DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1647

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341D).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten entre as súas funcións apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención. Co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7ª da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas ou non suficientemente representadas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na comunidade autónoma.

Cabe sinalar tamén que o Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo que se establece un novo sistema de cotización para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomos e se mellora a protección por cese de actividade, regula un sistema de cotización por ingresos reais e a mellora da protección social das persoas traballadoras por conta propia ou autónomos, prevendo a implantación desta modificación a partir del 1 de xaneiro de 2023, de forma gradual, hasta un máximo de nove anos. O mesmo Real decreto lei 13/2022 procede á modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, dando unha nova redacción ao artigo 38, ao que se engade o apartado ter.

Así, o citado artigo 38.ter determina que a cota reducida por inicio de actividade será aplicable durante doce meses naturais completos a todas aquelas persoas que inicien a súa actividade por conta propia. Pasado ese período, e conforme o seu punto 2, esa cota reducida poderá estender outros doce meses más si a persoa traballadora autónoma presenta ingresos por debaixo do salario mínimo interprofesional (SMI), mentres que as que superen ese umbral empezarán a cotizar de acordo ao tramo de cotización que lles corresponda.

Cabe tamén ter en conta o Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego, que establece os contidos esenciais que deben formar parte dos mismos e que regula os programas comúns do conxunto do Sistema Nacional de Emprego e regula na súa sección 5ª programas do eixo 5 «Emprendemento», subsección 1, os programas de fomento do emprego autónomo.

A presente orden recolle dúas liñas de subvencións: a liña 1, consistente nunha subvención para o inicio de actividades económicas das persoas traballadoras autónomas, e a liña 2, consistente nunha axuda equivalente ao custo da cota reducida prevista no pagamento das cotas das persoas traballadoras por conta propia regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo.

De acordo co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de promoción do emprego autónomo.

O programa para a promoción do emprego autónomo estará cofinanciado pola Unión Europea, nunha porcentaxe do 60 por cento, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular no Obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; Prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; Obxectivo específico ESO4.1: «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social» e Medida 1.A.01: «Axudas para apoio a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia».

A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

En canto ao procedemento de concesión establécese un procedemento que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, informado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de simplificación administrativa e da Intervención delegada da Comunidade Autónoma, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo en Galicia (TR341D) e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

2. A finalidade deste programa é a concesión de 2 liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.

3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e os gastos de mantemento da actividade, que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, ambos inclusive.

Establécense 2 liñas de axudas:

a) Liña 1: unha axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma.

b) Liña 2: unha axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme ao disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. Ademais do previsto no punto 1, resulta de aplicación a seguinte normativa específica: Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021 polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013 e normas de subvencionalidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamento

1. As axudas previstas nesta orde se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.322C.472.0, código de proxecto 2023 00102, cun crédito de 28.956.500 euros para o exercicio económico 2024. Este crédito orzamentario está recollido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023, e queda desagregado da seguinte forma:

– Liña 1: axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma: 19.356.500 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.322C.472.0 no código de proxecto 2023 00102.

– Liña 2: axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo: 9.600.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.322C.472.0 no código de proxecto 2023 00102.

De acordo co disposto no artigo 25.2 e 25.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 23 de xuño, de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ao ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

2. Ambas liñas estarán cofinanciadas pola Unión Europea, nunha porcentaxe do 60 por cento, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, no Obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; Prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; Obxectivo específico ESO.4.1 «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social» e Medida 1.A.01: «Axudas para apoio a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia».

3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

4. O Programa para a promoción do emprego autónomo fai unha distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas a cal será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2018-2022, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos; Ao abeiro disto, en cada unha das provincias galegas a repartición dos anteditos importes por aplicación orzamentaria realizarase en atención ás seguintes porcentaxes: A Coruña: 33 %, Lugo: 17 %, Ourense: 17 % e Pontevedra: 33 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 8 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

5. Para este programa no suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, procederase a realizar un reparto proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

6. Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria que se tramitará como modificación da mesma, segundo previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o artigo 30 do seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de maneira que o incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. Os créditos sobrantes dunha liña poderán ser empregados na outra liña.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, previo informe favorable por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

1.1. Para a liña 1:

a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta anterior como persoa traballadora autónoma nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

c) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.

d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade a solicitude da axuda.

1.2. Para a liña 2:

a) Ser persoa autónoma beneficiaria da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, no momento de presentación da solicitude.

b) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

c) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

d) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.

e) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

f) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade a solicitude da axuda.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, os administradores e as persoas autónomas colaboradoras.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme á Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto nas letras f), g) e h) do artigo 14.1.

Artigo 6. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Persoa desempregada de longa duración, aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscripción como desempregada no Servicio Público de Empleo de, polo menos, 360 días durante os 540 días anteriores a alta no RETA ou mutualidade do colexio profesional correspondente;

3. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.

4. Persoa con discapacidade ou dependencia: aquela que teña recoñecido pola Administración competente ben un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % ou un grado de dependencia segundo a lexislación vixente.

Segundo o artigo 4.2 do Real decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, modificado pola Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, tamén se considera que presentan unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 por cento as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao total, absoluta ou gran invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubiliación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade ou dependencia realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou de que a discapacidade ou a dependencia fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade ou da dependencia.

5. Comunidade de bens, sociedade civil ou outras entidades xurídicas sen personalidade xurídica de nova creación, aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 30 de setembro de 2023, segundo a data en que se dea de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

6. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra, Vigo.

7. Persoas en situación ou risco de exclusión social: Para os efectos deste programa terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia no momento da solicitude, ou membros da súa unidade de convivencia, ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Equipáranse ás persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia as persoas perceptoras do ingreso mínimo vital no momento da solicitude.

8. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e a descendencia de primeiro grao das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

9. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.

10. Persoa trans: toda aquela persoa que se identifique cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

11. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2016-2020 nos grupos ocupacionais segundo a nova Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO-11) publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que no ano 2020 reflicten valores de contratación inferiores ao 40 % de representación feminina e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

Artigo 7. Subvencións baixo as condicións do réxime de minimis

1. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros no período dos tres anos previos.

3. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude que figuran como anexo I xunto coa documentación e no prazo establecido nesta orde.

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa, no caso de que algunha persoa presentara unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta favorablemente.

6. No anexo I vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:

a) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

b) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que non foi excluído/a do acceso aso beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba a o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións no orde social.

g) Que coñece que as axudas solicitadas nesta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 60 %.

h) Que posúe a capacidade administrativa, financieira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

i) Que coa presentación da axuda acepta a subvención.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo iníciase o día 16 de xaneiro de 2024 e remata o 30 de setembro de 2024.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Liñas de axuda e contía da subvención

Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do seu emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese dúas liñas de axuda compatibles entre si.

1. Liña 1: unha axuda para apoiar ás persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custes simplificados asociado á operación coas seguintes contías:

1.1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

1.2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

a) Persoas menores de 30 anos.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.

d) Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

e) Persoa desempregadas que teñan a condición de emigrante retornada.

f) Persoa desempregadas que teñan a condición de estranxeira.

g) Persoas maiores de 52 anos.

1.3. A contía base correspondente incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra g) do punto 1.2 deste artigo).

d) Persoas trans.

e) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes cinco incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 7.000 €.

1.4. Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante; En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo entenderase que solicita pola contía base mínima.

2. Liña 2: unha axuda para a sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas, equivalente a contía da cota reducida regulada no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, multiplicada por 12, e sempre que se acollan á citada redución. O importe da dita contía será o determinado polo Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo se establece un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos e se mellora a protección por cese de actividade.

3. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente na aplicación de custos unitarios para cada unha das liñas conforme ao disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Para a liña 1:

a) Alta definitiva no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).

d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

e) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

f) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

1.2. Para a liña 2:

Ademais da documentación recollida no punto anterior (1.1, letras a), b), g):

a) Acreditación de ser persoa beneficiaria da cota reducida prevista no pagamento das cotas das persoas traballadoras por conta propia regulada no punto 1 artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo (boletín de cotización ou calquera outro documento que acredite ser persoa beneficiaria da citada cota reducida).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán acadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Vida laboral dos últimos 5 anos no réxime especial de traballadores autónomos.

d) Alta no imposto de actividades económicas.

e) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Certificado de domicilio fiscal en Galicia con anterioridade a data de solicitude da axuda.

j) Condición ser persoa beneficiaria da bonificación ou reducción prevista no punto 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

m) Consulta de concesións pola regra de minimis.

n) Consulta do código de conta de cotización.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE+ que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para consultar a información (da Administración pública competente) relativa ao cumprimento do mantemento do emprego e da forma xurídica.

Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O fin último deste programa é a promoción do emprego autónomo a través do outorgamento de axudas que contribúan a que as persoas autónomas fagan fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral, polo que para facilitar o financiamento dos proxectos de autoemprego subvencionados ao abeiro desta orde se establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data na que se presentara a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.

2. O órgano instrutor dos expedientes serán os Servizos de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competentes por razón do territorio, que instruirán os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta nin impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear a manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos ós procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal; no caso de solicitudes con domicilio fiscal fora de Galicia a competencia será da xefatura territorial onde se tivera presentado a solicitude.

Artigo 18. Resolución da concesión

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan a persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo as manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita polo persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos esixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 22, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ao terse aceptada coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. En todo caso, deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento no que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pago da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Tamén se lle informará á persoa beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente por razón do territorio.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos regulamentos UE 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Forma de pago e xustificación

1. O abono das subvencións reguladas nesta orde para as liñas 1 e/ou 2 realizarase polo cen por cento do importe da axuda concedida, unha vez comprobados os requisitos exixidos, en concreto, os referidos ás débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social; O cumprimento do resto dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

2. No prazo máximo de 3 meses desde a recepción da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar, electronicamente a aplicación desta axuda aos gastos subvencionables, segundo o modelo previsto no anexo II, sen prexuízo do establecido no artigo 30 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente na aplicación de custos unitarios, para cada unha das liñas, conforme ao disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3. a).i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

e) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de vinte e catro meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade:

e.1) Por motivos económicos alleos a vontade do persoa beneficiaria sempre que sexan superiores a contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentencias xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuitos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións...

e.2) Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licencia administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.

f) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.

g) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería correspondente; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores).

i) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos nos que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

j) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior a finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data na que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

k) Subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei. O incumplimento desta obriga determinará, no seu caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

l) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Seguimento e control

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta orde, no suposto de teren a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autoriza á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

3. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Ademais, como consecuencia do cofinanciamento polo FSE+ das axudas previstas nesta orde, as persoas beneficiarias, someteranse ás actuacións de comprobación e control e deberán facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 24. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 25. Incompatibilidades e concorrencia

A subvención establecida neste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no Programa Nova Oportunidade que se convoque no ano 2024 co programa Emega 2024 para o fomento do emprendemento feminino, convocadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como con outras que, polos mesmos conceptos e para a mesma finalidade poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Tamén serán incompatibles coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2024 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónomo galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total das axudas concedida ao abeiro do artigo 5 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 22.e), de mantemento da alta no RETA ou mutualidade durante un período de vintecatro meses.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 22.e) de manter a alta no RETA ou mutualidade durante vintecatro meses, pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos vintecatro meses.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 22, alínea f), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo dun ano.

5. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 22 alínea b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 22, alínea b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

8. Procederá o reintegro do 2 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

9. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

10. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 22, alínea i).

11. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obriga de presentar a documentación establecida no artigo 22.2.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei.

Artigo 28. Comunicación de feitos constitutivos de fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada ao efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

En tanto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nas xefas e xefes territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

missing image file
missing image file

ANEXO III

(continuación)

missing image file

ANEXO III

(continuación)

missing image file

ANEXO III

(continuación)