DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71834

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2023 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215B).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no artigo 3 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, centraliza os programas de apoio destinados a empresas e industrias culturais privadas do sector audiovisual.

Un dos obxectivos da Axencia é consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador fomentado a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego. Ao mesmo tempo, quere promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega e lingua galegas como elementos singulares a novos mercados. Así, tal como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos, a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía como manifestación artística e expresión creativa, que é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto coa súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, se acha presente en todos os ámbitos da sociedade actual.

Con estas axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando un marco de actuación cultural sustentado no impulso do sector audiovisual galego para a comunidade, consolidando industrias audiovisuais rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos e, ao tempo, impulsando e convertendo o sector audiovisual en estratéxico para a comunidade, buscando a excelencia dos produtos culturais coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

Por todo iso na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, resolvo aprobar a convocatoria pública de subvencións e as bases aos festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia, para o ano 2024, de conformidade cos seguintes artigos.

De acordo co anterior

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215B).

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade nos orzamentos 2024 do ente. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2023 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producirán aqueles.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Segundo. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas.

Terceiro. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 11. Así mesmo, deberá cumprir cos requisitos dos artigos 5 e 6 das bases reguladoras e a solicitude será cualificada conforme os criterios establecidos no artigo 17 debendo acadar a puntuación mínima establecida de 30 puntos.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva que non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte á presentación da solicitude.

Quinto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais https://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo
https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Sexto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Sétimo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas para festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT215B)

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases é regular ás subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), para o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT215B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e a difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Artigo 2. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode superar o 100 % do custo do evento.

4. Nos anexos desta resolución figuran as declaracións das axudas de minimis, así como doutras axudas percibidas polo solicitante.

5. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 3. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia pola que se convocan para o ano 2024; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 4. Persoas beneficiarias da subvención

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 5. Requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición persoas beneficiarias aquelas persoas ou entidades enumeradas no artigo 4 que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención e concorran as circunstancias previstas na presente convocatoria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

3. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación.

4. Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas das entidades locais en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

5. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

Artigo 6. Requisitos dos festivais para optar as axudas

1. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024, ambos os días incluídos.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2024 e que se desenvolvan máis do 50 % das actividades dentro deste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 30 puntos, segundo o disposto no artigo 17.2, resultando excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación.

f) As actividades para desenvolver obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2023 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderase condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producisen aqueles.

3. Para a concesión destas subvencións destinase un crédito global de 300.000 euros, código de proxecto 2015-00003 repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

10.A1.432B.460.0: 50.000 euros (entidades locais).

10.A1.432B.470.0: 35.000 euros (empresas).

10.A1.432B.481.0: 215.000 euros (asociacións).

Ao estar distribuída a contía total máxima anual das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

5. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival non poderá exceder o 30 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local, e o 50 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades locais resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

6. A contía máxima que se poderá solicitar é de 50.000 euros.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se realicen dentro do período subvencionable, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2023 ata a data de remate da xustificación, o 31 de outubro de 2024, e que o período en que se poden celebrar os festivais, e se inclúan entre os seguintes:

1.1. Gastos relativos ás proxeccións presenciais: alugamento de espazos e equipamentos de proxección, son e iluminación, e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.2. Gastos relativos á creación, desenvolvemento e xestión de contornas dixitais para a realización de actividades virtuais durante a celebración do evento: contratación de tecnoloxía, servizos de plataformas, aloxamento de espazos e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.3. Xestión de películas: dereitos de exhibición, subtitulado estándar e transporte de copias.

1.4. Promoción e difusión: materiais de prensa e publicidade, contratación de espazos publicitarios, publicacións e outros relacionados que se poidan detallar e xustificar.

1.5. Xestión de invitados: loxística de traslados e aloxamentos en medios de transporte colectivo con pasaxes de turista ou equivalente e cun máximo de 130 euros por persoa e día en pernoctacións e manutención.

1.6. Galardóns en cuxa convocatoria e publicidade constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuíñas, galardóns ou similares, e cantidades monetarias cun límite total de 4.000 euros, impostos e retencións fiscais incluídos, que se entreguen como premios do festival.

1.7. Gastos de persoal: serán subvencionables os gastos do persoal que teña subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada, sempre que non superen o 40 % do orzamento total do certame. Cando exista unha relación mercantil entre a entidade solicitante e o persoal autónomo, deberá acompañarse o contrato correspondente e a súa factura; se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto co contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social. Nesta epígrafe inclúense, entre outras, as tarefas de dirección, programación e organización.

1.8. Gastos de servizos derivados directamente da execución do certame, entre outros os relacionados coa produción, servizo técnico, prensa e comunicación, protocolo e relacións públicas, presentación de contidos e aqueles non especificados que se poidan xustificar.

1.9. Gastos xerais non recollidos entre os gastos anteriores e directamente relacionados coa actividade, co límite máximo do 10 % da suma deles.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Os gastos de soldos, salarios ou calquera outro tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora do festival que non estean contratadas especificamente para as actividades de dirección artística e organización do festival. En ningún caso serán subvencionables os soldos e salarios do persoal da entidade promotora cando esta sexa unha entidade local.

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

– Premios que consistan en entrega de cantidades monetarias que excedan do límite de 4.000 euros.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta resolución de subvencións, que sexan persoas físicas, encádranse nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica, profesional e funcional que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medos electrónicos e, polo tanto, teñen a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 10. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

A) Persoas xurídicas privadas:

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

B) Entidades locais:

1.1. Acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2022.

1.2. Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria da entidade local solicitante, en que se faga constar o acordo do concello polo que se solicita a subvención, así como o compromiso de financiar o importe ou parte non subvencionable obxecto da actividade ata o importe total de execución.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación específica:

2.1. Ficha do proxecto debidamente cuberto e asinado (anexo III).

2.2. Segundo a orde que se especifica e sen información adicional, os seguintes datos relativos á edición do certame inmediatamente anterior ao da convocatoria:

2.2.1. Relación de obras audiovisuais galegas presentadas cun mínimo do 20 % de produción galega acreditada e/ou de autoría galega (director/a de orixe galega ou con máis de dous anos de residencia acreditada en Galicia), coa ficha técnica correspondente en que consten: o formato, a duración, a autoría, o ano de produción, e, de ser o caso, a empresa produtora galega e a porcentaxe de participación.

2.2.2. Documentación que acredite as seccións competitivas con premio económico ofertadas, de ser o caso.

2.2.3. Documentación que acredite a celebración de programas complementarios de carácter profesional directamente relacionados co ámbito audiovisual que individualmente ou en conxunto tivesen como mínimo tres horas de duración (obradoiros, ciclos de conferencias, mesas de traballo, outros a detallar), de ser o caso.

2.2.4. Documentación que acredite a realización de actividades relacionadas coa educación audiovisual e a formación de novos públicos.

2.2.5. Documentación acreditativa dos ingresos procedentes de patrocinios privados, venda de entradas, inscrición en actividades e venda de produtos propios do certame (asentos na contabilidade oficial, facturas, ingresos bancarios).

2.3. Memoria da edición inmediatamente anterior á da convocatoria en que se detallen exclusivamente aspectos relativos aos que se describen no punto 1 do artigo 17, letra B) das presentes bases. Poderase achegar un documento complementario á memoria da edición anterior con información adicional que a persoa beneficiaria considere relevante para unha mellor defensa da solicitude.

2.4. Memoria do proxecto que se presenta para a edición desta convocatoria en que se detallen exclusivamente aspectos relativos aos que se describen no punto 1 do artigo 17, letra c).1 das presentes bases. Poderase achegar un documento complementario á memoria do proxecto con información adicional que a persoa beneficiaria considere relevante para unha mellor defensa da solicitude.

2.5. Descrición da estratexia de comunicación e impactos en redes sociais e outras plataformas deseñada para a difusión da edición do certame que se presenta á convocatoria.

2.6. Descrición da estratexia de captación de recursos públicos e privados, deseñada para cumprir o plan de financiamento da edición do certame que se presenta á convocatoria.

2.7. Memoria económico-financeira (anexo IV) co orzamento completo e detallado dos gastos subvencionables sinalados no artigo 8 e a previsión doutros ingresos públicos e privados. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.

2.8. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

2.9. Autoavaliación (anexo V).

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Concesión de subvencións e axudas.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos e información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais expertas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

3. De conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario para a reformulación da súa solicitude mediante a presentación dun novo anexo IV (memoria económico-financeira) e unha nova memoria do proxecto, segundo o establecido no artigo 11 desta convocatoria.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes respectará o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos na convocatoria.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, e estará constituída por:

a) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual e/ou cultural en xeral, entre as que se nomeará o/a presidente/a.

b) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales exercerá as función de secretario/a, con voz pero sen dereito a voto.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. A Comisión de Avaliación levantará acta indicando entre outros aspectos, o xeito de puntuar os criterios subxectivos, e elaborará un informe preceptivo que será motivado, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles.

Artigo 17. Valoración das solicitudes e puntuacións mínimas necesarias para acadar a subvención

1. A puntuación máxima das solicitudes será de 80 puntos, que serán outorgados segundo os seguintes criterios de valoración:

A) Historial do certame e valoración obxectiva da edición inmediatamente anterior á

convocatoria

25 puntos

1. Antigüidade do festival

Máximo 6 puntos

– Entre 5 e 10 anos

2 puntos

– Mais de 10 anos e ata 15 anos

4 puntos

– Máis de 15 anos

6 puntos

2. Contribución ao fortalecemento do sector audiovisual galego: número de obras de produción ou autoría galega presentadas (mínimo do 20 % de propiedade da obra por parte dunha produtora con domicilio social en Galicia ou director/a de orixe galega ou con máis de dous anos de residencia acreditada en Galicia)

Máximo 4 puntos

– Curtametraxes

0,25 puntos

– Longametraxes

1 punto

3. Número de seccións competitivas ofertadas con premio económico: 1 punto por cada sección

Máximo 3 puntos

4. Programas complementarios de carácter profesional directamente relacionados co ámbito audiovisual que, individualmente ou en conxunto, teñan, como mínimo, tres horas de duración (obradoiros, ciclos de conferencias, mesas de traballo, outros a detallar): 1 punto por cada actividade

Máximo 3 puntos

5. Actividades directamente relacionadas coa educación audiovisual e a formación de novos públicos: 1 punto por cada actividade

Máximo 3 puntos

6. Porcentaxe total acreditada de ingresos procedentes de patrocinios privados, venda de entradas, rexistros e inscricións e venda de produtos propios do certame, sobre o orzamento total executado na edición inmediatamente anterior á da convocatoria

Máximo 6 puntos

Entre o 10 % e o 20 %

2 puntos

Máis do 20 % e ata o 30 %

4 puntos

Máis do 30 %

6 puntos

B) Calidade da programación, profesionalización do certame e repercusión da edición inmediatamente anterior á convocatoria

25 puntos

Programación e profesionalización: calidade e interese dos contidos, especialización e elementos diferenciais con respecto a outros certames, presentación de obras en estrea autonómica, nacional e internacional, incidencia e prestixio de cara a posterior circulación das obras presentadas, repercusión dos/das autores/as participantes, proxección a nivel nacional e internacional do certame, calidade e interese das actividades profesionais programadas, convivencia das actividades presenciais coas virtuais, calidade técnica da exhibición, grao de profesionalización da dirección artística e do equipo de programación, evolución cualitativa do certame

Ata 15 puntos para asignar segundo os aspectos mencionados, proporcionalmente e con motivación

Asistencia de público e repercusión: valorarase o número de espectadores detallando a asistencia física e virtual, a repercusión en medios de comunicación xerais e prensa especializada, o impacto en redes sociais e outras plataformas de difusión, a incidencia do festival no sector audiovisual galego e nos/nas autores/as galegos/as, a repercusión social e económica na contorna local de celebración do certame

Ata 10 puntos a asignar segundo os aspectos mencionados, proporcionalmente e con motivación

C) Valoración do proxecto da edición da convocatoria

30 puntos

1. Calidade e interese dos contidos propostos en canto a: liña editorial, obras programadas, presenza de autores/as, deseño de actividades paralelas de ámbito audiovisual e participación de profesionais do sector, accións dirixidas á participación e formación de novos públicos, medidas para favorecer a inclusión e accesibilidade, accións deseñadas para a contorna dixital, accións de sustentabilidade ambiental e outros aspectos que a persoa beneficiaria queira destacar para a mellor defensa do proxecto

Ata 10 puntos a asignar segundo os aspectos mencionados, proporcionalmente e con motivación

2. Deseño do plan de comunicación e impactos do festival

Ata 4 puntos, con motivación

3. Análise do plan de financiamento presentado e da estratexia deseñada para a captación de fondos propios de carácter privado

Ata 4 puntos, con motivación

4. Coherencia entre o orzamento total e o proxecto presentado atendendo á aplicación das partidas orzadas e ao equilibrio entre elas

Ata 4 puntos, con motivación

5. Porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento subvencionable do proxecto que se presenta (sen IVE). *Se a persoa solicitante é una entidade local, a porcentaxe de referencia reducirase en 20 puntos porcentuais

Máximo 8 puntos

a) Ata o 30 % (ata o 10 % no caso das entidades locais)

8 puntos

b) Máis do 30 % ata o 40 % (máis do 10 % ata o 20 % no caso das entidades locais)

6 puntos

c) Máis do 40 % ata o 50 % (máis do 20 % ata o 30 % no caso das entidades locais)

1 punto

2. As puntuacións mínimas segundo os bloques de criterios de valoración que a solicitude debe acadar para que poida ser proposta como subvencionable son as seguintes, debendo acadar como puntuación mínima total os 30 puntos, exixidos no artigo 6.e) das bases:

A) Historial do certame e valoración obxectiva da edición inmediatamente anterior á convocatoria

10 puntos

B) Calidade da programación, profesionalización do certame e repercusión da edición inmediatamente anterior á convocatoria

10 puntos

C) Valoración do proxecto da edición da convocatoria

10 puntos

3. Como puntuación adicional, en cumprimento do acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgarase ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

A) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Número de concellos agrupados: ata 5 puntos.

b) Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c) Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

– Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

B) Fusión municipal. Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Artigo 18. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, así como as solicitudes inadmitidas e denegadas e a súa causa, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A proposta do importe económico da subvención correspondente a cada solicitude será proporcional á porcentaxe de puntos acadados sobre os puntos totais posibles do cadro de valoración de criterios. No caso de que a suma das cantidades resultantes supere o crédito total dispoñible, aplicarase unha minoración proporcional aos puntos obtidos sobre ditas contías.

3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto) deberá ditar resolución expresa, no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa, das solicitudes inadmitidas, as desistidas, das persoas beneficiarias, da contía da axuda informando expresamente do seu carácter de minimis en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, así como a desestimación do resto das solicitudes que non resulten beneficiarias.

4. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 19. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

A) Persoas físicas beneficiarias ou entidades xurídicas privadas:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestes artigos reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzamentadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV).

c) Copia das facturas ou documentos xustificantes dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012 (na súa última redacción) polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, e copias dos documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

f) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.), ou certificados de asistencia de público.

g) Copia dos contratos mercantís e laborais celebrados con motivo da contratación de persoal directamente relacionado coa actividade, xunto coa correspondentes certificacións das altas na Seguridade Social, nóminas e copias dos boletíns de cotización.

h) Acreditación documental da colaboración da Agadic nos premios entregados (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

i) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros de mora destes, de acordo co disposto no artigo 48.2.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

j) Declaración de axudas (anexo VI).

B) Entidades locais beneficiarias:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestes artigos reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzamentadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV).

c) A presentación dunha conta xustificativa integrada:

– Pola certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Pola certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

c.1. O cumprimento da finalidade da subvención.

c.2. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c.3. Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, se considera que estas realizan os gastos cando se contabilizase o recoñecemento da obriga polo órgano competente e, ademais, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das entidades beneficiarias dos aboamentos da subvencións concedidas.

d) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.), ou certificados de asistencia de público.

f) Copia dos contratos mercantís e laborais celebrados con motivo da contratación de persoal directamente relacionado coa actividade, xunto coa correspondentes certificacións das altas na Seguridade Social, nóminas e copias dos boletíns de cotización.

g) Acreditación documental da colaboración da Agadic nos premios entregados (que presentarán todo tipo de persoas beneficiarias).

h) Declaración de axudas (anexo VI).

2. Establécense os seguintes prazos de xustificación:

– Para aqueles certames celebrados con anterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de xustificación será de tres meses contados desde a data de notificación da adxudicación de subvención.

– Para os demais certames o prazo de xustificación será de tres meses desde o día seguinte á data de finalización do festival.

En ningún caso o prazo de xustificación poderá superar o 31 de outubro de 2024. Transcorrido o dito prazo sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa ante a Agadic, a Axencia requiriralle que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

3. Considerarase gastos realizados os que foron efectivamente pagados ata a data de remate de xustificación determinado no artigo 8.1.

4. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser abonados nos prazos de pago previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

5. Cando ao beneficiario se outorgase a subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto que non poida presentalas, acreditarase o cumprimento dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 21. Pagamento da subvención

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados quedan exonerados da constitución de garantía, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece que o Consello da Xunta poderá eximir da obriga da súa constitución para aqueles beneficiarios non incluídos nos supostos de exoneración do artigo 65.4 do Decreto 11/2009.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e con Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

5. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada total ou anticipo a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos.

6. De conformidade co disposto no artigo 3.2 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, cando estas reciban pagamentos anticipados considerarase como gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na presente convocatoria.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore, comprometéndose a facer mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento e realización. A entidade comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice ao abeiro da axuda a imaxe corporativa da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa.

f) Comunicar por escrito con antelación suficiente a programación e demais actos co fin de que, se se considera oportuno, poida estar representada a Axencia Galega das Industrias Culturais a través das persoas que se designen para este efecto.

g) No material empregado como catálogos, publicacións, vídeos e demais material relacionadas con actividades dos festivais, nos actos públicos, as persoas beneficiarias comprométense a facer mención expresa da colaboración da Agadic no desenvolvemento dos festivais.

h) A emisión dun clip promocional do audiovisual galego editado pola Agadic antes de cada proxección do festival.

i) Facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións

j) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos, para poder optar ás subvencións, exixidos no artigo 4 da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Artigo 24. Reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente o anticipo percibido, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar a Agadic a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable.

c) Non comunicar a Agadic a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido na base vixésimo terceira punto 2.

d) Non xustificar ante a Agadic o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Agadic, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Procederá a perda parcial do cobramento da subvención o incumprimento parcial, entendendo por este sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, a Agadic poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

– No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora.

– No caso de incumprimento dalgunha das obrigas específicas das persoas beneficiarias establecidas na base vixésima segunda, reducirase un 2 % por cada incumprimento o importe da subvención e, se o caso, deberán reintegrases as cantidades percibidas en dita proporción.

5. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-
comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 26. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file