DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 207

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás explotacións gandeiras pertencentes á indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR515I).

O sector de vacún de carne é fundamental en Galicia pola súa importancia económica (abrangue preto do 15 % da nosa produción final agraria), social (máis de 20.000 familias teñen ingresos derivados desta actividade), demográfica (mantén poboación nas zonas rurais) e ambiental (as explotacións tradicionais realizan o pastoreo e aproveitan os seus recursos forraxeiros, polo que manteñen o uso agropecuario do territorio, frean a proliferación dos incendios forestais e mitigan o cambio climático ao actuaren como sumidoiros de carbono).

Ademais, os cebadeiros de vacún de carne son importantes en Galicia, xa que permiten cebar os xatos que proveñen das explotacións de leite que cruzan parte das súas vacas con touros de razas cárnicas. Desa forma, o valor económico xerado pola ceba deses tenreiros queda na nosa Comunidade Autónoma. Así mesmo, os cebadeiros teñen un importante efecto regulador no abastecemento do mercado, xa que permiten atender a demanda ao longo do ano e completar a produción das explotacións de ceba tradicional en épocas de escaseza.

O sector primario galego é un referente de calidade na nosa comunidade e fóra das nosas fronteiras. No caso da carne de vacún, este prestixio ten unha compoñente histórica e tradicional que se viu avalada pola creación da denominación Ternera Gallega, xa recoñecida en 1996 pola Comisión Europea como indicación xeográfica protexida. Forman parte da IXP Ternera Gallega máis de 8.500 explotacións gandeiras galegas, que representan a produción de carne de vacún de calidade que se obtén na nosa Comunidade Autónoma. Así mesmo, a carne amparada baixo o selo de calidade Ternera Gallega representa o 57 % da carne de vacún que se comercializa en España baixo unha denominación de calidade, resultado da boa consideración deste produto no mercado español, que o consumidor percibe como excelente desde todo punto de vista.

A compoñente principal desta percepción tan positiva son os dous modelos principais de produción, que dan lugar a dúas categorías comerciais: Ternera Gallega Suprema e Ternera Gallega, cada unha delas coas súas propias características.

No caso da carne certificada como Ternera Gallega Suprema (TGS), a súa produción presenta unhas características propias ligadas ao territorio e á tradición da crianza de gando vacún en Galicia. Entre elas destacan que as nais aleitan os becerros durante un mínimo de sete meses, que o resto da alimentación está baseada principalmente en pastos e forraxes, que a idade de sacrificio é inferior a dez meses e que os animais pasan toda a súa vida na explotación na cal naceron. Así mesmo, as explotacións adoitan ser de pequeno tamaño e ligadas maioritariamente á montaña galega.

Polo tanto, o cualificativo de Suprema é ben aquecido. O consumidor recibe un produto extraordinario na súa dimensión organoléptica, cunha orixe natural vinculada ao territorio, que respecta os tempos e a bioloxía do gando, e que axuda no mantemento da paisaxe tradicional galega, entre outros beneficios para o ecosistema. Porén, a crianza de becerros TGS ten un sobrecusto evidente en comparación con outros sistemas produtivos convencionais:

– O trinomio terra-vaca-tenreiro, que implica unhas necesidades de manexo específicas ligadas co aproveitamento dos pastos e das forraxes, coa alimentación do gando e coa súa engorda, e que tamén precisa maiores coidados e necesidade de man de obra no rural.

– O aproveitamento dos recursos forraxeiros e alimenticios propios (herba, silo, feo, cereais, gran, patacas, nabos, etc.), que obriga ao mantemento dos prados e pradarías e á rotación de cultivos, afectados pola suba dos prezos das sementes, fertilizantes, carburantes, etc.

– A realización do pastoreo, xa sexa nos sistemas extensivos ou nos semiextensivos, que implica peches parciais das pradarías para facelo rotatorio e protexer o gando da fauna silvestre.

– O aproveitamento do pasto provoca o movemento e traslado frecuente dos animais duns pastos a outros, como consecuencia do marcado minifundismo galego. Estes cambios xeran sobrecargas de traballo e incrementan as horas de man de obra.

– O aleitamento co leite materno durante a maior parte da vida dos xatos, que lle proporciona á carne de TGS unhas características lipídicas e un sabor suave propios, pero que tamén xera un sobreesforzo nos coidados e no manexo do rabaño, ademais de reducir os ingresos pola non comercialización de leite.

– A necesidade de facer un acabamento dos xatos, cando menos nos dous últimos meses antes do sacrificio, para acadar un grao de engraxamento suficiente, fai necesario dispoñer de cortes e instalacións pechadas onde facer o acortellado dos tenreiros e, ademais, dispoñer de moegas e comedeiras móbiles selectivas, distribuídas polo pasto. En ambos os dous casos, isto implica investimentos e custos adicionais.

– O sacrificio a idades temperás favorece unha carne tenra e zumarenta como características diferenciais, pero tamén impide que se aproveite a capacidade produtiva dos tenreiros cando están na súa plenitude de idade e crecemento.

Por outra banda, baixo a categoría Ternera Gallega (TG) certifícase a carne procedente de tenreiros que se destetaron a diferentes idades, alimentados a base de forraxes e concentrados autorizados polo Consello Regulador, e que se sacrificaron antes dos doce meses de idade. Así, a outra compoñente principal da IXP corresponde aos cebadeiros, que crían animais nados na súa maioría noutras explotacións e cun aleitamento mínimo.

Os requisitos de produción dos animais TG, aínda que diferentes e menos exixentes que os de TGS, seguen sendo superiores aos de produción de animais estándar. Neste caso cómpre destacar que a alimentación dos tenreiros se fai con concentrados autorizados polo Consello Regulador, os cales deben ser de orixe vexetal e estar compostos por materias primas habituais na produción gandeira galega, cun predominio dos cereais sobre o peso total dos pensos (mínimo dun 60 % de grao de cereais en exclusiva, ou dun 65 % de grao de cereais e derivados), co agravante de que o prezo dos cereais é un dos que máis se incrementou nos últimos tempos.

Ademais, na procura da excelencia na produción, o Consello Regulador puxo en marcha recentemente un protocolo de benestar animal Ternera Gallega, que afecta principalmente o coidado dos animais e as instalacións de cría e ceba e xera gastos derivados da adaptación desas instalacións e tamén do manexo máis minucioso dos animais. As prácticas gandeiras deben favorecer o benestar dos tenreiros, con espazos amplos e liberdade de movementos, entre outras medidas.

Aínda que este protocolo xa se vén aplicando en moitas das explotacións de TG e TGS desde hai dous anos, o Pleno do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega aprobou recentemente a posta en marcha da modificación do seu prego de condicións para facelo obrigatorio en todas as explotacións, de tal xeito que estas presenten en todos os casos uns parámetros de benestar animal superiores á normativa obrigatoria para o sector.

O exposto anteriormente pretende amosar que as condicións para producir animais baixo as categorías TGS e TG supoñen un significativo incremento dos custos de produción en relación coas gandarías estándar. Isto é especialmente certo no caso de TGS, baseado no modelo tradicional con vacas nais, modelo sen lugar a dúbidas ancestral e con séculos de historia, pero á vez recoñecido pola calidade da carne que se obtén dos tenreiros criados nesas condicións.

Como resultado dos condicionantes citados, o incremento dos custos produtivos no caso de TGS con respecto aos modelos estándar de produción de carne de vacún é unha realidade, que se agravou máis nos últimos dous anos polo encarecemento das materias primas como consecuencia da invasión rusa de Ucraína e afondou na dificultade de trasladar a totalidade do aumento dos custos de produción ao seguinte elo da cadea de valor, a partir de 2020, co inicio da crise económica derivada da pandemia provocada pola COVID-19.

A consecuencia final é que, na actualidade, o modelo tradicional de produción de carne de vacún de calidade con vacas nais en Galicia presenta unha rendibilidade negativa e está nunha situación de debilidade e cun risco significativo de peche de explotacións. De aí a necesidade de apoiar o sector, cunha axuda directa, de carácter anual e extraordinaria, que palíe a súa situación conxuntural e garanta a súa viabilidade e continuidade produtiva, tamén pola súa enorme importancia social e ambiental no ámbito rural galego.

No caso de TG, os custos produtivos, ademais de ser superiores aos dos modelos estándar de produción de carne de vacún en cebadeiros, tamén son suficientes para poñer en perigo a viabilidade dos cebadeiros existentes en Galicia, dadas as súas escasas marxes económicas. A continuidade da guerra en Ucraína segue a provocar importantes flutuacións do custo dos cereais e, polo tanto, dos gastos de alimentación dos animais; custos que, como xa se dixo, na situación económica actual son difíciles de trasladar completamente aos consumidores. Polo tanto, ante a situación de debilidade e risco de peche de cebadeiros, tamén é necesario apoiar este modelo produtivo, cunha axuda directa, de carácter anual e extraordinaria, que palíe a súa situación conxuntural e garanta a súa continuidade produtiva en Galicia.

Por outra banda, a resiliencia do sector agrario debe basearse no mellor das súas producións, pois as tendencias xerais de consumo apuntan a un incremento das exixencias da sociedade nos efectos globais directos e indirectos da produción primaria e na súa calidade, a pesar da desaceleración desta tendencia, provocada polas dificultades económicas dos últimos tempos.

De acordo con isto, as políticas agrarias deben orientarse á promoción e apoio das producións con maior potencial de demanda no futuro a medio prazo, que dean un maior valor engadido ao agro galego, de xeito que se garanta a continuidade económica, social e territorial das explotacións agropecuarias.

Con base nas consideracións anteriores, procede conceder unha axuda ás gandarías inscritas na IXP Ternera Gallega, nunha parte das contías derivadas dos sobrecustos que as diferencian das gandarías estándar, e que non son asumidos aínda polos seguintes elos da cadea alimentaria. No caso de TG, o sobrecusto corresponde fundamentalmente a melloras no benestar animal e á alimentación. No caso de TGS, ademais dos sobrecustos derivados das melloras no benestar, hai que engadir os atribuíbles ao sistema de manexo, ás melloras da calidade e ao custo de oportunidade, entre outros.

A Consellería do Medio Rural ten atribuídas as accións referentes aos sistemas de produción agraria e de conservación do medio rural, segundo o establecido no Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Por outra banda, as axudas desta orde outorgaranse ao amparo do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas aos titulares de explotacións gandeiras inscritas nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, para compensar parcialmente os sobrecustos de produción destas explotacións, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MR515I).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ás explotacións de gando bovino rexistradas no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia e inscritas na IXP Ternera Gallega, que tivesen animais rexistrados na dita IXP e que finalizasen o seu proceso produtivo durante o ano 2023.

Artigo 3. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas en Galicia, con exclusión das administracións ou entidades do sector público, que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser titulares dunha explotación de gando bovino inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia que estivese en estado de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2024, agás quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data.

En caso de fusión de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade do titular con maior antigüidade.

2. Que a explotación estea de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia no momento da solicitude da axuda.

3. Que a explotación estea inscrita nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega durante algún período do ano 2023.

4. Que a explotación teña animais rexistrados durante 2023 como Ternera Gallega (TG) ou Ternera Gallega Suprema (TGS) polo Consello Regulador que xestiona a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e, ademais que finalizasen o seu ciclo produtivo dentro do dito ano.

5. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 5. Contía da axuda

1. A contía individualizada da axuda para cada persoa física ou xurídica beneficiaria será, como máximo, de 200 € por animal TGS subvencionable e de 36 € por animal TG subvencionable.

2. Serán subvencionables os animais que estiveron rexistrados durante o ano 2023 na IXP Ternera Gallega, que finalizaron o seu ciclo produtivo no marco desta IXP dentro do dito ano e que cumpriron todos os requisitos específicos exixidos ás categorías TGS ou TG.

3. Non se concederán axudas superiores aos 20.000 € por persoa titular e, no caso de persoas titulares que teñan varias explotacións, computaranse na axuda os animais rexistrados subvencionables existentes en todas elas.

No caso de persoas titulares que só teñan animais TG subvencionables, o límite da axuda será de 10.000 €.

No caso de persoas titulares que produzan animais subvencionables de TGS e de TG, a axuda calcularase cos importes sinalados para cada categoría de animal, co límite dos 20.000 € por persoa titular, pero respectando que o importe correspondente aos animais subvencionables como TG non poderá superar o límite mencionado dos 10.000 €.

4. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ás axudas solicitadas por todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. En todo caso, o importe máximo que se percibirá, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, para un período de tres exercicios fiscais (o actual e os dous anteriores), non poderá ser superior ao establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (de ser o caso).

c) NIF da persoa xurídica solicitante.

d) NIF da entidade representante (de ser o caso).

e) Rexistros do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

l) Datos e estado das explotacións gandeiras das persoas solicitantes no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia.

Os datos da letra e) serán facilitados polo Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega, mediante a certificación correspondente, unha vez recibidas e examinadas as solicitudes.

Os datos da letra l) xa figuran en poder da Administración. Serán comprobados de oficio polo órgano xestor mediante a consulta realizada á aplicación Regan da Consellería do Medio Rural.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Recibidas e examinadas as solicitudes, o órgano xestor solicitará ao Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega a certificación de que as explotacións das persoas solicitantes estiveron inscritas nos rexistros do dito Consello Regulador durante o ano 2023, así como do número de animais rexistrados como TGS ou TG durante o dito ano, e que finalizaron o seu proceso produtivo e cumpriron todos os requisitos específicos exixidos ás categorías TGS ou TG. Coa solicitude de axuda presentada entenderase que as persoas físicas ou xurídicas titulares posibles beneficiarias autorizan a Administración a realizar a consulta, e a IXP a facilitar a mencionada información.

3. Efectuadas as comprobacións e análises pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase para o efecto un órgano colexiado, integrado por tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefatura de negociado, unha das cales actuará na función de secretaría, e que estará presidido pola persoa titular da xefatura do servizo ou por unha das xefaturas de Área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación das persoas solicitantes para as que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daquelas para as que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, a persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

4. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007.

4. Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013).

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único, a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación das axudas, e que producirá os efectos da notificación.

Artigo 13. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 10.4, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor un recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

Tendo en conta a natureza e os fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa prazo de xustificación da subvención por parte da persoa beneficiaria, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda, figuran nas bases de datos oficiais do rexistro de explotacións gandeiras ou son certificados polo Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega.

A xustificación da subvención operará de maneira automática coa comprobación dos requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes da axuda, e coa certificación emitida polo mencionado Consello Regulador. Deste xeito, despois de analizar e validar as solicitudes de axuda e a referida certificación, resolverase e pagarase a axuda.

Artigo 15. Modificación das resolucións de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.4 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2024 de 12.000.000 € (doce millóns de euros).

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2024, no momento da resolución.

Artigo 17. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento, nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003.

Artigo 18. Incumprimentos

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa ou entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 19. Control

As persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que realice calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Compatibilidade das axudas.

A percepción das subvencións previstas nesta orde será incompatible coa de calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file