DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 226

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás explotacións gandeiras pertencentes á indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR515I)

BDNS (Identif.): 728961.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ás explotacións de gando bovino rexistradas no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia e inscritas na IXP Ternera Gallega, que tivesen animais rexistrados na dita IXP e que finalizasen o seu proceso produtivo durante o ano 2023.

Segundo. Persoas beneficiarias e requisitos

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas en Galicia, con exclusión das administracións ou entidades do sector público, que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser titulares dunha explotación de gando bovino inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia que estivese en estado de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2024, agás quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data.

En caso de fusión de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade do titular con maior antigüidade.

2. Que a explotación estea de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia no momento da solicitude da axuda.

3. Que a explotación estea inscrita nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega durante algún período do ano 2023.

4. Que a explotación teña animais rexistrados durante 2023 como Ternera Gallega (TG) ou Ternera Gallega Suprema (TGS) polo Consello Regulador que xestiona a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e, ademais, que finalizasen o seu ciclo produtivo dentro do dito ano.

5. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Terceiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas aos titulares de explotacións gandeiras inscritas nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, para compensar parcialmente os sobrecustos de produción destas explotacións, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MR515I).

Cuarto. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 22 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás explotacións gandeiras pertencentes á indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e se convocan para o ano 2024.

Quinto. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE núm. L 352, do 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Sexto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2024, de 12 millóns de euros (12.000.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Sétimo. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural