e información pública previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de acordo co establecido nela, e a forma de o facer.

2. En particular, os suxeitos citados no artigo 3.1.a), no ámbito das súas competencias, publicarán os anteproxectos de lei e os proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral cando se soliciten os ditames aos órganos consultivos correspondentes, sen que iso supoña a apertura dun trámite de audiencia pública. No caso en que non sexa preceptivo ningún ditame a publicación realizarase no momento da súa aprobación».

Tres. Engádese un novo capítulo III no título II, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO III

Sistema de integridade institucional do sector público autonómico

Artigo 51 bis. Ámbito de aplicación

1. As previsións contidas neste capítulo serán aplicables á Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia e ás entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico, así como a todas as persoas físicas e xurídicas nas súas relacións con elas no que lles resulte aplicable.

2. Así mesmo, tamén resultará aplicable ás persoas físicas ou xurídicas que presenten calquera denuncia en materia de posibles incumprimentos ou condutas contrarias ao sistema de integridade institucional.

Artigo 51 ter. O Sistema autonómico de integridade institucional

1. A integridade institucional configúrase como o marco de comportamento ético das persoas que teñan a consideración de alto cargo e persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público autonómico establecido nesta lei, na normativa aplicable en materia de persoal e nos instrumentos que se relacionan nos números seguintes deste artigo.

2. O Sistema autonómico de integridade institucional está conformado polo Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión, o Código ético institucional e os plans de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, ou documentos que os substitúan.

3. O Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión configúrase como o instrumento principal a través do cal se establecen os obxectivos e as liñas básicas do Sistema de integridade institucional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público. Ten carácter plurianual e a súa aprobación e actualización corresponde ao Consello da Xunta de Galicia.

4. O Código ético institucional do sector público autonómico recolle os criterios básicos de conduta e responsabilidade profesional por parte dos altos cargos e do seu persoal empregado público. A súa aprobación e actualización corresponde ao Consello da Xunta de Galicia.

5. Os plans de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude configúranse como os documentos a través dos cales se procederá a realizar a identificación e avaliación dos riscos de xestión existentes, así como as medidas adoptadas, ou que se adoptarán, para minimizar ou eliminar tales riscos.

Existirá un plan xeral de prevención de riscos de xestión do sector público autonómico e un plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude en cada consellaría, que incluirá os dos seus centros directivos dependentes e entidades instrumentais adscritas.

6. O plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude configura o marco xeral para a identificación dos riscos de xestión e das medidas para a súa eliminación ou mitigación. A súa aprobación e actualización corresponde ao Consello da Xunta de Galicia.

7. Os plans específicos de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude de cada consellaría agruparán os dos seus centros directivos dependentes e entidades instrumentais adscritas.

En todo caso, a súa aprobación e actualización corresponderá á persoa titular da consellaría respectiva, por proposta da persoa titular de cada un dos centros directivos e entidades instrumentais adscritas.

Artigo 51 quater. O Sistema interno de información no sector público autonómico

1. Para os efectos recollidos na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, de protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Sistema interno de información da Xunta de Galicia configúrase como a canle preferente para informar sobre as accións ou omisións previstas no artigo 2 da dita lei, sempre que se poida tratar de modo efectivo a infracción e se a persoa informante considera que non existe risco de represalia.

Así mesmo, as entidades do sector público autonómico que conten con menos de 50 persoas traballadoras poderán compartir coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o dito sistema interno de información.

2. O Sistema interno de información da Xunta de Galicia xestiónase baixo a responsabilidade do centro directivo competente en materia de integridade institucional.

3. As entidades do sector público autonómico que conten con 50 ou máis persoas traballadoras contarán cos seus propios sistemas internos de información, independentes e autónomos respecto aos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e contarán co seu propio responsable do sistema.

4. En todo caso, todos os sistemas internos de información implantados no sector público autonómico de Galicia contarán cunha canle de información que permita comunicar información sobre as infraccións previstas no artigo 2 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro. Esta comunicación poderá realizarse por escrito ou verbalmente, e mesmo de xeito anónimo.

5. No deseño e xestión dos sistemas internos de información regulados neste artigo garantirase a confidencialidade da identidade da persoa informante, así como de calquera terceira persoa mencionada na súa comunicación, e das actuacións que se desenvolvan para decidir o seu tratamento».

Catro. Engádese un novo capítulo IV no título II, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO IV

Mecanismos externos de comunicación de informacións e de protección
da persoa informadora na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 51 quinquies. Ámbito de aplicación

1. As previsións contidas neste capítulo serán aplicables:

a) Á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás entidades instrumentais do seu sector público.

b) Ás entidades que integran a Administración local no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ás universidades do Sistema Universitario de Galicia e ás entidades vinculadas ou dependentes delas.

d) Ao Parlamento de Galicia, ao Consello Consultivo, ao Valedor do Pobo, ao Consello de Contas, ao Consello Económico e Social, ao Consello Galego de Relacións Laborais e ao Consello da Cultura Galega.

2. Así mesmo, tamén serán aplicables ás entidades do sector privado na medida en que as informacións ou feitos comunicados se circunscriban de modo exclusivo ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 51 sexies. Creación da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante

1. Créase a Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante, que se adscribe ao Valedor do Pobo. Exercerá as súas funcións con plena autonomía e independencia, sen que en ningún caso poida recibir indicacións ou instrucións de calquera órgano, autoridade pública ou entidade privada.

Calquera persoa física poderá informar ante a Autoridade de Protección da Persoa Informante deste artigo da comisión das accións ou omisións previstas no artigo 2 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, de protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, que afecten as entidades previstas nos números 1 e 2 do artigo 51 quinquies.

2. Na xestión destas comunicacións respectaranse todas as garantías procedementais e de protección e apoio á persoa informante, así como todos os dereitos das persoas afectadas polas informacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.

3. De acordo co previsto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, as canles internas no sector público e privado de Galicia terán a consideración de preferentes para informar sobre as accións ou omisións normativas, sempre que se poida tratar de forma efectiva a infracción e se o denunciante considera que non existe risco de represalia, sen prexuízo da posibilidade de acudir directamente á canle externa.

4. A Autoridade réxese polo disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, no que lle resulte aplicable, e polo disposto nesta lei e na correspondente normativa de desenvolvemento.

Artigo 51 septies. Composición e funcións da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante

1. A Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante é un órgano colexiado constituído da seguinte forma:

– Presidencia: a persoa titular do Valedor do Pobo.

– Persoas vogais: a persoa titular da Consellaría Maior do Consello de Contas, a persoa titular da presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais, a persoa titular da secretaría xeral do Valedor do Pobo e a persoa titular da secretaría da Comisión da Transparencia, que exercerá as funcións de secretaria ou secretario, con voz e voto.

As persoas titulares poderán designar persoas suplentes. Os nomes das persoas titulares e suplentes deben figurar no portal de transparencia e na páxina web da Autoridade.

2. Nos debates das sesións plenarias a Autoridade poderá valerse do asesoramento de persoal técnico das institucións que compoñen o Pleno, cando o considere de utilidade para a achega do seu criterio sobre as materias obxecto de debate.

3. A Autoridade exercerá as seguintes funcións:

a) A adopción das medidas de protección previstas na Lei 2/2023, de 20 de febreiro, no seu ámbito de competencias.

b) A xestión da canle externa de comunicacións.

c) A instrución e decisión relativas ás informacións e comunicacións previstas na Lei 2/2023, do 20 de febreiro.

d) A tramitación e resolución dos procedementos sancionadores e a imposición de sancións polas infraccións, de acordo coa Lei 2/2023, do 20 de febreiro.

e) O fortalecemento da cultura da información, dos mecanismos de promoción e defensa da integridade das organizacións e o fomento da cultura da información ou comunicación como mecanismo para previr e detectar ameazas en materia de fraude ou corrupción.

f) A aprobación de normas de organización e funcionamento.

g) A elaboración e aprobación dun informe anual sobre a actividade da Autoridade, o cal se incluirá no presentado anualmente polo Valedor do Pobo ante o Parlamento de Galicia, debidamente separado. Conterá, polo menos, o número e a natureza das comunicacións presentadas, as que foron obxecto de investigación, o seu resultado e o número de procedementos abertos.

h) As demais funcións que prevexa a Lei 2/2023, do 20 de febreiro, sempre que se refiran ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A Autoridade actuará con separación das súas funcións respecto das outras que corresponden ao Valedor do Pobo ou aos seus órganos adscritos. Porén, disporá dos medios persoais e materiais desta institución e dos que se poidan crear de acordo con esta lei.

Artigo 51 octies. Funcións do Pleno e da persoa titular da presidencia da Autoridade

1. Corresponden ao Pleno da Autoridade as funcións previstas nas letras e) e g) do artigo anterior; no relativo ás definidas na letra c), o trámite de admisión e a decisión sobre terminación das actuacións, de acordo coa lexislación básica; e no relativo á letra d), a resolución dos procedementos sancionadores.

2. Corresponden á persoa titular da presidencia da Autoridade as funcións previstas nas letras a), b), f) e h) do artigo anterior; no relativo ás definidas na letra c), a instrución, de acordo coa lexislación básica; e no relativo á letra d), a incoación dos procedementos sancionadores e a garantía da separación funcional entre a fase instrutora, que corresponderá ao persoal técnico da Autoridade, e a resolutoria, que corresponderá ao Pleno.

Artigo 51 nonies. Colaboración coa Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante

1. Os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación deste capítulo prestarán a colaboración necesaria á Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante para o correcto desenvolvemento das súas funcións, facilitando a información que lles solicite no seu respectivo ámbito de competencias.

2. A Autoridade poderá solicitar valoracións periciais ou técnicas sobre os feitos contidos nas informacións ou comunicacións ao sector público autonómico ou local ou aos órganos estatutarios cando poidan achegalos pola súa competencia na materia obxecto da instrución. Deberán achegarse no prazo dun mes desde a súa solicitude.

Artigo 51 decies. Réxime do persoal

O persoal ao servizo da Autoridade integrarase na relación de postos de traballo do Valedor do Pobo, aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia por proposta do Valedor do Pobo. O Valedor do Pobo poderá nomear, para o exercicio das funcións previstas neste capítulo, persoal asesor adicional ao establecido no artigo 10 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, con respecto dos límites orzamentarios e progresivamente en función da carga de traballo».

Cinco. Engádese unha nova disposición adicional oitava, que queda redactada coma segue:

«Disposición adicional oitava. Denominacións institucionais con perspectiva de xénero

As referencias que se conteñen no capítulo IV do título II desta lei ao valedor do pobo deberán entenderse referidas tamén, se é o caso, á valedora do pobo».

CAPÍTULO XIII

Réxime financeiro e orzamentario

Artigo 55. Modificación do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

Engádese un novo número ao artigo 97 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o que afecta a numeración anterior, de modo que os números 6 e 7 quedan redactados como segue:

«6. Nos termos que se determinen por resolución da persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá acordarse que a comprobación das cuestións obxecto de verificación, tanto en réxime xeral como en réxime de fiscalización limitada, se realice mediante validacións efectuadas de modo automático, a través das aplicacións informáticas que dan soporte aos sistemas de control.

7. A fiscalización previa dos dereitos será substituída pola inherente á toma de razón en contabilidade, e estableceranse as actuacións comprobatorias posteriores que determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma».

Artigo 56. Modificación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Engádese unha nova letra c) no número 2 do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. Non poderán outorgarse subvencións por contía superior á que se determine na convocatoria sen que se realice unha nova convocatoria, salvo que se produza o incremento dos créditos derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2».

Disposición adicional primeira. Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2024

Para os efectos de garantir a dispoñibilidade de persoal de perfil sanitario nas listas de contratación de persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal que presta servizos de atención directa ás persoas usuarias, adóptanse as seguintes medidas:

1. No suposto de non existiren aspirantes nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario na escala de facultativos especialidade de medicina (subgrupo A1), na escala de técnicos facultativos especialidade de enfermaría (subgrupo A2) e na escala de auxiliares de clínica (subgrupo C2), poderase:

a) acudir aos integrantes das listas que solicitaron a inclusión durante o ano en curso, no caso de que non estean publicadas as listas definitivas e lles corresponda ser admitidos; ou

b) acudir opcionalmente á relación de penalizados da categoría profesional, corpo ou escala correspondente que solicitaron a reincorporación; ou

c) acudir á relación de penalizados que non solicitaron a reincorporación; ou

d) solicitarse directamente do Servizo Público de Emprego.

2. Ademais, en postos pertencentes á categoría profesional de auxiliar de clínica (grupo IV, categoría 3), ou en postos pertencentes á escala de auxiliares de clínica (subgrupo C2), poderase acudir a persoal doutras listas de contratación temporal do grupo IV que estean en posesión do título de formación profesional de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou equivalente.

Excepcionalmente, no caso de que non for posible a cobertura de postos da categoría profesional de auxiliar de clínica (IV-3) polos procedementos previstos nos parágrafos anteriores, poderán seleccionarse candidatos que teñan cursados e superados os estudos correspondentes para a obtención do título de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou equivalente, e o acrediten documentalmente, sempre que cumpran o resto dos requisitos exixidos para o acceso á categoría ou escala.

3. Cando, pola inexistencia de persoal integrante das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II, e 3 do grupo IV, ou para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, non existan candidatos que estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega correspondente, poderán ser seleccionados candidatos ou candidatas que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos exixidos para o acceso á categoría de que se trate.

4. O período de penalización nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia terá unha duración de seis meses.

5. A solicitude de reincorporación formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, por non estaren prestando servizos a través delas, producirá efectos ao día seguinte ao da súa presentación.

6. O establecido nesta disposición ten vixencia limitada ao ano 2024.

Disposición adicional segunda. Medidas de favorecemento da contratación e formación continua do persoal laboral fixo-descontinuo empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público durante os seus períodos de inactividade

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá, no marco das súas competencias, medidas para favorecer a contratación e formación continua do persoal laboral fixo-descontinuo empregado público da indicada administración e do seu sector público. En particular, estas medidas poderán consistir na promoción da incorporación deste persoal durante os períodos de inactividade ás distintas listas de contratación de persoal laboral existentes no sector público autonómico, para a súa contratación nestes períodos, todo isto sen prexuízo das obrigas da Administración en materia de contratación e chamamento efectivo deste persoal nos termos previstos na lexislación laboral.

2. Para os efectos do disposto nesta disposición, durante os períodos de inactividade, tendo en conta o non desempeño efectivo ou exercicio dun posto de traballo, cargo ou actividade na Administración e sector público autonómico, non serán aplicables ao persoal laboral fixo-descontinuo indicado no número anterior as limitacións derivadas do establecido na normativa de incompatibilidades en canto ao desempeño dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público ou remuneración con cargo aos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público, sen prexuízo do establecido no artigo 1.3 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Así mesmo, nos períodos de inactividade será aplicable o establecido na normativa de incompatibilidades en canto á realización de actividades privadas, polo que se requirirá o recoñecemento de compatibilidade de acordo co establecido na indicada normativa, sen que sexa aplicable o establecido no artigo 16 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, tendo en conta a non percepción de retribucións pola relación fixa-descontinua durante o indicado período de inactividade.

Esta disposición entenderase sen prexuízo da aplicación da normativa de incompatibilidades, de acordo co disposto nela, no momento da súa contratación por parte da Administración autonómica ou dunha entidade do seu sector público no marco do establecido no número 1 desta disposición, ou no momento en que se produza o novo chamamento como fixo-descontinuo por parte delas e finalice, polo tanto, o período de inactividade.

Disposición adicional terceira. Actuación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como encargada do tratamento dos datos persoais

1. Nos casos en que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para o exercicio das competencias e funcións que lle son propias ao abeiro do artigo 9 do seu estatuto, realice un tratamento de datos persoais por conta das consellarías e entidades instrumentais do sector público autonómico, actuará como encargada do tratamento consonte o establecido no artigo 28 e concordantes do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos). Nestes casos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asumirá a condición e as competencias propias dun encargado do tratamento, de conformidade co establecido no artigo 33.5 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. De acordo co artigo 28.3 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 e o artigo 33.5 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na súa condición de encargada do tratamento dos datos persoais que son responsabilidade das consellarías e entidades instrumentais do sector público autonómico, actuará de conformidade coas seguintes condicións:

a) Tratará os datos persoais unicamente seguindo as instrucións documentadas do responsable do tratamento.

b) Garantirá que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometeron a respectar a confidencialidade ou están suxeitas a unha obriga de confidencialidade de natureza estatutaria derivada da súa condición de empregadas públicas.

c) Tomará as medidas de seguridade apropiadas para garantir un nivel de seguridade adecuado ao risco.

d) Asistirá o responsable do tratamento, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, sempre que sexa posible, para que este poida cumprir coa súa obriga de responder ás solicitudes que teñan por obxecto o exercicio dos dereitos das persoas interesadas recoñecidos polo Regulamento xeral de protección de datos.

e) Colaborará co responsable do tratamento na notificación das violacións de seguridade ás autoridades competentes e, se for o caso, ás persoas interesadas.

f) Dará apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control cando corresponda.

g) Na medida en que o permita a lexislación vixente, seguirá as instrucións do responsable do tratamento no relativo á supresión ou conservación dos datos persoais. Con todo, poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se puideren derivar responsabilidades da súa relación co responsable do tratamento.

h) Poñerá á disposición do responsable do tratamento toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigas, así como os resultados das auditorías que afecten os tratamentos do responsable e informará inmediatamente este último se, na súa opinión, unha instrución infrinxe o Regulamento xeral de protección de datos ou outras disposicións na materia.

3. Os tipos de datos persoais que serán tratados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na súa condición de encargada do tratamento, que poderán incluír nalgúns casos datos de categorías especiais, así como as categorías de persoas interesadas ou afectadas polo tratamento dos datos, serán os necesarios para o obxecto de cada encargo, especificados, cando sexa o caso, nas instrucións do responsable do tratamento e reflectidos no correspondente rexistro das actividades de tratamento.

4. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poderá recorrer a outros encargados do tratamento para a adecuada prestación do obxecto do seu encargo, dando cumprimento ao disposto nos apartados 2 e 4 do artigo 28 do Regulamento xeral de protección de datos.

Para estes efectos, corresponderalle á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como encargada inicial, formalizar a relación cos subencargados, que quedarán sometidos ás mesmas obrigas de protección de datos que as previstas para a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en particular no referente á aplicación de medidas técnicas e organizativas apropiadas de maneira que o tratamento sexa conforme coa normativa vixente en materia de protección de datos.

Disposición adicional cuarta. Comezo do exercicio das funcións da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante

1. A Autoridade comezará o exercicio das súas funcións aos dez meses da entrada en vigor desta lei.

2. Mentres tanto, o Valedor do Pobo aprobará ou impulsará as medidas necesarias para dotar a Autoridade dos medios persoais e materiais precisos para o exercicio das súas funcións. Para estes efectos, habilítase o Valedor do Pobo para aprobar ou impulsar as devanditas medidas.

3. Para o financiamento dos medios precisos, no exercicio 2024 o Valedor do Pobo poderá habilitar recursos do seu remanente, coa previa autorización da Mesa do Parlamento de Galicia. Ao finalizar ese exercicio, o gasto deberá estar consignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, na sección correspondente ao Valedor do Pobo.

Disposición adicional quinta. Aplicación dos criterios do artigo 153 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ás actuacións de reposición da legalidade competencia dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico

O disposto no parágrafo segundo do artigo 153.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, na redacción dada por esta lei, é aplicable a todas as actuacións de reposición da legalidade competencia dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que afecten as obras executadas sen o título habilitante exixible segundo a lexislación aplicable ou incumprindo as condicións sinaladas neste.

Disposición transitoria primeira. Convenios de adhesión dos municipios integrados na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

O establecido no artigo 10.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sobre a vixencia dos convenios de adhesión, será aplicable aos convenios existentes no momento de entrada en vigor desta lei, con independencia do tempo transcorrido desde a adhesión, sempre que o municipio continúe integrado na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Disposición transitoria segunda. Procedementos de reposición da legalidade en tramitación ou non finalizados por resolución firme en vía administrativa

A nova redacción dada ao artigo 153 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, será aplicable aos procedementos de reposición da legalidade que se atopen en tramitación na data de entrada en vigor desta lei ou nos que recaese resolución administrativa que na data indicada aínda non sexa definitiva na vía administrativa.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificacións regulamentarias

As previsións contidas nos seguintes decretos, que son obxecto de modificación por esta lei, poderán ser modificadas por norma do rango regulamentario correspondente á norma en que figuran:

a) Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

b) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

c) Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

d) Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.

e) Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade.

f) Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos.

g) Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

h) Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

i) Decreto 24/2022, do 3 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

j) Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos.

k) Decreto 21/2023, do 2 de marzo, polo que se modifica o Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume, e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

1. Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024.

2. Exceptúase do disposto no número anterior e producirán efectos desde o 1 de xaneiro de 2023:

a) A dedución para familias con fillos e fillas, regulada no artigo 5.Tres do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na nova redacción dada polo artigo 3.Un desta lei.

b) A disposición transitoria terceira do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, introducida polo artigo 5 desta lei.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente