DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2024 Páx. 59

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434A).

BDNS (Identif.): 735465.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España. Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, e que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fora adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, este intervalo non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa. Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. Obxecto

Son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo e/ou están sendo explotadas.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434A).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como o grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso; nun abano que vai dende 200 euros/mes ata 800 euros/mes; e ata un máximo de doce mensualidades.

Para a concesión destas axudas destinaranse 5.399.994,00 euros, de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2024: 2.425.000,00 euros.

– Ano 2025: 2.974.994,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2024.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade